20210514

Half triatlón e cia.

   I Half Triatlón. Non comprendo o seu nome, co primeiro signo en números romanos (logo, latín),a primeira parte do nome en inglés, e a segunda, en castelán (non en galego). A nota de prensa de hoxe non o aclara. Os voluntarios son 'máis de cen' (pedían 150), e os participantes aproximaranse ós 500. O desenvolvemento, a mañá do sábado, e os puntos para ver a competición estenderanse ó longo de 100 km, polo que, se queres vela, tes espazo! (ver o recorrido en baixo)

O tríatlon (non está mal escrito, é outra lingua, a galega) ten efectos secundarios. Non só para os atletas e o público, de xeito directo, senón tamén para a hostalería de Ribadeo, e ata para os veciños da zona da Pega.

Imos primeiro polas notas de prensa do concello. Ista primeira é de hoxe mesmo:

A SAÍDA SERÁ DESDE A PRAIA DOS BLOQUES

I Half Triatlón Ribadeo

14/05/2021

O Concello ultima os preparativos para o I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará na localidade mañá, sábado. Preto de 500 participantes federados se darán cita nesta proba, que contará coa colaboración de máis dun cento de voluntarios “para axudar e sinalizar durante o percorrido”, segundo explica o edil de Deportes, Jorge Díaz Freije.

E subliña que "toda a proba está verificada co protocolo covid19. Agardamos que supoña un apoio importante esta fin de semana para os hoteis e restaurantes de Ribadeo".

O alcalde, Fernando Suárez, agradeceu "o apoio necesario e impagable dos Concellos de Barreiros e Trabada. Con todo, e aínda que é importante para o deporte, para Ribadeo e para a economía local, seguro que algunha molestia se pode ocasionar durante o sábado á mañá. Desde a organización, os colaboradores e mais o Concello de Ribadeo queremos pedir desculpas por anticipado ao tempo que solicitamos comprensión pola importancia do evento".

O Half Triatlón Ribadeo realizarase en dúas modalidades: Short e Half. Os participantes na Short nadarán 1000 metros, percorrerán 42 quilómetros en bicicleta e farán 10 quilómetros de carreira a pé. E na Half serán 2000 metros a nado, 81 quilómetros en bicicleta e 19,2 quilómetros de atletismo.

A saída da Short está prevista para as nove da mañá e a da Half para as 9:30 horas.

 A nota anterior é complementaria da nota de prensa de antonte. A notar que os cortes (poño ligazóns na nota para que se saiba a situación das estradas referidas) vai sar en máis lugares que os referidos, pois se non, volverían a Ribadeo polo mesmo lugar que van, e non é así:


DESDE AS 8:45 ÁS 14:30 HORAS

Cortes de tráfico

12/05/2021

O I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará este sábado 15 de maio, reunirá a 470 participantes. A proba ocasionará cortes de tráfico nas estradas LU-P-5207, LU 133 e LU-P-6103 polo que desde o Concello piden desculpas polas molestias que se poidan ocasionar. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, sinala que haberá desvíos sinalizados.

O edil anunciou que "hai 470 participantes, para as dúas modalidades desta proba. Nunha das especialidades hai 330 e na outra hai 140, que é a máis longa".

Jorge Díaz subliñou que "vai haber varios cortes de estradas, sobre todo na LU-P-5207, que vai desde o colexio público ata o cruce de Vilela, onde hai un cruce coa LU-133, que é a que vai de Reme a Vilamar e chegará tamén o corte á LU-P-6103, que é onde está Vilamartín Grande e que limita con Trabada. Toda esa franxa estaría cortada ao tráfico, salvo excepción ou emerxencia, de nove menos cuarto da mañá e dúas e media da tarde".

O concelleiro de Deportes dixo que "queremos informar a toda a xente que normalmente faga uso desas vías, a esas horas, que van estar cortadas. Teñen outras alternativas tanto os que veñen a Ribadeo desa zona como os que viven neses lugares. Pedimos desculpas porque esta proba é moi importante, pero todo ten as súas trabas de organización".

Díaz Freije engadiu: "volver dar as grazas aos máis de cen voluntarios que fan posible esta proba, homes e mulleres que colaboran para levar a cabo esta importante competición de ámbito nacional, a través da Federación. Volvemos recalcar a boa colaboración cos dous concellos afectados, ademais de Ribadeo, como son Trabada e Barreiros, que colaboran incluso co seu voluntariado no seu ámbito. É de agradecer porque é necesario todo o apoio. Reiteramos que se manteñan todas as precaucións sanitarias".

O edil ribadense espera que "isto sexa un empuxe para o sector turístico, que algo lle poida aportar e que con esta iniciativa empecemos a fortalecer esta rede na que nos servimos todos. Esperamos que vaia ben todo na proba e que para o ano que ven se poida volver facer".

 A do día 6, polo contrario das anteriores, parece dar unha indicación do nome: a proba é nacional, logo ten certa lóxica que se se identifica nación = España, apareza o castelán no nome.

HABERÁ CORTES DE TRÁFICO E DESVÍOS ALTERNATIVOS

I Half Triatlón Ribadeo

06/05/2021

O Concello ultima os preparativos do I Half Triatlón Ribadeo que se celebrará o vindeiro 15 de maio. O edil de Deportes, Jorge Díaz, salienta a importancia desta proba nacional e o impacto económico que pode ter dado o alto nivel de participación.

O concelleiro ribadense lembrou que "o vindeiro 15 de maio se fará, por primeira vez, un triatlón de carácter nacional, a través tanto da Federación Galega como da Federación Nacional. O Concello colabora intensamente coa organización. É un percorrido moi transversal no senso de que toca o ámbito tanto urbano como practicamente todas as parroquias polas que pasa ou ten influencia, incluso ten bastante influencia noutros concellos como Barreiros e Trabada".

O edil de Deportes explicou que "a proba sae dos Bloques, ese entorno tan característico da ría de Ribadeo, aí faise a proba de natación e despois o percorrido en bicicleta pasa por Vilamartín Grande, sube toda a estrada que vai a Santa Cruz, dá a volta e regresa á praia dos Bloques. A continuación sairán cara ao faro, percorrendo unha distancia de 10 ou 15 quilómetros, dependendo das dúas modalidades que se corren dentro da mesma proba e rematará na praza onde está o Concello".

Jorge Díaz sinalou que "é transversal tamén tanto nas administracións como nestes tres concellos que toca, onde temos que dar as grazas aos máis de cen voluntarios que están apoiando a proba, ás distintas institucións e aos distintos Concellos. Queremos agradecer tanto a Barreiros como a Trabada toda a súa colaboración, desde o primeiro momento con voluntarios, ás dúas alcaldesas neste caso. Esperamos que vaia todo ben". 

Para Díaz Freije "loxicamente unha proba tan longa algún trastorno trae entón, desde ás nove menos cuarto da mañá ata as dúas e media da tarde, vai estar cortada a circulación nesa estrada. Queremos advertir que hai alternativas en calquera punto para que a xente se desprace sen ningún tipo de inconveniente. Estes días vaise poñer a sinalización e se hai algunha dúbida que chamen ao Concello para tratar de arranxalo o antes posible".

O concelleiro de Deportes subliñou que "é unha proba importante en todos os sentidos, tamén para o sector hostaleiro que nestas datas que estamos a sufrir os inconvenientes da pandemia tamén se viu afectado. É un pequeno impulso para empezar esta nova etapa que esperemos que vaia todo ben".

 A nota máis vella pedía voluntarios (150):

É PRECISO ANOTARSE NA ÁREA DE DEPORTES DO CONCELLO

Voluntariado para o Half Triatlón Ribadeo

20/04/2021

A organización do I Half Triatlón Ribadeo precida da colaboración de 150 voluntarios para o desenvolvemento da proba o vindeiro 15 de maio.

Desde a Área de Deportes do Concello solicitan "a colaboración de todas as entidades deportivas, clubs e asociacións ou voluntariado en xeral...posto que serán necesarios 150 voluntarios para os diversos cruces de carreira, e ao ser tan longa tentaremos incluso facer varias quendas para que non teñan que estar os voluntarios tanto tempo".

E engaden que "precisamos que os voluntarios estean ás nove da mañá no punto do percorrido que se lles indicará previamente. Algúns poderán estar un pouco máis tarde. E rematarían entre as dúas do mediodía e as cinco da tarde".

As persoas que estean dispostas a colaborar como voluntarios poden anotarse na Área de Deportes do Concello indicando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, dirección de correo electrónico, dirección, número de teléfono móbil, talla de camiseta, club ou asociación á que pertencen, carné de conducir (os que o teñan) e dispoñibilidade de conducir. Desde a Concellaría de Deportes explican que “todos eses datos poden remitilos por correo electrónico a Área de Deportes do Concello. A inscrición tamén se pode facer chamando por teléfono á Casa da Xuventude ao 982 129 889".

A Área de Deportes mantivo un encontro cos presidentes das asociacións de veciños das parroquias polas que discorrerá esta proba. Con eles estiveron o concelleiro e o técnico de Deportes, Jorge Díaz e Iván López. 

O Concello ribadense colabora na organización do I Half Triatlón Ribadeo que se vai celebrar o 15 de maio. A proba é puntuable para o Ranking Nacional de Triatlón de Media e Larga Distancia e contará coa participación de máis de 500 atletas. 

   Por último, a explicación do que poñía ó comezo sobre a Pega. Resulta que hai un movemento veciñal reclamando amaños nas vías desa zona, rtendo recibido promesas, pero non feitos. Amañaron o camiño do cemiterio, pero non o resto. Pois onte mesmo estaban botando un pouco de alquitrán e grixo, insuficiente, pero un amaño, ó fin, e ante a pregunta dun veciño, a resposta foi clara: o tríatlon. Deixo algunha das fotos que me pasaron, onde non se observa o nome da rúa, pois por alí son algo escasos:





Ningún comentario: