20070630
Fin de curso no auditorio de playmóbil
Onte foi un fin de curso no auditorio que Hernán calificou de 'de playmóbil'. A xente da EMMD portouse e voltou a sorprender Martín polas súas ideas, esta volta con 'vídeo a catro mans'. Suso de presentador, diplomas, premios a rapaces por servir de reporteiros no espectáculo 'frautasía', e música, escola e canto, con danza... un pouco longo, pero se non, como ver a todos? E quen no o merecía? Dillo a un pequeno que non o merece...
Teño a disposición dos actores/actoras trozos de vídeo: a agrupación instrumental das dúas partes, conxunto mixto (sen comezo, que comezou a cortina corrida), o coro... e unha pequena mostra do espectáculo de piano a catro mans (que non se ve moi ben o efecto) e un pequeno cacho das verbas de Susín. Quen quera, un USB (a gravadora de CD non vai...) ou que me de acceso a un repositorio para cargar por ftp :-) . En Youtube non os meto por cousa de permisos, polo mesmo que só os oferto ós participantes. En fin outro curso máis.
20070629
Un aviso sobre o blog
Lamento que esteña en inglés e non o poida configurar: hai que votar sinalando na dereita a estrela correspondete.
Dous exemplos: para darlle a máxima calificacón, premer co rato na estrela da dereita de todo. Para a mínima, premer co rato na estrela da esquerda das do grupo da dereita.
De hobby, alcalde
Outras novas? No día de san Pedro, cun Sol de mencer radiante a eunha temperatura a esa hora de 13 graos, haber háinas, dende a festa paralela de hoxe en Rinlo ó estilo house en competencia coa tradicional ata a presentación doutro libro na Casa das Letras, ou a lembranza de que hai piscifactorías pendentes en Ribadeo a costa dun despedido en Insuíña en Xove (que se se cree o que di a nota de prensa correspondente dos traballadores, sería ilegal e discriminatorio), pasando porque un ano máis hai dificultades en cubrir as prazas de socorrista no concello, ou prestando atención un pouco máis aló, a un escape de sosa en Alúmina, coa correspondente contaminación... cousas que se antoxan abondo pequenas fronte á situación no concello á pesar da súa gravidade nalgún caso
20070628
Sobre o fin de curso na escola de música
Remato de recibir esta nota de prensa da EMMD de Ribadeo (a foto, do fin de curso do ano pasado):
Espectáculo, sorpresas e diversión son as claves do Festival de Fin de Curso da EMMeD de Ribadeo
Participarán máis de 250 nenos e nenas da EMMeD de Ribadeo
Ribadeo, 29 xullo 2007. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra mañá venres, día 29 de xuño, ás oito e media do serán, o seu festival de fin de curso. Ao longo da hora e media que dura o espectáculo pasarán por riba do escenario de Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, máis de 250 alumnos e alumnas da Escola para ofrecer un espectáculo que o director do centro, Lourenço Cruz calificou como “sorprendente e ilusionante”.
Como novidades da edición deste ano a EMMeD de Ribadeo vai presentar no festival o grupo de clarinetes, unha formación que nace coa vontade de converterse en estábel e na que participan arredor de 20 instrumentistas. A outra gran novidade da noite vai ser a importante presenza das nenas de ballet no espectáculo, coa interpretación de 4 coreografías de diferentes estilos.
Un grupo de guitarras, unha agrupación formada por 80 nenos e nenas de iniciación á música, un grupo de música mixto para interpretar música rock, unha agrupación instrumental que recolle todas as especialidades que oferta o centro e un coro son o resto de formacións que actuarán mañá no festival de clausura do curso na EMMeD de Ribadeo.
O director do centro destacou que no festival “vaise poder ver música de todo tipo e de todos os estilos, formacións convencionais e outras creadas de xeito directo para o festival coa intención de que os nenos e nenas, os pais e nais e o público coñezan as enormes posibilidades que ofrecen tanto a música coma o ballet”.
Lourenço Cruz mostrouse moi ilusionado de cara o festival tanto “polo importante número de nenos e nenas que van participar como polo papel dos pais e nais, que mañá terán un protagonismo especial”.
Prazos de matrícula
A EMMeD de Ribadeo abrirá o próximo luns día dous de xullo, entre as 12.00 e as 14.30 horas, nas dependencias da Casa do Mar, o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2007/08. Para inscribirse tan só é preciso levar o número de conta e cubrir o impreso correspondente.
Canto debe cobrar un alcalde?
20070627
Sobre criterios
Magnífica posta de Sol na faro da illa Pancha este 27 de xuño. Non sei que fixo cada un dos concellais despois do pleno, pero pode que non fora mala idea ir vela xuntos (cousa que a ben seguro non fixeron)
O pleno extraordinario de hoxe, sen o apartado de rogos e preguntas que tanto ten dado de si, foi abondo previsible a conto do que se rumoreaba polo pobo esta mesma mañá.
Unha nota: as fotos, do pleno de hoxe, e os postos do pleno, están na orde da entrada de Ribadeo historia sobre a corporación (excepto os dous últimos pares). A, B e C corresponden ós postos da interventora, o segredario e o xefe da sección 1ª (coido que o é) do concello.
O pleno deu comezo coa lectura da acta do pleno anterior. repartíronse as tenentías de alcalde e as delegacións, así como os postos na Xunta de goberno, quedando un vacante que non se considerou necesario cubrir (só participa o BNG). Dispuxéronse os plenos para os segundos luns dos meses impares (o primeiro será o 9 de xullo). Todos os grupos, excepto UPRi, votaron a favor (UPRi quería plenos mensuais). Os postos nas diversas comisións serán compostos por 2, 2, 2 e 1 concelleiros dos diversos grupos.
O punto nº 7 trataba da dedicación exclusiva do alcalde, con proposta do BNG de 14 pagas de 2781,65€ brutos máis o correspondente á media de asistencia ós plenos e demáis.
Foi con diferencia o máis longo. En resume, comezou despois da exposición de Vicente a de Rivas, lembrando que os alcaldes en Ribadeo comezaron a cobrar a partir do pleno do 20 de outubro do 1999, e o fixeron co criterio do que se cobraba no posto de traballo correspondente. Propuxo seguir aplicando o criterio ou deixalo sobre a mesa.
Balbino pediu consenso, deu o seu apoio a Rivas, lembrou que Fernando Suárez votou en contra de subirlle o soldo ós funcionarios e persoal do concello e agora quere subir o seu.
Andina propuxo como criterio que todos os alcaldes cobraran aproximadamente o mesmo soldo, de xeito independente á súa profesión, para evitar nalgúns casos ter que pagar moito máis do actual, e dixo que ían (o PP) a absterse.
Ó final de dúas roldas de respostas nas que non houbo moito novo, a votación foi de 9 a favor de deixalo sobre a mesa e 4 en contra, polo que non se chegou a votar a proposta do BNG.
Pasouse logo ás delegacións nos centros educativos: Gregorio sanz, PSOE (Mª José); IES Porta da Auga, PP (Begoña); Dionisio Gamallo, BNG (Vicente); EOI, UPRi (Rivas). O CIFP polo momento non ten consello escolar polo momento.
Logo viñeron os emolumentos das viaxes: 102,56€ por día de residencia, 53,54€ por dúas comidas, 26,77€ por unha, e polo tanto, 155,90€ o importe total dun día con noite.
Quilometraxe, a 0,19€/km.
60€, asistencia ós plenos; 40, comisións informativas, 60, xuntas de goberno, 40, por xunta de portavoces. Excepto este último párrafo, o resto foi aprobado por unanimidade. Este, coa oposición do PP.
En resume, primeiros enfrontamentos entre grupos e primeiras botadas en cara de que non hai diálogo...
PAAU
O pobo decidiu...
... pero, quen goberna Ribadeo? Hai pleno para configurar o equipo de goberno, o soldo do alcalde... e teño a sensación de que o período que comeza ode ser moi duro non śo para o alcalde e grupo BNG, senón para todo Ribadeo. Non son o único que opina así. Pouco a pouco hase ir vendo quen goberna Ribadeo, se o pobo a traverso dos políticos mediante as eleccións (algo limitado) ou os políticos a traverso do pobo (manexos que poden ser ilimitados ó longo dos catro anos dun mandato).
Confiemos, pero non pechemos os ollos con 'amor cego'.
A foto, unha árbore frorida en Ribadeo, a xusto antes do comezo deste mandato.
20070626
John Rutherford
O opio do pobo
Evidentemente, os tempos cambian. Hai unhas décadas, neste país, considerábase o fútbol o opio do pobo. Agora, o 20% dos cocainómanos europeos son españois (cunha poboación que representa só o 10%), tendo un consumo medio superior mesmo ó dos EEUU. E é que a bonanza económica para algúns trae estas cousas, en tempos no que o fútbol decae salvo no propio entorno do partido decisivo. Os tempos de 'panem et circenses' dos romanos para apaciguar ás masas xa pasaron. Agora ó futbol súmaselle a tele, e se non, outra serie variada de espectáculos (tamén internet) nun contexto no que o pan dun xeito ou outro outro está asegurado. Mentres, os niveis de construcción social ou de participación política están caendo mentras se consolidan redes que institucionalizan tanto unha como outra, non mobilizando nada máis que para casos concretos a base de propaganda.
Dende logo, a situación está pintada quizais dun xeito un pouco esaxerado, pero por aí van os tiros. Por certo, cun tema en certa forma relacionado voltou o doingo a ter columna Suso de Toro en El País.
A foto anónima, de calquera sitio nun país latino... corresponde a Ribadeo. A outra, máis recoñecible, das marismas de Reme, na ría de Ribadeo.
20070625
A corporación Municipal, en Ribadeo historia
Accidentes e atentados.
Onte en Ribadeo caeu un home dende a súa casa á rúa, co benévolo resultado de atoparse a estas alturas en Burela, no Hospital da Costa. Causas e demáis, non as sei ben, pero parece que máis ben foi unha casualidade que unha causalidade.
Ben diferente son os seis mortos (3 e 3, españois e colombianos) de onte no Líbano, seis cascos azuis que caeron nun atentado, lonxe da casa e diríase que sin comelo nin bebelo nunha misión humanitaria. estando a favor do conepto, sempre me costou comprender caso por caso as misións dese tipo, que son dun estilo a cando se pon un cativo en medio para tentar separar a outros dous: cun non soe abondar, e participan varios, co resultado moitas veces de que algún dos benintencionados remata levando algún golpe. Pero de xeito internacional, normalmente o comezo da actividade benevolente é á petición dunha das partes, o que ás veces confunde un pouco. Por exemplo, cando a petición parte do teóricamente máis forte, como neste caso do Líbano, no que a parte agresora (alomenos, a invasora, que agresións previas hóuboas por ambos bandos) israel, cuns dos exércitos máis potentes do mundo, foi a que pediu a intervención de forzas da ONU para deixalas no territorio invadido.
Seguir tendo unha visión optimista do mundo parece difícil, pero é traballo de todos os días para que alomenos a parcela na que un pode ter algo de influencia vaia a mellor con alo de ledicia. Non é doado. Os luns hai que facer un esforzo extra para a semana. Esta, por exemplo lembrando as fogueiras de San Xoán, que por certo parece que cada anos s fan antes, como axudando ó Sol a gastar as súas forzas para que chegue antes a noite en troques de axudalo cando xa non lle quedan forzas para que non veña a noite. E é que os conceptos cambian e as fogueiras xa non se fan co mesmo sentido que antes...
As imaxes, un aspecto descoñecido de Ribadeo: os servizos para cans. E outro mellor coñecido, os desastres do urbanismo, neste caso, entre un edificio máis alto e outro racional, un aumento de alturas, algo por diante e máis polo medio nunha restauración, na rúa san Roque.
20070624
Que sería dos raposos se as galiñas non foran galiñas?
É unha frase que aparece en 'La Regenta', a conto das relacións sociais nunha pequena comunidade eclesiástica. Pero vale a todos os niveis, Ribadeo incluído, claro: que sería dos que tentan impoñer sempre as súas ideas usando o poder se os que non soen facelo e non teñen o poder se rebelaran?
Outro mundo é posible. Por suposto.
A foto, da ría de Ribadeo en marea baixa o venres.
20070623
Pobre mundo rico...
Coido que é convinte para complementar o resume anterior sobre 'Latexos do mundo' poñer o folleto da conferencia...
(lembro o de clicar sobre aimaxe para facela lexible)
Latexos do mundo
Varios datos antes de comezar: participaban o C.I.P., a Xunta, Le Monde Diplomatique (ambos son respectivamente director e colaborador do mesmo) e Caixa Galicia. A Xunta, por partida dobre, pois entendo que o 'Club' ten relacións moi fortes con aquela. Ramonet naceu en Redondela e é semiólogo, Chao, en Vilalba e ós 10 anos deu un concerto de piano no 'Círculo das Artes' de Lugo e logo foi escritor e diversas cousas, entre elas, músico medio frustrado. O salón da Caixa en Lugo estaba atestado, con máis xente nos corredores de pé ou sentada que nas cadeiras. A conferencia tivo tres partes, estando as dúas primeiras a cargo de Ramonet (que tamén directivo de ATTAC) e a última á de Chao.
Planteouse un esquema no sentido de que no mundo están a xogarse como tres partidas de xadrez de xeito simultáneo.
A primeira corresponde á guerra. É a que da información carnaza á prensa. Tradicionalmente os actores neste campo foron os estados, cunha hiperpotencia na actualidade, os EEUU que ten un orzamento de defensa maior que a suma dos dez países seguintes en gasto. Na actualidade a característica é que non hai moitos conflitos relativamente, pero os que existen están concentrados nun 'foco perturbador' capaz de irradiar. Tampouco hai conflitos interestatais, senón entre estados e organizacións non estatais, e nos que os primeiros non teñen trazas de vitoria, cando non están sendo derrotados sen paliativos. A focalización de conflitos nunha zona ten unha perspectiva principal: o control enerxético, cun horizonte de fin do petróleo. Este é o horizonte, xunto coa emerxencia de enerxías de substitución en panais (e que interfiren na producción da enerxía necesaria, no tratar unha diminución do consumo, na emerxencia de novas tecnoloxías, ...) que están querendo ser evitadas por algúns poderes para impedir un cambio de estilo/modelo de vida, mentras de a tradicional do petróleo está inmersa no problema medioambiental que sofre o mundo e que é un problema transversal ós tres 'taboeiros'. Por outra parte, o foco perturbador ten unha relación forte co islam, tras a práctica eliminación da doutrina marxista e dos movementos guerrilleiros do século pasado na actual loita. Outro factor relacionado ten un foco secundario en Asia do Norleste pola nuclearización, a partir do feito de que na zona quente xa hai moitas partes implicadas coa arma nuclear, comezando por EEUU ou o Reino Unido. Un dato para pensar: afirmouse que en caso de escalada, o Xapón podería contar coa arma cuclear en un tempo tan curto como varias semanas.
O segundo taboeiro é o da globalización, como expresión da fase actual do capitalismo e que representa unha especie de guerra de mercado contra estado. Sendo un enfrontamento de tipo económico, os actores principais son as empresas, e é un fenómeno que caracteriza a nosa época, implicando un cambio na configuración dos poderes a partir da libre circulación dos capitais, e establecendo unha xerarquía de poderes Financieiro - mediático - político, no que este último sería o escalón máis baixo. Este fenómeno maniféstase a traverso de diversas interaccións ó estilo dun cancro (a metáfora é miña), e así, téntase asemellar/tratar o estado a unha empresa, inculcar que a sociedade non existe, senón só individuos que ademáis son egoistas (ó non ter o soporte social), ... Dun xeito reduccionista, o enfrontamento sería entre globalizadores (empresas) e globalizados (cidadáns), no que as primeiras, que van gañando a partida, irían aumentando o seu espazo de xogo (o mercado) a costa do estado.
Chao pasou ó conflito pobres - ricos, ('pobre mundo rico'), o que denominou a guerra contra os pobres, cuxo comezo tivo lugar co sedentarismo (coido que antes non había posibilidade de desenvolvemento grande de posesións ó non poder transportalas) e cuxas primeiras expresións práticas foron a antropofaxia e, co descobrimento do valor económico da forza de traballo, a escravitude. As consecuencias dese descobrimento económico esténdense ata a actualidade, e así, en tres śeculos, 80M de africanos foron feitos escravos (os máis válidos, resistentes, ...) e masacrados (as súas familias, mulleres, ...) o que podería explicar o atraso que aínda na actualidade sofre o continente. A sociedade tivo diversas disposicións ó longo do tempo, e así podemos atoparnos con actitudes curiosas como coa igrexa recomendando que non se maltratara inútilmente ós escravos. O comezo do derrubio do sistema estivo na industrialziación, na que as necesidades da forza de traballo variaron, e a falta de necesidade tivo tamén consecuencias na vitoria relativa das revoltas, como a de Haití, que liberalizaron legalmente as presoas escravizadas, comezando outro tipo de xugo coa emigradión e a colonización, transmutando escravos en obreiros con condicións diversas. A intervención de Chao, abondo máis desestruturada, caótica e sentimental que a de Ramonet (e que polo tanto esixe do 'resumidor' unha maior intervención/interpretación), deixou caer sobre todo unha serie de pinceladas, como que agora é a dereita a que asume o vello ideal anarquista de non-estado, destruíndo as súas capacidades e deixándoo reducido á mínima expresión. Rematou co interese polos pobres como fonte de negocio (ó estilo do cambio de antropofaxia á escravitude), pois se 4000M de persoas teñen que subsistir con 1$/día, eso representa para as empresas un posible volume de negocio de 4000M$/día...
Breves sobre o final:
As preguntas tiveon que ser cortadas ... por peche do local ás 10 da noite, co que houbo unha acumulación dunhas cantas e logo a intervención dos conferenciantes tamén agrupada. Non aportaron moito novo e tiveron un punto de polémica nun momento no que se estaba a falar de Hugo Chavez e a 'revolución bolivariana' e interrupiron dúas mulleres con intereses relacionados con Venezuela (prefiro non resumir para non facelo a costa da imparcialidade).
En relación á revolución bolivariana e a cubana, unha cita de José Martí: un pobo culto é moi difícil de enganar.
Unha pregunta que se me quedou no tinteiro pola limitación citada: os escravos desapareceron oficialmente cando deixaron de ser necesarios. Os traballadores están deixando de selo...
Unha lembranza dun libro de Fred Hoyle. O seu título: enerxía ou extinción. O subtítulo: en defensa de la energía nuclear. (hai unha xa vella edición en castelán).
Cita. 'Desde que el hobre se ha convertido en sedentario no ha habido democracia, sino explotación'.
Unha resposta típica do poder político, negada por feitos: non se pode ir contra a globalización.
Idea de América Latina como zona do mundo onde hoxe está primando a esperanza (fronte a un desencanto xeral)
... e remato cunha cita de Gramsci que tamén se dixo alí en relación á victoria de Sarkozy en Francia: 'primeiro hai que gañar a batalla das ideas e logo, as eleccións'.
20070622
A solución témola todos porque todos somos parte do problema
Pouco antes de escoitar a frase do título entrou o verán astronómico, ás 8 da tarde do 21 de xuño, para ter unha duración de 93 días e 15 horas, co que o que dicía onte dos 100 días de graza coincide case exactamente co verán, que rematará o 23 de setembro case ás 11 da mañá (hora legal; para horas astronómicas, dúas horas antes).
Mentres, Mondoñedo, concello con abondo menos movemento, vai ter dúas adicacións exclusivas.
20070621
101 días despois en Ribadeo: 24 S
Polo momento, respeto ós días de graza, o goberno en minoría é o primeiro que eu lembre dende a democracia, e a proposta do alcalde de ter uns cartos para dividir entre os partidos tamén resulta novidosa e non sei se moi ben comprendida: suma da anterior cantidade de adicacións excusivas e división entre dous; metade para o alcalde, metade para os partidos. Así, non hai aumento de gastos por esa vía, o alcalde cobra máis que o que cobraba o tenente de alcalde e quedan cartos para libre disposición dos partidos. Pode ser unha idea, aínda que eso de 'de libre disposicion' non sone moi ben e os cartos que tocan a cada partido non den para unha liberación dunha persoa no partido para o traballo no concello.
E en relación ós primeiros resquemores, quen foi primeiro falar co PP e tivo conversas infrutuosas co BNG (ben é certo que unha persoa fixo unha cousa e o resto do partido estaba a dar outra imaxe) di agora que non comprende que primeiro se fale co PP dende a alcaldía, e que a xuntanza BNG - PSOE non tivo a mesma categoría que a BNG - PP.
'Xa somos maiores' sería o lema que habería que mencionar en relación á nova disposición de que os domingos durante cinco horas os camións non poderán circular pola N634: é unha norma que existe para os fins de semana das estradas nacionais da comunidade de Madrid dende hai tempo. É dicir, algo así como o achegamento ó 'estatuto de cidade' que ás veces se presenta como un obxectivo dos políticos ribadenses, aínda que non veña motivado de xeito direito por ser ribadeo unha cidade.
Un novo día despexado e limpo. Atmosféricamente. E dous concertos, un a cargo de xente da banda e da escola de música no Gregorio Sanz e outro da coral do Sagrado Corazón no mesmo centro.
20070620
Segunda de hoxe, unha para mañá: concerto.
--
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra un concerto didáctico no CEIP Gregorio Sanz
A actividade enmárcase nos actos de celebración do final de curso do centro
Ribadeo, 21 xuño. A Orquestra Sinfónica Xuvenil da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebrará hoxe xoves, día 21 de xuño de 2007, ás 12.15 horas, un concerto didáctico no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo. Até o centro educativo vanse desprazar arredor de medio cento de alumnas e alumnos da EMMeD de Ribadeo, de moi diferentes idades, co obxectivo de achegar o mundo da música aos máis cativos.
Segundo sinalou o director do centro, Lourenço Cruz, “trátase de familiarizar ao público de menor idade coa música clásica, un xénero ao que moitas veces non están moi acostumados”. O responsábel da EMMeD de Ribadeo sinalou que o caso da vila ribadense é peculiar pois “contamos con case trescentos matriculados e matriculadas na Escola e boa parte deles son persoas de curta idade, o que indica unha tradición musical importante, aínda que fica moito por facer”. Lourenço Cruz mostrou o seu asombro pola “escaseza de actividades musicais coma de hoxe” que se levan a cabo na comarca e sinalou que “en boa parte de Europa concertos deste tipo forman parte de xeito estábel da programación educativa dos centros”. “Queremos conseguir que durante o próximo curso, a celebración dun concerto didáctico xa non sexa unha novidade no noso día a día dentro da Escola”, sentenciou.
O concerto vaise dividir estrutúrase en tres partes: a primeira delas sirve como presentación da formación e da actividade así como do traballo que se leva a cabo nunha formación musical de cara a preparación do concerto; a segunda parte consta dunha presentación das diferentes familias instrumentais que compoñen a orquestra así como da súa sonoridade; e na parte final tócalles o turno aos propios alumnos e alumnas do centro que van ter a posibilidade de probar os instrumentos que compoñen a orquestra. Como eixe destas tres partes a orquestra vai interpretar fragmentos de coñecidas bandas sonoras de filmes e series de televisión, caso de Os picapedra, Os Simpson ou A bela e a besta.
Lourenço Cruz mostrou o seu “máis profundo agradecemento” tanto aos profesores e profesoras do centro como á súa equipa directiva por ser receptivos ante unha actividade que calificou como “moi enriquecedora para os nenos e nenas”.
--
Xerfa
Xerfa é a escume que molla nas rompentes e o nome da revista da que se presentou onte a 16ª edición. Dicía na entrada anterior que me gustara. Na súa portada aparece relacionada unha serie de webs, e a parte da do mesmo IES, nas únicas que aparecen na portada nas que sae relacionado o centro por algún motivo están relacionadas con http://gl.wikipedia.org, a Galipedia, enciclopedia libre en galego que tamén aparece no lateral deste blog e que ten unha entrada abondo extensa adicada a Ribadeo. Por certo, no acto de presentación da revista, tamén se presentou a web do centro, á que este curso se lle deu un bó toque (este edición de Xerfa é a única que non está na web polo momento), e o novedoso sistema que leva por exemplo ás faltas dos fillos ós móbiles dos pais ou ós seus ordenadores.
Voltando a Ribadeo, despois da investidura continúa a política. O alcalde comezou a falar para tentar de conseguir apoios. Primeiro co PP, o segundo partido máis votado. Logo virán os outros. E despois, xa veremos se se chega a algún sitio ou non. Sitio que, de calquera xeito, non pasa por pacto de goberno senón por acordos puntuais. E, esperemos, por consultas ó pobo e escoita da súa voz: o pobo merece ter sido en conta, e aínda que non sempre os gobernantes teñen por que facer todo o que o pobo quere (o anarquismo tampouco é eso; podemos falar outro día), ese telo en conta é necesario para que sexa pobo, e non un conxunto de súbditos.
20070619
Comezou a nova etapa
En fin, hoxe preséntase a nova revista Xerfa no IES Porta da Auga, e na súa portada levei unha pequena alegría. Mañá conto. Mentras, a ver se me paso polo concello hoxe...
Por certo, recollo unha nova de 'El País' que coido que ven a conto coas actitudes no concello. Pode ser un exercicio mental substituír palabras como "persoas", "partidos" e "concello de Ribadeo" no titular: "El genoma humano no es como se creía. Los genes no son independientes y el ADN 'basura' tiene funciones, según un estudio". Encaixa o crebacabezas?
20070618
Novas diferentes
En troques, hai unha nova de cara ó futuro que pode resultar abondo máis interesante, pero pasa tamén abondo máis desapercibida, e aínda menos crible: que o goberno 'reabra' a loita contra a corrupción nos concellos. E é que nesas cousas de corrupción, deixar de loitar polas eleccións non parece algo adecuado. E a corrupción en Ribadeo? Coido que aínda se ha falar algo dela, despois de que producira xa algún caso xudicial sen consecuencias.
Tamén hai novas que poden producir sorpresa aínda que outros as consideremos lóxicas: Oviedo retrasa de xeito indefinido un festival de Jazz debido ó ruído producido nos veciños. Algo se vai avanzando neso do ruído (noutros sitios, que Ribadeo segue a ser diferente polo momento)
Soa a serea de Gondán. Hai que traballar.
20070617
Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible)
Hai xa tempo que a AVV O Tesón ten publicadoo libro titulado como este artigo, Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible). Foi subido á rede en webcindario, nun blog con apenas mantemento hoxe por hoxe, e agora duplico a entrada http://ribadeo.webcindario.com/O_Teson/RibadeonoTempo/ referida en https://www.ribadeando.com/2006/07/loraela-ondes-ests-en-ribadeo-cecais-e.html:
Aquí tes un libro, Ribadeo no tempo (outro Ribadeo foi posible) realizado pola Asociación de Veciños 'O Tesón' de Ribadeo, como un pequeno agasallo para os seus socios e a sociedade ribadense en xeral.
A súa presentación foi realizada a partir do escaneado da edición orixinal, de dúas en dúas páxinas, incluíndo a portada. Para a reproducción, consultar as licenzas especificadas nas primeiras páxinas.
Dúas notas:
- As imaxes son ampliables!
- As páxinas do interior están ordenadas de abaixo cara arriba (é dicir, hai que comezar a ler nas imaxes de abaixo)
Boa lectura!
20070616
O concello, para quen o traballa
Nunha terra na que despois dun accidente marítimo e de poñer de volta e media a un cidadán que non tivo chisco de tacto agora primeiro un sindicato e logo o PP din máis o menos o mesmo (con máis tacto), non é doado facer prediccións. O título coido que sería a liña que debera marcar os próximos anos: o mando no concello para a xente que máis fai por el. Ata agora parece que había un certo consenso sobre o tema, pero a medida que o BNG se foi achegando a alcaldía, as opinións foron endurecéndose. Quede pois como un desexo de futuro e non como un desexo de que manden no concello os traballadores do mesmo en troques dos veciños a traverso dos representantes (non quero que se me interprete mal).
Anteonte vin un arco da vella na ría, dende a Veiga ata Ribadeo, que foi un dos máis bonitos que lembro. Ó entrar vin que a parte baixa da rúa da muralla fora amañada duns baches que se comían o ancho do vial, cunha profundidade respectable. Pensei: será un signo do futuro? Polo momento, só son unha figura retórica e un símbolo. é dicir, polo momento, o que hai de cara ó futuro é a denuncia da Plataforma de defensa da ría de Ribadeo contra as obras da autoestrada na Ponte dos Santos e a confesión/declaración do alcalde de Barreiros a dicir que o concello non tería con que compensar ós constructores polas desfeitas que o mesmo concello deixou facer (é dicir, de novo, paganos quenes non se beneficiaron...). é dicir, todo moito mais 'prosaico' ó comezo dun mandato que non vai ser doado: 4 con/contra 4+3+2 concelleiros.
20070615
Os bós e xenerosos, segunda de hoxe en Ribadeo, ribadeando.
15 de xuño en Ribadeo: do ermo
Vamos, para cavilar un cacho sobre 30 anos de historia recente (política, pero tamén social e non só económica...) tanto en España como en Galicia e tamén en Ribadeo.
20070614
Empresa Ribadeo
A ERSA era a empresa de autobuses, agora inexistente. Pero o título non se refire a ela, senón a Ribadeo considerado como empresa.
Algunha vez teño oído falar de eso, Ribadeo como Empresa. Pero resulta que as empresas, sexa cal sexa a súa actividade teñen todas en primeiro lugar un fin: gañar cartos. E parece que non debera ser o caso dunha institución pública.
O que está a pasar estes días co tema dos pactos, alomenos o que sae na prensa, lembroume eso de Empresa Ribadeo, no que o interesante sería o de gañar cartos, sexa cal sexa a actividade da empresa.
(Para quen non esteña enterado: houbo rotura de conversas BNG-PSOE porque, di a prensa, ó PSOE parecíalle un insulto os postos ofertados para concellalías polo BNG, postos que incluína concellalías 'problemáticas' e nas que xa 'tiñan fracasado'. Polo menos a prensa non os deixa en moi bo lugar. A solución para a alcaldía está pendente do pleno do sábado 16 ata último termo.)
Deixo unhas descoloridas e desfiachadas bandeiras na Casa do Óptico, sé da escola de idiomas, com emblema do comentario do día.
Esquecíaseme de facer unha corrección: ó fin, si que haberá concerto didáctico (dixera, porque así fora dito na escola a participantes do mesmo, que non no ía haber). Será o próximo xoves.
20070613
Dúas nova en prensa
1.Unha titula a España como un país no que case 6 de cada 10 persoas pensan que recibiron unha formación científica inadecuada (porcentaxe que sube nos vinteaneiros ata ser 8 de cada 9). Pero mentras, parece moitas veces como se a ciencia non fora cultura. Estamos no ano da ciencia, pero a porcentaxe de xente nova que comeza estudos científicos non para de baixar este últimos anos, incluído o bacharelato ribadense (aínda que pola pouca cantidade as estatísticas aquí sexan pouco de fiar para facer tendencia xeral).
2.A Xunta está tentando fixar a poboación no campo, e para eso destina axudas á 'nova mocidade emprendedora'. Mentras, o campo segue a quedarse sen xente nova, que atopa máis oportunidades, servizos, posibilidades, ... na vila. E tamén sen xente, a secas (por exemplo, comparar as estatísticas de censo nas mesas electorais en Ribadeo en 2003 e 2007: a porcentaxe de votantes da vila sobre o total subiu un 3% entre 2003 e 2007, do 56% ó 59% dos do concello, mentras que o número absoluto de votantes no campo baixou en 100 persoas)
O dito: Ribadeo non é 'república independente', senón que está ligado ó seu entorno galego e estatal...
20070612
Calor e posibilidades
Mentres, dúas semanas despois do accidente do Nuevo Amadorín e da polémica carta, (ver entradas despois do 28 de maio, por exemplo, esta), agora si, a UXT denuncia que se vulnera a seguridade nos buques de pesca e pide inspeccións.
É o luns de denuncias. Tamén sobre as riadas do outro día en Ribadeo, botando culpa dos danos a obras novas: a autovía, o asfaltado de San Lázaro, ... pero estas fánse por parte de responsables do concello, en concreto Fernando Suárez, pois pola xente afectada xa foron feitas o mesmo día ou ó día seguinte.
E hai outras persoas que teñen outras cousas en que pensar: hoxe intranquilidade (ou tranquilidade), mañá, selectividade.
20070611
A piragua
Onte, o Centro Dramático Galego pasou por Ribadeo a facer unha representación. O elenco de actores non deixou atrás coa súa actuación a calidade da obra, 'A piragua', ante un auditorio que poucas veces se enche tanto para o teatro. O título é só unha nimiedade ante un problema que se constrúe ás veces a base de nimiedades ata que en calquera momento deixa de ser nimio: a asimetría de xénero e a súa violencia. Neste caso, a culpa da violencia parece rematar a cargo dunha piragua tonta despois dun crescendo das secuencias que vai introducindo no interior do espectador unha sensación de desacougo e nas que a piragua non é máis do que pode ser un título.
20070610
A velocidade da ría de Ribadeo
En consoancia co artigo de E. Lombardero, unhas poucas fotos da ría. As fotos son estáticas, e así non se pode ver a velocidade que traen as motoras do fondo na terceira foto. Tampouco se pode ver moi ben a condición das augas nunha mañá con sol en Mirasol, con bañistas antes do verán astronómico...
Pero permite ver algunha cousa, como por exemplo, a nova estrutura que se está a motar en Mirasol (hai material para máis) e que de seguro está preparada para as obras da Ponte dos Santos.
Non permiten ver a invasión que sufre a ría de 'elementos motorizados' que desprazan ós bañistas (xa falei deso o ano pasado, arredor desta entrada). Pero si permiten ver a estrutura metida xa na ponte ou a auga turbia en Porcillán (que conste que os peixes non están mortos)... e que a calidade da auga pode empeorar moito máis.
Un artigo sobre a ría de Ribadeo e Ponte dos Santos, por Evaristo Lombardero
Faigo aquí de retransmisor dun artigo que se non, supoño que non vería vida na rede. Está asinado por Evaristo Lombardero e sae este fin de semana na Comarca. (para velo aparte, premer co rato)
20070609
Sobre o voto en branco (3ª de hoxe...)
Unha carta aparecida o 31/5 no 'El País' sobre un tema sobre o que non é a primeira conversa que teño, e que está relacionado tamén co libro de Saramago 'Ensaio sobre a lucidez'. (lembrade premer sobre a imaxe)
Para os que aínda non se teñen cambiado a linux
Unha bomba
20070608
Recén saído do forno e o primeiro, o reparto de postos.
E paso a algo diferente, tamén curto, que se podería sintetizar na segunda parte do título: o primeiro, o reparto de postos. Pois segundo a prensa ese foi o contido da primeira xuntanza para facer un pacto entre BNG-PSOE. E é que por algún lugar hai que comezar... aínda que choque que temporalmente as cousas sexan así. Espérase contraoferta, pero non se sabe o contido da oferta. Ben, tamén isto é normal mentres duren as negociacións, pero logo (xa o dixen noutro momento anterior) o lóxico sería que se explicitasen ben os punto do trato á cidadanía, que para algo foi esta a que elixiu. Claro que, antes, ten que haber trato.
Mentras, voltando a mirada un pouco máis aló, en Barreiros anúncianse problemas polos permisos das obras que agora poden ou non estar vendidas pero están paradas por decisión xudicial: xa se fala das indemnizacións a que teñen dereito polos permisos, e que poderían sumir ó concello nun caos económico.
A volta á violencia de ETA en Ribadeo non parece ter causado máis impresión que os comentarios propios dunha nova calquera que ninguén desexaría ter escoitado, e é que coincidiu non só cos temas electorais, senón tamén co naufraxio.
E voltando a Ribadeo, mentres todo isto sucede, a apatía parece ter feito acomodo á contradición de que as zapatas de apoio das pilastras da Ponte dos Santos vaian ser elevadas dise que uns tres metros mentres que prometeuse (pola obriga imposta por medio ambiente) non tocar o baseamento. Despois da denuncia da Plataforma, 'aquí paz e despois gloria'.
20070607
O ecoloxista
O circo, o que sobra e o que falta
Hoxe vai de fotografías e poucos comentarios. A primeira, unha vista na que se ve misturado un circo con algo que tamén podía ser identificado en certo xeito como circo: restos das eleccións (que por certo, xa podían ser retirados; noutros puntos así o foron, pero non neste)
A segunda, tamén co circo, esta volta ó pé, sobresae un sobretellado no edificio do fondo. Non me fixara nel ata que as caravanas do circo fixeron resaltar o tema. Pode que polo mesmo motivo ninguén o mencionara falando de urbanismo. Pode que sexa legal e que a vista non vaia máis aló dunha cuestión estética nun momento dado.
A terceira foto, da protección antiruído da autovía na zona de Vilaselán. Cal é a diferencia entre os tramos que hai protección e os que hai só unha rede? Cheguei á conclusión que algo parello a ter unha casa habitada de tal xeito que o ángulo de protección a partir dela sexa do orden dunha abertura de 20º a cada beira. Se se produce ruído fóra dese ángulo, xa a fastidiamos. O malo é que o ángulo só alonxa o ruído algo menos do 20%.
A outra, a 'protección' para os pilares da ponte polos que protestou a Plataforma de defensa da ría de Ribadeo hai un par de días. O primeiro pilar 'defendido' xa ten a estrutura á súa beira: é o primeiro segundo se ven de Asturias.
En total, catro fotos nas que sobran/faltan cousas. E excepto a primeira, que calculo que en poucos días se solucionará e está posta máis polo contraste do descolorido e extemporáneo co colorido e propagandístico, as outras non levan camiño de solucionarse, senón máis ben de permanecer.