20200227

Quen vai abrir a Illa Pancha? Por Nuestro Faro


Hai unhas semanas recibimos contestación da Fiscalía de Mondoñedo dicindo que a porta da illa Pancha debía estar aberta, e permitir o acceso do público en xeral. Antes de emprender calquera tipo de trámite, varios membros do grupo desprazáronse en diferentes ocasións ata a porta da illa para verificar o seu estado, comprobando que esta seguía pechada, como por outra beira todo o mundo sabe. É dicir, que non se está a cumprir o indicado pola Fiscalía de Mondoñedo nin o estipulado no documento da licenza de apertura do establecemento outorgada polo Concello onde se expresa como condición o acceso libre á illa de todos os cidadáns para que o establecemento hostaleiro teña a autorización de funcionar.
Ante o pouco interese e respecto que suscita o cumprimento do asinado aos responsables, transmitimos ao Sr. Alcalde de Ribadeo o documento que nos remitiu a Fiscalía para que poida lelo por si mesmo no caso de que a Fiscalía non llo remitira xa. Con este xa son varios os documentos que o alcalde ten na súa posesión e que certifican o dereito dos cidadáns a acceder a Illa Pancha, así como a súa obriga de respectar e facer respectar o estipulado nos informes técnicos e oficiais.
O silencio e deixar pasar o tempo é moeda corrente para o Concello en todo o concernente ao tema do faro e a illa. Por iso os procesos de apertura da cafetería son tan silenciosos como descoñecidos os seus trámites, prazos, etc. É certo que cando non se sabe nada, nada se pode preguntar. Pero en todo caso, o colectivo «Por nuestro faro» xa efectuou o pasado 23 de xaneiro a demanda no Concello para poder ver o expediente referente á cafetería, de cuxo proxecto non coñeceríamos a existencia se non fose pola prensa.
Por iso, no referente ao acceso á illa, esiximos ao alcalde que respecte e faga respectar o estipulado por el mesmo e pola Fiscalía, pois non se entende a súa inacción e silencio se o seu desexo non é favorecer a unha empresa privada antes que respectar o patrimonio público e o dereito do pobo de Ribadeo a acceder a este.
Para rematar, nos próximos días dirixirémonos de novo á Fiscalía de Mondoñedo para comunicarlle que a porta de Illa Pancha segue obstinadamente pechada, e para aportar novos elementos na nosa posesión.
Por nuestro faro

20200226

As persoas que nos deixan as súas pegadas. Por Pablo Mosquera


¡Protesto!. Hai demasiadas páxinas e tempos nos medios de comunicación para a política e os deportes. Polo menos o segundo ten unha divisa salubre. Mens sa in corpore san. Aínda que se converteu nun espectáculo e un produto para o consumo, que logra ser espazo sen teito para a economía do sector servizos. Só así se explica a alerta economicista que desencadeou a posible suspensión dos Xogos Olímpicos para o próximo verán.
Pero entre tanta noticia que vira a inventario dos poderes que manexan á democracia ou á partitocracia, ás veces atopo noticias que me fan sorrir e reconciliarme comigo mesmo. Ese Retrato de Cunqueiro a través de 200 artigos, cuxo autor Miguel González Somavilla reúne baixo o título "Ao pasar dos anos. Artigos xornalísticos 1930-1981". ¡Que delicia volver ao mundo fantástico do gran Mindoniense!.
Di algo que aprendín cos grandes escultores vasco-navarros -Ibarrola, Chillida, Oteiza-: cando un autor está centrado sempre é reconocible pola súa obra. Non necesitan asinar, sábese de certo que lles pertence. Por iso comparto que o estilo articulista de Álvaro Cunqueiro recoñécese coa lectura dos seus textos.
Pero iso mesmo sucédenos co noso profesor do Instituto Lucus en Lugo, don Jesús Alonso Montero, que resulta inconfundible. O mesmo que nos "encantaba" coas súas ocorrencias e leccións, para daquela ser un xogador máis naqueles partidos de futbol do patio entre o masculino e o feminino. Ou como conversador cando nos conta as peripecias dos seus amigos e compañeiros, caso doutro dos meus profesores; Pedro Martul Rei, casado con Anxos Tobío -íntimos amigos dos meus pais na Compostela dos primeiros anos sesenta-
Algo así pode dicirse de dous artistas mariñáns. Alguén que frecuente as exposicións e o coñecemento da pintura e a cerámica, non é capaz de recoñecer a obra de Xoán Guerreiro ou a de Sito Otero Regal?. Alguén que sexa "adicto" á lectura historiográfica non é capaz de sinalar o estilo inequívoco, pola súa rigurosidade e xenerosidade nos datos, dos traballos de Carlos Novo Cal?.
Comparto o devandito polo gran Cunqueiro: "benditos os meus imitadores porque deles serán os meus defectos". A través de todos eles, coñecemos a alma dos galegos, a paisaxe da nosa inmensa Galicia, a capacidade infinita deste pobo noso para sorprender ao viaxeiro.
Por todas estas cuestións, persoais e intransferibles, acudo unha vez ao mes a esa inmortal Mondoñedo. Detéñome ante a fonte vella, escoito a auga mesturada cos sons de a Ronda e A Paula, visito a Alameda dos Remedios para saber se se aproxima a primavera nas follas dos magnolios, para rematar sempre saudando aos ausentes e facelos presentes, no Campo Santo da nosa vella e irrenunciable capital. "Eiqui xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis". Xa entón podo regresar á mar do norte, a escoitar o son das mareas que transforman o azul en branco no medio do granito e entre os grises plomizos do firmamento.

20200224

Coronavirus en eleccións

CC-by-sa 3.0, Obra de Crenim, collido de en.wikipedia.org

Está cantado. O coronavirus será un factor electoral de primeira magnitude. De agora ó 5 A a súa importancia aumentará e só queda por saber o seu impacto, baseado na intensidade -non só da enfermidade, senón tamén da paranoia ou o simple medo- e na decantación cara a unhas ideas e opinións sobre as medidas vistas pola xente como mellores ou peores. Iso, en función tamén de como lles afecten de xeito particular, etc, ou outros factores -está por ver que forzas políticas rematarán asociadas ó coronavirus e cales se erixirán entre a xente como asociadas á defensa da saúde.
O pánico é xa, hoxe, unha profecía autocumprida en moitos lugares, e esténdese de xeito parello. Coido que peor aínda que o virus, pois atende menos ós razoamentos e a prevención. E os efectos, coido que tampouco terán moito que envidiarlle: o virus mata dun xeito, o pánico fai estragos -posibles mortes incluídas- de moitos.
O impacto do coronavirus en relación coas eleccións, evidentemente tamén estará asociado á evolución en termos médicos, e non só en Galicia ou España, senón a nivel mundial. Pois o mundo será un espello no que se mirará o que se fai aquí. E por suposto, ‘no medio’, os medios, como axuste entre unha realidade que se transmitirá como se non estivese iso, ‘mediatizada’, e a sociedade, soliviantada ante unha ameaza que non é capaz de visualizar en termos relativos. Os medios xa están a esaxerar polo mesmo sistema lóxico que mantén os titulares: máis que informe, impacto. É dicir, chega con que haxa un grupo con psicose para que esa mesma psicose, ou as consecuencias dela, escalen ata o titular da noticia, propagando a mesma psicose e contaxiando a un maior grupo social, de xeito máis eficiente quer a propagación vírica. Iso, sen contr coas teorías sobre ocultación de datos.
Non, non se sabe aínda como afectará, pero de aquí a menos de vinte días, comezo de campaña electoral, é abondo probable que poda afectar ós desprazamentos dos candidatos, ou á realización dos mítins, por non falar dos comentarios sobre a xestión da epidemia –na que a bó seguro, a maioría seremos expertos- ou da xestión do medo cidadán -que haberá quen tenda a incrementar para aproveitalo-, entre outras posibilidades que haberá que considerar.
Mentres, a Organización Mundial da Saúde á cabeza doutras institucións sanitarias tenta dicir que que é pouco máis grave que a gripe normal. Pero xa que nestes momentos en toda China (pero poñamos que está concentrado en Wuhan) cóntanse 77 000 infectados, e 2500 mortes, para unha poboación (Wuhan) de 8 millóns de habitantes, podemos visualizar que é algo así como se en Ribadeo se contasen 100 casos e catro mortes nestes dous meses. En Ribadeo, en 2 meses, morren de media 23 persoas, e máis no inverno... Si, é grave, e calquera pode verse afectado, con peor prognóstico para a xente maior, e evidentemente non me gustaría que me afectara, e hai que poñer medidas tan sinxelas como lavar as mans, pero teño abondas máis probabilidades de morrer doutra cousa.
E, nuns dias, a campaña electoral terá un ingrediente inesperado hai un par de meses (ben, daquela tampouco sabíamos da campaña en marzo)

20200219

Chegan os anos vinte cun século de retraso: antroido Ribadeo 2020

Mañá xoves, pregón do Antroido 2020. Ás 20:30 horas no Teatro. Pregoeiro: Javier Rivera Ponte, xornalista.
Intervirá o Coro do C. Sagrado Corazón e grupos de cantos de taberna como En faldas y a lo loco e Os da Moncloa.
E... lembra os anos 20 (do século pasado!)

20200217

Dando unha volta sobre a bicicleta


   Cada vez aumenta máis a diferencia de posibiliddes de mobilidade entre as cidades e os pobos e o campo. Cada vez máis, a técnica desenvolve métodos comunitarios ou non que son máis doados de aplicar nas cidades e menos en lugares con baixa densidade de poboación ou núcleos pequenos. Por iso, cada vez máis, debéramos aproveitar as posibilidades que nos brindan os métodos dos que podemos dispoñer neses lugares nos que vivimos e menos se teñen en consideración.
   E ben, que hai dos cambios na mobilidade para facela sostible? Hai xa dez anos comezárase en Ribadeo polo principio, cun estudo colaborativo e ó tempo, concienciativo, que non tiña mala pinta. Dez anos despois, o uso das bicicletas nos desprazamentos, unha das medidas que se apuntaba e que mesmo foi promovida de xeito privado, non parece ter aumentado sensiblemente. E digo parece porque no que é de dominio público, segue sen haber estatísticas ou estudos cuantitativos (nin cualitativos) do uso no noso pobo e as infraestuturas que poderían facilitar ese aumento, como carrís bici, ou a facilidade de paso na Ponte dos Santos (algo que foi preguntado polo Tesón ó pleno), nin están nin se lles espera. Iso si, carteis coa lenda de ‘vila amiga das bicicletas’ levan tempo á entrada do pobo (que non do concello). Isto, nun concello onde non é a primeira vez que apunto que, o alcalde dende hai máis de 12 anos, ten como deporte de base o ciclismo. Ó tempo que contabiliza un dos tramos de estrada máis perigosos de todo o estado, no que a rede de transporte público fai difícil a mobilidade por eses medios na maioría do termo municipal ou no que se levan 'humanizado' diferentes lugares da vila.
   Mentres, seguen a aparecer nos xornais novas (protestas / peticións / realizacións) relacionadas case de xeito exclusivo co tráfico a motor de combustible, pero non coa bicicleta, das que se ve circular ou estar aparcada unha por cada varios centos de coches. Así pois, que sexa un transporte máis ecolóxico, práctico, barato, coas bondades dun desprazamento activo, mesmo rápido (aínda admitindo matices) non chega para favorecer a súa potenciación.
   A conta da potenciación do uso da bicicleta lembro o que pasou cando Ribadeo (en outros moitos lugares foi semellante) peonalizou as rúas céntricas. Primeiro, protestas, pero logo foron esquecidas cando chegou o desfrute xeral da peonalización.
   Sen reparar ademáis que esa falta de potenciación favorece o descoñecemento de posibilidades como a bici compartida ou contribúe ó fracaso das bicis de aluguer, por non falar de iniciativas como enbicisinedad.org que pode beneficiar ó funcionamento da residencia de maiores...
   Ou que nun momento de necesidade de abandono dos combustibles fósiles, as bicis eléctricas poden ter unha función de facilitación do cambio de modelo de mobilidade.
   Damos unha volta en bici?

Quen defende ao medio rural? por Pablo Mosquera

Como o Guadiana aparecen de xeito conxuntural o campo, a ganadería, a pesca, o forestal, as aldeas, as nosas parroquias... Ten que haber unha tractorada na cidade da señá Cibeles, máis aló da bucólica imaxe da transhumancia polas vellas cañadas reais, para que pensemos que pensar debemos na relación entre sector primario da economía e despoboamento do medio rural, hoxe España baleirada.
Mentres uns din que os privilexios para abaratar a factura da electricidade nas denominadas electrointensivas é insuficiente e gritan "será a guerra!". Os campesiños heroes habitacionais do rural buscan desesperadamente alguén que os defenda, sen mentiras piadosas, ante os recortes da Unión Europea, onde España entrou cos pantalóns dobrados no brazo, polo menos en canto a dereitos do seu tradicional sector agroalimentario.
Aínda resoa nos meus oídos, durante a miña estancia laboral e sanitaria en Tenerife, aquela melodía dos Sabandeños: "O intermediario". Como fórmula para concienciarse e avergoñarse do inxusto e tradicional abandono do sector primario da nosa economía, escoiten a súa letra. Segue estando de rabiosa actualidade. E si son galegos con inquietudes históricas, analicen científicamente os motivos da Diáspora cara América dos nosos antepasados.
A denominada cadea alimentaria é tan groseira que resulta incomprensible descubrir como os aldeanos se empobrecen, apenas poden facer fronte aos custos de produción, mentres as grandes superficies de distribución ao consumidor fórranse e o país pon como exemplo de éxito empresarial ao presidente do Villarreal ou as cooperativas do grupo Mondragón. Todo iso, aderezado cun mercado sen fronteiras que permite tirar os prezos, poñer nas estanterías para o ama de casa conservas chegados desde Chile, patacas holandesas ou americanas, leite e queixos a prezos irrisorios que rematan co noso produto nacional. E mentres, aínda funcionan economatos camuflados, só nos preocupa a industria -contaminante- por moi obsoleta que se quedou sen que ninguén se preocupase na súa decadencia -partidos maioritarios e sindicalistas liberados- Todo eles unidos no presente val de bágoas...
Recomendo ilustrarse cos traballos do profesor Pegerto Saavedra Fernández e o seu discípulo A. Fernández González -"Os grupos de poder local en Galicia, 1750-1850", para saber as raíces historiográficas do conflito socio económico que se vive na Galicia rural, esa que agora a Xunta de Galicia descobre e con motivo electoral quere recuperar intervindo nunha carreira conxuntural co Goberno de España, que descubriu a situación do desequilibrio e brutal asimetría entre territorios do Estado, dando publicidade á denominada España baleirada, que aquí está nas Parroquias que se morren...
O noso veciño Portugal puxo en marcha o Plan "Traballar no interior". Desde o próximo un de marzo, o Goberno a través da Ministra Ana Mendes, de Traballo, Seguridade Social e Solidariedade, incentivará con 4800 euros a quen decida traballar e vivir no interior de Portugal. Tal medida alcanza a cidadáns non portugueses con permiso de traballo que opten por iniciar a súa carreira profesional fóre das áreas urbanas. Apóstase pola cohesión territorial, as oportunidades ao medio rural, dinamizar aldeas envellecidas, a máis diso impulsar outra economía social capaz de xerar autoempregos.

20200213

Coñeces Ribadeo?


   Sabes o nome de tódalas parroquias? E o dos alcaldes da democracia? Sabes de que vive a maioría dos teus viciños? Sabes dicir varios temas tratados nos últimos meses nos plenos do concello? Tes idea do número de empregados do concello, do de policías locais ou de guardias civís? Da extensión do concello? De onde hai bibliotecas? De por que houbo manifestacións neste século? O que son os canapés en Ribadeo?
   Non, non se trata de gabar as vantaxes da memorización no ensino, nin de aprender de memoria datos sobre un lugar. Trátase de ser consciente das propias circunstancias sociais e históricas. Consciente das influencias ás que estamos expostos e contribúen a conformar o que somos, a nosa personalidade como individuos e como sociedade. Se non é así, non coñeces, non es consciente, pregúntate non só se estás integrado (non importa que sexas ou non ‘de aquí’) e se participas socialmente (non só de se ‘socializas’), senón tamén quen es.
   No caso de Ribadeo, nos más de cen quilómetros cadrados do termo municipal caben tamén algo máis que as Catedrais ou a Torre dos Moreno. E non se trata só das vistas dende o Mondigo ou un pouquiño aló do límite, dende o Comado, de gozar do Pozo Mouro ou da vella ponte abandoada augas abaixo das Anzas, de aprezar o Marco da Pena Verde ou o lugar de Vilar coa súa vista sobre a ría, de pasear polo Castro das Grobas ou contemplar o interior das Virtudes en Arante, entre outras moitas posibilidades que brinda a xeografía, a historia, a natureza, a arquitectura... Non. Trátase tamén de sentir onde estás, de integrar esas cousas no teu ser, de ser un coa túa xente, de aprezar onde vives... cousas que fan que vivas mellor ou que aproveites mellor os recursos comúns que brinda o noso entorno, con máis beneficios para todos, humanos e natureza, que só en parte está recollido na agora chamada ‘economía do procomún’.
   E non se trata, tampouco, dunha aspiración utópica ou idílica, senón de algo que pode ser corrente, de tódolos días, de todos -común-, unha boa práctica derivada daquel ‘coñécete a ti mesmo’ que tentaban controlar os antigos gregos sinxelamente para ser máis persoa.

20200212

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez. A plataforma pro residencia convoca de novo a xuntanza posposta

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

A plataforma pro residencia convoca de novo a xuntanza posposta
Ribadeo, 20200211


   A Plataforma pro Residencia de Ribadeo, unha vez amañado o permiso para usar o martes 18 de febreiro pola tarde o salón de actos da Escola de Música, convoca a xuntanza a tódalas persoas interesadas para integrarse na Asociación pro maiores José María Rodríguez, que será o día 18 de febreiro, martes, a partir das oito da tarde no salón de actos da Escola de Música de Ribadeo.
   Lembramos que neste momento xa está legalizada a asociación, unha vez inscrita co nº 2019/023831-1ª, na Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Asemade, xa está a circular a folla de inscrición, que tamén haberá e se recollerá na antedita xuntanza.
   Na asemblea está previsto preparar o camiño para que outras persoas, máis relacionadas coa actualidade da residencia xa en funcionamento, tomen as rendas do acompañamento da nova entidade de coidado dos nosos maiores, acordando os postos directivos, así como as tarefas máis inmediatas.
   Como nas ocasións anteriores, convídase á asistencia a toda persoa -teña algún familiar na residencia ou non- ou asociación interesada en colaborar para que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida.

20200211

Agremon blog / the galician Pitas page. Pensamentos dixitais / Digital thinking

   Deixo unha ligazón co repositorio onde se atopan os restos do primeiro blog de Ribadeo, abandoado xa hai tempo na publicación pero presente na rede. Agora, a empresa que xestionaba o sitio decidiu discontinualo, e dicir, facer desaparecer tódolos blog que albergaba, e quedan só os seus rastros en Internet Archive. Así, pódese acceder ó contido como se dun museo se tratara, accedendo a como estaba o blog nun ou outro dos días no que foi escaneado polo correspondente robot na rede.
    O 12 de febreiro de 2005 presentaba o seguinte aspecto, segundo a memoria de Internet Archive:

20200210

IN MEMORIAM DOS MORTOS NA PONTE DE ARANTE. Pancho Campos Dorado

Confluencia do rego de Lexoso e o rego de Arante para constituír o Río Grande. Santuario das Virtudes.

  Quixeramos suxerir aos organizadores da Romaría das Cruces, pois despois de asistir algúns anos a tal evento histórico na Capela de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, vemos que logo dos actos da procesión, da cerimoniosa reverencia das cruces e do saúdo dos pendóns totalmente en silencio, notamos que lle falta algo a ese cerimonial cívico relixioso e é a solemnidade grave e formal dunha lembranza esencial aos mortos que alí houbo tanto propios como dos inimigos franceses. Foron moitos mortos polos que podería prenderse un lume nun pebeteiro de pedra labrada ou queimar incenso acompañando o acto cunhas evocadoras palabras ou co rezo dunha simple oración.
  Por outro lado non estaría demais poñer unha placa co nome daqueles verdadeiros patriotas da Guerra da Independencia, aguerridos veciños das parroquias de Arante, Ove, Cedofeita, Covelas, Valboa, Sante e Vidal que foron quen de enfrontarse coas ferramentas do campo, gadaños e gadañas, a paus e a pedradas, aqueles días tres e catro de febreiro de 1809, aos soldados do exército francés perfectamente armados de sable e fusilería e adestrados para o combate ao mando do xeneral Fournier.
  Este xeneral tras as perdas que sofre tan preto de Ribadeo, aumenta as súas forzas até o número de dous mil homes de infantería, cos que acometeu o día cinco polo camiño de Nosa Señora da Ponte, forza a que os nosos paisanos non puideron resistir por falta de armas, polo que abandonaron o cordón e o inimigo entrou en Ribadeo matando os inermes, entre eles unha muller e un home de oitenta anos. Fournier, desconfiando de que os nosos paisanos se volvesen a reunir, evacuou en poucos días o país (Pardo de Andrade, Manuel: Semanario político, histórico y literario de la Coruña (1809-1810) Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1995. Citado por Juan Manuel Osuna Rey: Los Franceses en Galicia, Historia Militar de la Guerra de la Independencia en Galicia -1809-, páx.150-151).
  En Cubelas segundo recoñece o párroco don Esteban Aenlle Rocha no Libro de Defuntos, houbo a perda de catro veciños, os mesmos que nomea o Cura de Piñeira en La Comarca del Eo (2-Xuño-2001). Pero segundo notas de don Juan Ramón Fernández Pacios foron enterrados en Cubelas entre o tres e o cinco de Febreiro de 1809 os sete veciños seguintes: don Juan Díaz del Villar e don Xosé Díaz del Villar (3-Febreiro-1809); don Manuel Rodríguez da Axilde (4-Febreiro-1809) casado en Vidal; don Simón Rodríguez; don Antonio Rodríguez; don Pedro de Palmeiro e don Francisco Villapol (5-Febreiro-1809). Na freguesía de San Pedro de Arante morren dous veciños o día cinco e un que queda ferido morre o día seis, segundo a anteriormente citada obra Los Franceses en Galicia, e segundo investigacións de don Emilio Piñeiroa Lozano e don Juan Ramón Fernández Pacios, foron tres os enterrados en Arante: don José Fernández; don José Rico; don Juan Gutiérrez (6-Febreiro-1809) e tamén don Simón Amor Lastra (8-Febreiro-1809) que foi enterrado no chan da Capela da Ponte de Arante. Na parroquia de Santa María Madalena de Cedofeita segundo revelan as fontes de don Emilio e de don Juan, son tres os mortos dos que dous son mulleres: dona Angela López; don Pedro López e dona Josefa Soto viúva de Manuel A. Lanza (5-Febreiro-1809). Na Parroquia de Sante foron enterrados don Pedro Maseda (5-Febreiro-1809) e don Manuel Soldado(?) (3-Marzo-1809). Segundo notas de don Juan Ramón Fernández Pacios foi enterrado o 16-Febreiro-1809 don Isidro Yañez de Pacios antiga parroquia de Abres hoxe de Trabada. Tamén de Ribadeo hai un defunto “morto dun fusilazo” do que non sabemos o nome. Foron un total de dezaoito veciños mortos.
  Pola banda dos franceses o resultado da batalla non lles foi mellor pois o 29 de Xaneiro de 1809 tiveron a baixa de cinco soldados (e tres cabalos), que don Barreiro Fernández eleva o número a sesenta soldados e vinte e cinco cabalos, cifras que nos parecen esaxeradas, pero que ninguén sabe de certo. O 31 de Xaneiro de 1809 tiveron dezanove mortos e feriron a moitos máis, segundo o historiador Amor Meilán. Tamén morre “de repente” en Ribadeo un sarxento de graduación do exército francés, que se enterra sen recibir os Santos Sacramentos (ibidem, Los Franceses en Galicia, páx.151)
  No ano 2019 despois da celebración da cerimonia das Cruces e dos Pendóns, as Autoridades alí reunidas dixeron algunhas verbas e entregaron uns premios, pero para a nosa forma de ver falta ese acto afectivo que faga fincapé na relevancia do motivo da romaría, pois aínda que sexa un acto festivo, ninguén de nós fai festa polos defuntos propios nin polos estraños. Ter memoria daqueles que loitaron polas nosas liberdades debería ser sempre motivo suficiente para un conmovedor e inesquecible recordo.
  Creo que as Autoridades competentes da Xunta da Galicia e da Corporación Municipal de Ribadeo deberían de traballar a reo para manter vivos momentos tan históricos, así como procurar por todos os medios que non se destruíra tan magnifica xoia do Camiño de Santiago como é a Capela de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante que nos ven legada desde o alto medievo. Rogaríalles a ditas Autoridades que non deixasen perder este espléndido patrimonio como tantos outros, e que rompan para sempre con ese destrutivo lado da política con minúscula, politiqueiro e barato, que nos fai partícipes aos cidadáns da incompetencia administrativa, e non hai dereito que teñamos a maioría dos nosos vestixios e bens patrimoniais tan esquecidos, abandonados e arruinados.
  Lemos con incredulidade no diario Nós, Nº22, que Galiza debe máis de 11 mil millóns de euros e que un 14% dos orzamentos da Xunta de Galiza destínase a pagar a débeda. Onde están as melloras para con os cidadáns feitas a cargo da Xunta para ter tamaña débeda?
  Volvemos aos tempos do Gran Capitán que pasaba facturas “por picos, palas y azadones, cien millones”? Triste, moi triste que non haxa máis control do que tan mal se fai.

20200206

Hoxe hai pleno. Queres ir? Entre outras cousas, trátase do orzamento do concello para 2020.

Coido que non é algo que se pregunte moi a miúdo en Ribadeo. A desconexión da vida 'pública' da vida 'a secas' pasa de xeito forzado pola desconexión da xente dos asuntos públicos, respondendo só ante o tratamento que fan as institucións dos asuntos privados. Así, a esfera do público e do común, abandóase prducíndose un retroceso social. Algo que o conxunto dunha sociedade sa ten interese en evitar. Mais parece que non o caso.
De calquera xeito, deixo aquí a convocatoria do pleno de hoxe, xoves 6 de febreiro, posteada na 'Sede electrónica de Ribadeo' o luns 3, sen outro anuncio máis que unha nova nun xornal na que se daba conta do cambio da convocatoria de martes a xoves para que poidera asistir un membro da oposición, Daniel Vega. Por certo, que hoxe mesmo, de xeito erróneo, aparece nunha sección local que o pleno se celebrou onte.

20200204

Unha necesidade cotiá

Preparándose ás portas do concello de Ribadeo. Foto de Suso Fernández
Hai máis de dous anos que os pensionistas veñen organizando actividades mensuais para lembrar que existen e que deben ser tratados con dignidade. Actividades de lembranza de feitos e situacións, así como lúdicas, de xuntanza e entrelazamento de amizade, entremistúrnse con outras reivindicativas duns dereitos que son seus. Que son nosos, de todos, como sociedade. Algo que está moi claro: unha consigna común, que pode parecer lateral ó movemento pensionista é ‘non hai pan para tanto chourizo’, vese acompañada por peticións dun salario digno para a xente nova, cunha relación evidente, a unión do traballo asalariado coas pensións que xenera e mantén, xunto coa non menos evidente do mal que lle fai a toda a sociedade a corrupción.
Non é necesario insistir nesa relación entre salarios e pensións, farto estudada e ó tempo, ocultada na procura da división de protestas e illamento de protestantes (quen queira profundizar, pode ver moitos artigos sobre o tema, por exemplo no blog de Vicenç Navarro, entre outros moitos). Nembargantes, o que se constata, a pesares desa tentativa de división, é un medre mes a mes das actividades de protesta dos pensionistas. Remato de mirar en Ribadeando fotos de diversas convocatorias anteriores. Por exemplo, en febreiro de 2018, unha foto de Suso Fernández rexistra 20 persoas nas escaleiras do concello de Ribadeo, ás que habería que sumar a el mesmo como fotógrafo. E ó alcalde, que non sei se volveu a asistir unha vez visto que non era unha protesta pasaxeira para saír nos medios, senón algo construído con paciencia para conseguir un obxectivo: unhas pensións públicas e dignas. Dous anos despois, con altos nos veráns e baixos co mal tempo, este mes os congregados triplicaban a cantidade. E as forzas non flaquean, coa conciencia de que mal que ben, non só se está a conseguir parar o desmantelamento do sistema público de pensións, senón que mesmo pouco a pouco están sendo algo máis equitativas, aínda que o poder adquisitivo medio retroceda.
As concentracións, marchas e outras actividades dos pensionistas están a deixarse sentir por toda Europa, nun movemento que acada un reflexo mesmo a nivel mundial, pero sobre todo que amosa dúas características. Unha, o lento aumento do convencemento da sociedade sobre todas as teses defendidas. Outra, que é un movemento que se engarza en toda a sociedade, atravesándoa finamente pero tamén necesariamente. Resultado o primeiro que da ánimos ó tempo que se constata o moito que queda de mobilización social: non é de onte que alguén se pregunte cántos pensionistas hai en Ribadeo para que asistan 60, incluídas algunhas persoas que non o son pero que están concienciadas e poden asistir ás veces. E engarce na sociedade que fai que o movemento non sexa algo illado, senón que se relacione con outros, que sirva tamén de vector de concienciación en canto ó cambio climático ou á destrución do tecido industrial. E é que como se está a amosar, estar xubilado non implica delegar as funcións que nos fai persoa, senón máis ben ser máis consciente delas e exercelas como unha necesidade cotiá.