20181229

Facendo propaganda a conta dos pensionistas


Hoxe foi un deses días nos que era doado, moi doado, atopar novas con titulares truculentos, sen ter que chegar a ler nada máis que iso:  o titular. Como mostra, val un botón, din.  E iso é o que fago neste artigo, traer unha mostra relevante. Está sacada da portada de La Voz de Galicia de hoxe. Era a nova iso, relevante, da portada: 'Los pensionistas gallegos recuperan poder adquisitivo por primera vez en cinco años'.
A ver... iso sucédelles ós pensionistas galegos por ser iso, galegos a máis de pensionistas, ou ós pensionistas españois, por ser sinxelamente iso, pensionistas en España? Coido que a resposta está clara: a raíz dunha edida tomada polo goberno, os pensionistas revalorizarán as súas pensións, de media, máis que a inflacción oficial. Pero, é iso o que di a nova? Non! só se refire ós galegos, cando está tratando cunha causa que afecta a todos os pensionistas, galegos ou non.
O artigo non entra na veracidade da afirmación da recuperación do poder adquisitivo: tería que ter en conta diversas cousas que levarían a unha análise dun nivel de datos, coñecementos e métodos netamente superior ó observado.
Non obstante, si hai algo que se ve claramente: a quen beneficia a nova. Independentemente de que a xeración da nova, a causa, poda ser considerada ou non promoción política dos gobernantes en Madrid, o caso é que a redacción leva a pensar como causantes da nova ós gobernantes en Galicia, e polo tanto, serían estes -lembremos, integrantes do PP e non do PSOE como os do goberno central- os beneficiarios da sensación positiva de mellora que trae a nova para o colectivo de pensionistas.
Prensa neutral? Non. Obxectivamente, non pode selo, pois dende a elección das novas a difundir a calquera outra actividade relacionada en diante, supón o uso de valoracións propias como base de elección. Pero, aínda que sexa imposible unha neutralidade 'total', cada medio si debe ter uns mecanismos que permitan achegarse ós feitos dun xeito veraz. Hoxe por hoxe, ese 'debe ter'representa, nunha parte abrumadora dos casos, non un deberobrigado, senón todo o máis, un desexo optativo.
Gustaríame saber a influencia, contada en votos, de un trucaxe dunha noticia así. Algo moi difícil, por outra parte. E por esa dificultade, xunto cos subterfuxios lingüísticos da avogacía, estamos así...

Da presentación do libro de José María en Mondoñedo: un par de fotos e comentarios

Onte, 28 de decembro, tivo lugar a presentación do libro editado pola AVV O Tesón, 'José María Rodríguez Díaz, in memoriam' en Mondoñedo. Presidiu a mesa a alcaldesa, Elena Candia, e participaron no acto Manuel Otero 'Xanetos', e Isidro Fernández 'Cidre', a máis de min. O público escoitounos por tres cuartos de hora o relato de diversas vivencias de/con José María e relacionadas co libro. Ó final do acto, o concello de Mondoñedo agasallou ós asistentes cun exemplar.
Resultou emotivo, ó tempo que se poideron lembrar uns, aprender outros, novas cousas sobre José María e a época e os feitos que lle tocou vivir.

As fotos son de Mª José Cociña.

 Obras de José Mª Rodríguez

20181217

20181216

Nota de prensa do concello. BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX

Nunha semana o blog ten acollido dúas entradas que recollen de xeito directo a situación do transporte na zona, tendo o tren como principal vector. Por iso coido que debo recoller tamén íntegra a nota publicada polo concello o pasado día 12:

BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX
 Xuntanza polo tren
12/12/2018
O alcalde, Fernando Suárez, asistiu hoxe a unha reunión en Ferrol para abordar a situación da liña de tren que atravesa Ribadeo e o litoral da comarca da Mariña ata a cidade departamental. O rexedor explicou que non asistiu ningún alcalde do PP e que Adif anuncia o inicio dos trámites en xaneiro para renovar as máquinas. Suárez Barcia considera que a xente non utiliza este servizo de transporte público porque ten unha grande falta de credibilidade.
O alcalde declarou que "tivemos unha xuntanza en Ferrol, que foi convocada por responsables de Adif, é dicir do Ministerio de Fomento do goberno do Estado, e tamén da Xunta de Galicia, para tratar de dar unha explicación a esta situación terrible e lamentable que vivimos na Mariña por mor da liña do tren de Feve, concretamente o tramo de Ribadeo a Ferrol. É un treito que máis parece sacado da Transilvania do século XIX, que no lugar onde nos toca vivir a todos e a todas".
Fernando Suárez contou que "debo dicir que, entre os alcaldes que fomos, non había ningún do PP e iso tamén chama a atención, porque penso que a liña de Feve pasa por todos os concellos, independentemente de quen goberne en cada un, pero alí había do Bloque, do PSOE, de En Marea, etc…, pero non había ningún alcalde do PP. Tamén quero dicir que asistimos con moita prudencia ás boas intencións que parece que agora Adif vai ter con esta liña, no senso de iniciar os trámites para renovar as máquinas, aínda sendo conscientes de que se isto vai a un consello de ministros de xaneiro, os procesos de compra e de adxudicación demoraranse, segundo as súas verbas, entre tres e catro anos".
O rexedor relatou que "tamén nos explicaron que están en proceso de reparación de toda esta maquinaria rodante, que ten máis de corenta anos en moitos casos, e que o que está provocando en toda a cidadanía, non soamente en Ribadeo senón en toda A Mariña e en toda a cornixa cantábrica, polo menos no que ten que ver con Galicia, unha situación de descrédito desta liña absolutamente, e de falta de confianza de que a xente non usa este medio de comunicación público, ecolóxico e ao mesmo tempo bo, porque non cre nel, porque sabe que vai pero igual non pode volver, porque se estraga, porque vai no tren e ten que acabar collendo un taxi ou volvendo en autobús, é dicir, unha falta de fiabilidade e de credibilidade inédita para vivir no ano 2018".
Suárez Barcia subliñou que "tamén chama a atención que o representante da Xunta que, durante todos estes anos non exerceu o liderado en todo isto, agora tamén se anime a reivindicar. Parécenos moi ben que se animen agora, pero durante moitos anos que o PP gobernou no Estado non se lle vían esas ansias. En todo caso sexan benvidas e a ver se entre todos podemos volver a dar un crédito e unha confianza a este medio de comunicación que podería vertebrar perfectamente A Mariña, pero que non a vertebra en absoluto porque a xente e a cidadanía non confía".
O alcalde agarda que "se leven adiante estas talas de árbores, que nos dixeron, para a limpeza da vía e das súas inmediacións, que se liciten uns proxectos de estabilización das trincheiras, é dicir, que dalgunha maneira se lle preste atención a un servizo de comunicación público merecedor de tal cualificativo. Esperemos que estas verbas vaian tornándose en feitos, porque o certo é que estamos acabando un mandato exactamente igual que cando se empezou con estas reivindicacións dende moitos Concellos para poñer en valor isto, xa hai anos. En todo este tempo non se fixo nada e as liñas cada vez están máis abandonadas, a falta de revisores, a falta de persoal, os trens, os vagóns e as locomotoras practicamente están para ir á chatarra, e isto non pode seguir así".

20181214

O pequeno comercio. Pablo Mosquera

(Artigo traducido)
Gústanme as rúas gremiales. Gústanme as rúas dos nosos cascos históricos. Gústanme as rúas con cheiro a mar. Gústanme as pequenas empresas familiares. Gústanme os escaparates do sector terciario emprendedor, autónomo, con tradición familiar. Declárome romántico e crente en torno a Prisciliano e Álvaro Cunqueiro.
Detéñome sempre ante unha vella ferretería. Quedábame extasiado diante daqueles coloniales. Boto de menos os moliniños de café e os frascos de cristal. Gozo coa mirada do meu neto diante do escaparate dunha xoguetería. Odio as video consolas. Son un antigo, dos que xogaba á billarda, peonza de madeira e canicas de barro.
Ás veces penso, aínda que non o diga: ¡o que se perden os nosos nenos!. Daquelas historias que contaban os mareantes nas cantinas, non queda nada. Agora os relatos diante do animal lume, cambiámolos polos silencios alienantes diante da televisión, e o lume... póñeno as máquinas encargadas de alimentar a adicción polo xogo. ¡Que estupidez máis perigosa!.
Gústanme as librerías vellas. Onde me imaxino, polas noites cando se apagan as luces, saen os personaxes dos libros e organizan un faladoiro. ¡Que cabreo collín!, o día que comprobei, nas rúas polas que o meu pai paseou coa estudiantina Compostelana, que as históricas librerías convertéronas en tendas de lembranzas.
Agora todo é en liña. Ninguén escribe unha epístola. O meu querido Mondoñedo garda as sombras daqueles seminaristas, sabios alumnos de Santa Catalina, que paseaban polas súas fermosas rúas escoitando á Paula e á Ronda. Ata a choiva non é igual que cando Cunqueiro describiu aquel Reino, rico en augas, pan e latín.
Recordo con emoción, pois o trasladei a Vitoria, "o pequeno comercio é o sorriso da túa cidade". ¡Magnífico slogan!. Á mesma altura que o de "a faísca da vida". Só que un era anunciando unha bebida propia de yankilandia e o outro poñía alma galega á cidade do Landro.
As grandes superficies, algunhas chegadas doutros países, rodean como exércitos invasores aos nosos pequenos e elegantes comercios de toda a vida. Pero agora son elas as sitiadas polas compras a través de Internet. ¡Xusto castigo ao consumo desmadrado e publicitado!. Debo ser resto daquela estirpe que gustaba de tocar a calidade do xénero para un pantalón, ou almorzar lendo un xornal en papel, mesmo gardando os artigos que me sorprenden por que me obrigan a reflexionar sobre o mundo, os seus acertos e as súas miserias. Son lector inmisericorde. Parroquiano de cantinas como Casa Eladio no histórico antigo concello de Galdo. E é que resulta conmovedor o seu ambiente, a atención desa familia que sempre ten un sorriso hospitalario. Ata o viño sabe mellor... ademais nunca faltan os torreznos.
Por favor, paren o vehículo, quero baixarme para gozar de todas e cada unha das nosas parroquias do antigo Reino de Galicia que está a piques de celebrar o Nadal. Pero, en galego e como galegos.

20181212

Onde conduce?

Coido que a foto é abondo explicativa. A vía recta cara adiante, sen ninguén que a transite e con lixo descoidado á beira. Unha alegoría do tren na comarca na actualidade (e no pasado), e por extensión, dos transportes en xeral. Podería ser unha vía ó futuro, mais polo momento, parece unha vía ó pasado de atraso e incomunicación. Algo que se pode contaxiar da sociedade ó individuo.

20181211

Ponteando a vixiancia das Catedrais

Ponte da Inmaculada Constitución. Invasión de xente. Nas Catedrais, tamén. Despois de discusións sobre a vixiancia e seguridade entre as autoridades, páxinas web de visitas, contrato de seguridade privada...
Multa? E quen vai poñela?
Non se pode andar por riba da illa? De veras? Que fai logo o camiño que xa se ten formado?

Coido que as fotos amosan unha realidade na que a seguridade privada non está activa en días de abonda afluencia de xente, o mesmo que a páxina web de visitas, mentres non hai disputas entre autoridades e segue no limbo a participación cidadá.
Coido que non se trata de prohibir porque van caer pedras (ou persoas), que seguridade total non hai nunca (non te pode dar un infarto agora mesmo, ou?) pois o coidado da natureza e o sentidiño non son cubertos enchendo papel (e a base de prohibir infantilízase a sociedade), pero menos aínda se  o cubrir o papel non vai acompañado de medidas para o cumprimento do que pon.

20181207

O difícil futuro da mobilidade na zona de Ribadeo


Hai non moitos días o goberno de España lanzou un plan para rematar co transporte a base de combustible convencional. Xa daquela tiñan lugar as protestas dos chalecos amarelos en Francia pola suba de combustible, que afecta de xeito desproporcionado a unhas zonas periurbanas con conexión deficiente nas que o uso do coche particular é obrigado. E moito antes, o tren na nosa zona ten diminuído a calidade do transporte, despois de perder hai máis de medio século outra liña de tren á zona interior, e ver como as liñas de autobús van caendo. Unha restruturación das concesións de liñas xunto do transporte escolar o ano pasado mellorou en teoría o transporte pola cosa, con baixa calidade de funcionamento, pero fixo pouco polo interior, abocado a poder baixar ó pobo dende primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde, e impedindo que a xente do pobo poda subir,
Logo, que? Non subir o prezo do combustible e eliminar a lei que trata de dar a puntilla a un desastroso e contaminante consumo de recursos naturais? Non, coido que a cousa non vai por aí. É mais, ven demasiado tarde con prazos demasiado grandes. Pero mover un armatroste de 1400 kg para que unha persoa de 70 kg se poda desprazar significa empregar vinte veces máis enerxía da debida. E se, ademais, facer un recorrido de 15 km supón emitir ó ambiente 3 kg de dióxido de carbono, uns 1500 L, podemos ver que non só non é mantible pola falta de recursos (esgotamento do petróleo), que se manifesta na suba de prezos, ou pola contaminación que supón o método de extracción de novos recursos en boga hoxe, o fracking, senón tamén pola degradación do aire que respiramos contaminado por miles de millóns de coches, ou a degradación que supón o aumento de temperaturas pole efecto invernadoiro.
Pero necesitamos unha resposta a un problema. E si, hai que racionalizar os desprazamentos de cada quen a nivel particular, pero tamén artellar que os desprazamentos particulares podan ter un encaixe nun transporte colectivo. Nas cidades poden ter máis problema de aparcamento, pero a densidade de poboación permite establecer liñas de autobuses, tren, metro, que achegan abondo ó destino. Na soidade do campo galego, a cousa varía abondo. Pero é necesario darlle unha solución. e só é unha aproximación ó primeiro paso a defensa dun tren que se cae a pedazos  por falta de atención.
Complemento medioambiental, de antonte mesmo:
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, dixo: "Estamos en apuros. Estamos en profundos problemas co cambio climático. O cambio climático está indo máis rápido que nós e debemos poñernos mans á obra máis cedo que tarde, antes de que sexa demasiado tarde ".

20181206

O primeiro CD da banda de Ribadeo, en Youtube

Atopeino hoxe de casualidade. E coido que merece unha difusión maior da que presentan o número de visitas que hai nestes momentos en cada un dos temas. Está gravado pola banda baixo a dirección de Hernán polo Servicio de Producción da Radio Galega os días 12 e 13 de agosto de 1997 no auditório da Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias, de Ribadeo, agás as obras "Andante Spianato e Gran Polonesa", "Sinfonia do Novo Mundo" e "Piensa en mí", que foron rexistradas en directo no concerto ofrecido pola Banda Municipal na Igrexa Parroquial de Ribadeo o 1 de agosto de 1997.
Obra:Andante Spianato e Gran Polonesa en Mi bemol Maior Op.22.
Autor: F.Chopin.
Transcrición: Hernán Naval.
 Obra: Sinfonía do Novo Mundo (fragmento)
Autor: A.Dvorak
Arranxo: Michael Sweeney.
 Obra: Finlandia.
Autor: J.Sibelius.
Transcrición: Frank Winterbottom.
Obra: O Segundo Vals, da Jazz Suite nº2.
Autor: D.Shostakovich
Arranxo: A.Waignein.
 Obra:Pavane in Blue.
Autor:T.Huggens
 Obra: Portbou-Saraxevo.
Autor: Hernán Naval
Obra:( Everything I Do) I Do It For You, BSO de Robin Hood.
Autor: Bryan Adams.
Arranxo: Ron Sebregts.
Obra: Lonxe do Mar (Habanera).
Autor: Hernán Naval.
Obra: Piensa en mí (Bolero).
Autor: Agustín Lara.
Arranxo: Hernán Naval.

20181203

O sentemento das bandeiras: unha imaxe para pensar

Hoxe, mesmo en Ribadeo, fálase moito do resultado das eleccións andaluzas de onte. Esta mañá, as bandeiras na Pedro Murias ondeaban co forte vento feitas farrapos. Non son as persoas as que están feitas farrapos, senón as ideas e o que se fai con elas...
Unha imaxe para pensar...