20201015

Da lingua

Da lingua
    Entre os comentarios que recibo polos artigos, de cando en vez chega un eloxio. Iso mesmo foi o que me pasou a semana pasada, cun desenvolvemento semellante a este:
    “-Antonio, por que non escribes en castelán, aínda que sexa unha vez nunha lingua, outra noutra? Hai xente da nosa idade que quere lerte pero non se axeita co galego.”
    A solución dinlla ó meu interlocutor cun sorriso amable e sen ironía:
    “-Non pasa nada. Que falen comigo, que llo traduzo.”
    A cousa quedou aí, pero eu quedei matinando. Deixei aparte as dificultades prácticas que puidera levar a miña resposta, e os inconvenientes para min mesmo, e quedeime coa intervención do interlocutor. O caso é que para min, significa que hai xente que quere ler o que escribo (o que tomo como un eloxio), e que hai xente que non está afeita a ler en galego. O primeiro pode ou non sorprenderme, pero é secundario ante o feito de que me guste crelo. O segundo é algo co que convivimos de vello nesta terra nosa.
    Coido que non son excluínte, tento comunicarme no que podo, e de feito, como outra xente ‘da miña xeración’ comecei a escribir en galego aínda despois de ter comezado a votar. E gustaríame dominar mellor a miña lingua, e máis linguas para usalas tamén. Pero unha cousa é que tente, primeiro, comunicarme, e outra que non teña elixido, de xeito consciente e hai moito, unha lingua preferente para a comunicación. E calquera que tivera que facer traducións acotío sabe que é traballoso aínda cos tradutores automáticos de hoxe en día. A máis de que publicar de xeito periódico varias versións dun mesmo escrito tampouco é o común por varias razóns.
    Sei que en determinados momentos, coido que en máis dos que sería lóxico nunha situación normal do uso do galego, o seu uso como lingua preferente pode ser un obstáculo. Mais distingamos: o expresarse nunha lingua sempre ten as súas limitacións na comunicación, menores ou meirandes (mesmo excluíndo limitacións artificiais). E sexa o galego, o castelán, o portugués, o inglés ou o chinés, e aínda na era dos tradutores automáticos. Limitacións, máis en xeral non é un impedimento inevitable. E en caso necesario, tento o uso doutra lingua, aínda que a controle abondo peor.
    É de comprender, pois somos humanos, que cada quen pretenda facer o menor esforzo posible nas súas actividades, lectura incluída. E que o escribir pretendendo ser lido implique, sempre, facer concesións de xeito consciente ou inconsciente. Pero o mesmo que hai que poñer un límite para evitar o abandono das actividades e o decaemento como persoa, tamén quen escribe é o escritor, e non o lector, e un dos feitos básicos da lectura é a necesidade do lector de facer sempre un esforzo de comprensión...
    Non, non vou chamar á nostalxia sentimental no meu apoio. Non é necesario, a máis de consideralo contraproducente. Cada un ten os seus sentimentos e a súa nostalxia, pero hai cousas que poden transcendelos e transcendela.

Ningún comentario: