20090425
ADEGA LUGO CONVIDARÁ AOS CIDADÁNS DA MARIÑA A PARTICIPAR NUN REFERÉNDUM SIMBÓLICO SOBRE O LITORAL
Lugo, 23 de abril de 2009.-
Adega Lugo e Adega A Mariña celebrarán este domingo, día 26 de abril, o Día da Terra reivindicando a defensa do litoral galego, en xeral, e do lugués, en particular, fronte a proxectos urbanísticos, infraestruturais ou enerxéticos que prexudiquen os valores ambientais, produtivos e económicos destas zonas. Con este acto, Adega pretende chamar a atención sobre as ameazas ás que segue sometida a costa lucense, como as macropiscifactorías, as megaurbanizacións, as construcións ilegais,...e tamén ás que xorden agora como os parques eólicos mariños, tras coñecer recentemente que o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño vén de pertimir a colocación deste tipo de instalacións na franxa litoral entre Burela e Foz.
O acto terá lugar entre as 12 e 14 horas do domingo no parque municipal do Concello de Ribadeo. Alí os membros de Adega e os viandantes colocarán nun grande panel fotografías ou ilustracións de litoral “magoado” e destruído pola acción humana e, por outra banda, de costa sostíbel, protexida ou cumpridora coas esixencias das leis ambientais, urbanísticas ou patrimoniais. Ao mesmo tempo, Adega convidará aos viandantes a elexir unha destas dúas opcións para o futuro da costa galega, depositando nunha furna un “voto verde” (costa protexida) ou un “voto vermello” (costa urbanizada), no que ademais deben de expoñer o motivo da súa elección. A través deste mini-referéndum simbólico, búscase a participación e a expresión da vontade dos cidadáns da Mariña luguesa sobre o futuro do seu litoral
Nese mesmo lugar, haberá unha mesa onde Adega exporá o seu material didáctico e en relación á conservación e protección do medio ambiente. Tamén intentará conseguir apoios para o tren de proximidade entre Lugo e A Mariña a través da recollida de sinaturas.
20081005
Unha sentencia que beneficia a todos
Desestimada a demanda de Álvarez-Cascos contra ADEGA
3 de outubro de 2008. Un xulgado de Compostela ven de DESESTIMAR A DEMANDA CIVIL interposta por ACUINOR contra ADEGA por ter paralisado as obras da piscifatoría de Rinlo (LIC As Catedrais). O xuiz, que tamén impón as costas ao demandante, exclupa a ADEGA de actuar con "mala fe e comportamento abusivo” e rexeita que houbera "abuso de dereito" algún. Ben ao contrario: ADEGA coa súa acción conseguíu preservar a integridade dunha parte importante do patrimonio natural galego e defender a legalidade diante dos atropelos de empresas depredadoras.
Queremos tamén agradecer os múltiples apoios e a solidariedade recibida, así como transmitir unha mensaxe de ánimo e esperanza á veciñanza dos concellos afectados por un Plano Acuícola que vai multiplicar as agresións aos espazos protexidos da nosa costa.
Coido que a nova pode completarse en relación a outra das piscifactorías previstas polo plan acuícola en Ribadeo:
Aquí, unha nota de prensa de Adega, o informe de urbanismo sobre o plano acuícola (vese abondo mal), e o informe de Patrimonio (a ver en particula
r, na p.2, sobre o plan para as Grobas, en imaxe ampliable, á beira)
20060910
Unha nota de prensa de Adega respecto á piscifactoría (2ª de hoxe)
Santiago, a 10 de Setembro do 2006
ADEGA PIDE QUE A PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA DESPRAZADA DE CABO TOURIÑAN A RIBADEO SE APROXIME AOS LINDES DO POLÍGONO INDUSTRIAL EN TRAMITACIÓN
O chamado Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria que o governo anterior, -da mán do exconselleiro de Pesca, D. Enrique López Veiga, nos deixou en herencia-, non consistía máis que nun mapa cos lugares elexidos polas empresas do clúster de acuicultura, sen outros criterios que os de fácil acceso á auga do mar e reducidos costes de expropiación. Nada importaba que se tratara ou non de espazos protexidos ou de paisaxes singulares e así resultou que dun total de 23 parques iniciais, 13 afectaban a espazos protexidos ou que mereceran ser considerados como tais. Entre estes estaban, a piscifactoría do Sr. Alvárez-Cascos en Rinlo-Ribadeo (hoxe paralizadas as obras por decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza) e a piscifactoría de Pescanova en Cabo Touriñán, ambas as dúas en idéntica situación administrativa: estudo de impacto ambiental favorábel e proxecto sectorial aprobado no último consello da Xunta de Galiza presidido por D. Manuel Fraga.
Aínda que a actual Consellería de Pesca, de forma incoerente, tén acordado, -a pesares das múltiples irregularidades do Plan (fáltalle avaliación de impacto ambiental e informe urbanístico da consellería de Ordenación do Territorio)-, continuar adiante co Plan de acuicultura do Sr. López Veiga, hai consenso entre Pesca e a Consellería de Meio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel en facer respetar os espazos protexidos da Rede Natura, obrigando así a Pescanova a buscar outra ubicación para a piscifactoría de cabo Touriñán e a Stolt a buscar outra para a piscifactoría nos lindes do Parque Natural de Corrubedo.
A nova proposta de ubicación para a piscifactoría desprazada de Cabo Touriñán ven a ser agora a punta de Pena Corveira ou Pena do Corvo en Ribadeo, nun área de apenas un quilómetro de ancha entre o LIC de As Catedrais e o LIC e tamén ZEPA da Ría do Eo. Trátase dun área dentro da rasa costeira cantábrica á que aínda non tiña chegado a presión urbanística do litoral e de importante valores paisaxísticos na que, ademáis, podemos contemplar un castro no que aínda son ben visíbeis os seus muros perimetrais. Dende o punto de vista ecolóxico, esta área comparte a mesma xeoloxía, edafoloxía, condicións climáticas, etc, dos LICs colindantes nos que se constata a existencia de valiosos hábitats prioritarios: o *4020, Uceiras húmidas atlánticas de erica ciliaris e erica tetralix, ou o *4040, Uceiras secas atlánticas costeiras de erica vagans e Ulex maritimus. A escasa presencia destas especies nesta área na que está prevista a ubicación desta granxa mariña de engorde de peixes planos non é debida máis que a tratarse de parcelas aínda traballadas para uso agrario, cumplindo cos criterios do anexo III da Directiva 92/43 para a selección dos lugares de importancia comunitaria. E, en tal sentido, tanto dende ADEGA como dende a Federación Ecoloxista Galega, vimos solicitando reiteradamente a conexión destes dous espazos protexidos que só se entende que quedaran no seu día desconectados non polos seus valores ecolóxicos senón por, máis que seguramente, por intereses da especulación urbanística.
En base a isto, ADEGA pide da Consellería de Meio Ambiente que se atenda a solicitude de ampliación da Rede Natura que se tén presentado xa no principio desta lexislatura conectando estes e demáis espazos da Rede Natura do litoral de Lugo e pide da Dirección Xeral de Recursos Mariños que se lle propoña a Pescanova desprazar esta instalación ata os lindes do polígono industrial que se está iniciando en Ribadeo, de forma que, -ademáis de aproveitar os servizos propios do polígono-, permita dar coerencia a estes espazos da Rede Natura e preservar os valores paisaxísticos e ecolóxicos de toda esta zona costeira. Para facilitar isto, ADEGA propón que, dos fondos anunciados pola Ministra de Meio Ambiente para a adquisición de espazos protexidos no litoral, se solicite, por parte da Consellería de Meio Ambiente, a recompra das parcelas adquiridas por Pescanova a cambio tamén de facilitarlle a cesión de terreos necesarios dentro do polígono industrial.
Noutra orde de cousas ADEGA pide a redaccción por parte da Empresa dun nov Estudo de Impacto Ambiental que subsane carencias tan importantes como a falta dun estudo sobre o patrimonio, sobre o impacto dos vertidos ao mar ou da escombreira que resulte de rebaixar a cota do solo dende 15 m. ata os 7 m. sobre o nivel do mar.
Pide tamén ADEGA que, en todo caso, se proceda á apertura dun novo período de exposición pública para cumplir a lexislación de avaliación ambiental no que respecta a que o Estudo de Impacto Ambiental ten que facerse de forma conxunta coa exposición do proxecto, cousa que, -como xa se anuncia na publicación do DOG-, non se fixo coa exposición pública da documentación na Delegación Territorial de Pesca de Cervo onde só estivo a exposición pública o estudo de impacto ambiental.
20091111
Anuncio de dous cursos


Recibín información sobre dous cursos que se farán próximamente. Deixo os datos nesta entrada, remembrando que as imaxes pódense ampliar (e gustan) ...
Curso de aproximación ao mundo do viño
PROGRAMA
Lunes 16 de novembro de 2009
16:30 h Acto Inaugural
17:00 h Ponencia:
“ Pasado, presente e futuro do mundo do viño. D.O. en Galicia e España”
D. Oscar Cárdenas
Master Sumiller 2007
17:30 h Ponencia:
“A cata e as súas fases”
D. David Barco
Presidente Sumilleres de Galicia
18:00 h Cata de Viños: D.O Ribeiro, D.O. Rías Baixas, D.O. Monterrei, D.O Ribeira Sacra, D.O. Valdeorras e D.O. Rioja
D. Óscar Cárdenas
Master Sumiller 2007
Martes 17 de novembro de 2009
17:00 h Ponencia:
“Pasado, presente e futuro da D.O. Ribeiro”
D. Antonio Cajide Gulín
Colleiteiro D.O. Ribeiro
18:00 h Cata de Viños: Sameirás e outros viños D.O. Ribeiro
D. Óscar Cárdenas
Master Sumiller 2007
Mércores 18 de novembro de 2009

17:00 h Ponencia:
“Pasado, presente e futuro da D.O. Ribeira Sacra”
D. José Ramón Losada Fernández
Xerente
Adega Losada Fernández S.L.
17:30 h Ponencia:
“Introducción ó mundo dos oruxos”
Dna. Mª Concepción Losada Fernández
Adega Losada Fernández S.L.
18:00 h Cata de Viños: Don Ventura e outros viños D.O. Ribeira Sacra
D. José Ramón Losada Fernández e Dna. Mª Concepción Losada Fernández
Adega Losada Fernández S.L.
Xoves, 19 de novembro de 2009
17:00 h Ponencia:
“Pasado, presente e futuro da D.O. Rioja e D.O. Ribera del Duero. Visión global das D.O. do Resto de España”
D. Juan Luis Cañas
Xerente Adega Luis Cañas
18:00 h Cata de Viños: D.O. España
D. Óscar Cárdenas
Máster Sumiller 2007
Venres, 20 de novembro de 2009
17:00 h: Ponencia:
“Introducción ós viños do mundo”
D. Óscar Cárdenas
Máster Sumiller 2007
17:30 h: Ponencia:
“Servizo e conservación do viño”
D.Óscar Cárdenas
Máster Sumiller 2007
18:00 h: Cata de Viños: Viños do Mundo
D. Óscar Cárdenas
Máster Sumiller 2007
19:00 h: Acto de Clausura
20210513
Alcoa e a dioxina
![]() |
| Sede de Alcoa (425 Sixth Avenue, Pittsburgh, Allegheny County, Pennsylvania, EEUU) |
Alcoa quere marchar. Non sei se sería máis exacto dicir que quere fuxir, ou abandoar. A situación non está para moitas disquisicións lingüísticas, pero escoller a verba xusta dá máis e mellor visión da situación. A atención lévaa non só por cuestión do emprego, das persoas e familias afectadas directamente ou non tan directamente, senón por unha cadea de cousas, incluíndo subvencións, condicións particulares ou, o que trae isto aquí, o tratamento do medio ambiente.
Non, un tema como a vida de Alcoa na Mariña non se soluciona con dúas pinceladas, son consciente diso, nin con expresar sentimentos a favor ou en contra, aínda que sexa o primeiro impulso, nn tampouco cun resume rápido da loita para que Alcoa cumpra. Hai outras veces que tratei o tema no blog, hoxe o texto queda reducido a dar conta dunha nova sobre Alcoa e medio ambiente.
O caso é que o día 9 de maio ADEGA fallou os premios Osíxeno e Dioxina en recoñecemento a persoas e entidadades destacadas na súa labor medioambiental, en positivo (Osíxeno) ou en negativo (Dioxina, que ten sido sinalda como culpable en diversas ocasións, como no accidente de Seveso, Italia). A nota de prensa de ADEGA pode verse aquí: https://www.adega.gal/novas.php?id=1112&idioma=gl&sec=7. E de aí extraio o referente a Alcoa (o que non quita para que os lectores procuredes a información directa na ligazón de ADEGA, co plus de saber dos outros premios):
-Premio Dioxina colectivo 2020: Para ALCOA por querer abandonar a Mariña lucense sen saldar a súa débeda ecolóxica e social. En 2020, anunciou o despedimento de máis de 500 persoas sen un plan alternativo para o futuro da comarca e sen garantir o pago da súa débeda ambiental. ALCOA leva décadas sometendo a sociedade galega a unha chantaxe continua, poñendo os postos de traballo como escudo para conquerir prebendas, subvencions (máis de 800 millóns de € en 10 anos), rebaixas no prezo da luz, ou concesións da administración na rebaixa de cautelas ambientais e na elevación dos límites de contaminación para evitarlle custos. En 2020 deixou ás claras as súas verdadeiras intencións: abandonar a Mariña deixándoa “á súa sorte” e tratando de esquivar calquera tipo de responsabilidade social ou ambiental. ALCOA segue sen ter vontade de reparación do dano exercido e sen presentar un plan de estabilización da balsa de lamas tóxicas e de descontaminación dos terreos afectados.
Mentres, a historia segue, parece que á empresa interésalle máis facer unha 'política de terra queimada', pode que para que a fábrica non lle poda facer competencia no futuro, e deixando a zona á espera dun desastre medioambiental...
20080617
Unha cousa rápida e un pouco descorazonadora

Poño algo con pouquiño tempo.
Estiven parte da xuntanza da que poño a continuación a nota de prensa. Onte puxen unha nota de prensa previa... Coido que sería mellor unha maior coordinación que dúas notas separadas. Cálome ademáis algún comentario.
"
RIBADEO, UNHA RíA CON PROBLEMAS
A Mariña, 17 de maio de 2008.-
Onte, 16 de maio, tivo lugar en Ribadeo unha reunión entre membros de ADEGA, e de diferentes colectivos da zona (Asociación O Tesón, Asociación pola Defensa da Ría, AAVV, entre outros.
O motivo foi a preocupación crecente polo futuro da Ría. Incluída na Reserva Integral da Biosfera RIA DO EO-OSCOS-E-TERRAS DE BURON , a pesar desta declaración as agresións ambientais non se fan de esperar. Tanto vidas da beira asturiana como da parte galega.
Pola parte da Galiza, Portos de Galiza anuncia a próxima construción dunha nave de mais de 33 metros de altura, ubicada no peirao baixo o Parador de Turismo que vai ter a finalidade de acoller unha ponte-grúa baixo a que entrarían os barcos para faceren operacións de carga e descarga de pasta de papel para a papeleira de Navia.
O impacto sobre a saúde da Ría vai ser diverso:
a)Impacto visual pola embergadura da construción, máis que un edificio de 10 plantas, baixo o Parador de Turismo que se anuncia , precisamente, polas fermosas vistas que ofrece da ría!!
b)Recheos na estreita ría, xa ocupada polos recheos que fixeron do porto deportivo, e de carga. Noutrora as correntes xa foran alteradas pola construción da Ponte dos Santos, que se sostén mediante piares, cando se puido ter feito de xeito a evitar a alteración das correntes da ría.
c)Grande perda de valores ambientais e, polo tanto, benestar e calidade de vida, para alén de perdas económicas derivadas do turismo de calidade.
Sábese que o proxecto está en fase de “ocupación do Solo”. Tamén que Portos de Galiza tense reafirmado na sua intención de facer esta construción. O perigo, polo tanto, é evidente.
d)Por outra parte, da outra beira da ría, no Concejo de Castropol estase a comezar as obras para un asteleiro para embarcacións deportivas, nunha zona de inundación, donde o río Suarón encontra ao Eo.( Porto da Veiga) Unha zona de xunqueiras dobremente protexida, por ser zona húmida, de aniñamento de aves, e pertencer á citada Reserva da Biosfera.
Por parte de ADEGA solicitoulle ao Concello de Castropol a documentación que sería preceptiva para que este Ente poidese ter dado o permiso e licenza de obras, mais, non obtivemos resposta, faltando ao dereito á información , (que por Lei obriga a facilitar todo tipo de información relativa a afeccións medioambientais).
As asociacións ecoloxistas e veciñais reclaman a urxente aprobación dun Plano de Ordenación dos Recursos Naturais da ría , como un todo integrado, salvando as diferentes administracións que a gobernan, pois o medio non sabe de fronteiras políticas. E en cumplimento da “Leo de protección dos espazos naturais e de flora e fauna silvestres” do Estado español
Tamén reclamamos a urxente constitución dunha Comisión galaico-asturiana de Xestión da Ría.
Iso sería imprescindible para o desenvolvemento integral do contorno, feito desde un Plano de Sustentabilidade e de potenciación e conservación de todos os Valores Ambientais , etnográficos e culturais que ofrece.
Outros lugares, máis deteriorados teñen sido obxecto de labores de recuperación integral, como podemos ver na Ría de Avilés.
Ribadeo ten un pasado importante como porto de Cabotaxe, que pode ser compatible cunha boa conservación e valorización dos seus recursos naturais.
As malas prácticas ambientais demostradas na construción da Autoestrada ou da Ponte dos Santos que non buscaron a compatibilización cos valores naturais e históricos, poñen o contorno nunha situación de alto risco, agravado polo proxecto da construción dunha piscifactoria no contorno da vila.
Avogamos por un desenvolvemento baseado no respecto ao medio, por unhas vías de comunicación que primen o aforro enerxético como o tren electrificado, pola potenciación dos valores aínda existentes e a recuperación doutros moitos degradados como os Tesóns da Ría.
Por todo iso , desde ADEGA, en colaboración coas diferentes Asociación de Ribadeo, con sensibilidade polos problemas do seu entorno, facemos un chamamento a acción a toda de toda a cidadania para a sua defensa.
O mar é de todas/os. O mar únenos. As rías son ecosistemas excepcionais de vida e cultura. Non as deixemos morrer.
20091117
Informe sobre a sentenza en contra da piscifactoría de Rinlo
Un resume que me enviaron sobre a charla do sábado:
' Foi moi reveladora da situación actual que se vive na Administración pública galega. O da piscifactoría de Rinlo foi un pactada no seu tempo, entre un membro da Administración Fraga e Álvarez Cascos, despois de ser rexeitado o proxecto en varios puntos do litoral asturiano. A permisivide do goberno favorece certos tipos de actuación mafiosa. É preciso que a xente normal teña que pararlles os pés (poñéndose diante das máquinas, é arriscando a pel, como foi o caso da xente de Adega). Ademais, co INRI de que os que veñen destruír o medio ambiente, propoñen o caso en "aras de crear postos de traballo" pero non como empresarios, senón como si foran ONGs en aras de santidade.
ADEGA tivo que defender o pleito de xeito terceiromundista, pois a Administración parece estar en connivencia cos infractores, o que leva a romper o estado de dereito. agora tocará lidiar coa anulación da lei do litoral dos 500 metros.
Para ben ser, deberan os propios concellos implicarse na Rede Natura e en Patrimonio, claro, pero isto trae "problemas cos plans de urbanismo" que pretenden os plenos dos concellos, habendo sempre alguén implicado no asunto.
O caso foi dificultoso, pois había "presunción de legalidade", ó ter licenza de obra, dada a nivel municipal cando aínda non saíra no DOGA a aprobación da Xunta.'
Un par de citas lidas hai pouco poden aclarar a situación:
1. 'Se os dirixentes vólvense máis lerdos que os dirixidos, nos diriximos á catástrofe'. Coido que é de Gramsci, pero citado por outro (en "Sobre los trazos difuminados de la República Democrática Alemana", Le Monde Diplomatique, nov. 2009). E poderíase engadir que vale, e aínda ten máis valor, se substituímos lerdos por corruptos ou outras opcións.
2. 'Temos que voltar a aprender que podemos cambiar as cousas' (Ingo Schulze, citado en "Sobre los trazos difuminados de la República Democrática Alemana", Le Monde Diplomatique, nov. 2009)
20060616
Dando difusión a unha nota de prensa de Adega (2º de hoxe)
Contestando ao Sr. Alcalde de Ribadeo, sobre a piscifactoría de Rinlo
En relación ás declaracións do Sr. Alcalde de Ribadeo sobre a paralización das obras da piscifactoría do Sr. Álvarez-Cascos, ADEGA quere aclarar o seguinte:
Primeiro: os sucesivos incidentes de medidas cautelares de paralización das obras non foron, en absoluto, de tipo administrativo, -por máis que o tiveramos solicitado reiteradamente-, senón xudicial. Nada ten que ver, polo tanto, a suposta indefinición da Xunta que argumenta o Sr. Alcalde con esta paralización das obras acordada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Segunda: No caso da piscifactoría de Rinlo, -e o Sr. Alcalde coñece moi personalmente como teñen sido tomadas as sucesivas decisións ao respecto-, en absoluto tén habido indefinición por parte da Xunta: ben ao contrario, en ningún outro parque de tecnoloxía alimentaria se tén manifestado un apoio administrativo e económico tan importante. Empezando pola declaración de impacto ambiental, a aprobación polo Consello da Xunta do proxecto sectorial, a venta dunha parcela pública a 1 euro/metro cuadrado ou o expediente de caducidade da concesión da cetárea de Vázquez, e continuando pola permisividade da Administración ante unhas obras que se teñen iniciado sen contar coa autorización de Costas para a ocupación da zona de servidume da zona de domino público marítimo-terrestre nen coa concesión e autorización de actividade por parte da Consellería de Pesca e que, a maiores, se estaban a realizar incumplindo o condicionado da declaración e plan de vixiancia ambiental. En todo caso, é ben coñecido o diferente trato da Xunta de Galicia no que respecta a esta piscifactoría de Rinlo en comparación coa de Cabo Touriñán, -e o Sr. Alcalde de seguro que coñece algunha das razóns-, a pesares de que a situación administrativa destas dúas eran completamente idénticas.
Terceira: Non dubidamos que cando alguén demasiado acostumbrado a marcar as decisións da administración se ve obrigado a cumplir coa lexislación se poda sentir indefenso. Mais non pode o Sr. Alcalde alegar a indefensión xurídica do Sr. Álvarez-Cascos, pois, a maiores de contar cun equipo xurídico de seguro que ben pagado, contou, en todo momento, co apoio xurídico e político do seu governo municipal.
Cuarta: En canto á falta de autorización de actividade por parte da Consellería de Pesca en ningún momento a nosa presidenta dixo que a Consellería de Pesca poidera denegar arbitrariamente dita autorización e concesión de actividade. Limitouse a trasladar a realidade xurídica: por imperativo legal, nen esta nen ningunha outra piscifactoría poden ter autorización de actividade, mentras non aporte a disponibilidade de todos os terrenos afectados polo proxecto.
Pola nosa parte, seguimos insistindo na ilegalidade da declaración de impacto ambiental e máis do proxecto sectorial e licencia municipal e, en defensa dun patrimonio natural e paisaxístico que nos pertenece a todos, manifestamos a nosa disposición a continuar os recursos administrativos ata o final. Temos a seguridade de que o administración de Xustiza nos dará a razón.
Por último volver a reiterar que nada temos en contra do Sr. Alvarez-Cascos ou do Concello de Ribadeo. Só reclamamos que a lexislación ambiental de protección de espazos naturais tén que obrigar a todos por igual. Neste sentido, esta nova paralización debera de ofrecer a oportunidade para negociar co promotor un cambio de ubicación: ganamos todos.
ADEGA-LUGO
20060609
Rolda de prensa de Adega en Ribadeo. Segunda de hoxe
20150318
De catedral mariña a resto arqueolóxico, sen deixar de reverenciala
Antes de pasar a elas, só unha insistencia na contemplación da zona das Catedrais como algo que ten valor por si mesmo, non só o utilitario turístico. A confusión de valores está dando moito que falar ós xornais... e poñendo o foco nun só lugar cando a conservación é couso de todos para toda a Terra. (a entrada de onte de ribadeando trataba doutro lugar a conservar no mesmo Ribadeo)
O primeiro correo é o que da a imaxe máis xeral e foi acollido polos xornais e espellado polo concello na súa nota 'Pasado Mineiro das Catedrais'. coido que é máis clarificador que o que apareceu ata agora, por iso dos resaltes diferentes:
O vindeiro domingo 22 de marzo comezará a campaña na defensa do forno romano cun roteiro por este e por outros xacementos costeiros relevantes da Mariña.
A Mariña, a 13 de Marzo de 2015.- No inverno de 2014 os temporais afectaron gravemente varios xacementos costeiros da Mariña, entre os que se atopa o xacemento romano da praia de Esteiro, situado na Praia das Catedrais. Neste sitio arqueolóxico pódense ver os restos dun forno destinado á cocción de cerámica, do que se conserva parte da estrutura do que posiblemente fose un complexo romano máis amplo. Tamén se acharon numerosos fragmentos de olas de gran tamaño, denominadas dolium, e utilizadas para a almacenaxe de mercadorías. Deste tipo de cerámica, tamén atopamos restos nunha pequena península na praia das Catedrais.
No último ano, Mariñapatrimonio leva insistindo de forma reiterada e discreta, que a Xunta actúe recollendo os materiais arqueolóxicos, documentando as estruturas que se conservan e, na medida do posible, procurando medidas de protección para este xacemento. Porén, xa hai tempo que temos claro que a administración encargada de protexer este patrimonio non vai moverse nin implicarse para salvar o forno de Esteiro e que teremos que ser a sociedade civil responsable a que procure a súa recuperación.
Con este obxectivo, Mariñapatrimonio presentou un proxecto de intervención arqueolóxica perante a Dirección Xeral de Patrimonio, no que se pretende facer un estudo do xacemento e recuperar os seus restos arqueolóxicos ademais de intentar protexelo. Polo momento, non recibimos a pertinente autorización da Xunta. Será o goberno galego quen decida se actúa a D.X de Patrimonio, se nos permite actuar a nós, en representación da sociedade civil, ou se deixará que actúe o mar facendo desaparecer o xacemento.
Mentres se agarda pola autorización da Xunta, diferentes asociacións imos iniciar unha campaña para darmos a coñecer a zona das Catedrais como sitio arqueolóxico. Nesta tarefa están involucradas oito entidades asociativas de tipo cultural, ambiental e veciñal e que son Mariñapatrimonio, a asociación ecoloxista ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira ou a Irmandade de Santo Estevo.
A campaña comezará o domingo, 22 de marzo, cun roteiro polos xacementos arqueolóxicos da contorna das Catedrais, que divulgará valores da zona até agora descoñecidos.
O SEGREDO AÍNDA NON REVELADO DAS CATEDRAIS
Este roteiro permitiranos desvelar un dos segredos mellor conservados das Catedrais. Practicamente ninguén sabe que nas Catedrais, a 500 m do xacemento romano de Esteiro, hai unha canle picada na rocha semellante ás empregadas polos romanos na condución de auga para as explotacións mineiras de ouro. Tamén é de recente descubrimento que as covas desta praia tan visitada e singular seguen vetas auríferas, segundo nos teñen confirmado varios xeólogos.
Esta hipótese non resulta sorprendente, se pensamos que toda a zona oriental da Mariña é rica en ouro e que abundan as explotacións auríferas da época romana. Non só atopamos minas terra adentro, senón que tamén se atopan rexistros dos labores mineiros na costa, con galerías que foron abertas dende os cantís e dende as praias, como é o caso das galerías do castro do Carreiro en Foz ou as de Salave en Tapia.
Por tanto, cumpriría estudar se existe algunha conexión entre as vetas auríferas, a canle picada na rocha e o forno romano das Catedrais para saber se desta praia os romanos tamén extraeron ouro.
O percorrido do roteiro será de 8 km e de dificultade baixa e durará toda a xornada, desde as 10.30 horas. Ao longo de toda a costa, visitaremos os seguintes xacementos ou puntos de interese:
MAÑÁ
· Punta do Castro en San Miguel de Reinante.
· Praia de Arealonga, na que veremos unha turbeira na que se conservan restos dun bosque de hai oito mil anos.
· Percorrido polo areal ata a praia das Catedrais, aproveitando que teremos marea baixa.
· As Covas das Catedrais, onde veremos as vetas auríferas.
· Percorrido pola parte alta dos cantís das Catedrais para observar a canle picada na rocha.
· Visita ao forno de cerámica romana de Esteiro.
TARDE:
O percorrido da tarde farase en bus e coches particulares e visitarase:
· Castro da Devesa.
· Castro de Meirengos.
· Cetárea de Rinlo e a Lagoa “Daniel Vispo”.
· Castro de Piñeira.
· Castro das Grobas.
Para reservar praza no roteiro:
-Desde A Mariña: 619553236 (Miguel).
-Desde Lugo: 982240299, 679113718 (ADEGA)."
SAÍDA DESDE SAN MIGUEL DE REINANTE
Se te queres unir á ruta desde San Miguel de Reinante, debes facer a túa reserva de praza chamando por teléfono ao 619553236, ou enviando un mail a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.
Hora de saída: 10:30 horas, no aparcadoiro de autobuses da praia de Arealonga, en San Miguel de Reinante.
Prezos: Podes reservar o xantar no restaurante ou levar comida para o camiño.
Sen xantar: 2€ socios/ 5€ non socios.
Con xantar: 15 € socios/ 20€ non socios.
SAÍDA DESDE LUGO:
Se queres acudir ao roteiro desde Lugo, debes reservar praza chamando por teléfono ( 982240299, 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.
Hora de saída: 09:00 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (Av. Ramón Ferreiro).
Prezos: Pódese reservar o xantar nun restaurante da zona ou levar comida para o camiño.
· Sen xantar: 5€ menores de 17 anos/ 10€ socios/15€ non socios/12€ parados, xubilados e estudantes.
· Con xantar: Haberá que sumar aos prezos anteriores 13€ máis.
MENÚ
As persoas participantes poderán levar comida para xantar polo camiño ou reservar praza no restaurante a Yenca de San Miguel de Reinante. Nese caso, deberá avisar cumpridamente de que quere comer de restaurante ao formalizar a reserva de praza.
Menú:
Ensaladilla
Cordeiro
Tarta de queixo.
Inclúe viño da casa, casera, pan, auga e café.
O menú pódese variar previo aviso.
As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño calzado e roupa axeitados. "
20080607
De rías e xentes


Pódese comparar a ría de Bilbao coa ría de Ribadeo? Quita de aí!.
Por desgraza e ata o presente, unha semellanza comparativa se podería dar tamén coas xentes que poboamos a ría de Ribadeo e algúns outros conxuntos poboacionais. Sen querer dicir por eso que sexamos peores (ou mellores), pois todos somos primeiramente persoas, e na multiplicide de aspectos nos que se poden comparar as persoas, nuns sairemos ganando, pero noutros, perdendo. O caso é que as xentes da ría sempre tiveron rivalidade. Non só entre beiras, senón mesmo dentro dunha beira entre poboacións. Lémbrome con certa frecuencia de aquelo de 'Castropol, corral de vacas, As Figueiras, de Cabritos, A Veiga, de lacazáns, e Ribadeo, de señoritos'. Supoño que nos outros pobos terán ditos parellos a o mentado de Ribadeo (que por certo, non deixa ben parados a ningń dos pobos, nin a Ribadeo, se comparamos polo miúdo o que é un lacazán e o que é un señorito). Por suposto non deixo de lembrarme da polémica sobre o nome da ría de Ribadeo, enxendrada polo Eo o mesmo que lle pasa ó extremo sur, onde leva o nome de ría de Abres, homónimo daquela poboación. Esas controversias e rivalidades van seguir existindo (a última fase ata o momento pode verse hoxe mesmo no blog Vida político-social de Ribadeo). Por sorte, parece que se ven cada vez máis compensadas por colaboracións e sinerxias. Así sucede co caso da nave no peirao de Mirasol, onde pode que a postura máis efectiva non sexan as declaracións do concello de Ribadeo, nin a cacerolada ou a forte oposición dos veciños, senón a clara oposición do goberno asturiano (aínda que esteña trufada de entendementos coa Xunta e tintes políticos diversos).
Así, na última xuntanza mantida para tentar que a xente non se desmobilice crendo que xa está resolto que a nave non se vai construír (cando na realidade o que está claro é que non se avanzou na resolución do tema polo momento, á espera de prazos administrativos), apareceu un tema tamén relacionado co medio ambiente, pero esta volta na parte asturiana. Menos impactante, pero tema ó fin que xa deixei dito que podería servir ata de moeda de cambio entre os gobernos autonómicos. Respecto a isto, o primeiro é aclarar algo do que puxen nas entradas que remato de ligar: trátase dunha nave no porto da Veiga. Porto que está encadrado dentro dos límites territoriais do concello de Castropol, que chega ata pola parte sur da vía do ferrocarril ó atravesar a ría. Por iso as cartas están dirixidas ó Concello de Castropol e non ó da Veiga.
Tampouco se aclara moi ben a súa posición. Coido que a imaxe, capturada dende o Sigpac, é abondo ilustrativa do tema. Aparece a súa posición de xeito aproximado, e tamén a súa extensión, redondeando, uns 2000m2. Cunha altura duns 10-12m, que a fan equiparable a unha nave algo maior que a maior das actuais no porto de Ribadeo (ver a outra captura, onde se ve que a superficie da maior nave do porto ribadense é algo menor en extensión. Por certo, a falta de actualización do Sigpac permete o ver o porto como hai uns anos, sen o último recheo ata a actualidade). Todo o que se ve na imaxe, á parte dereita da ría, é concello de Castropol, aínda que case quede na núcleo urbán da Veiga. Na toma tamén se pode observar a filigrana que forma a outra beira da ría, xa en Galicia, e que foi tentada fixar con empalizadas hai xa moito tempo. O caso é que agora a protección medioambiental abrangue da estrada á auga, e o porto estaría dentro desa zona de protección. Ata que punto por ser porto? Non mete piares na auga, pero o certo é que esa zona na actualidade de industrial ten pouco, e menos de zona de vivendas. Engádase ó anterior que se lle atribúe o alcalde castropolense 'se hai que dragar, drágase' (o que si entraría en zona protexida, e que sería normal, dado que se pretende a construcción de barcos de ata 35m de eslora), e xa temos o problema que están a combatir Adega e Jesús Estébanez: ó fin, para iso están a facer unha draga para a ría en Navia (igual que por aquí xa houbo unha 'Nalona', chamaranlle a ista nova 'Ribadense' ou 'Eoña'?). Vexo un problema engadido: a defensa de Adega pode ser usada políticamente no principado como unha inxerencia galega/dos poderes galegos (lémbrome como, na manifestación dontra a mina de ouro en serantes, o alcalde de Tapia, referíndose a min dixo algo así como 'non fai falla que nos veñan salvar os galegos')
O caso é que uns e outros estamos a facer unha enchente da ría. Nas novas, si, pero por desgraza sobre todo no seu volume físico. Aínda que de diferente tamaño, dous galpóns, peiraos, embarcadoiros, recheos (só para lembranza, o último recheo de Ribadeo foron 8000m2, e o anterior, 20000m2 sobre unha extensión total da ría de Ribadeo duns 8,5km2, ou sexa, 8500000m2), ... cando dende hai anos está en programas políticos o de 'nin unha pedra máis na ría'.
Que podemos engadir? Que se fala asemade ('corren rumores') de que Castropol-concello-alcalde vería ben un fondeadeiro na enseada de Vilavedelle (Seares)?. Coido que é preferible insistir en que na actualidade a sensibilización social sobre as agresións á ría é moi forte (algo que se nota cando te preguntan pola rúa sobre o tema), e que iso é un factor de unión, por exemplo, para pedir xa un Plan de Ordenación de Recursos Naturais para a ría. Hoxe hai xuntanza de alcaldes da Reserva da Biosfera con motivo da Silvallana, na Veiga. Ocorreráselle a algún deles o poñer en marcha a burocracia para levar adiante o plan?
20170109
A illa Pancha, desaloxada... Noticia!
O domingo, un xornal daba a nova de que a illa Pancha foi 'desaloxada' de xente polo concesionario. Precisamente o día de reis, con máis visitantes e máis potencial de noticia. Coidamos que se deben aclarar algunhas cousas sobre o feito.
1.A oposición de 'Por nuestro faro' é ben anterior a calquera oposición do concello. Coido que é importante aclaralo porque significa que os veciños, o común, se puxo en marcha reclamando os dereitos de todos e nun sentido amplo antes que calquera institución comezara a defender parcialmente algún deses dereitos. O sentido é ben diferente á redacción que presenta a nova, na que se invirte a orde e parece limitar a intervención veciñal.
2.Se o concello en algún momento se opón a como van indo as cousas débese á oposición do pobo a traverso de 'Por nuestro faro'. Oposición que, e non é a primeira vez que se di, tivo que comezar por cousas aparentemente tan sinxelas como procurar información de que e como se estaba a facer, ou concienciar á xente de que a illa é de todos, un ben común.
3.É de recalcar que non é a primeira vez que sucede que a porta quede aberta, nin que xente non autorizada visita a illa de mans do promotor. Sorprende que esta vez se lle dera cabida como nova, cando nos consta de que non é unha primeira vez, nin tampouco o sería que a illa teña visitantes ós que se lle abriu a porta. E chama a atención tamén porque a responsabilidade parece diluírse: a verxa 'quedou aberta', como se fora un acto voluntario da propia verxa. Se ocorre un accidente, a responsabilidade tamén será "da verxa"?
4.O coidado da illa Pancha queda patente por novas coma esta. Polo escavado do entorno, que non está permitido en ningún papel. Pola vulneración continuada do contrato en temas facilmente demostrables como os prazos. Polas mentiras en medios diversos como as fotos de xa hai un ano de dentro dun hotel, 'aberto e cunha magnífica adega', etc.
E seguimos.
Seguimos porque se poderían dicir moitas cousas máis, e porque é necesario ir dicíndoas para que se comprenda a situación. E si, queda moito: cando se escavou arredor do edificio, que pasou? Nada. Feita a 'intervención', xa non se ve nada (ao menos, dende fronte á illa, que as limitacións de entrada son as que son) e a vida segue sen que a Pancha se entere de que hai unha protección sobre ela.
Agora ben, xa máis aló de que a illa é un ben común, con todo o que iso implica e os dereitos e deberes asociados, quen pode confiar no seu coidado cando se comeza polo incumprimento de cuestións nimias (e non tan nimias) ben antes de que entre en funcionamento o hotel? Mesmo ben antes de que 'La Alacena Roja' publicara en papel de calidade e con anuncios de chiringuitos oficiais as fotos dun teórico hotel aberto xa en xaneiro de 2016 na illa, cunha magnífica adega. Ou, quen pode confiar nun Puertos do estado que leva xa anunciado en diferentes lugares un hotel de nonseicantas estrelas no faro, como se a institución fora o empresario, co hotel xa aberto?
20050823
Rinlo.info

Rinlo.info é un xornal feito por nenos (3) de curta idade (11anos) de Rinlo que están levando estes días a información da protesta da factoría piscícola. A parte de sacar uns cartos (0,20€ exemplar) dan un exemplo de cordura ó intentar ofrecer a información dun xeito equilibrado. Eso é o que notei esta mañá en Rinlo, onde fun para unha concentración informativa que se convertiu en unha cooperación entre alcaldía (alcalde e concellal, máis presidente de comisión de festas de Ribadeo e Patrón Maior) e empresa 'piscícola' para convocar a xente tras un cartel para a foto de prensa. En fin, fun como espectador e tomei a foto que da testimonio de xente a unha beira da ponte e Guardia Civil (máis que a que patrulla estes días Ribadeo) de outro. Os membros de ADEGA, coas máquinas paradas, recibiron despois a visita dun grupo maioritario (uns 50) cun par de exaltados, dirixidos polo empresario. Resultado: polo momento, empate a cero. Mañá, outro día, con presencia en Santiago de membros de ADEGA. A curto prazo, vése necesaria unha maior información, que poidera darse a raíz dunha mesa redonda. Por certo, dende a empresa non están dispostos a colaborar nunha cousa así (comprobeino eu mesmo). O Concello? saberase, aínda que a tenor de accións anteriores, non é de esperar.
O mundo é así, nun día no que Barreiro espera suceder a Fraga... de momento só no PP, e no que as colonias israelitas en Gaza rematan de ser desmanteladas.
20050822
Conflito en Rinlo
Vemos na foto unha celebración próxima: a da festa do percebe en Rinlo. Se o proxecto dun criadeiro de rodaballo na viciñanza de Rinlo vai adiante, posiblemente en poucos anos os percebes da festa serán importados: pódense ver en varios sitios as consecuencias de unha planta tal, de 40000m2 de extensión, que promete traer moitos postos de traballo cando a realidade que se desprende da documentación presentada pola empresa implica unha cantidade de persoal moi limitada. Eses postos de traballo serían o señuelo para a compra de vontades: aínda me lembro cando no primeiro recheo (fai 15 anos) en Ribadeo, poñíase o mesmo señuelo, quedando durante uns dez anos sen traballar nin unha soa persoa alí. Esta mesma mañá, membros de ADEGA (http://www.adegagaliza.org/) lograron parar ás máquinas. Xa veremos se esta situación continúa ou se resolve: esta mesma mañá, o alcalde, nunha rolda de prensa, apoiou a granxa, na que parece que anda polo medio Álvarez Cascos e que foi aprobada (nun paquete conxunto con outras instalacións semellantes) no último consello da Xunta de Fraga.Por certo, fun testigo dunha nova negativa de información no Concello, neste caso ó persoal de ADEGA.
Por certo tamén, que a planta que se pretende en Rinlo foi rexeitada en Luarca e logo en Castropol (na zona de Arnao). En fin, non é só 'Spain is different'; parece que agora, tamén 'Ribadeo is different'
20080819
Apoios extra despois da manifestación
20070925
Leña ó mono
Tamén é nova o Ramadán. Dado que as comunidades doutras xentes 'non autóctonos' van medrando, asemade van tendo importancia a súa cultura, festas e demáis. E polo que parece, estamos en pleno Ramadán, e estanno a celebrar.
De cultura tamén, o arranque onte dos encontros pedagóxicos de A Mariña no IES Porta da Auga. Este ano comezaron co medio ambiente, e seguirán de xeito multidisciplinar.
E de medio ambiente hai máis novas: tras a feira veigueña, acompañando o debate sobre o cambio climático na ONU, Adega propón a creación dun parque natural entre Ribadeo e Foz, ó tempo que a zona declarada reserva da biosfera é rebaixada poa unha conselleira asturiana ó dicir que era algo así como un recoñecemento honorífico. E é que o medio ambiente conservado, é unha honra, pero defender a honra custa: por eso o é.
20161005
Mentiras sobre a illa Pancha
'La Alacena Roja', revista patrocinada por entidades oficiais como Galicia Calidade, no seu número de xaneiro-febreiro deste ano fala dun feito consumado, con fotos incluídas das súas habitacións de alto standing e referencia á súa magnífica adega de prestosos caldos e á súa cociña realizada con produtos da terra. De que está a falar? Do complexo hostaleiro que xa hai máis de nove meses estaría funcionando na illa Pancha. Un embarazo para un artigo cando menos embarazoso...Vaia por diante que o artigo non vai asinado, sendo por tanto atribuíble a redacción á propia revista.
Unha revista que se repartiu no seu momento en Ribadeo, claro, e que seguiu a estela da difusión de informacións equivalentes anteriores nas redes sociais.
Quizáis caiba lembrar neste punto que segundo informaron no seu momento os xornais estaba previsto que abrira hai preto dun ano, e que na actualidade, 16 meses despois de comezado o contrato (e máis de 20 000 € debidos ou pagados a Puertos del Estado despois) aínda non se comezaron as obras de acondicionamento do hotel, que da cafetería non hai permiso e polo tanto, non poden realizarse. Isto, tamén despois de colocar na porta da ponte á illa o cartel regulamentario que indica o prazo de obras a desenvolver a partir de xullo deste ano e de dar as novas a cousa como xa feita.
A illa segue pechada e o faro parece secuestrado.
Dúas capturas de onte mesmo: a primeira, do Facebook, coa portada do número da revista onde aparece o fraudulento artigo comentado.
A segunda, da web correspondente http://www.laalacenaroja.com , que onte (nin hoxe) non tiña contido accesible en ningunha das súas seccións.
... e unha toma do artigo citado, onde a revista se desfai en eloxios do 'hotel que xa funcionaba hai máis de nove meses':
Pregúntome se haberá algún artigo verdadeiro na revista, se será cousa xeralizada o das as invencións, ou se só neste caso, por algunha razón, a mentira quedou plasmada en papel e repartida ó largo da terra...
20080904
Inflacción. Unha de cal e outra de area, ou eran dúas?
Outras novas ou artigos non son tan curiosas nin estranos: "Y, al menos, una visión optimista del mundo nos debería permitir pensar que los electores acaban valorando también a políticos que reconocen la complejidad y toman sus decisiones con transparencia". Aínda que cos tempos que corren, mesmo pareza que si son estranos, pois eso de que as decisións a tomar polos políticos deben contemplar a complexidade da vida e ademáis, ser transparentes, como que non está moi en boga. Pois iso, unha visión optimista do mundo...
Por outra parte, novas como que a comarca xa ten tres hoteis de catro estrelas e vai camiño do cuarto, poden ser síntoma do progreso da comarca... ou non, pois non só os políticos son os que teñen que considerar as cousas de xeito complexo, e hai algo máis que a economía e a mellora na acumulación de cartos (dalguén). As novas poden ser máis ponderadas, pero é difícil pola mecánica das cousas. Non é ponderación xuntar á nova anterior o panem et circenses que representa que seis bandas actúen mañá no Musikeo. É mala cousa que actúen? Non, en principio. Pero onte mesmo escoitei a xente, veciños de Ribadeo, protestar moi forte por ter as actuacións dos venres pasados no solar/aparcamento da avenida troncal, retumbando de potencia nas vivendas veciñas.
Mentras, os concellos organizan a información usando a propaganda, e así atopámonos nas novas de hoxe algunha cousa curiosa máis, como que comezan as obras do ascensor da Atalaia e temos un panexírico a favor do mesmo por parte do concello, porque vai permitir 'humanizar' unha zona próxima a Atalaia... mentras queda afectado 'per saecula saeculorum' o talud, a parte dos gastos que producirá, que segundo declaracións do mesmo alcalde actual (non do pasado), non se sabe cántos van ser (nin como se van cubrir)
Un aumento de información (sabendo e podendo discriminala) non é malo. Pode que facilite por exemplo, a transparecia. Por eso o manter blogs por parte dos concelleiros pode non ser mala cousa. En Ribadeo hai longo tempo que din nova de dous blog diferentes de políticos diferentes: http://oblogdehoracio.blogspot.com/, e http://www.blogoteca.com/upri/, se ben es último, tratado hoxe na prensa como o blog de F. Rivas, remite non a si mesmo, senón a UPRi, que debera ser algo máis que Rivas. Nese xeito, tamén o BNG de Ribadeo ten páxina. De calquera xeito, pouco se actualizan calquera dos tres, como se pode comprobar, ganando de longo en canto a renovacións o de Horacio, e manténdose o da UPRi dende as eleccións, no que parece un reflexo político condicionado. Iso si, os dous blog son 2/3 dos blog declarados de políticos mariñanos, polo que vemos que Ribadeo ocupa a cabeza política mariñán en internet. En cambio, coido que imos ter que esperar tempo ata que se concrete o da 'administración electrónica', con xestións da administración local por internet, algo no que por exemplo Trabada vai máis aló. E non será porque aquí non se fixera algún proxecto europeo sobre gobernanza electrónica, como e-gov, no que participou ACISA.
Como esto estase a alongar, deixo varias ligazóns para abrir boca un tema que está estes días a punto de entrar no candeleiro: o plan galego de 'Parques de Tecnoloxía alimentaria' (=piscifactorías). Aquí, a presentación do proxecto (de hai cousa de un ano). Aquí, a parte correspondente á piscifactoría de Foxo Longo (Meirengos, tamén chamada de Rinlo), e aquí, a da punta do Corvo (a veciña ó Castro das Grobas), ambos, con información do ano pasado. Ademáis, estarían os planos correspondentes do PXOM de Ribadeo por riba. Adega está esperando a ver a saída definitiva no DOG, pero traballando xa sobre o tema, coa proposta dun Plano de acción.
20080610
Dúas fotos de Ribadeo e algunha noticia
Hai dous días que dixen de pasada sobre praza de indanos que parece que están a facer nalgunha parte no Xardín de Sela. Coido que a foto da testemuña dela na división central do mesmo. Houbera xa un comentario alomenos nun pleno sobre que non ía ser un parque de indianos. Coido que agora os merecerá de outro tipo.
A outra foto é dun desbroce en pleno pobo, á beira do pavillón de depoertes novo, onde se erguía unha maleza maleante. Pois xa non, como se ve na foto. Parece unha tontería un sinxelo desbroce... pero non a é.
Como novas, rexistrar en primeiro lugar que na prensa desapareceu o PXOM, e na rúa parece que tamén. É algo abraiante que hai cousa dun mes que non haxa unha soa nova (bo, hóuboa cando UPRi de novo puxo en coñecemento as irregularidades das que xa falara, pero é máis do mesmo e non conta).
Si que segue a ser nova a nave do porto. Dista é ADEGA a que falou sobre a ría a partir das dúas naves, a da Veiga e a de Ribadeo. Botábase en falta que o fixera, e tamén xa resultaba estrano. Máis vale tarde que nunca. Parece unha certa contradicción que un dos lugares afectados, o Parador de Ribadeo, fora o lugar de acollida dos representantes da 'España Verde' esta mesma fin de semana. En liña con que o persoal do Parador esteña participando activamente na protesta pola nave no porto de Mirasol e en cambio non se saiba nada da postura de Paradores como institución.
E, hai falla de combustible pola folga do transporte, pero non llo debeu de parecer a quen onte se levou por diante catro fitos na zona dos institutos, zona de exhibición de proezas aceleratorias, derrapatorias e demáis con certa frecuencia. A fin de curso o tema increméntase. Algo curioso: en xeral, a xente traballa máis cara a fin de curso, tentando mellorar a nota. Pero a quen non lle interesa en absoluto, síntese máis 'liberado' e incrementa os desmanes (está máis hastiado e ó tempo ve como se lle fai menos caso coas mesmas trapalladas de sempre). É unha actitude natural humana, que se pode ver reflectida en moitas outras situacións, mesmo políticas.
Segue habendo máis novas... seguramente máis adiante podemos falar da defensa da viaxe ó Uruguai.
20080909
A voltas coas voltas

Parece que o comezo do curso non trae nada nvo, senón reviravoltas sobre temas xa vellos.
Un deles, o tema das piscifactorías, revoltava a semana pasada, co plano acuícola mantendo enfrontados PSOE e BNG e xuízo contra Adega por parte de Acuinor. O resultado aínda está por ver, a pesares de que a cousa cambio abondo dende hai un par de anos que se cerrou en falso. a factoría de Meirengos é posible que non se constrúa e a de as Grobas xa veremos, ambas con retranqueo. Por certo, que o plan acuícola leva polo que parece unhas axudas que implican unha media duns 13 anos de soldo para o número de traballadores afectados, xa inchado de por si.
En canto ó tema da celulosa, asociado coa construcción dunha macronave en Mirasol, un titular de onte: ENCE y sus socios plantean trasladar la fábrica a As Pontes o a Cerceda. Subtítulo: Los dos municipios permiten la máxima subvención a fondo perdido de la UE. É dicir, a fábrica? Falemos antes do importante: as subvencións?





