ESCUDOS DE ARMAS DA CASA TORRE DE PUMARÍN
Pancho Campos Dorado
A Casa Torre de Pumarín ou Pazo de Pumarín, coñecida tamén desde fai dous séculos como a Casa de Moreda, está en
San Miguel de Reinante. Na fachada principal ten unha grande portada de cantería cuxo vano da porta está rematado por un arco de medio punto peraltado formado por dovelas en cuña e en ambos cantóns altos existen dous escudos de armas, magnificamente cicelados en baixo relevo. O conxunto está remarcado por un sinxelo bateaugas cadrangular cuxos extremos entrábanse noutras molduras verticais que, ademais de darlle un empaque señorial e harmonía artística, serven para protexer a portada e os escudos de armas da escorrentía da auga de choiva (foto 1).
Foto 1
Foto 2: lintel orixinal e debuxado por riba
Na foto 1, podemos ver a situación na fachada principal dos escudos de armas e do lintel (foto 2) sobre a fiestra alta cunha laude ou inscrición de construción que reza: “ESTA CASA (LA) HIZO ALVARO TABOADA I VIOLANTE DE ANDRADE SU MUJER. COMENZOSE EN EL AÑO DE
1559 I ACABOSE EN EL DE
1561”.
Esta laude evidencia de forma expresa a notable antigüidade desta casa solar de mediados do
século XVI, que da pena vela derruírse pouco a pouco, e que desde o noso punto de vista farémoslle o estudio heráldico, pois presenta dous escudos de armas de grandes liñaxes do
Reino de Galicia que están moi ignorados na historia da antiga
provincia de Mondoñedo e na actual de Lugo, polo que é preciso proclamalos, fundamentalmente para que vindeiros estudos sexan máis completos na Xenealoxía da Galiza de tan antigas familias asentadas en San Miguel de Reinante.
A importancia dos estudos xenealóxicos dunha familia é debida a que a súa xenealoxía pode dar datos históricos sobre a propia poboación. Mostra tan eminente deste aserto é a Biblia, que presenta unha completa cronoloxía baseada na ciencia xenealóxica, pois a familia e o seu liñaxe sempre foron motivo de preocupación no pobo hebreo, pois o Mesías anunciado por Patriarcas e Profetas ía nacer dunha persoa do pobo, e todas as familias querían ter ao día a súa historia xenealóxica (Tratado de Genealogía Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro; Curso de Licencia, 1961, páx.12).
ESCUDO ESQUERDO (segundo se mira cara á fachada)
Foto 3
Debuxado por riba
En Heráldica a súa forma trátase como un escudo español carlista ou escudo de forma de casulla (Heráldica Española, El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese a
Carlos I de España e V de Alemaña (1500-1558). Está rodeado dun marco cadrado formado en ambos lados dun adorno a modo de delgadas columnas salomónicas soportadas por pedestais de catro corpos. Pola parte alta cérranse as esquinas con cantoneiras e cun cordón horizontal retorcido. A parte baixa, carece de cerre, polo que os pedestais das columnas son a liña base de construción.
O espazo intermedio está recheo cun adorno exterior ao campo do escudo e consta de figuras con formas de gran riqueza, propias do sentido cultural e artístico do Renacemento. As figuras conforman unha grilanda que cerra enriba como unha coroa de loureiro á que se van engadindo simetricamente a ámbolos dous lados, floróns, cálices e figuras propias do Paraíso Terreal. Así, a media altura, aparece a mazá e a serpe, seguido dun ramo de flores que remata a parte alta da casula. Nas esquinas altas dous anxeliños coas ás abertas parecen estar vixiando ou ollando o que “por alí abaixo acontece”. As esquinas baixas están rematadas por dous floróns de rododendro.
O campo do escudo está cuarteado en cruz.
Primeiro cuartel: tres táboas dentro dun escusón en punta, rematado cunha “T” ou Cruz Tao e en orla oito caldeiras, as dúas superiores máis grandes. Fai referencia ás Armas dos TABOADA. Si tivera esmaltes serían: en campo de goles tres táboas de ouro en pau, bordura de prata con oito caldeiras de sable.
Este brasón parece ser dun descendente de D. LOPO PERES DE TABOADA (en campo de goles, tres táboas de ouro en pau) e da súa muller D.ª MAYOR MENDEZ (cinco caldeiras de sable en aspa) cuxos escudos acolados se atopan na sepultura do ano
1422, no mosteiro de Pallares no municipio de Guntín, Lugo. Neste caso hai dúas caldeiras altas demais e ó facelas de maior tamaño cas restantes, quizais sexa un detalle que fai referencia a un emparentamento desta Casa de
TABOADA coas Armas dos
RIBADENEIRA.
O escusón ten similitude na forma, co escudo do século XVI de D.ª Leonor de Aragón na súa sepultura da Capela dos Reis de Toledo (Heráldica Española, El diseño heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.37). As armas dos TABOADA na Casa da Torre de Arcos en Chantada ten catro barras en pau, rodeadas de seis caldeiras e na Casa Torre de Mera, en San Lorenzo de Vilamaior de Negral en Guntín, no escudo xaquelado e partido dos
ULLOA E TABOADA, ten oito caldeiras iguais en tamaño.
Segundo cuartel: unha aguia mirando a destra, co voo baixado ou de ás caídas mostrando o peito. Son armas dos
AGUIAR.
Terceiro cuartel: unha banda engulida de dous dragantes. Son armas dos ANDRADE sen lema. Si tivera esmaltes serían: en sinople, unha banda de ouro engulida en dúas cabezas de dragóns do mesmo metal véndoselles a lingua. Para estar totalmente correcto debería levar unha bordura de prata co lema: Ave Maria Gratia Plena. O lema, neste caso, quizais non fora gravado polo escaso espazo que hai no cuartel.
Cuarto cuartel: dúas serpes anudadas pola cola facendo unha “S”; tamén puideran interpretarse como dúas serpes cargadas pola cola con dúas lousas. Non podemos interpretar o brasón con exactitude, pero o máis probable e que sexan Armas dos
LOSADA, quizais da liñaxe familiar de D.ª TERESA DE LOSADA casada con D. RUI VAZQUEZ DE QUIROGA, comendador de Benquerencia e mestre da Orde de Alcántara (Blasones y Linajes de Galicia, D. José S. Crespo del Pozo, Volumen III, páx.223).
Respecto deste cuarto cuartel, atopamos un matrimonio celebrado o día 3 de xuño de
1700 na Igrexa parroquial de San Miguel de Reinante que parece confirmarnos, nalgunha medida, que este cuarto brasón é de LOSADA polos apelidos da noiva:
D. DOMINGO DEL BUSTO Y VILLAMIL e D.ª MARÍA DE SIERRA Y OSORIO, pais do noivo D. DIEGO DEL BUSTO Y VILLAAMILL que se casa con D.ª MARIA PARDO DE ULLOA Y LOSADA (ela é filla do Capitán D. Juan Pardo de Cela y Taboada e de D.ª Antonia Ulloa Losada y Valledor. Testigos D. Gaspar de Lamas, cura de S. Julian de Cabarcos, Bernardo Rodríguez de San Pedro de Benquerencia e D. García Valledor, de Presno, Asturias (Libro Matrimonios Nº1 (1670-1738) Folio 175-V, San Miguel de Reinante)
ESCUDO DEREITO (segundo se mira cara á fachada)
Foto 4
Debuxado por riba
A súa forma trátase en heráldica como: escudo español carlista ou de forma de casulla, igual que o antedito escudo esquerdo.
O adorno exterior ao campo do escudo, moi erosionado, asemella o do escudo esquerdo, pero con motivos ornamentais distintos. Aquí vemos que a coroa está feita de follaxe, froitas e cálices de flores distintas, e as figuras das serpes e das mazás, foron substituídas por “panelas” (follas de álamo), iguales cas da parte alta. En cambio, as esquinas altas rematan con anxeliños de ás abertas, como no escudo anterior, e as esquinas baixas en outro tipo de floróns moi deteriorados pola erosión da intemperie.
O campo do escudo está dividido en catro pola que parece ser unha cruz ortodoxa, con tres vigas ou traveseiros horizontais, que asemella a das Armas dos
PARDO.
Primeiro cuartel: desdebuxadas pero recoñecibles, aparecen medias rodas e rodas de pedra das Armas dos CAMBA. Este apelido, segundo unha antiguísima tradición proben de Lucio Cambelo (ou Cambero) Romano, pretor ou virrei de Gallaecia, proxenitor de moitos señoríos dos CAMBA e dos TABOADA (Fortalezas de Lugo y su Provincia, D. Manuel Vázquez Seijas, Tomo I, páx.6) (Nota: os Taboada entroncan moitas veces cos Camba. Son parentes de D. Gonzalo Taboada y Ulloa, cuxas armas dos Taboada aparecen no 2º cuartel e as dos Camba no 3º cuartel do seu sepulcro na igrexa de Sta. María de Noceda -Lalín // na Casa de Caldaloba o escudo está dividido en doce cuarteis coas armas dos: Camba, Ribadeneira, Aguiar, Andrade, Taboada, Montenegro, Ron, Valcarce, Luaces, Zúñiga/Bermúdez, Bolaño, Rois e Yebra)
Segundo cuartel: moi desdebuxado e difícil de interpretar. Parece un cuartel tronchado e encaixado ou encravado, formado por un axadrezado baixo, de armas dos TRABA; dos ULLOA ou das armas dos ALVAREZ SALGADO, e na parte alta figuras indescifrables polo desgaste. A xenealoxía deste cuartel tronchado puidera referirse á de D.ª MAYOR FERNÁNDEZ DE TRABA TRASTÁMARA, terceira filla da condesa D.ª SANCHA FERNÁNDEZ e do rei D. FERNANDO de León, quen casa con D. LOPE SÁNCHEZ DE ULLOA (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Primeira Edición do Mosteiro de Poio, Volume V, páx.165).
Terceiro cuartel: axadrezado en escusón das armas dos ULLOA, e postas en orla dúas serpes afrontadas coas colas entrelazadas das armas dos PRADA.
Cuarto cuartel: moi desdebuxado o que pode darse a outras interpretacións. Parece un cabaleiro montado a cabalo mirando a destra, con lanza en banda empuñada polo lado destro do cabaleiro. Parecen ser armas dos GUNTÍN, GUNDIN ou GONDIN cuxa casa solar provén de Gundín, do Concello de Monterroso, fundada no ano
1555 por Gómez de Gundín. En
1589 levanta o Pazo de Laxe nese concello, D. Francisco Salgado Guntín. Na xenealoxía atópanse emparentados con ilustres familias galegas como os Ulloa, Salgado, Gil Taboada, Montenegro, etc. (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo Pozo, Volume III, páx.105)
A Xenealoxía de D. ÁLVARO DE TABOADA (Y AGUIAR) + D.ª VIOLANTE DE ANDRADE (irmá de don FERNÁN SANJURJO MONTENEGRO, veciños do Padornelo, parroquia de Santiago de Sancobad, inmediato a Vilalba) por non alongar máis este artigo, pode verse completa e con notas, no libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, capítulo 1: “Escudo de Armas da Aduana Vella de Ribadeo”, páx. 46 - versión preliminar no blog,
aquí-).
Por qué esta Casa dos Pardo de Taboada pasou a ser chamada a Casa de Moreda? Pois ben, Dª VIOLANTE déixalle a herdanza ao seu neto D. JUAN JOSÉ ACEVEDO PARDO TABOADA e vai ser última posuidora do pazo Dª MARÍA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA, por cuxos beneficios preitearán os seus fillos, no ano
1738, D. CARLOS MIGUEL, dono da casa da Aduana Vella de Ribadeo e D. GASPAR JUAN ACEVEDO PARDO Y TABOADA, casado en Castropol con D.ª ISABEL ABELLO Y CASTRILLÓN. D. Gaspar morre entre
1753 e
1764, e queda como apoderada do seu fillo D. Juan José que é o dono e señor do Pacio de Pumarín.
A comezos do século XIX (
1801) D. Juan José Acevedo Pardo Taboada que vive na casa principal de Brul, parroquia de San Salvador de Tol no Concello de Castropol, arréndalle en foro perpetuo a propiedade a D. DOMINGO PÉREZ DE MOREDA casado con Dª Francisca Rodríguez, cuxa familia vai a ser quen redima o foro, de aí que hoxe se coñeza o Pazo de Pumarín como a Casa de Moreda. Don Domingo Pérez de Moreda era un fidalgo descendente, segundo preito de fidalguía do ano
1662, de don Juan Pérez de Moreda, capitán, ou de seu irmán don José de Moreda (falta concretar este dato), e que ese ano do ditame do preito eran veciños de Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) e no que se especifica que eran naturais de San Cosme de Barreiros (Lugo) (
Real Chancillería de Valladolid, Código de referencia: ES.47186.ARCHV//SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1421,14).
Desde aquí darlle as grazas a don Faustino Recalde de San Miguel de Reinante quen fixo unha encomiable labor documental da xenealoxía tanto dos Pardo Taboada como dos Pérez de Moreda, que tan ben nos atinxe nesta descrición.