20130330

Unha suxerencia para a xente de vacacións

8:00 da mañá. Ceo despexado, temperatura suave, rúas con restos de choiva, ambiente agradable, con paxaron gorgullantes, pero sen xente. Así pode ser Ribadeo e era esta mañá.
8:15. As rúas comezan a ter inquilinos. Non só persoas, tamén coches, brancos, repartindo o pan, ou cor oliva, patrullando pola peonil. O limpacristais adianta o seu traballo con bo tempo, as mesas seguen amontoadas fóra das cafeterías ...
8:30. Comeza a desvaecerse o efecto. Seguen as rúas semibaleiras, o tempo bó, pero os paxaros cantan menos, e síntese a transicióna pleno día, co seu bulir e as gaivotas suplindo en boa aprte ós paxaros...
O resto do día? Ise xa o podes coñecer.
Imaxes? O vives ou imaxinas. As imaxes poden ser boas, pero neste caso, mellor imaxina ... ou vive!

20130329

Entradas de auga esta semana

Esta semana santa, ó igual que a anterior, e a anterior, e a anterior, ... rebosan auga. Así o testemuñan a estación meteorolóxica de Pedro Murias ou a do IES de Ribadeo, e mesmo se fai eco do alcalde no vídeo abaixo. Hoxe, nestes momentos alomenos, está a facer un tempo moi bo, pero parece ser unha excepción. Para lembralo, xunto co vídeo 'promocional' do alcalde abaiso de todo, deixo tamén un vído dun lugar natural relacionado coa auga a preto de 50 km ó leste de Ribadeo, a fervenza de Oneta. O vídeo pertence á primeira, a maior (son 3, á máis baixa non chega o camiño), duns 20 m e caudal abondante esta tempada. Deixo o mapa versión Google e logo versión Open maps, máis tosco pero con info máis detallada para chegar á fervenza dende a poboación de Oneta


Visualizar o mapa ampliado

Ver un mapa máis grande

20130328

Unha viaxe animal

A semana santa, dende hai tempo, ven constituíndo un motivo de viaxes a/dende Ribadeo. Este ano, por mor da choiva, tamén algúns animais desprázanse para non quedar anegados na terra. É o caso da miñoca do vídeo. O vídeo non é moi claro, pero apréciase o movemento dos aneis e o lento avance do animal (invertebrado, verme, anélido ...) polo asfalto en Vilaselán...

20130327

Dende Tovar, mirando ó pasado, interpretando o presente, vislumbrando o futuro

Pazo de Tovar, Vilanova de Lourenzá.

Ver mapa más grande
Antonte chegoume das mans dun amigo o libro 'El Pazo de Tovar, espacios, perspectivas y tiempos', que foi presentado venres en Vilanova no marco dunha xornada sobre o Pazo de Tovar, en restauración dende hai algún tempo e que para o verán terá xa unha parte importante da mesma rematada, de cara a dinamizalo e convertelo en rendible económica e culturalmente para os arredores e os seus propietarios.
Comecei a ler por curiosidade o texto, ensamblado de varios autores en estilo investigación histórica e no pouco que levo visto atopei diversas sorpresas, alomenos para min. Agora resulta que o noso Marqués de Sargadelos non pasou de Antonio Raimundo Ibáñez, pois 'el título de Marqués de Sargadelos no parece acreditado, y en todo caso, nunca estuvo en vigor' (p.37). E por certo que era fidalgo, pero tivo que loitar para que se lle considerara, tendo que viaxar a Valladolid na procura de documentos. Unha procura interesada por partida dobre, pois o rango ía acompañado de exencións de diverso tipo das que os fidalgos non se querían desfacer como prebendas que eran.
Tamén se atopa nas páxinas do libro a relación entre os señores de Tovar e Ribadeo, onde, na antiga colexiata, foi soterrado Antonio de Tovar, despois de ser 'alcalde e justicia' do condado ribadense.
... todos eles, episodios soltos que o lector vai tecendo a carón da súa bagaxe anterior e que permiten ver o pasado cunha riqueza que da pé a unha mellor interpretación do presente e un vislumbre do futuro.
A historia pode ser aburrida ... se se descoñece.

20130326

Ribadeo en Open street maps

Podes contribuír, axudar a poñer detalles, corrixir, ... de xeito libre, como o seu uso... a partires de aquí, aprender a colaborar, ... poñer no mapa os restos arqueolóxicos que tes preto da casa, dar nome ó rego que pasa por diante, sinalar rutas para ti ou abertas a todos, ...

Ver mapa maior

Bicheando pola ría de Ribadeo

Hoxe só unhas verbas para referirme a unha entrada concreta nun blog ó que cheguei por varios apuntes no facebook. Trátase de 'Bicheando pola ría de Ribadeo', do blog 'Bichos e demais familia', onde se poden observar algunhas especies da nosa fauna, complementando entradas do xa citado abondas veces 'Ría de Ribadeo'.

20130325

Vistas insólitas

O refrán en castelán 'marzo ventoso y abril lluvioso sacan a mayo florido y hermoso', coas chuvias e vento deste ano, lembráronme uns cantos frontes de casas ribadenses que adiantan a súa primavera particular. Deixo dúas fotos dunha casa que este ano ten o seu xardín colgante especialmente frondoso, e que, por estar en obras (ver máis abaixo outra), posiblemente o próximo ano non se poda desfrutar. Está na mesma praza de San Roque (r/S. Roque, 17) e deixo embaixo tamén unha toma de abril do 2010, segundo o tomou o coche de Google street ó seu paso por Ribadeo, xa coa vexetación abondo medrada (estaba máis avanzada a primavera).




20130324

Paraugas de vidro

Quizáis fora boa idea facer os paraugas de vidro: veríase todo o noso arredor, sen cortapisas, illados e protexidos dunha choiva que ó tempo, admiramos e quereriamos que nos empapara protectora. Quizáis. Pero sabemos que, a parte de problemas técnicos, como a dobrez do vidro coas actuais formas de paraugas, por exemplo, o caso é que na actualidade os paraugas de vidro non se levan.

Por iso chaman a atención estampas como a que tomei esta mañá ó pé da casa, nun contedor de vidro no que a parte dos furados circulares duns 20 cm de diámetro para deixar colar as botellas, hai practicado un boquete (no que antes había unha pequena comporta) abondo máis grande. Alí, xunto co plástico empregado para levar o vidro, había un paraugas. Estaba a chover, pero parece máis ben que o paraugas sería para fóra que para dentro, aínda que anoite houbera movida ...

20130322

De novo, todo para o pobo, din, pero sen o pobo (isto non)

Houbo pleno en Ribadeo. Foi o día de san Xosé, o martes 19. Nota do concello, o 20. Nos xornais aparece o 21 ... Asistencia? Dos edís, (suponse) completa [Nota posterior: en realidade faltou algún por motivos profesioanis]. Da cidadanía, inexistente. Parece que se aprobaron cousas para mellorar a vida dos ribadenses. Sen eles, porque o aviso do pleno, quen o viu? Quen o sabía? Onde van eses chamamentos, o último feito aínda hai non tanto, para que o pobo asista ós plenos se non van acompañados da mínima vontade para que a xente se entere de cando ten que ir? E a participación? Que hai dela? Ou baséase en dicir 'si bwana' cando toca e en votar cada catro anos aténdose a promesas que despois se cumpren se cadra si, se cadra non?
Resulta que vemos como a xente se subleva. En Islandia, en Chipre, mesmo aquí, pero aquí aínda lles parece que o cambio está lonxe, ou que vai afectar a outros estamentos; debe ser por iso que as costumes seguen a ser as mesmas que hai cicoenta anos. Esteña no poder, neste caso municipal, o grupo que esteña, polo momento, pode cambiar o talante, pero non cambia o fondo: está en poder un grupo, non a xente. E a cousa segue unha mecánica: enterámonos das cousas cando interesa por algún motivo especial, pero dende logo, non sempre. O que si nos solemos enterar é cando se lanzan improperios os uns ós outros, porque saen moi ofendidos, os uns e os outros, pola mesma causa. E mentras eles saen ofendidos de cando en vez, o pobo continúa a indignarse pola situación. Sempre. A frase de 'todo para o pobo pero sen o pobo' data de hai uns douscentos cincoenta anos, pero a pesar dunhas supostas eleccións libres (con listas cerradas polos partidos como índice de liberdade, por exemplo, e lonxe do 'p2p político') a frase segue vixente na mentalidade dos políticos. E iso está en consoancia con outras cousas, como a corrupción ou a mala xestión, favorecidas polo cansanzo do pobo sobre a política.
E, mentras, á vista da situación, xorden cada vez con máis insistencia cousas como as que pregunta Suso López no último que lle lin: Quen son os responsables de modular a opinión pública? Coinciden os intereses destes cos da cidadanía? Preguntas que levan á luz a relación do poder político con outras instancias apartadas da cidadanía nun sistema de distracción e control, que non de apoio popular.
E o tema do pleno? Pois só un detalle: no pleno ordinario, máis ou menos programado, e polo tanto dentro do que cabe máis accesible ó cidadán, houbo dous puntos. No extraordinario, nove. Sobre os resultados, sei máis da polémica entre os concelleiros polo xornal (non en liña alomenos polo momento) que do resultado dos puntos, algúns moi bos e moi bonitos segundo afirma a nota institucional, única fonte á que puiden acceder. Con sorte, falarei hoxe con algún concelleiro ...

20130321

Ouro e vontade

O ouro cambia vontades. E a presión, tamén. Onte aparece no xornal o descobrimento dunha antiga mina de ouro no límite entre os concellos de Barreiros e Foz, que se está a tentar protexer mediante a correspondente petición a Patrimonio. A distancia semellante de Ribadeo, pola outra beira, tamén por unha mina de outro, esta que se vai reabrir, en Tapia dimitiron xa o alcalde (de Alternativa por Tapia) e unha concelleira, a portavoz, do PP. Sempre é posible, no caso tapiego, que sexa unha oportunidade aproveitadapor cálculos dos propios afectados, pero aínda así, a presión do pobo, a parte do propio convencemento polos motivos que sexan, tería posto as circunstancias.
O mesmo que a foto clave de onte, a saída pola fiestra de dúas concelleiras de Ponteareas, que non foron as únicas que escaparon así dunha manifestación polas preferentes, pero xa se sabe, ver escapar unha muller en falda curta por unha fiestra nunha foto engade morbo. Co morbo ou sen el, os políticos escaparon pola presión popular, aínda que hoxe digan que van presentar denuncia.
E a presión social tamén fai xirar a vontade dos políticos noutros temas. Aí está o do hospital da costa, en relación ó que os alcaldes populares emitiron unha nota pedindo que non se cercenaran servizos, e a continuación, a conselleira viu calmar os ánimos, e parece que alomenos nas filas do seu partido, calmounos, pois quedaron caladiños mentras ó resto non os convenceu, todo moi típico. E, cando sigan as presións e marche a conselleira, voltarán enviar outra carta? Verémolo, pero é abondo posible despois da deriva observada entre as promesas e os cumprimentos dos políticos de Santiago en relación á área sanitaria ou ó hospital.
É certo, o ouro compra vontades, pero, ó tempo, estáse vendo que emprégase para enganar, que non é ouro todo o que reloce, que o ouro hai veces que non serve, que se o ouro non se reparte non se come con el, ... que as persoas debemos contar máis que o ouro. E con isa perspectiva pouco a pouco están comezando a pasar cousas, mentras a presión social aumenta. Pouco a pouco, pero cun horizonte: continuará.

20130319

Volta periódica ó século XIX: o tema da luz en Ribadeo

Voltou a suceder. A pasada fin de semana, o venres ó comezo da noite, unha boa parte de Ribadeo quedou sen luz. Dependendo do lugar, afectou só ó alumeado urbano ou tamén ó interior. Non levo a conta, pero coido que esta tempada outono-inverno houbo cortes de diferente duración ata en catro ocasións, e mesmo na tempada de primavera-verán pasados, tamén houbo algún.
Adoitaba suceder iso nas postrimerías do XIX, cando foi chegando a luz eléctrica ás diversas poboacións da zona. En Ribadeo non sei en que ano se inaugurou a primeira rede, pero grosso modo, ten que ter sido hai cousa de século e cuarto. Dende aquela,houbo algún momento no que o coidado da rede e a estabilidade da malla trazada abranguendo todo o territorio fixeron nacer a ilusión de que os cortes de luz estaban a se acabar.
Vana ilusión! As últimas tempadas a súa incidencia media está a aumentar, ante a pasividade de quen tería que vixiar polo servizo e as queixas de quen sufre os cortes, que se se cuantifican, non serán demasiado grandes pois non evitan que volte suceder cada vez con máis frecuencia.
En canto a contraprestacións, os particulares non as logran, pero as empresas, tampouco. Estamos nun tempo de aumentos de poder relativos, e ás eléctricas, sexan produtoras ou distribuidoras, non hai quen lles chiste. Quizáis teña que ver no tema que o goberno prometeu ás eléctricas cartos que aínda non pagou e a débeda é xa astronómica para que algún día a paguemos entre todos ('entre todos'), ou que os concellos teñan tamén as súas débedas a pesares da lei que di impedilas, ou pode que sexa a conta da participación de políticos na cúpula empresarial do sector, ou das ganancias acumuladas sen inversión para que sexan máis 'limpas', pero en pleno século XIX o I trastocou neste tema o seu posto para evitar chegar ó XXI. E, como a numeración secular parte dunha referencia humana, depende de nós o voltar a situar o I no seu lugar. Da sociedade. Vaia, igual que no tema de lexislación laboral ou desenvolvemento político...

20130318

Unha fin de semana de armas tomar e barbas remollar

Galicia é Galiza? Dende hai tempo, si e non. Si, por representar a mesma cousa, non por facelo a traverso de diferente idea dela. Coa asamblea do BNG esta fin de semana, a separación entrambas vai aumentando, personificando no nome unha ruptura que noutros lugares non ten tal personificación. E abocando, cara ó futuro, a unha deriva que antes víase como posible pero altamente improbable. Isto traslada a cousa da política galega en xeral á do BNG en particular, pois da loita polo poder está caendo na irrelevancia chamativa: por unha beira, o que digan, cada vez está máis lonxe do centro do interese galego. Por outra banda, cada vez queren facerse ver máis. Quizáis, no fondo da cuestión non esteña a independencia, senón o poder. O afán por ganar votos a conta dun conxunto de xente que ve que a política tradicional os/nos exclúe e se está a voltar cara a outras opcións, como xa ten pasado en Grecia ou Italia, con modelos diferentes. Mais, pode un partido tradicional cunha historia tradicional, facer sen máis un cambio para posicionarse nese grupo, só co paso ó independentismo? Diría que non.
Mentras, a irracionalidade continúa campando non só en política, senón na economía. Porque coido que nese ámbeto, no económico, hai que encadrar o atentado ecolóxico desta fin de semana en Ribadeo. O verquer 4 000 L de gasóleo furando os depósitos dunha flota de camións, de paso que lles desgrazaban as rodas tivo un efecto máis aló do económico para a empresa que o sufriu: a contaminación dunha zona que chegou á praia dos Castros.
O camiño non é longo: como se ve na toma do Sigpac, dende a zona da estación de servizo de A Devesa ata a praia é unha zona relativamente chá na que hai algún oco na terra pola explotación de canteiras, e un rego que vai direitamente á praia. Vaia fazaña! Por certo, que a foto manifesta algo que se fixo con beneficio en Galicia: a concentración parcelaria. Unha acción de esperanza vista dende un tempo de desespero.

20130317

Unha curiosidade sobre o hospital da costa

A coordinación dependerá de Lugo e os veciños estamos a recoller sinaturas de protesta e para a ampliación. 'De Santiago' (así, impersoal, pois resulta que o presidente da Xunta anda por detrás pero os 'datos' no seu apoio parece que os poñen outros) dínnos que xa hai feito un estudo de cánto pode costar a ampliación: 20 millóns.
E imos ver. Se hai cousa de cinco anos prometeron sete millóns, que se quedaron literalmente nuns contedores-consulta de abondo menos, se houbo unxuntanzas coa parte social para axudar a levar a zona comarcal que logo non foron atendidas e non se voltaron a convocar, se prometeron que non se ían levar servizos a Lugo, e comezaron por levarse os médicos para continuar despois, e agora, en plena crise (cada vez máis forte) nin falan de promesasconcretas, senón de ampliación por unha beira, e cálculos de posibles gastos por outra, e rematan de levarse a coordinación a Lugo, tras incumplir promesa tras promesa, quen vai a creelos? Persoalizando, quen vai a creer a Feijóo (quen fai as promesas e as incumple)?

20130316

Tamén ti, FEVE, meu fillo!

Parodiando a César cando todos estaban no complot para asasinalo, deixo unha nova que me pasa Moisés Gómez na Voz de Galicia de O Ferrol sobre o futuro da liña de FEVE.
Só apuntar, xunto coa nova, que están construíndo un ramal, subvencionado, en Navia, aínda que vaia moi lento, e ó meu ver, todo parece apuntar a que a empresa quere recibir subvencións, e logo xa se verá. Servizo público? Iso debeu quedar 'demodé'.

20130315

Estrela Galicia vs Citroën

O partido é hoxe: emocionante. Dúas empresas afincadas en Galicia compiten de novo nun partido de fútbol. Que sexan de campos comerciais diferentes non importa: o caso é que saian moitas imaxes das camisetas pola tele. Para iso, teñen que estar preto do balón, e máis nas situacións máis emocionantes ou complicadas: as que esixen repeticións na pantalla.
Derbi? Din que si, pero iso, que é? Pois, segundo do dicionario, un enfrontamento deportivo con 'permanente rivalidade'. Non entendo moi ben a rivalidade entre unha empresa de cervexas e outra de automóbiles, pero claro, os tempos están difíciles, e hai que competir polos cartos. Posiblemente calculen que se hai cartos para cervexa, non os poden gastar despois nun automóbil, e viceversa.
Que se xoga na Coruña? Si, casualidade recorrente porque alí reside a empresa cervexeira, como se pode ollar en internet: Domicilio social: C/Jose María Rivera Corral, 6 15008 A Coruña.
Por certo, que nas camisetas levan tamén algunha outra cousa que despista. Os xogadores do Estrela Galicia, por exemplo, levan unha decoración como un banderín cun flotador. Dada a situación económica do equipo, deben querer sinalar onde están e que lles boten un salvavidas.
Ista tarde, fútbol: dúas empresas de primeira categoría enfrontadas sobre a herba dando a parte de 'circenses' en 'panem et circenses', a locución latina atribuída a Juvenal, construída para indicar o que se quería que foran apetencias únicas do pobo, pan e circo, que se lles daban baratos para mantelo ocupado e que non intervira nas cousas importantes. Así, o de 'circenses', na tele, sae barato. O do pan, iso xa é agulla doutro cantar. Deberan aprender os actuais políticos dos romanos...
Por último, dicir a modo de comentario superfluo que o xogar ó fútbol coido que é mellor que velo.

20130314

Reducións periódicas de prezo

Hoxe a nova é o Papa latinoamericano e xesuíta Francisco I, que me soa a rei francés e que se oe relacionado coa ditadura argentina. Pero sobre el non quero dicir máis (entre outras cousas, porque remato de enterarme de quen é)
Recollo pois un tema 'milagreiro', o da evolución dos prezos dos combustibles. Sábese dende hai algún tempo que os combustibles teñen unha especie de evolución semanal no seu prezo. Así, a comezos do inverno comezouse a falar, e hai máis dun mes, por exemplo, a Voz de Galicia noticiouno, hai xusto un mes sacou en papel o gráfico de embaixo (retocado porque había tres liñas dificilmente visibles) con datos da OCU, e hai unha semana por fin as autoridades decidíronse a abrir un expediente informativo.
No gráfico vese o motivo da intervención: a comezo de semana, cando se computan os prezos para algunhas estatísticas e consideracións públicas, os prezos baixan. Repito, ise é o motivo: a perioricidade semanal desa evolución, chegando o prezo ó máximo a fin de semana, momento de forte consumo, e baixando o luns. Mais chámame a atención que esa baixada, tal como se ve na gráfica, é dun máximo de 2 c€/L, mentras que as diferenzas de prezos entre subministradores (e so entre os seis 'grandes' referidos) no mesmo día pode ser de ata 7 c€/L, isto é, tres veces e media a diferenza que da lugar ó 'estudo informativo' da administración, e unha diferenza do 5%, maior que algúns descontos ofertados en función de razóns diversas. Iso, parece que non é motivo para que o estado actúe.

20130313

Análise política galega dende unha perspectiva de Ribadeo e o partido no goberno municipal

... O título é moi amplo para pouca cousa que quero dicir ...
Onte o xornal fíxose eco da postura do alcalde ribadense, Fernando Suárez, sobre a deriva independentista do BNG tras a última asamblea. Ó ver a nova, pasáronseme pola cabeza dúas cousas.
A primeira, que en certo xeito, no interior do BNG están fartos uns dos outros (ou uns das posturas e feitos doutros) pero eses sentementos están mediatizados porque son conscientes de que unha división máis posiblemente levaría a formación fóra do xogo político, despois de sere sobrepasados por Anova 'powered' por AGE/Beiras.
A segunda, que a postura de Fernando Suárez corresponde cunha tendencia interna (de xeito semellante ó que ocorreu a vez pasada, cando quedou pendente dun fío no interior da formación), neste caso xa minoritaria de comezo, que pon fincapé na fidelidade á formación porque aínda que poideran ser acollidos con gusto noutras (AGE ou CxG), co paso do tempo estanse a ver cada vez máis como advenedizos en calquera delas.
As dúas ideas, de non cambiar o fondo, irán medrando en importancia co paso do tempo, polo que non viría mal que tanto o BNG en conxunto (no que, na nova direción, ten algo que dicir Xavier Campos) como os 'críticos' en particular, deran un paso adiante non de xeito interno, senón de cara á cidadanía, que fora claramente interpretable como de achegamento e mellora da terra. E aí quizáis a experiencia dos alcaldes en funcións poda vir ben á formación ... pero non se debera quedar aí

20130312

A 'marca Ribadeo'

Esta tempada está de moda falar da marca España para confundir dúas cousas diferentes, como son a venda de España cara ó exterior e a estrutura de soporte de todo o sistema interior polos cidadáns.
De calquera xeito, o tema da 'marca país' é algo no que se leva xa cavilado e discutido abondo outras veces, aínda que con sentidos sempre parellos, baseados na conversión dunha sociedade nunha empresa en competición con outras. Coido que cando se comeza co tema da marca da sociedade na que se vive, no caso no que se acepte a comparación entre sociedade e sociedade mercantil en posesión dunha marca, hai que comezar a cavilar se nós somos 'accionistas' da empresa que vende a marca, os directores, ou meros currantes explotados.
A visión e decisión da nosa situación nesa hipotética empresa-país é fundamental (xa digo, se se acepta a comparación). E permite ver cun pouco máis amplitude o que nos afecta o da marca e que marca desexamos. a máis, podería estenderse o tema a outras situacións sociais. Por exemplo, a 'marca local', neste caso, a 'marca Ribadeo'.
Unha cousa moi cortiña sobre a marca Ribadeo: directamente non se ten falado moito da' marca Ribadeo', pero si indirectamente, máis para defensa dunha 'marca' definida por alguén que para a súa definición entre todos. Máis aínda, cando hai anos temos falado en O Tesón do 'Ribadeo que queremos', tamén teño comprobado que como noutras ocasións (aí está o caso das vidrieiras, do que ninguén pía na estrutura de partidos, de xeito incomprensible alomenos para min), abonda con que unha asociación ou persoa sen intereses direitos na estrutura política imperante propoña algo que sexa de interese común para que a 'xente que decide' mire para outra beira, a menos que se cumpra a condición de entregar a idea a algunha parte desa estrutura. Naturalmente, hai algunha excepción: aí está o tema da residencia de anciáns, no que non se avanza moi visiblemente, pero hai mais ou menos un consenso a pesares das pequenas discrepancias puntuais, por amplificadas que estean. O caso é que o do 'Ribadeo que queremos' segue sendo cousa de cadaquén, e non de todos, co resultado, entre outros, de que os cambios na dirección que se segue son frecuentes e un tanto aleatorios... aínda que ás veces se podan obviar por unha tempada, tras algunhas eleccións, son palpables, e non se trata de cuestións ideolóxicas, senón de falta de consenso e implicación da xente.
Seguirá.
Un arco da vella sobre o Cantábrico

o, onte, xa desaparecendo.

Un arco da vella sobre Ribadeo, visto dende a estación de servizo, o domingo á tarde.

A inauguración da rúa Sor Pilar de León, venres.


Humidade e diferenza de temperatura, este luns.
As nubes, divididas, onte luns.

20130311

Celebracións

O sábado estiven participando nos dez anos da Galipedia, que ademáis, estiveron acompañados da chegada ós 100 000 artigos. Foi un acto proveitoso para os asistentes (entendo que poucos para o que se celebraba), e para min algo máis (aquí, o borrador orientativo para a miña charla; os vídeos de todos, pronto estarán colgados). O domingo pasei un momento por Gráficas Santiago para felicitar, ó tempo que exercía o que ven sendo un ritual de domingo para min. Cinco décadas de exercicio e servizo son abondos, o que non impide aquel desexo de 'mil primaveiras máis'. Deixo o cartel de conmemoración que se pode ver en facebook:

20130308

Día D, hora H? (II)

Tentarei repartir, e adicar tamén unhas verbas a outra 'hora H': a do hospital da costa e a área sanitaria. Despois de estar falando onte cun amigo do tema, e razonando por diversas cuestións, en particular as verbas recentes do director do hospital e o tamaño e funcionamento do HULA, así como a sangría de médicos e servizos en favor del dende Burela e Monforte, tiñamos claro ambos que a cousa estaba a caer. E hoxe caeu: na portada de A Mariña / O Progreso aparece a xestión única provincial, e nas novas dixitais do mesmo, a Feijoo dicindo que iso mesmo beneficia á Mariña.
Non, o hospital non morrerá: sinxelamente, será un hospital de segunda. O temido dende hai anos, contra o que se loitou, xa chegou: Día D, hora H.

Día D ... hora H? (I)

    Hoxe pensaba adicar a entrada á muller: en Ribadeo dáselles nome de muller ás rúas, actúan diversos grupos na súa honra, hai lectura de poemas á noite, ... por poñer un exemplo, a máis de que xa de mañanciña levo visto varias citas de Rosalía ou Curros adicadas á muller entre alusións diversas en viñetas, ou fotos de xente (entre eles, eu) con carteis alusivos á igualdade entre muller e home e máis ...
    Si, hoxe é o día da muller. E mañá?
    Si, hoxe é o día da muller. E é a hora da muller?
    Si, hoxe é o día da muller. En que se nota no día a día?
    Mulleres e homes somos diferentes: non hai que confundir igualdade de dereito e de trato con igualdade de aspecto ou orgánica. Ser diferente non impide o igual trato, nin debe usarse para o mal trato.

20130307

Se hoxe é día 7, isto é unha información atrasada

Onte o concello de Ribadeo publicou na súa web unha nota. Curiosamente, refírese a un pleno celebrado antes. Pleno que non foi anunciado pola mesma canle, sendo extraordinario e non recibindo, que eu saiba, ningún tipo de infrmación previa os veciños, e isto, despois de que hai pouco tempo o alcalde animara ós veciños a asistir ós plenos. Cando seguimos sen ter un regulamento de participación cidadá pedido en moitas ocasións, despois de ter presentado un proxecto, despois de ter enviado proposta que non foron consideradas, despois dunha aprobación inicial de algo que sendo en parte copia doutros lugares, coido que se pode cualificar de bodrio, pero non ser aprobado despois, despois de ... tempo, entre outras cousas, así seguimos. Calquera día sairá unha aprobación definitiva, ou un novo proxecto, pero visto o desenvolvemento previo, cabe esperar algo bo? As leis ou normas deben de ir acompañadas de actitudes e xeitos. Polo menos o último, polo momento, está á espera.

20130306

As novas rúas nomeadas en Ribadeo, en vista aérea

Amañando co sigpac ...ó fío dos actos do día da muller.
Manuela Barreiro, da EOI en diante
 Sor Pilar, Por tras do col. Sgdo. Corazón
Meniñas da Saudade, entre a estrada de Vilaselán e Terragrande
Pza. Oito de Marzo, tras do cine teatro, co subsolo en garaxe?

Actos do día internacional da muller. Copia do difundido a traverso da lista de correo de cultura do concello

O vindeiro venres  conmemórase o 8 de marzo, “ Día Internacional das Mulleres” e   nos gustaríanos contar coa túa presenza nesta data especial para as mulleres.
 
Convidámoste a asisitir aos diferentes actos  que terán lugar o propio 8 de marzo :
 
Inauguración das rúas adicadas á mulleres significativas e a datas simbólicas:
§  19.00h- Inauguración á Manuela Barreiro Pico, a primeira farmaceútica de Ribadeo. A rúa é a que se encontra no Camiño dos galos, da EOI á Autovía.
§  19.20h- Inauguración da rúa Sor Pilar de León, sita na vía traseira do Colexio Sagrado Corazón de Xesús.
§  19.40h- Inauguración da rúa Meniñas da Saudade, o primeiro grupo de gaiteras en Galiza e en todo o Estado español. A rúa vai ser a Travesía Vilaselán á Terragrande.
§  20.00h- Inauguración da Praza 8 de marzo, efeméride que conmemora o Día internacional das Mulleres. Esta praza será a que está detrás do cine Teatro.
Na inauguración de todas os espazos adicados ás mulleres contárase cunha actuación da Escola de Música e Danza de Ribadeo e haberá un acto formal para o descubrimento da praca  coa presenza do alcade e membros da Corporación Municipal.
 
A continuación, ás 20.30h  terá lugar unha actuación no Teatro a cargo da formación “ Irimia Cantareiras”

Manuela Carmena, xuíz

Recollo unha cita de hai xa uns días: 'En teoría todos somos iguales ante la ley; en la práctica, no'. Aí queda pois o título dunha entrevista. E unha cita do interior: "(..) la Administración de Justicia se limpió de corrupción en la Transición. Tenemos una justicia limpia. // Pero es cierto que el funcionamiento es terriblemente igual.". Atención: no anterior, a primeira parte é da xuíz, e a segunda, da entrevistadora, pero a xuíz posteriormente non a desminte, senón que tenta explicar o por que ... A carón, Nóos-Urdangarín ou Bárcenas, por poñer dous exemplos mediáticos que estaban nas novas ese día, hai xa dez, e que seguen a estar, aínda que hoxe esteñan desprazados pola morte de Hugo Chávez, o discutido dirixente venezolano que algúns quixeron enterrar en vida e outros reclaman para unha vida póstuma. (Aquí, diversas reaccións internacionais: igrexa, Jimmy Carter, ...)

20130305

Asamblea da plataforma pro Residencia de maiores en Ribadeo

Tivo lugar domingo, e liberou onte unha nota de prensa que paso ó blog:
"
Con la presencia de la mayor parte de los presidentes de las asociaciones y comunidades de este concejo que componen la Plataforma pro Residencia dio comienzo la Asamblea Ordinaria en el Salón de Actos de la Casa del Mar el día 3 de marzo de 2013, a las 12 horas. 
Dio comienzo la Asamblea con la intervención del portavoz de la Junta Directiva, Sr. Rodríguez, quien informó a los asistentes de las actuaciones llevadas a cabo desde la última asamblea, informando especialmente de la reunión mantenida por la Comisión Municipal con la Conselleira de Benestar de la Xunta, y los pasos que a esta siguieron, así como de las actuaciones que en estos momentos se están llevando a cabo por la citada Comisión Municipal. Actuaciones que se concretan en diversas gestiones y contactos que la Comisión Municipal mantiene con algunas empresas privadas y ONGs para, una vez evaluados los resultados, concretar las conclusiones y los puntos a tratar con la Conselleira de Benestar en la reunión que se mantendrá los próximos meses. Una vez más quedó manifiesta la voluntad de los asistentes a la Asamblea de continuar sin desfallecer en la lucha por la consecución de este objetivo, a pesar de la incidencia negativa que pueda ejercer en su solución, tanto la crisis económica que nos afecta, que debe estar sometida a un tratamiento de prioridades en las inversiones, como las implicaciones políticas que puedan incidir en el caso de Ribadeo por la ausencia de coincidencias de colores políticos. 
En una breve intervención del tesorero de la Junta Directiva, Sr. Ares Taboada, se dio cuenta de los fondos de la Plataforma para poder hacer frente a los gastos de sus actuaciones y se rogó la aportación voluntaria de donaciones para este fin. 
 La necesaria renovación de la Junta Directiva fue invocada por A. Gregorio Montes que invitó a los miembros asistentes a asumir su cuota de sacrificio para sustituir a los actuales componentes. Una propuesta que chocó con la voluntad de la asamblea es de que continúen en la Junta Directiva los mismos miembros actuales. 
Se dio fin a la asamblea con el apartado de Ruegos y Preguntas en el que se estableció un turno de intervenciones, como la del Sr. Salvatierra invitando a la gente a salir de su pasividad y participar activamente en la búsqueda de soluciones a sus problemas."

20130304

A Galipedia chegou ós 100 000 artigos

Parabéns!. Ós colaboradores da Galipedia, ós usuarios, ó galego, a Galicia ... Só é un número, pero neste caso, é un símbolo. Algo así como a certificación da maioría de idade, cando están a cumprirse os 10 anos de existencia

Curiosidades á vista en Ribadeo este fin de semana

Para comezar a semana suave, unha porta de abrepecha funcionando de contínuo, onte na zona de grandes superficies ...

Seguido dunha reparación: unha tiriña para reparar unha 'rotura en óso'. Así pinta o pao da Juanín na rotonda. A que case non se nota o paso dos energúmenos?
Bancos sen banqueiros. Á entrada do polígono, ó pasar por alí pregúntase un se algunha vez se sentaría alguén, mesmo de proba. Ás papeleiras á súa beira, algo parello. Aínda que se se recollera todo o plástico solto que hai na parcela contigua a ista, non chegarían as tres que hai nin outras tantas.

Este fin de semana, o sábado, a mañá deu moito de si coa néboa e os montes nevados. Unha imaxe:

O marco da Pena Verde, monumento megalítico usado como marco de separación entre os concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada (pŕoximo ó pico da estrada Trabada - Barreiros en Fórnea. Abaixo, o cartel). Por certo que case cambia de cor, coas pintadas -xa case borradas- que lle meteron. A inclinación parece diferente nas dúas imaxes pola diferente orientación da toma.

E un traslado palaciego pola rua peonil, camiño do almacenamento ata outro ano...

Agora, a comezar a semana.

20130302

Retroceso en infrastruturas

Leo no xornal de xeito case simultáneo dúas novas. Nunha, internacional, dase conta que México tiña máis de 20 000 km de ferrocarril a comezos do século XX, un método de locomoción revolucionario tanto no sentido propio do transporte fronte a outros medios como no político, ó ser usado polos revolucionarios mexicanos dada a súa importancia. Hoxe, para transporte de viaxeiros, case non quedan liñas. Ó longo do século pasado, van desaparecendo de xeito que hoxe úsanse para o transporte de mercadorías e son aproveitadas polos inmigrantes ilegais que tentan chegar ós EEUU nos vagóns de carga. Pois ben, o presidente mexicano ve o futuro, a necesidade dun transporte que pode ser eficiente e barato, e vai a relanzar a construción de liñas de pasaxeiros. Din que errar é humano, e é intelixente recoñecer os erros e tentar enmendalos.
A outra nova é galega: vótase en Ourense contra o mantemento da liña de ferrocarril Ourense-Sanabria. Con elo, a entrada en Galicia por ferrocarril quedaría reducida á liña do Sil dende a meseta e á liña Vigo-Porto cara ó sur. A FEVE por Ribadeo non conta neste xogo pola incomunicación de anchos de vía. O esmorecemento do ferrocarril en Galicia é claro. O manter unha liña costa, pero tamén é unha decisión política o dinamizar as autovías fronte ás vías, por exemplo, e coido que a modernización da rede para coches fronte á do ferrocarril ten algo que ver no aumento de uso daquela fronte a esta. A este paso, algún día teremos que invertir para revertir este desprezo de infrastruturas que estamos a facer, do que o ferrocarril é só un botón de mostra.

20130301

Quen capeee a crise será imaxinativo ... ou non será.

Dun tempo a esta parte numerosas novas iniciativas estanse a dar por parte de ribadenses para dalgún xeito dar resposta á crise. Unhas, con soporte institucional, outras, de xeito totalmente libre. grandes e pequenas. Algunhas, moi publicitadas, outras, movéndose na prática só a partires das redes sociais. Moitas, en Ribadeo, outras, a distancia. háinas que se desenvolven en grupo e outras de xeito individual. A maioría é probable que teñan pouca ou nula influencia no devir de Ribadeo, outras poden escalar cara ó futuro da xente que as comparte. Todas merecen un pouco de atención.
Xa teño falado ou ligado dende o blog a algunha como Bandeed ou A world to travel, orixinadas na rede e físicamente fóra de Ribadeo. Na última semana, a máis de actividades de Sonda Norte (que por certo, de entidade informal vaise a constituir en asociación), o concello e comezou Ribadeo emprende cunha Pecha Kucha (vídeo). E nas redes sociais tiveron, de xeito relacionado entre si, varios xurdimentos de grupos, como o grupo de consumo as grelas, que onte realizou a súa primeira actividade na casa do bispo, en Vilaselán (onde manterá a súa sé), un obradoiro de xabón e fieltro, e o formigueiro, grupo creado con ánimo de atopar solucións en base á cooperación e á solidariedade. Longa vida!