20190619

Casas de apostas


Nas cidades polas que teño ido a última tempada non o deixei de notar: as casas de apostas están á orde do día, ocupando espazo físico da cidade e coido que tamén mental nos cidadáns.
"Cada vez que un goberno estatal recibe diñeiro dos casinos e lle chama impostos, esas autoridades están axudando a manter os intereses da mafia." A cita, de O longo adeus, de Raymond Chandler, versión en galego de Hugin e Munin traducida por Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar, p.468 da única edición ata o de agora, non debe tomarse para interpretar de xeito literal, pero tampouco ser desprezada como clave introdutoria.
Despois de ter proliferado polas cidades, é de esperar que as casas de apostas se vaian estendendo ós pobos. Pola cantidade de poboación, Ribadeo non parece candidato a unha primeira oleada de expansión, pero o fenómeno está aí. E detrás veñen as consecuencias. Non só o vicio senón os necesarios aportes económicos para mantelo. Mantemento que necesita dunha certa colaboración ou polo menos, aquiescencia  dos gobernos dos diferentes niveis de administración. E aportes económicos que tamén transforman a economía e que levan o poder dos cartos a unha área ou a outra: a iso se refire a cita, ós cartos dunha actividade branqueados pero sobre todo 'honorificados' a raíz da aceptación de impostos resultantes dela e a incorporación ós fluxos económicos como uns cartos máis.
O doado sería prohibir. Ese é o punto no que inciden os veciños de numerosos barrios das cidades cando protestan pola instalación de casas de apostas. Pero iso, unha volta nadas, existentes e puxantes as apostas, sinxelamente as levaría a terreos ocultos (e sen pago de impostos!). Agora ben, un cóctel de educación, altos impostos, restrición de anuncios, etc, podería contribuír a controlar as partes negativas e aproveitar as positivas. E mellor, preparándose dende xa antes: cando se solicite a primeira licenza de actividade xa será tarde para algunhas cousas.

1 comentario:

Agremon dixo...

Un razonamento parello noutro campo totalmente diferente: https://www.enriquedans.com/2019/06/politicas-vs-policia.html