20210506

A RÍA DEL EO NA POLÍTICA DO PRINCIPADO DE ASTURIAS (I). Evaristo Lombardero Rico

 A RÍA DEL EO NA POLÍTICA DO PRINCIPADO DE ASTURIAS (I) 

    Ata onde chega a nosa información, a primeira vez que un alto cargo do Principado se manifestou sobre este asunto tivo lugar en Tapia de Casariego a primeiros de marzo de 2006. Foi o Presidente do Goberno, D. Vicente Alvarez Areces (q.e.p.d)  quen se encagou de sinalar que era “ … la Ría del Eo desde la escuela”. Un mes máis tarde, en Vegadeo, era o Director Xeral de Promoción Cultural e Política Lingüística, D. Carlos Madera, quen anunciaba a creación de un grupo de traballo para estudar a revisión toponímica de Castropol e Vegadeo afirmando que se faría oficial a denominación “Ría del Eo”. Según o diario L.N.E. do día 15.4.06, “defendió desde el primer momento la validez del topónimo Ría del Eo” e calificou esta “polémica de 'absurda' porque no hay ninguna duda de que el nombre correcto es Ría del Eo”. Ata aquí os primeiros movementos políticos relevantes que coñecemos da administración asturiana para promover a denominación “Ría del Eo”.  

    Pero vexamos como se foron encadeando os pasos seguintes: 

    O día 19 de Maio de 2006 o xefe da Oficina de Política Lingüística do Principado, D. Ramón d´Andrés, anunciaba en La Caridad a creación do grupo de traballo de “expertos” para dilucidar cal era o nome correcto (Ría del Eo ou Ría de Ribadeo).  

    Folga suliñar que o propio prantexamento era un tanto capcioso, porque a decisión política xa estaba tomada de antemán, polo tanto o campo de traballo ou investigación do grupo de “expertos” quedaba bastante reducido.  

    Seguidamente, en maio de 2007 a Consejería de Cultura publicou o folleto “Ría del Eo, Informe y Conclusiois”, onde se recollen os resultados do devandito grupo de traballo. Compre prestarlle atención a este documento polo que logo comentaremos. Suliñar que ten 57 páxinas e seis apartados. Dende o noso punto de vista, os aspectos mais salientables son os seguintes: 

  1º Os autores son 12 persoas. Desas doce persoas só se notifica a cualificación de unha: filólogo. De outras dúas infórmase que pertencen á “Xunta Asesora de Toponimia”, sen especificar a súa formación ou profesión, e das nove restantes non se dan máis que os nomes e apelidos. En resume, non sabemos se estas persoas teñen algunha profesión ou cualificación relacionada ca toponimia ou a cartografía, ou se pertencen a algunha institución cultural, académica etc. 

  2º Cando se fai referencia a algúns documentos antigos non se citan as fontes bibliográficas, historiográficas ou cartográficas como sería propio de calquer traballo de investigación medianamente serio. Pola contra, limítase a mencionar algúns mapas dos máis coñecidos e a construir un discurso puramente especulativo. En todo caso, recoñecen que o único nome antigo e o de Ría de Ribadeo ou Rivadeo e non presentan ningún mapa onde figure a denominación Ría del Eo ata finais do século XX. En base a tan minguado material constrúen unha teoría arbitraria sobre a suposta “evolución” que daría lugar ás conclusións que xa se anunciaron antes de comezar o “traballo”. 

  3º Preséntase como “enquisas”  de opinión o que son 86 entrevistas dirixidas polos entrevistadores e que non cumpren os mínimos requisitos de anonimato, estratificación, claridade das preguntas, transparencia da metodoloxía, etc. Suliñar aquí que a poboación de referencia son mais de 70 000 hab. dos concellos citados. Polo tanto, o simple feito de chamarlle enquisas ao que son entrevistas dirixidas e a absoluta falta de representatividade, ademais da arbitrariedade na selección das persoas entrevistadas, deixa pouco que dicir sobre a calidade do traballo, a credibilidade dos resultados e a formación dos autores para este tipo de tarefas.

    Prosigamos: este “informe” presentouse públicamente o día 18 de maio de 2007 nas II Xornadas de Toponimia del Navia-Eo en Castropol, curiosamente en plena campaña electoral das municipais. 

    Finalmente ese folleto foi a base “documental” que levou o Goberno do Principado de Asturias como argumentario para propoñer á Comisión Especializada de Nombres Geográficos (CENG) que se sustituíse a denominación “Ría de Ribadeo” pola de “Ría del Eo”. O resultado xa o coñecemos. A CENG reuníuse o día 19 de decembro de 2007 e tomou o acordo de deixar o tema enriba da mesa, solicitando un informe da Real Sociedad Geográfica. Finalmente, o día 12 de marzo de 2008, en base ao informe da Real Sociedad Geográfica a CENG acordou, por maioría, que a única denominación era Ría de Ribadeo e a fórmula “Ría del Eo” era un topónimo incorrecto e de recente creación. Pero disto e do que veu despois trataremos mais adiante, non sen deixar de suliñar un aspecto nada baladí: A conclusión final da CENG non foi recurrida nin rebatida técnicamente polas autoridades do Principado de Asturias. Polo tanto pasou a ser de obrigado cumplimento en toda a administración pública española.

Evaristo Lombardero Rico

Maio 2021

--

O informe (5/4/2021) do Consello da Cultura Galega sobre o nome da ría

A serie: 

PLENO DO PARLAMENTO DE ASTURIAS DO 27 DE NOVEMBRO DE 2019. RIA DEL EO VS RIA DE RIBADEO.

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II)

A RÍA DEL EO NA POLÍTICA DO PRINCIPADO DE ASTURIAS (I).

A RIA DEL EO NO CONCELLO DE RIBADEO.

Ningún comentario: