A raíz dun artigo de Jorge Sampedro sobre o rei emérito deume por furgar na Constitución en relación á responsabilidade do rei (con minúscula, como aparece no dicionario da RAG). Sempre tiven claro que non son un especialista xurista nin nada parecido, polo que tería (teño) que 'contentarme' cunha apreciación persoal.
Comecemos. Os artigos da Constitución Española de 1978 (punto importante este, as constitucións teñen data, e cambian dunha a outra non só polo estado, senón tamén no tempo) que atinxen ó Rei como institución (agora con maiúscula, como aparece na Constitución) e familia, van dende o art. 56 ó art. 65. Pero a maioría refírense a cousas de funcionamento interno e relacións con outras institucións, polo que só vou usar aquí unha parte pequena. Parte pequena dunha Constitución aprobada polas Cortes (do 'réxime' anterior), ratificada polo pobo (con dereito a voto no 1978) e sancionada ante as cortes polo actual rei emérito.
"Artigo 65.3. A persoa do Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade. Os seus actos estarán sempre referendados na forma establecida no artigo 64, carecendo de validez sen ese referendo, agás o disposto no artigo 65.2.
Artigo 64.1. Os actos do Rei serán referendados polo presidente do Goberno e, se cómpre, polos ministros competentes. A proposta e o nomeamento do presidente do Goberno, e a disolución prevista no artigo 99, serán referendados polo presidente do Congreso.
2. Dos actos do Rei serán responsables as persoas que os referenden."
Como notas aclaratorias, primeiro, dicir que o Art. 65.2 refírese ó nomeamento de xente da 'Casa Real', polo que pode deixarse a unha beira dentro deste texto. Segundo, cito do dicionario da RAE: "irresponsable
1. adj. Dicho de una persona: A quien no se puede exigir responsabilidad. (...)
2. adj. Dicho de una persona: Que adopta decisiones importantes sin la debida meditación. (...)". No dicionario da RAG a primeira acepción ten un sentido lixeiramente diferente: "Que non pode responder dos seus actos."
E un comentario marxinal previo: Causoume sorpresa que o artigo anterior ós adicados á Coroa trate precisamente "Da suspensión dos dereitos e liberdades" (do pobo, claro).
A partir do Constitución, coido que empregar a primeira acepción da RAG de irresponsable non é adecuado: significaría máis ou menos que estaríamos a chamarlle tolo ó rei, cousa que non é. Ademais, a Constitución redactouse de xeito orixinal en castelán, polo que deberamos referirnos ó dicionario da RAE. Así, segundo a constitución o Rei é inviolable e irresponsable (segundo a primeira asignación de significado da entrada do dicionario da RAE, sexa ou non aplicable o segundo significado da entrada) a condición de que os seus actos sexan sempre referendados polo Presidente do Goberno e ministros competentes se cómpre, que serán responsables do que referendan. Dedúcese que se os actos non foron referendados, non implican a irresponsabilidade real, a máis de non ser válidos. Se son referendados, os responsables tamén están claros. É dicir, os actos reais, segundo a constitución, implican unha responsabilidade, aínda que poda non ser responsabilidade real. É evidente que os artigos están referidos a actos 'de estado', e non 'persoais', pero aínda no caso de que a interpretación non fora esa, sempre habería alguén responsable. Sexa quen sexa. Logo, se os actos son punibles, corresponde o castigo ós responsables. Repito, sexa quen sexa.
Así pois, por que non se ten posto en marcha xa dende hai moito tempo a maquinaria xudicial? Sexa quen sexa o suxeito da responsabilidade... E coido que a xente que máis valora a Constitución máis debera perseguir eses actos irresponsables (no segundo sentido da RAE) do Xefe do Estado, estén cubertos ou non pola irresponsabilidade real (irresponsabilidade no primeiro sentido da RAE, e real tanto en canto mente ó rei como á realidade...)
Como conclusión, coido que habería que esixir responsabilidade, se non ó rei (ao menos mentres non haxa máis modificacións da constitución, express ou non, ou derogación da mesma) ou a quen referendou os actos, á xente que é responsable de perseguir e xulgar eses actos irresponsables dos que estamos a falar... E é que tal parece que a xente que non sabemos de leis temos a necesidade de demostrar que ao menos sabemos ler.