20200213

Coñeces Ribadeo?


   Sabes o nome de tódalas parroquias? E o dos alcaldes da democracia? Sabes de que vive a maioría dos teus viciños? Sabes dicir varios temas tratados nos últimos meses nos plenos do concello? Tes idea do número de empregados do concello, do de policías locais ou de guardias civís? Da extensión do concello? De onde hai bibliotecas? De por que houbo manifestacións neste século? O que son os canapés en Ribadeo?
   Non, non se trata de gabar as vantaxes da memorización no ensino, nin de aprender de memoria datos sobre un lugar. Trátase de ser consciente das propias circunstancias sociais e históricas. Consciente das influencias ás que estamos expostos e contribúen a conformar o que somos, a nosa personalidade como individuos e como sociedade. Se non é así, non coñeces, non es consciente, pregúntate non só se estás integrado (non importa que sexas ou non ‘de aquí’) e se participas socialmente (non só de se ‘socializas’), senón tamén quen es.
   No caso de Ribadeo, nos más de cen quilómetros cadrados do termo municipal caben tamén algo máis que as Catedrais ou a Torre dos Moreno. E non se trata só das vistas dende o Mondigo ou un pouquiño aló do límite, dende o Comado, de gozar do Pozo Mouro ou da vella ponte abandoada augas abaixo das Anzas, de aprezar o Marco da Pena Verde ou o lugar de Vilar coa súa vista sobre a ría, de pasear polo Castro das Grobas ou contemplar o interior das Virtudes en Arante, entre outras moitas posibilidades que brinda a xeografía, a historia, a natureza, a arquitectura... Non. Trátase tamén de sentir onde estás, de integrar esas cousas no teu ser, de ser un coa túa xente, de aprezar onde vives... cousas que fan que vivas mellor ou que aproveites mellor os recursos comúns que brinda o noso entorno, con máis beneficios para todos, humanos e natureza, que só en parte está recollido na agora chamada ‘economía do procomún’.
   E non se trata, tampouco, dunha aspiración utópica ou idílica, senón de algo que pode ser corrente, de tódolos días, de todos -común-, unha boa práctica derivada daquel ‘coñécete a ti mesmo’ que tentaban controlar os antigos gregos sinxelamente para ser máis persoa.

Ningún comentario: