20210502

Se o ben é común, só unha xestión común pode asegurar unha preservación dos dereitos de todos

Captura da entrada 'Comunidade' na Galipedia (gl.wikipedia.org)

   Un escrito meu de 2016 no que aparece a frase titular, relido, reafírmame no dito: se o ben é común, só unha xestión común pode asegurar unha preservación dos dereitos de todos. Coido que é algolóxico. Non se trata de que cada quen coide o seu, senón de coidar o de todos entre todos. É dicir, que cada sociedade coide do seu. E todos somos sociedade en tanto somos persoas. Fai falta especificar que sen sociedade non se pode vivir como persoas?

   Hai veces que nos costa coidar do noso. Sabémolo. Máis aínda en circunstancias como que algo veña a nós como herdanza. Neses casos, hai xente que sinxelamente non lle dá valor máis que para o aproveitamento inmediato. Nin valor sentimental nin de custe para a súa consecución, nin cun encaixe que valorar no seu mundo. E iso pasa tamén coas chamadas conquistas sociais, cos dereitos que levou moito traballo que fosen recoñecidos, traballo de xentes anteriores a nós. Traballos que non vimos, non vivimos, e dos que se asoma unha sombra de inconsciencia pola nosa parte. De non conciencia de que existiron, pero tamén de non consciencia da súa necesidade ou do valor do seu froito.

   O exercer os nosos dereitos leva consigo obrigas. A primeira, os traballos de mantemento deses propios dereitos. Toda estrutura tende a deteriorarse co tempo, é unha lei física relacionada coa 'entropía'. Para evitar ese deterioro, esa desconfiguración, a física tamén nos di que necesitamos poñer enerxía en xogo. É algo natural. E quizais por ser natural, esquecémolo, do mesmo xeito que temos que estudar en primaria que a auga é insípida, que xa estsamos tan afeitos a ela que non valoramos un sabor, que é un sabor esquecido, que 'non existe'. Que se ten un sabor que identificamos, é que non é natural, non é a auga á que estamos afeitos, que desconfiemos dela... En cambio, non se nos afai a estudar que para que os ríos baixen limpos, despois da expansión humana, fan falta traballos de mantemento, de conservación, de vixilancia. E é que un ben fundamental para a vida como a auga, necesita de coidados, como a vida mesma. Algo que tamén temos que reaprender.

   En tempos, que algo levara o adxectivo de 'público' era equivalente a dicir 'para a comunidade', entendido como 'da comunidade', da sociedade. Hoxe, non. Parece como se quedara reducido a 'para unha parte da sociedade' xestionado por a parte-cabeza da sociedade. De aí que, ante o cambio de significado que se lle atribúe, a palabra 'comunitario', ou o 'ben común' sexa usado en substitución de 'público' e 'ben público', asumindo a carga de sentido de que hai dereitos e deberes asociados, dereitos a defender e deberes a non escaquear ou pasar a outra xente. Un caso: o significado dos impostos non como algo imposto, senón como unha necesidade de mantemento do ben común, algo que é aproveitado por todos na medida das necesidades de cada quen, e ó que cada quen aporta na medida das súas posibilidades. Os impostos non son un xesto bondadoso do estado que se poda eliminar, senón a cobertura dunha necesidade que hai que xestionar. Non son algo público que se poda ceder, senón algo común que por selo, abrangue un amplo abano de puntos, dende a eficacia á ética. A venda da rebaixa de impostos por parte de políticos só se pode contemplar a partir do afogamento do ben común ou unha fase posterior, o agasallo do ben común a particulares favorecidos. Porque non nos enganemos, rebaixa de impostos non vai asociada con mellora da xestión ou con menos necesidades, salvo raras excepcións. E caso de que ocorra algunha desas dúas circunstancias, o normal sería que se aproveite o excedente para cubrir outras necesidades aínda non cubertas, para facer outras melloras do ben común, que quen se poda colgar a medalla da boa xestión teña claro o seu servizo á comunidade (particular e dos fondos que administra) e actúe en consecuencia.

   Pero, os políticos teñen a súa parte, e nós, como cidadáns, como comuneiros da nosa sociedade, tamén temos a nosa, en conxunto social e por separado como persoas constitutivas desa sociedade. Ou non? Que non nos comportamos así? Pois logo, se non o facemos, a sociedade, falta de mantemento do tipo que sexa, resentirase no seu devir.

   En Ribadeo, a 1 de maio de 2021.

Ningún comentario: