Amosando publicacións coa etiqueta porto de Ribadeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta porto de Ribadeo. Amosar todas as publicacións

20221210

Secuencia de carga de madeira en Mirasol

    Hai tempo, teño cargado varios vídeos nos que se ve a mellora do tempo de carga de papel no peirao de Mirasol. Esta tarde estaba no porto de Ribadeo o buque Eems Stream cargando madeira e aproveitei para tomar un vídeo de como é o ciclo completo da carga dun camión coa ría de Ribadeo e Castropol de fondo. En realidade, medio ciclo, pois con dous camións, mentres un está no barco descargando, outro está cargando a madeira acumulada no peirao. O tempo, un sete minutos. É dicir, en 14 minutos (parece que un pouco menos, pero non moito menos), o camión vai despois de cruzarse co outro, a ser cargado de madeira pola grúa, desprázase ata o barco, é descargado pola outra grúa e intercambia a súa posición de novo co outro camión co que está a compartir o traballo. Dous camións e dúas grúas. Velaeiquí queda:

    Nestes momentos segue no porto. O que saiu esta mesma tarde, coa marea chea e con pasta de papel, foi o Pride, camiño de Hamina, un pequeno porto de Finlandia:


20221107

Porto, Ence, portos, Ribadeo

    Vexo hoxe unha nova á que sinxelamente, redirixo. Trátase de "Portos de Galicia rebaixará taxas a Ence en Ribadeo ata 2024 e dragará todos os anos para facilitar as súas operacións", titular que sigue a incidir no xa dito varias veces no blog: o favorecemento de operacións dunha empresa de xeito incomprensible, pois se é o lóxico, debera ser feito antes e sen necesidade de argumentos de chantaxes, co prexuízo sobrevido para o porto e Ribadeo por non telo feito, e se non, é un trato de favor discriminatorio  que pagamos todos. Que é? 

Peirao de Mirasol, no porto de Ribadeo, empregado pola fábrica de Ence en Navia. CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Tribunal de Cuentas desmontou a operación asturiana coa que Ence logrou que a Xunta lle baixase taxas en Ribadeo e certificou o seu custo para as arcas públicas CC-BY-SA Praza Pública



20211014

Mirasol hoxe: madeira vai, madeira ven

   Hoxe o porto de Mirasol tiña unha actividade frenética e non por iso menos curiosa a ollos de non tentendidos. Dous cargueiros estaban, un, descargando, e o outro, cargando. O que cargaba, metía nas bodegas pasta de papel, unha actividade que ven de lonxe e que constitúe tamén de lonxe a principal fonte de movemento do porto comercial ribadense e que ribadeando ten documentado con varios vídeos para ver a evolución do seu método.

   O que descargaba, como se pode ver no vídeo abaixo, traía madeira de eucalipto, que se acomodaba no peirao como paso previo a ser enviada en camións, crgados alí ó mismo tempo, a Navia. Este tráfico cruzábase con outro máis tenue de camións traendo madeira de pino para esperar o seu embarque no peirao. Actividade esta xa con tradición, en particular dende a invasión de mosquiñas de hai un par de anos. O traer eucalipto hai que encadralo dentro do conflito polos prezos entre os produtores da zona e Ence.



20181105

Mirasol moveu máis da cuarta parte da mercadoría de Portos de Galicia

Nos nove primeiros meses de 2018, o ribadense porto de Mirasol moveu 376 000 toneladas do 1,3 millóns de toneladas do conxunto de portos controlados por Portos de Galicia. Iso supón o 29%, só por debaixo de Cariño, co 36%. Destaca que entre ambos superen de longo a metade da masa de mercadoría, unha vez eliminados os grandes portos, que dependen de Puertos del Estado.
Outro punto relevante é que a pasta de papel supon o 78% (292 000 toneladas) da cantidade movida en Mirasol.
Facendo proxección para todo o ano, a cantidade total e de pasta elevaríase a 501 000 t e 390 000 t respectivamente. Isto supón a estabilidade da actividade do porto de Mirasol, se ben en 2014, nos 7 primeiros meses levábanse 324 000 t despois de aumentar un 9% en relación ó ano anterior, cifras superiores netamente ás deste ano.
Pódense comparar os datos anteriores con outros anos ou lugares: no ano 2017 foron 506 000 t en total e 400 000 de pasta, e no 2016, 486 000 en total as movidas en Mirasol, por 245 000 á metade de ano (185 000 t en pasta de papel). Mentres, en San Cibrao, dependente de Puertos del Estado, en 2017 foron 5,36 Mt (3,8 Mt de só bauxita; a fábrica produce 1,8 Mt de alúmina e 250 000 t de alumnio, saíndo a maioría por barco). Noutros portos de mercadorías da Mariña, dependentes de Portos de Galicia, 150 000 t en Celeiro e 10 000 en Burela no 2017.
Mirasol, a máis da pasta de papel, move caolín (50 000 t en 2017); carbonato magnésico (dende O Incio, 25 000 t), madeira (o ano pasado, eucalipto, 16 000 t, outros anos, pino)

20181012

Ribadeo en Windows 10 spotlight images

Remato de recibir a nova. Un blog, Windows 10 spotlight images, que acumula as imaxes decargadas dende Microsoft para o fondo de windows 10, ten como primeira imaxe a que presento abaixo, tomada dende o cargadoiro ó interior da ría de Ribadeo na que se ve a ponte dos Santos, o peirao deportivo de Porcillán e Castropol ó fondo. Só unhas verbas de explicación no blog permiten aclarar que calquera cousa que vaia mal, que se lle reclame a Microsoft...
datos adxuntos á foto: "

Coast of Ribadeo with highway bridge between Galicia and Asturia, Spain

size: 940494
sha1: 3636d7e71ad46ad14c6a7e38b56759236b8fd39f
sha256: 1f59fc7d6cd457f25b30978e1801c7f443b33e132b05a2596cf224e02100693b
"

20171208

Estipulacións do convenio ENCE-Portos de Galicia

    Despois de ter pubicado hoxe mesmo 'Aireando unha noticia: ENCE, FeVE e a alternativa a Mirasol', como complemento transcribo -e logo comento- dende Praza.gal a imaxe das estipulacións do convenio (p.2 do mesmo), incluídas erratas, e sen incluír o selo de portos de Galicia/Porto de Ribadeo de 6 de marzo (de 2011, aínda que o convenio foi asinado con posterioridade, o 15 de xuño):
'Estipulaciones
Primera.-Objeto del convenio
Portos de Galicia declara tráfico relevante el correspondiente a la pasta de papel con origen en las instalaciones de ENCE en Navia, Asturias, y en consecuencia procederá a la aplicación de bonificaciones a la tasa X-3 de la mercancía a los tráficos indicados realizados en el puerto de Ribadeo
Segunda.-Duración del convenio
La duración del presente convenio será desde 1 de enero de 2011 hasta 31 de diciembre de 2019
Tercera.-Obligaciones de la empresa ENCE, S.A.
Ence se compromete a alcanzar la gestión acumulada, en el período de duración del convenio, de 1.175.000 toneladas de pasta de celulosa y otras mercancías por el puerto de Ribadeo, si bien se reserva la opción de que dicho volumen no exceda de 675.000 toneladas mediante el periodo mencionado, por decisión unilateral debida a necesidades operativas y/o de gestión de ENCE
Los movimientos que son objeto de este Acuerdo serían:
*Movimientos necesarios hasta la implantación operativa del proyecto que ENCE ha acordado con Feve y el puerto de Gijón para el transporte por ferrocarril de mercancías con origen o destino en nuestra factoría de Navia.
*Las mercancías adicionales que no fueran transportados por el medio señalado anteriormente por cualesquiera razones, así como la producción de pasta de papel que pudiera conseguirse como consecuencia de los rediseños que se están efectuando en la fábrica tras la estabilización de su volumen de producción y que tienen como objetivo una ampliación de su capacidad.
*Movimientos estratégicos que vengan a reforzar la disponibilidad del puerto de Ribadeo para la salida de la producción de pasta o de cualquiera otra mercancía.
2'
Ben mirado, a máis de que o que aportou Praza non é nada moi novo -pero é a primeira vez que se deixa ver o documento oficial- Ence non se compromete a nada do que non teña necesidade inmediata: a duración queda limitada pola posta en marcha do ramal e por unha data, por se houber outras circunstancias que o aconsellaran á empresa.
o dato de máis de 1 millón de toneladas é, de principio, fume, pois a empresa pode rebaixar por necesidades internas (que ela mesmo xulgue) a cifra á metade, algo que, nun convenio de 8 anos para Mirasol, representa un tráfico inferior a dous anos, tendo en conta o embarcado o ano anterior. e abondo inferior ó previsto pola propia empresa nas estipulacións un pouco máis abaixo (e resultado real de tráfico en anos posteriores). Aínda así, ENCE deixa aberta a porta a aumentos de tráfico a conveniencia.
Por certo, nin o convenio nin a lei de taxas á que se refire son 'transparentes', non aparecen na rede, e iso que si que aparecen variacións de taxas de Portos para cousas como embarcacións deportivas (no DOG).
Visto o visto, queda unha pregunta: E o futuro?
ENCE Navia


20171027

O porto de Ribadeo volverá a mover case medio millón de toneladas.

O porto de Ribadeo volverá a mover case medio millón de toneladas de mercadorías, segundo se desprende da nota de Portos de Galicia, segundo a que ten movido ata o 30 de setembro 347 000 t. Facendo contas, ó ritmo seguido o resto do ano, sobrepasaría as 460 000 t, cunha media mensual de máis de 38 000 t. Un ritmo que xa apuntaba en xaneiro, mes no que se moveron 37 500 t. E un ritmo coincidente asemade co do pasodo ano, cun total de movemento en cifras practicamente idénticas ás previstas para este ano. Un ritmo que tamén case igualaría o movemento ó dos anos 2013 e 2014, aínda que xa netamente por baixo dos anos intermedios.
Madeira en Mirasol en setembro

20170521

Aproveitaches a pasar por Mirasol?

Onte pola tarde, sábado, pasei por Mirasol. Sen garda, sen barreira, tomeino como unha facilidade alternativa destes días deferencia de Portos de Galicia por estar cortado o paso da vía que baixa dende o paseo marítimo e continúa cara a Vila Vella entroncar co que antes foi N-642, a raíz dun derrumbe a semana pasada. Hoxe quixen volver, pero xa estaban as dúas barreiras baixadas, aínda que sen vixiancia. Polo tanto, o de onte foi sinxelamente unha máis das veces que a Portos non lle importa o porto e non unha contribución para paliar o corte dunha vía en Ribadeo. Coido que é cousa de lembralo: aberto cando quere, cerrado cando lle peta. Opaco nas decisións, opaco nas estatísticas. De costas ó pobo, unha entidade máis que xestiona un ben de todos como se non fora de ninguén, aproveitándose alguén.
Deixo embaixo tres fotos do que fixeron estes días as máquinas para comparar coa foto que ilustraba a nota de prensa do alcalde o outro día.




20170512

Por que?

Sigo sen explicarmo. Onte houbo pleno. Entereime a auga pasada, despois de estar mirando día a día o taboeiro de novas do concello. Nada. Non vin ningunha referencia a que onte ía haber un pleno, algunha posibilidade de enterarme de que ía, que se ía tratar... Remato de repasar os títulos das novas das últimas dúas semanas. Das más recentes ás máis antigas, aín van os títulos:
Desprendemento en Mirasol
Apego
Apicultura
A media asta
Bandeiras azuis 2017
Obradoiros de swing
Plan único
Audicións da EMMeD
II Heroican Race
Situación económica
Exposición en Turismo
E así chegamos a hai dúas semanas...
Hai que dicir que na nota titulada 'situación económica' facíase propaganda das bondades actuais da economía do concello e tamén, ó comezo, dicíase que ía ser motivo do próximo pleno ordinario. Si, o de onte. Mais en ningures se citaba día, hora ou orde do día detallada.
Hai tempo que deixei de ir sistemáticamente ós plenos, en parte porque cada vez eran máis móbiles e con menos aviso, partindo dunha situación na que os plenos ordinarios teñen un día asignado. Nestes últimos anos (poñamos, os 5 últimos) a porcentaxe de plenos celebrados no día asignado por defecto aproxímase a 0. E a de plenos que foron avisados con máis de 24 horas na web do concello non chega nin de lonxe ó 10%. Iso si, notas posteriores da alcaldía de como tería ido, segundo a súa opinión, o transcurso dos plenos, cobren a práctica totalidade dos plenos ordinarios ou extraordinarios.
Así pois só podo tratar hoxe algún detalle do pleno de onte, que me chega de man de terceiros, ós que llo agradezo. Foi así como me enterei de que nos tratos en relación á illa Pancha, despois do informe do Defensor del Pueblo e de o concello botar balóns fóra pedindo informes á Xunta e a Portos, responde a Xunta (Urbanismo, non medio ambiente) que o pedido é competencia da autoridade portuaria. E a autoridade portuaria, 'xa lles contestaremos'. Algo que polo momento non foi comunicado ó grupo que, aló por febreiro, informou ó concello da resolución do Defensor e pediu medidas. E tamén que o secretario lle lembrou ó alcalde que xa consta documentalmente a perda de eficacia da comunicación previa á comunicación da actividade na illa. Isto é, que os apartamentos deixan de estar autorizados provisionalmente e polo tanto, téñense que clausurar. Debían estar xa utomáticamente clausurados (aínda que non está claro se foi cursada a orde).
É dicir, pouco a pouco, todas as irregularidades non teñen outro remedio que ir saíndo e causando efecto. Onte o xornal El Progreso xa adiantaba algo do que poño máis arriba, misturado coa nota de prensa de Por Nuestro Faro en relación ó escrito presentado no concello que colguei tamén onte. orque está claro que, sen ser técnicos nin dispoñer acceso debido a información, o grupo vai empurrando para que quen si dispón de técnicos e ten a información se mova, e informando á cidadanía, que vai collendo conciencia de que un ben de todos está sendo tratado como se non fora común.

Abro un xornal en internet e sorrío. Polo momento, non fala do pleno de onte, pero recorrendo as novas atópome unha foto do alcalde apartando ramas de eucalipto recén cortadas no Costal e outra, en medio do desprendemento no vial por fóra da verxa de Mirasol, inspeccionando o cantil. Para cando unha foto semellante na illa Pancha?



20170211

Movemento no porto de Ribadeo

Este artigo comeceino a escribir hai tempo (en decembro de 2016) por iso algunha cousa pode soar rara lida meses despois. E iso, aínda que as súas raíces están abondo máis aló, por exemplo no 2009...)
Aínda non rematou o ano, pero xa se están a botar contas de movemento, por exemplo, do porto de Ribadeo. Ármome de paciencia e comezo a procurar datos non só do 2016, senón de anos anteriores. Redondeando, despois de revisar o blog, prensa e calquera dato que puiden atopar, as saídas de carga do porto de Ribadeo (en toneladas métricas) foron no
2000, 327 000
2004, 400 000
2005, 419 000 
2009, 205 000
2010, 430 000
2011, 495 000
2012, 489 000
2013, 534 000
2014, 568 000
2016, 438 000 (ata decembro; proxectando, unhas 470 000 no conxunto do ano). Non digo que non se poda atopar máis información, pero eu, agora, cheguei ata aquí.
Atópome faltas de diversos anos, e sobre todo, con irregularidades, non me cadran os números. Nalgúns casos só podo dicir algo como 'o máis probable é que a cantidade se achegue a'... e con iso non se pode facer moito. Nin se pode fiscalizar mínimamente a actividade portuaria, nin saber cantos cartos entran, o seu balance económico, avaliar as súas necesidades de servizos, ampliación, impacto de dragado, ... Pero é que os datos non son públicos!
Si, é 'o noso porto'. Si, a administración corresponde á Xunta. Pero resulta que non, a Xunta delega nun organismo 'semiautónomo' (=autónomo cando convén á tranquilidade, dependente para poñer a dedo a xente que gana a pasta e que debe decidir) Portos de Galicia. Por algo a este tipo de entidades, que ten proliferado moito, lle chaman 'chiringuitos'.
E voltemos a Ribadeo, hoxe. Levo nestes momentos máis de mes e medio tentando conseguir unha información que considero de elemental coñecemento a disposición dos cidadáns, noso. Intenteino de varios xeitos, máis aló dos papeis en internet ou hemerotecas, sen froito polo momento. Agora non me poñerei a facer un relatorio, seguirei aínda un tempo a procura. E logo, xa veremos.
Sei que non son o único que anda detrás dunha información semellante, con resultados asemade semellantes. E o de portos é só un caso entre moitos; aí está tamén Puertos, con nula información sobre a illa Pancha, como outro exemplo entre unha morea máis.
Cos datos anteriores, os que puxen ó comezo, pódese construír unha bonita gráfica... inexacta:

O dito, seguiremos intentándoo...

20120425

Unha nova sobre o porto de Ribadeo

O actual porto comercial sobre a ría de Ribadeo, Mirasol, está en auxe. Calquera que mirara á ría días atrás, coas mareas vivas, podería dudalo ó ver a colmatación da ría, pero así é. Así o afirma unha nova de onte, que destaca o paso da importancia de ENCE do 80% da carga ó 70%, nun período no que máis ben aumentou o tráfico de pasta que diminuiu. Aínda que son números aproximados, a diferenza implica un aumento da orde do 50% de cargas diferentes ás que manexa ENCE, que, nun futuro que xa se alonxou varias veces nas previsións, ten previsto diminuír o tráfico en Ribadeo.
Por certo, lembro que mentras tanto cumpre e non cumpre a previsión futura de descenso de tráfico, beneficiouse (estase a beneficiar) dunha diminución de custes moi importante polo uso de Mirasol, a conta da ameaza e o amago de construcción dun macrogalpón de carga hai uns anos (parte da historia pódese seguir ó fío do blog)

20111216

Recortes e aumentos

Quedaron onte en pasarme unha foto da concentración no IES Porta da Auga realizada polos profesores como manifestación contra os recortes que estamos a vivir na educación pública. Non ma pasaron aínda, e esta entrada irá sen foto.
Así, sen ilustración, ven sendo como unha imaxe a ínfima escala do que está a pasar na educación pública: sen visibilidade máis que por algún número en frío, as perdas comparativas e absolutas de cartos adicados inciden na ratio profesor/alumno, pero tamén pouco a pouco no desenvolvemento dos centros, mentres está habendo un trasvase de fondos -públicos- para o ensino privado, pois non é o mesmo a ausencia de medios a nivel xeral que a distribución deses medios que se está a facer.
Pero queda así, como dixen, sen ilustración, e polo momento, sen defensa. Pensando en que a visita non xa dalguén da Consellería en Santiago, senón mesmo do coordinador provincial (neste caso, coordinadora) a algún centro pode arrincar unha foto máis grande e máis espazo nos xornais que as concentracións realizadas nunha grande maioría dos centros (a dicir que por esta vez, aínda que a nivel de edición local, o seguemento nalgún xornal foi o que máis ou menos estimo adecuado).
O que si aumentou de novo foi o tráfico en Mirasol. Na nova no xornal hai varios datos nos que paga a pena pararse. O primeiro, que o Principado ten sementado dúbidas sobre a finalización do ramal de Feve que faría competir a Xixón con Ribadeo para o embarque de pasta de papel. Outro, que o embarque de pasta supón o 82% do tráfico de medio millón de toneladas (ou sexa, cincocentos millóns de quilos), seguido moi de lonxe por o 12% do caolín. Máis, que o dragado implica baixar a cota a -5m, pero sobre todo, que o límite de tonelaxe (estimado polo práctico nunhas 6 500 tn) ven marcado máis ben pola ponte dos Santos que polo propio calado. E que o movemento vai en 139 mercantes (109, os maiores, con pasta)
Distribución da tonelaxe en Mirasol neste ano. Azul, pasta; vermello, caolín; amarelo, madeira, tablóns e fertilizante.

Distribución do tráfico en Mirasol por número de mercantes. En azul, os adicados á pasta, en vermello, o resto.

20110803

Un porto cerrado / un porto aberto

Entrada correspondente á semana pasada, quedou sen subir por un erro
Un esceario, unha pequena expo de vehículos novos, un trailer-bar, e o paso cerrado
Un porto debe ser aberto. Iso penso. Un evento como a Transgascogne amosa como de aberto pode ser. Pero ó tempo, en Ribadeo vivimos dende hai anos nun temor de que os portos, tanto o deportivo como o comercial ou o pesqueiro, sexan pechados. Pechados para nós. Por iso, cando se pecha, aínda que sexa temporalmente (como na tarde de xoves), un peirao, aínda que sexa só ó tráfico rodado e non ós peóns, salta a alarma: será un paso previo? Tenderán a facerse máis numerosas as veces que se peche? Perderemos en Ribadeo a fachada á ría como pasou en Ferrol, por exemplo? De momento, aí está a verxa inútil de Mirasol.
A Transgascogne da colorido e recheo ó porto deportivo

Os mastros da Transgascogne evitan mesmo a mirada da grúa das Figueiras

20110304

Comunicando a Mariña con...

Xúntanse entre onte e hoxe varias novas sobre a comunicación na Mariña (na Voz). De oeste a leste, a primeira corresponde a Viveiro. resulta que a conta de obras que se van facer para a ampliación da ponte do ferrocarril, fixéronse medidas de tráfico e o resultado parece ser que nas tres saídas principias da vila, a que corresponde ó oeste, pola costa, soporta diariamente algo máis de 5 000 vehículos. Ó leste, tamén pola costa, máis de 6 000. E ó sur, cara ó interior, máis de 3 000. Coido que se poden sacar conclusións sobre cal é o eixo dominante das comunicacións en Viveiro. E, se o fixéramos noutra das vilas da costa, o resultado sóame que sería parello.
a segunda nova é unha viaxe a Cuba. O concello de vilanova de Lourenzá organiza unha viaxe a Cuba. Non é a primeira, senón que a cousa xa se ten repetido varias veces. Quizáis o que aporta esta vez é que parece ser máis democrático no sentido de que o que prima son os propios veciños, sen necesidade de familia aló, e sen ter unha pompa institucional aparente. De calquera xeito, hai un custe, 1 300 €. E, ó ser organizado polo concello, tamén haberá actos ociciais ós que os viaxeiros poderán asistir. O que esta claro é que a viaxe, en avión, non sairá de instalacións mariñanas.

O terceiro caso é o de Ribadeo, pois xunto con 3 M€ para o porto de Xove, tamén chegan cartos de Portos de Galicia, de novo, para o peirao de Mirasol, 2 218 000 euros adjudicados a unha UTE entre Aldesa Construcciones e Construcciones San Martín para o ensanchamento e o dragado da canle de navegación. A obra ten un prazo de doce meses, en canto se asine o contrato, que aínda no vin no DOG adxudicado. Di o xornal que a obra está financiada nun 65% con fondos Feder e forma parte do acordo con Ence-Navia para que siga operando en Mirasol. Entendo que o que se vai facer é o que deixo indicado na imaxe, básicamente a ampliación do espolón, e que levará a varias cousas nun próximo futuro, entre o que se atopa unha maior dificultade de acceso a lámina de auga norte de Mirasol e un menor aproveitamento da mesma, unha maior acumulación de area e un próximo ensanchamento de alomenos a escolleira da parte sur do recheo dos noventa.
E, de leste a oeste, para toda a Mariña, noutro xornal, o el Progreso, dase outra nova: Fibra óptica na Mariña? non polo momento.

20110131

Aproveita! Visita o porto (Novas vistas de Ribadeo)







Despois do aviso das fotos de antonte, un aviso diferente: estes días está accesible o espolón sur da actual rade de Porcillán, co que se pode ter unha visión de Ribadeo algo novedosa. As fotos, para dar unha idea.
As tres primeiras, de Mirasol: Unha, do Côte d'Or II, un trimarán que xa leva algún tempo no porto, na entradilla que fai o peirao cara á ría (ten grupo en facebook). Ó fondo, as Figueiras. -- Actualización en 20110210: o trimarán está precintado por problemas de cartos.
Outra, dende o comezo do que se podería chamar 'Avenida Mirasol', tomada dende o último recheo cara ó sur.
A terceira, dun lugar que sempre me chamou a atención, un paso entre dous almacéns que sempre asocio a un calexón entrañable en Santiago...
As outras, en Porcillán: unha vista do ascensor tomada a unha certa distancia, dende o espolón, con vist á Atalaia, Aduana vella, ...
Unha avenida que comeza polo mar e con tinúa en Terra, na costa de Porcillán.
E unha vista parcial dos amarres do porto e a baira, para ver o calado despois dos arranxos feitso para adecentar a saída do desaugüe que alí había.

20101218

Máis porto

    A expresión 'máis porto' pódese entender de varios xeitos. Ocórreseme que en particular, de dous.
    O primeiro, ter un porto con maiores dimensións en calquera das súas facetas, por exemplo, naves maiores, ou máis superficie de maniobra en terra. O último é o que se procuraba cando se fixo a ampliación de 8 000 m2 de recheo, a costa desa mesma cantidade de superficie de lamela de auga tranquila máis 100 m lineares de atraques. As naves maiores, o que se pretendía en parte cando se estaba tramitando a macronave con piares na auga.
    O segundo, que o porto funcione mellor, sexa en rendemento, movemento de mercadorías, ... E atopo de novo un recorte de La Voz de Galicia: "Este ano aumentou o tráfico de mercadorías no porto de Ribadeo (...)", no que, baixo o epígrafe de 'Líder' (de movemento dos portos mariñanos), temos:
(...) "Durante o 2009 rexistrou un movemento de 204 862,39 toneladas (...) fronte ás 328 897,54" ... só entre xaneiro e outubro de 2010.
    Aclárase por cantidades:
Pasta de papel, 252 124 toneladas (154 528 no 2009)
Areas naturais, 26 411 toneladas, e Carbonato de magnesio, 16 912 toneladas, (conxunto que non pon datos, pero que se mantén aproximadamente dende o pasado ano, contando que son menos meses)
Abonos 9 279 toneladas (0 no 2009)
Flejes de madeira, 5 278 (0 no 2009)
Minerais de ferro, 2 046 toneladas (0 no 2009)
Pasta química de madeira, 9 794 toneladas (0 no 2009).
+ operación del transporte de transformadores eléctricos (ou aquí) para unha subestación do Occidente asturiano.
    É dicir, parece que se está optando por rendibilizar o que hai no porto ribadense en troques de procurar un porto que difiultaría máis unha ría sustentable. Quizáis veña dado en grande parte polas circunstancias, pero de calquera xeito, hai que celebrar que sexa esta a opción que sae adiante.
    Ligazóns relacionadas:
Referencias varias sobre a macronave. Sobre a nave do porto. Máis sobre a nave. Opinión do alcalde. Unha ligazón externa sobre o tema. Unha ría con problemas. Nota de prensa de O Tesón sobre a nave. Fotos para visualizar a nave. ...
Datos sobre o porto (+ comentario sobre a rendabilidade do porto en 2010...). Volandera de protesta nave/recheos. Movemento de O Tesón en torno á conservación da ría. O medio ambiente, considerado en relación ó porto. De rías e xentes.

20090106

Datos


A oferta de datos sobre a xestión que sufrimos ou desfrutamos non é moi abondante. Máis ben é rácana cando non decididamente negada. Hoxe martes saen na prensa varias novas asimilables ó tema. Dende unha na que o alcalde afirma non coñecer o futuro trazado da liña de alta tensión pola que asinaron 168 viciños, pero que se oporá se incumpre a lei (que faga falta dicir o anterior xa é un síntoma das necesidades da democracia actual), ata os datos de uso do porto do ano pasado. Os outros temas, para outro momento.
Respecto ó da liña, non se opoñía o BNG nas municipais á liña Boimente-Pesoz? e non pideu o BNG en Madrid que se retirara o proxecto? Son cousas que me dixeron no seu momento que que coido que veñen a colación, de non mediar un estudo e unha difusión das circunsaticas maior da que está a haber. Por certo ademáis, non ten que ter nun prazo curto o alcalde a información que di que non ten sobre a liña? coido que ise prazo xa pasou. E de novo, a falta de información pública, ós que non só somos administrados, senón a base do poder que se delega nos políticos, embarulla un proceso que debera ser limpo.
Respecto ó peirao, unha síntese para o 2008:
Menos barcos que o ano anterior, 76 navíos relacionados coa celulosa, 58 relacionados con outras mercadorías (pino -madereira-, cebada, millo -Os Irmandiños- area de mina, magnesita, carozo de pino e sal.
A tonelaxe media, entre 4 000 e 4 500 tm (superior ó ano anterior)
O peirao de Ribadeo está infrautilizado boa parte do ano (mentras se trata de potenciar os pesqueiros da provincia para o seu uso como de mercadorías)
O mal tempo fixo que en decembro só se fixeran labores de dragado 9 días.
A parte, coido que non está de máis ver os comentarios deixados en http://ribadeando.blogspot.com/2009/01/post-festas-e-agasallos-de-reis-do-blog.html, de paso que nos preguntamos cousas como se está infrautilizado, para que unha ampliación, por exemplo.
Unha relación cos anos anteriores ou previsión estudada de futuro e posibilidades de desenvolvemento comercial, polo momento está ausente. Nin que dicir dun estudo conxunto de desenvolvemento da zona. O que si está presente é que este ano o porto será máis rendible...
A foto, da draga, raiña da entrada ó porto.

20080731

Máis sobre a nave no porto



A conta dalgunha petición que recibín e xa que hoxe ven por Ribadeo o Presidente de Portos de Galicia, aquí queda algunha precisión, tendo como base o que xa escribira en maio sobre a visita pasada:

Características da nave que se pretende construír en Mirasol.

(Enténdese que os datos postos a continuación son variables no proxecto final)

A nave prevista en principio ten unha liña de 90 m sobre os 22 pilares (11 dobres) na auga. En Terra ten dous corpos de dimensións diferentes. O máis grande continúa a liña de auga.
Sobre auga está prevista unha cubrición de 2207m2, meténdose na auga uns 24,5m, e en terra, de 3775m2, o que fai un total de 5982m2.
Ten un total de 5 portas usables por transporte en terra, e unha división no medio para separar zona de carga de zona de almacenamento (un pouco menor, ver plano aproximado realizado por min, así como o alzado). O seu lugar, exactamente onde prevera aquí, e aquí, ocupando tamén cousa dun 30% do último recheo, como dixo mesmo o Presidente de Portos ó tempo que viña a dicir que a palabra dada polo anterior presidente de non facer construccións aí duraba o que durara a súa estancia no posto (en relación ó pasado recheo, que agora serviría en parte para a nave e que se lle lembrou ó actual Presidente, o anterior Presidente de Portos dixo que non tería edificacións, coa contestación de que por moito que se quixera, a palabra dada por unha persoa duraba como moito o que o seu mandato se non había papeis polo medio). Cousa curiosa: nos planos amosados no seu día non aparecen por ningún sitio as alturas, necesarias para facer o deseño da grúa-ponte que alimentaría as naves. as postas nos planos feitos por min son as baralladas a partir de que se teñen que meter os barcos dentro, e da existencia dunha grúa ponte no interior.



Ten como precedentes unha nave en Marín, aínda que físicamente non poden ser iguais (algo xa dito na xuntanza mantida con anterioridade), tendo aquí restriccións que alí non hai (tamaño da ría, tamaño do porto, diferencias entre unha zona industrial e outra residencial, etc)

O deseño, aínda que coido que dificultaría o uso do resto do porto, non ten inconvenientes de paso para Portos polo motivo de que o seu dominio marítimo abrangue aínda uns 80m máis lonxe da nave, e sería cousa de dragar a canle un pouco máis aló. Eso facilitaría o poder seguir usando o porto mentras se constrúe a nave, non enturbiando prácticamente o movemento portuario pola obra. Non embargantes, teño entendido que por ocupar o dominio marítimo, si necesitaría autorización de medio ambiente ó estar a ría de Ribadeo incluída como Zona de Especial protección de Aves e ser Reserva da Biosfera

Por certo, chamoume a atención que o plano de situación presentado no seu momento (data de sinatura, 11/4/2008), incluíndo boa parte do núcleo urbano ribadense, esteña mellor trazado que o do PXOM (polo menos, así o estimo eu)

Alternativas

Ten habido algunha proposta para meter a nave na zona sur de Mirasol, co que cadraría sobre os bloques. Deixo algunha foto complementaria de como estaba a marea hai un cacho para permitir facer unha estimación a quen non teña na memoria como está a zona dos bloques neste momento. A parte, estimo que eso implicaría o meterse máis aínda en zona delicada medioambientalmente, sen diminuír grandemente o impacto estético. Ó anterior habería que sumarlle a manobra necesaria para que os navíos poideran facer 90º para meterse e un dragado contínuo antieconómico, por suposto invadindo zona que non é xa de Portos.

No seu momento, plantexei a idea do porto exterior (idea que non é miña e ven xa de lonxe), tendo en conta o custe que iso supoñería, pero tamén que o porto ribadense seguirase a colmatar de area. Xa deixei claro noutro post que entre grupos ecoloxistas había diferencias con esta idea.

Outra idea é a do porto seco, na zona da estación de ferrocarril, cun ramal ó porto, aproveitando a mellora que tería a comunicación por tren entre a estación e o porto. Non cumpre exactamente as mesmas funcións, pero coido que é moi interesante.

Estimo ademáis que noutra zona do porto, o facer algo como o que se pretende (é dicir, cambiar a ubicación prevista) sería inviable por estrangulamento do resto de actividades do porto.

E, sobre todo, a falta de necesidade de presentación de alternativas no momento actual. Pretender alternativas económicas sen mirar nin de aproveitar todas as posibilidades actuais nin o ter conta do medio ambiente significa poñerse exactamente no punto do que non se desmonta Portos para apoiar a súa postura.

Comentarios varios sobre puntos concretos da visita do Presidente de Portos en maio.

Cando viu en maio o Presidente de Portos, chamáronme a atanción diversas palabras/jerga empregada, como que a nave é 'unha aposta empresarial privada'. Si, pero Portos de Galicia é una entidade autónoma dependente dun ente público.

As argucias dialécticas tamén teñen o seu aquél nesta historia: O presidente de Portos, ó vir en maio, tentou tranquilizar sobre a posibilidade dun novo recheo na zona do actual porto pesqueiro, valorando positivamente a existencia dunha lámina de auga abrigada, fronte a un recheo que di, minusvalora a zona. Hai que contrapoñer iso ó xa dito máis arriba sobre as promesas do presidente anterior.

O Presidente de Portos estima (en maio) que algunhas das cousas que máis valoran os seus clientes son a rapidez e a seguridade xurídica. E os seus clientes son os consignatarios, empresas, non persoas, e o interese das empresas, gañar cartos, algo que coido debe ser diferente como interese primario nas persoas.

Referiuse de pasada á Reserva da Biosfera como título honorífico. Teño entendido que o título deixou de ser xa honorífico ó pasar a ter un novo estatuto as Reservas das Biosfera, e a pesares de a lentitude e primeiros pasos da posta en funcionamento da que nos atinxe.

Sobre os motivos da ampliación, deu como único o aumento da producción de ENCE-Navia, xunto coa mellora nos prazos de carga (que dixo pasarían de 3 días a un-8 horas- de estiba, podendo descargar un camión dunha soa collida da grúa), a posibilidade de máis fluidez de saída ó ter espazo de almacenamento e o paso de 60/70 barcos ó ano a 120. É dicir, máis movemento no porto. Coido que calquera que esteña ó tanto das entradas e saídas do porto sabe que é maior a porcentaxe de tempo que non hai barco cargueiro no porto que a que hai dous. Penso que chega como aclaración, pero, por se acaso, hoxe un camión con trailer tarde en desprenderse da súa carga de papel menos de 5 minutos, como pode verse na carga de calquera barco.

Tamén saiu a relocer que o dragado; na actualidade e en Asturias, esixen que se deposite a area a 4millas mar adentro, mentras que en Galicia esíxense 22 millas. Algo a mirar cando se faga a manobra correspondente por parte da draga (por exemplo estes días, comprobando que a distancia á que se alonxa non é nin con moito as 4 millas correspondentes), e incomprensible se se mira ben, sendo de supoñer que no sentido do dragado, a ría 'pase a ser asturiana' na súa totalidade.

Prazos

En maio quedou establecida unha certa cronoloxía mínima: xuño-xullo 2007, primeira nova de Portos. Setembro, primeiro contacto co concello sobre o tema. Febreiro 2008, análise sobre a súa posibilidade ou descartabilidade. 5/3/2008, solicitude formal de Ceferino Nogueira, co apoio de Ence. 29/4, trámite de competencia (DOG), que ven a ser algo así como un anuncio por se alguén quere reservar espazo non ver que xa está reservado.

Non houbo competencia, logo está a presentación da documentación para adxudicación (un primeiro proxecto), realización de estudo de impacto ambiental (estimado en termos de tempo nuns 3 meses), conseguir o placet de Cultura/Patrimonio por estar na zona do casco vello (forma, volume, ...), do concello (licenza que se dixo que non se ía dar), ... co que a próxima 'manifestación pública de documentos' sería como cedo a finais do mes de setembro, tendo xa que facerse exposición pública para conseguir a solicitude de concesión administrativa.

Nota/comentario final.

Queda por recibir algunha documentación do concello sobre a súa postura, algo que onte mesmo o alcalde me manifestou que me enviaría.

E para cando quedaría un estudo de dinámica litoral? Tal como se ve nas fotos, o arrastre de area na actualidade é unha dificultade a considerar para calquera cousa que se quera facer no porto.

Deixo a continuación algunhas ligazóns das moitas que xa se poden atopar en internet sobre o tema para ambientar este post.
Una manifestación en agosto y en Ribadeo
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/15/0003_6818649.htm
http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/unha-continuacin.html
http://elprogreso.galiciae.com/pdf_files/14052008am_2.pdf
http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/un-pleno-diferenciado.html
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2003/12/30/2289968.shtml

20080627

Que mala sorte!

Enténdaseme, non é que queira que perda a selección nacional (de fútbol, claro; ó 3-0 fóille rendido homenaxe aínda nas emisións francesas, por exemplo, sinal de que xogaron ben e o resultado foi merecido), pero non creo que fora en absoluto mala cousa. Dicían os romanos aquelo de 'panem et circenses', é dicir, 'comida e diversión', ou 'mantemento dun mínimo de supervivencia e distracción dos problemas reais'. E iso coido que é o que está a pasar. Pode que seguira a pasar aínda que perdera a selección contra Rusia, pero menos. Así o goberno ten uns días máis nos que as actuacións contra a crise, por exemplo, pasan a un segundo plano. E lembro que o de panem et circenses non foi popular en Roma ata que se chegou ó imperio e comezou o declive, comezando polo social. Ó pouco, continuaron o declive económico, político e de forza, chegou a inseguridade nos camiños e a desintegración social. Aí está a historia. España hai tempo que perdeu o seu imperio e que pasou por unha historia en certo xeito parella á mentada de Roma, polo que xa deberamos coñecer o tema e atallalo. Pero non. E non me refiro só a un resultado nun partido de fútbol concreto, aínda que sexa o que trouxo o tema a colación. Un titular de hoxe: 'Aburrimiento en verano, nunca', refírese non a que non sexa posible o aburremento, senón a que hai organizada diversión contínua. Aínda que despois haxa xente que diga que aborremento, intercambiando as verbas 'fastío' e 'aborremento'.
Pero voltemos a Ribadeo. Despois das dúas notas de prensa sobre a ría de Ribadeo e as actuacións para defendela, e sobre os cortes de luz que voltan a repetirse, coido que hai movemento abondo para contrarestar o de panem et circenses que dicía antes. Haberíao, pero 'queda aprazado o movemento ata despois de luns' a pesares das novas de prensa facéndose eco. A destacar o artigo de La Voz de Galicia sobre os cortes, con foto, impactante para quenes os coñecíamos, dos centenarios árbores da Pedro Murias tumbados a instancias de BeGaSA.
Poño a continuación o escrito do panfleto a repartir sobre as accións respecto da ría:
"
NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE

EN DE DECEMBRO DE 1992 PUBLICAMOS UN ARTIGO DE PROTESTA POLO RECHEO DE 22.000 m2 DA ESCOLLEIRA RIBADENSE. ÍA ENCABEZADO POR UNHA VIÑETA DO MALOGRADO E ENTRAÑABLE AMIGO SUSO PEÑA QUE IRONIZABA SOBRE UNHA FUTURA RÍA DESECADA. HOXE, O RECHEO É POUCO MÁIS QUE UN SIMPLE APARCAMENTO.

NO MENCIONADO ARTIGO APARECÍAN ENTRECOMIÑADAS UNHAS VERBAS DO PROFESOR ISIDORO ASENSIO AMOR, DE QUEN RECORDAMOS EN BREVE CONVERSA AS SEGUINTES PALABRAS: "CREÍA QUE LOS RIBADENSES AMABAN LA RÍA".

DEZASEIS ANOS MÁIS TARDE E DESPOIS DE MÚLTIPLES RECHEOS E OBRAS, PORTOS DE GALICIA PRETENDE MONTAR EN FIGUEIRÚA UNHA GALPÓN QUE OCUPARÍA UNS 5000m2 CUNHA ALTURA EQUIVALENTE A MÁIS DE 8 PISOS. ESTA NAVE COBERTIZO PRECISA DE CIMENTACIÓN NA AUGA, NO MEDIO E MEDIO DO CANAL. E SE A ISTO LLE ENGADIMOS A PROLIFERACIÓN DE PROXECTOS DEGRADANTES NA BANDA DE ASTURIAS, COMO A NAVE QUE SE PRETENDE MONTAR NO CONCELLO DE CASTROPOL, NO "MUELLE NOVO" DA VEIGA, PODREMOS COMPROBAR QUE A RÍA SEGUE EN PERIGO E DESPROTEXIDA.

A CUESTIÓN E SE NOS ESTAMOS DISPOSTOS OU NON A CALAR E A DEIXAR QUE, HOXE CON ESTA OBRA, MAÑÁ OUTRA, DE FORMA LENTA, PERO IMPARABLE, REMATEN COA NOSA RÍA, COA RÍA DE TODOS, PORQUE A RÍA É SOBRE TODO UN BEN PÚBLICO, QUE CONSTITÚE E CONSTITUIRÁ UNHA ENORME FONTE DE RIQUEZA PARA O FUTURO. E ISTO SO SE CONSEGUIRÁ SE RACHAMOS COA ESPECULACIÓN E COA EXPLOTACIÓN EGOÍSTA DUNHAS POUCAS EMPRESAS QUE, ADEMÁIS, CONTAN COA COMPÍCÍDADE DE POLÍTICOS SEN CRITERIO NIN PERSONALIDADE QUE DESPOIS DUNHA CHAMADA TELEFÓNICA "ONDE DICÍAN DIGO, ESTÁN DISPOSTOS A DICIR DIEGO".

PRETENDEMOS MOBILIZAR Á OPINIÓN PÚBLICA DOS CONCELLOS RIBEIRÁNS DA RÍA E DO RÍO, PORQUE HOXE NINGUÉN PODE DISCUTIR QUE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E CONSERVACIÓN DA NATUREZA SON TOTALMENTE COMPATIBLES. O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO NA MARINA LUGUESA E NO OCCIDENTE DE ASTURIAS NON REQUIRE O SACRIFICIO DA RÍA, NIN DA NOSA COSTA. A RÍA É O NOSO GRAN PATRIMONIO COMÚN.

PARA PARAR A SÚA LENTA DESTRUCCIÓN PRECISAMOS UN PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS NATURAIS DA RÍA, QUE, COMO NORMA SUPERIOR INTERCOMUNITARIA, A PROTEXA DE CALQUERA ACTUACIÓN PERXUDICIAL. ESTE PLAN DEBE SER PROMOVIDO POLOS ALCALDES DOS CATRO CONCELLOS.

A NOSA RÍA HAI QUE RECUPERALA, CONSERVALA, DISFRUTALA E DEIXÁRLLELA, COMO LEGADO, OS NOSOS FÍLLOS E NETOS.

ALGUÉN DIXO NUNHA OCASIÓN: " NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE ". ANIMÁMOSTE A QUE COÑEZAS A RÍA, QUE CONTEMPLES OS CAMBIOS NAS SÚAS CORES, QUE DISFRUTES DA BELEZA DE CASTROPOL, Das FIGUEIRAS, DESDE ALGÚNS DOS MIRADOIROS QUE A CONTORNEAN. QUE VISITES OS MEANDROS DO RÍO ARRIBA E OS HUMEDAIS QUE SON MARABILLOSOS ECOSISTEMAS NOS QUE SE DESENVOLVE UNHA RIQUÍSIMA VEXETACIÓN, FLORA E FAUNA.

NON VIVAS DE COSTAS Á RÍA. OS MARIÑEIROS, QUE SON OS QUE MELLOR A COÑECEN, PODERANCHE CONTAR, SE NON O SABES, QUE NON HAI MOITO TEMPO COLLÍANSE LONGUEIRÓNS, SULLAS, LINGUADOS, AGUILLOLOS-BERBERECHOS, CANGREXOS... UNHA RÍA ONDE SAÍR DE "ZALEA" ERA, E SEGUE A SER, UNHA GOZADA. A RÍA SEMPRE FOI PUNTO DE ENCONTRO DE GALECOS E ASTURIANOS, SEMPRE FOI O NEXO DE CONCORDIA ENTRE XENTES DE RIBADEO, CASTROPOL, FIGUEIRAS E A VEIGA, OS QUE ADEMÁIS TIÑAN COMO NORMA DE CONDUTA A ÉTICA DA SOLIDARIEDADE."

O VINDEIRO DÍA 4 DE XULLO, ÁS 8 DA TARDE, E PARA FALAR DISTO, TEREMOS UNHA MESA INFORMATIVA NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO MAR DE RIBADEO. CONTAMOS CONTIGO.



¡A DEFENSA DA RÍA ESIXE UN COMPROMISO CIDADAN!
PLAN DE PROTECCIÓN DE RECURSOS NATURAIS DA RÍA, XA!

VERÁN 2008
PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS “O TESÓN”
"

20080626

Nota de prensa de O Tesón sobre as agresións á ría de Ribadeo

En relación á loita para manter un desenvolvemento sostible para a ría de Ribadeo, cabe aclarar que despois de varias xuntanzas mantidas entre as dúas asociacións implicadas, Plataforma para a Defensa da Ría de Ribadeo e O Tesón, está previsto facer próximamanete reparto de octavillas en todos os pobos limítrofes, informando do estado actual das últimas tentativas de agresión de que temos noticia, tentativas preocupantes que motivan a nosa acción.
Con posterioridade,o próximo catro de xullo, venres, ás 20h na casa do Mar de Ribadeo terá lugar o primeiro acto dos programados, unha mesa informativa na que se tocarán brevemente, en tres intervencións diferentes, os temas 'Os políticos e a ría', 'Historia da ría' e 'A ría e o progreso'.
Días despois, o 13 de xullo, comezará a petición de sinaturas en apoio da ría.
Os actos citados, dos que se dará máis información a medida que se vaian achegando, e que se pretende que sexan acompañados doutros na zona asturiana da ría, rematarán nunha manifestación no mes de agosto.
a lembrar que entre os dous actos primeiramente sinalados, terá lugar o día 11 de xullo a xuntanza dos alcaldes dos concello implicados na Reserva da Biosfera, ó suq ese pretende chamar a atención para que a figura de protección da reserva sexa usada de xeito favorable á ría.
Ribadeo, 26 e xuño de 2008