20130831

Aniversario da SGHN

Hoxe é un día deses que a historia pequena non pode deixar pasar, aínda que pareza totalmente oculto no seu significado para a historia que se conta nos telediarios. Por un aviso da Galipedia, decátome de que hoxe hai corenta anos da fundación da Sociedade galega de historia natural, unha institución que é básica para que Galicia manteña a súa natureza e a coñeza. Máis? Na súa web.

20130828

Apaga e segue: Apaga encende

APAGA e a Asociación de profesores de automoción de Galicia. Hoxe comezou no hotel O Cabazo o seu forum 2013, con setenta inscritos de toda a xeografía galega. É o segundo foro, que contará ademáis dos talleres e as charlas de hoxe a venres, o mesmo venres, sábado e domingo cunha exposición de coches antigos no mesmo lugar. Membros de APAGA teñen fundado hai tempo as xornadas de automoción que levan traído durante dúas décadas, ano a ano a preto de unha centea de profesores de automoción a Ribadeo. Xornadas que enlustraron o nome do IES/CIFP Porta da Auga ata que foron expulsadas da oficialidade para chegar a unha situación de mero interese dos participantes. Na mesa inaugural, a participación política redúxose a un concelleiro ribadense, despois de volver as costas diferentes administracións con intereses educativos e ser arroupadas por unha morea de empresas que asombra para unha actividade formativa en Ribadeo.

Os foros continúan con boa saúde despois de recoller o pulo das xornadas (cambio de nome obrigado polo desentendemento e oposición institucional), como se pode ver na foto dunha das actividades desta mañá. O que unha morea de profesores e xente interesada na tecnoloxía automotriz de achegue a Ribadeo pode ser interesante para o pobo, pero non deixa de ser unha consecuencia de que esa xente esteña interesada nunha formación de calidade que lle subministra un foro xurdido da iniciativa asociativa made in Ribadeo; non foi un político quen inaugurou as xornadas: foi o presidente de APAGA, Álvaro Doural.
O contido das xornadas, formación de formadores, é algo que en teoría se tentaría potenciar a nivel estatal para mellorar o rendemento do traballo ... en teoría, a nivel estatal.

20130827

Divide e vencerás. Ou era 'vence e adícate a dividir para facer o que queiras'?

A práctica política está tan aquelada que xa non se sabe se rir ou chorar, se protestar ou non dar importancia ás cousas. Quizáis é iso o que se pretenda, o 'pase' xeralizado da política para que se encarguen dela os 'profesionais'. Eu son disa opinión, matizando que non se trataría dun movemento organizado, senón dun movemento interesado persoa a persoa de quenes o practican.
A cousa ven á montaxe que se está agora a realizar en Riotorto e no que se ve implicado Ribadeo. Deixemos unha marxe á distorsión da nova no seu paso ó papel ou á pantalla, xuntemos as forzas renovadas de ataque ó comezo dun curso político, as forzas e recursos limitado destes tempos que corren en comparación a hai uns anos, misturesmos todo, remexamos, e ... voilá! Unha nova polémica ex nihilo na que de paso, pode saír perxudicado Ribadeo.
Unha volta feito o primeiro comentario, quede claro que é unha impresión a raíz dunha nova nun xornal sobre unha acción política nun concello que nin é limítrofe con Ribadeo. E logo, xúlguese.

20130826

Gandhi en Ribadeo un luns pola mañá?

No seu momento, a relación político-social cambiou lixeiramente coas prácticas de Gandhi, que introduxo de xeito práctico a non violencia fronte a unha violencia institucional. En España o que chaman democracia e non o é está facendo experimentar á poboación, a nós, un abano de prácticas, dende a violencia (pouca, estimo) ata o apartarse do mundo na procura dun nirvana (tamén pouco, no outro extremo), pasando por cousas como a protesta nos bares (demasiada), activismos diversos, renuncias varias, etc. Tamén a consecuencia desa procura estoume atopando na rede desde manuales de violencia urbana a algo máis gandhiano, relativamente. Isto é o que deixo hoxe: o manual de desobediencia civil, económica e integral. Non é exactamente gandhiano, senón unha segunda edición de algo que ten múltiples funcións aínda que non se chegue a aplicar  ó comezo. Algo que non está dirixido exactamente contra a merda de contaminación política que temos, senón que vai máis aló, tentando procurarlle as cóxegas ó sistema que permite tal dexeración. Claro que, mentras non se aplique cunha masa crítica abonda, quedarémonos sen saber se é unha posibilidade de alternativa ou sinxelamente é un exercicio de virtuosismo.
De calquera xeito, a descomposición do entramado político cólase ata Ribadeo, como estamos a ver dede hai tempo, pero últimamente máis ó xeito do que pasa en España enteira (e cada vez máis, vése que España máis que unha excepción, é un paradigma dunha maioría na que cada caso ten a súa especificidade), o que fai máis acuciante o uso de pequenos xestos. Gandhi non vai vir a Ribadeo: xa morreu, xa o mataron. Teremos que procurar as nosas propias vías, sen illarnos nun mundo cada vez máis conectado, tendo en conta aquela orde tan útil que nos di 'actúa de xeito local, pensa de xeito global'.

20130823

Ria e tesón, edición 2013

A ría, un ano máis. As fotos corresponden a marea moi baixa, hoxe, arredor das 12:45, (a marea baixa na zona dos bloques debeu corresponder ás 12:55). A destacar que a altura da area no tesón fronte ó porto de Mirasol acadaba 1,20 m en relación á auga, e que o ancho da lingua entre a parte do tesón de Mirasol e a da Vila Vella, uns 150 m. O río que se forma na lama dos bloques testemuña como se vai debilitando o fondo da parte recheada.




Un par de entradas semellantes en 2012: http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/08/os-tesons-da-ria-de-ribadeo.html; http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/07/a-ria-de-ribadeo-unha-vez-mais-e-outra.html

20130821

Presentación refrescante

Cóllolle á Casa das Letras o cartel, modifícoo un pouco e extraio a portada:

Coido que será un libro refrescante, a presentar o próximo martes.

20130818

Unha finde diferente

Onte o Ribadeo FC cumpriu 100 anos. Coido que é unha nova etapa para un clube en forma. Celebracións, si, pero as xustas nunha é poca de crise e cun equipo que coido valora o esforzo actual máis que o recrearse nun pasado por bo que sexa. Sen esquecer o pasado, claro.
Iso, non esquecer o pasado, é o que fai que hoxe se celebre o día da Galiza Mártir. Os represaliados ribadenses recibirán unha homenaxe ás 12 no Cantón.
Mentras, o Sol xa siu e promete un día buscando sombra.
Despois da chamada virxe de agosto e o San Roque, un domingo para rematar unha finde con bo tempo na que se comezan a despedir os primeiros veraneantes...

20130817

San Roque 2013

Moita xente, coma sempre. A organización, coma nunca. Entendámonos: non é unha cousa de valoración da organización, senón a constatación de que este ano as festas de San Roque pasaron a independentes, a ser organizadas por unha asociación de hostaleiros de San Roque recén creada. Para promover a festa e sacar algún carto fixeron unha camiseta co can de San Roque co rabo cortado, e triunfou.
A banda actuou como todos os anos dende o ano 1992. E, un ano máis, houbo queixas sobre a falta de respeto do público por parte do mesmo público. Algo difícil de solucionar, polo que parece.
A nova esperada do día (aínda que xa sospeitada e rumoreada a súa solución) era a saída dun novo cabezudo cos cocos.
A nova cabeza era a do Marqués de Sargadelos. E con ela, tamén algunha voz disonante, chamando a atención sobre a falta de respeto. Supoño (polo que me dixo algunha persoa) que na próxima semana sairá o escrito correspondente na Comarca. Coido que, en xeral, foi celebrada como unha figura máis.
A figura foi feita por Carlos Pérez Martínez.

20130816

Ribadeo móvese

Estamos no pico do verán, a virxe de agosto e San Roque. Ribadeo está a rebosar, e o tempo, sen ser unha marabilla para os visitantes, non está nada mal. Actividades non faltan, dende os concertos do fimr ó da banda hoxe en San Roque, pasando por Zahara mañá, acompañado das actividades deportivas como a travesía de kayak de mar este fin de semana (atención, con categoría para principiantes) ou a carreira de Santa Cruz o 31 (por non falar dos que prefiran facer deporte sentado estilo fútbol) e culturais, festeiras, de concienciación (o formigueiro, tódolos xoves de agosto), ...
Por certo, falando de concienciación, non entendo como a nota de prensa da alcaldía sobre o rebose de Ribadeo mete unha foto na que se ven ristras de coches mal aparcados (suponse que sen que pase nada; a foto é subministrada polo concello)

20130815

Un vídeo sobre a polémica xira 2013

Un vídeo gravado para pulsar opinións da polémica sobre a Xira na Xira. Poderase estar de acordo cuns ou cos outros, pensar que se lle podía adicar máis peso a unhas ou outras opinións, ou facelo doutro xeito e con outra posta en escea, pero coido que a idea de base é boa, e a realización, tamén. E cousas como oír como un madrileño chama paletos a outra xente porque non pensan coma el, unha lembranza de que non todo vale.
Por certo, dicir que cheguei ó vídeo de Fary a traverso de Santi e Mariano en Facebook.

20130813

Ribadeo, domingo, será republicana

Isa sería a pretensión dos convocantes ó acto do cartel. Coido que non estasrán sós, e máis aínda cando hai poucos días descubrín nun local de Barreiros a bandeira da 'República galega', saída de onde se explica neste vídeo.
Quizáis se note un pouco de descoordinación entre as tres citas (as dúas ligazóns) e a do próximo domingo, pero iso da coordinación é algo que se pode amañar conversando sobre a idea. Que se pode, non que remate amañado ...

20130812

Pasando o verán ...

A choiva de hoxe lémbrame que, como dixen a finais de xullo, estou nos preliminares dun estudo de comparación sobre as previsións de Aemet e Meteogalicia para Ribadeo, collendo as previsións a tres días. Tardará aínda en rematarse (espero que remate como traballo de clase dos meus alumnos), pero polo momento Meteogalicia é máis exacta en temperaturas e en choiva previstas, como se ve embaixo (ó mellor non se entenden moi ben as gráficas, pero si se ve que os puntos de chuvia están máis aliñados nunha que na outra, e que as desviacións da táboa -que indican a desviación media en temperaturas previstas- tamén son menores no caso de MeteoGalicia).
Volto repetir que aínda queda para que a comparación teña xeito, pero polo momento, para Ribadeo, e a tres días vista, é o que hai.

20130809

Presentación do DVD 'A Mariña dende o ceo'-A Mariña Oriental e Riotorto

Tiña recibido unha invitación de El Progreso e a Deputación de Lugo para a presentación dos DVD A Mariña dende o ceo, para onte, no cine teatro. Puiden ir, e coido que en agradecemento debo ser obxectivo.
O acto desenvolveuse no cine-teatro de Ribadeo a partires das oito e media máis preto dun cuarto de hora de retraso, quizáis debido a que faltaba alguén, quizáis a que a que faltaba era a xente, pois parece que ambas circunstancias se daban nunha sá na que tería cabido cinco veces máis xente deixando aínda sitios libres, aínda que era evidente que non facía falta invitación para entrar. Á entrada, unha azafata repartía periódicos, e á saída, o DVD.
O DVD realizouse a partires das tomas de vídeo dun cuadricóptero, que estaba amosado no esceario. A vicedirectora de El Progreso falou despois do alcalde, finalizando o vicepresidente da Deputación. Diría que non todos viron o produto que estaban a presentar antes de falar; en todo caso, as charlas ante presentación soen ser xerais, o que facilitan que sexan atinadas sen pedirlles máis, e así resultou.
Logo viu a proxección do vídeo - que se poderá mercar co xornal mañá sábado como lembrou o alcalde- e o silencio fíxose. As primicias ás veces decepcionan, pero non por iso deixan de ser primicias, e este vídeo así hai que consideralo. A proxección, de case dazasete minutos e medio de alta definición, non chegou a estar en pantalla completa nin a imaxe totalmente dentro da pantalla, o que non fixo un bo efecto. Está dividido en seccións independentes para praias, vilas e cada un dos concellos, que neste primeiro DVD presentado son os da Mariña Oriental. Cada sección ten unha montaxe independente, incluídos parte dos créditos, o que causa un efecto raro, pois o DVD está concebido para pasar secuencialmente de comezo a fin, sen seccións. As vistas son curiosas, novedosas algunhas e outras suprimibles.
O certo é que a min, saíndo agradecido, non me deixou bo sabor de boca algo que coido que podería facerse moito mellor con nada máis de esforzo. É só unha opinión... As vistas a baixa altura (ás veces, non tan baixa) tomadas co cuadricóptero ofrecen moitas posibilidades, e é doado augurar que en non moito tempo faranse cun oco na promoción turística da zona, pode que mesmo collendo tomas moi concretas das presentadas onte.

20130808

Participación cidadá? Non está de moda!

Para pensar no verán: http://www.allariz.com/recursos/Regulamento_Participacion_Cidada.pdf ... e iso que ten xa perto de 20 anos, aínda que Ribadeo esteña a ... anos luz.
Abondo máis curto, claro, sinxelo, que o proposto en Ribadeo, e na liña do proposto no seu día pola mesa de asociacións.

20130807

Nota de prensa de O Tesón: O cartafol 'ría de Ribadeo', un éxito


Na avv O Tesón estanse a recibir mostras de agrado pola publicación do cartafol de cartas da ría de Ribadeo dende o mesmo día da presentación. Os comentarios van dende o recoñecemento da necesidade da publicación dunha documentación histórica así á valoración do coidado na edición, pasando pola xente que, ademáis, ofrece material complementario -de diversos tipos, mesmo de orixe máis antiga, e tendo en mente ou non unha publicación futura- ou persoas que anuncian a súa intención de encadrar varias das láminas publicadas.
O cartafol, a disposición nas librerías e quioscos de prensa da vila, está acadando un éxito de compras considerable, tendo que subministrar xa máis exemplares a máis dunha tenda e motivando ás veces a pregunta de se vai a reeditarse (algo que polo momento non se contempla). O público obxectivo resulta ser non só os ribadenses na procura dun anaco da historia da ría, senón como corresponde, tamén persoas da parte asturiana, a máis de forasteiros, istes con razóns de compra máis diversificadas.

20130805

Xira alternativa

Onte foi a xira de Santa Cruz 2013. Despois da polémica que a antecedeu, coido que foi abondo normal, dentro do normal que se pode cualificar un día así. A temperie acompañou e Ribadeo estivo petado pola mañá. Como xa é tradicional a xente comezou a desaparecer do pobo cara a mediodía, pero preto da media tarde aínda había algún grupo tentando 'dinamizar' o pobo.
Ó contrario de poucos días antes, Santa Cruz estaba segadiño na zona de recepción, e a vila amosaba atraccións alternativas (a parte das relacionadas coa xira, como os grupos de gaiteiros, e as espontáneas, como a que representaba a morte do gaiteiro tentando reproducir un enterro ou o xa 'típico' bombo tentando atroar acompañado dalgún instrumento máis). Houbo mercado dos domingos na parte surleste da praza do mercado, con abonda atracción, e pola tarde, a comisión de festas patronais aproveitou asemade a parte noroeste da praza para montar unha disco ó aire libre e ir sacando cartos para as festas, tamén cunha asistencia considerable.
De calquera xeito, o tempo propiciou outra alternativa máis común noutros días, a praia. Abaixo deixo como se atopaban os bloques aínda pasadas ás oito da tarde e logo, ben pasadas xa as nove.
O día, digo, propiciou calquera actividade. Como o 'terracing' ... e así, quen se achegara polo Cantón puido observar a nova decoración da valla de protección da Torre dos Moreno, recén estreada esta semana:

O día límpido permitiu mesmo outras vistas curiosas como a seguinte da zona alta da Torre dos Moreno, nuns vidros dun baixo da r/San Miguel



20130803

Unha pequena nota

Este ano, o parón de agosto (algún ano non houbo parón) do blog coincide co comezo da migración. Como xa me preguntaron pola migración e a relacionaron coa falta de publicación, un pequeno apunte: polo momento, e 'ata nova orde', as entradas serán publicadas nos dúas 'sés' de ribadeando: http://ribadeando.blogspot.com.es/ e ribadeando.org
(as que haxa; se son poucas, serán poucas nas dúas ... :)

20130801

Programa da Xira 2013


Comezo de migración de Ribadeando

A instancias de Antonio Andina e axudado por el comecei a migración do blog en sentido dobre: de plataforma, de blogger a wordpress, e de dominio, do actual ribadeando.blogger.com.es a ribadeando.org. Así pois, pouco a pouco, irei cambiando. Case todo o contido está xa na actualidade en ribadeando.org; a meta é rematar publicando direitamente alí, aínda que non será rápido, pois manexo outros varios blog en blogger... Iredes tendo novas.
-
Iste artigo, direitamente na nova posición: http://ribadeando.org/2013/08/comezo-da-migracion-de-ribadeando/