20061031

En Ribadeo, voltando á normalidade

Despois duns días fóra, sen moito acceso a internet nin ás novas de Ribadeo, parece que pouco a pouco volta o blog á normalidade. Apunto un enderezodunha entrevista que me fixo Mariano Grueiro pillándome desprevenido sobre o plan Galicia e outras cousas relacionadas. Tamén apuntar que o concello segue a pagar (de xeito totalmente retrasado e con fallas no pago) segundo ordena a sentencia de ruídos, en troques de solucionar o problema. é dicir, normalidade tamén na casa... Apareceu na comarca a foto da fonte dos catro caños co pilastre e bola faltantes, e certamente impresiona abondo máis que as miñas tres (que apareceron no blog). Posiblemente, e dado que foi a noite de 20 a 21, poda establecerse algún tipo de relación co ingreso de parte dos atrasos por parte do concello en relación ó ruído.
sello
--
Hai un ano falaba de obras en Ribadeo, no peirao e nas escaleiras preto...
Hoxe, coido que debo dicir polo momento: continuará.

20061030

Atenas: ánodo e cátodo.

A cidade de Atenas é visible dende moitos puntos, e dende moitos punto de vista, de xeito que as consideración a facer sobre ela poden variar como do día a noite segundo como e de ónde se enfoquen. En barrios máis populares e menos turísticos ou sinxelamente centrais ou comerciais, atópase un ambiente tan anodino como en outra grande cidade calquera, ou mesmo nalgúns pobos ou partes deles: ese ambiente que, mirado dende fóra, rexéitase para procurar máis vitalidade, máis saúde ou máis beleza no entorno, por poñer tres posibles desexos de mellora ambiental en relación á sociedade humana que habita a zona.
Non é doado ter intención de ir á procura doutra cidade diferente, pero é doado atopala. En Atenas, tamén. Tamén hai barrios con rúas abondo estreitas para as edificaicóns que soporta, tamén hai un problema crónico de aparcamento que fai que coches e motos inunde as beirarúas onde non están protexidas, ... De calquera xeito, parece que ten menos porblema de tráficoq eu outras cidades: As motos, moitas motos, producen ruído, máis que os coches, e un certo caos circulatorio (entendámonos, caos para un suízo, non para un napolitano) a cambio de permitir unha circulación máis fluída. O cruce das avenidas principais pode resultar chocante ó ter que cruzar sempre en partes, porque os semáforos non permiten facelo dunha soa tirada, pero parece que o sistema non funciona mal e por aquí tamén hai sistios onde ocorre algo parello.
A contaminación de Atenas é, se non lexendaria como as súas pedras, ben coñecida, e de feito ten que ver co non divisar o horizonte dende un punto alto. Pero o certo é que tampouco impresiona o feito de que se falara hai uns anos dela como unha das cidades máis contaminadas. Pode que teña algo que ver no tema a municipalidade, que teño entendido que aumentou a limpeza dun xeito drástico, e certamente, non parece unha cidade con moito lixo esparramado por aí. Quen manda na cidade? Nin idea de se son esquerda, dereita ou centro, ultras ou moderados. 'Polas súas obras os coñeceredes', non polas súas etiquetas.
Ó pé do Areópago descubrín que ánodos é subida e imaxinei que cátodos era baixada, o que comprobei despois. O significado deso que os nosos estudantes teñen que asimilar como positivo ou negativo nunha batería estaba aí, agochado entre as pedras gregas, igual que outros moitos significados. Pero o caso é que era iso: unha escaleira de subida, escavada en pedra, e unha de baixada, metálica. É dicir, dende outro punto de vista, o que é unha curiosidade como solución (a escavación na pedra xunto co metal próximo) pode converterse nunha chapuza (algo histórico xunto a outra cousa engadida que non pega nin por estilo nin por material).
En fin, unha cidade para sentir, non só para ver. Como todas. Pero diferente.
--
Sigo con problemas de acceso á rede... espero de calquera xeito non faltar ningún día nunha tempada.

20061027

Falando de Atenas (a Acrópole e a súa circunstancia)


Cada vila garda as súas sorpresas, que non son sempre as mesmas e non afectan a todos por igual. Que se pode esperar dunha vila onde o nome do porto é Periaeus en troques de peirao, pero na que Teoria é algo máis que a expresión dun concepto, algo tan real como unha rúa en ascenso á cidadela, e na que Sintagma é algo máis doado de lembrar que o que aquelo relacionado coa lingua que se estuda no ensino medio, algo tan cotidiano como unha praza das principais? Pode que en moitas cidades gregas se poda argumentar de igual xeito, pero é en Atenas onde cobra a súa máxima expresión.
É unha cidade con protuberancias rochosas, escarpadas, no medio da chaira. En pouco espazo pode pasarse dos 60-80m de altura dominante ós 156 que marca a Acrópole, ós menores 114 do alto do Areópago ou ós máis de 200 de algunha outra rocha menos coñecida. Unha cidade que rodea alturas nun lugar que se supón debe ter sido relativamente fértil e no que hoxe hai un mar de edificios que se perde na bruma.
Unha cidade chea de metáforas, dominada na antigüidade pola Acrópole que hoxe domina parte da economía, a traverso do turismo, tras perder o dominio xeográfico no crecemento de moitas zonas cidadás. Unha cidadela que ten fama polos seus edificios, pero que impresiona pola súa muralla, alta e maxestuosa cinguindo por riba unha rocha xa alta de por si. Cidadela en obras, pode que por eso de que as ruínas teñen que parecelo e non só selo. E máis metáforas: ós pés da Acrópole, baixo o seu dominio, o ágora, a praza pública de discusión dos asuntos cidadáns, que segundo como se mire pode ser vista como ruinas ou como algo conservado como curiosidade, pero sen uso efectivo da democracia da que foi símbolo no seu tempo.
A colina máis perto da Acrópole é o Areópago. Nese lugar, ó que parece que lle ven o nome do deus da guerra (algo así como 'lugar de Areios') era un lugar onde se dictaba xustiza para casos de morte violenta. Novamente, fóra do ágora, pero simbólicamente tamén fóra da cidadela. Polo demáis, un lugar práctico no que se podía despeñar á xente con dar uns poucos pasos. Nembargantes, xa non pola súa falta de importancia constructiva, senón pola súa menor altura, non lle fai máis que un parche pegado ó centro capital (que non deixa de estar preto do centro da capital)
Dun xeito semellante que podería dicirse que hai castros en Viladonga ou Coaña, pero o das Grobas é diferente (sen máis, aí está o mar para marcar algunha diferencia) hai pedras en Pompeia, podendo apreciar máis á vista e mellor conservadas, ou en Roma, pero as de Atenas son diferentes, e non só por ser algo máis antigas. En particular, sóno polo que se podería chamar a súa maxestuosidade democrática, só compartida en parte por outros lugares: difícil de interpretar, pero coido que non ven mal neste caso a conxunción das dúas verbas.
Non sei cómo fixeron para construír os monumentos, pero si o que pasou para que moitos deles foran logo destruídos. Non foi tanto por non saber conservalos, como oín a alguén estes días, senón por non poder facelo, invasión tras invasión, dependencia tras dependencia e expolio tras expolio, aínda que parece que neso se levou a palma a rubia Albión, para algo está o Museo Británico de testemuña.
Atenas é xeométrica, no sentido de trazado e no de proporcións, se ben neste último os seus tres millóns de habitantes estragaron o feito no seu momento. O clima é agradable e da lugar a que a xente se mova dun xeito mediterráneo, sen chegar a impuntualidade crónica pero tampouco en xeral suxeitos a unha férrea disciplina do reloxio. Non sei por que, o anterior lémbrame a Atenas de Pericles: esforzo, xentes vixilantes coa garda alta porque non eran tempos sinxelos, e tamén cultura. Unha democracia dos privilexiados con tintes totalitarios na que o sustento era frugal, non daba para máis a alimentación dunha poboación que era abonda para que nela poidera haber unha confrontacion de ideas entre o grupo de xente libre, que compartía o poder.
Paneles solares teŕmicos para auga quente por toda a cidade contrastan menos coa Acrópole que o tren pasando ó pé do café na rúa Adrianou, modificando a impresión da maxestuosa cidade defensiva. Algo semellante ó que pasa co toque único dunha campá concreta sonando forte cada media hora cando se está no mundo dos pensamentos baixo o influxo da cidadela, entre ruinas e xente nas terrazas dos cafés. Café cargado, estilo grego.
A Acrópole, mediatizada polos ferros das obras, acumula intervencións humanas en épocas diversas, máis pasa o mesmo que co contraste das estructuras metálicas coas vellas pedras: golpea de cerca pero perdoa de lonxe. Tamén en certa forma golpea o contraste dos gregos cos turistas nas mesmas rúas nas que un músico italiano crúzase cun vendedor ambulante africano ou un tamén vendedor ambulante pero con máis medios, de orixe asiática: como non? a globalización chegou tamén a Atenas, hoxe colonizada cultural ou socialmente despois de facer posible que a cultura que enxendrou a recibira todo o mundo, e que pasara algo parello coa sociedade que herdou as súas características.
Parodiando a Ortega naquelo de 'eu son eu e a miña circunstancia', Atenas non é a Acrópole, mais a circunstancia na que pasa o tempo esa referencia a nivel mundial. Perto dela, debúxase no ceo craro ou sobre o fondo da noite, o mesmo que as cariátides como canon repetido: sempre iguais e sempre diversas na súa vista. Ó anoitecer, comezan as luces sinalando o que hai dentro, evitando os muros que fan o illamento, o seu levantamento sobre o nivel da vida do pobo ós seus pés... e na distancia, unha beleza diferente que na proximidade, na que é absorbida, empequenecida pola súa propia grandeza. De pronto, acéndense as luces que iluminan muralla e rochas sobre as que se basa. Unha cor máis crara engade un novo contraste. E a imaxe, doutra volta, cambia.
A bandeira na Acrópole, nunha beira. Orgullo ou prexuízo? Cara ó pasado, ó presente ou tendo en consideración o futuro? Unha bandeira nunha plataforma que ten algo de barco fantasma, espellismo que navega nun mar que non é o seu, nunha cidade que leva miles de anos evolucionado dun xeito que non o pode facer o monumento.
Póñome a ler nunha cafetería á vista da Acrópole e no libro comezo un capítulo. O seu título: “Teorías”.

20061022

Unha nota curta dun sábado noite morto e chuvioso

Noite morta a medianoite, sen xente pola rúa, pero con locais abertos, con música, con portas tamén abertas, e aínda xente cantando e tocando dentro deles.

De obras? Ribadeo! A xeografía ribadense está a cambiar.

As obras seguen a sucederse en Ribadeo. Non só son edificios que parecen bater a marca olímpica do 'máis rápido, más alto, más forte' con algo así como 'máis aproveito, máis alto, máis grande', senón que as obras publicas non descansan. Esta fin de semana xa se pode pasar de novo por todas as conexións entre Rosalía de Castro e Calvo Sotelo, despois de estar interrompidas unha ou outra (aínda falta de cerrar os ocos de xeito adecuado), senón que entrou en funcionamento a ponte da estrada 'do monte' sobre a circunvalación. Non se aprecia aínda por onde pode ir un entronque entre ambas, se ó fin vai.
Co mundo das obras que está a desenvoltar Ribadeo pode ser considerado algo así como un test para comprobar a actualización do sigpac (páxina que non está funcionándome moi ben últimamente) ... que sexa para o mellor ...
Por certo, que no Sixpac (a versión galega, que si está a funcionarme) a foto xeral de Ribadeo xa variou en relación á que había antes: nótase polos tesóns. Non gardei a anterior e polo tanto aínda non podo comparalos, pero a próxima haberá comparación (D.m)

20061021

Fotos da fonte dos catro canos vandalizada




Adxunto as fotos prometidas. Ó final, era menos do que creía, pero non deixa de ser unha imaxe que aínda para quen non coñeza a zona resulta coxa, a falta de algo: a bola do alto. Un detalle permite ver por onde caeu a bóla e o rastro que deixou despois de caer. Onde está a bola agora, nin idea. Pode (pero é só imaxinación miña) que no fondo de Porcillán.

A fonte dos catro canos, vandalizada.

Esta noite tiraron abaixo a fonte dos catro canos. Polo que parece foi cara ás sete da mañá. Remato de enterarme. Tirarei unha foto e á noite poñereina... Non só zona acústicamente contaminada, senón vandalizada!

Limparase o Castro das Grobas?

Hai a posibilidade. A creación de dúas cadrillas de traballadores contratados polo concello posibilita o facelo. Queda o ter voluntade. Consultar o periódico e á Casa do Concello.

20061020

Sorpresa!

Pois si, resulta que tras a construción dun edificio na rúa Rosalía de Castro con piscina incluída por riba das sete plantas, agora é denegada outra licenza apra a construción, xusto fronte a el, de outro con características de altura semellantes, e 'porque afecta ó casco vello', cando está menos céntrico que o anterior (está da beira de fóra de Rosalía). Claro que por medio houbo un rexeitamento do PXOM en Santiago, e está preto de San Roque, que é algo así como un monumento (e por se fora pouco, agora ten os cocos para apuntalar a súa monumentalidade)
Eso di a prensa. E resulta que é no aparcamento 'acondicionado provisional' que xa comentara aquí sobre as contraprestacións que esixiría... Quedará sen contraprestacións? serán en outro concello? Ábrense interrogantes novos.
De calqeura xeito, a min chámame a atención que a nivel oficial se esteña comezando a actauar de xeito digamos preventivo, pois parece que o edificio estaba conforme co plan vixente na actualidade, o de 1977, pero o sentido común dalgunha autoridade como patrimonio deixou constancia da súa impronta, ó mesmo que apsou en Lugo recentemente coa sentencia en contra do concello pola instalación de locais (bares) en zona acústicamente contaminada, permitida polo plan (como se pretende en Ribadeo, feito o máis liberal posible) pero rexeitada polos xuíces.
Non queda tempo de falar da aposta de Castropolo polo turismo ecolóxico na ría de Ribadeo (cun centro de interpretación que non se vai a chamar precisamente 'ría de Ribadeo') o das aputas ecolóxicas dadas nas xornadas de medio ambiente, das que si é preciso falar outro día.
--
Retomo as citas de hai un ano con 'este concello que temos'. Un título suxestivo a día de hoxe.

20061019

$GAE, onte en Foz, hoxe en Ribadeo, ...

Hai algo máis dun ano aparecía no blog unha foto que poñía básicamente 'Kgome', contra a SGAE, tomada en Foz. Hoxe en día hai en Ribadeo varios carteis con outras lendas, pero equivalentes: o afán recaudatorio da 'Sociedade Xeral de Autores de España' non parece ter límites nos seus impotos, pretendendo cobrar tanto por a compra dun cd ou dvd para gardar datos persoais como por ter a radio posta. Mágoa que hoxe fálteme a foto. Irá nun post a parte.

20061018

Mirando anuncios sobre Ribadeo

Unha nota breve por mor de que o ordenador non anda moi ben hoxe. Mirando o xornal de onte atopei algunha cousa chamativa nos anuncios de 'A Mariña/El Progreso'. Nun tal parece que o vello cine ribadense pase a ser unha praza, pois desaparece da foto para vender un edificio próximo. No outro, anúncianse as xornadas ambientais que están tendo lugar estes días en Ribadeo, que inciden nas sustentabilidade dos recursos naturais. Aparecen os patrocinadores, e, xunto a dúas entidades públicas, o Parador e o propio xornal, outros seis anunciantes, todos, empresas construtoras. Que dicir, chamoume a atención. Unha nota: séguese co PXOM a voltas.

20061017

Un vello equipo de Ribadeo

Aló polo comezo da democracia, o equipo do PSOE en Ribadeo era algo diferente do que hai agora. Javier González Miro, Pepe de Ramos (José David López Pérez), Bernardo Rodríguez, Francisco Campos (o de Hispanagar), Antonio do Medio, Antonio de Marelle, José Ramón Penedo, Pepe de Marcos ... entre outros que hoxe están máis ou menos desaparecidos da política e esquecidos, sen ascendencia no actual PSOE. Ó mellor, o vivir daqueles tempos lles da unha experiencia e unha ética que serían proveitosas para o actual PSOE de Ribadeo. Unha mágoa que non se aproveite a xente que quedou fóra por xubilación normal ou por xubilación anticipada. Para pensar...
Mentras, hoxe parece que xa están decididos os 3 cabeza de lista para as eleccións municipais. Neste caso, parodiando aquelo de 'os dous de sempre', quedarían 'os tres de sempre'. Claro que hai que dicir que por exemplo un dos tres é discontínuo temporal.

20061016

Ribadeo, Porto PIF

Na presentación do libro de Chemi Lombardero todo ía máis ou menos previsible. Nun libro sobre o porto de Ribadeo pode saír moito do tema, da ría, ... pero estaba o alcalde na mesa e tras falar as catro persoas dela, supoño que para animar o turno de preguntas, Chemi fixo a pregunta sobre que pensaba a xente do futuro do porto de Ribadeo. Así entereime das previsións de que Ribadeo sexa un porto PIF (que logo, buscando, vin que correspondía ás siglas de 'posto de inspección fronteirizo' para tráfico alimentario da CE con terceiros países), de que de hai vinte anos aquí, a media de tonelaxe dos barcos que chegan ó peirao con ou a procurar mercadorías cuadruplicouse (de 1000 a 4000Tm), lembraron a limitación do calado a 6m, que parece algo así como unha normalización de mínimos para os portos europeos, saíu a relocer o porto exterior que se dicía hai anos e que parece ser que estaba apoiado pola CEL (pero que o alcade manifestou neste momento como imposible), o mesmo alcalde falou da necesidade de outro dragado ó tempo que apoiaba que tras o último recheo a cousa estaba abondo ben e despois de dicir o autor que este era o mellor momento do porto ribadense, ... con enterarme dalgunha cousa, coido que o acto favoreceu a política ata que me marchei. Tras a pregunta do autor, e mentras que estiven, as contestacións foron do alcalde e un consignatario, exceptuando algunha pequena intervención, como a que tentou de deixar claro que había que revitalizar a pesca, outra que preguntou se o superporto Coruña-Ferrol non estaría mellor aquí, ... Moita xente para o primeiro acto de campaña municipal ó que fun.
Quédome con algo que dixo Chemi, aínda que de pasada, cando citou o do mellor momento: a importancia do porto na economía local, baixou, aínda que aumentara a tonelaxe movida e tamén o valor das mercadorías. Ó cabo, unha familia que tivera no século XIX unha carroza de cabalos, mellorou se agora aínda ten un seiscentos, pero evidentemente non o fixo en relación ó cambio social dende entón.

20061015

O Castro das Grobas, algo máis de Ribadeo na Galipedia (2ª de hoxe)

Hoxe metín ó castro das grobas na Galipedia. Lembrade que pode aumentarse...
Por non poñer outro post, unha segunda aprte posterior. Remato de recibir unha ligazón a outro conxunto de fotos do castro das Grobas, a parte da presentación sobre o castro das Grobas que xa puxen nun post anterior sobre o mesmo tema de actualidade en Ribadeo.

Paseo ó castro das Grobas, Vilaselán, Ribadeo

Onte foi o día do paseo ó castro das grobas, para ensinalo e velo máis en profundidade. Pouca xente, pero con amizade e ganas. Aquí está unha presentación preliminar. (hai máis fotos sacadas, xa se verán)

20061014

Foto Miguel, Ribadeo (2ª de hoxe)


Remato de ver unhas cantas fotos no escaparate de Foto Miguel, na peonil ribadense. Fotos aéreas e en xeral chamativas, alomenos para min. Tamén neste caso.
Foto 1. Vista xeral dunha parte da costa en Barreiros: a presión urbanística incontrolada vista dende o ceo, no medio dunha costa de beleza moi ponderada.
Foto 2. Tesóns baixo a auga na ría de Ribadeo. A forma xeral é aproximadamente a que se ve no debuxo (non entra nel o tesón das Figueiras), distinguindo no correspondente á Vila vella a parte de area e a parte colonizada por verde. O debuxo está feito 'á brosa' a posta, porque á min impresionoume máis a foto deos tesóns suxeridos baixo da auga que outras veces que saen emerxidos.
Foto 3 e 4. A colonización dos Castros un día de verán... paraxe desértico? nin de coña.
Foto 5. A praia de Barreiros xusto no límite con Foz, cunha barra de olas rompentes fronte ó areal; no medio, unha zona máis profunda, e dominando a imaxe, puntos negros, ás voltas, constelacións deles máis pequenos, lembrando o Prestige...
Certamente, fotos inspiradoras.

Musiqueando


Como xa anunciei, saíu 'Musiqueando', unha revista de información musical basada en Ribadeo. Escola Municicpal de Música e Danza Hernán Naval e Banda Municipal de Ribadeo (Amadores da Música) son os pilares de novas da Revista. Porque a revista en sí é Suso López, Susín, quen se encarga. E con pouca axuda, con execepcións como ocorre no caso do logotipo, na figura adxunta, que é de Ismael Teijeiro Flores. Quen quera ver a revista, na escola de música pódese coller. E, de seguro, quen quera colaborar, será ben recibido (coido) se a súa colaboración é interesante: é pode que o punto máis débil, o non ter colaboración abonda nunha revista que, de perdurar un certo tempo, será demandada no futurocomo testemuña dunha parte da historia ribadense.
Mentras, por Ribadeo, segue o tema do xulgado (de novo, unha promesa do alcalde) o día no que recibirá promotores turísticos que veñen no transcantábrico; dende aquí están invitados ó paseo desta tarde, pero dame que non virán porque non se enterarán e o alcalde non coido que se lembre de dicirllo. Tamén, a aprobación inicial do polígono sen ter amañado toda a compra dos terreos: algo no que todos pretenden poñerse medallas e coido que todo o pobo aproba. De fondo, como moitos outros días, o tema urbanístico, esta volta en Barreiros, que parece batir marcas neso da construcción, en Foz, etc...
Unha volta máis, a lembranza de que esta tarde, ás catro, na praza de San Roque, sae o grupo que visitará o castro das Grobas, vilaselán, visita que se fará tranquilamente en dúas horas para xente de tódalas idades.
Hai un ano o blog tiña unha pequena curiosidade e un artigo anunciando obras

20061013

Unha lembranza para Ribadeo e o seu entorno (3ª de hoxe)

Xa saíu no blog: mañá, ás 4 da tarde, haberá un paseo para amosar o sitio do Castro das Grobas. É un paseo curto, que entre ida e volta, facéndoo de xeito calmado, espérase que dure unhas dúas horas.
A saída, ás catro da tarde da praza de san Roque.

Axuda para as aulas

Hai cousa dun mes naceu en internet un proxecto de repositorio de materiais para o seu uso nos centros educativos, 'A Galipedia na aula', que se basa na enciclopedia libre e colaborativa en galego 'Galipedia', na que se van aumentando materiais pouco a pouco, e dos que, algúns, de xeito estruturado, estánse a preparar para o seu uso como material educativo de base. Por certo, que a Galipedia, da que xa teño falado máis dunha volta aquí, vai camiño dos 20.000 artigos; xa quedaron atrás os tempos dos pioneiros para pasar a unha construción sistemática dunha enciclopedia que comeza a ser un referente a nivel Galicia como enciclopedia xeralista, aínda que polo momento teña moitos menos artigos e en xeral menos extensos que algunha outra adicada de xeito único a temas galegos e non dispoñible en liña.

Sobre o blog. Sobre este blog de Ribadeo

Onte descubrín que o blog aparece como primeiro na lista de procuras sobre Ribadeo cando se trata de contidos libres. Pódese atopar en http://search.creativecommons.org/, procurando por 'Ribadeo'. Nas procuras sen esa limitación de estar incluído nunha licenza libre como creative commons (ver abaixo de todo), de liberdade de contido, nos primeiros postos da procura aparecen sitios comerciais e relacionados co turismo, comezando sempre polas web de Eomática.

20061012

O paradoxo do mentireiro: fides ex auditu, tamén en Ribadeo

Onte leín no 'El País' un artigo de Joaquín Estefanía titulado 'La paradoja del mentiroso'. Antes de seguir, unha citas da primeira parte do artigo (a segunda coido que non ten a altura da primeira):
"la democracia es dinámica, (...) la impulsamos o retrocede" (algo que levo dito unhas antas voltas nos post anteriores)
"la aniquilación de la verdad y la aniquilación de la democracia caminan al mismo ritmo", relacionado co que tamén teño dito de que se non hai información veraz para todos a democracia é un soño
"el mentiroso está contando sinceramente su verdad y, al creerle, cedemos parte de nuestra libertad en función de la mentira. Pasamos a estar sometidos a la voluntad del otro." Di nalgunha parte Xesús: 'non seades incrédulos, senón crentes' ,porque a tendencia, a necesidade de creer nos demáis é necesaria para un individuo social. Cando un minte, estase aproveitando desa tendencia á credulidade, está estafando e roubando algo inmaterial.
"Para que funcionen, las democracias necesitan que sus decisiones sean informadas (...) en la medida en que no pueden tomarse esas decisiones, el proceso democrático resultará ilusorio y el poder del pueblo quedará reducido a un mero eslogan", co mesmo comentario que xa fixen antes.
"El control democrático depende de que los ciudadanos dispongan de información verdadera y en tiempo, para atribuir responsabilidades a sus representantes". é dicir, tamén en tempo, e non dilatando a información canto lles pete, co que seuen levando avantaxe.
E nesto, lémbrome da segunda parte do título, unha cita latina que lle teño oído ó autor de 'A vida político - social de Ribadeo' con tradución de 'a fe (entra) polo oído', no sentido de que a base de machacar (=propaganda), é cando se comeza a creer (=fe). E quen pode facer a propaganda? quen pode, é dicir, quen ten poder. Por eso, se a xente que ten poder non o ten acompañado de integridade moral, traballará para sobreexercer o poder que ten en contra da participación de todos os máis débiles, en contra da democracia. A renglón seguido, paso a dar un repaso á información sobre diversos tema dada polo concello e pregúntome, estamos en democracia? De nome, tanto como en América. Haberóia que dicir que na realidade tamén? Son preguntas retóricas, mentras se anuncian volta tras volta as mesmas cousas, ata que se desminte ou por carambola ou tempo remantan sendo certas, pero mentras van calando na xente como se de verdades se tratara. Casualmente hoxe aparecen na prensa dous desmentidos. Un, sobre a volta do xulgado a Ribadeo no 2007, que pasará sen el. Outro, sobre a multa imposta a unha empresa pola desviación dun rego (xa tratada no blog), que se xulga ridícula pola súa cuantía. En relación con eso recollo unhas palabras do presidende da comunidade de montes de Ove: "Cambiaron o cauce do río centos de metros, non 200 como di Medio Ambiente, e con elo anularon un camiño, coñecido como o do Bon Xesús. A multa é ridícula, e Medio Ambiente debe pensar que con iso xa está todo feito. Tamén destruiron un muín e a fonte da Rosiña, que en setembro, cando a seca, daba doce litros por minuto. O que pido é que se actúe como corresponde e que amañen o que destruiron". ... Todo por 300 euros (onte a cantidade tiña máis ceros).
Co anterior, resultoume entre premonitorio e relaxante ver a entrada de fai un ano: 'O prometido é débeda', aínda que se trataba dunha pequena promesa relacionada coa entrada anterior, 'Arco da vella'

20061011

Urbanismo, motor de novas en Ribadeo e toda a Mariña

Asómbrame a capacidade que ten o urbanismo de xerar novas. Acusacións, denuncias, xustificacións, feísmo, cartos, tonterías, ... todo vale como nova, sempre que no fondo esteña o urbanismo dun xeito ou outro.
A última (que non ven en solitario, hai máis novas sobre o tema no mesmo xornal), que Ribadeo adapta o seu Plan Xeral de Urbanismo a un 'modelo de desenvolvemento mantible'. Moito debeu de cambiar Ribadeo dende que eu non saio á rúa. Aposto a que a nova redacción do plan sae á rúa sen unha declaración do modelo de desenvolvemento para Ribadeo, como foi pedido 'só' hai máis un ano, e só por dúas entidades diferentes (que teña eu constancia, polo menos O Tesón e a Mesa de asociacións). Temén me estranaría que recolleran algo sobre zonas de protección acústica, como está estipulado legalmente que se faga (e foi pedido igualmente a raíz do cambio normativo). Só por poñer dous exemplos e non estenderme máis. Por certo, ó parecer o alcalde fala dunha aprobación inicial, é dicir, dunha aprobación 'electoral' para calmar a algún sector e non do funcionamento efectivo do plan, que coa mentalidade actual non me estranaría que tivera que pasar polos tribunais.
Ben, o Cambio ó que me refiro no parágrafo anterior pode ser debido a que o mesmo Medio Ambiente (Consellería de) sexa o que teña que sancionar a unha empresa, encargada da circunvalación, por desvío dun regato, mentras que do concello non se sabe nada ó respecto. Claro que tiveron un ano máis pare pensar no desvío, e deberon facelo a conciencia: a obra leva un retraso equivalente ó dito, polo que ó mellor ó concello non lle deu tempo a velo ou estaba tan oculto que a mesma consellería o califica de falta menos grave. O rego? Os Malatos.

20061010

Pubeiros, baristas e Anna Politkovskaya


Hai un tempo, introducín no meu vocabulario un neoloxismo (coido que oínllo a un amigo e non foi invención miña), 'pubeiro', para designar á xente relacionada como propietario ou traballador dun local de hostelería nouturna. Máis adiante, abondo máis, atopeime co saquiño de azucre que aparece na imaxe e pregunteime e preguntei que sería barista. Non mo souberon dicir, ata que dunha procura por internet saquei a conclusión que era o equivalente a pubeiro, pero para os bares. É dicir, outro neoloxismo útil, que encadrei nun reclamo nunha servilleta do CCA para preguntarme se non haberá no próximo futuro unha verba por exemplo para designar á xente encadrada no Centro Comercial Aberto (atención, non sirve 'comerciantes' ou 'industriais' porque non agrupa a todos, e ademáis, agrupa a ambas clases); poidera ser 'comercialistas', pero non ten gancho abondo, paréceme.
Tamén podería parecer unha verba chamativa o apelido de Anna Politkovskaya, 'Ana a Política', pero parece que non é así. Que non era política, senón periodista, e precisamente adicábase a investigar contra os desmanes que a polìtica facía no seu país, Rusia. Que se adicaba, porque a súa falta de política (da política mal entendida ou desentendida que se practica moito hoxe) fixo que fora amezada de morte e que cumpriran a ameaza. Caeu asasinada. Quizais poda dicirse dela que como os soldados, 'caeu coas botas postas', con valentía, cando preparaba outro traballo de denuncia das tropelías. Sen xente como ela, a democraciá quedábase máis cedo que tarde en nada, en pantalla; si, máis do que xa está, e máis rápido. A pesares do seu nome, coido que tamén a ela lle faría falla que inventáramos unha verba que xuntara o que representa 'valentía', 'procura da verdade' e tamén 'idea de xustiza'.
A que correspondería no caso de Anna, 'política', xa está ocupada por un significado en devaluación contínua, por desgraza, tamén en contra da democracia. Ó mellor é unha verba, esta de 'política' que necesita como os vellos mobles unha restauración para que cobre vigor. É cousa de pensalo. Pode que compense poñerse mans á obra.
-
Hai un ano e un día, lembraba os comezos da 'Galipedia', a enciclopedia en galego, na rede, libre, cooperativa, que segue a medrar. E tamén completaba o día con outra entrada, 'Visións de Ribadeo', visións a contrastar entre todos máis que a contrapoñer.

20061009

E outra foto de Ribadeo: Anarquía en Ribadeo, segunda de hoxe


Tomada do calexón segundo se sube a Viejo Pancho. Recalco o de orde e a falla de autoridade. FAG supoño Federeación Anarquista Galega ou algo así, e o diaño debe ser estrano, pero calquera sabe. Da que pensar sobre Ribadeo, pero coido que o texto é maís un desexo ó ver una definición que unha realidade.

Atardecer en Ribadeo





Tres fotos amosan o que foi onte un prácido atardecer: dende o Cantón sobre a rúa Villafranca, e dende alí, vista sobre o Campo, cara á casa do Concello e cara á Horta de Boado (ex) Por certo, de xeito cronolóxico, a primeira é sobre as casas de Vilafranca.

20061008

Dous xarros de auga, para Ribadeo (como representante local das institucións) e para min

Leo nun artigo xa atrasado (unha entrevista a Beatriz de Moura no 'País Semanal') algo que me fai ser máis consciente du enrro do blog e moitos outros escritos meus. Cita un criterio de Milan Kundera para elección de lectura, de libros: descartar os libros difíciles de leer e e fáciles de comprender, e prestar atención ós fáciles de leer e máis difíciles de comprender. Asúmoo, aínda que sendo consciente anteriormente do tema, como un xarro de auga.
No mesmo artigo, outra cita, da mesma Beatriz, considero que é un xarro de auga para as institucións, das que moitas veces non son conscientes, e polo tanto, máis gordo que o que me corresponde a min (aínda que como as institucións moitas veces son autistas, o efecto sexa posiblemente menor que no caso dun particualr, sexa eu ou outro; é dicir, efecto desprezable). A cita: "...nunca fun partidaria dos estados-padriño; nunca dan nada sen pedir algo a cambio, en xeral, a alma do protexido. Neste aspeco, a cultura si é cara, demasiado cara en efecto!" e lémbrome de proteccións oficiais con franco, co PP, co PSOE, ... é dicir, cos que tiveron oportunidade, e penso que unha mistura en cada época tería vigorizado a cultura e non o clientelismo, ó contrario que os padroazgos selectivos ós que se refire Beatriz de Moura.
Aquí, en Ribadeo, non cheguei a ela, pero parece que saiu a Musiqueando nº 2... Cando a consiga, falarei da música, da escola, da revista... Por certo, está referida en 'Lonxe do mar'.
E hai un ano poñía na rede un artigo curto de grazas a xente que axuda e que constrúe cultura (neste caso, cultura técnica) con pouca axuda e padroazgo.

20061007

Un foro de debate sobre os recursos naturais de Ribadeo

Chámame a atención a presentación das xornadas de medio ambiente. As de patrimonio contribuíron a alimentar o lume da protesta polo urbanismo, estando planteadas sobre o tema dun urbanismo sustentabel. Estas, sobre o desenvolvemento sostible en relación coa defensa dos recuros naturais de Ribadeo, poden ter un curso semellante, pois ó paso que os está a coidar o Concello, parece raro que aínda existan moitos, pero é que había moitísimos. De calquera xeito, estas xornadas coido que non levantarán tanta polvareda como as de patrimonio, polo mero feito de que collen como 'subtítulo' (non real, senón expresado polo alcalde) un tema local, e xa sabemos todos as dificultades de organización en temas locales polos clientelismos de diferentes tipos de intereses que se dan en Ribadeo, e ó ser organizadas nesta época e non no verán tamén terán menos audiencia e repercusión nas conversas diarias. Pero non será causa da menor polvareda o que a actuación do concello sexa coherente na maioría dos casos e teña como lema o que preconiza para as xornadas.
Falando de xeito máis amplio, o desenvolvemento sustentábel non é doado de acadar coa mentalidade actual, basada no concepto de rendemento e na que se entende que o desenvolvemento implica un incremento de aproveitamento. Pero é sabido que todo aproveitamento incide nunha interacción, e a maior aproveitamento, maior interacción, co que hai que chegar necesariamente a un compromiso no que se crucen aproveitamento e supervivencia do medio. Compromiso que pola propia mentalidade que implica o 'desenvolvemento', será sempre precario, presionando pra correlo un pouco máis aló a costa do medio. Boto en falta cando se fala de este tema o establecemento previo do compromiso, que se soe establecer en cambio despois de establecer á súa volta uns obxectivos de rendemento, os que, tamén eles, tenden a maximizarse. É dicir, en xeral, ó falar de desenvolvemento sostibel estáse a primar uns intereses de rendemento a costa do medio. Eso si, téndoo en conta en relación a que a xente non se queixe máis aló dun límite, o que se trata de trata de rebaixar a traverso do que se chama 'enxeñaría social'. É dicir, o compromiso deses proxectos de 'desenvolvemento sostible' co medio dependen da xente que poda defender o medio. E é que, a pesar das verbas, avanzamos lentamente na defensa dos nosos propios intereses comúns, e a nada que nos descoidemos, o que facemos é retroceder.

Nota de prensa sobre o castro das Grobas, Vilaselán, Ribadeo

Enviada pola Asociación de veciños O Tesón:
Nota de prensa

Recollendo as preguntas e o sentir de moitos asociados e non asociados, a Asociación de Veciños O Tesón ten programado un paseo a pé para visitar ó Castro das Grobas o día 14 de outubro, sábado, ás catro da tarde. Sairase da praza de san Roque e contémplase unha duración aproximada dunhas dúas horas.
O obxectivo é amosar a situación do Castro para facilitar a súa visita e coñecemento a todas aquelas persoas que o desexen.
A asociación ten previsto asemade realizar próximamente unha charla sobre o Castro, así como tamén ten informado á Delegación Provincial de Cultura da situación actual e lembrado o interese que ten e as súas posibilidades de desenvolvemento, interese da escavación e mesmo disposición para o seu aproveitamento turístico, cousas que teñen aparecido en prensa recentemente e están a pé de rúa.

20061006

En Ribadeo, hai un ano (2ª de hoxe)

Só unhas verbas para dar conta de que, hai un ano, había unha nova sobre Hernán Naval, e hai un ano e un día, daba nova de que Ribadeo estaba ligado na páxina de A Nosa Terra, e unha foto cun 'Minitesón', na que falaba asemade da exposición 'A ciencia ten nome de muller'

Xurídicamente non hai xeito

Roel, alcalde de Viveiro: «Xurídicamente non hai xeito de alegar contra a serie de feitos certos». Pois eso, facer as cousas de calquera xeito é doado, e botarlle a culpa a outros despois de que se queixen de cousas certas é moi recorrido e absurdo, aínda que ás veces funcione por presión social.
Eso, a presión social, é ó que está a intentar aplicar en Viveiro para solucionar un tema urbanístico que atinxe a unha cesión feita por Portos de Galicia, cesión usada de xeito indebido e que aínda así, preténdese manter por cuestións políticas. Presión social que se usa neste caso contra as institucións, pero noutros aínda contra as personas. E apúntome a este último caso como afectado polo tema do ruído. Xa vin algún caso referente ó tema nos periódicos e outros medios, como o veterinario que denunciou a paliza sufrida por un can o mes pasado. Co engadido de que a xente, en boa parte dos casos de presión social puntual, pónse a favor do agresor en troques do agredido, cousa que non soe suceder cando o agresor é unha institución.
É curioso o mecanismo social que acompaña ó feito desencadeante no da presión social. Vai dende a simpatía persoal do/dos agresores á influencia social das familias correspondentes, pasando por bulos, infundios, mentiras, etc, tentando de levar a áscua á sardiña propia; é dicir, cousas que corresponden precisamente cunha mentalidade agresiva que acompaña ós feitos. No caso dunha institución, eses mecanismos non serven de partida, pois non ten unha cabeza próxima e visible (en xeral) que poda facer de 'cabeza de turco' para soportar a presión. No caso de presión contra particulares, é evidente, e máis aínda cando precisamente quen denuncia o fai porque se aparta da corrente xeral de conformismo cos feitos, e polo tanto, a propia maioría social, tentando a súa propia xustificación e tranquilidade,tende á susbscrición solidaria das teses do atacante.
En fin, hoxe vai un pouco farragosa (por densa) a historia. Condensala en pouco tempo foi o que me levou a facela así.

20061005

'As avantaxes do nudismo saltan á vista' (Woody Allen)

Polo que parece a cita de Woody Allen é certa: é del e ademáis é comprobable, alomenos en certas circunstancias. Chamoume a atención que, ó tempo, poidera ser xeralizable a moitas outras situacións, parafraseando con substitución de nudismo por outras palabras.
Quen non o crea, pode probar con 'ría limpa' (en Ribadeo comprenderase perfectamente, o mesmo que en Bilbao, por poñer dous casos; e onde non se saiba que é unha ría, entenderase o que é a limpeza), 'conservar a natureza', (coido que asemade comprensible en todo o mundo) etc.
Non embargantes, ten unha parte negativa. Pode ser usada de xeito que a substitución se faga a gusto e creencia de persoas e non xeral. Así, pode haber quen a quera aplicar á 'As avantaxes da construcción saltan á vista' así, a secas, ou, do mesmo xeito, á 'industria'... e coido que hai unha diferenza grande entre o primeiro grupo de afirmacións e o segundo.
De feito, a mesma afirmación inicial de Woody Allen constitúe máis unha declaración graciosa, (mesmo machista, dirá algunha xente) que algo recoñecido universalmente, a pesares de que é comproblabe, xa digo, en certas circunstancias. E por diferenzas mesmo pequenas non é doado vivir todos igual ou mesmo en paz. A linguaxe ... (e os intereses, e ...)

20061004

Un agasallo (2ª de hoxe)


Hoxe, Mariano Grueiro fíxome un agasallo: a captura de pantalla da visita 15000 ó blog, que emprego agora como decorado. Graciñas!

Pequenas cousas

... e non embargantes, móvese!
Ás veces parece que levántase un máis optimista, e comeza a ver que por fin está xa 'tocando coa man' o poligono industrial (agora, despois de tanto tempo, chámase 'parque empresarial'), que é previsible que cara ó 2008 sexa operativo (a última volta que lembro que o alcalde falara do tema, da anterior andanada, no 2005, a previsión que fixera na prensa fora o 2006), ou que a rúa Doutor Moreda vai ter 15 millóns das antigas pesetas para a súa remodelación, que se espera mellor ca de San Francisco, criticada estes días polos charcos que deixan as irregularidades no pavimento. Que o BNG está artellando que non se especule tamén cos terreos do polígono (a ver se atopa unha fórmula aplicable tamén fóra del) e que foi concedida a excelencia turística, que coido que non ten moito contido, pero soa ben e vai ser empregado en atraer máis turismo (suponse)... o que espero é que ese turismo sexa dos que non fastidia pola noite: remato de leer que, segundo os resultados dunha investigación, réstase un ano de vida por cada tres adicados ós turnos de noite, alternos ou non, e eu xa vou para perda dos cinco anos. En fin, pequenas cousas que indican que Ribadeo pode moverse (no bo sentido, enténdese) e que fan xurdir a pregunda de por que non o fai máis a miúdo.

20061003

Na Mariña tamén se constrúe ben (de cando en vez)

Nova de hoxe é un titular caseque igual o que poño (... á primeira parte), para dicir logo que se conservan casas de indianos en Ribadeo ou Barreiros, que se tenta conservar algún barrio particular ou o centro histórico e que algún dos edificios públicos construídos nos últimos anos é OK. Non parece moito, certamente, mentres se están a introducir novos modelos de grúas entre as xa existentes. Ou será que eso tamén é OK para a construción? coido que se está comezando a debater o tema do urbanismo, pero nese debate non se admite máis que o 'pensamento único' sobre o tema: construtores e políticos, mentres os arquitectos foron rexeitados cando quixeron opinar e ós veciños sinxelamente non se lles considera. Pode que isto último sexa porque a porcentaxe de vivendas que son vendidas a xente de fóra é importante, e polo tanto diminúe a atención sobre a opinión da xente de aquí, nun razoamento parello a: se o mercado está fóra, que pinta a xente que non está no mercado? É dicir, tamén parello ó que pasa coa mundialización ou globalización: a xente que queda fóra do mercado non se lle considera; sinxelamente, non existe.
Polo momento non chegamos a tanto como o de 'non existir' por varias razóns, pero camiño leva e principios queren as cousas.
... Vaia, esta entrada saíume cunha perspectiva totalmente diferente á de aviso para navegantes de hai uns días. Nembargantes, coido que non son contraditorias. Un maior seguimento xudicial non implica que se deixe de facer forza para cambiar as leis, por exemplo. E eso estase a facer no mundo tódolos días: tentar de facer leis para favorecer a uns ou a outros, en troques de facelas para a sociedade en xeral. E cando cambian as leis, o seguimento xudicial tamén cambia. Os perseguidores poden converterse en perseguidos, por exemplo. E, quen non lembra aqueles xogos infantís nos que un cambiaba as normas deixando confundidos ós demais? Algunhas voltas lograba impoñelas e gañaba o xogo. Ou aínda, aqueles xogos cos máis pequenos nos que eles, os pequenos, cambian de xeito repetido o que se debe facer, ata que atopa un xeito no que se lle deixa ganar.
O malo é que os actores das leis non son pícaros (no sentido de Ribadeo, de cativos), aínda que se comporten como tal.
Non remato de darlle o toque a esta entrada... claro que a de hai un ano, Eclipse en Ribadeo, era moito máis doada de facer e clara: había o que había, á vista de todos e sen ocultación (precisamente por ocultar a Lúa parte do Sol)

20061002

outra curta (2ª de hoxe)


Hoxe ou mañá o blog pasará das 15000 visitas. Poño o número de visitas por mes á beira. Grazas a todos pola vosa atención.
--
Hai un ano citaba ó novo edificio do porto de Ribadeo.

Un é dono do que cala e escravo do que fala

Para un momento no que un non quere escribir moito, o título pode servir de desculpa.

20061001

Aviso para navegantes


Levamos unha tempada con conflictos construtivos, sobre temas pasados, outros presentes e decisións sobre outros aínda futuros. Non parece que os conflictos deste tipo vaian a deixarse de dar totalmente nun futuro próximo, pero coido que a repetitividade coa que aparecen os vellos problemas, ás veces ocultos en principio, a trabazón coa que están sendo máis ou menos acosados ou ó menos postos en evidencia os presuntos culpables, pode facer pensar en dúas cousas. Unha, o que xa dixen que se poden seguir facedo cousas semellantes ás vistas ata o momento cunha certa impunidade. A outra, que a impunidade cada vez vai ser menor. A primeira, por ser a 'continuadora da tradición' ten moita xente atenta, pero cada vez hai tamén máis xente atenta á segunda, co que as cousas parece que a medio prazo terán que melloarse abondo no xeito no que se fan, e tamén é previsible que cada vez se destapen unha proporción maior de casos e se enxuícen de xeito parello. Mentras esto vai ocorrendo, só nos queda presionar para que sexa unha realidade, seguindo sentencias como 'a Deus rogando e co mazo dando' ou 'a democracia que non se exerce, pérdese'
Ó fío do Anterior, é de lembrar un día antes a Clara Campoamor, que o 2 de outubro de 1931 logrou sacar adiante o voto feminino en España, é dicir, mañá fai 75 anos. Só unha curiosidade sobre esta muller: deputada cando se daba a situación curiosa a día de hoxe de que as mulleres poideran ser elexidas como representantes populares pero non votar, tivo que loitar contra xente do seu propio partido (en particular mulleres) porque dicían que as mulleres en xeral estaban máis influídas pola igrexa, e polo tanto, votarían á dereita, mentras que Clara militaba no PSOE. É dicir, tivo que loitar por un dereito contra unha concepción utilitarista (de aprtido) da legalidade. Puxéronlle moitas trabas, pero ó final triunfou e aínda que logo viñeron tempos escuros e de novo a submisión da muller ó varón, a ela se debe o sufraxio universal en España, ininterrompida dende entón aínda que houbera épocas que non servira de nada. Ocórreseme, cal será a intención de voto feminino en Ribadeo na actualidade? Cántas mulleres hai na corporación municipal? cal é a súa representatividade en relación ós varóns? son independentes de pensamento (estilo Clara Campoamor) ou están subordinadas á política partidaria (estilo Victoria Kent, opositora de Clara naquela lide do voto feminino)? Caberían máis preguntas, pero senon, pode haber saturación e, coma sempre, é preferible que cada quen se faiga as súas propias.
--
Hai un ano e un día, chamaba a atención sobre o contraste entre coidado e descuido en Ribadeo.
Non embargantes, hai un ano xusto, chamaba a atención sobre a mañá do sábado e o recordatorio do 'adiantamento do peirao de Ribadeo', algo que saiu no libro 'Ribadeando'
--
E unha nota de novo: lémbrase ós navegantes (neste caso, da rede), que premendo sobre as fotos, ábrese unha fiestra coa foto en maior tamaño. Todas son versións reducidas de fotos que teño con maior definición, e de cando en vez cargo algunha coa definición máxima á que a teño.