20070608

Recén saído do forno e o primeiro, o reparto de postos.

Deixo algo recén saído do forno: un tríptico sobre a costa de Ribadeo elaborado no Gregorio Sanz que onte saíu do prelo. Premendo sobre el co rato pódese ver maior.
E paso a algo diferente, tamén curto, que se podería sintetizar na segunda parte do título: o primeiro, o reparto de postos. Pois segundo a prensa ese foi o contido da primeira xuntanza para facer un pacto entre BNG-PSOE. E é que por algún lugar hai que comezar... aínda que choque que temporalmente as cousas sexan así. Espérase contraoferta, pero non se sabe o contido da oferta. Ben, tamén isto é normal mentres duren as negociacións, pero logo (xa o dixen noutro momento anterior) o lóxico sería que se explicitasen ben os punto do trato á cidadanía, que para algo foi esta a que elixiu. Claro que, antes, ten que haber trato.
Mentras, voltando a mirada un pouco máis aló, en Barreiros anúncianse problemas polos permisos das obras que agora poden ou non estar vendidas pero están paradas por decisión xudicial: xa se fala das indemnizacións a que teñen dereito polos permisos, e que poderían sumir ó concello nun caos económico.
A volta á violencia de ETA en Ribadeo non parece ter causado máis impresión que os comentarios propios dunha nova calquera que ninguén desexaría ter escoitado, e é que coincidiu non só cos temas electorais, senón tamén co naufraxio.
E voltando a Ribadeo, mentres todo isto sucede, a apatía parece ter feito acomodo á contradición de que as zapatas de apoio das pilastras da Ponte dos Santos vaian ser elevadas dise que uns tres metros mentres que prometeuse (pola obriga imposta por medio ambiente) non tocar o baseamento. Despois da denuncia da Plataforma, 'aquí paz e despois gloria'.

1 comentario:

agremon dixo...

Nota: imaxes dos dípticos retiradas a petición.