20070331

Os tempos cambian

Estou aínda asimilando o diferente tratamento que da hoxe Inglaterra a Irán polo tema do chamado secuestro dos seus militares días atrás e o que deu hai anos polo tema da 'conquista' arxentina das Malvinas. Certo é que o tema de enfrontamento é diferente, así como a magnitude do mesmo, pero o trato dado ó contrincante tamén o é. E é que os tempos cambian. E para aproveitar ese cambio dos tempos, hoxe presentouse en Ribadeo o UPRi, 'Unión do pobo ribadense', o partido co que Francisco Rivas pretende chegar ó concello. De seguro voltará a saír polo blog (por exemplo, aínda ten que presentar a lista de canditatos) pero coido que leva retraso xa para chegar con forza á Casa do Concello.
Mentras, hai moitas outras sinais de cambios dos tempos. Esas sinais non son novidade, senón que aparecen ... pois eso, co apso do tempo e advenimento de novas ideas, usos, etc. En referencia con ese cambio, aplicado a un tema que ven interesándome moito dende xullo do 1993, fíxome hoxe en dúas novas lidas na Voz de Galicia; unha, unha información de A Coruña sobre que os veciños que fagan ruído de xeito reiterado con chapuzas poden ser multados ata con 60.000€, e que en Viveiro están a aplicar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co que esta fin de semana será o primeiro no que o local produtor de ruídos pechará ó quedarse sen licenza. Do xeito que levan as cousas en Viveiro, supoño que a cousa parará aí. En Ribadeo as cousas van indo por cauces diferentes e os procesos ós implicados no tema de ruídos de seguro se alongarán, e as consecuencias tamén teñen posibilidades de ser peores.
Collo no blog de Fernando a nova dun novo blog ribadense, 'O Dionisíaco', de alumnos do IES Dionisio Gamallo.

Dúas cousas pequenas



Adxunto a foto do cine teatro, para concetar coa entrada anterior de hoxe, 'Festa xitana en Ribadeo', e un cartel da Semana Santa como lembranza da súa proximidade e pregón de hoxe.

Festa xitana en Ribadeo


Onte o cine Teatro tivo de novo vida despois do seu peche (segue aparecendo o cartel de 'cerrado por descanso del personal') cunha festa xitana. Escoitábase a música ó pasar, e víase axente entrar e saír, e o servicio de portas organizado... porque o que se notaba era diversión organizada, ó seu xeito, pero ben.
Mentras, hoxe haberá pregón da Semana Santa, ás nove. O pregón anuncia actos para unha semana cunha pequena indefinición meteorolóxica. Indefinición que coido é causada neste caso non pola propia dificultade de facela (ver 'Efecto bolboreta' en Física e Química en Ribadeo), senón por outros intereses: unha televisión dixo máis ou menos textualmente que na segunda parte da semana (é dicir, nos días festivos) habería bo tempo en Galicia, pero que sería só unha posibilidade. Evidentemente, para eso non fai falta ciencia ningunha, nin augurio celeste, nin nada. O caso é que a meteoroloxía xa é capaz de facer unha certa predicción abondo exacta para un tempo, pero se hai outros intereses polo medio, a comunicación desa predicción pode ser calquera. Así, onte, con choiva, vento, ... un día desagradable, con información que está chegando ás casas de lonxe sobre o que está sucedendo (sobre o que poden mentir pero xa é máis dificultoso) aparece unha boa predicción no momento en que moita xente decide o destino dos seus días de asueto, a fin de semana, téñase ou non a posibildiade real dunha predicción meteorolóxica fiable. E onte mesmo estiven falando con alguén daquela cita bíblica (Novo Testamento) de cando Xesús tivo o 'encontro' cos mercaderes no templo: o do tempo é algo así como unha versión moderna do tema dos mercaderes, pero sen ninguén que os 'bote do templo'
Mentras eso sucedía, a lista do PSOE conseguía doble difusión, ó ter que cambiar algún posto por mor da igualdade de sexo: dúas presentacións e doble espazo en prensa (máis o do anuncio de que violaba a paridade). Doble difusión a parte da que lle vai dar ós primeiros da lista o tema relixioso.
A foto, dun típico lugar ribadense, collendo o pasadizo que comunica coa vella Torre.

20070330

A Torre dos Moreno e Ribadeo




Onte estaba unha tarde clara e luminosa. A Torre dos Moreno tiña boa luz para unha foto. O mesmo o paxaro nunha árbore do parque. O caso é que de lonxe, a Torre da o pego da aparencia en bo estado, como símbolo de Ribadeo. De cerca, xa teño metido máis dunha foto con cascotes e esmendrellamento. O símbolo de Ribadeo, mandato tras mandato de munícipes, segue a estar en mal estado de conservación. E unha lei ribadense que se fixo para obrigar ó mantemento entre outros, deste edificio (obrigada pola xunta, nesta lexislatura, e aplicada só en parte para o casco vello de Ribadeo), está sen aplicar a el ou á a aduana de Porcillán. Non creo que faga falla, pero volto a dirixir ós interesados a 'Ribadeo falls' para pegar unha ollada.
A outra foto non é un anuncio da natureza nin arquitectura ribadense, senón evidenciar algo que non se ve: un vidro en mal estado, totalmente escachado en plena rúa peonil que non se ve (en particular polos cativos, os máis adicados a 'investigar') no estado en que está ata que xa é tarde. Ou se amaña ou causará algún problema: saquei a foto precisamente porque remataba de estar a punto de ocorrer cun cativo.
Hoxe péchase a Feira da Ciencia, XIII edición, que coido que está a ser unha das sobresaíntes. queda pouco tempo para que quen queira se pase a visitala.
De contidos culturais habería que falar: onte, dous concertos, en Couxela e na EMMR Hernán Naval, e hoxe presentación do DVD sobre o porto de Ribadeo no Auditorio. Falaremos máis? Espero poder volver estes días a temas que se van quedando sen cobertura no blog.

20070329

Despois de falar das misións en Ribadeo... (2ª de hoxe)


Pois eso, falando de misións en Ribadeo, unha foto conmemorativa da misión dos xesuítas en Couxela no 1943, setembro, conservada na igrexa parroquial.

Elevador habemos...


Hoxe a prensa trae a nova dun triunfo para o alcalde: a autorización para construír o ascensor da atalaia. Para min discutible, pero certo. Unha obra que quedará para o pŕoximo alcalde e que, dada a mecánica con que se collen estas cousas no concello, ten abondas probabilidades de executarse. Asemade, tamén comezará 'xa' a 'remodelación' de cantón-Praza de España, que quería ter mirado pero... En fin, que este alcalde, a modo de outros, tamén quere que se lembre polas obras efectuadas ó estilo monumento persoal, e nelas pon o seu punto de mira máis que na xestión día a día e a calidade de vida dos veciños. Que gusten ou sexan convenientes, eso xa é outra cousa: supoño que para o seu prisma si o serán, cos criterios que sexa. Pregúntome co o ascensor: canto tempo tardarán en cerrar Porcillán ó 'estilo Mirasol'?
Mentras, a Feira da Ciencia entra no seu terceiro e penúltimo día. E entre ciencia e maixa, a foto de hoxe non representa Ribadeo, senón un fenómeno físico máis: o descenso do fume, a modo dun río (na foto só se ve un fío baixando con pouco contraste sobre o fondo, a cousa de 2/3 cara á dereita do recipiente; para velo mellor, aí está a feira) na parte, dentro dun recipiente transparente, vendo que o fume (CO2) é máis denso que o aire (N2 e O2), a pesares que cando se cunha cheminea ou dun cigarrillo se vexa subir por estar abondo máis quente que o aire queo rodea. Claro que pensándoo ben, cando as 'obras do alcalde' esteñan en frío, pode que sufran ós ollos dos ribadenses un fenómeno parecido se chegan a estar arriba. Pero o da foto é ciencia, e o que remato de dicir, especulación...

20070328

Feira da Ciencia en Ribadeo, e van 13


De novo a feira da ciencia comeza o seu andar en Ribadeo. Está invitada toda persoa que por alí queira pasar.
Na inauguración, en contra do que viña pasando estes anos, participou o Alcalde, mentras o Tenente de Alcalde estaba sentado co público, o mesmo que a concellala de cultura. Eso si, estes quedáronse á charla que acompañou á inauguración, mentres que o munícipe 1 e o representante da admnistración educativa tiveron présa en abandoar o salón e non pisar o local da feira, unha volta que a foto estaba feita.
Da feira podíanse poñer unha morea de fotos, pero quédome cunha sinxela dunha experiencia que chama a atención, feita con maicena e auga, e onde se ve que se petas forte, compórtase como se fora sólido; se metes a man de xeito suave, entón non tes problema en metela nun auténtico líquido, e ó sacala, sacarás grumos pegados a ela. Parece maxia, pero é ciencia.

20070327

A Feira da Ciencia e Tecnoloxía merece unha segunda hoxe

Hoxe é a inauguración da XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía. En FQ Ribadeo poden acharse moitas referencias á mesma, a esta edición e a outras pasadas.

Ribadeo, terra de misión


Por estas datas pódense ver por Ribadeo fotos do 'congreso eucarístico' dos cincoenta en Ribadeo, o mesmo que se pode ver por exemplo, no libro de O Tesón “Ribadeo no tempo, a través das imaxes - Outro Ribadeo foi posible". Estamos en preparación á Semana Santa. Non embargantes, seguimos naqueles 'tempos de misión' de hai medio século, se ben daquela tratábase de 'revitalizar o catolicismo español' (máis ou menos) agora trátase de 'recristianizar España', a cargo, coido esta volta, dos 'Testigos de Xehová'. O sexa, substituír unha relixión por outra, pois a 'nova' considera 'obsoleta, sen puxanza, sen testemuña...' á 'vella'. darame pé a falar da relixón e Semana Santa noutro momento.
Algo así, noutro intre diferente, como o sistema de animación á lectura que comeza nas nosas comarcas para logo extenderse a outras: as bolsas de pan serán adornadas cunha poesía de Luz Pozo para alimentar a alma ó tempo que o corpo. Leerei a poesía e comentarei (xa o estou a facer), e tamén verei o resultado da iniciativa. Pero eso si, aínda a falta de detalles, é unha iniciativa novedosa literalmente a probar.
E recomezan as noites activas, que esperemos que non sexan demasiado activas na cousa de berros e música achegada ós viciños, por eso de que a noite é de todos, pero para durmir. De pronto, pola zona xa hai máis música más noites, da que había por un pequeno local á beira: o que é terse volto xa hipersensible ós pequenos sons presaxiadores doutros maiores... Por certo, o do local lémbrameunha discriminación máis do Concello: O Tesón pediu información sobre tres locais (sobre as licenzas e esado de funcionamento) hai tres meses, sen resposta de ningún tipo polo momento (nin siquiera negando a información), mentras que os ditos locais foron informados da petición de xeito cumprido. Eso é equilibrio a ollos de quen manda no concello: todo para os que se teñen de man, nin auga para quen pide sinxelamente claridade.
E, no medio, a ría de Ribadeo, que non é extrano que o nome xenere ás voltas controversias se se toma como particular ás veces: xuntanza de alcaldes para a declaración da ría como reserva da biosfera... e os alcaldes asturianos non están invitados. Cousa do Principado? Mala coordinación? Fracaso de reunión. A boa defensa institucional da ría, otra vez actuando. Para lembrar aquelo de 'tendos estes amigos, para que se han molestar os inimigos?'
A foto, do tramo medio-sur da ría, vendo a última aprte da desembocadura do río Grande en marea baixa.

20070326

50 anos e un día


Onte culminaron as celebracións dos 50 anos da Comunidade Económica Europea, hoxe UE. Un día despois, eses 50 anos e un día da para pensamentos carcelarios e para pensar no futuro, unha auténtica amalgama de pensamentos sobre unha estrutura complicada como a da UE. Non estamos atados como en prisón dentro da Unión, pero podemos estalo se esquecemos que se pretende que a Unión Europea sexa algo máis que un sitio comercial. E podemos estalo porque o sitio comercial xa o é, e profundización significa algo máis que cesión de dereitos de negocio. Pode dar que pensar, por exemplo, que se celebre como medio país os 50 anos dun comezo como unión aduaneira.
En canto a Ribadeo, o que se ve como feito neste mandato ten en boa medida orixe en fondos europeos, aínda que se diga só ás veces e aínda que o proveito sexa menos visible aínda. Vamos, que Ribadeo tamén é Europa, igual que o noso entorno, gracias á entrada de España na CEE e, en boa parte, ó Camiño de Santiago. Pero rematamos de ver en anos pasados como o camiño en moitos puntos se axustaba variándoo por estradas, cambiando o seu recorrido por intereses diversos comerciais e políticos. E para tirarlle beneficios partidistas (non de partidos políticos, senón maís ben localistas), comezaban loitas de intereses sen considerar o que era previamente, senón o poder actual de cada quen. Segue a ser camiño a Santiago, pero o esprito e con el o resultado xa non é o mesmo, aínda que quen camiñe por alí pareza que o fai con intencións semellantes: a atracción pouco a pouco vai cambiando, desfigurándose e prostituíndose, aínda que se aproveite o substrato inicial. Era unha ocasión para melloralo; foino moitas veces para aproveitalo.
Hai anos, aló para derradeiro xacobeo do século XX, escribín unha serie de tres artigos sobre o camiño que agora non teño a man pero que sairán calquera día destes e que van ó dedo aquí sobre o que foi, é e pode ser Europa, varios anos despois do intento dun refrendo de tratado de perda de dereitos das persoas en favor das entidades.
Na foto de hoxe, unha imaxe en certo xeito alegórica ó camiño de Santiago e a Europa: o transcantábrico, bonito tren que pasa por nosas terras e do que se tenta sacar proveito, pero que está ó alcance de poucos ribadenses.

20070325

Un día de 23 horas?


Por ausencia, hoxe destaca a de Ribadeo no chan industrial previsto para xa na provincia. Vése as claras na edición de hoxe de La Voz. O polígono tantas veces prometido, que irá (ou mellor, virá) pero a paso de trataruga.
de calquera xeito non vai deso o título: vai de que hoxe cambiou a hora, e polo tanto, será un día de 23 horas... para os que as poideran aproveitar. Para os que quedamos con varias horas da noite esmendrelladas polo ruído cun dereito propio cedido xentilmente a terceiros polos munícipes e asesores, o día ten abondas menos horas, e o cansancio é abondo maior. Un secuestro de tempo repetido, continuado, que merma vida.
A foto, das obras na rúa Deputación, das que se queixou o alcalde de Ribadeo o outro día e xa comentei que coido que parte da culpa do mesmo retraso débea ter o propio concello.

20070324

De feira. Tapea e Ribadea/Ribadeo de tapeo





Onte foi a presentación á prensa da 'XIII Feria da Ciencia e Tecnoloxía', que se inaugurará martes e na que se espera unha asistencia que, só no apartado de visitas programadas de estudantes, será dunhas mil persoas. Esperamos non defraudar a ninguén, e seguir sendo un acto sobre todo, didáctico (...non é doado manter un equilibrio entre didáctica e espectáculo: tamaño da feira, xeito de presentación, implicación dos estudantes, ...). seguirei informando no blog Física e Química en Ribadeo
Remato de ler 'Ribadeo Muller', boletín do Centro de Información á Muller. Hai cousas que me chamaron a atención, tanto a favor como en contra ou como mera información descoñecida, e deume que pensar para facer algunha chanza co de 'Tapea e Ribadea' ou 'Ribadea, tapea' que coido que sería tan bo lema como o 'Ribadeo de tapeo', e en feminino Ribadeo (aínda que lingüisticamente sexancousas diferentes). Tapeo que remata mañá e creo ben que fora un éxito polo movemento dos locais.
Esta noite próxima, despois de entrar na primavera, cambio de hora: unha hora menos, ás dúas haberá que poñer ós reloxos nas 3. Espero que, igual que aproveitan unha hora máis nos pub cando é o revés, desta volta pechen tamén pola 'hora nova'
Nun repaso polos blogs ribadenses, destaco as dúas entrada do blog do cargadoiro sobre a vida política e social de Ribadeo, as reflexións de Fernando no seu lonxe do Mar sobre conservatorios e escolas, (ou o canto que refire sobre a liberdade de coñecemento) e por chamativo as camisetas referidas por Marsop, a parte das xa ditas (entre outras) do FQ Ribadeo. Como se ve, temas moi diversos para navegar a fin de semana.
Por outra banda, a parte do blog de base musical da banda e da escola, parece que está a saír outro sobre a coral polifónica. Coido que estase a crear en Ribadeo o que se chama unha rede social baseada en internet, na que habería que incluír blogs e fotoblogs diversos de menor renovación que os citados antes ou de tipo máis persoal. Divagando un pouco, e saíndo dos blog, lémbrome de Ribadeo.com e a constelación de sitios creados á súa sombra ou referidos dende o seu portal, dos foros da Cope ou a primeira páxina web de Ribadeo no tempo ... xa son moitas as páxinas de Ribadeo para incluílas nunha soa entrada.
As fotos, de onte das obras na praza do mercado.

20070323

Eppur si muove...




É dicir, 'e nembargantes, móvese...' Din que esas foron as verbas que marmuriou Galileo ó saír do tribunal da Inquisición cando lle impuxo o castigo de silencio sobre o feito do movemento da Terra. Pois si, pouco a pouco as cousas estánse a mover. O outro día sinalei un artigo periodístico, asinado por un 'home de leis', e hoxe lémbrome das tres chamadas diferentes por ruído este fin de semana en Ribadeo e atópome que en Burela o concello é demandado por estragos nunha porta nunha noite de movida... Parece que a sociedade non se move, pero fáino.
Tamén os políticos diante das eleccións tentan de cubrir espazo nos medios con xestións, ó tempo que así desaparece espazo para tratar a súa mala xestión ou problemas (por exemplo, o pleno de onte, que xa é referido no blog do cargadoiro). Véxase no caso ribadense, a protesta ó Xacobeo pola lentitude dunhas obras, obras que entendo que de algún xeito están supervisadas polo concello. Anuncio de que a guardería 'ampliará' prazas despois das eleccións, e despois da existencia de listas de espera. Anúnciase tamén a mellora de cobertura de móbiles no rural, no que en troques de o concello facer algo para todos, asóciase cunha determinada empresa para unha cobertura tamén determinada na zona de Cubelas, e sen antes ter claro as licenzas de antenas que xa están postas... e o urbanismo noso de cada día aparece cando a oposición reclama a investigación dunha obra da 'casa máis antiga de Ribadeo', a 'casa de Prelo', na zona da atalaia, por considerar que implica un maior volume do permitido.
A Anpa Faxarda, do colexio público Gregorio Sanz,aposta por difundir a reciclaxe entre os pequenos, non só os seus, senón tamén os da escola de música ou da biblioteca, segundo parece.
As tres fotos de hoxe, a primeira unha de prestar atención: onde está a antena de telefonía móbil? Algo polo estilo se pode preguntar da revisión que se fixo á documentación para outorgar o permiso correspondentes, porexemplo. E as outras dúas, cun feito que non é a primeria vez que sae no blog: o cuidado do entorno na zona traseira do hipermercado: parece que existe a versión moderna das 'patentes de corso', outorgadas agora ás empresas fronte á poboación.

20070322

Música libre e ruído penado, en Ribadeo e en España.




Acumúlanse as novas ás veces. Hoxe é un deses dias no que parece que hai que andar usando taquigrfía para coller as cousas ó vó. Comezaron onte, primeiro día da primavera e baixo un frío e un vento como non o houbo no inverno, a reforma no pavillón vello, de xeito que os vestuarios están en columnas (... a ver unha foto...). Un artigo, 'A sociedade civil esperta con tra o ruído' deixa patente o cambio que se está a vivir en toda España, o país máis ruidoso do mundo, contra o ruído, impulsado polos cidadáns e dentro dun movemento máis amplo, como deixa ver un párrafo: "...sociedad civil que clama por sus derechos, con la exigencia de que los políticos aborden efectivamente de manera decidida los problemas reales...". É dicir, parece escrito para Ribadeo.
Anteonte tamén houbo unha asamblea da ANPA da escola municipal de música Hernán Naval, pero deixaremolo para outro día, pois o ruído no concello onte afogou o tema da liberdade da música, que vai tamén avanzando co mose pode ver conseguindo música con licenza libre (por exemplo, aquí (pode que a mellor sexa a última...)). O caso é que os plenos de onte deron pé de novo a faladurías e á suspensión dun deles. A remarcar que só había dúas persoas no público para dar testemuña direita de xente non implicada nas discusións: Pablo Villapol, que se pode ler no 'El Progreso', e José María, en "Vida socio-política en Ribadeo" e a eles me remito para a información, que hoxe sae na prensa e onte foi tratada na radio (en ambos casos e sobre o tema, a estas horas, non hai nada dispoñible na rede, pero haberá)
As fotos de hoxe, do entoro da Virxe do Camiño e detalles do xardín dianteiro que quedou despois da obra da rúa Luz Pozo Garza e da pedra coa poesía dela, cambiada de sitio polas mesmas obras.

20070321

Unha casualidade: 15 anos de xuízos posibles para Ribadeo


Onte, por casualidade, entereime dunha lei de hai máis de 30 anos, é dicir, da época de Franco pero que rexe aínda, na que se da protección ós castelos e murallas (considerando falta grave perseguible ata quince anos despois da súa realización), o ataque a calquera destes bens. O ano pasado xurdiu en Ribadeo (e foi denunciado no blog varias veces, por exemplo, en 'Noite de eclipse en Ribadeo' ou en 'O día despois' a parte de ser preguntado polo Tesón en pleno e non respondido de xeito adecuado) o tema da realización dunha porta de garaxe na muralla (na rúa que leva o seu nome) e agora mesmo está tirada unha parte un pouco máis abaixo (... a teoría que que practica moito en Ribadeo: se ves que deixan ó veciño, por que non podes facelo ti?). Coincide que esta época pasada foi de abondo traballo e a asociación non da feito máis, pero así sabemos que temos quince anos para perseguir ó culpable: aínda que eventualmente non se restableza a muralla a como estaba (cousa difícil a toro pasado), a súa consecuencia pode exemplificar para que non se sigan a facer falcatruadas. O sexa que, pouco a pouco, con tesón, iremos adiante, que non só polo tesón da ría se chamou así a asociación.
A foto, esquecerame poñela días atras: as casas do instituto que parece que van ser cedidas de novo polo concello, esta volta para a construcción de vivendas sociais, segundo se aprobou no pleno da pasada semana. Estas casas xa saíran en 'Ribadeo falls'. Por certo, que esto me lembra que hoxe volta a haber dous plenos máis, extraordinarios, pedidos pola oposición, e en horario de mañá, co que non haberá tanta afluencia de xente como o outro día.

20070320

A perda de servizos en Ribadeo


Todos sabemos que Ribadeo ten perdido servizos en favor doutras poboacións da Mariña ou aínda de Lugo. O caso do xulgado é só o máis coñecido, pero o carácter de extremo xeográfico ten levado á vila a outras perdas. No ámbito educativo, dende que o Instituto fóra hai máis de medio século un referente en toda a costa dende unhas a outras grandes vilas, ten pasado moito tempo e moita política. Foi neste ámbito no que, o mesmo ano no que chamaban aínda denda a Rioxa para ver as prazas de Sanitaria que había libres no IES Porta da Auga (daquela aínda non se chamaba así), unha manobra dende a capital fixo que se perdera esa rama polo seu traslado a Burela. Pode considerarse lóxico: alí había hospital para facer prácticas. Pero, por que entón viu poucos anos antes para o centro ribadense, se o hospital xa estaba en Burela, e por que se foi despois se aquí se enviaba a xente para facer prácticas non só a Burela senón tamén a Jarrio? que as prácticas se poieran facer en Burela facía necesario que os estudantes do noso oriente tiveran que ir ás aulas perto do hospital, ó noso occidente? Dende aquela, hai agora máis de dez anos, outras perdas de posibilidades se sumaron á anterior, e aparece no horizonte unha racionalización de servizos de Formación Profesional que ameaza á rama de administrativo no mesmo Porta da Auga. Despois de poñer por política IES ata nas aldeas, despois de variar varias veces as normas sobre FP, causa inmediata da partición do centro Porta da Auga en dous na actualidade, despois de malgastar as axudas da Unión Europea que xa se remataron, agora veñen e din que hai que racionalizar, e Ribadeo queda de novo ameazado. Onte o Departamento de Administrativo do IES pasou unha carta para a súa aprobación a Claustro e Consello Escolar, pero o caso é a sociedade ribadense. Viveiro e Burela, os outros dous centros conxuntamente cos que habería que 'racionalizar', xa levan avantaxe na movida. Veremos en que remata todo este afán racionalizador dos poucos recursos existentes na actualidade, e cales son os criterios que se impoñen para facer algo ben feito. Esperemos que na zona educativa, dibuxada agora entre as tres Mariñas, é dicir, a Mariña que nunca debeu de partirse a ese nivel político, non fagan ir a estudantes de administravio da Pontenova a Viveiro, o que podería ocorrer 'legalmente' pero sería inviable e impensable na práctica, elixindo Lugo con toda naturalidade. Máis argumentos sairán mañá na prensa, a raíz da carta que se enviará hoxe ós medios, pero todos sabemos que a decisión, aínda que se poda dicir o contrario, é política por unha tradición que non se cambia dun día para outro, polo que a resposta, ademáis de ser racional, ten que ser tamén política.
A notar que hoxe hai outra entrada anterior cun artigo xa vello sobre educación e o seu sentido...
A imaxe, dun abandono menor: unha grúa que leva moito tempo en Obe abandoada perto da vía do ferrocarril (a foto é do 2005 e sigue alí)

Obxectivo Educación


Un artigo sobre educación, publicado hai anos na Mariña de El Progreso, a conta da nova no outro post de hoxe: coa educación tamén se xoga de moitos xeitos, os polítcos saben do tema.

20070319

Cultura e autovía





Onte foi a representación de 'O avaro' de Molière no auditorio Hernán Naval. A adaptación e simplificación da obra ós tempos modernos non deixou mal sabor de boca e lembrou algús pasaxes e ideas ó público. Un só exemplo, cando se compara a falta de distinción do amor, pero tamén dos cartos, na elección das persoas, en cada un dos dous casos por causas diferentes.
Foi unha fin de semana ó Ribadeo, con oferta dende o de tapeo que volve por outra edición ó teatro de base clásica e factura moderna. Fin de semana das poucas que quedan xa nas que se pode pasear pola autovía, e na que os coches podían ir a sesenta vendo a paisaxe que a mesma estrutura lles nega a moitas vivendas que quedan pola parte interior do terreo e para as que a autovía é sobre todo un muro ben alto e groso.
As fotos, vistas dende a autovía na zona de Dompiñor e Piñeira, incluíndo o comezo da estrada de circunvalación e os contenedores da célebre posta da primeira pedra da autovía por parte de Cascos con motivo doutras eleccións, cunha fonte conmemorativa que quedou reducida despois a un tubo con auga por alí estrado.

20070318

Reincidencias en Ribadeo


Os domingos en xeral son parcos de novas. No blog, despois das tres entradas de onte, sobre Ribadeo só teño que comentar dos ruídos da noite e do incumprimento horario dos locais, dos que xa estarán fartos os que me siguen de xeito asiduo. E dos de anteanoite, venres a sábado, na que outro veciño chamou á Guardia Civil (ó non estar cuberta a noite pola policía local a pesares das promesas de comezos de mandato) poucos días despois da apertura dun local anunciada no blog, nunha zona para a que se pide que sexa declarada acústicamente contaminada.
Hoxe chama a atención na prensa que Alcoa agora si quera gas natural cando a Xunta paralizou o proxecto para levalo alí porque antes non o querían. A cousa ten que ver coas tarifas elećtricas e a súa liberalización, e con que ó non haber outras industrias na zona pode facer menos presión sobre a compañía subministradora, e ó non estar moi achegada (si achegada, pero non moito) a unha planta produtora, as perdas de traslado da enerxía son grandes e o prezo que lle pode supoñer, maior. É dicir, unha vez que entra a competencia, tenta cubrirse tras ter protección antes. E esto lémbrame unha pequena polémica (é dicir, que trascendeu ós medios como pequena) de fai cousa dun ano sobre os prezos da electricidade e a situación de novas centrais: en purismo capitalista, había quen defendía prezos menores para as cidades, basado en que a concentración de consumo facía que o seu transporte fora máis doado de organizar e barato, e polo tanto, preferente fronte a moitas zonas rurais, onde se teñen instaladas as centrais polo momento. Como se ve, unha lóxica típica que leva ó desastre ó ser o mundo algo máis que economía e cartos.
A da foto, unha nova rúa en Ribadeo, entre Calvo Sotelo e Rosalía de Castro. O agasallo dos construtores do que remata de virme á cabeza de se o subsolo é garaxe ou no, é dicir, se é público ou privado (lembro aínda a curtoa polémica sobre o subsolo da parte nova do cantón, se mal non lembro concedida polo concello para uso privado para non romper a liña dos outros edificios alí situados...)

20070317

Recensión de blogs de Ribadeo (... e terceirade hoxe)

   Sería bo que de cando en vez fixera unha recensión de novas nos blog de Ribadeo.
   Esta semana, a parte do xa aparecido en Ribadeando, comezou cun post no Cargadoiro, sobre o cumprimento das promesas electorais, e continuou no mesmo blog cun comentario sobre o pleno (cónstame que o autor aguantou ata o final, cousa que non puiden facer eu), e un comentario sobre a xuntanza de poderes eclesiásticos e terrenais a contas das procesións (o que me lembra o artigo procesións e fauna)
   Outro blog, Lonxe do mar, de matriz musical, o martes 13 publicaba ' cambiando de tema', sobre a idea (xa non moi nova) de facer un conservatorio. Tamén se publicaron aquí 'os principios da propaganda', tema que xa comentei, outro sobre os lutiers, e outro sobre a piratería (co que estou totalmente de acordo) en plan sorriso.
   http://marsop.blogspot.com/ deixa outra volta unha regueifa de tecnopost, entre os que elixiría por chamativo o titulado 'La equaliseta y la Pong-neta??'... Chamo a atención sobre os arquivos de son metidos nos post deste blog.
   Mentras, en discriminados sae citado 'ribadeando'...

Fotos, una segunda de hoxe cun artigo de hai varios anos na 'Mariña'



... cabe lembrar que as imaxes, facendo clic sobre elas, en xeral aparecen máis grandes, e hai veces que aínda se poden agrandar máis.
Tamén cabe lembrar a licenza Creative Commons do que poño neste blog (ver abaixo)

Do Xardín de Sela ó ceo de Ribadeo


Dicía onte que as vistas do xardín poden ser moi diversas e ofrecer polo tanto diferentes 'visións'. Aí van varias do entorno das flores de onte.
Unha, de onde tomei unha parte para as flores, outra, onde se ve claramente que o xardín non é máis que unha illa verde no mar de fóra, con contenedores e límites para a extensión do verde. A outra máis, a reparación dun dos límites, mentras que queda moito por facer nos arredores...


Ven esto a que de novo hai rifirrafes na política municipal por cousas que son secundarias: o amaño do teatro, por exemplo, que é certo que chega tarde, como di a oposición, e aínda non comezou cmo anunciou o goberno, pero que é de esperar que beneficie ó pobo. Non embargantes, ese beneficio (e por aí penso que non entraron dende a oposición, e o goberno presentouno como unha conquista) ven a conta de construtores privados, sen que se saiba ben cales son as contrapartidas: unha volta máis, o mesmo que levo denunciado veces. E sen que o pobo tivera ocasión de participar: é dicir, máis do mesmo, mentras se deixa de lado o problema das alturas, por poñer un exemplo. O que nos leva á pregunta xa formulada máis veces: en Ribadeo só contan as empresas ou conta o pobo, e ó seu través, tamén as empresas?

20070316

Unha (ou catro) chamadas de atención






As fotos dan moito de si. As de hoxe son 4(+1) de Ribadeo para chamar a atención (e a unha para plantear unha visión diferente).
A Primeira, igual que as outras, unha denuncia xa coñecida: o lixo e a separación, o do cacareado 'burriño ecolóxico', non sei de onde se sacou ou como houbo que facer, pero está claro que o reciclado non é tal. Neste caso é cartón/papel. Noutros, vidro. Noutros, usar os contenedores de cores como polivalentes... e como a cidadanía ve esas cousas un día tras outro sen corrixir, sen sancionar, ... cada vez peor. Mentras non se tomen medidas no sentido que indico, dubido moito que se logre nada,nin no reciclado nin noutras cousas. Bo, nada non, mala leche por como funcionan as cousas e o xeito de mala educación cidadán.
A segunda foto, unha ilustración do 'ben que se respetan' os lugares adicados á cartelería: Os límites xa non se ven en grande parte deles porque quedaron tapados,pero son abondo menores que a extensión que aparece na foto. Extensión que por certo deixa un oco polo que se pode ver claramente que o local de atrás é un auténtico vertedoiro industrila urbán. As suxerencia é semellante á da primeira foto: se hai unha ordenanza, por que non se aplica? O comportamento do concello é algo así como o dos pais de familia que deixan facer de todo ós fillos sen preocuparse pola educación e logo quéixanse de como saen e de como lles vai a vida.
Terceira foto: esta rúa xa ten saído moitas veces no blog. Dou fe que a última vez que se tocou algo do 'almacén' foi máis dun mes atrás. Segue ocupado, segue o Tesón preguntando por el, segue sin ter nin unha valla de separación, sen saber canto pagan por unha ocupación de máis de dous anos, ... segue. A solución aquí, téñoa clara: liberación xa!
A cuarta foto é a de recheo: a vista achegada á terra, o campo está cheo de flores. Non embargantes, a vista é urbana. O Xardín de Sela, xusto por tras da foto anterior, da para un cadro bucólico se se toman precaucións (mañá, dúas fotos para indicar a que me refiro).
A última foto, a capela da Virxe do Camiño. Foi amañada coido que polo 90 con cartos dicían que de Calvo Sotelo (non sei se foi unha doación ou conseguiu a subvención correspondente), e dende aquela, deixada sen uso e deteriorándose, o que non di nada bo do agradecemento de ditos cartos. Como non se abre, non é doado para min saber ben como está por dentro, pero por fora pintan bastos co deterioro. Por que non usala e así mantela con cariño? (costaría menos o mantemento e faría unha función social) Non sei de quen é, pero é do pobo, e é unha mágoa. Poñamos por caso, aínda me preguntaron onte onde estaba o local da asociación O tesón. A resposta: foi pedido ó concello ó pouco de saír esta corporación, pero segue sen el. Mentras, locais literalmente perdéndose.

20070315

Unha comunicación reducida para a xente que formou parte da banda


Recibín un correo que paso ó blog como segunda entrada de hoxe porque coido que unha parte dos lectores son antigos músicos da banda (sinfónica) (municipal) de Ribadeo [os parénteses son porque tivo varias denominacións sucesivas, mesmo baixo a batuta de Hernán, ata a actualidade].
>A TODOS OS MÚSICOS QUE PASARON POLA BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADEO
>
>Ribadeo, 14 de Marzo de 2007
>
>Dende a Asociación Amadores da Música, promotora da Banda de Música de
>Ribadeo, pensamos en facer unha xuntanza de todos aqueis músicos que en
>algun momento formamos parte da prantiña da mesma. Sabemos que é moi
>difícil xuntarnos todos, pero imos tentalo .
>
>A nosa idea consiste en facer un concerto co maior número de músicos
>posíbel cara o verán (o dia da Patria Galega sería um bo momento) seguído
>dunha cea. E para elo faremos unha primeira xuntanza aproveitando as
>vacacións de Semana Santa, concretamente o sábado 7 de Abril as 8 dó serán
>na casa do mar, e aí confeizoar un programa de ensaios para preparar unhas
>cantas pezas. Pezas que xá nalgún momento foron tocadas na banda e polo
>tanto sería mas doado preparar.
>
>Cremos que é posíbel, pois quen mas quen menos a de ter morriña, a asi
>poderá “matalo vermiño”.
>
>Animádevos e vinde a xuntanza. Pode xurdir calquera outra idea que sirva
>para que a familia bandista siga unida e medrando cada vez mas. Un rogo que
>vos facemos e que pasedes esta convidación a todos os compoñentes da banda
>cós que teñais relazón, pois non temos os enderezos de todos e non nos
>gostaria que ninguén ficase sen ser informado.
>
>Graciñas e ata pronto.
Ou sexa que xa sabedes tódolos e tódalas bandistas pasadas, se vos animades...
A foto non é da banda...

Pequenas cousas




Hai menos dun mes propoñía ter eleccións cada quince días, a ver se as cousas ían máis endereitadas. Organizalas e evitar o cansancio sucesivo non tería sido doado, pero pode que pagara a pena. Agora, con eleccións diante en Ribadeo, ata Acuinor, favorecida polo alcalde senón de xeito ilegal (o que coido que está no xulgado aínda) polo menos si con tintes legais, vai amañar a estrada que desgrazou xa hai tempo, aínda que a 'piscina' da que tamén deixei constancia no blog vai ser vaciada pero parece que polo concello (a todas estas, o PP tamén o reclamou, cousa que sen eleccións, e vista a situación inicial do tema, estou fixo que nunca se lle ocorrería...) Mais? A empresa do edificio que preguntou o Tesón xa máis dunha volta sobre a ocupación dunha rúa no Xardín, o mesmo edificio que provocou o derrube da Avda. de Galicia, etc, parece que tamén comeza a ser posta en cuestión pola oposición por non pagar as taxas correspondentes (parece que algo pagou, pero está en cuestión se o fixo coa cantidade debida) e trato de favor polo alcalde. Os tratos de favor e tratos de 'desfavor' en Ribadeo están á orde do día, polo que parece, e non só porque se se favorece a uns fronte a outros, eses outros queden desfavorecidos. Non só, porque eu mesmo afirmo ser víctima de trato discriminatorio negativo, e por algo 'discriminados' está implantado no concello.
As tres imaxes de hoxe están na área do edificio citado hoxe. Pertencen ó xardín de Sela, á parte privada, tomadas dende a rúa Luz Pozo. Unha, unha árbore que se meteu en medio do novo muro, tomada con fondo o edificio tamén novo, e na que se ve o oco que permite facer as outras dúas fotos, do lateral do vello caserón e do xardín interno, hoxe un tanto descuidado é de supoñer que en parte pola obra.
Dos outros blog de Ribadeo, interesante sobre as ideas de Goebbels en torno á propaganda (coido que aínda sirven para moito) e outra visión do pleno do luns

20070314

Matemáticas electorais para Ribadeo


Esta segunda entrada de hoxe vai para cargar un vello artigo con motivo de eleccións anteriores. Está 'descontextualizado', porque as eleccións refereidas son as municipais ribadenses do 2003, pero quen prema co rato nel para amplialo ó mellor está mellor preparado para despois das novas eleccións...

Outro blog para comparar


Falaba onte cun amigo dos blog de Ribadeo. Estabamos que, a parte de O Cargadoiro, Lonxe do Mar e este, non coñeciamos máis de funcionamento máis ou menos continuado con base en Ribadeo e que trataran cousas de Ribadeo, cada un no seu diferente xeito (hai outros, como por exemplo de base tecnolóxica, ou mesmo sobre física e química en Ribadeo, pero xa teñen outro cariz). E non estabamos de acordo en que outro blog diario adicado a Ribadeo fora malo para este: considero que unha 'competencia construtiva' pode dar moito de si, introducindo novas diferentes e puntos de vista diferentes. Sempre que non se embrolle o tema con discusións fora de tono, por exemplo, o beneficio sería mutuo porque os letores terian unha posibilidade de comparación nun medio do mesmo tipo, e non de tipo diferente (como os diarios ou a radio,por exemplo, que ofrecen cousas diferentes, pero non contrapunto). Xa hai algún tempo que dixen no blog que os partidos políticos rematarian facendo cada un o seu blog, aínda que ese tipo de blogs non sería competencia (coido) direita.
Pero si, así, por exemplo, ó mellor se conseguía unha asistencia ós plenos en xeral maior, e unha difusión dos mesmos tameń maior, xa que o concello non se da disposto a poñelos en internet (algo que na Veiga facían hai anos e parece que non seguen a facer)
A árbore da imaxe, no xardín, xa non pode compararse coas demáis: está morta, podada ó extremo hai uns anos, e dende aquela, homenaxe á natureza morta non reemprazada. O dito, ela non pode compararse con outras árbores con follas por estar morta; para poder facelo tería que estar viva, loitando pola súa superviencia. É unha especie de versión extrema do de 'durmirse nos laureis': ese sono de éxito (real ou aparente) pode dar o traste cunha vida de vigor, loita e adicación, deixando paso a unha relativa inactividade adornada de cousas pasadas.
En fin, saiume hoxe unha entrada diferente e non moi clara se só se lee unha vez, pero o tempo é o que é e vou parando. Despois das tres entradas de onte, as novas de complacencia sobre o pleno de anteonte déronme a idea, que faría falta expoñer de xeito máis longo.

20070313

E terceira de hoxe sobre Ribadeo

Remato de enterarme de que o final do pleno foi máis movido que as outras partes, de calquera xeito, e a pesares do chamamento á presenza dalgunha xente, parece que se foi solventando todo dun xeito moi suave. A resposta ás preguntas de O Tesón ó pleno, a primeira, collida en parte como suxerencia factible, e a segunda, cunha resposta que me sorprende. Non se lle deu licenza a ningunha antena. Toca facer un pequeno dossier de fotos para a súa entrega no concello, de paso que se lembran as preguntas sen responder de plenos anteriores.

Un artigo vello para reflexionar sobre Ribadeo: 'O que é o mundo' (2ª de hoxe)


   Despois de reflexionar un pouco sobre o pleno de onte na corporación de Ribadeo referido na entrada anterior, e aínda a falta de máis información sobre a parte do pleno na que non estiven, relein un artigo que parece ter pouco que ver con el. Nembargantes, unha volta leido, xa non penso igual. Por exemplo, o desenvolvemento da 'crise Santiago' sería o mesmo se non houbera intereses detrás das accións do concello? que información falta de saber ós administrados? ... e só son dous exemplos de preguntas que me viñeron á cabeza relendo o artigo que adxunto, cun lustro ás súas espaldas.
   A outra foto, tamén en relación co pleno de onte: unha antena de telefonía, polas que preguntaba O Tesón ( a índa non sei a resposta).