Amosando publicacións coa etiqueta Mariña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mariña. Amosar todas as publicacións

20200601

Alcoa sálvase soa


   ‘Alcoa sálvase soa. O que hai que salvar é o tecido industrial da Mariña. Postos de traballo mellor remunerados que os da hostalería.
   O anterior é o comezo do comentario dun amigo. Pola miña parte, considereino unha continuación de “Alcoa na Mariña: tan lonxe, tan preto”, un tema que daría para un libro enteiro. Pero sigo citando:
   ‘Tamén os riscos son maiores. Tamén hai que salvar a produción propia e non depender do aluminio de Arabia Saudí, tamén de Alcoa, que xa se está a vender aquí. Tamén do aluminio chinés, aínda que iste non compite en calidade. Alcoa tiña un compromiso de manter empregos uns anos, que xa expirou. Alcoa tiña a promesa dunha enerxía barata, que xa expirou tamén. E se ben é certo que a electricidade, en España, prodúcese por moito menos do que custa, tampouco é cousa de que se lle regale a Alcoa e se nos cobre a nós a diferencia. Non se trata de salvar a Alcoa, trátase de salvar a fábrica, as tres fábricas, e poñerse a fabricar aluminio. Unha empresa estatal non ten por que dar beneficio, tan só ten que ser sostible. O obxectivo dunha empresa estatal é crear emprego de calidade e ser sostible no tempo. E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.
   O obxectivo desta entrada é mirar a cita que remato de poñer cos meus ollos. Comezo.
   Si, Alcoa é unha empresa privada e estranxeira, móvese polo interese e non ten por que coincidir co interese da Mariña. É mais, o raro sería que coincidise. Outra cousa é o tecido industrial que a rodea. Totalmente dependente, pois non se crearon empresas que aporten valor engadido ó produto, nin se diversificaron para non depender do mantemento desa fábrica. É pouco pero é o que hai, e o que se podería salvar. Postos de traballo máis cualificados e remunerados que os da hostalería. E sen discontinuidade ó longo do ano.
   Nestes momentos, os riscos para a industria alumineira son maiores que na hostalería, parece. Coa incertidume introducida pola pandemia xa non estou tan seguro, aínda que no que respecta a este verán semella evidente aínda coas limitacións previsibles.
   É Alcoa a que se está a facer competencia a si mesma. Vexamos. Se dúas fábricas producen o mesmo produto, hai sobreprodución e unha está situada nunha zona de alto consumo e medrando mentres a outra nunha zona no que o consumo e menor e mesmo diminúe, non leva esta última as de perder? Pois iso está pasando co consumo en Europa fronte ó consumo de Asia, máis aló dos custes laborais ou enerxéticos.
   E Alcoa, a empresa, non a fábrica, tiña compromiso de manter postos de traballo. Para iso se lle deron unha morea de cartos. Tiña, non ten. Ao menos, iso é o que pensa que pode facer a empresa. Alcoa tiña e ten enerxía barata. Outra cousa é que queira aínda mellores condicións de prezo e servizo. A pesares de que no balance das empresas eléctricas sexamos nós o contrapeso desa rebaixa. Unha situación inxusta de por si que se pode pretender non só continuar senón agravar, pero que non é de recibo máis que para os que nos chegan ás casas.
   O que se perdeu cando se privatizou a fábrica de San Cibrao foi algo máis que a nuda propiedade. Foi a capacidade de decisión e foron os obxectivos. Certo, unha empresa estatal antepón -debera antepor- a súa función social ós beneficios. Pero o mesmo que vender significa desfacerse dun problema de xestión, comprar -neste caso, nacionalizar- significa o contrario. Nunha situación de falta de inversión, na que na empresa sigue no mercado e é de supoñer que non quererá competencia, e na que a empresa sigue a dispoñer de control das redes de subministro e de venda. E na que as empresas multinacionais teñen en boa parte, escapado ó control dos estados e mesmo fan depender de tribunais privados as súas relacións con estes. Seguramente se poda facer, pero máis aló de cargar tamén cunha balsa de lodos que está asfixiando a produción de alúmina, que continuará polo momento, non é cousa que se prepare dun día para outro.
   E así estamos, coa sostibilidade -xa non só ambiental, senón sinxelamente empresarial, e non só dunha empresa, senón de todo un ecosistema empresarial- comprometida. Coa sostibilidade económica dunha comarca enteira baixo tensión... en un mundo enteiro baixo tensións. 'E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.'
--
Nota posterior. Engadido a ter en conta: https://sghn.org/balsa-de-lodos-vermellos-de-alcoa-en-san-cibrao-unha-herdanza-envelenada

20200530

Alcoa na Mariña: tan lonxe, tan preto


   Alcoa, no corazón da Mariña, está estes días tamén na cabeza dos mariñáns. Sen ir máis lonxe, mañá mesmo, domingo 31 de maio, terá lugar unha concentración en Ribadeo co lema 'Alcoa non se pecha'.
   Era o 1998 cando unha industria pública española se vendeu ó sector privado estranxeiro para rematar hoxe sendo propiedade de Aluminum Company of America. Coido que é preciso dicilo con todas as letras: a 'nosa' Alcoa é -se lle imos poñer patria ó capital- norteamericana. É dicir, iso de que está no corazón da Mariña e na cabeza dos mariñáns é en certo xeito equivalente a dicir que unha película está no noso corazón e na nosa cabeza: consumímola, formamos parte do seu mercado... pero non é nosa por moito que nos guste, nos encha ou sexa un icono para nós. E aí están os créditos da película para lembrárnolo.
   O dos créditos lévanos a outro tipo de consideracións: os cartos recibidos pola multinacional -non pola fábrica- en forma de subvencións e regalías. Cartos, en parte, dados de xeito directo para empregar en manter un emprego que agora se desvanece. Ou unha tarifa eléctrica -controvertida polo período de aplicación, segundo a empresa- que pode non ter o mellor deseño posible, pero que significa unha enerxía varias veces máis barata que a que pode pagar calquera de nós -outras empresas incluídas-. Mentres, o tema da contaminación, os lodos vermellos, quedan a outro nivel, desaparecen de escea de xeito periódico, por moito que a balsa quede aí por tempo indefinido como unha bomba a estoupar en calquera momento.
   E é que da industria aluminera depende a terceira parte do PIB da provincia. Tanta é a importancia dada, que ata se pretendía facer unha central nuclear para a súa alimentación -cousa que parece esquecida- e foi fundamental para a vida da maior contaminante en moitos, moitos quilómetros á redonda, a central térmica das Pontes. Si, esa en trance de desaparición, o que representou un aviso máis dos moitos espallados no tempo que foron advertindo de que a planta de aluminio non era para sempre.
   Pero, como xa tentou e impuxo no seu momento Margaret Thatcher, 'There is not alternative': non “hai” alternativa, hai imposición, ou o tomas ou o deixas. Tanto na negociación dos convenios como na presión para recibir axudas, sempre necesarias, sempre demasiado poucas, sempre cos traballadores como forza de choque para o beneficio da empresa. Ou, sinxelamente, para a procura doutras posibilidades. Si, pois, o mesmo que no 'Plan E' para combater o desastre da construción os fondos empregábanse sobre todo para construír/asfaltar, aquí non xurdiu nin unha empresa que aumentara o valor engadido do producido, para canto máis pensar na diversificación industrial ou nun tecido que atenuara os posibles contratempos. É aínda agora o día no que se procura presión para 'non pechar Alcoa', non para producir rendibilidade ou procurar alternativas. O do decrecemento? Non entra nin na axenda. Xógase á contra. E cando se xoga á contra, as probabilidades van contra un.
   Foi avisado. Pero iso non xustifica nin a inacción nin a defensa a ultranza. Os afectados somos todos. E mesmo quen menos, máis do que parece.

20150318

De catedral mariña a resto arqueolóxico, sen deixar de reverenciala

    Hai poucos días saltou a nova: Mariña Patrimonio, en razón de estudos preliminares, defende a importancia arqueolóxica das Catedrais. Conxunto nesta entrada tres comunicacións que me chegaron de Mariña Patrimonio que considero importante manter xuntas para ver a liña de actuación dunha asociación non turística no enclave turístico por excelencia de Ribadeo e da Mariña.
    Antes de pasar a elas, só unha insistencia na contemplación da zona das Catedrais como algo que ten valor por si mesmo, non só o utilitario turístico. A confusión de valores está dando moito que falar ós xornais... e poñendo o foco nun só lugar cando a conservación é couso de todos para toda a Terra. (a entrada de onte de ribadeando trataba doutro lugar a conservar no mesmo Ribadeo)
    O primeiro correo é o que da a imaxe máis xeral e foi acollido polos xornais e espellado polo concello na súa nota 'Pasado Mineiro das Catedrais'. coido que é máis clarificador que o que apareceu ata agora, por iso dos resaltes diferentes:

"OITO COLECTIVOS CULTURAIS MÓVENSE PARA SALVAR O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DA PRAIA DAS CATEDRAIS
O vindeiro domingo 22 de marzo comezará a campaña na defensa do forno romano cun roteiro por este e por outros xacementos costeiros relevantes da Mariña.
A Mariña, a 13 de Marzo de 2015.- No inverno de 2014 os temporais afectaron gravemente varios xacementos costeiros da Mariña, entre os que se atopa o xacemento romano da praia de Esteiro, situado na Praia das Catedrais. Neste sitio arqueolóxico pódense ver os restos dun forno destinado á cocción de cerámica, do que se conserva parte da estrutura do que posiblemente fose un complexo romano máis amplo. Tamén se acharon numerosos fragmentos de olas de gran tamaño, denominadas dolium, e utilizadas para a almacenaxe de mercadorías. Deste tipo de cerámica, tamén atopamos restos nunha pequena península na praia das Catedrais.
No último ano, Mariñapatrimonio leva insistindo de forma reiterada e discreta, que a Xunta actúe recollendo os materiais arqueolóxicos, documentando as estruturas que se conservan e, na medida do posible, procurando medidas de protección para este xacemento. Porén, xa hai tempo que temos claro que a administración encargada de protexer este patrimonio non vai moverse nin implicarse para salvar o forno de Esteiro e que teremos que ser a sociedade civil responsable a que procure a súa recuperación.
Con este obxectivo, Mariñapatrimonio presentou un proxecto de intervención arqueolóxica perante a Dirección Xeral de Patrimonio, no que se pretende facer un estudo do xacemento e recuperar os seus restos arqueolóxicos ademais de intentar protexelo. Polo momento, non recibimos a pertinente autorización da Xunta. Será o goberno galego quen decida se actúa a D.X de Patrimonio, se nos permite actuar a nós, en representación da sociedade civil, ou se deixará que actúe o mar facendo desaparecer o xacemento.
Mentres se agarda pola autorización da Xunta, diferentes asociacións imos iniciar unha campaña para darmos a coñecer a zona das Catedrais como sitio arqueolóxico. Nesta tarefa están involucradas oito entidades asociativas de tipo cultural, ambiental e veciñal e que son Mariñapatrimonio, a asociación ecoloxista ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira ou a Irmandade de Santo Estevo.
A campaña comezará o domingo, 22 de marzo, cun roteiro polos xacementos arqueolóxicos da contorna das Catedrais, que divulgará valores da zona até agora descoñecidos.
O SEGREDO AÍNDA NON REVELADO DAS CATEDRAIS
Este roteiro permitiranos desvelar un dos segredos mellor conservados das Catedrais. Practicamente ninguén sabe que nas Catedrais, a 500 m do xacemento romano de Esteiro, hai unha canle picada na rocha semellante ás empregadas polos romanos na condución de auga para as explotacións mineiras de ouro. Tamén é de recente descubrimento que as covas desta praia tan visitada e singular seguen vetas auríferas, segundo nos teñen confirmado varios xeólogos.
Esta hipótese non resulta sorprendente, se pensamos que toda a zona oriental da Mariña é rica en ouro e que abundan as explotacións auríferas da época romana. Non só atopamos minas terra adentro, senón que tamén se atopan rexistros dos labores mineiros na costa, con galerías que foron abertas dende os cantís e dende as praias, como é o caso das galerías do castro do Carreiro en Foz ou as de Salave en Tapia.
Por tanto, cumpriría estudar se existe algunha conexión entre as vetas auríferas, a canle picada na rocha e o forno romano das Catedrais para saber se desta praia os romanos tamén extraeron ouro.
 
ROTEIRO POLOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA MARIÑA (22 MARZO)
O percorrido do roteiro será de 8 km e de dificultade baixa e durará toda a xornada, desde as 10.30 horas. Ao longo de toda a costa, visitaremos os seguintes xacementos ou puntos de interese:
MAÑÁ
· Punta do Castro en San Miguel de Reinante.
· Praia de Arealonga, na que veremos unha turbeira na que se conservan restos dun bosque de hai oito mil anos.
· Percorrido polo areal ata a praia das Catedrais, aproveitando que teremos marea baixa.
· As Covas das Catedrais, onde veremos as vetas auríferas.
· Percorrido pola parte alta dos cantís das Catedrais para observar a canle picada na rocha.
· Visita ao forno de cerámica romana de Esteiro.
TARDE:
O percorrido da tarde farase en bus e coches particulares e visitarase:
· Castro da Devesa.
· Castro de Meirengos.
· Cetárea de Rinlo e a Lagoa “Daniel Vispo”.
· Castro de Piñeira.
· Castro das Grobas.
Para reservar praza no roteiro:
-Desde A Mariña: 619553236 (Miguel).
-Desde Lugo: 982240299, 679113718 (ADEGA)."
 
    A terceira nota/correo que me chegou aumenta unha actividade á xa prevista, unha charla informativa en Ribadeo, na mesma Casa das Letras que hoxe acollerá a charla sobre a eclipse de mañá : "Con motivo do roteiro, este xoves 19 de marzo temos organizada unha charla informativa en Ribadeo na Casa das Letras ás 20.30h co título “As catedrais tamén xacemento arqueolóxico”. Alí darase cumprida información sobre o forno romano de Esteiro, a canle e as vetas auríferas das Catedrais así como da presenza de minas romanas na Mariña." e ven acompañada do cartaz anunciador:
    A segunda non aporta gran cousa (salvo prezos do roteiro), e debe contemplarse como anexo á primeira nota. Póñoa só por se a alguén lle interesa apuntarse ó roteiro:
 
" RESERVA DE PRAZA E PREZOS
SAÍDA DESDE SAN MIGUEL DE REINANTE
Se te queres unir á ruta desde San Miguel de Reinante, debes facer a túa reserva de praza chamando por teléfono ao 619553236, ou enviando un mail a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.
Hora de saída: 10:30 horas, no aparcadoiro de autobuses da praia de Arealonga, en San Miguel de Reinante.
Prezos: Podes reservar o xantar no restaurante ou levar comida para o camiño.
Sen xantar: 2€ socios/ 5€ non socios.
Con xantar: 15 € socios/ 20€ non socios.
SAÍDA DESDE LUGO:
Se queres acudir ao roteiro desde Lugo, debes reservar praza chamando por teléfono ( 982240299, 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.
Hora de saída: 09:00 horas, fronte a Facultade de Formación do Profesorado (Av. Ramón Ferreiro).
Prezos: Pódese reservar o xantar nun restaurante da zona ou levar comida para o camiño.
· Sen xantar: 5€ menores de 17 anos/ 10€ socios/15€ non socios/12€ parados, xubilados e estudantes.
· Con xantar: Haberá que sumar aos prezos anteriores 13€ máis.
MENÚ
As persoas participantes poderán levar comida para xantar polo camiño ou reservar praza no restaurante a Yenca de San Miguel de Reinante. Nese caso, deberá avisar cumpridamente de que quere comer de restaurante ao formalizar a reserva de praza.
Menú:
Ensaladilla
Cordeiro
Tarta de queixo.
Inclúe viño da casa, casera, pan, auga e café.
O menú pódese variar previo aviso.
As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño calzado e roupa axeitados. "

20140304

Espectáculo en Rinlo (e perigo)

Onte Rinlo era un espectáculo. O Cantábrico en xeral. As ondas despellexaban a terra, voltaba a auga marrón ó mar despois de terse levantado moitos metros e golpeado, arrincando o substrato por riba da rocha e mesmo abrindo de desprazando a mesma rocha. Imaxes da auga chegando ó campo de fútbol en Tapia ou o descabezamento e inclinación do faro en Burela tiveron a súa correspondencia noutros lugares con ondas que estaban previstas ata de dez metros.
Algún vídeo e fotos:
Neste, quizáis a mellor esteña pouco despois do minuto 4...


Non captei nin os mellores momentos nin as mellores ondas nin coa mellor cámara, pero aínda así, coido que poden impresionar (o álbum, accesible aquí):






20130906

De tempos e ratios: un médico para Ribadeo

Hai preto dun ano comezou a rumorearse. Ninguén fixo caso. A cousa foi en aumento, a Plataforma Sanitaria da Mariña advertiu ... chega este setembro e parece que chegou o momento de estoupar como nova: Ribadeo, se non o remediamos, quedará sen un médico dos que tiña.
No medio, no que parece unha estratexia ben deseñada e coido que é só un xeito de ir tentando poñer parches ante unha realidade imposta dende fóra do Centro de Saúde: a xente foise derivando a outros médicos, as cartillas comezaron a cambiar de titular pouco a pouco, e por último, de xeito definitivo, vaciando de 'contido de pacientes' a cartilla do médico non substituído.
Por parte da resposta pública, a Plataforma sanitaria da Mariña clama de novo no deserto: a sociedade ou ben non se entera ou ben pasa, ou ben tilda de alarmista a quen advirte, retrucando máis ou menos que 'hai que esperar a ver o que pasa', ou ben se resigna porque 'os tempos son malos' (e hai que salvar a banca con preferenza, pero iso dise menos).
O poder político, que se saiba, reacciona en plena volta despois das vacacións e cun retraso considerable. Polo momento, cunhas declaracións e co anuncio de que será tratada unha moción no próximo pleno (eso que existe, é público e non se publicita para que se entere a cidadanía a menos que se queran aplausos, e menos se lle permite unha participación efectiva), quedando no aire a pregunta de se a moción será secundada unánimemente ou se será un motivo máis de trifulca política (aínda que poda haber voto unánime!)
Mentras, o servizo de saúde deteriórase pouco a pouco, obviando Ribadeo, en Burela, ou Lugo, ou ...
E a xustificación pretende cáseque así haberá mellor servizo, que se fai para ben dos cidadáns, como non! Na realidade, esta volta, a xustificación atópase en que Ribadeo está moi por baixo do límite da ratio de 1500 cartillas ou habitantes por facultativo (os xornais recollen unha ou outra opción). Na anterior supresión na Mariña, creo lembrar que se falaba (que a Consellería falaba) cun argumento semellante, pero cun número diferente: 1200. Ó final é o mesmo, porque a ratio establécea a Consellería e ó que se ve, de xeito arbitrario, co que sempre poderá usar iste argumento de igual xeito, aínda que non signifique nada. Por certo, e voltando ó tema dos números e Ribadeo, os 10000 habitantes de Ribadeo entre 1500 significan 6 + un resto, é dicir, sete médicos. Se o criterio é de 1200, entón temos 8 + un resto, o que fai unha diferenza de dous médicos.
O tempo, 'en diferido', como nos teñen afeitos dende o goberno. A ratio, axustable ás necesidades de xustificación. A resposta, ... que resposta?

20130724

Unha comparación que afecta a Ribadeo: meteoroloxía

Antonte a predición televisiva do tempo na zona daba choiva (para onte) e choiva (para os próximos días). Onte foi o mellor día de Sol en Ribadeo no que vai de ano. Evidentemente, non acertaron. Coido que cando se fai unha predicción cabe ese risco. Pero cando as predicións se alongan ata unha semana enteira, fallar estrepitosamente o primeiro día, non se entende. E nunha sociedade como a aque vivimos, ise fallo ten un custe.
Dende hai algún tempo veño observando de xeito esporádico a predición das dúas axencias públicas sobre o tempo na zona, e en xeral teñen un acordo grande, pero hai días nos que difiren moito.
Embaixo deixo o recorte de dúas tomas de pantalla, correspondentes á predición de Meteogalicia e a Axencia española de meteoroloxía (Aemet) para os próximos días. Para comparar. Neste caso as predicións van abondo parellas, aínda observando casos como unha diferenza de 5ºC de máxima para o sábado (20ºC e 25ºC), ou as figuras que ilustran o estado do ceo ese mesmo día, por exemplo.
O caso é que co curso, se segue existindo Meteogalicia (unha das cousas que se quere levar por diante o 'manexo da crise'), comezaremos unha comparación  de predicións. Vaia por diante que teño a percepción de que Meteogalicia é máis exacta na zona que Aemet; saberemos se corresponde á realidade.

20120217

Sobre a demografía actual na zona

Este mesmo mes, un amplo artigo de La Voz de Galicia ofrecía unha táboa coa demografía de cada un dos municipios da Mariña. Aproveitando esa táboa, fixen un reparto de datos para poñer en perspectiva a demografía mariñán dende hai século e medio.
Aproveitei a subdivisión comarcal como referencia, e o resultado é o seguinte:
Na primeira gráfica vese un mentemento da poboación da comarca enteira entre mediados do século XIX ata a migración a Europa dos anos 50/60, a pesares da existencia dunha emigración anterior a América. Tras unha lixeira recuperación nos setenta e posterior meseta, as estatísticas cada menos tempo fan retorcerse lixseiramente a curva, pero amosando un nivel descendente salvo nos primeiros anos do século.
A nivel subcomarca, preséntase no mesmo gráfico a evolución das tres zonas de demarcación recente para comparación, pero sendo desenvoltas na gráfica de abaixo:
Por división administrativa, a menor en terreo e poboación é a da Mariña oriental, coas outras dúas, centra e occidental, máis equilibradas entre sí.
Hai que lembrar que a distribución en comarcas é recente, aínda que no gráfico aparezan agrupados os concellos dende hai século e medio, que foi nos anos noventa cando se dividiu Burela desgaxándose de Cervo (e pasando logo cada un dos dosu municipios a unha comarca diferente), e que as comarcas están formadas por:
Conforman a Comarca da Mariña Oriental: Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada.
Comarca da Mariña Central: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.
Comarca da Mariña Occidental: Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Con estes datos, observamos que as tres zonas teñen unha certa estabilidade de poboación ata os cincoenta, nos que se nota a presión migratoria e comeza o declive absoluto. O declive relativo fronte a España está claro moito antes, pois no período a poboación española multiplicouse por 3, e ata a galega aumentou, aínda que abondo menos.
A partir dos cincoenta, o declive na noza oriental, na que esa integrada Ribadeo, é patente. Nas outras dúas zonas, o reflexo do ascenso de Burela (que conta con Cervo na M. Occidental ata os 90, e logo, na Central) e a implantación de Alcoa, enmascaran o proceso, pero unha vez pasado o tirón de ambas circunstancias, a poboación deixa ver un lixeiro declive tamén na zona occidental mentras se estabiliza na central.


En canto a Ribadeo por si só, o concello segue un patrón con certa semellanza ó da zona en conxunto, pero con particularidades, pois a partires do 1900 o núcleo urbano 'independiza' a súa evolución en relación á zona rural, da que se alimenta, chegando a 1990 no que o tirón xa non queda reducido á propia zona rural, senón que a vila convírtese en auténtica capital comarcal, pasando a absorber de xeito máis patente poboación dos outros concellos e do occidente asturiano e arrastrando a poboación total cara enrriba. De calquera xeito, hai que ter en conta que hoxe a poboación dos catro concellos que constitúen a Mariña Oriental concéntrase na súa maioría en Ribadeo.
Conclusións? Quizáis no momento actual se poideran sacar algunhas conclusións sobre a evolución próxima da poboación na zona ...

20120123

Nova vella entrada: Achégase o Fin de Curso

O tema é xa vello, pero renóvase tódolos anos, na mesma época (que non é ista). O texto foi publicado o 19960630.
-
Achégase o Fin de Curso

Na nosa tradición occidental parece que tomamos a vida e os sucesos como algo lineal; eso din os estudosos da mentalidade social. Nembargantes, celebramos os ciclos. Este tipo de festexos nunca o entendín moi ben.

Celebramos os finais de ano como algo especial, cando o seu significado é o de que a Terra deu unha volta máis a unha estrela que distinguimos porque está moito máis perto que as outras. Conmemorámolo ademais nunha data que non ten nada de especial astronómicamente e, para máis inri, dun xeito inexacto porque esas voltas da Terra non coinciden cun número enteiro de días.

A partir de ahí, celébranse outras moitas festas, con máis ou menos sentido. Así, non creo que moita xente se pregunte porque se celebra o cumpleanos do nacemento/parto e non da concepción (o motivo non oficial pode estar en que se coñece con máis precisión e en caso contrario daría lugar a descubrir máis dun segredo ben gardado). Nembargantes, outras festas, a pesar de seguir o mesmo ritmo, teñen un sentido diferente, como as derivadas da recolección, onde realmente hai algo importante que celebrar.

Estamos na época pola que nesta parte do mundo se achega o fin do curso. Estoume referindo ó curso "normal", o dos estudos, non ó político ou outros ós que se lles chama así agora, aínda que moitas veces coincidan. Pois ben, o caso é que este final de curso ten dúas celebracións, unha posterior e a outra anterior á data fixada. Explícome. Tras rematar o curso, celébrase que xa non hai clases, que (din) xa non hai que estudar, que hai máis tempo libre, ... . Antes de rematar as clases, nun período variable (segundo a persona, o nivel de estudios acadado, etc.) exténdese unha ceremonia de outro cariz: é o síndrome do fin de curso. A éste, témeselle. Hai que esforzarse xa sen tempo, sen ganas, sen gusto, sen ...

A min, polo contrario, gústame imaxinar o curso escolar como un curso dun río. O principio, proceloso, saltarín, como o alumno, cheo de enerxía e activo, descansado do verán. Logo, pouco a pouco, máis calmado, pero con máis caudal, con máis coñecementos cada vez, para rematar desembocando dun xeito totalmente suave, verquendo as súas augas ó mar, os seus coñecementos na vida.

Se tomamos outra comparación, se estamos a ver unha carreira longa, todos nos asombramos e apoiamos a aquel atleta que cerca xa da meta deixa ós outros atrás nun sprint final. Nembargantes, para facer iso, antes tivo que correr a carón dos máis, pois senon ese derradeiro xesto non lle serve de moito. O que se busca pois nesos finais é acadar unha mellor posición, rematar superándose a si mesmo, non suplir a falta dun bó traballo previo. Igual ocorre no ensino/aprendizaxe.

O difícil é practicar estas ideas. En particular, hai unha percepción de contracción/dilatación do tempo coa idade que fai medrar na xente nova un sentimento de imposibilidade de manter o ritmo todo o curso.

Pode que sexa un pensamento romántico nunha época na que non se leva moito. Nembargantes, non só a LOGSE, senon tamén polo menos a anterior lei, a LGE (Ley General de Educación, Villar Palasí/1970) poñen o énfase no discurrir do traballo ó longo de todo o curso, a avaliación contínua e a formación continuada. É dicir, dase o mesmo valor o rendemento de cada minuto do curso, sexa o principio ou ó final do mesmo. ...Aínda que todos, profesores incluídos, e coa excepción quizáis dos anciáns, tendemos a lembrar máis as cousas máis próximas temporalmente, como ben saben os alumnos, dun xeito intuitivo.

En sentido estrito, estos prolegómenos que son o síndrome do fin de curso, van contra a lei. Van contra a lei no seu espíritu, pero non creo que poda haber un resquicio de castigo legal contra a multitude de estudantes que o practica. Podemos pensar que ou cambiamos o uso popular ou cambiamos a lei. Nembargantes, todos sabemos do valor da constancia e da dificultade de levala a cabo. E dubido moito que haxa unha lei en algún país que prime os atracóns da derradeira hora. Ó final, que Deus os colla confesados ...

Estamos na periferia

Deixo outro artigo publicado na Mariña de El Progreso a 19960522. O cambio tecnolóxico e a súa continuación nos custes económicos é patente, pero nun día como hoxe, que a conexión a internet chegou a estar parada, ou ouho algún corte de luz, coido que ven a conto. No último parágrafo, paráfrase dunha cita que me chegou do alcalde anterior a esa data, referíndose a desfrutar da tranquilidade estando no centro da vila.
-

Estamos na periferia.

Moitas veces digo que Ribadeo é o cú do mundo. É un dito cariñoso, no que trato de deixar constancia de que estamos lonxe de Lugo, da Coruña e Oviedo, o que dificulta a relación con ese sitio onde hoxe se atopa cáseque de todo que é a cidade. O certo é que a mellora da rede vial fai que estas cidades esteñan moito máis achegadas á nosa vila (en tempo) que fai uns anos.
Nembargantes, seguimos sendo periferia e, polo momento, a nosa situación relativa está a empeorar nese sentido. Xa deixo craro que en termos absolutos a técnica permite unha mellor e maior conexión coas cidades, o noso entorno e, en xeral, co resto do mundo. Nembargantes, atopámonos agora con que para unha conexión mediante as novas tecnoloxías informáticas (a "rede" informática que pouco a pouco vai sendo tendida sobre o planeta enteiro) pode ser máis rentable conectar poñamos por caso, A Coruña con Toquio que Ribadeo con A Coruña. ¿Sorprendidos?. Pois sí. Explícome: como o enganche entre dous ordenadores fáise pola liña telefónica e a través de conexións especiais (os chamados "nodos" da rede), un ordenador da Coruña, para poñerse en contacto con outro de Toquio ten que realizar unha chamada urbana para conectar co nodo correspondente e iste traslada a chamada a Toquio.
Nembargantes, Ribadeo non ten nodo. Logo, para chamar de Ribadeo á Coruña establécese a conexión mediante a liña telefónica, sin mediación de nodos. O caso é que hai que pagar, no primeiro caso, só unha chamada urbana máis o abono de conexión ó servidor da rede, mentras que no segundo hai que pagar a conferencia interprovincial, o que non evita ter que contratar o servicio da rede para outros casos, o que resulta en xeral abondo máis gravoso. É o mesmo caso que as chamadas ó viciño ou as chamadas ó parende de América, só que por ista vez, para os que viven cerca dun nodo, calquera de outra cidade "con nodo" está tan preto en custe de chamada como o "viciño", mentras que para nós, os "viciños" seguen a ser só os de toda a vida.
Polo que parece aínda ha pasar tempo ate que alguén nos poña achegado un nodo de conexión á rede e evitemos as chamadas interurbanas, co aforro que iso supón. A Telefónica xa está suavizando dende algún tempo esta desigualdade, encarecendo relativamente máis as chamadas urbanas. Pode que cando vía ordenador se solucione o tema, entón o coste da chamada urbana sexa xa o mesmo que se se fixera ás antípodas. Claro que esto non nos servirá entón de moito.
Mentres, seguiremos na periferia aguantando cos cortes de luz no inverno que nos proporciona ¡gratis! Barras (que se chinchen os das cidades, que non os disfrutan), facendo compañía ós axustes telefónicos da dita Cía. Telefónica.
¿Que non somos o cú do mundo? Certo, hai sitios moito peores, pero bo, a idea ... ¿Ou que é iso de estar vivindo "no campo" e querer disfrutar das ventaxas da cidade?

20120122

O estiramento dunha masa

Procurando outras cousas, remata de caer a miña atención na versión dixitalizada de artigos que teño publicado en tempos (década dos 90) na Mariña de El Progreso. Deixo unha das publicacións que coido resistiu abondo ben o tempo, a pesares da temática:

O estiramento dunha masa (4/12/97)

A semana pasada volvín escoitar mencionar un efecto económico que continúa a producirse nos EUA dende comezos da década pasada: a separación cada vez maior entre a renta das capas sociais económicamente poidentes e os desfavorecidos.

Este fenómeno prodúcese a nivel mundial e a nivel de cada país. Resulta que, no mundo e en termos xerais, os que teñen cartos, cada vez teñen máis. E os que teñen poucos, cada vez teñen relativamente menos. Dentro de cada país maniféstase o feito do enfraquecemento da chamada clase media, que en principio parecía característico da economía estadounidense.

No conxunto das nacións, está a aumentar a separación entre os países desenvoltos e os chamados non desenvolvidos, tras varios decenios nos que se daba efecto contrario. E aínda agora están os chamados dragóns asiáticos, países con forte crecemento, a sufrir os efectos dunha tormenta monetaria contra economías que se saben débiles e con defectos estructurais debidos en parte ó seu rápido crecemento.

As causas destas manifestacións son diversas. O abandono da progresividade nos impostos pola presión da xente que pode influír, a maior facilidade para establecer contactos comerciais e de emprego por parte da xente que xa pode facelo, os contactos, ... . No caso de comparacións internacionais maniféstanse máis claramente outros efectos, como que a pobreza impide manter a sociedade organizada e aumenta a corrupción, prodúcense os levantamentos armados e os motíns, etc. No caso de particulares, o verse atado para facer calquera cousa por falta de cartos inicia a espiral da marxinación e aumenta o problema.

Vénseme á cabeza o estiramento dunha masa. Se temos masa para facer empanada, por exemplo, podemos estirala de varios xeitos. Cun rodillo, a mistura queda aplastada por igual e diluída, con pouca consistencia mentras non se coce. Pero hai veces que estírase suxeitando unha porción cunha man arriba e outra coa outra man, abaixo. Nese caso, se se comeza a estirar, cada cachiño de masa dos que queda no medio toma un camiño, en parte aleatorio, para unha ou outra beira. Cando se segue a estirar e a afina-la ponte entre enrriba e abaixo, entón vese claro que o mesmo peso leva a maioría de material cara abaixo. Así ata que remata por rachar, e entón podemos contemplar dous bloques separados nos que a maior parte (case toda) da masa que facía ponte está na parte de abaixo.

A idea paréceme abondo concordante co que está pasando na economía: non é só que esa ponte esté a facerse máis estreita, senon que cada vez é máis longa.

Pensando no fenómeno que está a suceder coa ´ponte´, podemos chegar a algunhas conclusións. Coa masa, o facer pontes podemos considera que non é máis que un xogo. Na economía é a realidade na que se ve afectada moita (toda) a xente.

Parece que a creación de riqueza de que tanto se fala por parte dos economistas e políticos debera servir para atenua-lo proceso. Ata hai un par de décadas, así foi en todo o mundo. Dende entón, comezando polos EUA, non o é. A creación de riqueza vai cada vez máis para os que xa son ricos. Ademáis, de pouco serve o ter algo de cartos cando eses cartos non chegan. E telos vólvese cada vez máis necesario para poder facer calquera cousa. Refírome a facer algo coa propia vida, sen máis: ¿que se pode facer hoxe sen cartos?. Está visto que os tempos cambiaron; na xeración anterior un neno que tiña algo na casa non era pobre. Hoxe necesita ter cartos para poder saír dela. O mesmo sirve para os maiores, con outros matices.

... Despois de todo, e ben pensado, a analoxía económica coa ponte de masa non debe ser moi válida: a masa soa a cartos, a eso de ´masa monetaria´, por exemplo. Pero sobre todo non debe selo porque na realidade, esa masa monetaria vai parar ós menos, ós máis ricos, os ´de enrriba´. Non ós máis numerosos, os pobres, os de ´abaixo´.