20060930

Publicado hoxe na Comarca do Eo: Dous castros en Ribadeo? (2ª de hoxe)

É unha remodelación dun post anterior, ampliado. De calquera xeito, aí vai.
Dous castros en Ribadeo?
O Castro das Grobas é un emprazamento catalogado no Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afectado polo 'Catálogo de Normas Complementarias e subsidiarias de planeamento' da Consellería de Cultura, na que ten o código de catalogación GA27051007. Neste castro foi onde un agricultor descubriu a célebre 'Diadema de Ribadeo', que posteriormente sería vendida en Madrid, segundo dixeron sucesores seus, por unha onza de ouro.O castro das Grobas en Ribadeo
Pois resulta que segundo as normativa vixente, toda obra que afecte a unha distancia menor de 200m a un castro castro, ten que levar un apartado de arqueoloxía no estudo de impacto ambiental, e ser informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ese é o caso da factoría de acuicultura promovida en terreo de Ribadeo pola empresa 'Insuíña', dependente de 'Pescanova', factoría da que hai pouco rematou a exposición pública dun primeiro proxecto e que tamén toca lateralmente á zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) de As catedrais. Exposición pública si, en Celeiro, non en Ribadeo, onde está prevista. Polo que parece, ten un interese supracomunitario e polo tanto non ten por que estar exposta en Ribadeo a documentación (aínda que podería)
Ben, o castro ten unhas dimensións máximas duns 230 m x 180 m, ocupando algo máis de dúas hectáreas e media, centrado en 43º33'22”N, 7º2'53”O, é dicir, xusto ó sur, a carón, da ínsua de Vilaselán. No catálogo no que aparece referido, aparece o termo de 'punta mariña' como característica do emprazamento, a punta que se achega a ínsua. Hai que engadir que a insua viciña enténdese que ten algo que ver co castro, pensando aínda na súa pertenza ó mesmo, pois teñen aparecido alí restos arqueolóxicos, como cerámicas.
Na ficha de catalogación aparece que cando se fixo a catalogación non figuraban destruccións nin alteracións, así como tampouco había nin eran consideradas necesarias medidas de protección a parte das propias naturais, pois o estado era bo para seguir conservándose así. Os documentos de fichado inclúen planos, semellantes ó adxunto, con tres fosos paralelos escavados na rocha e de anchura entre 8 e 10m, separados por parapetos.
Na actualidade, o castro forma parte dunha mesma finca coido que comunal, creada a resultas da concentración parcelaria, como se pode comprobar por internet coa utilidade SIGPAC.
Fronte a un castro de verdade como o das Grobas, conservado ata o momento e que pode ter un futuro e contribuír ó futuro de todos nós pola súa dinamización, durante a semana das festas decateime da construcción dun pseudo-castro no centro do pobo. Para evitar que á xente lle pasara o que a min, procurei dar a nova, ó tempo que me lamentei de que se tentara recrear algo parello ó que de xeito auténtico, e cunha extensión moito maior, está sendo descoidado por completo.
Ó castro das Grobas non se lle deu moita importancia en panfletos, nin o van estudar e visitar os escolares ribadenses, pero quizais deberan: xa a finais do 1998 un arqueólogo da Delegación de Cultura en Lugo lle dirixiu un informe ó Delegado Provincial ante a criación da masa común que inclúe o castro a resultas da concentración parcelaria. Comeza dicindo ademáis que case todo o castro queda afectado pola zona de costa, o que ven sendo algo así como unha doble protección, e polo tanto, unha garantía. As medidas que se lle asignan difieren algo (non moito) das que expreso arriba, pero o importante é que fala de que 'As posibilidades de explotación turística e cultural do xacemento son excepcionais' (a negriña é miña). Aplícalle ese calificativo a) por estar encadrado nunha masa común, o que facilitaría as accións da súa posta en valor, b) pola existencia da franxa de protección de costa, que debera garantir a conservación do contorno, c) pola facilidade de comezo de posta en valor só coa limpeza do enclave, d) polo valor engadido da paisaxe onde está inscrita, e) pola facilidade cara á súa explotación que representa a proximidade ó pobo de Ribadeo, coas posibilidades de sinerxias que eso representa, f) pola posibilidade que o xacemento esconda mostras arquitectónicas e información científica, e g) pola facilidade previa da existencia dun levantamento topográfico anterior debido á concentración parcelaria.O Castro das Grobas en Ribadeo. Situación na foto
En fin, que cando hai algún tempo se me ocorrera facer unha pequena nota sobre o castro e as súas posibilidades non sabía que o traballo xa estaba feito dende hai oito anos, incluíndo algo que aparece claro na carta: a proposición ó Concello da súa recuperación. Esto último, aínda que expreso no texto, non sei se se chegou a facer ou non.
Coido que se debe insistir na promoción turística e cultural do castro, que entendo abondo máis rendible que o deseño ad hoc de algo parello a un castro, pero de mentira. Lembro ademáis que hai poucos días o catedrático de xeoloxía da USC Augusto Pérez Alberti traía unha pequena recua a estudar a zona de costa ribadense e falaba da potenciación necesaria da xeoloxía na zona, tamén dende un aspecto turístico. Xeoloxía que está fror de rocha tamén na zona do mesmo castro, zona na que a piscifactoría de Insuíña prevé rebaixar o terreo uns 15m.
Repito que teño a idea, pero que xa a tivo un arqueólogo, un tal G. Meijide, hai perto de 3000 días. E polo que parece caeu en saco roto.
Unha última cousa. Como a zona non está desenvolta de xeito turístico, ténme preguntado xa algunha xente onde é o castro das Grobas. Por se non quedou claro no plano e na imaxe do sigpac, queda pegado á insua. Se se quere ir a esa zona dende a pista costeira asfaltada, coller o camiño cara ó mar no punto máis alto da pista, por tras das casas de Vilaselán. Hai unha bifurcación, e collendo á esquerda ó pouco estaremos metidos un bó cacho entre dúas zonas máis elevadas, que fan como paredes do carreiro: son muros exteriores do castro, trazados en xeito circular, que o limitan cara á terra, como aparece no plano.
Antonio Gregorio Montes

Fadesa, Martinsa, ... pobre xente. Pobres de nós

Vin unha serie de gráficos na prensa de onte. A nova, a compra dunha construtora galega por outra madrileña. As cifras que se manexaban, mareantes para unha persoa de a pé. O fondo da nova, máis ou menos 'que se nos vai una empresa!'.
No primeiro, Fadesa, a construtora que se dicía insignia de empresas galegas, xunto con Zara e Citroën (si, aparece cantidade de veces como galega, si) implica que a construtora multiplicou por 4 o seu negocio entre 2001 e 2005. Crecemento rápido. Estamos a falar de case 1000 millóns de € no 2005.
O segundo, o beneficio. No mesmo periodo, multiplicouse por ... 9! Podería indicar só unha boa xestión, ou unha mellor xestión co paso do tempo. Pero estamos a falar dunha construtora que no 2005 convertía o 20% dos ingresos en beneficios. É dicir, parece ter algo que ver o aumento dos prezos da construción e dos solares que ten hipotecada a media España.
O terceiro e o cuarto significan que a empresa 'galega' que é adquirida por unha empresa madrileña ten uns 20.000.000 de m2 para construír. Eso da algo así como 200.000 edificios de 100 m2 de planta, o que é unha casa de dimensións normais. É certo que parte do terreo seguramente deberá quedar para infraestructuras e servizos, pero pónlle só a metade construído e catro plantas (ou 3 + baixo), eso implica 400.000 vivendas (ou 300.000 + 100.000 baixos), é dicir, a 2 ou 3 persoas por vivenda, construción posible para unha poboación como a de Vigo, A Coruña e Santiago xuntas. Para ser unha empresa que comezou a actuar algo en grande nos 90, coido que é unha carreira meteórica. A min non me cadran as contas de como se pode facer eso, ó menos se deixamos á beira a inflación urbanística. Ben, deses m2, 1.000.000 corresponde a Galicia (15.000.000 a España)
Outro gráfico máis nos da unha cifra que indica o perfil de negocio, e que para unha empresa pequena non tería nada de particualr, pero coas dimensións de Fadesa parece marcar unha tendencia: as vivendas de segunda residencia constitúen máis de 1/3 do negocio, e as protexidas, só 1/10. é dicir, algo así como que quen da o negocio é quen ten cartos, algo que polo demáis pode resultar obvio nun sistema sen compensacións.
Hai máis gráficos, pero fíxome só en dous a parte dos anteriores: nun, pon o capital social das empresas que adquiren esta 'xoia do patrimonio galego'. Se a prensa non se engana, o capital social das dúas é 1.200.000 €, mentras que van pagar pola metade da empresa 2.200.000.000 €. Significaría que manexan uns fondos de alomenos 2.000 veces o seu capital social. Eso fánno os especuladores, que esperan beneficios rápidos con poucos compromisos iniciais, ou os que queren sinxelamente invertir sen ter que poñer os cartos de veras se as cousas pintan mal. O outro gráfico indica que as dúas empresas adquirintes teñen 15 empregados (a de 900.000 € de capital) e 1 empregado (si, en singular, a de 300.000 €) Poden xestionar unha empresa adquirida con máis de 4000 empregados segundo o mesmo periódico, a parte dos seus propios negocios? Unha segunda pregunta: failles falta facelo?
Reflexiono e vexo ademáis que en ningunha parte do periódico se fai eco dunha análise semellante ó que faigo. Non mo explico. Por contra, encárganse de ver se a sé social (é dicir, onde se pagan impostos) se vai a madrid ou se queda en A Coruña. Certo, eso é importante, cos beneficios da empresa...

20060929

Película sobre película, e sobre película unha...

(parodia do Villancico...)
Parece ser que houbo viciños de Rinlo que se vestiron de luto por non realizarse a peli. A min paréceme que podería ser aproveitado para facer outra peli, e engrosar o conxunto de pelis sobre Ribadeo, que daría para outra peli máis... Ben, entendo que o pésame foi dado co traxe co que deberían actuar de extras, co que quedaría todo aclarado e a película (e as outras películas) sen facer. Hai contratos asinados e polo momento parece que todo está baixo control. Tamén parecía que a peli ía adiante porque estaba todo controlado. e 'entendo que', pero 'non estou seguro de'. Que queda claro.
De calquera xeito, hai outra película: parece que Ribadeo foi felicitado polo DVD sobre o comercio ribadense en séculos pasados. Está ben que se felicite fóra por algo que aquí aínda non se viu, supónse que será cousa de felicitármonos entre nós cando se poda ver aquí. Polo momento, só me queda unha pregunta: quen felicitaría e con que criterio.
Lembro que hai un ano, aparecía no blog unha foto sobre o chapapote realizada na praia ribadense de Os Castros, que ó fin, é algo parente do que é unha peli. O do día anterior máis non trataba de pelis en Ribadeo, pero como se o tratara...

20060928

Un Ribadeo de película

Deixo para mañá o que ía poñer hoxe, porque a nova pareceume resultona: comezan a rodar unha peli, pintan parte dun pobo (Rinlo) para facela, suspéndese a rodaxe porque non deron conseguido cartos, e ... as casas pintadas, que pasa con elas? Segundo parece o alcalde prometeu voltalas ó seu estado inicial. Agora cabe preguntarse con que cartos o pensaba facer. Con que cartos o pensa facer. Claro que os veciños poden estar contentos con como lles pintaron a casa e asunto amañado. Agora que xa estaba botada de novo a alfombra de recepción na rúa peonil, como se da alfombra vermella dos Oscar de Hollywood se tratara...
De calquera xeito, o alcalde está en Italia, onde anuncion onte novamente (non sei ben se é a terceira volta que o fai) que se vai crear o museo dixital famoso e que xa ten financiación para poñelo na rede. Ou sexa, que (salvando as distancias) xa ten amañado o que eu fixen con diversos sitios ó longo de máis de dez anos e de xeito máis ou menos gratuíto, e o mesmo Concello ten solucionado sen gratuidade tamén dende hai varios anos para a súa páxina. Ó mellor é que a prensa non é reflexo fiel das verbas do alcalde, pero o que pon é eso: que conseguiu cartos para o sitio en internet. Claro que eu non son moi serio e podo rirme da situación, e o alcalde de rir, coido que non o faga da situación.

20060927

A Mariña dos mercaderes separase de Asturias

Ó crear o que oxe coñecemos como Unión Europea, o primeiro que comezou a funcionar foi o que se chamou a 'Europa dos Mercaderes', de xeito que, aínda despois de chamarese Unión, índa o distintivo dos productos segue a ser EC, deirvado anos despois do chamado 'Mercado común Europeo'. Tamén, era unha das cousas pola que algúns votamos contra a constitución europea: consideraba ás empresas máis que ós cidadáns e á sociedade. Ben, podería falarse e discutirse moito do tema, pois é unha visión demasiado rápida. O caso é que parece que a Mariña vai polo camiño adecuado para facer o mesmo: primeiro, tres Mariñas, logo, aparecen cousas como as diferencias de financiación nos parques de bombeiros e que os 'promotores' inmobiliarios pidan orzamento para levar eles a electricidade ás novas urbanizacións, facilitadas polo que en Barreiros se chama o pelotazo urbanístico, mentres en Ribadeo, despois botarlle abaixo non unha, senón vinte urbanizacións, a resposta é 'modificaremos e veremos', sen ter estruturado o plan polo momento, ... o que nos espera aínda non o sabemos, porque a falta de información e transparencia tamén son parellas ó que ocorre coa transparencia da Unión Europea nas xestións internas e externas, ou preparación de normas e leis. Claro que, visto como actúa os concellos de xeito individual, ...
Como consecuencia do xeito no que se fan as cousas (e da mentalidade que subxace), a Mariña xa está un pouco máis separada de Asturias. En concreto Ribadeo, separouse varios quilómetros, e non como consecuencia dun terremoto, senón como consecuencia dunha obra que serve para unir: a autovía. Parece que o alcalde non sae a prensa polas xestións que esteña a facer neste caso... a cousa é que leva xa sen saír (digo na prensa, non fóra de Ribadeo)

20060926

Algo máis para hoxe...

De novo, algo chama a miña atención; aí vai sen traducción: "si las injusticias se repiten, ¿cómo no vamos a repetirnos nosotros denunciándolas?" (Rosa Montero, El País, hoxe)
Hai un ano saía 'Imaxe Típica', e hoxe é nova que Noam Chomsky (para algo curto, mellor aquí)sexa supervendas gracias á ponderación dun dos seus libros por Chavez (Hugo, o de Venezuela) na ONU.

Entre Pinto e Valdemoro

Hoxe tiven unha sensación rara ó leer os titulares de prensa: a de que estamos nunha especie de 'entre Pinto e Valdemoro'. O conto é que un borracho atravesaba o regato entre os pobos e dixo algo así como 'agora estou en Pinto', pero deu un paso atrás e voltou 'agora estou en Valdemoro'. A cousa fíxolle gracia, e coa borracheira, deu adiante e atrás varias voltas ata que por fin, coa súa compañeira borracheira, caeu ó regato. Tras o susto inicial, dixo 'agora estou entre Pinto e Valdemoro'. Pois algo así. Aparecen axudas pero son semi axudas. Anúncianse inversións, pero anúncianse e de seguro volverán a anunciarse. Comidas e festexos para maiores, e quedan aí, sen unha política para a terceira idade... as eleccións achéganse e hai que dar tumbos a unha beira e outra, co perigo de facer como o borracho do conto: caer ó fin no regato sen estar nin nun sitio nin noutro, sen cumprir nin acó nin aló. En Ribadeo (ou na Mariña), nin en Pinto nin en Valdemoro.

20060925

Foto e teatro


A foto, a descoberta de que a marea está a baixar, na Ponte dos Santos, ría de Ribadeo.
O teatro... A mostra continuou o sábado co grupo 'Conxunto baldeiro', cunha obra de Manuel María, 'A lúa vai encoberta', que me deixou ganas de ler a obra porque non creo que sexa tan mala como para destrozala dun xeito tan baldeiro. Non puxen onte a crítica porque non entendo moito de teatro e tiña mdo a equivocarme, pero... desafío a quen queira a atopar alguén que de unha crítica positiva, que foi o que fixen eu: ir na súa procura.
--
Despois das fotos e o comentario a parte de onte sobre a acción social significativa, hoxe lembro unha entrada dun mexón en Ribadeo

20060924

Porto deportivo na ría de Ribadeo (2ª de hoxe)





Aí van unhas cantas fotos...
É curioso ver como o porto deportivo hai momentos nos que asemella o cadro 'As lanzas' de Velázquez, coa compoñente que ten o ser a rendición de Breda, ou a expresión 'poñer unha pica en Flandes', trasladable aquí por 'poñer un mástil en Ribadeo'. coido que pode escribirse sobre a relación, pero se non se lle ocorre a un, é posible que toda explicación esteña de máis, e así deixo só a testemuña da foto, onte, en Ribadeo.

Creo nas posibilidades da acción social significativa

(tamén en Ribadeo) O título está collido de parte dunha frasede 'La Sociedad en Red', libro ó que xa me teño referido de Manuel Castells, e é parte dunha declaración de principios do autor que teño por miña antes de coñecer que era tamén súa. Nunha época na que unha das urbanizacións de Murcia que hai poucos meses se anunciaba como parte do pelotazo urbanístico desa comunidade (Polaris World), con problemas de abastecemento de auga incrementados por macrourbanizacións como ela, campos de golf, etc, nunha época, digo, na que poucos meses despois se ve o anuncio na tele para a venda das vivendas resultantes do desastre urbanístico, creer nas posibilidades da acción social pode parecer algo así como unha relixión para un grupúsculo revolucionario en troques da base do funcionamento social deocrático. Por eso o agrado con que acollín a súa expresión no libro, un dos de socioloxía de máis impacto a nivel mundial nos últimos decenios.
Facendo un pouco parodia doutra frase que aparece pouco máis adiante no mesmo libro, "Gostaríame que este blog fora unha modesta contribución a un esforzo analítico, necesariamente colectivo, que xa se está a xestar dende moitos horizontes, co propósito de comprender o noso novo Ribadeo sobre a base dos datos dispoñibles e dunhas ideas exploratorias" para a partir de aí, actuar, claro.
--
Hai un ano subía ó blog unha nova de Ribadeo ben relacionada co que poño nesta... e algo máis, tamén sobre Ribadeo

20060923

O arco da vella na ría de Ribadeo (II, 3ª de hoxe)

O arco da vella na ría de Ribadeo IV
O arco da vella na ría de Ribadeo V
O arco da vella na ría de Ribadeo VI
O arco da vella sempre produce unha sensacón agradable. Nunha destas fotos, parece saír do caldeiro de ouro, pero non é asi; o novo faro da ría de Ribadeo (As Carrallas) está na base.

Arco da vella na ría de Ribadeo

Arco da vella na ría de Ribadeo I
Arco da vella na ría de Ribadeo II
Arco da vella na ría de Ribadeo III
Vou tentar de poñer algunha foto sen comprimir a menos do 10%, como veño a facer. Para comezar, o arco da vella na ría de Ribadeo, onte. Espero que non coupen demasiado, o xestor do blog non poña inconvinte para cargala e a descarga nos ordenadores conectados non sexa demasiado lenta. Se todo vai ben, xa poñerei algunha máis así.

Ribadeo, unha mañá de sábado de outono

Arcos da vella sobre a ría de Ribadeo
Gustame a tranquilidade dun sábado pola mañá no outono. Despois dunha noite movida (unha vez máis) na que ás 5 da mañá o local de enfrente seguía con música e as persoas que saíron puxéronse a entonar algúns 'cánticos', tras comezar con críos ata despois das doce correteando e xogando cos cartóns do lixo (pais tomando 'algo' de xeito despreocupado no local próximo), música máis alta do normal noutro local, etc, o silencio embarga a rúa ata que pouco a pouco se vai sumando xente e máquinas e queda rachado ese pequeno embruxo da mañá. Becquer, na súa célebre "que es poesía? me preguntas mientras clavas en mi mirada tu pupila azul. Y tu me lo preguntas? poesía eres tu" non definiu poesía de xeito unívoco. Moitas mañás tamén o son, por exemplo.
Onte, a III Mostra de teatro afeccionado 'Daniel Cortezón' permitiu que o grupo teatral 'Raiolas' (de Alfoz) representara ante pouco máis de trinta persoas a obra 'A Pedreira', que permitiu á súa volta que o público se escachara a rir coas pequenas miserias de enfrontamentos interfamiliares. Unha obra sen pretensións, sinxela, afeccionada non só no que responde ó grupo que a representa, senón tamén na relación á propia obra, pero que sirveu para o público e que foi ben aplaudida polos que alí estabamos. A pouca asistencia, unha mágoa.
Unha rúa desaparecida polas obras en Ribadeo
Como parte visual, 1)unha suposta rúa. Digo suposta, porque leva sen poderse usar vai para dous anos, o edificio que se supoñía axudaba a construír esa situación leva cun baixo comercial funcionando dende a primavera, e a rúa segue. Mellor dito, non segue. 2) o arco da vella (os dous) sobre a ría de Ribadeo, sobre a ponte dos Santos e As Figueiras. A sensación visual era intensa, co arco definindo unha zona clara e fóra, outra de cor escura...
Hai un ano, trataba no blog dunha fonte de Ribadeo e un comentario sobre a limpeza de Ribadeo, ámbolosdous con comentarios para tentar de atraer ligazóns a outras páxinas en inglés (era antes de que vira a necesidade de moderar os comentarios).

20060922

Política en Ribadeo e no mundo

"No ámbito político, o cambio tecnolóxico suscitou efectos moi limitados na política formal pola sinxela razón de que a interactividade e a autonomía dos dicadáns non parecen ser prioridades na práctica maioritaria de partidos e gobernos". Parece que ven como anel ó dedo de ribadeo, pero refírese a nivel mundial. É unha cita de Manuel Castells, no volume 1º de 'La era de la información', 'La sociedad en red', p.V. Visto o visto, o conseguir o turno de preguntas nos plenos hai xa dous anos non foi tan pequeno, a pesares das trabas que se poñen para facelas e contestalas. E hai que lembrar que democracia que non se usa, pérdese (igual que outras moitas cousas).
No mesmo libro, algo máis adiante, algo que pode alimentar o ego de quenes seguen o blog: "...amosou que internet é usada con máis frecuencia por aquelas persoas que se sinten máis autónomas con respecto á sociedade e institucións, e que constrúen os seus proxectos de autonomía en función dos seus propios valores e intereses. Ademáis, canto máis usan internet, máis se consolidan e desenvolven os seus proxectos de autonomía." Mentras internet siga a ser máis ou menos libre, pode ser un vector de liberdade, en Ribadeo e na China.

20060921

Un temporal/tormenta tropical en Ribadeo


Clases suspendidas en toda Galicia. Foi o que saltou ós medios como principal medida contra o temporal que afecta nestes momentos a Galicia. Temporal sobre o que se manexaron cifras de ventos entre menos de 100km/h e máis de 120km/h., e que sempre se dixo que en Ribadeo non ía ser moito. E non está sendo, aínda que algunha grúa leva pitando xa un rato nalgunha obra por incumprimento da normativa, claro. As rachas tamén as hai, pero son eso, rachas pasaxeiras que fan aumentar o pico de veolcidade. Como non vaia a máis a cousa, curto se queda, aínda que o suficiente para ver o funcionamento da resposta humana á situación (véxase caso das grúas pitantes) ou para facer a correlación entre esta 'tormenta tropical' e o cambio climático que onte mesmo foi nova por deixar un furado máis ben grandiño nos xeos do ártico. As tormentas tropicasi por estas latitudes e o desxeo planetario están ligados pola cantidade de enerxía que ten a atmósfera á súa disposición para producilos, e esa enerxía séguese a acumular polo efecto invernadoiro, derivado á súa volta de cousas como a queima de combustibles fósiles. En fin, esto é complicado, pero ó tempo pódese seguir a liña de actuacións límpidamente, e ven sendo avisado dende hai máis dunha década con resultados desiguais, tanto por países como por perfís de xente: Bush adícase a tentar negar os efectos e promocionar o consumo de petróleo (así pode axudar a amigos e xustificar Iraq dunha pasada, por exemplo) mentras que é doado ver casas con iluminación externa innecesaria ou nas que costa traballo apagar luces.
Mentras esperabamos o temporal, onte houbo uns ceos magníficos para disfrutar deles, despedida do verán que remata hoxe...
Esquecía comentar a imaxe: poderíase titular 'de Ribadeo ó ceo', e na que se pode ver a progresión do chan arriba, co remate difuso do edificio xa fundíndose co ceo e vixiado lateralmente pola grúa disposta a aumentar alguras.
---
Onte fai un ano...

20060920

Unha pregunta, Ribadeo ou Madrid?

Aquí podedes ver unha ilustración que pode ser aplicada, polo que parece, a máis dun lugar, incluída a rúa do mexo, as obras ou os decibelios, aínda que diría que o autor quería referirse a Madrid e non a Ribadeo.

O Ribadeo que queremos (do antigo blog)

O Ribadeo que queremos/No English version
Se queres lograr algo neste mundo, o idealismo non é abondo -necesitas escoller un método que funcione para conseguir o teu obxectivo. Noutras palabras, necesitas ser «pragmático»(*)
O futuro, antes de vivilo, e se queremos ter algún poder sobre el, hai que imaxinalo. E logo de imaxinalo, darlle un repaso para contrastalo coa súa posibilidade. Logo aínda, traballar para estender a idea para poder levalo á práctica. Tendo en conta o anterior, parto con estas liñas para unha materializar unha proposta ambiciosa e concreta: tratar de afrontar un Ribadeo futuro mellor que o actual, intercambiando opinións con tempo antes que o futuro nos alcance.
En certa forma, é o que fan os partidos políticos antes das eleccións coa proclamación dun programa electoral, pero só en certa forma: os programas electorais están feitos en xeral de xeito rápido e buscando non tanto a mellora do conxunto senón máis ben facer anuncio dunha mellora de cara a contar con máis votos, así como dende unha única visión e ideoloxía, sen deixar entrar na discusión outras posibilidades.
Co anterior e a comparación, creo que queda claro o que pretendo con este artigo máis outros que lle seguirán (meus, doutra xente ou mesmo facendo un ataque á pretenciosidade, amplitude, ideas ou liña seguida nos anteriores):
- Un estado de contrastación de ideas e proxectos cara o futuro, que ilumine as decisións a tomar sobre todos nós, que faga imposible cousas como as variacións repentinas de opinión, como algunha tristemente perpetrada hai non tanto tempo, ou proxectos que se indicou que van crear unha morea de postos de traballo e crearon só unha diminución de ría, ou o aumento do chamado 'feismo' que se suma ó acogotamento na construción, ou ... pon ti nos puntos suspensivos todas esas cousas que estás a pensar.
- Un Ribadeo máis informado que poda controlar o seu futuro, que se vexa máis involucrado nel. Din que a información é poder. Ao menos, da unha visión para tratar de influír no poder. E de aí, ó ceo. Depende de todos os cidadáns. Depende, por exemplo, que os políticos queiran asociarse dalgún xeito a este movemento para levar avantaxe en recoller o contacto coa xente, simpatizar cos votantes posibles nas próximas eleccións ou para tratar de conducilo.
- Pero sobre todo, un pobo que pense no seu futuro. Pensar... pode que alguén vexa como un perigo para algúns o que é unha oportunidade para todos.
En caso contrario, e como sucede moitas veces dun xeito ou doutro, remataremos dando paos de cego ou tendenciosos boa parte do tempo. Dun xeito ou doutro, a nós mesmos.
(*) Collido de "Software libre para una sociedad libre", editorial Traficantes de sueños, 2004
Saturday, April 2, 2005 09:52 a.m.

Para o PXOM (do anterior blog)

Para o PXOM /To the PXOM (without English version)
transcríbese o documento de alegacións ó Plan xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo feita pola AVV O Tesón:
Quen abaixo asina, D. Antonio Gregorio Montes, Secretario da asociación de Veciños 'O Tesón de' de Ribadeo, en representación da mesma, segundo o acordado en reunión mantida o 25 de abril, presenta as seguintes
ALEGACIÓNS ó PXOM.
Tendo en conta a documentación presentada como avance do PXOM, o acordo entre o Concello e diversos grupos empresariais para establecer varios convenios urbanísticos, as actuacións en pro da difusión do PXOM e ditos convenios, a legalidade vixente e o parecer da directiva da AVV, expoñemos:
1.Que o actual documento que se presenta como PXOM ten notorias deficiencias en canto que non establece un modelo de desenvolvemento e futuro para o conxunto do Concello nin para as entidades de poboación por separado. Asemade, non contempla tampouco criterios ou obxectivos que poideran favorecer a construcción futura de dito modelo, e deixa por tanto as accións planificadas no mesmo como feitos illados dentro do conxunto, tendo en común pouco máis que o estar recollidos nun mesmo documento,
2.Que presenta tamén deficiencias no detalle miúdo. A este respecto pódense citar a modo de exemplo (e por suposto non de xeito exhaustivo):
2.1.a falta ou o trazado erróneo de camiños, como entre O Somo e a Cabana, en Cubelas,
2.2.o trazado do Camiño de Santiago, que non se axusta ó recoñecido en moitos puntos, resultando arbitrario,
2.3.non están recollidas a modificacións xa habidas na ría, como o novo recheo da dársena N de Mirasol,
2.4.diversos erros ben ortográficos, ben de nomenclatura ('O Kostal') ou semellantes,
entre outros moitos que poñen en evidencia a falta de cuidado na realización do documento,
3.Que o PXOM non considera diversa normativa municipal. O anterior pasa por exemplo co RAMINP, que é ignorado citando só normas máis xerais, e aínda é contradito xunto con algunhas destas en aspectos concretos como no art. 153 (p.130, normas de protección ambiental, que tamén contradí outras normas de maior rango en Galicia),
4.Que polo contrario, a redacción actual do PXOM presentado integra dentro da súa literatura unha maioría de temas de lexislación ou definición por normas de rango superior, e polo tanto, substraíbles a citas e anexos. O anterior produce confusión ás persoas que acceden o Plan, soslaiando os temas que son diferenciais, específicos ou susceptibles de variación por non ser de obrigación legal de cumprimento do Plan ribadense. Dificúltase así porlo tanto a comprensión xeral do mesmo e fórzase á persoa interesada a encararse só coas particularidades ou intereses particulares en contra da visión de Ribadeo como comunidade; esto vese incrementado por outros detalles que inducen a confusión (así, a presentación de documentos consecutivos relativos a zonas anexas e aínda solapadas mantendo diferente escala de presentación; vg., fichas 31 e 32)
5.Que consideramos que os convenios urbanísticos tal como foron acordados non favorecen un crecemento harmónico de Ribadeo nin dos seus núcleos rurais. O anterior, a máis de axustarse na práctica ó límite inferior en canto a favorecer ás institucións públicas e ós seus administrados (axustándose aínda en ocasións a lexislación que deixa de ter vixencia no período actual), ademáis de ter unha ubicación inadecuada nalgúns casos e tamén a máis de incidir en contra dos criterios manifestados con anterioridade pola Xunta de Galicia na análise do Plan,
6.Que en particular en 'O Costal' o convenio impide tratar a área da ría como é debido ambientalmente, e como é convinte para o seu aproveitamento sostible en óptimas condicións económicas, é dicir, limitando ó futuro Ribadeo nos dous aspectos de calidade de vida e estructura económica,
7.Que ditos convenios favorecen a segunda vivenda de persoas alleas a Ribadeo, a quenes os afincados deberemos subvencionar as infraestructuras a máis de soportar o aumento de custes das primeiras residencias (tanto en compra como en mantemento) sen unha contraprestación clara en canto a crecemento comercial ou noutros sentidos. E, polo tanto tamén neste aspecto, e unha vez excluídos os posibles beneficiarios direitos pola venda de terreos, perxudicial económicamente para Ribadeo,
8.Que a oferta de solo para construcción neses polígonos, guiándonos pola resposta previamente dada pola Consellería e pola lóxica de crecemento posible de Ribadeo, influirá na falta de solo para a primeira vivenda dos xa afincados e dos que poden representar o crecemento futuro do censo ribadense,
9.Que nos convenios que trata de recoller o plan hai asemade pequenos erros en cantidade, que se suman ós referidos antes do PXOM,
10.Que o plan só se tratou de consensuar con empresarios, e esto en plena polémica e demostración de que alcaldía e empresarios forzaron e desvirtuaron no mellor dos casos o plan anterior, e non con veciños, que só tiveron oportunidade de enterarse das circunstancias e condicións neste mesmo mes. Hai que referir que tanto o sentido común tanto como unha adecuada xestión municipal esixiría un tempo abondo maior e unha difusión do plan e contrastación de pareceres abondo máis amplas das que se están a dar.
11.Que a mesma alcaldía refusou a participación en actividades onde se pretendía realizar unha crítica constructiva dos convenios, deixando en calquera caso a técnicos a posible explicación de convenios e PXOM, pero non a discusión sobre a finalidade, obxectivos, criterios ou implicacións sociais dos mesmos ou do Plan, que queda orfo neste sentido,
12.Que se botan en falta estudos de acompañamento ou laterais como un necesario informe independente sobre a sociodemografía no futuro próximo de Ribadeo, previo a un tratamento serio dos aspectos urbanísticos.
Facendo unha recensión dos puntos anteriores, podemos considerar que hai entre eles tres tipos. No primeiro grupo, as alegacións que implicarían só unha revisión pormenorizada do articulado e planos. O segundo grupo, constituído por aquelas outras que implican unha variación de aspectos parciais do plan. O terceiro por fin, por aquelas que fan necesario unha nova redacción do plan. En función destos grupos citados, pedimos unha nova redacción do plan que deseñe un futuro razoado para Ribadeo, contemplando tamén a nivel particular un conxunto de actuacións cohesionado nas diversas zonas adicadas á construcción e realizado cun cuidado que elimine boa parte deses detalles, erros ou omisións que fan en conxunto inválido o plan para o futuro ribadense.
En Ribadeo, a 28 de abril de 2005.

Saturday, April 30, 2005 10:36 a.m.

Dando un rodeo (ou varios) en Ribadeo

Deixo de lado novas de hoxe como que outra vez o alcalde se vai de vacacións (é dos típicos anunciados pola prensa, non quero dicir que os demáis non se vaian) ou outras novas xa vellas como que en setembro está aumentando moito a ocupación hosteleira, o anuncio do novo programa de ximnasia do concello nas aprroquias, o xa repetido recurso de protección civil ó valedor polo tema do parque de bombeiros ou que a oposición pida exemplo ó concello na limpeza de fincas, todos temas que poden dar que falar, pero que se ven superados.
Resulta que á concellala de urbanismo alicantina, que ten relación con Ribadeo, recibiu unha ameaza cunha carta cunha bala dentro. Non é pola súa relación con Ribadeo, pero fai lembrar que os constructores ribadenses pretendan estar fóra de toda sospeita na mala xestión (chamémoslle así) urbanística de Ribadeo e os perigos que pode traer ser legal, a parte de outros inconvintes derivados de non alinearse, cos constructores neste caso, con outra xente noutros.
Xa deixei dito hai tempo que saír co coche e voltar entrar supoñíame unha volta duns dous quilómetros a raíz da peonalización do centro e a posta de direcións únicas e prohibicións. Naturalmente non son o único (e se me salto a peonalización como vin facer onte, cousa amañada). Nembargantes, onte, vindo das Figueiras, tiven que dar unha volta maior. Ó saír de alí non me decatei ata que xa era tarde dun cartel baixo a ponte da estrada / futura autovía que falaba de 'volta', pero xa me deu que pensar na volta que ía dar, ata o Voar, como tamén xa dixen outra vez. Desta, ó ir de xeito lateral á estrada vella, con unhas cantas curvas, déume por ver que certamente, vai ter razón o PP cando dicía aí atrás que nos íamos quedar sen entrada ata Dompiñor, e eu escribín nun post que non lle daba creto porque sería de tolos, e os deseñadores do cotarro e os políticos podían ser tontos ou idiotas (conste que só deixo a posibilidade, non llo chamo) pero non estaban tolos. Nembargantes, púxenme a buscar planos actuais para o tema da cruce da ponte por peóns e bicis, e para esto tamén, e polo momento estou sen eles e cada vez máis mosca porque ata que non se aprobe o tema urbanístico, parece certo que non se verá a saída achegada a Ribadeo. Para voltarse tolos, despois de ver que a circunvalación non presenta eses problemas e que non vira que estivera contemplada en plan urbanístico anterior. Parece que xa temos perfilado un tema electoral que pode dar moita guerra ó partido do actual alcalde (xa comeza a estar máis dubidoso que sexa o futuro) e tamén ó partido asociado, e que podemos ir tomando nota da protesta das Figueiras ante a falta de solucións dos nosos políticos.

20060919

Estrea de alfombras en Ribadeo


De novo, na rúa principal, alfombras. Iguais que as que xa estiveron meses. Iguais que as que tras chover se fan impracticables sen especial coidado nos resbalóns. Igualiñas. Xa se foron os turistas, e os de aquí aguantamos... xa poden voltar a poñelas, ata pasou o circuíto ribadense de ciclismo, logo non hai por que levantalas... só quedan cidadáns de segunda.

20060918

Para localizar o Castro das Grobas, Vilaselán, Ribadeo (e Psalmus-nova, 2ª de hoxe)


Para localizar o castro, lembro que premendo co rato sobre a foto, aparece unha versión maior...
e aproveito apra dar a nova de que a obra audiovisual 'Psalmus', rodada en Vilaframil por Mariano Grueiro+ Santi (ver comentario...), está xa na rede.

Os días non medran

Imos para o inverno, pero aínda estamos no verán, precisamente na época na que os días decrecen dun ó seguinte con máis rapidez, no cambio de estación, cara ó frío. E se é unha posible alegoría do 'atardecer da vida', entre outras, pode facer pensar na perdurabilidade das cousas. Por exemplo, na facilidade con que o outro día Victor Moro nos lembraba nun artigo as cousas que desapareceron de Ribadeo e quedabamos abraiados pola comparativa das que quedan aínda. Para comparación, temos a loita de outros pobos por servicios, como a que tivo Foz polos servicios médicos ou que mantén estes días Burela polo Cuartel da Gardia Civil. Aquí, o que lembro de protesta auténtica foi en dúas ocasións en máis de 20 anos, nunha polo pediatra, que cando viu foi anos despois de facela, e outra loitando pola conservación da ría de Ribadeo en contra dun novo recheo, que o alcalde se encargou de desbaratar a semana seguinte, de xeito eficaz. Ribadeo vai para o seu particular inverno, e advirto que crecemento urbanístico non é asimilable a mellora, a cambio de estación para máis luz.
Así, voltando á feira de onte, da gusto que se abran novas portas ó campo, o que representa un pouco de esperanza de que isto poda cambiar a mellor, ó tempo que ó pasar por diante e ver unha rúa cortada á beira do lugar típico de realización do mercado, pregúntase o por que dun corte de servizos para ofertar a feira, é dicir, en principio, outros novos. Eu aínda non logrei contestar dende que o vin, e por eso a pregunta. Por certo, que no mesmo sentido de promoción turística que apuntaba o tenente de alcalde na apertura da feira ou eu na entrada sobre as Grobas, o catedrático de xeoloxía Augusto Pérez Alberti traía unha pequena recua a estudar a zona de costa ribadense e falaba da potenciación necesaria da xeoloxía na zona, tamén dende un aspecto turístico, lembrándome que se queren rebaixar tanto en Meirengos como en Piñeira unha morea de metros cadrados para construír sendas piscifactorías, na loita que xa esplicitei varias veces e que se dará máis mentres non se especifique un modelo de desenvolvemento para Ribadeo. E, apesares de todo o que sei sobre o desenvolvemento turístico, onte mesmo atopeime a dous ribadenses xa cunha certa idade, e con bo coñecemento da costa, que me preguntaron onde é o castro das Grobas. Por se non quedou claro o outro día co plano, queda pegado á insua (que formaría parte del). se se quere ir a esa zona dende a pista asfaltada, hai unha bifurcación, collendo á esquerda ó pouco estaremos metidos un bo cacho entre dúas zonas máis elevadas, que fan como paredes do carreiro: son muros exteriores do castro, trazados en xeito circular, que o limitan cara á terra.
Onte deixei sen dicir a fonte dunha cita. Referíase a Polonia, as declaracións dun cidadán de a pé sobre o que está a pasar nos últimos anos, a pesar dun crecemento do PIB non desprezable. Viña no 'Le monde diplomatique' de setembro, p.5.

20060917

Os domingos, feira en Ribadeo

Este fin de semana voltou a haber a feira de produtos da terra, en plan promoción turística e visionado apra o pobo da división política: xente do BNG inaugurándoa en soidade. Promoción turística para todo o ano, pero parece que concentrada no verán e fins de semana.
Como é domingo, para lecer, un acertillo. a ver se sabes a que(n) e onde se refire a seguinte cita, collida da prensa:
"estamos ante un caso típico de apropiación das riquezas estatais por aprte da burguesía local, axudada, non pola man invisible do mercado, senón polas súas vinculacións coas autoridades. Aquí temos exemplos moi concretos de dilución de responsabilidades, falta de controis, posible corrupción, violación das normas de seguridade, ..." Mañá poñerei a procedencia.
--
Hai xa dous anos, en Ribadeo...

20060916

A explicación: cara, e dura

Un comentario, esta volta non de ribadeo, senón dunha gran superficie. Un cartel na sección de libros: 'Co fin de preservar a propiedade intelectual, non se admiten devolucións'
Para rir: é unha coña.
Pois non, para chorar. Non é para evitar 'gato por lebre'. A explicación, semellante á que dan os que pensan que prestar un libro é un roubo. Por desgraza, hai xente que quere impor esas ideas. Os mesmos que fan pagar taxas ás biblotecas polo feito de prestar libros (por exemplo, o Concello de ribadeo ten que pagala; que o faga é outra cousa)

20060915

O castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo)


O Castro das Grobas é un emprazamento catalogado no Inventario da dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afectado polo Catálogo de normas complementarias e subsidiarias de planemanto' da Consellería de Cultura, co código de catalogación GA27051007. Neste castro un agricultor descubriu a célebre 'Diadema de Ribadeo', que posteriormente sería vendida en Madrid por unha onza de ouro (eso dixeron sucesores seus).
Pois resulta que segundo as normativa vixente, toda obra que afecte a unha distancia menor de 200m ó castro, ten que levar un apartado de arqueoloxía no estudo de impacto ambiental, e ser informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ese é o caso da factoría de acuicultura de Ribadeo 'insuíña/pescanova' (tamén aquí hai documentación da nova piscifactoría para Ribadeo)
Ben, o castro ten unhas dimensións de uns 230 x 180 m2, ocupando algo máis de 2,5Ha, centrado en 43º33'22”N, 7º2'53”O, e no catálogo aparece o termo de 'punta mariña' como característica do emprazamento. Hai que engadir que a insua viciña enténdese que ten algo que ver co castro, tendo aparecido alí restos arqueolóxicos (cerámicos). Asemade, cando se fixo a catalogación non figuraban destruccións nin alteracións, así como tampouco medidas de protección. Os documentos de fichado inclúen planos, semellantes ó adxunto, con tres fosos paralelos escavados na rocha de anchura 8-10m separados por parapetos.
Na actualidade, forma parte dunha mesma finca coido que comunal, creada a resultas da concentración parcelaria.
A cousa é que esta mesma semana din nova no blog da construcción dun pseudo-castro no centro do pobo e lamenteime de que se tentara recrear algo parello ó que de xeito auténtico, e cunha extensión moito maior, estaba sendo descoidado por completo.
Ó castro das Grobas non se lle deu moita importancia en panfletos, nin o van estudar e visitar os escolares ribadenses, pero quizais debera: xa a finais do 1998 o arqueólogo da delegación de cultura en Lugo lle dirixiu un informe ó delegado ante a criación da masa común que inclúe o castro a resultas da concentración parcelaria. Comeza dicindo ademáis que case todo o castro queda afectado pola zona de costa, o que ven sendo algo así como unha doble protección. As medidas que se lle asignan difieren algo (non moito) das que expreso arriba, pero o importante é que fala de que 'As posibilidades de explotación turística e cultural do xacemento son excepcionais' (a negriña é miña).
Aplícalle ese calificativo por estar encadrado nunha masa común, o que facilitaría as accións da súa posta en valor, a existencia da franxa de protección de costa, que garante a conservación do contorno, a facilidade de comezo de psota en valor só coa limpeza do enclave, a paisaxe onde está inscrita, a proximidade ó pobo de Ribadeo, coas posibilidades de sinerxias, a posibilidade que o xacemento esconda mostras arquitectónicas e información científica, e a existencia dun levantamento topográfico previo debido á concentración parcelaria.
En fin, que esa nota que se me ocorrera facer a min xa está feita na súa base dende hai oito anos, incluíndo a dirección final da carta, que lle pretende facer a proposición de recuperación ó concello, cousa que non sei se se chegou a facer ou non. Non descarto o facer algo con máis estructura que estas verbas, para insistir na promoción turística e cultural, pero quero insistir tamén que a miña idea desta semana xa a tivo un arqueólogo, un tal G. Meijide, hai perto de 3000 días...

Unha clasificación da ría de Ribadeo (2ª de hoxe)

Atención. Remata de facerse pública unha clasificación de pureza de zonas de marisqueo. aínda con toda a carga de consideracións que pode levar, a ría está encadrada en tipo 'B', é dicir, moluscos que deben pasar pola depuradora antes de ser consumidos. Non é grave, pero coido que non está previsto que ninguén vixie o tema (aínda que polo que parece si que será vixiada periódicamente a clasificación) e aí temos para poder poñer peor as cousas, por exemplo, a piscifactoría co arrastre de refugallos cara a ría ou o erre que erre das urbanizacións desperdigadas polo territorio.

Só unha cita

Recomendo, tanto por curiosidade como por interese enumerativo, o artigo de Victor Moro onte xoves no 'Progreso' (p.22)

20060914

Giovinezza (mocidade)

Hai xa máis de 30 anos que unha persoa me informou da existencia dunha canción (que eu lembraba como 'giovenezza' ou 'giovanezza', pero que ó ir a consultar ó dicionario resultou ser como o título), cantada alomenos pola sección feminina da falanxe, e de orixe a Italia mussoliniana. Ven a conto o dato por ver que os feixistas, como os comunistas, por poñer dous casos aparentemente contrarios e ambolosdous ben contrastados, preocuparonse por tentar unha formación da xuventude acorde coas súas ideas. E eso, o intento de formación da xente nova por todas as sociedades á súa imaxe, para a súa perpetuación, é o que ve meu á mente ó comezo das probas de selectividade.
En España hai pouco houbo unha polémica pola introdución dunha nova asignatura na reforma dos estudos de secundaria, algo así como a formación cívico-social (que a min me lembrou outra equivalente na época franquista, con orientación diferente pero contidos nominais supoño que relativamente parellos). Con ou sen ela, o caso é que toda sociedade intenta ese molde de 'perfeccionamento social' acorde coas ideas predominantes ou que procuran impoñerse dun ou outro xeito. E eso remata saíndo á luz antes da formación total da persoa (algo que non existe, a persoa non se finaliza de formar aínda que morra) en cousas que poden parecer tan 'asépticas' como as probas de acceso á universidade, por exemplo. Pódese estar de acordo ou en desacordo coa orientación do ensino, cos métodos, etc, pero está claro que o ensino non é algo apartado do mundo, sen ideoloxía previa ou circunstancial. E eso inflúe noutras cousas aparentemente tamén asépticas como o que se concibe como calidade do ensino, que será medida con diferentes criterios segundo as pretensión que se teñan.
No contexto do comentario anterior, dicir que os textos que soen caer nas probas de acceso á universidade, para o seu comentario e dedución de se o alumno/a comprende ou non o que pon o papel, soen ser ben do meu agrado (non digo as preguntas correspondentes, senón os textos). Reproduzo un dos propostos no exame de galego este setembro (incluídos algúns lapsus que considero erros de transcrición no exame):
"A xente nova teno cada vez máis difícil á hora de alugar. Os gobernos supostamente lanzando medidas para incentivalo pero logo, pola contra, o mercado endurécese polo seu propio peso, facendo vítimas, en todo este tipo de procesos, aos máis débiles.
Resulta paradoxal que queiramos ser europeos e cada vez máis desenvolvidos. No resto de Europa os mozos independízanse con moitos menos anos, pero os de aquí, como van a animarse ou sinxelamente poden sequera consideralo, dadas as duras condicións que os sistemas de alugueiro lles impoñen?
En Madrid, en Barcelona, nas grandes cidades, pero cada vez máis tamén nas nosas urbes galegas, uha serie de estritos requisitos engorda máis e máis esganando as posibilidades dos máis novos. Piden, xa, máis dunha mensualidade por adiantado, diñeiro que en ningún caso é recuperable porque por moito esmero que se poña no coidado do apartamento, o tempo pasa igual para arrendador e arrendatario e resultará imposible que pareza máis novo que o primeiro día, sempre se atopará algo que alegar.
Pero piden tamén nóminas, ou parte do salario dun mes a fondo perdido, ou a cota dun mes en concepto de gastos de contratación. E piden, por último e case no cen por cen dos casos, un aval bancario. Señores/as: do que foxen precisamente os mozos/as cando toman a valente decisión de construír a súa propia autonomía, é de ter que recorrer sempre a alguén que os avale"
O texto é de Yolanda Castaño, de este mismo 2006, e é un dos que se pode citar entre galego, castelán e aínda idioma estranxeiro. Cada un diferente, e de maior ou menor interese ou diferentes ideas, pero na práctica, todos interesantes e que suscitan a reflexión para alguén que non teña que examinarse con preguntas diversas sobre eles...

20060912

Día da ría de Ribadeo




Escoitei hoxe que os pescadores de Palma de Mallorca levaban retirados, dende comezos de ano, 50Tm de residuos flotantes. Por sorte, o Cantábrico aínda non é como o Mediterráneo, e espero que non chegue a selo, aínda que a cousa non pinta ben.
O caso é que me fixo pensar, vendo a ría como sae nas fotos, nas súa preservación, o seu nome e esas cousas nas que andamos os que sentimos algo pola ría de Ribadeo. E así xurdiume a idea de ter un 'día da ría de Ribadeo', identificado como o día de setembro coas maiores mareas, para vela do maior número de xeitos posible. As mareas máis vivas coido que foron a fin de semana, e xa non poño aquí como compaña o gráfico correspondente, pero aínda seguen a ser vivas abondo para poder disfrutar dunha gama de vistas moi amplia, máis do normal, que xa é abondo. O día sería así unha oportunidade para unirnos en torno á ría, á súa variedade e riqueza para non esquecer o que temos, o que podemos disfrutar e o que pode servir para unirnos.
Por outra parte, para aqueles ós que lle interesa o lucro, un día así tamén sirve para potenciar o negocio, para facer máis pulo co turismo, extender a tempada turística máis aló dos dous meses de verán (e outros moitos días anexos ou non) etc. Coido que aínda sería aproveitable en plan político, agora que veñen as elecións municipais...

Castro balbinense no centro histórico de Ribadeo

    Poucos días despois de dar nota dunha obra veciña á oficina de turismo, na ex-horta de Boado, entérome de que é: a reprodución dun castro. E lévome unha sorpresa, non polo onde, por estarse a facer nun sitio no que se descoñece a existencia de castro previo, nin polo como, pois o presunto castro (ó meu ver) non leva a liña dos de Coaña (Asturias), Santa Tecra (Pontevedra), Fazouro ou Viladonga, nin tampouco polo por que, en contraste coa non recuperación de outros lugares de interese arqueolóxico en Ribadeo, senón polo cando, en antítese co descoñecemento sobre a situación do castro das Grobas, onde si se sabe do sitio arqueolóxico, naturalmente ten a liña de outros castros, e as defensas, e non só está totalmente abandoado, descoñecido e descoidado, senón que nestes momentos a piscifactoría de Insuíña/Pescanova está previsto que pise terreos del coa aquiescencia de poderes públicos.
    Onte deixei un 'tag' mal posto e a letra aparecía pequena... xa o corrixo, remato de decatarme.
    Onte non puiden ir ó pleno, pero tentarei enterarme a algo: sei que tentaron meter unha moción polo da piscifactoría, por exemplo...
    E unha nova de internet - Ribadeo: hai outra nova páxina sobre Hernán, a parte do 'arquivo dixital Hernán Naval': o blog Hernán Naval. Pouco a pouco vaise facendo unha pequena rede (eso si, moi lentamente)

20060911

Parte diario

Estamos xa afeitos a que os xornais traian nas súas páxinas o parte diario de incendios, co estado de desenvolvemento dos máis importantes, altas e baixas. Parece algo semellante ó que ocorre coa fame no mundo, por exemplo, ou coas catástrofes ecolóxicas, cada grupo nos seus respectivos termos de evolución e importancia dada pola prensa. Importancia que tamén decae, a base de saturación, como comezaría a pasar cos incencios xa logo se non viñera o outono coas chuvias esperadas. Por eso, a detención dunha persoa cando está prendendo lume xa non se sabe ben como tomalo, en serio ou a choteo, con desconfianza por tere sido soltado con cargos ou con esperanza por ser cazado e o incendio ter tempo só a queimar varios m2.
Mentras, tamén chega a nova de que a mesma empresa que deu nacemento ó desastre ecolóxico no Umia 'sufre' (e sobre todo, fai sufrir) outro percande en Barcelona. Os nenos desnutridos xa non saen pola tele, xa non snon nova. Estas cousas levan o mesmo camiño.
Hai un ano daba nova de que as obras de ampliación de Mirasol xa estaban en marcha. Hoxe lémbroo con rabia, ó tempo que as novidades van no mesmo sentido de destrución máis que de construción.

20060910

Unha nota de prensa de Adega respecto á piscifactoría (2ª de hoxe)

Reprodúzoa enteira:
Santiago, a 10 de Setembro do 2006
ADEGA PIDE QUE A PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA DESPRAZADA DE CABO TOURIÑAN A RIBADEO SE APROXIME AOS LINDES DO POLÍGONO INDUSTRIAL EN TRAMITACIÓN

O chamado Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria que o governo anterior, -da mán do exconselleiro de Pesca, D. Enrique López Veiga, nos deixou en herencia-, non consistía máis que nun mapa cos lugares elexidos polas empresas do clúster de acuicultura, sen outros criterios que os de fácil acceso á auga do mar e reducidos costes de expropiación. Nada importaba que se tratara ou non de espazos protexidos ou de paisaxes singulares e así resultou que dun total de 23 parques iniciais, 13 afectaban a espazos protexidos ou que mereceran ser considerados como tais. Entre estes estaban, a piscifactoría do Sr. Alvárez-Cascos en Rinlo-Ribadeo (hoxe paralizadas as obras por decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza) e a piscifactoría de Pescanova en Cabo Touriñán, ambas as dúas en idéntica situación administrativa: estudo de impacto ambiental favorábel e proxecto sectorial aprobado no último consello da Xunta de Galiza presidido por D. Manuel Fraga.
Aínda que a actual Consellería de Pesca, de forma incoerente, tén acordado, -a pesares das múltiples irregularidades do Plan (fáltalle avaliación de impacto ambiental e informe urbanístico da consellería de Ordenación do Territorio)-, continuar adiante co Plan de acuicultura do Sr. López Veiga, hai consenso entre Pesca e a Consellería de Meio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel en facer respetar os espazos protexidos da Rede Natura, obrigando así a Pescanova a buscar outra ubicación para a piscifactoría de cabo Touriñán e a Stolt a buscar outra para a piscifactoría nos lindes do Parque Natural de Corrubedo.
A nova proposta de ubicación para a piscifactoría desprazada de Cabo Touriñán ven a ser agora a punta de Pena Corveira ou Pena do Corvo en Ribadeo, nun área de apenas un quilómetro de ancha entre o LIC de As Catedrais e o LIC e tamén ZEPA da Ría do Eo. Trátase dun área dentro da rasa costeira cantábrica á que aínda non tiña chegado a presión urbanística do litoral e de importante valores paisaxísticos na que, ademáis, podemos contemplar un castro no que aínda son ben visíbeis os seus muros perimetrais. Dende o punto de vista ecolóxico, esta área comparte a mesma xeoloxía, edafoloxía, condicións climáticas, etc, dos LICs colindantes nos que se constata a existencia de valiosos hábitats prioritarios: o *4020, Uceiras húmidas atlánticas de erica ciliaris e erica tetralix, ou o *4040, Uceiras secas atlánticas costeiras de erica vagans e Ulex maritimus. A escasa presencia destas especies nesta área na que está prevista a ubicación desta granxa mariña de engorde de peixes planos non é debida máis que a tratarse de parcelas aínda traballadas para uso agrario, cumplindo cos criterios do anexo III da Directiva 92/43 para a selección dos lugares de importancia comunitaria. E, en tal sentido, tanto dende ADEGA como dende a Federación Ecoloxista Galega, vimos solicitando reiteradamente a conexión destes dous espazos protexidos que só se entende que quedaran no seu día desconectados non polos seus valores ecolóxicos senón por, máis que seguramente, por intereses da especulación urbanística.
En base a isto, ADEGA pide da Consellería de Meio Ambiente que se atenda a solicitude de ampliación da Rede Natura que se tén presentado xa no principio desta lexislatura conectando estes e demáis espazos da Rede Natura do litoral de Lugo e pide da Dirección Xeral de Recursos Mariños que se lle propoña a Pescanova desprazar esta instalación ata os lindes do polígono industrial que se está iniciando en Ribadeo, de forma que, -ademáis de aproveitar os servizos propios do polígono-, permita dar coerencia a estes espazos da Rede Natura e preservar os valores paisaxísticos e ecolóxicos de toda esta zona costeira. Para facilitar isto, ADEGA propón que, dos fondos anunciados pola Ministra de Meio Ambiente para a adquisición de espazos protexidos no litoral, se solicite, por parte da Consellería de Meio Ambiente, a recompra das parcelas adquiridas por Pescanova a cambio tamén de facilitarlle a cesión de terreos necesarios dentro do polígono industrial.
Noutra orde de cousas ADEGA pide a redaccción por parte da Empresa dun nov Estudo de Impacto Ambiental que subsane carencias tan importantes como a falta dun estudo sobre o patrimonio, sobre o impacto dos vertidos ao mar ou da escombreira que resulte de rebaixar a cota do solo dende 15 m. ata os 7 m. sobre o nivel do mar.
Pide tamén ADEGA que, en todo caso, se proceda á apertura dun novo período de exposición pública para cumplir a lexislación de avaliación ambiental no que respecta a que o Estudo de Impacto Ambiental ten que facerse de forma conxunta coa exposición do proxecto, cousa que, -como xa se anuncia na publicación do DOG-, non se fixo coa exposición pública da documentación na Delegación Territorial de Pesca de Cervo onde só estivo a exposición pública o estudo de impacto ambiental.

Pulpo, saltamontes... para unha historia das festas en Ribadeo



As festas manifestan moito do que pasa no pobo e os seus valores. Non teño idea de onde proveñen as dúas palabras, pero mesmo 'manifestar' e 'festexar' teñen un algo semellante na forma. Por eso, mirando algúns dos fenómenos da festa podemos atopar unha imaxe da vida diaria, algo deformada, como no antroido, pero ás veces, mais real do que a tansparencia dos feitos diarios permite ver no día a día. Un exemplo sinxelo sería a atración pola atración (redundante) que agora se chama 'supersaltamontes' (coido) despois de pasar entre outros nomes, polo de 'pulpo' e por suposto, 'saltamontes', o que manifesta de xeito claro a creatividade lingüística, interesada ou non, para indicar neste caso cousas que aparentan ser novas cando na realidade non o son (aínda me comentaban ontes o uso de palabras como 'experiencia novidosa' por aprte de políticos ribadenses para indicar cousas que de ovidade teñen a repetición un ano máis). Ben, nesa atracción, todo xira, a xente queda sorrindo ou asustada, pero baixa igual que sube, xente 'normal', aínda que mentras están dando voltas síntense o centro da súa propia atración, e polo tanto, dalgún xeito, importantes e con máis valor que o que os rodea (cousas, pero tamén persoas), aínda que sexa a mesma atracción a que os fai sentir así, como sabe todo o mundo, e de xeito temporal. Ben, falo en terceira persoa e en masculino, como se non me afectara ou afectara só ós varóns. Está claro que non é así, e interiorizar a existencia deses sentementos é algo que pode facer calquera, aínda que non se monte, vendo o que pasa mentras está funcionando. Bo, pois eso ocorre moi a miúdo na vida; poñamos por caso nos mandatos políticos, nos que un sube co boleto electoral á atración e alí pode levar unha vida de voltas e voltas, indo para adiante, para atrás, saltando co compañeiro de banco, facendo a ola con outros, ... sendo o centro do universo ata as seguintes eleccións, e cantidade de veces sen decatarse que é un xogo e que o que conta para toda a vida é a persoa, e para o pobo que o montou na atración, que sexa considerado en cada momento e non se esqueza del por estar dando voltas de xeito máis ou menos toleirán.
En fin ,máis aló da atracción, xusto detrás, chamoume a atención unha obra que vin comezar o outro día pero ata hoxe non lle vin trazas, e que corresponde á outra fotografía: parece algo así como a reproducción dun castro ou unha muralla romana. Pero do que parece ó que terminará sendo, pode variar abondo. E eso non é para as festas, senón que se supón para abondo tempo. Unha lembranza: antes, nese cadro había só herba, ata esta mesma semana que rematou. E antes, aí e en toda a zona, a horta de Boado. Xa me teño lamentado noutro sitio de non ter sacado fotos do edificio que a rexía, pois é un sitio onde se ve, pode que máis que en ningún outro, a historia recente de Ribadeo de substitución do que era por ladrillo.
Un tema parte, e ó tempo, relacionado. Unha cita de Javier Marías, nun artigo publidado hoxe: "Neste país grotesco, nin a dereita nin a esquerda teñen o menor interese en que se saiba a verdade, e ambas están aínda dedicadas a maquillala ó seu favor, cando non a terxiversala con desfachatez". Como sempre, compárese con Ribadeo, con cousas sucedidas aquí, e xúlguese (aínda que J.M. referíase á guerra civil)
Fai un ano, daba conta do que sucedía en Ribadeo: segue a suceder.

20060909

Festa!

Hoxe escoitei o himno galego e o que supoño o bretón diante da casa do Concello. Parece que xa estamos irmanados, en plena festa de Nosa Señora do Campo, que aínda me enterei hai pouco que non é en realidade a patroa de Ribadeo, pero fai as veces.
En día de tanta enxundia, paso das novas dos xornais e céntrome an algo que teño subraiado dende só hai algo máis de catro meses, dun artigo que contén unha cita de Juan Luis Cebrián e outra de Ayaan Hirsi Ali, que vou reproducir en parte (e en seco):
"...Provocar non está relacionado o insulto, senón coa imaxinación, a creatividade e a luz da liberdade". Está visto que non podo ter moita capacidade de provocación...
"As sociedades que non defende ós individuos que critican ou cuestionan relixións ou calquera outro tipo de ideas estánse a qeuivocar e están destinadas a rematar tiranizadas e a perder a súa liberdade" Se nos centramos no de 'calquera outro tipo de ideas', incluídas as políticas, ó mellor nos axuda a ver un pouco a evolución que está tendo Ribadeo no trasfondo social ou político, e pode que axude a comprender o voto nas próximas eleccións, por exemplo.
Non sei por que, pero na mesma páxina do periódico (39, do 30 de abril do El País) tiña apuntado: Leonardo Boff, Pere Casaldáliga, Juan José Tamayo, Helder Cámara.
--
Hai algo máis dun ano neste blog de Ribadeo (un ano e 2 días...)

20060908

Don erre que erre, versión Ribadeo

'Don erre que erre' é unha película cómica española de xa hai 'algún tempo' (... pode buscarse en Google...) que comezaba e finalizaba cun atraco a un banco. O do PXOM de rbiadeo leva un camiño parello, pero en negativo en canto á solución do conflito/trama, incluído o gasto extra de tempo.
En fin, despois duns días sen meter nada no blog, pouco a pouco: hai que dixerir a nova de don erre que erre.
Boas festas!.

20060906

Mapas da ría de Ribadeo

    Pasei pola exposición de mapas da ría de Ribadeo organizada por Evaristo Lombardero. Alí poden ollarse reproduccións de planos, cartas mariñas, mapas, -antigos e outros máis recentes- portando todos o nome da ría de Ribadeo. Neles tamén se pode observar unha volta o de 'del Eo' e outra, empregando o 'do'. Trátase dun mapa de Asturias e de outro de Galicia. No asturiano, emprega as dúas versións, poñendo ría de Ribadeo sobre a saída e o mar Cantábrico, e, dentro, o outro. O da Xunta é máis curioso aínda: No mapa propiamente dito, pon 'ría de Ribadeo', mentras que nun pequeno anexo adicado ó camiño de Santiago, usa o outro nome. En fin, xa dixen noutra entrada de ribadeando que mesmo en Ribadeo, a principios de século, se ten empregado a outra denominación, que coido sempre minoritaria. Tamén ten habido opinións de que á parte de marismas sería propio aplicarlle a denominación do río, e a parte externa, do pobo, algo parello ó que recolle o mapa comentado antes. En canto á ría, onte desunímonos un pouco máis coa outra marxe, pois para ir ou voltar por estrada a Asturias, había que ir á glorieta do Voar (por certo, vaia propaganda...) e as colas eran respetables. Non sei se hoxe cambiará a situación cun trazado provisional que estaban poñendo a punto onte. 

    O pobo está cheo de novas, pero máis propaganda/anuncio que outra cousa. En cambio, estáse a ver algo do que dixeron da limpeza das cunetas, que polo momento coido que é mellor que outros anos, se ben tamén máis retrasada. Unha curiosidade: ás 8:24 había tres peregrinos que xa estaban na capela de Vilela, o que implica saír de noite de Ribadeo. Habería que estudar as motivacións e demáis: se á xente da movida se lle ocorrera facer o mesmo, tiña resolto o problema que indiquei na entrada de hai un ano

    Boas festas!.

20060905

Disculpas (...2ª de hoxe)

Ás veces, as cousas pequenas chaman máis a atención que as grandes, polo que significan máis que polo que son en realidade. Por exemplo, na prensa de hoxe pode leerse que (por primeira volta que eu teña nova en toda España) os organizadores dun festival pediron disculpas ós veciños polas molestias, especialmente polo ruído. Claro que o festival, implícate, xa saída na procura da convivencia e a implicación cidadá e de aí o seu nome... a prensa di que tivo éxito e humildade: é posible; como se ve, hai pequenas cousas que o fan mirar con simpatía.
--
Hai un ano contactaba de novo co blog despois de problemas técnicos.

Tesón das Figueiras, Ría de Ribadeo, 4 de setembro, 20:30

Saíndo de Ribadeo contémplase o aparcamento case vacío; ó chegar a ponte, despexada a ría a unha e outra beira; abaixo, en San Román, a auga agradable e calma, o cruce á Berlinga tranquilo sen motoras que fagan tremer a calquera nadador que se aventure... Pero o mellor está no tesón. Vacío para dar unha volta, correr un pouco, observar a lúa entre Castropol e As Figueiras ou ver como se van acendendo as luces pouco a pouco á beira da ría. Rematou o verano? Non, o que rematou por este ano é outra cousa: aínda que o pobo de Ribadeo teña xa os chiringuitos das festas postas, ata aquí non chega o ruído, tapado polos edificios, senón o rumor do vento e das olas, e, sen moitas barcas navegando, tampouco chega moita xente e si a calma e o disfrute diferente.

20060904

Pregón

As festas xa están aquím polo menos foron pregoadas pola posta de atracións no parque e polo pregoeiro oficial. Nembargantes, en certo xeito, as festas xa pasaron, e o que se achega son un remedo algo máis para o s do pobo, qu enon pode competir coa afluencia de xente do verán. Tampouco é de recibo que se inclúa no cartel de festa como actividade as dúas do fin de semana, música e teatro, que no verán estarín incluídas sinxelamente en actividades culturais. O programa das festas, nese sentido, pouco ten a parte dun par de verbenas e o día infantil, cada volta máis homologado coas actividades que se fan no pobo animadas pola presenza de turistas, que de feito copan unha parte importante dos postos. É dicir, voltamos a que as festas sexan algo folclórico con pouca implicación festeira e moita noutros sentidos como locemento de traxes e procesións ás que van cargos político que de outro xeito non aparecerían por elas, remachando esa unión igrexa-estado que tan ben foi de xeito tradicional para ambos... Quedan cousas do esprito das festas, pero pode que unha sinxela enquisa pasada ós supostos festeiros dera máis dunha sorpresa sobre a unidade e 'cantidade' de festa, aquí e noutros moitos lugares, propiciando un cambio social que aínda está por rematar e que nos levaría, por exemplo, á análise da iniciativa privada nas festas da actualidade, na relación popular-anunciativa externa, a variación da vivencia transversal ás xeracións, etc. Polo momento, escápaseme boa parte do tema, quedando un poso dun xa vello proxecto escolar europeo, 'festpop', que no IES Porta da auga deu lugar a un libro sobre as festas populares do noso entorno e que me puxo de manifesto como estaba a variar o concepto de festa popular en Europa, evolucionando dende aspectos tradicionais a de movemento turístico promocionado no que os propios habitantes dos lugares en festa serían actores entre voluntarios e forzados nun gran teatro con finalidade externa.
Repaso as novas do fin de semana, e procurando non pararme alomenos hoxe no desastre do Umia (ou noutro mási pequeno e mái srecente na madrileña avenida de América, do que tiven nova por correo electrónico antes de saír na prensa) si o fago no tema dos pobos fantasma, relacionado co urbanismo na nosa zona, e que saíu onte nunha charla patrocinada polos aventados. O caso é que o urbanismo, por ser a xestión do espacio vital, ten implicacións en multitude de temas nos que normalmente non pensamos cando falamos de construcción, e que finalmente, van á calidade de vida e tamén ó peto, facendo en moitos casos unha especie de transfusión de recursos entre sociedade e particulares, ben promotores ou novos inquilinos. Xa sei que o urbanismo non se ve de xeito doado como unha transfusión, pero...
Pasa algo polo estilo cos visitantes, dos que este verán batiuse a marca, e que se podía ver a simple vista cunha ollada ó aparcamento habilitado en Rosalía de Castro ou na praia de Augas Santas, poidérase ver ou non os arcos catedralicios dende a area. O tema das subvencións particulares a empresas, (estos dous casos, urbanismo e turismo, no noso entorno, teñen algo de eso) vía xestión institucional e diveros mecanismos, xa está abondo estudado en moitos casos, pero estaráo máis e sobre todo sairá pouco a pouco á luz, cousa que polo momento non está facendo dun xeito claro. É un tema que a min fascíname cada volta máis, e comparable en certo xeito ás sanguesugas, chupasangues das que hai que lembrar que foron empregadas no seu momento de xeito médico por determinadas crenzas propiciadas pola ignorancia.
Ribadeo parece que por fin vai ter unha certa compensación xudicial, se se materializa que o xulgado de Paz poda atender xuízos de faltas. En realidade non é o que se podería chamar un 'ascenso xudicial, senón, falando en termos futbolísticos, un 'cambio administrativo na liga', pero poidera ter beneficios para o pobo, e eso é o interesante. Igualmente é interesante que ata Viveiro achegue a Universidade a distancia o acceso universitario para maiores de 25 años, Dereito, Traballo Social e Informática Técnica de Xestión e de Sistemas. Cada volta que oigo o tema da Uned en Viveiro lémbrome que propuxen hai perto de 20 anos que o alcalde pedira unha extensión da UNED para Ribadeo. Se fora hoxe, facíao por escrito en troques de nunha charla no cantón coa persoa interesada, que o acolleu como unha especie de idea lunática. Claro, pasaron 20 anos, pero a poboación afectada com área de influencia pola UNED en Viveiro hoxe é menor que a afectada naquel entón se se instalara en Ribadeo, e se ben melloraron as carreteras, o tempo de traslado, feve, as comunicacións por autobús, ... non o fixeron tanto.

20060901

Ribadeo, pecunia non olet





Hoxe entereime da orixe do dito 'os cartos non cheiran'. Parece que a cousa naceu en Roma, cando o Emperador Domiciano, para sacar cartos para o erario público, decideu cobrar por uso dos servizos públicos que había en Roma; eso fixo protestar entre outros, ó seu fillo Tiro, e para convencelo, deulle a ulir unha moeda das recadadas e díxolle: cheira? a resposta, 'non' daría orixe ó dito: 'pecunia non olet' (sacado do libro 'Zapatos para el pie izquierdo'). É evidente que a sofisticación do cheire correspondente hoxe faría moito máis aséptico o ulir os cartos procedentes de calquera falcatruada. Por certo, como era sabido, sigue a polémica sobre o PXOM. Boto unha aposta sobre a súa duración.
En fin, como nos encamiñamos ás festas, hoxe hai ilustracións de carteis, que preceden e postceden ós actos, e mesmo poden tentar substituílos, aspiración profunda de toda propaganda.
Hoxe chamo tamén a atención gráfica ás páxinas adicadas a Ribadeo nun periódico: vése unha foto na que un camión, subindo dende Mirasol á Vila Vella, diante dos chalets que non deixan ver a ría dende o novo parque, anuncia na súa visera 'Barres. Ría del Eo'. Eso pasa o mesmo día que se inaugura a exposición que sae nun dos carteis sobre máis de 400 anos de 'ría de Ribadeo'. Cousas que amosan que o tema é e seguirá a ser candente, e a longo prazo non está nada craro cal vai ser o nome para a que na actualidade é ría de Ribadeo.

Achéganse as patronais. O fondo continúa.

Achéganse as patronais, pero Ribadeo é polémico en calquera momento. O día 9 váise asinar o irmanamento con Loctudy e iso vai facer que case 50 familias de Ribadeo acollan Loctudianos polas festas. Ben, eso é a clac, como dirían fai medio século, a xente que aplaudirá no medio dun pequeno desastre de relación interna:
Primeiro, unha foto tratada. Pode verse aquí, en plena praia dos Castros, o coñecido tema da invasión da costa, tratado algunha volta en ribadeando, e relacionado co cumprimento da lei de costas, como se vai ver tamén o Castro das Grobas, (referido neste blog de Ribadeo, tema que teño entendido está comezando a mirarse con algo máis detenimento no concello e do que sigo pendente de averiguar detalles como dixen o outro día.
O PXOM segue a dar materia para lume a base de botarse culpas para librarse das propias, e de paso ter algún titular. Tamén dixen xa que continuaría...
E o libro de portos? A evolución dos portos na mariña é de supoñer que terá verbas particulares para Ribadeo, cando ademáis ven a Conselleira, o presidente de portos de Galicia, etc. Coidaba onte que sería a presentación dun libro, pero ó ver a nova esta mañá pregúntome se non será sinxelamente un acto político, e como tal, sen posibilidade de facer preguntas por parte do público... se é así, non vou. xa veremos se me entero, porque quería facer algunha pregunta sobre o porto de Ribadeo e a súa evolución última, e cambios de chaqueta incluídos nela. E claro, se non se pode, para escoitar política interesada... Ribadeo entra no novo curso político, coas elecións en vistas.
Por último, xa non sei que pensar coa exposición que se inaugurará hoxe ás 12, pois parece que está, contra o que eu creía, patrocinada polo concello. En fin, ben vida sexa se sirve.
A partir de hoxe, algún local de Ribadeo será 'espazo libre de fume'... eso di a lei. Cumpriráse neste caso? Dubídoo ben.