20200130

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez. Notas de prensa sobre unha xuntanza

Poño a continuación dúas notas de prensa sobre a xuntanza que estaba prevista para este sábado na nova residencia de maiores:
A nova:

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

Ribadeo, 20200130 – Posposta de xuntanza



Tras recibir hoxe, 30 de xaneiro, a resposta do concello á nosa petición de 23 de decembro, negando a posibilidade de uso dun local na nova residencia de maiores para unha xuntanza, e ante a imposibilidade de procura dun local alternativo adecuado e de dar o correspondente aviso á xente interesada, posponse dita xuntanza, sen ter polo momento nova data e lugar de celebración.
Oportunamente, e con tempo abondo, poñerase en coñecemento de tódolos interesados a nova data, hora e lugar de celebración.

-
A vella:

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

Ribadeo, 20200129 - Lembranza



Ó achegarse a data da próxima xuntanza convocada para fundamentar a Asociación pro maiores José Mª Rodríguez, lembramos que terá lugar este sábado día 1, ás 18:00, nos locais da nova residencia de maiores.
Como nas ocasións anteriores, convídase á asistencia a toda persoa -teña algún familiar na residencia ou non- ou asociación interesada en colaborar para que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida.

20200129

Resposta da fiscalia a Por nuestro Faro: “A illa Pancha debe ter a porta aberta”

(Nota de prensa de Por Nuestro Faro)
 
O cartel estivo colocado.
Nos últimos días teñense dado algunas novedades importantes respecto da Illa Pancha das que daremos conta de seguido.

En primeiro lugar informar de que a semana pasada recibimos resposta da Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo á nosa denuncia presentada o 5-7-19. Lémbrese que a denuncia prantexaba o feito de a porta da Illa Pancha seguía (e segue) pechada a público en xeral e so teñen acceso os usuarios dos apartamentos turísticos e persoas autorizadas. Como é sabido a licenza de actividade aprobada polo concello de Ribadeo o día 1 de decembro de 2017 esixe que a porta esteña aberta ao público. A resposta da fiscalía está no noso muro de facebook e aquí so imos suliñar algún párrafos.

No terceiro párrafo da resposta da Fiscalía atopamos a seguinte expresión: “… es clara la obligación del concesionario de facilitar el acceso a la isla del público en general…”. E no párrafo seguinte di textualmente: “…en diversos controles realizados por la Policía Local de Ribadeo a partir de septiembre de 2019 la puerta de paso peatonal ha permanecido abierta de forma regular…”. Finalmente a fiscalía fainos saber que queda aberta a vía xudicial.

A nosa intención non é ofender a intelixencia do lector, pero debemos suliñar o que vimos repetindo dende hai moitos meses. En primeiro lugar tamén a Fiscalía recoñece que a empresa concesionaría ten a obriga de manter a porta aberta, en cumprimento da normativa vixente e das condicións das licenza. E a policía local, en diversos controles, atopou a porta aberta. O problema é que os veciños sabemos que a realidade non é esa, por eso apelamos ao Sr. Alcalde e os concellais para que crarexen esa contradicción mentres seguiremos denunciando que se está usurpando o dereito democrático da veciñanza a acceder a un espazo de uso público e que o concello de Ribadeo non adopta medidas eficaces para garantir ese dereito.

En segundo lugar debemos notificar que a empresa concesionaria está tramitando un novo proxecto de cafetería. Tivemos coñecemento deste asunto a través da prensa e non a través do alcalde, como debera agardarse de unha corporación democrática, porque a información non é propiedade dos políticos senón da veciñanza e a falla de información xenera unha discriminación dunha parte da sociedade en beneficio de intereses particulares. Pola nosa banda presentamos un escrito no concello solicitando o acceso ao devandito expediente e estamos na agarda da resposta. Sin embargo hai que suliñar algún aspectos: O informe do Defensor del Pueblo que esixia a redacción de un Estudo de Impacto Ambiental foi aceptado pola Autoridade Portuaria, pero ese estudo nunca se chegou a realizar. Supoñemos que o Concello de Ribadeo non volverá a pasar de esguello por esta custión decisiva para calquer proxecto incluído na Rede Natura 2000.

En terceiro lugar debemos dar conta de que o proxecto de legalización do verquido e da fosa séptica sometido a exposición pública por Augas de Galicia en Agosto de 2018 ainda permanece sen resolución, despois de transcurridos 17 meses. O día 11 de decembro remitimos un escrito a Augas de Galicia, pedindo información sobre o expediente e as nosas alegacions presentadas o 9 de setembro de 2018 e ate agora non recibimos reposta pero hoxe tivemos confirmación telefónica de que o expediente segue sen resolución e non se sabe para cando pode recaer. Resulta como mínimo sorprendente que estando sen aprobar unha fosa séptica e un verquido para os apartamentos se tramite un proxecto de cafetería que tería un potencial de verquido moito maior e qu precisaría un novo expediente para ser legalizado.

Xa calificamos de esquizofrénica a situación da Illa Pancha e pouco mais podemos engadir. A pòrta de acceso está pechada, cando legalmente deberá estar aberta –agora xa o di ata o fiscal de Mondoñedo- o Estudo de Impacto Ambiental sen realizar despois de catro anos de ser esixido polo Defensor del Pueblo e admitido polo Ministerio de Fomento e a Proxecto de legalización da Fosa Séptica con verquido á Rede Natura 2000 ano e medio sen resolución. E de todo esto non se sabería nada se non houbese un colectivo social que o denunciase.

Colectivo “Por Nuestro Faro”

Fitur comeza en Ribadeo

A comezos de Febreiro 2020, en Ribadeo

  Si, si, xa sei: FITUR celébrase en Madrid, non en Ribadeo. Oficialmente. Pero o que en Madrid vai amosarse na feira internacional do turismo é cociñado antes nos respectivos lugares de orixe, sexan empresas ou localidades. E non só iso, senón que ten un impacto posterior noutros lugares diferentes da orixe -para iso se fai- pero tamén ten un impacto previo. Máis aínda, o impacto posterior buscado en canto a atracción turística (ben cantidade de xente, ben balance económico, etc) é só unha das facetas nas que se deixa sentir o efecto.
  Collo Ribadeo como exemplo, por telo máis a man, pero o método, sistémico, é algo común, aínda que en Ribadeo poda ter algunha significación especial en cousas concretas (hai cousas que aquí se fan mellor que a media)
  Toda actividade induce outras. Mais o que se está a dar -e moito- é que as actividades se autoalimenten, é dicir, teñan unha ‘autoinducción’ de tal xeito que só por facerse sexan promocionadas polos propios promotores como éxito: autopromoción independente dos obxectivos, da súa consecución, o xeito de realizar a actividade ou a existencia dunha medición obxectiva de parámetros para analizar. Debido a ese efecto, moitas actividades non se poden considerar ‘independentes’, non xa de outras do mesmo nivel ou asociadas directamente, senón de cousas como a parafernlia que as rodea. Así, No caso de Fitur, existe un efecto transferencia de actividade e ‘posta no foco de atención’ de Madrid a Ribadeo. As actividades de Fitur, que son en sí propaganda de lugares, experiencias, etc, teñen un efecto en Ribadeo, pois faise propaganda delas -das propias actividades- en Ribadeo. E, xa en Ribadeo, hai outra transferencia tamén, pois a propaganda das actividades realizadas en Madrid serve de promoción para os ‘emisarios’ aló enviados, de tódolos cortes políticos. Ía dicir tamén económicos, pero esta faceta coido que é diferente para considerar, habendo a posibilidade de loitas comerciais, mesmo internas nos grupos ou asociacións, a máis de que as responsabilidades asociadas son diferentes que no caso de responsabilidade pública.
  Coido que se podería dicir moito máis, pero que se pode entender mellor cunha referencia, aínda que poda dar unha visión parcial: hai anos tentei representar o impacto dunha campaña levada por Ribadeo a Fitur, “Ribadeoxqsi”, tildada de éxito. Para iso, puxen a etiqueta da campaña no buscador en sucesivos días, dende a celebración de Fitur 2015 durante dous meses, e reflectín os resultados nun artigo, “Medindo resultados de campañas de propaganda”. Resume: o éxito anunciado non impediu unha realidade na que a repercusión da campaña en Google (ó fin, estamos a falar dunha etiqueta de promoción de Ribadeo) nunca acadou nin o 1% de resultados da procura do nome do alcalde. Como non era un sistema deseñado de antemán para medición, senón algo a posteriori, collido ó paso, os resultados só poden tratarse como indicativos. Aínda así, coido que cabe dicir que a campaña, realizada en Madrid, tivo tanto impacto en Ribadeo, onde saíu máis dunha vez nos medios...

20200124

Pensando na auga cos pés na terra

  Aló polos 80, o concello de Ribadeo e o centro de Formación Profesional colaboraron de xeito que o principal motivo de iluminación nas festas era un escudo feito no centro. Orgullo para o centro e os alumnos que o fixeron, e aproveitamento tamén por parte do concello. Unha colaboración, como se di agora, win-win entre entidades públicas. Do mesmo feito, a finais desa década, o centro recuperou o cranio e unha mandíbula de cachalotes, nun taller que serviu de experiencia a profesores e alumnos, e logo cedeuno ó concello. Dende aquela, pola contra, tense realizada unha longa experiencia coa privatización. Por exemplo, da auga: o servizo foi alleado de xeito que unha empresa privada corre coa xestión. E, de forma semellante a outras privatizacións de servizo, o concello liberouse unha carga de traballo a cambio de soportar anos despois unha carga no mantemento da traída, a máis de seguir soportando en defensa da cidadanía tódolos inconvintes e queixas como a contaminación do CAVI ou o sabor da auga. Ben, a empresa ten que sacar un beneficio porque é a súa función (non a de subministrar auga, que é secundaria, un medio para o fin do beneficio)
  Non todas as colaboracións entre entidades públicas teñen por que saír ben ou ser útis. Por poñer un exemplo, o uso da Deputación como xeito de axilizar o cobro dalgúns impostos pode brindar unha maior cobertura de recursos, pero iso, que se comezou a facer na segunda metade dos anos noventa cun alcalde que tamén estaba na Deputación, non levou unha diminución de persoal no concello, e si implicou unha dificultade para algunhas reclamacións, ó afastar de Ribadeo a xestión, co que o balance neto non está tan claro como no caso que comeza este texto.
  Hoxe por hoxe, despois de anos de gabanza a nivel mundial das bondades do capitalismo, vese que na cesión de servizos non funciona mellor, nin á postre de xeito máis barato, un servizo privatizado que outro que non o estea: nin os intereses das empresas coinciden cos do servizo, nin os cartos se aplican só o servizo senón tamén á ganancia, nin a xente pode ter o mesmo control, nin se sinte coa mesma responsabilidade, nin o mantemento da rede de servizo a longo prazo interesa como algo que reporte á empresa beneficio. E, mentres a xente segue a perder poder sobre algo do que depende, mesmo vai perdendo a noción de que ese servizo foi público. Naturalmente, casos de xestión pública desastrosa existen, e máis dende que os intereses privados de dirixentes públicos están tan claros como as chamadas 'portas xiratorias' deixan ver, co paso de políticos á empresa privada e de dirixentes de empresas privadas 'chamados' a ocupar postos de xestión pública.
  Por esa visión cada vez máis clara, e a pesar dos inxentes intereses do capital concernido, estase a reverquer unha serie de privatizacións, en particular no servizo de augas, así como se comeza a levar a cabo a instauración de empresas municipais en campos como os do subministro eléctrico ou internet. É dicir, un fenómeno de execución local que se está dando a nivel mundial seguindo unha mentalidade de servizo, non da chamada riqueza.
  A conciencia da xente de que ten pouca participación na toma de decisións e o seu encadre en grupos que dun xeito ou outro presionan ós mandos da administración dende abaixo, permiten que pouco a pouco os servizos se volvan a contemplar como unha necesidade pública que non é boa idea transfeir a mans privadas.
  Por outra parte, séguese a facer presión sen disimulos en sentido contrario, para privatizar servizos como a sanidade ou a educación, con pingües beneficios para empresas privadas e encarecemento e dificultade de acceso para a xente, mentres se dificulta o funcionamento da prestación pública do servizo. Ou se deixan recolectar e usar datos públicos por parte de empresas privadas para subministrar servizos, nas tan cacarexadas 'smart cities', deformando un concepto de intelixencia colectiva en función da intelixencia do capital que recolle os datos. É o que ten un sistema que deixa florecer a corrupción.
  Por certo, dos restos de cachalote cedidos hai trinta anos en Ribadeo non se volveu saber: as institucións non sempre funcionan ben, como sinalei máis arriba.
  Mentres, que sorpresas en relación á auga nos esperan cara ó verán?

20200123

Fágase a Luz

  O pasado sábado Luz Pozo Garza foi declarada filla predilecta de Ribadeo. Non puiden asistir; como compensación engadín algunha cousa á súa xa longa entrada na Galipedia.
  En casos semellantes soe haber propaganda de diverso tipo, maiormente institucional, que anima a outra xente máis ou menos próxima a unirse á corrente, resaltando a bondade do nomeamento pola gabanza do/da nomeado/nomeada. E, por outra banda, tamén aparece un grupiño ou grupo de xente que argumenta en contra, ben sexa da persoa ou a súa idoneidade, ben, indirectamente, dos poucos méritos relativos para o nomeamento ou da capacidade de quen nomea para facelo.
  O caso de Luz Pozo non é diferente. Dende o goberno municipal, a concelleira de cultura defendeu o nomeamento, o mesmo que o cronista oficial, sendo o nomeamento decidido de xeito unánime na corporación. Pola banda contraria, algunha xente manifestouse nas redes sociais máis ben no sentido de que hai outros ribadenses que deberan ser nomeados antes. A unanimidade dos representantes electos no concello fixo a onda ó nomeamento. Mentres, boa parte da poboación (incluída con seguridade xente que ‘vota a favor’ tanto como que ‘vota en contra’) non leu nin un só poema seu nin podería falar máis de dez segundos (ao menos, antes da propaganda) sobre ela.
  Os nomeamentos son algo cunha parte importante de subxectividade, aínda que deban estar baseados en algo obxectivo. Así pois cabería preguntar, Luz Pozo, méritos? Para resposta, val con que se mire o que ocupa o nomeamento en relación á súa biografía (por exemplo, e porque xa está actualizada, en https://gl.wikipedia.org/wiki/Luz_Pozo_Garza).
  Pero para un nomeamento así non chega cos méritos persoais. Tamén están os méritos para/por ser ribadense. En comparación con calquera outra persoa. E nisto de ser ribadense, venme a memoria que, despois de máis dun cuarto de século en Ribadeo, tendo desenvolto o groso da miña actividade vital aquí, alegouse na miña contra como arma de desautorización -por escrito, en medio público e por persoa relevante- que non era ribadense, que era de fóra. Mentres, un tempo despois se reformou a normativa de entrada na vella residencia para facilitar o acceso a dúas persoas que marcharon de nenos de Ribadeo, sen voltar vivir ata a pretendida entrada na residencia.
  Así, é relativa a significatividade. O que é significativo para alguén pode non selo para outra persoa, e viceversa. É dicir, case é inevitable o desacordo en casos coma este, sendo diferente a escala (non só de valores) de cada quen, co que a outra xente lle iría moito mellor que fose(n) outra(s) persoas as nomeadas. A unanimidade na votación no concello só significa presión social para non discrepar, non que non se poda discrepar.
  Dito o dito, parabéns, Luz. Parabéns, Ribadeo.

20200115

O Colectivo Por nuestro Faro lembra que son dous anos sen acceso á illa Pancha. Nota de prensa

  O Concello de Ribadeo aprobou a licenza de actividade dos apartamentos turísticos da illa Pancha o día 1 de decembro de 2017, ao constatar que a porta de acceso estaba aberta ás 14 horas daquela data. Varios informes técnicos internos do concello e da Autoridade Portuaria esixian esa condicón dacordo ca lexislación vixente. Sin embargo, como ben saben os ribadenses, a porta seguiu pechada ao público en xeral e so poden acceder as persoas que arrenden habitacións no devandito estabelecemento. E estamos a 14 de xaneiro de 2020. Dous anos longos sen cumplirse as condicións da licenza polo que atinxe @s veciñ@s e visitantes.
  Nen o noso colectivo nen a opinión pública tivemos coñecemento da concesión da licenza baixo esta condición ata primeiros de xaneiro de 2019, cando tivemos acceso a unha parte do expediente da concesión da licenza trala presentación de unha denuncia diante da Valedora do Pobo Galego, que obligou ao concello a permitirnos consultar os documentos devanditos ao abeiro da Lei de Transparencia.
  Os días once de abril e oito de maio de 2019, visto que a porta de entrada na Illa Pancha seguía pechada rexistramos sendos escritos no concello de Ribadeo dando conta ao Sr. Alcalde desta circunstancia ao mesmo tempo que o puxemos en coñecemento da opinión pública. Folga suliñar que o Sr. Alcalde non respostou ou fíxose que non se daba por enterado.
  De seguido agardamos mes e medio e o día 24 de xunio de 2019 formalizamos unha denuncia por escrito na Fiscalía do Xuzgado de Mondoñedo polo recorte dos dereitos democráticos dos veciños, ao non permitirse o acceso a un espazo libre de uso comunitario, engadindo os documentos mais significativos que avalían os feitos denunciados.
  Agora sabemos, a través de informes xurídicos que o día 3 de Outubro de 2019, o concello de Ribadeo notificou por escrito á Empresa Eirobra SL a obligatoriedade de manter aberta ao público a porta de acceso á Illa Pancha para dar cumplimento ás condicións da concesión da licenza de actividade.
  A cuestión e rechamante: O concello esixe o cumplimento da licenza 21 meses despois de concedela, nun asunto de interés xeral, onde se ven afectados os dereitos dos veciños e visitantes, pero tres meses e medio despois desa esixencia, ou sexa 24 meses despois da concesión da licencia a porta segue pechada e os dereitos democráticos do vecindario, o dereito de libre acceso a un espazo público segue pisoteado e marxinado. E o Sr. Alcalde calado, deixando o tempo correr e ollando para outro lado.
  Nos últimos meses fixemos o seguimento da nosa denuncia na Fiscalía do Xuzgado de Mondoñedo e hai quince días informaronnos verbalmente que habería noticias en pouco tempo.
COLECTIVO POR NUESTRO FARO

Sostibilidade, unha palabra


  Hai palabras de moda. Na actualidade unha desas é ‘sostible’ (e as súas derivadas, como Sostibilidade). Moitas veces, o malo destas modas é que facendo ver e resaltando o que indica a palabra, banalízase o significado. As verbas trivialízanse, asumindo unha precisión imprecisa. Precisión de significado fixado; imprecisión de interpretación e cumprimento.
  Sostible. “Que se pode soster. Que permite preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro.”
Nunha interpretación ampla, de miras curtas, na que se acepta o ‘máis ou menos’, todo é sostible, pois difícil que unha única acción leve ó desastre ó planeta de xeito inmediato, e con que produza unha apariencia de utilidade, xa ‘se pode soster con aproveitamento’, facendo énfase sobre todo no do aproveitamento, non en quen se pode aproveitar. Polo contrario, dun xeito estrito, todo nos leva á morte e á destrución, de forma que a única vía sostible sería non facer nada, morrer antes da morte. Hai unha conciencia interior diso. E do outro. E unha infinita diversidade tamén sen límites precisos entre medias, que se aproveita para facer da capa un saio.
  Din que estamos nunha era ‘líquida’, que significaría algo así como que a substancia das ideas na actualidade pode fluír, cambiar da forma e trasladarse, aparentar cousas diferentes dun intre a outro. Esa visión dos tempos axuda a que as verbas aínda vallan menos, esquecendo aquel vello ‘din a miña palabra’ como valor do que responder. Non, hoxe non é así. E hai xente mestra no cambio de interpretación ou o axuste da realidade á interpretación elixida. Con patente de corso para as súas verbas e para as dos demais.
  Oficina de sostibilidade: hai máis de once anos, o 16 de decembro de 2008, aparecía unha nota do concello na que se difundía a consideración de Ribadeo de ‘municipio galego sostible’ pola Xunta, poñendo o acento en que grazas a elo e á axuda correspondente o concello podería ter unha cousa tal. 2020... e a oficina? Nin idea, non debía ser sostible despois do período da remesa de cartos asociada. Resultados? De que, de ‘sostibilidade a 12 anos vista’? Dende o daquela, ten xurdido a acción local polo clima, con Ribadeo como concello asociado, pero segue sen un carril bici nin aviso de accións coordinadas. O uso do coche privado é cada vez máis necesario para cada persoa, e cada vez máis lonxe do necesario para todas. Hai rutas a pé ó longo do concello, aínda que mais máis ben parecen teóricas ou virtuais, e por suposto, turísticas. A substitución de árbores á beira da ría é unha realidade estética, mentres os eucaliptos seguen con tranquilidade xeral. Dende entonces houbo un bonito muíño eólico no porto deportivo, multiplemente publicidado pero que nunca estivo enganchado para ningún tipo de subministro, ata que se desmontou. Iso si, os paneis solares na piscina, abordados tamén na nota de prensa citada, seguen instalados.
  Sostible é unha palabra. Para aplicación polas persoas, a sociedade ou o planeta. Un exemplo ben trazable no tempo dunha institución só indica iso: exemplificación dun feito, sen carácter didáctico adoctrinante. Pero si, a nivel persoal, o mesmo que comunitario no concello, parece que a liña pasa por ‘adaptarse e morrer’ en solitario fronte a ‘loitar e continuar’ en conxunto. Poñer unha cagadiña ben coidadosa aquí mentras os cans espallan cagadas pola rúa... Non podemos botarlle a culpa só ó fracaso do cumio do clima. Nin ó capital, aínda que impoña o sistema que nos leva ó desastre.
  Rematando o artigo, vexo que é confuso. Como a situación actual. Mirareino de novo, como necesitamos mirar a situación planetaria? Amañarei algo, amañaremos algo cara ó futuro? Quizáis haxa que tirar moitas cousas ó lixo (a reciclar) para salvar algo. En ambos casos.

20200108

Viaxar ás capitais... dende Ribadeo?

    Hai unhas semanas aparecía na primeira dun xornal: 'Viaxar a capitais galegas en transporte público dende Lugo é unha odisea'. Coido que quen puxo o título non atoparía outro para poñer sobre o mesmo tema dende Ribadeo... a non ser que usara a palabra 'imposible'.
    No interior do xornal, o título era 'Unha vila (case) incomunicada", e incluía infografía cos tempos, en tren ou autobús, en chegar ás outras capitais, a cada hora de conexión, e indicando se había enlaces ou non. A (case) incomunicación permitíalle ó xornal desdeñar comunicacións por tren con Vigo por ter mal enlace en Ourense.
    Dende a costa vemos esas (case) incomunicacións como un luxo, un auténtico derroche que non podemos permitirnos. Vexamos como exemplo o caso de Ribadeo, deixando á beira do camiño solucións como a que plantea unha empresa de billetes por internet, facer a vixe a Lugo a traverso de bus e tren pola Coruña e Ferrol, ou ben en bus por Ponferrada e Oviedo.
    Anda! Se non hai autobuses para ir ó hospital a Lugo! Ben, non é certo, sempre podes ir ata  estacion de autobuses de lugo, e logo coller un urbano... e sorrir mentres. E hai ata catro servizos de ida e outros tantos de volta (os días laborables, a partir de hora e media de duración de cada traxecto), que permiten pasar literalmente o día en Lugo. Se tes que ir ó hospital e estás delicado... bueno, iso é 'algo' diferente, xa te amañarás para chegar. Por outra banda, se es de Lugo e queres pasar o día en Ribadeo, mellor, procura onde durmir se ves en autobús.
    Tren... coido que hai máis dun século que non se propón nin que exista unha vía férrea entre Eibadeo e Lugo.
    Pasemos á capital de Galicia. Se salgo ás 9 da mañá, podo estar de novo na casa en Ribadeo ás 10 menos cuarto da noite. Quédanme 5 horas e dez en Santiago! Claro que como chega ás 13:20 á estación de autobuses de Santiago, o de facer xestións non está nada doado...
    Vale, imos ver á Coruña. Procuro e... xa teño a volta para os días de diario... e a ida? Non aparece!... pensándoo mellor, vou a Ferrol, que si que atopo algo directo de ida e volta, a FEVE: 4 posibilidades de ida e outras catro de volta a diario, todo un luxo que ata me permite estar entre as 10 da mañá e as sete da tarde na 'cidade departamental', tras tres horas de viaxe de ida e antes doutras tantas de volta. E de alí á Coruña podo ir ata en barco! [Nota posterior: o servizo regular de barco entre Ferrol e Coruña comunícanme que hai tempo que desapareceu, quedando só un servizo turístico de verán que a estas alturas non teño confirmado se funciona] Non sei o que durará funcionando a liña Ferrol-Xixón, pero mentres dure, aínda cos contínuos fallos no funcionamento por diversos motivos achacables en xeral á falta de inversión en mantemento, bendita sexa!
    Claro que no caso de Ribadeo, extremo norleste da administración noroeste, sempre nos quedan Oviedo ou Xixón... cidades que por algo teñen a Ribadeo na súa esfera comercial, e aínda a pesares doutras tres horas ou catro horas de viaxe segundo o medio de transporte comunitario e horario elixidos, porque si, neste caso, ata se pode elixir!
    Unha nota final: Xa non poño nada sobre ir ata Vigo ou Ourense. Por que? Adiviña!

20200104

Lembrando os sábados das pensións en Ribadeo

Xa hai tempo que se superou o ano das protestas polas pensións, tamén en Ribadeo, onde, aínda con altibaixos estacionais, a protesta non está no seu peor momento. E iso veume á cabeza ó ler unha nova no El Economista en internet (“Los jubilados reciben de media 1,36 euros de pensión por cada euro cotizado”). Cando lin o título, decidín ler o interior da nova a ver se me aclaraba máis. Detalles aparte (e tamén propaganda para meter as pensións privadas ata como obrigatorias), a nova cita un estudo do BBVA segundo o que, ós 12 anos de xubilado, xa se tería gastado a pensión de 40 anos de cotización (é dicir, por exemplo contando que estás traballando de xeito ininterrompido dende os 25 ós 65). Polo tanto, en números redondos, terás gastado todo o acumulado ós 77, co que, coa esperanza de vida case nos 82 anos, sae un gasto de case un 42 % máis. Se te xubilas ós 67, coa mesma data de falecemento, entón a cousa baixa por baixo dun 25 % 'extra'.
Non sei como fixeron eses cálculos no servizo do BBVA no que logo recomendan un sistema de pensións privadas obrigadas, pero non me saen as contas. Explícome: considerando que na miña vida laboral houbo momentos nos que os intereses andaban por riba do 6 %, se lle aplico ese interese á primeira retención debida á seguridade social, sae un valor ó cabo de 40 anos de máis de dez veces o inicial, co que case só cos réditos estaría saíndo a pensión actual... se non nos poñemos avariciosos e só consideramos a inflacción (e lembremos que a inflacción también é manipulable para que sexa favorable), remato de facer as contas cos datos de inflation.eu, e sáeme un valor superior ás seis veces o inicial. Considerando que o meu soldo se revalorizou unhas cinco veces, lévome a sorpresa de que durante a miña vida laboral o índice dime que perdín poder adquisitivo en troques de ir ganándoo (cousas dos anos da crise, coido). Pero como non íamos a iso, senón a botar contas sobre as pensións, para esgotar en 12 anos a paga gardada dos 40, resulta que me terían que reintegra unha cotización mensual de 3,3 veces a que me retiraban (en total, contando o retidado dende a empresa, que non aparece en nómina)
De calquera xeito, a cousa non está aí, senón que coido que está noutro lugar: en que dende o nacemento do sistema de pensións en España, o que se paga ós pensionistas ven saíndo das cotizacións dos traballadores en activo no momento. De aí que 'cando convén' as contas que se fan inclúen o número de traballadores en activo en relación ó numero de xubilados. E claro, se hai paro e soldos de merda, non hai forma de manter as pensións, nin tampouco os mesmos traballadores, que necesitan o apoio da caridade. Por contra, nos tempos de bonanza, fíxose unha caixa de resistencia que se rematou empregando para outras cousas. Un esquema visto máis dunha vez cando xente con certas ideas econḿicas chega ó goberno.
Teño esperanza de vivir aínda moitos anos e sei que un 'pequeno complemento' como pode ser a reintegración do roubado por corrupción, ou os 80 000 000 000 euros difuminados en axudas ós bancos (coido que eran máis, pero deixémolo así, as cifras bailan) poden axudar á caixa das pensións. Se poñemos 10 000 000 de pensionistas (non chega ben, pero vai en aumento) incluídas viúvas, orfos, incapacidades, etc, saen a 8000 € máis por cabeza só por este último motivo.
Ou sexa, abonda de botar contas. Non se trata de que 'os pensionistas vivan mellor que os traballadores', senón de que todos vivamos dignamente. E hai cartos. O que hai é que non ser mangantes, é dicir, non mangalos, senón xestionalos...

20200101

Ribadeo: vista parcial da mañá de ano novo

As rúas non estaba baleiras, pero menos aínda cheas, mentres o sol ía desterrando o frío do novo ano...