|
Recorrido aproximado do Pipelo
|
AUGA PARA TODOS
Pancho Campos Dorado
O título deste artigo é copia (perdón pola ousadía) do nome do libro “Auga para todos” (Biblioteca de divulgación da USC, 2017) escrito en galego polo noso veciño Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático (e dende a súa xubilación, emérito) de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago desde 1987. Un traballo exhaustivo e documentado sobre a escaseza e a problemática de todo o relacionado coa auga que temos neste noso planeta Terra. Ese ben común que Francisco nos mostra en todo o seu ciclo hidrolóxico vital para a humanidade, no seu reparto, como enerxía aproveitable, no seu desenvolvemento para os cultivos, ese ben que por estar espallado nun 71% da superficie terrestre, cunha profundidade media de 3,86 km, parece unha cantidade enorme, e en cambio representa soamente o 0,13% do volume total do planeta, e a súa profundidade comparada co radio da Terra, 6371 km, “é algo menos aínda que a pel dunha mazá”. Deste volume, é auga salgada nos océanos e mares, o 99% e só un 1% é auga doce, da que nós, humanos, necesitamos máis que comer. Unha substancia tan escasa como vital para os seres vivos, para a existencia da nosa vida, pois o noso corpo humano está composto por un 70% de auga. Ou sexa é radicalmente esencial que a coidemos como o ben máis prezado que temos, moitísimo máis importante que todos os metais e tódalas pedras preciosas do planeta, por moito que as aprecien os especuladores da riqueza, pois sen elas viven, pero sen beber non.
Pois ben, despois deste introito para saber do imprescindible e escasa que é a auga e que necesaria nos é, temos obriga de conservala en bo estado, e introducireime na problemática que temos en Ribadeo coa auga, pois é un ben co que levábamos desde tempo inmemorial con problemas de abastecemento.
Primeiro aproveitáronse as fontes naturais das parroquias e habilitáronse as dos barrios urbanos, Santiago de Vigo (anterior a 1164) na Vilavella; tróuxose unha canle desde o río de Ove que pasaba de San Francisco ó Campo (río Pipelo), encanáronse augas das Fontes do Lobo, do Monte da Arca e de Folgosa, e fixéronse a Fonte Nova (1536); a Fonte de Guimarán (1687); a Fonte Cavada (1749); a de Espiñaredo (1780); a dos Catro Canos (1894); Fonte da Alza (1935), etc. Un coñecemento máis exhaustivo destas construcións reflíctese no precioso e entrañable libro “As Fontes de Ribadeo” das nosas veciñas Alicia Sarmiento González e Teresa Díaz Estévez (Agrupación Francisco Lanza, 2009).
Hoxe en día desfrutamos dun magnífico servizo de augas da traída, grazas á eficaz medida de encanar a auga do río Eo cara a Ribadeo, obra encomendada polo tamén noso veciño Leopoldo Calvo Sotelo e Bustelo (1926-2008) Presidente do Goberno de España nos anos 1981 e 1982 e Marqués da Ría de Ribadeo con Grandeza de España (Real Decreto 591/2002, BOE núm.151, martes 25 de xuño de 2002). Este pasado 3 de maio foi o 13 aniversario do seu pasamento (q.e.p.d.).
O encanamento de auga do Eo, sacounos os ribadenses da escaseza que sempre sufrimos dela nos veráns. Miña nai mandábame á Fonte Cavada por un caldeiro de auga para poder facer de comer, e coma min, mandábannos aos pícaros do barrio do Matadeiro e de Figueirúa á auga durante moitos días do verán, pois pola tubaxe da traída non saía nin gota. As Fontes do Lobo quedaran obsoletas e non eran quen de abastecer a poboación en crecemento constante, e menos cando aumentaba de súbito cos turistas do interior que viñan de Madrid, de Lugo, de A Coruña, de Bilbao e no mes de setembro as pensións e as casas que daban camas enchíanse de xente que baixaban á vila para tomar os baños quentes de mar.
Aquela falta de auga continuada no tempo, tivo unha solución drástica, un plan de subministro que viu o Presidente que era enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos e un político culto e de gran talla intelectual sen lugar a dúbidas.
Hoxe, aquela obra inxente para aqueles anos da década dos oitenta, está quedando totalmente obsoleta aos corenta anos da súa instalación, debido ó deterioro do colector de entronque Eo-Ribadeo, que segundo sabemos está case arruinado na súa totalidade, e a punto de romperse sen saber ninguén cando, nin en que datas. Menos mal que a rede secundaria de subministro se foi cambiando de hai pouco, e polo menos nas rúas non se esperan consecuencias da tamaña inundación que se prevé.
Para cando espera a Corporación Municipal de Ribadeo afrontar esta obra de recambio do colector principal e a tubaxe subsidiaria que faga falta para manter o excelente servizo actual que tan necesario é como en precario estado se atopa?
Fai uns anos rebentou un tramo pequeniño, e Ribadeo estivo durante dous días sen auga, e o caos nas casas era monumental, non había auga para os inodoros, había que mal lavarse con auga embotellada, e os nenos e vellos, non falemos!
Cando rebente de novo a tubaxe, que rebentará en calquera momento por calquera lado, canto tempo nos quedaremos sen auga? Todo o verán? Todo o inverno? Todo o outono? Toda a primavera? Cantos prexuízos traerá a toda a hostaleira de verán, inverno... ao comercio en xeral. Como nos amañaremos sen auga nas casas, nos pisos onde vivimos unha grande maioría dos veciños? Esas coelleiras da época industrial que tanto furor causaron nos “booms inmobiliarios” deste país e que compramos como unha “bendita” solución as nosas necesidades de habitáculo.
Hai que poñer en marcha un plan de rexeneración sistemática do colector, xa. Non se pode esperar a que ocorra un accidente monumental que deixe a Ribadeo sen auga. Aínda temos na memoria a velocidade de construción que tivo a Xunta de Galiza para reconstruír a ponte de Arante cando a levou o río. Estiveron os veciños anos enteiros sen camiño, porque si patrimonio, que si patatín que si patatán... ¡Sen servizo anos enteiros!
Esperemos que a Xunta responda en condicións de dar solucións e non alarguen o problema ata que o remedio pase por un inferno de problemas.