Amosando publicacións coa etiqueta xardíns colgantes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xardíns colgantes. Amosar todas as publicacións

20210627

Xardíns colgantes en Ribadeo edición 2021

    Hai tempo que veño facendo referencia no blog ó que eu chamo 'xardíns colgantes', conxuntos de plantas ou plantas soltas que, de xeito non guiado por man humana (máis ben, non evitado pola man) van na procura dun lugar para vivir, en xeral nas partes altas das fachadas das nosas casas. Ás veces, irrumpen á vista, mais o normal é que sexan a penas pequenos borróns nas alturas. Nun día de ánimos baixos poden parecer o descuido e falta de atención cosificados, mais noutros, máxime se fai boa temperie e a persoa ten bo esprito, poden aprezarse na súa beleza sobre o fondo celeste ou facendo filigranas sobre unha ou outra parede.

   Esta mañán, nun pequeno recorrido entre a Atalaia e a praza de Abaixo, recollín algúns detalles de xardíns colgantes que agora deixo aquí, en orde de aparición á miña vista, e onde se poden contrastar diversos estilos, dende simple maleza en fincas abandoadas a unha ramiña mínima en predios ben coidados, en situacións que requiren tamén diferentes xeitos de visión:


















20170921

Imaxes dende Ribadeo

As veces non nos decatamos de onde vivimos. Temos que reflexionar ó pasar polos sitios para car na conta da beleza ou infamia que representan. E, de cando en vez, é un exercicio de autorecoñecemento  que ven moi ben.
Aquí quedan algunha fotos tomadas estes días de lugares uns máis coñecidos, outros descoñecidos, uns de todos os días, outros, do momento, cunha característica común: tomadas en Ribadeo. Cara ó ceo, á ría, ou a detalles da vila. Non tratan de ser artísticas, senón de lembrar que eses lugares existen e miralos está ó noso alcance.
Madeira acumulada no porto de Mirasol, co tesón e As Figueiras ó fondo. Non chega a haber as cantidades que houbo pouco tempo atrás, pero non deixa de ser unha estampa ribadense..

A V de vicotria parece formarse ó rematar a auga de tapar o tesón fronte a Mirasol.


Os novos aparcadoiros de bicicletas.

Arco da vella sobre San Roque, á mañá.

Xardíns colgantes no tellado, un clásico de Ribadeo

O costal sen árbores (e con escaleira) dende o cemiterio. Quen se lembra da urbanización que hai unha ducía de anos se pretendía poñer alí?

Os vidros reflicten o ceo por baixo da vexetación

20160601

Exercicio de comparación sobre os plenos

Vin onte martes a prensa e despois a nota do concello sobre os plenos de luns. E entón, ocorréuseme facer hoxe esta proposta no blog: poñer a nota de prensa do concello e propoñer a súa comparación co que hoxe mércores saia nos xornais. E así o estou a facer, engadindo só unha imaxe allea ó tema en troques do embotellamento nas catedrais que ilustra a nota do concello.
'O Concello solicitará á Deputación a cesión de varios viarios de titularidade provincial do entorno da praia das Catedrais. Este foi un dos acordos adoptados no pleno ordinario celebrado onte luns, no que tamén se acordou tratar durante este ano 2016 unha baixada do IBI para as vivendas vinculadas a explotacións agrícolas. Na sesión extraordinaria, que houbo antes, aprobouse por unanimidade o expediente para a concesión do título de Cronista Oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez.
O alcalde, Fernando Suárez,  destacou "a unanimidade que houbo en ambos os dous plenos no extraordinario no que se designou a Eduardo Gutiérrez como Cronista Oficial de Ribadeo, a falta agora doutro pleno onde de maneira formal e solemne se lle faga entrega da acreditación para tal mérito. Destacar como digo o compromiso de toda a Corporación, de todos os grupos, como sempre digo aínda sendo diferentes en aspectos importantes como penso que tamén foi este, todos demos unha idea de unanimidade ao Concello".
O rexedor explicou que "no que ten que ver co pleno ordinario moitos dos puntos eran referidos a dacións de contas sobre os períodos medios de pago e as liquidacións do orzamento xeral do exercicio 2015. Dentro do período medio de pago aos provedores previsto no real decreto 635/2014 cumprimos, estamos dentro dos parámetros que se esixen aos concellos. E este recoñecemento extraxudicial de creto ten que ver con facturas que os provedores presentaron en ano natural diferente ao que deberían. Non é culpa do Concello senón deses provedores que, estando advertidos de que deben presentar as súas facturas antes do 31 de decembro de cada ano, fano no ano seguinte e iso xera un trastorno na contabilidade que é necesario resolver como fixemos neste pleno".
O alcalde ribadense relatou que "outro punto de interese foi aprobado, non por unanimidade pero practicamente con dúas abstencións, o que ten que ver coa petición á Deputación Provincial da cesión de viarios de titularidade provincial na zona das Catedrais. Hai que ter en conta que o Concello está na redacción dun plan especial de todo ese entorno, e o equipo redactor técnico suxire que debe ser o Concello quen de maneira determinante xestione todo ese ámbito no que hai moitísimas administracións, que moitas veces no ámbito das súas competencias chegan a contradicirse entre si".
Fernando Suárez contou que "foi tamén adiante a estimación parcial dunha alegación contra aquela modificación da ordenanza medioambiental para que os cans puidesen frecuentar espazos públicos habilitados para tal fin. Mantemos a esencia do que aprobamos no pleno anterior, pero limitándoo á época estival que é cando realmente pode haber máis problemas porque no resto do ano non detectamos ningún problema porque alguén vaia co seu can pasear por calquera praia".
O rexedor manifestou que "no que ten que ver coas mocións, houbo unha moción inicial do PSOE que expuña unha serie de revisións do IBI para o futuro. Ao noso xuízo criamos un pouco vago e un pouco indefinido ese plantexamento e que non se adaptaba á lexislación vixente. Por parte do goberno propuxémoslle ao concelleiro do PSOE unha proposta de emenda que foi secundada por ese concelleiro e tamén polos demais grupos da Corporación. Acordamos todos por unanimidade tratar neste mesmo ano a modificación da ordenanza do IBI para a redución da carga impositiva dos edificios vinculados ás explotacións agrogandeiras, dentro da capacidade estrita que a lei permite, singularmente e unicamente aqueles que estean de alta. Tamén aprobamos tratar o compromiso de inclusión ou de revisión da ordenanza fiscal doutras bonificacións potestativas que tamén están recollidas na lei de facendas locais como as relativas ao aforro enerxético ou tamén a familias numerosas".
Suárez Barcia engadiu que "tamén aprobamos unha declaración institucional sobre o apoio unánime do Concello de Ribadeo aos traballadores e traballadoras da planta de aluminio en San Cibrao, pola súa incerteza nestes últimos tempos sobre unha posible venda desa multinacional americana a non se sabe moi ben quen e as consecuencias que iso pode ter".
Finalmente o rexedor concluíu sinalando que "houbo unha serie de rogos e preguntas feitos pola oposición que intentamos sempre cumprir na medida do que podemos, como máis papeleiras ou algunha fonte que se pediu nova e intentaremos ir cumprindo nas seguintes semanas".'
Imaxe dun dos moitos 'xardíns colgantes' que aparecen nos lugares máis insospeitados Ribadeo adiante.

20150519

Xardíns colgantes, edición 2015 (I)

No día das letras galegas, natureza viva, rebosante sobre as nosas cabezas, como tódolos anos, lembrando que estamos na primavera. Só unha mostra:
No aparcadoiro:
nunha 'maceta' sobre columna do valado, co pé dos carteis electorais
no muro derribadeo da antiga casa indiana
ó pé dunha casa indiana en S. Roque
nas Catro Rúas
Nas fincas de S. Roque
Na r/Deputación pode verse o conxunto máis nutrido na actualidade
E quedan máis para outra ocasión...(e quedará sen mediar aínda, da cantidade que hai!)

20150428

Primavera?

Por esta época, levo posto no blog varios anos algunha entrada de xardíns colgantes. A conto de dúas fotografías que tomei este fin de semana, retomo o tema con algunha variación.
A primeira é a foto dunha casa que da a r/ San Miguel. Mellor dito, ós restos do que era unha casa. Vista por diante ten moi mal aspecto, pero por detrás, é outra cousa. A vexetación oculta os rasgos da decrepitude, e volve a escea exuberante, mesmo un contraste vivificador fronte á amalgama de cores, estilos, alturas... que se observan na proximidade. De calquera xeito, amalgama ou vexetación mediante, o ver un andamio indicando a recuperación nun futuro próximo tamén fai sorrir desexándolle o mellor á boa da casa.
A segunda foto é a do cine Colón, na Praza de Abaixo. A súa vexetación, rebosante pola beira, acubillouse tamén no interior. O certo é que a foto, tomada como pasaxeiro dun coche, así inclinada, pide case clemencia ante unha posible posición horizontal da fachada, ou, polo contrario, un esforzo para retomar a verticalidade co empuxe da vexetación dende atrás....
 No caso da primeira foto, unha recuperación dun espazo para uso privado. No da segunda, unha perda continuada dun espazo adicado ó público. Aínda hai pouco tempo os seus baixos eran empregados para almacenar materiais diversos de xeito temporal por algunha sociedade. Hoxe, coido que non sería conveniente polo risco que leva entrar no edificio. E mesmo a cornixa, que non ten protección no seu baixo para os peóns, é un perigo que lembra o balcón que se desprendu en parte hai non tanto no antigo colexio dos irmáns a poucos metros, na r/Trinidade.
Eu non fun nunca ó Colón, pero aínda queda moita xente en Ribadeo que si pode ter ido. E debe lembrar o subtítulo dunha obra feita ad hoc pola AVVO Tesón hai algúns anos: "Outro Ribadeo foi posible" (para ver o libro Ribadeo no tempo a través das imaxes). Como dicía nunha das entradas na que trataba estes temas, pode que sexa conveniente lembrar o 'Ribadeo que queremos'.

Sobre xardíns colgantes en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com/2007/05/auga-sen-domar-volve-seu-cauce.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/07/fesmo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2009/08/os-xardins-colgantes-de-ribadeo-n.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/03/visitas-insolitas.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/05/acompasando-o-tempo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/05/a-consecuencias-do-pleno.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/06/natureza-de-retorno-en-ribadeo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2014/05/de-leste-oeste-xardins-colgantes-en.html
Presentación sobre as 'Casas caíntes' de Ribadeo: http://ribadeo.webcindario.com/Ribadeo_falls/img0.html

20140502

De leste a oeste. Xardíns colgantes en Ribadeo

Levo xa varios anos ofrecendo fotos dos xardíns colgantes de Ribadeo, máis ou menos en primavera. Desta volta, elixín un eixo leste-oeste, dende a Rodriguez Murias ata o xardín. Hai fotos que non se ven ben (todas tomadas co móbil), pero se neste eixo, a 'gran Vía' ribadense, os tellados están así (e só mirando da rúa cara ó sur!), coido que Ribadeo ten un potencial grande de xardíns coltantes (e non tan colgantes, como os dous 'a pé de rúa' que van no medio)
A decoración dos tellados comeza a confundir ben achegados o centro
Este é exuberante
De todas formas, cores, tamaños...
Deixei fóra os dos balcóns, de macetas ben coidadas, pero non os do chan, algúns máis diminuídos...
aínda que non todos.
O xardín pódese ver dende as ventás
E nas casas abandoadas exténdense non só polas beiras
Hai algúns menos produtivos
... case invisibles
... e outros que non teñen discontinuidade co fondo
Aquí remata desta volta a viaxe, con plantas ben desenvoltas e con auga abondante.