20090228

A queima do antroido 2009

Unhas cantas fotos para marcar o momento final do antroido 2009: a queima do boneco que o representa (este ano non houbo enterro da sardiña, senón queima, máis tradicional)
O sitio, o parque, mesmo ocupado en parque aínda cunha exposición.
Aproveito para subir a 21 os días de ocupación do parque por carpas no que vai de ano (de 59 en total); a parte, as ocupacións parciais, como a exposición actual, as camas elásticas, etc.





Os problemas do leite

É certo que a producción de leite, de xeito direito, afecta cada vez a menor número de persoas ó estaren máis concentradas as gandeirías. Pero en plena crise, unha rebaixa de 0,03 €/L pode significar moitos cartos para cada gandeiro e para a comarca. E un aviso de cambio de empresa de recollida dunha semana para outra, nunha actividade na que ás vacas non se lles pode dicir que paren de producir, debera ter tanto unha protección maior por parte da estrutura social (e política) como unha resposta máis organizada e contando con toda a sociedade.
Como empresas diferentes, cada explotación gandeira terá os seus problemas e sacará máis ou menos beneficio. Pero iste é un problema que as afecta a todas na súa rendabilidade, e entendo que, polos prezos barallados, a máis dunha na súa subsistencia futura.
Mentras, rematou a campaña eleitoral, e, o mesmo que non se sabe nada da nova saída da autovía en Ribadeo, tampouco se dixo nada do problema do leite, que eu saiba. No día de reflexión, máis que reflexionar sobre a quen votar coido que se debera reflexionar sobre como mellorar a política que estamos a sufrir, non a desfrutar, neste país.

Comentario sobre os comentarios ó blog

Así como o blog procuro telo ó día, non sempre me é posible facelo, e pódese comprobar que algunha vez teño deixado de publicar durante unha semana enteira. dende que o blog permete publicar de xeito diferido, procuro prever a falta de publicación durante un tempo e ter preparados artigos xenéricos para cubrir ese tempo que preveo non poder publicar.
De xeito parello, os comentarios revísoos con relativa frecuencia, pero poden pasar máis tempo sen ser revisados, non permitindo un mecanismo de revisión previa. Así, remato de atoparme hai un cacho cun comentario do día 21 botándome en cara que non publicara outro do día 20, que xa foi publicado o día 26. Nestes momentos están os dous publicados nas entradas correspondentes, mesmo con outros comentarios meus.

20090227

Sobre a liña de alta tensión. Unha nota con sinatura.

RESPOSTA DO SR. ALCALDE
Mes e medio despois de rexistrar no concello de Ribadeo un escrito asinado por 163 veciños, solicitando información sobre o tendido de outa tension e a subestación electrica, os primeiros asinantes de cada folla de sinaturas recibimos unha escrita do Sr. Alcalde, de aproximadamente medio folio, onde ven a confirmar o que xa ten declarado aos medio de comunicación, que o concello non ten información e que nos remite ao periodo de exposición publica.
Sin embargo, pesie ao retraso e a brevedade a nota, e moi interesante tanto polo que di como polas formas de expresión, como polo que omite.
Na primeira linea xa empeza con manipulacions ao facer referencia ao escrito “de alegacions” que supostamente lle presentamos os veciños. Debemos crarexar que e falso. Ninguen presentou ningun escrito de alegacions porque non ha lugar. Non estamos en periodo de exposición ao publico, polo tanto esta fora de lugar falar de alegacions. Pero e un xeito de engañar e manipular ao lector desinformado.
Na segunda linea fai referencia a “unha pluralidade de veciños”. Unha expresión estrambotica para non recoñecer que eran 163 firmas, simplemente pedindo información ao alcalde do noso concello. Nada mais que eso.
Na mesma terceira linea temos outra verdade a medias, ou sexa unha mentira a medias, cando di “dunha liña de alta tension para abastecer a subestación prevista en Folgosa”. ¿Pero non quedamos en que o concello non sabia nada? Agora resulta que a subestación esta prevista en Folgosa. Pois e unha sorpresa, porque no PXOM a subestación figura a 300 metros de reverte a 1200 de Folgosa, no monte comunal de Piñeira que non e de Reverte nin de Folgosa, pero si agora o Sr. Alcalde di que vai estar en Folgosa, poñanse ao loro os veciños deste lugar.
Na quinta linea aparece a novedade, mais suliñable, algo asi como o miragre de Fatima. Unha nova empresa que ate agora era descoñecida nesta zona, que non participou para nada no convenio asinado polo Concello, Begasa, Conselleria de Industria e SEPES entra na escea. O escrito do Sr. Alcalde di exacatamente : “prevista en Folgosa, por parte de E.on Distribución S.L. de Santander”… ¿Quen e E.on? ¿Qué pinta neste asunto? ¿Quen trouxo a E.on? ¿Cales son os dereitos de E.on sobre as propiedades, as casas, a saude , os montes?. Folga engadir que de todo esto o Sr. Alcalde sabe moito, pero loxicamente non di nada. E.on e a nova imaxe de Electra del Viesgo e actualmente esta controlada por unha multinacional alemana. Como se vai vendo estamos absolutamente globalizados, italianos por un lado e alemanes polo outro e non faltan os caciquiños domesticos para facerlles o traballo sucio.
Pero volvamos a onde iamos. ¿Por qué mete o Sr. Alcalde a E.on polo medio sen dar ningunha explicación, sen que figurase no convenio?. ¿Significa esto que BEGASA ten un acordo con E.on? ¿Esta contemplado este acordo na letra pequena do Convenio?. Nos non temos resposta para estas e outras preguntas. Por exemplo ¿Cómo repercute a presencia de E.on nos custes finais do proxecto? ¿Cal vai ser a tallada que van sacar E.on e BEGASA desta operación por decilo abertamente? ¿E quen vai controlar o destino dos cartos publicos nesta confusa, oscura e misteriosa argallada?. Polo momento deixemos constancia de hai un novo socio do orixe cantabro-xermano e naturalmente o Sr. Alcalde de Ribadeo non sabe nada.
Non sei, pero osmo que esto de E.on vai dar moito xogo.
E.Lombardero

... e ó fin, a campaña finaliza hoxe

Din que foi non a máis dura, senón a máis rastrera que se lembra. Onte, a charla de Onda Cero rematou con dous minutos para falar sobre a impresión da campaña. Un contertulio, José Mª Rodriguez, dixo o que eu remato de dicir. Eu contenteime con dicir algo así como 'se un político quere ser crible nas próximas eleccións, nestas debería saír pedir a abstención'. É dicir, algo que non vai suceder por ser unha especie de contradicción. Pero o caso é que cada vez máis, vexo posible unha situación parella á que descrebe Saramago no seu 'Ensaio sobre a lucidez' (e que xa toquei algunha vez no blog), unha votación con maioría aplastante de votos en branco e coa posibilidade de que o país, a estrutura social, siga funcionando a pesares dunha guerra declarada da estrutura política fronte á sociedade. Isto último, algo que xa planea como realidade en moitas cabezas.
Mañá será a 'xornada de reflexión', un feito que parece negar precisamente a posibilidade de reflexión á deixala referida a unha soa xornada, mentras permete que se bombardee con anuncios o resto do tempo. Anuncios que xa se asume, pola experiencia previa, que non teñen ningún valor: peor que papel mollado, pois non soen aparecer nun documento asinado, senón recollidos como noticia.
Algunha anécdota despois de cumprir que pouco ía tratar das eleccións no blog: remato de mirar 'eleccións 2009' no buscador e a páxina oficial da Xunta sae ... no 5º lugar, abondo despois, por exemplo, do vídeo promocional sobre a 'Frente Popular Galega'.
Vexo na web as 'CANDIDATURAS PROCLAMADAS NA CIRCUNSCRICIÓN ELECTORAL DE LUGO', e son as seguintes:
1. PARTIDO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA-PARTIDO SOCIALISTA OBRERO ESPAÑOL (PSdeG-PSOE)
2. PARTIDO POPULAR (P.P.)
3. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (B.N.G.)
4. UNIÓN, PROGRESO Y DEMOCRACIA (UPyD)
5. NÓS-UNIDADE POPULAR (NÓS-UP)
6. ESQUERDA UNIDA - IZQUIERDA UNIDA (EU-IU)
7. POR UN MUNDO MÁS JUSTO (PUM+J)
8. FALANGE ESPAÑOLA DE LAS J.O.N.S. (FE de las JONS)
9. TERRA GALEGA (TEGA)
10. GALICIA UNIDA (GU)
11. PARTIDO HUMANISTA (PH)
12 + GALICIA (+G)
13. FRENTE POPULAR GALEGA (F.P.G.)
Pregúntome, cal é a orde na que se dispoñen as candidaturas?. Por certo, a FPG ista volta sae na última praza. Picoume a curiosidade de que son algunhas delas, e tentarei procurar información. Pero non agora.
Non podo deixar de comparar o ambiente das eleccións con citas dun artigo atrasado que remato de ler onte: 'Non hai patria pequena á hora de defendela' sería algo tildable de cousas como patrioterismo, pero se vai seguido de 'o home que da súa patria non esixe máis que un palmo de terra para a súa sepultura, merece ser oído, e non só ser oído, senón tamén ser crido', a cousa xa comeza a ter algo máis de corpo. Polo medio, o concepto de patria e algún máis que cabería matizar abondo, pero as ideas de Sandino, de quen son as citas, piden ser escoitadas, non ser aceptadas tal cual de xeito universal.
Mañá, reflexión, será asemade o momento de comentar unha serie de novas atrasadas en relación con Ribadeo...

Ocio incontrolado

Mágoa! a conferencia era onte, e cando me decatei xa non podía avisar a ninguén. O título, 'Inconveniencias sociais e para a saúde do ocio incontrolado', pintaba moi ben. e quédome coa parte final, o concepto de 'ocio incontrolado'

20090226

Meditación sobre a crise



chegoume un .jpg (grazas, tocaio) con algo de Einstein sobre a crise. Permítome dubidar da autenticidade da cita de Einstein, a pesares de que leve a súa sinatura e foto, pero se non é del, non está mal traído: a crise pode ser unha oportunidade para mellorar (non é que sexa máis doado mellorar coa crise, é que hai máis necesidade).

Estratexia comercial e non comercial

Nao Voz da Mariña de hoxe hai unha nova sobre o Lidl que se poñerá entre o Brico King e os Ferros Alonso, e non deixa de ser curioso algún dos exrtremos que se manifestan nela. Así, que vai a ter unha entrada direita (o que benefiará as ventas), pero que para facelo tivo que esperar a que a estrada pasara de titularidade nacional (Ministerio de Fomento) a local (concello), co que se descataloga como estrada e pasa a ser rúa por decisión administrativa, podendo entón facerse entradas polo medio, do tipo ás que xa teñen outros comercios, e é previsible que tamén podan ter cambios de carril para acceder ás entradas, algo do que, por non ser posible ata agora, recibiu queixas de comercios e industrias dese tramo, pois calquera visita ás construccións aledañas implica ata agora pasar e dar volta por algunha das rotondas entre os extremos.
Por outra banda, a non progresividade das leis, visible a traverso do 'saltos' que se aplican nelas en xeral de xeito totalmente arbitrario, queda ó descuberto nunha sinxela frase: "abarca unha superficie de 1 780 metros cadrados. Diste modo, ó non superar a barreira dos 2 500 metros non obtén a catalogación de área comercial e no require o permiso da Xunta". Que esteña pegada a Eroski-Brico King, sobrepasando así de longo os metros referidos, non parece influír. E que, debido a como se están a facer as cousas, se poda facer un muro entre ambas zonas, tampouco parece importar demasiado, mesmo ós comerciantes.
Por outra banda máis, se cando o Hiper de Eroski houbera promesas de compensacións para que a entrada fora dende a rotonda do Voar, e temas políticos relacionados, agora parece non haber nada de nada, a pesares de que a estrada houbo de pasar a titularidade do concello. Por certo, cando se deu explicación sobre o tema, díxose que fomento quedara entre outras cousas, de facer beirarúas. Eu non as vexo aínda.

Aposta forte

De tiras e afloxas pásase xa á protesta procurando apoios. O mercado dos mércores, inactivo excepto unha pequena representación de produtos da horta, pasa a unha nova fase ó convocar os comerciantes unha manifestación para o día 11, unha volta calmado o tema das eleccións. Esperan que os ribadenses os apoien. E creo que se equivocan. Haberá manifestación, pero de comerciantes, non de ribadenses. Outras consecuencias están pendentes: haberá petición de que pechen os comercios?
Por outra parte, a resposta dos comerciantes está á vista, xa que eles mesmo explican que a maioría dos que veñen son familiares, e que non se van enfrontar entre si. Cabería misturar a etnia no xeito de levar adiante o enfrontamento comerciantes-concello, e cabería pensar tamén que iste pode ser un primeiro enfrontamento no que, se ganan os ambulantes, non será o único e extenderase a outros lugares pouco a pouco.
É moito o que levo comentado no blog sobre o mercado, e xa van sendo asemade tamén abondos os diversos comentarios que foron deixados sobre o tema. O certo é que sigo sen ver a caída do mercado aínda que o problema do acordo de prezos non se resolva. Os mercados foron caendo ou trasformandose, pero o de Ribadeo está abondo ben adaptado para que lle quede aínda un longo percorrido. De feito, a traxectoria seguida polo propio enfrontamento manifesta a existencia dun interese forte por ise día de comercio, e polo tanto unha rendabilidade comercial acusada.

20090224

Antroido, último día


Mañá, cinza. Por iso, un sorriso non está de máis... Os selos dunha nova colección de correos arrinca ese sorriso.
E, despois da purga de antroido e comezo de coresma, continúa a vida (tamén a do blog, xa máis normal)

20090223

Fotos de Ribadeo

Coido que http://www.ribadeorutas.org/ribadeo é un sitio que moita xente aínda non visitou, e que na sección de fotos ten varios centos, algunha moi vistosa.

Antroido

... e entramos na semana do antroido e tamén do comezo da coresma. Dende hai días veño publicando só en plan testimonial, e os días de antroido, menos aínda... aló a mediados de semana voltará a reactivarse a cousa coma sempre.

20090222

Unha vista do ¿parque?


O mexadoiro de King Kong, os ferros da estrutura da carpa, unha vez máis, os paneis dunha exposición de fotos sobre o camiño (as fotos son bonitas, pero aínda me estou a preguntar que aportan), un pouco máis aló, as camas elásticas... o parque de Ribadeo, unha volta máis, ocupado.

... O mundo é complexo ...

... por iso hai que ser sensatos e ver as facturas: estamos xogando cos nosos cartos en luz, teléfono, internet ...

20090221

Unha vista recente


O Parque de indianos, polo momento, é novidade. Aquí, unha vista desde ó seu interior á rotonda futura (hoxe aínda non é rotonda, senón cruce), casa do Óptico e Vía Transversal. Tamén se pode observar algo do estado no que xa está a fonte/estanque.

Regulamento de participación cidadá

O xoves 19, O Tesón presentou no concello a proposta dun borrador de Regulamento de Participación cidadá. Pode verse aquí (blog de O Tesón).

20090220

Unha obra abandoada no centro do pobo


Estivo xa nalgún momento parada, e voltou a comezar, ... e volve a estar parada esta obra de Ramón González. A fixarse na árbore caída, sinal de que xa pasou algunha tormenta despois do seu abandono. Non é a primeira vez que me refiro a ela, con foto tomada por diante ou por tras, polo calexón que entronca con Dr. Moreda.

Convocatoria do Consello Sectorial da Muller

Onte, venres 19, ás 20:30, estaba convocado o Consello Sectorial da Muller, coa orde do día de información das actividades a desenvoltar no primeiro semestre do ano e o traballo en comisións.

Programa do antroido


Nestes días, non está de máis ter o programa a man, aínda que xa o puxera antes.

Información

Din que a información é a clave do poder. Pasáronme onte (grazas, Teresa) unha ligazón moi interesante sobre a información, pois da portadas e ligazóns a periódicos de todo o mundo: http://kiosko.net/.Ou de España. Ou do norte da península (por certo, aquí noto unha falta que incumbe á zona, debido quizáis ó xeito de publicación na rede que ten ise xornal, se ben na sección Galicia a cousa está solucionada). Ou... a vos vos corresponde bucear segundo os vosos intereses.

20090219

Congreso sobre o Camiño Norte








Deixo as imaxes correspondentes a varias páxinas do folleto do Congreso sobre o Camiño Norte que terá lugar en Mondoñedo (xoves) e Ribadeo (venres e sábado)

Pasou o mércores

    E con el, as especulacións desta semana sobre o mercado. Hoxe, nova xuntanza dos políticos. E mentras algún xornal comeza a falar do 'extinto mercado', onte os cochea aparcaron no lugar e foron multados. Claro, se non hai mercado ... pero o caso é que si, aínda que poucos vendedores se dispuxeron, os labregos con produtos da horta si estiveron, e un posto de flores. Eu estou fixo de que o mercado non corre perigo, aínda que o que está a suceder sexa serio. 
    Mentres, chaman a atención outras cousas, como que IPV, Industrial Pontesa de Vehículos, a fabricante das carrocetas, esteña saíndo pouco a pouco da crise aínda en tempos de crise xeral como os acutais. 
    A falta de empresas na zona, falta que se vai cubrindo pouco a pouco con pequenas novas empresas, debera levar ó estudo das empresas de éxito, algo que coido que non se está a facer. E fuxir doutras empresas, que non son un bo exemplo: sae de novo Acuinor e a súa piscifactoría de Rinlo coa ameaza xudicial á Xunta e, de soslaio, ó concello. 
    Mentras, a lagoa Cascos (ver varias referencias aquí: para a lagoa de Foxo Longo, casualmente á beira dun lugar chamada lagoa, e outra versión ou primeira referencia no blog...) segue a ser lagoa, o mesmo que os baches xa plurienais que deixou a súa 'construcción' seguen sen reparar nin pola empresa encargada por Acuinor para as obras nin por Acuinor mesmo, e despois de perder o ano pasado o xuízo a Adega plantexado por unha reclamación de 30 000 €. 
    Así as cousas, o comezo de reforzo da pilastra oesta da ponte dos Santos para rematar a adecuación ó futuro, pasa desapercibida, a pesares de que foi denunciada no seu momento o conxunto da obra por non acatar as limitacións ambientais. 
    Para rematar, un pequeno cómputo: a carpa do parque leva xa 15 días ocupando terreo iste ano, cando van transcorridos 50, o que representa 'só' un 30%: temos un 'parque cuberto'.

XUNTANZA DE VECIÑOS AFECTADOS POLA LIÑA DE OUTA TENSION

Nota de prensa recibida.
O pasado luns, 16 de Febreiro, celebrouse unha nova xuntanza de veciños afectados pola liña de outa tension que proxectan o concello de Ribadeo, BEGASA, a conselleria de Industria e SEPES. En realidade deberamos decir “presuntamente” afectados, porque o trazado da liña segue a ser un secreto.
Nesta xuntanza trataronse varios temas, cruzouse información e dedicouse un bo anaco de tempo a analizar o convenio subscrito polas catro entidades devanditas o dia 31 de Xullo de 2.008.
Imos comentar alguns puntos dos que ali se trataron en relacion con este convenio.

O convenio foi redactado na Conselleria de Industria, como se desprende do anagrama que encabeza o documento.
O punto primeiro expon que o concello e SEPES proxectan o poligono industrial, con unha “demanda enerxetica estimada de 5 MVA”.
O punto segundo destaca que BEGASA ten o monopolio no sector electrico, se ben manifesta “non ter capacidade suficiente” para o poligono industrial. Ademais requirese unha subestación electrica de 40 MVA e unha liña electrica “de alta tension”… cuxo custo total estimado e de 6 millons de euros.
Mais adiante recollense as seguintes “estipulacions”:
1ª…. Os proxectos, xestion de permisos e construccion das instalacions electricas iniciaranse no ano 2.008 e a execucion das obras levarase a cabo durante os anos 2.009 e 2.010.
2ª A Xunta de Galicia outorgara… unha subvencion economica “a fondo perdido” ata un 30 %...do custo real…
O Concello de Ribadeo comprometese a “facilitar” a tramitación administrativa das licenzas que permitan un rapido desenvolvemento do proxecto.
SEPES… aportara 1.400.000 euros.
BEGASA achegara o financiamento restante…
3ª … constituirase unha Comision Mixta de Seguimento …entre os catro socios do proxecto.
4ª BEGASA… realizara os proxectos… No caso de que variaren substancialmente as condicions inicialmente previstas para os proxectos, que poidan afectar negativamente as condicions de rendibilidade ou aos prazos de execucion, propoñeranse as actuacions alternativas na comision de seguimento.

Comentarios:

1º O poligono precisa 5 MVA, pero a subestación tera 40. Sobre o voltaxe do tendido non se di nada, pero o alcalde fixo declaracions falando de 136.000 voltios. Eso deberon decirllo tomando café, porque, oficialmente non sabe nada…

2º O convenio fala textual e repetidamente dunha “liña de alta tension”, pero o Sr. Alcalde ten escrito repetidamente que se trata dunha liña de “media tension” (vexase a paxina web do concello).

3º A Conselleria de Industria aportara o 30 % do custe real da obra. Ou sexa compromete, como minimo, 2 millons de euros, de fondos publicos, sen saber nada do proxecto, tal como nos respostou no escrito recibido o dia 31 de Xaneiro.

20090218

A moda de A Ponte de Arante

Hai algún tempo xurdiu en Ribadeo a moda das viaxes en tren para a terceira idade. Os nosos maiores recorreron a bisbarra feveada dun ó outro confín. Non estou seguro de que a moda xa caducara: no inverno estas cousas baixan de intensidade, aínda que non corren bos tempos para as subvencións pertinentes.
Agora remata de xurdir outra posible moda: o coñecemento das pinturas de A Ponte de Arante. Son bonitas, históricas, curiosas, ... e hai xente que vai ano tras ano á romería das Cruces andando dende Ribadeo. É unha competencia que non hai no caso das viaxes en Feve do parágrafo anterior. Non sei como estará organizada a viaxe, pero a visita é guiada. A primeira é iste sábado, gratuíta, saíndo o bus ás 11:30 fronte ó Bar Breogán, no parque. Para apuntarse, en cultura@ribadeo.org ou chamando ós teléfonos 609 050 176 ou 649 915 650. Se a iniciativa ten éxito, é de supoñer que se manterá en futuras ocasións. Un consello particular: a ser posible, levar lido o libriño sobre as pinturas que se reeditou hai pouco, con motivo das charlas sobre os 200 anos da batalla da Ponte.
Mentras, noutro campo totalmente diferente, comeza a saír á luz a "Asociación Ecoloxista da Mariña de Lugo", integrada en FeGaMA (Federación Galega de Medio Ambiente), incidindo en particular sobre as prácticas ecolóxicas das explotacións rurais, que están incidindo fortemente en cousas como a contaminación dos acuíferos, e que necesitan ser redirixidas rápidamente debido a que ata agora foron esquecidads na práctica.
E, hoxe é mércores, facendo a sétima semana consecutiva con 'folga' de ambulantes e a décima non consecutiva (lembrando o mercado no Nadal, que si houbo).

20090217

Vaia novas...

A cadros. Así queda un despois de ler algunhas novas. Non é aquelo de novas totalmente especiais, porque multiplícanse, fánse normais e a xente non reacciona, co que perden non a capacidade de impacto, senón o impacto real. Xa levo comentadas moitas, pero de cando en vez é un exercicio voltar a facelo con algunha máis. Como as de hoxe.
A Deputación 'confirma axudas' a 32 asociacións, e para iso reúne ós representantes. Eleccións mandan. Que parte dos 732 000 € concedidos rematarán gastados en anuncios?
Os lucenses gastaron en fumar o mesmo que o INEM nos parados. En ambos casos, máis de 70 000 000 €, ou sexa preto duns 200 € por cabeza, incluídos non fumadores. Que tal se se fixera un troco? Por certo, aumenta o consumo, igual que aumenta o número de parados, e ambos pese as 'medidas' tomadas para evitalo, medidas que en ambos casos van verse reforzadas. O reforzo consistirá en seguir subvencionando a xente que levou á situación de caos e a represión do fumar? Témome que si.
A Xunta licita de novoa a rúa Deputación. Un novo prazo. Anos sen amaño. Tento procurar a ver se se van tomar responsabilidades con quenes o deixaron pasar ata agora. A prensa non di nada de empresarios con responsabilidades, nin de buscalos. Estáse a falar de competitividade empresarial. Que ten que competir parecen os obreiros, pero empresa ven de empresario, non si? E as medidas para evitar o paro curiosamente non van tampouco para os parados en xeral. 303 000 €, 4 meses... son os números desta nova fase. Quédome cos outros datos.
Sae unha referencia á nota de prensa de onte de O Tesón. Pero non sae soa, senón asociada a... o pago das expropiacións da autovía a cinco veciños. Dende o ano 2004. E sae o anuncio, que o pago aínda se realizará o mes próximo. Boto contas. A este paso, o acceso pedido pode retrasarse tranquilamente máis aló do 2 014. Cantos coches se colarán sen parar en Ribadeo mentras tanto?
O último titular por hoxe: veciños de Ribadeo denuncian excesos de ruídos pola movida nouturna. Hai uns dez anos que xa deixei escritos dicindo que non denunciaba todas as veces que o merecían, senón só unha mínima parte por cansancio. Mentras, que pasa coa responsabilidade política? Aí está, demostrada, a non tramitación de expedientes do periodo pasado.
Noticias, unhas máis 'grandes', outras máis 'pequenas', pero en todo caso, que ou ben azuzan para tentar conseguir activamente un mundo mellor ou ben para aproveitarse do que permiten ver. Na meirande parte dos casos, só para ler. E volve á cabeza unha conclusión da teoría de xogos: nun mundo no que a maioría cumpre, os que non cumpren saen ganando por riba da media. Por iso as leis levan aparexadas penas. E, se a lei non se cumpre... os tramposos ganan.

20090216

Comunicado de prensa de O Tesón

Hoxe liberouse un comunicado de prensa da AVV O Tesón para incidir no aproveitamento da campaña eleitoral en marcha, coa consciencia de que hai moitas máis cousas que se podería tentar meter en campaña, pero hai que reducir as ambicións para poder sacar algo.

20090215

Edda Frende


Botado por Astilleros Gondán o 6/2/2009, o remorcador está agora mesmo en Mirasol, como se ve na foto que acompaña e moito mellor nalgunha das que se deixan abaixo de referencia. Como o Edda rematado hai dous anos, o Edda Fram (xemelgo diste, que saiu de Ribadeo o 7/7/7 aproveitando a marea para non tocar na ponte despois de desmontaŕaselle a estrutura de antena), destinarase á axuda de plataformas petrolíferas no Mar do Norte.
Características técnicas:
Eslora: 85,80 m
Manga: 19,20 m
Puntal: 8,00 m
Calado máximo: 6,50 metros
Capacidade total de carga: 6 750 Toneladas
Casco reforzado para o xeo
Propietario: Østensjø Rederi AS
Matricularase en Aberdeen (Escocia, UK)
Ven substituír outro barco de igual nome
Ligazóns:
http://74.125.77.132/search?q=cache:R9be5n5WmdYJ:www.astillerosgondan.es/ingles/cen_novedades.htm+%22edda+frende%22&hl=gl&ct=clnk&cd=18&gl=es&client=firefox-a a páxina de Gondán na que dan como novidade a botadura (agora xa hai outra de novidade, por iso referencio a memoria de google)
http://www.astillerosgondan.es/pdfs/edda_fram.pdf os datos de Gondán do Edda Fram
Páxina de Gondán
http://www.flickr.com/photos/23813067@N05/2975712431/ foto
http://flickr.com/photos/mukotxa/3279122329/ foto

20090214

Pla e Ribadeo

Abrumado de política? Non, de anuncio político de todo signo, cor e circunstancia.
Nunha mañá luminosa de domingo, despois de que a mangueira durante perto dunha hora despexara a rúa dos restos da noite, é cousa de despexar tamén a cabeza da política (ou a política da cabeza) e ler un pouco. Por exemplo, traendo a colación a Josep Pla (ou en castelán, biografía máis ampla), do que levan xa abondo tempo enviando por correo electrónico, día a día, a quen o solicitou, o que escribiu no seu diario 'El quadern gris' nos días correspondentes de hai 90 anos; neste caso, onte, o correspondente ó 14 de febreiro de 1919. E non, non fala de S. Valentín e o día dos namorados... chamoume moito a atención un comentario que redondea unha descrición que fai dun morto en relación a cando aínda estaba vivo: "Sempre que l'havia vist m'havia fet l'efecte d'un convalescent de les bastonades que la vida li havia donat." ('Sempre que o vira, fíxome o efecto dun convalescente das bastoadas que a vida lle deu'). Unha descrición impactante. Canta xente haberá en Ribadeo e polo mundo adiante así?
Bo domingo.

Campaña

Xa comezou a campaña electoral. Alǵun retazo poñerei (como que hoxe hai mítin do PSOE), pero percurarei estar apartado... coido que a mellor campaña sería a mellora do día a día, a realidade, e non a propaganda. Pero parece que a cousa vai por outra banda.
E, hoxe e mañá, filloada no parque. Parque no que están agora mesmo a montar xa a carpa que esterá no antroido, co que xa hai que comezar a aumentar de novo os días ocupados do parque. Contando hoxe, salvo erro, 10 días de 35 no ano.

A influenza da difusión da información e da unión



A lancha de aduanas levaba sen reparar, inhábil, dende novembro. Dáse a nova da queixa. Dous días despois, prensa por medio, avisan de que estará reparada en 15 días.
Sempre existe a posibilidade de que fora o programado, pero non o parece.
Pola outra beira da Mariña, aparece hoxe na prensa que os afectados de Lodeiro van constituír unha plataforme veciñal. Decátanse agora estes celeirenses de que a unión fai a forza. Mentras, as asociacións veciñais vénse moitas veces como bichos raros... se non afecta a un mesmo direitamente o problema, e nese caso téntase acudir despois de dar a espalda ós problemas comúns.
Caso diferente é o de Mondoñedo, no que se constituirá unha plataforma contra as minicentrais a partir de asociacións xa constituídas, se ben polo momento parece que unha institución pública, o concello, e outra externa a Mondoñedo, ADEGA, serán as promotoras.
Á beira, dúas fotos dunha rocha fronte á illa Pancha ista mañá, en dous momentos próximos; nun deles, saíndo a auga pola fenda a pesares de estar o mar calmo.
E unha referencia máis, sobre Luciano Zubillaga, persoa que leva adicada ó tempo en Ribadeo xa abondos anos, e que fai posible os apuntes climáticos da Pedro Murias, que traio a colación no blog de cando en vez.

20090213

Novo enderezo coral

Avísanme da Coral Polifónica de Ribadeo de que corrixa o enderezo electrónico do seu sitio porque cambiou. Xa está na beira o novo sitio, e aquí. Por certo, as dúas primeiras entradas son o currículo da Coral (resumido) e a memoria do 2008, ambos abondo orientativos das actividades do conxunto.

O noso medio

    Onte a casa da ría foi visitada por xente da Universidade de Santiago. Non o foi por José Angel Docobo, artífice das relacións no campo da astronomía entre USC e Ribadeo, senón polo Vicerector encargado de relacións institucionais, Elías Torres, o que deu lugar non a cousas concretas, senón máis ben, polo momento, a promesas que se terán que concretar, aínda que Docobo xa deixou dito que este verán estará en marcha o programa / cursiño 'O ceo do Eo', ainda sen ter aclarado o tema de uso do telescopio, que o concello ten aparcado. é dicir, é un tema que seguirá. 
    Por certo, a petición de aclaracións por parte dunha periodista, lembrei algún dato: o telescopio de Sta. Cruz pertence á AC Xerfa, radicada no IES Porta da Auga e fundada nos 90 para acompañar e facilitar as actividades extraescolares no IES, a raíz do impulso dunha serie de xente capitaneada por Álvaro Doural e entre os que me atopaba. Xerfa tipo dende moi cedo unha sección de astronomía, da que formamos parte Alfonso Piñeiro, actual director do IES, e eu. Foi esa sección a que recibiu o telescopio a mediados da década pasada, a partir de subvencións das que se encargou Francisco Rivas, o actual xefe de filas da UPRi. Con posterioridade, a iniciativa do mesmo político, montouse a casa da ría, concebida dende un principio cun apartado con cúpula para abranguer o telescopio, que costaba moito transportar unha e outra vez para as observacións. Neste intre, para soportar sen vibracións ó telescopio, construíuse unha columna que soportara directamente ó telescopio, pero faltaba o engarce para encastralo. Foi solicitado por Paco Rivas que se lle pasara a un taller do porto, Seivane e Barcia, a base para que poideran facer a medición e reproducir as características da base correctamente, co resultado de que o pilar central da base quedou encastrado na obra, e o telescopio quedou sen outro pilar que o da Casa da Ría. Para ser usado na Casa da Ría foi asinado un convenio entre Xerfa e o Concello, básicamente cedendo o concello sitio para que a asociación poidera usar alí o telescopio figurando como actividade patrocinada polo concello. Con posterioridade, engadiuse outro telescopio pequeno, cedido a raíz de ganaren tres alumnas do Colexio Sgdo. Corazón (entre as que se atopaba a filla de F. Rivas) un premio da casa das Ciencias, que consisitu o telescopio e que foi deixado alí en depósito. Os avatares da Casa da Ría pasaron despois pora voladura un día de vento da protección da abertura superior da cúpula do telescopio, o que, ó non ser amañado, provocou en breve tempo que un día de inverno a cúpula non se poidera cerrar despois de ser aberta pola señora da limpeza e que houbera que sacar de alí o telescopio. A avaría tardou varios anos en amañarse, e dende aquela (xa estamos no mandato pasado), a asociación ten pedido chaves pois a comezos do mandato pasado cambiáronse as chaves da casa e non se lle deu copia á Asociación, co que a actividade posterior redúxose a algunha xornada solta no marco das noites activas (a pesares do mal estado da casa polas humidades) e con chaves subministradas pola empresa contratista das mesmas. En fin, coido que podería dicir máis cousas sobre o tema, pero agora mesmo, non.
    O outro tema relacionado co medio natural é en relación á lancha de aduanas, que leva un trimestre sen estar activa por unha avaría que non se repara. E digo, para que se quere un instrumento avariado? Para figurar?

20090212

Candidaturas ó Club Náutico


(Lembro que as imaxes se poden ampliar premendo sobre elas)
actualizacións:
... Por fin Coto me pasou a súa propaganda, para tela xunto coas outras. Aínda que sexa a feito pasado, queda aquí a carta, e aquí o resto (é abonda, non cabe toda ben nunha entrada)
--
Comentario post eleitoral
... mágoa pero sigo sen poder ofrecer a propaganda de Coto ...
Mario Coto, 245; 217 Cao; 173 Acuña (nos votos en urna, en Ribadeo, a cousa andaba por 71-45-58, correspondentes a 41%, 26% e 33% dos 174 votos en urna). Porcentaxes sobre votos emitidos (71% do total dos 891 socios): Coto 39%, Cao 34%, Acuña 27%; (sobre o total de socios, 27%, 24% e 19%)
Candidatura gañadora:
Mario Coto, Modesto Peña Garay (Vicepresidente), Antonio Vidal Torrente, Francisco Javier Díaz, José Manuel García Álvarez, Jorge Aguirre Presa, Virgilio López Rico, Fernando Vázquez Orge, Suso Villalba, Epifanio Pastrana, Manuel Álvarez, Jesús Bernardo García y Antonio Martínez.
Toma de posesión: 28/1/2009
Parece que cando menos Acuña e Coto van levarse ben, pois Acuña felicitou a Coto, aínda que iste quixouse de que lle quitaran votos. Algo máis difícil pode ser o tema Coto / Cao, se ben Acuña valora o número de votos recibidos por Cao como un certo respaldo á xestión anterior.
Algún proxecto da candidatura gañadora: Restaurante terraza aberto á xente non socia, supresión do embudo circulatorio entre dársenas, estudo de posibilidade dun novo porto na Vilavella (algo adiantado no seu momento por Francisco Rivas), guardería, gimnasio, tendas, museo do mar, potenciación de seccións, ...
--
Tríptico e carta de presentación candidatura Acuña (abaixo)
Tríptico candidatura Cao
Ligazón a 'Megapuertos y pijoyates'. Non me gustaría que o porto deportivo de Ribadeo respondera ó artigo.
Comentario en relación ás eleccións, a toro pasado.



Post inicial:
Dado que o día 20 de xaneiro son as eleccións ó Clube Naútico, a importancia desta asociación en Ribadeo (e non só para os socios do club náutico) e que xa a vez pasada houbo tiranteces entre as candidaturas, deixo aquí a modo de liña de segumento esta nota que irei actualizando (e cambiando de data) a medida que vaia tendo informacións.
Candidaturas:
1.Ramón Acuña (candidato a presidente); José Fernández Dacosta (candidato a vicepresidente); José Antonio Rodríguez Alonso (secretario); Ramón Fraga Martínez (tesorero), José Arturo Bouso Fernández; Francisco Cancio Peña, Juan Francisco López Longarela, Antonio Pertejo Vispo e Fermín Rodríguez Pérez (vogais). Algunha referencia:
http://elprogreso.galiciae.com/pdf_files/30112008am_2.pdf
http://www.lavozdegalicia.com/amarina/2008/11/28/0003_7351005.htm
2.Mario Coto (candidato a presidente); Alfredo Umlauff. Algunha referencia:
3.Gervasio Cao expósito (presidente actual e candidato a presidente);. Algunha referencia:
Outros comentarios:
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2009/01/04/0003_7438689.htm
http://elprogreso.galiciae.com/pdf_files/28122008am_2.pdf

Propaganda de Google e mentalidade en diferentes lugares do globo

Hoxe Google, co motivo do Ano Darwin, ten un logotipo especial. En España.
Deixou unha nota no blog de Google coa conmemoración. Só que parece que Darwin nacera en España ou algo así. Na web de Google nos EEUU, accesible desde España a traverso de http://www.google.us , non sae nada diso. Ou sexa, anuncio e festa pola festa, pero sen unha idea. Ou mellor si, con unha: nos EEUU Darwin non ten a batalla aínda ganada, o que pode ser complicado para os anuncios, e por iso alí non se pon o logo... nin outro con motivo da 'festividade española'

Electricidade, custo e distribución

Pódese entender que unha facturación sexa mensual con estimacións un mes e medidas outro? O que hai é unha tomadura de pelo na que non se quere aumentar persoal para cubrir postos a pesar das reformas legais. Begasa viña facturando cada dous meses. Agora ten que facelo cada mes. E para adaptarse non se lle ocorreu mellor idea. Pois me parece que recibirá paous, porque para facer a duplicación de facturas fai falla algo máis que imaxinación. As estimacións non teñen por que coincidir coa lectura real, e se ben haberá algún caso no que o consumidor saia ganando, tamén haberá outros nos que o cobro realizado en xaneiro non será amortecido máis, por resolución do contrato, por exemplo, ou tarde moito en amortecerse, por estimar o consumo de novembro-decembro e quedar só a liña sen consumo en xaneiro. Dous casos que xustifican que as cousas se fagan doutro xeito.
Mentras, por Ribadeo, algunhas cousas estánse a facer doutro xeito. Unha, un novo barco de Gondán retorna a Ribadeo. A lectura podería ser 'Cando as circunstancias apretan, non valen os nacionalismos', pois o peirao das Figueiras, ise construído sen considerar a lexislación sobre medio ambiente segundo os ecoloxistas, sufriu danos e non está en condicións nestes momentos de atender o barco. E apremiaba darlle saída: xa hai outro botado.
Outra, despois de tempo, os comerciantes do mercado reúnense co alcalde. Por certo, que me din (non o vin na prensa) que se queixaban do Presidente de O Tesón pola súa postura en relación ó mercado. O certo é que coido que, despois da negativa da oposición, a cousa pode situarse en breve en camiño de solución, tendo conta ademáis que hai un debilitamento evidente entre os mercaderes, como era previsible e dixen no blog hai tempo: abonda comparar o que recolle a prensa agora e o que recollía hai un par de semanas.
E outra máis. Hoxe vai a visitar a casa da Ría un representante da Universidade de Santiago para logo asinar un convenio para o seu uso. Resulta que visitarán o telescopio e atoparanse con que non ten oculares... entre outras cousas, porque nin telescopio nin oculares son do concello. Mentras, parece que a pesares dun convenio entre Xerfa, a asociación dona do telescopio, e o concello, a primeira agora mesmo non pinta nada e o concello pode levarse unha sorpresa.

20090211

Hoxe, última conferencia sobre A Ponte.


Mágoa que me enterara tan tarde para avisar. Aí vai o comunicado:
'HOXE
A Ponte na encrucillada da Historia
Lembrámosvos que a última das conferencias do ciclo terá lugar hoxe ás oito e media da tarde no salón de actos da Casa do Mar:
“A pintura galega na Idade Moderna. O caso da Ponte. Unha aproximación á súa iconografía”.
A intervención correrá a cargo de Rosa Cacheda Barreiro, profesora e investigadora no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, doutora en Historia da Arte cunha tese doutoral europea sobre a portada do libro no século XVII desde un punto de vista iconográfico (premio extraordinario de doutorado europeo en 2006). Participante tamén en diversos proxectos de investigación sobre a arte e a iconografía dos mosteiros galegos e sobre as reformas urbanísticas da piazza Navona en Roma.'

... algo sobre electromagnetismo, contaminación, INFORMACIÓN

A DIRECTIVA COMUNITARIA 4/03 DE INFORMACION MEDIOAMBIENTAL

DI O SEGUINTE:

Art 1: Os obxectivos da presente Directiva son:

a) garantilo dereito de acceso a información mediomabiental que obre en poder das autoridades publicas e de outras entidades no seu nome (1) …

b) garantir que, de oficio, a información mediomabiental se difunda e se poña a disposición do publico…

Art 2: Definicions

1.- Informacion medioambiental: Toda información en forma escrita, visual, sonora, electronica ou en cualquera outra forma material sobre:

b) factores como sustancias, enerxia, ruido, radiacions, … emisions…e outras liberacions no medio ambiente…

c) medidas (incluidas as medidas administrativas) como politicas, normas, plans, programas, acordos…e actividades que afecten ou podan afectar…

f) estado da saude e seguridade das persoas…

2.- Autoridades publicas:

a) o Goberno ou calquera outra Administración publica, nacional, rexional ou local…

c) calquera outra persoa fisica ou xuridica que … preste servizos publicos relacionados co medio ambiente…

5.- Solicitante: toda persoa fisica ou xuridica que solicite información…

Art 3: Acceso a información medioambiental previa solicitud

2. …a) a información facilitarase tan pronto como sexa posible e ao mais tardar no prazo de un mes…

b) no prazo de dous meses … se o volumen e a complexidade da informacion son tales que resulta imposible cumplir o prazo de un mes…

Ata aquí a reproducción literal dalguns parrafos da DC 4/03. Recomendamos ao lector interesado que baixe a directiva e comprobe que non engadimos nen adornamos unha letra ao que ten lexislado a UE e lembramos que as directivas comunitarias son de obrigado cumprimento para os paises membros, incluida a administración local, aos dous anos da sua publicación. Tamen de desprende claramente do texto que as entidades, como BEGASA, que actuan en nome da administración e prestan sevizos relacionados co medio ambiente estan incluidos nesta norma. Non o di literalmente, pero resulta de caixon, que os veciños deben dirixirse as autoridades publicas para requerir información e estas xestionala … tan pronto como sexa posible… que para eso estan. Ou sexa levantar o telefono que leva apenas uns segundos.

A esto conven engadir que a exposición publica dos proxectos foi un invento da dictadura de Primo de Rivera, ala polos anos vinte do seculo pasado. Este modelo de participación veciñal e o que hoxe nos ofrecen o concello de Ribadeo, a conselleria de Industria e a conselleria de Medio Ambiente. Ningun parecido co que eles piden cando estan na oposición. Para presentar unha alegación hai que contratar abogados, enxeñeiros e tecnicos expertos en medio ambiente, o cal leva moito tempo e costa moitos cartos, simplemente para demostrar o que entra polos ollos da cara. BEGASA xa ten eses equipos entre o seu persoal, pero ademais conta con fondos publicos e subvencions. As consellerias tamen contan con persoal especializado, pero a sua funcion e asesorar aos gobernos e non aos veciños, e buscar os intríngulis da lei para darlle todo tipo de facilidades as grandes empresas. ¿Porqué, se non, se negan a dar a informacion que despois filtran aos medios?.

Finalmente debemos informar que temos unha copia do convenio secreto asinado o dia 31 de xullo de 2.008 polo Concello de Ribadeo, BEGASA, o Conselleiro de Industria e o Directo Xeral de SEPES e non hai unha sola letra que faga referencia aos veciños nen as distancias as casas. Ese era o momento de poñer as condicions, negro sobre blanco, ben claras e por escrito. E non sair agora, como fai o alcalde, con dixome dixome…

(1) Nota do autor: Lease BEGASA (ou sexa a multinacional EDEL).

Un aviso rápido

Hoxe pola mañá retraso a entrada. Só un aviso de que a acta do Tesón, da última asamblea, está na rede.

20090210

De novo a voltas co mercado

Barullo que non remata. Coido que é un xeito gráfico de describilo. Para hoxe está previsto, pola tarde, por convocatoria do alcalde, que se reuna a xunta de voceiros co fin de falar do mercado semanal dos mércores e do seu futuro. Mentras, a nota de prensa da conta de que non hai propostas formais presentadas no rexistro oficial de entrada do Concello de Ribadeo. E os comerciantes, de folga. E o alcalde de Castropol, disposto a acoller o mercado, como se só fixera falta un sitio para os comerciantes e non decidiran ese sitio polo momento nos mercados tradicionais os compradores. Por certo, segunda intervención do alcalde de Castropol nos asuntos de Ribadeo; a primeira foi en relación ó polígono.
O que si é de esperar é que despois de dous meses longos, co pequeno paŕentese do Nadal (que, visto o visto, pode que debera ter sido de folga de compradores, por eso da continuidade da protesta) os grupos políticos esteñan dispostos a falar sendo conscientes de que os estamos observando dun xeito máis detido que de a feito.

Meteoroloxía do día de onte


Deixo á beira a gráfica do vento e refacho do día de onte. Por esta volta, a predicción en canto a Ribadeo foi moi acertada, con vento máximo de prácticamente 50km/h, aínda que os refachos chegaron ós 90 pola tarde. Noutros lugares da zona os ventos foron máis fortes, e a electricidade voltou fallar.
Por certo que hoxe ven na prensa que a Xunta avalía os danos nos bosques a base de satélite. Coido que sería mellor empregar os cartos na prevención, no mantemento, obtendo beneficios maiores tanto no día a día como evitando que a xente se quede sen servicios. É de supor que pouco a pouco se irá facendo.
... esquecíaseme comentar que tamén foi posposta a charla sobre a batalla de a Ponte.

20090209

Non é de Ribadeo...

... pero coido que si é de interese esta parodia da entrega dos premios Goya o outro día.

Apoio mutuo: Sabido é que os luns ...

... son días de poucas novas, polo que soo facer uso dos artigos de opinión. Onte atopei algunhas perlas relacionadas coa crise:
"Alguén debera comezar a facer chamamentos, non para que os cidadáns aumenten a súa capacidade de encaixar golpes, senón para que incrementen a súa presión para lograr que o sistema non poda voltar a sacudilos". Soledad Gallego dicíao en 'Menos esforzarse, más exigir'.
Amartya Sen, economista que coido de lectura moi recomendable e premio Nobel de economía 1998, pola súa banda, nunha visita a España, respondía ó entrevistador: "A economía de mercado necesita confianza mutua, e cando ista se destrúe, como estamos vendo agora, é moi difícil rexerala". Non é primeira vez que se oe nestes tempos o de 'confianza mutua', por exemplo para o préstamo interbancario. Pero ista, non sei por que, lembroume un título, 'O apoio mutuo', dunha persoa tan pouco sospeitosa de apoio ó capital como Kropotkin. Pode que mo lembrara porque a frase anterior ía acompañada por outras como "'Na procura de cartos rápidos hai xente disposta a asumir riscos enormes. Falamos de xente que pode facer dano (...)", e porque lembrou el mesmo a Adam Smith (pouco sospeitoso de anticapitalismo) co concepto de auto-amor empresarial (unha de cuxas manifestacións sería a procura de lucro) só como unha das motivacións que debe ter unha empresa, á beira da confianza, vocación pública e xenerosidade. E é que xa o teórico do libre mercado sabía que a empresa pode formar parte da fauna social, pero se pretende que a sociedade sexa só alimento, estáse a comer a si mesma.

Suspensión


Adxunto deixo unha copia da carta de suspensión das clases hoxe, despois do post de onte sobre a suspensión e mentras soa o vento algo máis do normal. Aparte das previsións que alí puxen, pódense ver as da Voz de hoxe, mentres as de aemet e meteogalicia seguen prácticamente sen cambios.

20090208

... temporal?



De novo, aviso de que mañá luns 9 de febreiro non hai clases. Á beira, as predicións de aemet e de meteogalicia para Ribadeo. Aparentemente, vai haber ventos fortes, pero non moi fortes, e en particular, pola tarde... O dito, un día máis sen clase. A responsabilidade, a conta da sobreprotección dos alumnos, aque se supón que logo actuarán como se non estiveran sobreprotexidos.

Sobre cousas da prensa

Non cansarei hoxe unha vez máis co detalle doutra noite de movida e sin control de locais nouturnos. Todos sabemos o que hai e o que representa a inacción.
Así, pois, voume a unha nova que comeza cos primeiros pasos dunha asociación cultural no Valadouro e atópome na mesma columna que o alcalde de Ribadeo ten a intención de pedir as actas das ponencias das charlas sobre os 200 anos da batalla de A Ponte para publicalas. Aínda que coido que non será o mesmo que unha gravación, como o que propuxen onte, o meu interese terao.
Unha nova xa máis vella, non de hoxe, indica que mañá luns haberá unha especie de pre-inauguración en Ribadeo, pois responsables diversos (entre eles, de medio Ambiente, que non sei que pinta no acto), pasarán a ver un novo hotel na 'casona' da r/ Lazúrtegui, establecemento que pensa abrir en marzo e que debeu ser subvencionado cos fondos Leader, o mesmo que o chamado 'Centro empresarial e de negocios' de Ribadeo, que leva xa funcionando ó parecer varios meses na r/ Transversal. Digo ó parecer, pois foi 'creado para dar servicio á xestión empresarial e fomentar o desenrolo do territorio', pero ata o momento escapouseme calquera nova sobre el.
Fóra de Ribadeo, despois de varios días de ter recibido unha presentación informática denunciando a chamada 'Villa PSOE' en Arousa, aparece a nova de que o fiscal arquiva a denuncia urbanística correspondente. Despois de botarlle unha ollada, borrei todo por ser moitas as presentacións que considero de carácter político que están a achegar esta tempada. De saber dun arquivamento rápido, tería publicado algo do tema, pois a apariencia de montaxe urbanístico é grande. Así, só podo deixar referencia da nova na prensa de hoxe. Por certo, que sobre presentacións, lembro unha que considero particularmente lamentable: unha especie de parodia curta que tentaba comparar unha 'nena de Rajoi', encarnada nunha boa moza sen nada sobre dela máis que a sonrisa, todos os seus atributos remarcados e pode que algún retoque fotográfico, sinxelamente atractiva, coa 'nena de ZP', encarnada en Mª Teresa Fernández de la Vega con moitas máis arrugas que Fraga nos carteis electorais. O que non dicía nada a presentación era sobre as capacidades de mando e decisión da nena de Rajoi, cubertas por unha foto impermeable a todo o que non sexa imaxe, mentras que as de Mª Teresa Fdez. Están expostas ó público ó desnudo, aínda que poda que con algún retoque. O dito, máis agradable á vista, pero dubido que sexa máis adecuada para estar no goberno.
E mentras aquí en Ribadeo hai pouco que 'Galicia Bilingüe' suscitou o apoio dunha asociación (coido que ían recoller sinaturas, aínda que eu non vin papeis dese tipo), noutros sitios aparecen pintadas contra eles. Falo 'deles' porque creo recoñecer nas súas teses expresión de falacias propostas como realidades. Pero non estou de acordo con usar a loita de golpes baixos para impor o galego, senón facelo co traballo e as ideas, tendo claro que non se pode combater tampouco séculos de ataques legais co 'ollo por ollo, dente por dente'.
Por último, dicir que na Comarca de onte sae un novo artigo de José Mª Rodríguez como representante de O Tesón, tentando potenciar a unión organizada da xente. Algo que en Ribadeo parece darse prácticamente só en casos de intereses persoais.

20090207

Unha ponte para Ribadeo

"Jueves 7 de febrero de 1884. Puente de Ribadeo. Dice El Hermandiño, de Mondoñedo, que merced a las gestiones hechas por Ventura Olabarrieta, han sido aprobados por la Dirección General de Obras Públicas los estudios del puente que debe unir Ribadeo con Castropol."
La Voz de Galicia 7/2/2009, p.16-Opinión. Hemeroteca.
Anotacións: El Hermadiño: diario de Mondoñedo da Época.
A ponte estaba pensada pola zona do Costal.

Dous actos culturais

Debido ó tema, case cabería dicir dous actos históricos, polo tema conicidente a grandes rasgos de ambos.
No primeiro tratábase de historia máis antiga. A presentación do libro Sobre os castros de Ribadeo, un acto curto e condensado, foi dirixida no mesmo sentido que as cousas que conta o texto e co mesmo obxectivo que os artigos orixinais: difundir a súa existencia e características e promover que a atención sobre eles, se se cre convinte, os poña en valor despois de estudalos. En calquera caso, evitar que se perdan irremisiblemente debido ás modernas técnicas de aproveitamento de montes como sucede nos castros do interior tratados, por exemplo. Tiven a honra de ser introductor do acto, e mellor qu econtar sobre el, remítome ó mesmo libro, que a parte das librerías tamén pode consultarse en internet en 'publicado en Ribadeo'.
O outro acto trata de historia máis recente. Encadrado no Ciclo de conferencias "A Ponte na encrucillada da Historia", desenvolveuse a charla sobre “A Guerra da Independencia na antiga provincia de Mondoñedo” por Xosé Ramón Veiga Alonso. É unha mágoa que a concellería de cultura non recollera as verbas en mp3, por exemplo, para poder escoitalas dun xeito máis amplo, pois dunha forma didáctica e reflexiva, alomenos a min fíxome cambiar algúns preconceptos sobre o desenvolvemento do ano previo e meses posteriores á batalla da Ponte e do linchamento do Marqués de Sargadelos. Ideas que para desenvoltalas aquí nas circunstancias adecuadas serían longas de expor, e que para min resultaron de xeito conxunto unha especie de manual revolucionario daqueles tempos (atenc ión, non manual daqueles tempos revolucionarios), pero moi aplicable noutras circunstancias, naturalmente tendo en conta as variacións pertinentes. No acto tamén se poideron coller exemplares reeditados de 'A Capela das Virtudes de A Ponte', que crin que estaba na rede pero non o está. tentarei de poñelo se dan o permiso pertinente (e non o poñen na web do IES 'Dionisio Gamallo Fierros')

20090206

Pensamentos xurídicos

En razón da secretaría de O Tesón, tento facerme con algunha información que doutro xeito non se me pasaría pola cabeza recoller. Entre esa e outra de tipo aprticular, vexo cada vez máis claro o obscuro da administración, tentando tapar todos os seus actos detrás do descoñecemento e uso abusivo de normas legais.
Remato agora de estar repasando o informe relativo a alegacións á Ordenanza reguladora do Hospital Asilo no que respecta ás alegacións de O Tesón. Dun xeito rápido, cabe dicir en primeiro lugar que o informe non foi remitido a asociación.
Asemade, que, en aras da posibilidade legal que existe, o informe permite que non exista máis que a referencia a unha lei xeral, supoñendo a súa aplicación prevalente sobre a norma particular, e sen concretar na norma particular as mesmas cousas que na lei xeral. Isto, que en principio pode parecer unha simplifación para aclarar a normativa, en realidade é un muro máis que se levanta ó non depender o servizo suxeito á norma dun xeito comprensivo dista, senón que calquera que tente comprender a norma debe ademáis bucear por leis diversas de rango superior.
No extremo oposto, a incomprensión pola redacción de frases tómase como un xuízo de valor; algo que é certo, pois seguro que quen o redactou o entende e polo tanto ten diferente valor para uns e outros, pero que entrampa o feito de que, se se fai unha análise 'externo', hai unha probabilidade elevada de que non sexa entendido e interpretado correctamente. Polo contrario, case a renglón seguido, desestima outra alegación porque "a proposta (...) parece axeitada". Simplesmente, estase aceitando a denegación por un xuízo de valor.
En fin, prometín ser rápido por falta de tempo, pero non sen antes comentar outra cousa: a pesar das alegacións, permítese que os servizos complementarios podan ser de pago complementario, e non se establecen diferencias de servizo para diferentes prezos, denegando asemade cousas como a obriga de tere un protocolo para tratamento de problemas mentais por ser unha cuestión que 'corresponderá ó personal especializado'.
É dicir, nuns casos, aproveitando a lexislación para abstraer a comprensión, noutros, dando á subxectividade valor e noutros, botando balóns fóra. E, en todos, tentando de que o coñecemento non chegue á xente. Estamos no século XXI.
Por certo, fago a aclaración pertinente: como non especialista legal, o anterior pode e debe tomarse como elucubracións mentais a modo de ficción legal.

Presentación do libro "Sobre os Castros de Ribadeo"


Terá lugar esta tarde, na Casa das Letras ás 20:00, a presentación do libro escrito por José Mª Rodríguez Díaz e editado pola AVV O Tesón.

Nota posterior: o libro pode atoparse en dúa partes en Sobre os castros de Ribadeo 1 e Sobre os castros de Ribadeo 2

20090205

A ponte dos Santos





Coido que aínda que son incompletas, a mellor forma de agradecer estas imaxes que me chegaron da ampliación da ponte dos Santos é publicalas (lembro que se poden aumentar clicando sobre elas). ... se pode ser, seguirá a serie sobre a 'nova ponte' máis adiante.

Unión / desunión

O tema do mercado parece abocado a continuar, mentras os mercaderes cada vez perden máis apoio dos ribadenses. Incluída a oposición, que vai palpando tamén a posición mesma do pobo. Mentras, levamos xa máis dun mes sen mercado na 'segunda fase', é dicir, despois de que os comerciantes decidiran interromper a folga no Nadal, época de boas ventas en todo tipo de comercios, e mentras continúan sen pagar taxas de meses anteriores. Ribadeo non perderá o seu mercado, pero o tema non se solucionará de xeito inmediato. O buscar a solución cada quen polo seu sitio retarda a solución mesma.
Recollo unha frase da nova da evolución das conversas oposición - mercaderes nun xornal: "Onte no mercado de Ribadeo instálaronse algúns pequenos produtores de horta, rodeados de coches estacionados en zona prohibida." É dicir, de xeito independente / dependente, segue o desmadre de control que deu lugar á actual situación. E é que a normativa ou se cumpre ou fai que aparezan problemas polos catro costados. E unha cousa é un incumprimento meditado, para tentar cambiar algo que se pode considerar inxusto, e outra ben diferente a desidia no cumprimento e a súa vixiancia ou o forzamento interesado dos límites establecidos acompañado dun 'laissez faire'.

20090204

Anuncio de conferencias en relación á batalla da Ponte


Ciclo de conferencias
A Ponte na encrucillada da Historia

Lugar: Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo
Hora: 20:30 H.

Mércores 4: “A Ponte de Arante no Camiño Norte”.
Juan Ramón Fernández Pacios.

Venres 6:“A Guerra da Independencia na antiga provincia de Mondoñedo”.
Xose´ Ramón Veiga Alonso.

Luns 9:“A pintura galega. O caso da Ponte de Arante. Unha aproximación á súa iconografía”.
Rosa Chaceda Barreiro.

A foto, detalle interior da Capela das Virtudes en A Ponte, Arante.