20190628
Illa Pancha: AGRADECIMIENTO Y ACLARACION
20190627
PARABENS A PLATAFORMA POLA RESIDENCIA DA TERCEIRA EDADE. EN MAREA RIBADEO
20190626
A ILLA PANCHA CHEGA A FISCALIA
Nota de prensa
20190624
Toma de posesión do alcalde de Ribadeo: lembranza de programa e discurso
Foto de gl.wikipedia.org, Lic.Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 España |
20190622
Ciudad horizontal. Pablo Mosquera
Utilizo como guía a obra "Descripción Histórico-Geográfica de la Provincia de Lugo", publicada en 1900 polo seu autor Antonio Correa Fernández. Médico que como outros tantos non aparece nalgunha obra con ínfulas sobre "Historia da Medicina de Lugo e a súa Provincia" dun tal Pardo, que se autoproclamaba "discípulo de Marañón, por figurar como "oínte" na Clínica Privada do gran clínico e político da Xeración de 1914, por terse trasladado a Madrid ata 1951 que se instala en Lugo. O Dr. Correa fixo o doctorado, foi Académico da Real Academia de Medicina de Madrid e Barcelona, así como autor de magníficos traballos de toda índole.
E como queira que estou na fase do personalismo, vou lembrar aos fillos ilustres da nosa antiga provincia de Mondoñedo nesa encrucillada entre os séculos XIX e XX.
A nosa inmortal Mondoñedo viu nacer en 1862 a Emilio Tapia Rivas, quen se esforzou por levar a todos os galegos a información xornalística a través da afección pola prensa escrita, fundando e dirixindo "El Hermandino" e "El Diario de Mondoñedo", ou aquel magnífico Boletín de feiras e festas que deu lustre ás San Lucas. A súa vida profesional como Avogado levoulle a ocupar importantes cargos na Administración Pública e no ensino.
Pola miña condición de médico quero recordar aos que así exercían en 1900. Alejandro Barba -Forense-, Manuel Leiras, Isidro Baamonde, Pastor Taladriz, Ramón Álvarez Mon Rebellón. Tamén aos boticarios: Afasto Federico, Domingo Martínez, Pedro Mon.
20190621
Condea e indemnización
Foto de Sofía Martínez Martínez, lic. CC BY 3.0 collido de https://es.wikipedia.org/wiki/Esposas |
Vexo na prensa ("Cárcel para el excura de parroquias de Ribadeo y Trabada, José Emilio Silvaje" é o título na Voz) que José Emilio Silvaje Aparisi, excura que serviu en parroquias de Ribadeo entre 2008 e 2012, antes de saírse, foi condeado a prisión: tres anos e medio. E a indemnizar á diócese.
Deixo esta entrada como lembranza de artigos directamente sobre Silvaje neste blog, os numerosos adicados por José Mª Rodríguez ó espolio no seu blog (por exemplo, 'Cedofeita llora en silencio su espolio' ou 'Los mantos de la Virgen Dolorosa') e outros que de xeito indirecto tratan o tema (Cantiga de Carnaval, De culebrón e teoría da conspiración, ...) De numerosas aparicións do tema nos xornais, e tamén do blog de Silvaje, 'Configurando la mirada', con edicións entre outubro de 2015 e maio de 2017, anos despois de deixar o aciprestazgo en febreiro de 2012.
Atrás quedan os roubos en Sante ou Cedofeita, as pulgas que lle puxeron en Covelas, as invitacións ós catequizados en Ribadeo, o desprezo polos fegreses ou os sacristáns ("el que no era borderline era subnormal")o cura con coche de gama alta, as negacións ("He sido injustamente acusado y estoy dolido; he llegado a llorar", título dun artigo na Mariña de A Voz), en xeral un paso pola zona que non foi pouco accidentado.
20190619
Casas de apostas
Nas cidades polas que teño ido a última tempada non o deixei de notar: as casas de apostas están á orde do día, ocupando espazo físico da cidade e coido que tamén mental nos cidadáns.
"Cada vez que un goberno estatal recibe diñeiro dos casinos e lle chama impostos, esas autoridades están axudando a manter os intereses da mafia." A cita, de O longo adeus, de Raymond Chandler, versión en galego de Hugin e Munin traducida por Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar, p.468 da única edición ata o de agora, non debe tomarse para interpretar de xeito literal, pero tampouco ser desprezada como clave introdutoria.
Despois de ter proliferado polas cidades, é de esperar que as casas de apostas se vaian estendendo ós pobos. Pola cantidade de poboación, Ribadeo non parece candidato a unha primeira oleada de expansión, pero o fenómeno está aí. E detrás veñen as consecuencias. Non só o vicio senón os necesarios aportes económicos para mantelo. Mantemento que necesita dunha certa colaboración ou polo menos, aquiescencia dos gobernos dos diferentes niveis de administración. E aportes económicos que tamén transforman a economía e que levan o poder dos cartos a unha área ou a outra: a iso se refire a cita, ós cartos dunha actividade branqueados pero sobre todo 'honorificados' a raíz da aceptación de impostos resultantes dela e a incorporación ós fluxos económicos como uns cartos máis.
O doado sería prohibir. Ese é o punto no que inciden os veciños de numerosos barrios das cidades cando protestan pola instalación de casas de apostas. Pero iso, unha volta nadas, existentes e puxantes as apostas, sinxelamente as levaría a terreos ocultos (e sen pago de impostos!). Agora ben, un cóctel de educación, altos impostos, restrición de anuncios, etc, podería contribuír a controlar as partes negativas e aproveitar as positivas. E mellor, preparándose dende xa antes: cando se solicite a primeira licenza de actividade xa será tarde para algunhas cousas.
20190618
Resistente galego
Lic CC-by-sa 3.0 de David Sebastian Liuzzo (Obra derivada: Alexandre Vigo), collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:800px-EU_location_GAL.png. |
Despois de ver as novas destes días sobre o terrorismo galego (ler por exemplo "¿Existe Resistencia Galega o es un bulo de Gobierno?" en eldiario.es), venme á cabeza a pregunta de se se me podería considerar de Resistencia Galega, máis aló de se existe, que parece que non. O que si coido que se me pode considerar, como a moita outra xente, é un resistente galego.
Resistente por seguir vivo e mal que ben, practicando a nosa lingua e procurando o ben da nosa terra e da nosa sociedade. Resistente por querer e aprezar cada corredoira e cada monte, transitada dende hai moito e presente na vida de moita xente antes de chegar a nós. Resistente por tentar ensinar que o desenvolvemento comeza por nós mesmos, abríndonos e aprendendo do mundo, e non na explotación dun mundo que non só non é só noso senón que tamén nos ten permitido vivir grazas a que non o estabamos expoliando. Resistente por ter claro que a terriña é só a parte máis achegada a min da Terra, á que por iso teño máis oportunidades de manifestarlle amor que, poñamos, a Suazilandia. Resistente por cousas así, coido que sinxelas, que veñen dadas de xeito natural, que non son exclusivas miñas, nin en termos xerais, nosas, aínda que as vivamos con certas características pola convencia coa nosa lingua, a nosa paisaxe, a nosa terra, os nosos amigos, a nosa sociedade.
Que eu saiba, non hai unha data de nacemento da resistencia galega. Considerar como tal o comezo dos irmandiños coido que extrapolar a partir de algo ben diferente. Un nacemento ós poucos, si. A medida que se ía configurando o país e os agravios á xente por parte de quen non só quería ter poder, senón máis poder. Algo que de diferente xeito se ten dado arredor de todo o mundo, mesmo contaminado con ansias supremacistas dun ou outro signo, escollendo uns ou outros enemigos ou apoiando e encumbrando líderes locais que coller como un símbolo máis, como forzamento á aglutinación dunha 'nacionalidade'. É dicir, dun illamento que contrapoñer a outros e que leva ó desprestixio do nacionalismo (dos 'outros' nacionalismos, claro!)
Como resultado, como resistente galego, si, formo parte da resistencia galega. Non me fai falta un carnet ou inscrición, xefe ou estrutura de funcionamento, nin tampouco recoñecemento. E ti?
20190612
Posta en funcionamento da residencia de maiores de Ribadeo. Nota de prensa
20190611
Na Ponte de Arante, romaría das Cruces
Había unha razón para que acudira máis xente que outros anos? Pode dicirse que si. Por unha banda, este ano a romaxe das Cruces recibiu o título de declarada de interese turístico de Galicia. Isto implica unha promoción, que máis aló de constituír unha nova de prensa en varias ocasións, se manifestou pola presencia de enviados da Xunta para destapar un cadro cunha placa, que é de esperar que quede permanente nalgures. Como apoio a esta promoción, ou máis ben como promoción alternativa, o concello sacou da manga este ano o título que abre esta entrada, unha 'crecencial do peregrino ribadense' (ás Cruces) que foi acompañada da posibilidade de baixar nun autobús pagado polo concello, a máis das participación da xente de dous obradoiros de emprego desenvoltos no concello na peregrinación.
Foi curioso observar o que se podería chamar protocolo, coa diferenciación clara de intervención entre xente da Xunta e do Concello. Tamén resultou chocante que na intervención da 'xente da Xunta' dando nota de que se concedera o interese turístico para a romaría, non se tivera en conta a outra placa xa situada na parede que indica a batalla que tivo lugar alí no 1809 e que deu lugar á representación das cruces, acto central da romaría. Tampouco se falou do estado das humidades e dunha solución duradeira para o problema.
As compoñentes que deron lugar ó que hoxe coñecemos como 'romaría das cruces' teñen unha parte relixiosa, pero tamén outra de mitoloxía histórica. Coido que habería que coidar ambas para que a festa non quede desvirtuada como unha compoñente máis do 'panem e circenses' moi típico na sociedade actual.
En fin, aparentemente, a festa seguirá a medrar a partir da potenciación que se está a facer dela. Este ano na romaría había peregrinos valencianos que gastaron un día do seu camiño a Santiago uníndose á romaría, a máis doutros que pasaban e participaban por un ratiño.
A máis de moitas outras fotos doutras entradas anteriores sobre as Virtudes/as Cruces, e a entrada correspondente na Galipedia, deixo algunha tomada onte:
Chegada dos pendóns da zona de Arante |
Acto para difundir a declaración de interese turístico |
Cabeza da procesión: Pendóns e cruces, e virxe |
Santiago Matamoros, unha das tallas antigas do santuario. |
Virxe das Virtudes |
Placa conmemorativa do combate contra os franceses. |
Detalle dun dos contrafortes: cruces gravadas. |
20190605
Unha lembranza de hai 22 anos: celebración do 5º aniversario da banda de música
20190604
Indianos. Por José María Rodríguez Díaz
- E logo pra onde vas tan á présa, Xan, ¿Tes algo de novo?, preguntoulle Xan ó veciño vendo pasar con paso apurado cara a vila, vestido de traxe novo e sombreiro.
- Non, oh. E que me vou pra América, respondeulle o veciño.
- Manda carallo, e eu en zocas, comentou Xan polo baixiño.
Unha pequena anécdota que amosa que marchar pra América en
tempos pasados formaba parte da rutina diaria na vida da xente en
Galicia. A partir do seu descubrimento por Colón foi o impulso
patriótico e aventureiro dos españois o que motivou a súa marcha masiva
ás Indias, recentemente descubertas. Estimulados polas lendas e xestas
dos primeiros emigrantes, enseguida se desatou o desprazamento masivo
dunha avalancha de aventureiros e cobizosos que emprenderon o camiño da
aventura cara a terras afastadas e descoñecidas en busca de ouro,
riquezas e novas oportunidades político militares. Eran os primeiros
tempos do descubrimento de América que, coa chegada a España de tanta
riqueza traída polos primeiros colonizadores, contribuíu ó nacemento do
Século de Ouro e á expansión do chamado Imperio Español. Pro a esta
gloriosa época de desenvolvemento e riqueza seguiron outras nas que o
noso país se atopou afundido na pobreza e na miseria. Tempos como os dos
sécalos XVIII e XIX nos que a fame se estendeu por toda Galicia, como
se reflicte nunha acta plenaria do Concello de Ribadeo, do ano 1739, na
que se di que “algunos labradores se vieron obligados a comer hierba”.
Un dato que, sen ter que interpretalo literalmente, é dabondo
demostrativo da miseria económica na que a sociedade galega vivía.
Épocas nas que a necesidade e o espírito de supervivencia empurrou a
moitos españois, especialmente en Galicia, a marchar a facer as Américas,
como vulgarmente se dicía, e a atravesar o Atlántico pra buscar o seu
futuro en terras iberoamericanas, como Brasil, Cuba, Arxentina, Uruguai,
Chile, Venezuela ou México. Ata tal punto afectou ó noso país esta
masiva emigración que pode dicirse que non hai familia en Galicia que
non sufrise o impacto da emigración con algúns dos seus antepasados en
América, especialmente nos séculos XIX e XX.
Homes e mulleres que, empurrados pola necesidade de
supervivencia e pra mellorar a economía familiar, deixaron os seus pobos
para fuxir da fame, marchando cunha vella maleta na man, chea de
esperanzas, ilusións e recordos. Moitos deles acadaron riqueza e
prosperidade en ultramar, se ben non todos tiveron a mesma fortuna. Pro
aínda que foron moitos os que, co seu esforzo e traballo, e axudados
pola sorte, lograron amasar verdadeiras fortunas tras das que se
agochaban, ás veces, duras e escuras historias, a maior parte dos que
marcharon non atoparon mellor destino en América que a mesma pobreza da
que fuxiran. Foron moitos os que se viron obligados a renunciar ós seus
soños de poder tornar un día ricos á súa terra natal á que uns volveron
coas mans baleiras, mentres que outros fundaron a súa familia nesas
terras, deixando aquí os seus antepasados.
Os poucos que lograron amasar coas súas industrias ou negocios
grandes fortunas, cuxa limpeza de orixe era con frecuencia posta en
cuestión polo pobo, decidiron volver anos máis tarde á súa terra de
orixe convertidos en prestixiosos e ricos personaxes ós cales o pobo
denominaba co nome de Indianos. Tal foi o caso de Bernardo de Guimarán, coñecido popularmente nesta vila de Ribadeo polo nome de "o Indiano".
Fortunas que contribuíron a enaltecer non só as súas vidas, senón a
fomentar a educación e o benestar das nosas xeracións posteriores e que
aínda perduran hoxe no noso ámbito, sen que moitos se decaten de que son
produto do froito da suor dos nosos devanceiros emigrantes.
O obxectivo do emigrante era retornar un día a súa terra natal
pra ocupar un lugar sobresaínte no seu pobo de orixe e adquirir coa súa
riqueza algún título de nobreza, aumentar o seu status social comprando
ou restaurando antigas casas grandes ou pazos ou mesmo construíndoos de
nova planta en vistoso e rechamante estilo colonial, decoradas con
palmeiras e outras árbores tropicais exóticas nos seus xardíns, símbolo
das súas aventuras en terras tropicais. Edificios que chegaron a ser
coñecidos entre nosoutros co nome de "casas grandes" ou "casas de
Indianos. Construcións que destacaban pola súa altura e traza, deseñadas
cunha arquitectura cosmopolita que se insería destacando de forma
rechamante entre as edificacións tradicionais circundantes, para
salientar así o triunfo e o éxito do seu propietario en terras afastadas
e onde retirarse a vivir das rendas acadadas cos seus negocios en
América. Obras que serviron pra achegar ós habitantes da súa vila natal o
mundo moderno e cosmopolita que coñeceran nas súas estadías na América e
que souberon plasmar en edificios dunha arquitectura singular. Exemplos
preclaros destes pazos existen en case tódolos pobos e aldeas de
Galicia. En Ribadeo temos como exemplo eminente o famoso edificio
coñecido polo nome de Torre dos Moreno ou o palacete Peñalba, na veciña
Figueiras. O sinal máis destacado e relevante do emigrante con éxito foi
a súa influencia social, o seu mecenado en institucións benéficas ou
culturais subvencionando a construción de escolas, igrexas e capelas,
casas consistoriais, estradas, hospitais ou asilos, traídas de auga e de
luz eléctrica, etc., é dicir, todo o que significaba desenrolo, cultura
e progreso para o seu pobo. Un exemplo notable da súa contribución ó
desenvolvemento da nosa bisbarra foi a fundación Pedro Murias, en
Vilaframil, adicada ó desenvolvemento agrícola, que tanta importancia
tivo na formación de moitas xeracións posteriores da Mariña lucense.
Coa volta á súa terra natal, os indianos trouxeron os costumes
de vida, os ritmos e músicas deses países e ata o estilo na súa forma de
vestir das terras caribeñas, adquiridas nos seus países de emigración.
Foi a herdanza achegada por eles ós seus lugares de orixe e da que
Ribadeo, coa súa gran concentración de casas indianas, sobre todo na rúa
San Roque, se comprace de ser o principal expoñente de toda Galicia
cunha bela herdanza de edificios dunha arquitectura singular. Fermosos
edificios de estilo colonial e entre os que destaca a Torre dos Moreno,
admirada por todos os que visitan a nosa vila pola súa orixinalidade e
beleza, e que chegou a constituírse no símbolo identificador da nosa
vila de Ribadeo en todo o mundo.
E é de resaltar, así mesmo, o relevante papel dos emigrantes galegos
no enxalzamento do noso país en terras de América. Coas súas iniciativas
sociais e culturais foi relevante a súa contribución ó coñecemento de
Galicia nesas terras tan afastadas entón. As creacións dos Círculos ou
Casas de Galicia, as fundacións de Hospitais e Centros Sanitarios, os
Círculos Culturais e demais creacións dirixidas á axuda, socorro e
formación dos seus compatriotas emigrantes desempeñaron un rol social
moi importante, contribuíndo, ó mesmo tempo, ó enxalzamento do nome da
nosa terra, facendo a Galicia universal, ata o punto de que chamaban
galego a calquera español. E non menos importante, tampouco, foi o papel
desempeñado polos políticos e escritores galegos neses países,
especialmente en Arxentina, México ou Cuba, cando, en tempos
politicamente difíciles en España, tiveron que emigrar en busca de
acollida e refuxio en terras afastadas. Alí loitaron con éxito pola
conservación dos nosos dereitos como pobo, da nosa lingua e literatura,
da nosa cultura e de todo o que en Galicia era perseguido coa pretensión
de homologarnos a Castela.
De aí o acerto e a importancia desta festa indiana que os
ribadenses de hoxe adican ó recordo de todos aqueles fillos de Ribadeo,
que co seu traballo e esforzo, tanto contribuíron a enxalzar a beleza e o
nome do seu pobo natal. Unha feliz idea a desta celebración que invita a
tódolos ribadenses a participar nela. En converterse por un día en
cabaleiros e damas que percorren as rúas da vila lucindo as súas
mellores galas e atavíos característicos dos países do Caribe e
recuperados dos vellos baúis traídos polos seus emigrantes devanceiros e
que aínda dormen pechados nos faiados das súas vivendas. As señoras coa
súa pel branquexada e lucindo os seus brancos traxes adornados con
encaixes, os seus amplos sombreiros decorados con flores, os seus
guantes e abanicos e as súas exóticas xoias resaltando a súa beleza. Os
cabaleiros paseando polas rúas da vila coas súas levitas e traxes
brancos folgados, os seus chalecos e guayaberas e os seus sombreiros
panameños, cos seus guantes brancos empuñando cerimoniosos os seus
bastóns.
E para rematar estas reflexións, un sentidiño recordo á memoria
de tantos e tantos que viron frustrados os seus soños, esperanzas e
ilusións e deixaron as súas vidas en terras estrañas despois de cruzar o
Atlántico sen poder converter en realidade os seus anhelos e soños de
retornar dignamente á súa terra para axudar ás súas familias e descansar
os seus derradeiros días preto dos seus e enterrar os seus osos na
terra na que naceran.
20190603
Eu si votei
Un sinxelo movemento, dar o sobre á urna, marca unha diferencia de sentir: exercín ou non o poder.
Efémero a máis de diminuto entre unha poboación como a Ribadeo ou moito máis aínda, entre unha poboación como a de España, pero aínda así, nalgunha circunstancia, decisivo. En calquera caso, manifestación do desexo de participación activa nunha sociedade que a maioría do tempo parece querer impulsarnos á pasividade, á conformidade co xa existente ou co menú de posibilidade que nos presentan.
Claro, votar implica un acto anterior: decidir.
Para non votar só fai falta deixarse levar, non tomar a decisión, aínda que tamén pode ser unha decisión totralmente consciente. Para votar, é necesaria acción, sopesar a quen ou a que, candidato ou programa, ou descartar a todo o espectro que se presente para o voto en branco, ter a vontade de votar, pero non considerar a ninguén digno de ser depositario do voto. Ou sexa, implica facer unha avaliación de proposta, e/ou caras, e/ou confianza, e/ou sentemento, antes de tomar a decisión. Implica tomar dun ou outro xeito datos da sociedade na que vivimos para poder decidir. Mesmo nos casos nos que tristemente hai fraude por carrexar votantes. é dicir, en xeral, un proceso ben diferente do que leva ó 'eu non votei', e iso aínda que inflúan tamén cousas como a proximidade da institución á que se vota, pois non á mesma intensidade de sentementos e porcentaxe de votos, a particdipación, nunha eleccións europeas que nunha eleccións locais, aínda que se celebren o mesmo día e haxa que depositar os votos en urnas veciñais: en Ribadeo, nas últimas eleccións, a porcentaxe case non variou das locais ás europeas, despois de subir máis de 22 puntos nestas últimas europeas polo efecto do voto agrupado nun mesmo momento.
a decisión de votar pode xsurdir dunha reflexión profunda sobre múltiples factores ou ser totalmente superficial, 'porque tal me dixo "ven votar comigo", díxenlle que benm e votei o mesmo'. Pero en calquera caso, a categoría na que se encadra é outra, diferente do non votar. 'Se non votas, non te queixes logo', é a expresión, estimo que non totalmente afortanuada, desa diferencia.
Esteñamos ou non de acordo en chamar democracia ó actual sistema vixente en España, o voto emplica unha confianza nas persoas a quen lle transmitimos o noso poder. E, polo tanto, vémonos máis autorizados despois a fiscalizar o que se fixo con ese poder. É dicir, vémonos máis proclives a seguir participando aínda que só creamos que poda ser pola avaliación do que se fai co noso voto, ou mellor, co conxunto dos votos nos que se inclúe o noso, fose a parar a un grupo que acade o goberno ou non, pois ó fin é o cabo, participamos, e o poder co que se esteña a gobernar, tamén é noso.