Amosando publicacións coa etiqueta ReC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ReC. Amosar todas as publicacións

20150531

Nota de prensa de Ribadeo en Común

Desde Ribadeo en Común queremos agradecer a súa confianza ás 271 persoas que nos deron o seu apoio nas pasadas eleccións; tamén a todos os que se achegaron aos colexios electorais a depositar o seu voto; lamentablemente por só 15 votos non puidemos obter a nosa primeira representante no Concello.
Nestes meses pasados, veciños e medios locais téñennos preguntado que fariamos se non acadabamos representación: sempre respondemos que seguiriamos a traballar para mellorar Ribadeo, e agora chega o momento de cumprir coa palabra dada: seguiremos a traballar, como até agora de xeito aberto, para poñer en marcha e apoiar cantas iniciativas xurdan a prol dunha economía sustentable e diversificada, para defender uns servizos públicos de calidade e promover o coñecemento e a conservación do noso patrimonio natural e histórico. Seguiremos, así mesmo, a pedir máis transparencia e participación veciñal en Ribadeo, en coherencia cos acordos asinados polas forzas que conforman a corporación, e como ferramenta esencial na prevención da corrupción.
En todo caso, os resultados da pasada fin de semana non deixan lugar a dúbidas: as xentes de Ribadeo seguen a respaldar no equipo de goberno actual, e deron un apoio maioritario á lista do BNG - Asembleas Abertas. Por iso, a plataforma veciñal Ribadeo en Común desexa sorte e bo criterio ao goberno entrante, na esperanza que a chamada á participación e a transparencia que reflicte o seu lema de campaña comece a se reflectir en algo máis efectivo. Se é o caso, terá en Ribadeo en Común un colaborador xeneroso e leal no deseño e posta en marcha de propostas de futuro para o noso concello.

20150530

Pasou unha semana

Pasou unha semana (días laborables) dende as eleccións. Coido lembrar que todos os grupos políticos de Ribadeo levaban dun ou outro xeito unha mellora na limpeza. Pero tardan en poñerse mans á obra...

 En toda a semana levo visto os mesmos carteis, cada vez máis roídos e algúns medio arrincados. Só o que agora se pode chamar 'pequeno grupo' de ReC cumpriu a mesma noite electoral cos poucos carteis que puxo.
E así, o corazón que incluía un cartel na noite de comezo electoral quedaba así:












É de supoñer que se irán sacando ó longo desta semana...

20150508

Pegada de carteis, unha experiencia (visión persoal)

Aproveitando unha figura dun corazón xa marcado no muro, un cartel aproveita o espazo...
Onte (esta noite, a partir das 12) foi o inicio de campaña. Polo que parece, soe facerse 'oficial' coa pegada de carteis. Onte participei. E como participante, teño unha visión que a moitos lles parecerá sesgada, seguro. Por iso aviso.
Chegar máis tarde como novatos no tema, non como desprezo dos mellores lugares onde pegar a cartelería, senón como tranquilidade de facelo despois de ver que fixeron as outras forzas... e ver que claro, o que consideraban mellores lugares estaban collidos, e, nalgún caso, sería cousa de dar un toque pola ocupación de espazo.
Nada máis chegar ó primeiro lugar de colocación de carteis, as comparacións: ReC, cartel pequeno, sen cara, con disposición chamativa de logotipo. Vaites, se tamén neso é diferente! En todo o resto, cartelería grande, e foto do candidato á alcaldía. Propaganda personalista. Ribadeo en común ten o seu cartel co logo só acompañado do lema elixido en asemblea: a túa chave de goberno. Ou sexa: o candidato és ti, somos todos. Ribadeo é en común ou é algo particular?
Algunha discusión sobre o espazo, sen a sangue chegar ó río. Algún aviso sobre outro espazo que remata en camaradería e préstamo de material. A despedida, desexando sorte á outra formación. As novatadas páganase, pero entre todos sáese delas sen menoscabo.
Cartel pequeno? Métese por tódolos resquicios, e ata as veces parece que os doutras formacións quedan sitiados. Xogos de posición e de ideas. De xeito de ver as cousas e de facelas.
Non da para moito a pegada. É ilusionante, cun esprito a manter. Algunha foto suelta, máis para a posteridade que para o anuncio, aínda que algunha se cole despois en twitter ou facebook.
De volta xa, cruzámonos e saudamos de paso ó alcalde e máis xente que veñen en grupo. Parece que tamén veñen sorrindo.  Resultaríalles a experiencia tan ilusionante?

20150501

Presentación da candidatura de Ribadeo en Común

Hoxe vai de ReC. Puxen pola mañá a política de Ribadeo a traverso de Radio Burela: e agora engado dous audios e algunha foto do acto de presentación da candidatura no parque hoxe mesmo:
1.http://www.goear.com/listen/19ffd8d/presentacion-candidatura-rec-2015-ribadeo-comun

2.http://www.goear.com/listen/beaaff3/presentacion-candidatura-rec-2015-parte-ii-ribadeo-comun


Engadido:
Ideas para un programa de Ribadeo en Común (20150517):
https://docs.google.com/spreadsheets/d/1DWifM7zw4L2MZCsjeb6O6r2VXCdQuUt9YpzgH8sGX8o/edit?usp=sharing

Ribadeo en Común (ReC)
BNG
PSOE
PP
Ciudadanos
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións

A política de Ribadeo a traverso de radio Burela

Onte, o programa Parolando, de radio Burela, abrangueu tamén a Ribadeo. O programa pretendía presentar nas ondas ás novas formacións que se presentan ás municipais 2015 na Mariña. E chamaron a xente de Viveiro, de Alfoz, de Foz e de Ribadeo.
Os de Viveiro non se presentaron, alegando, dixo o presentador, motivos laborais e de tempo. Non sei se en toda a formación non puideron sacar alguén para ir.
Foz Plataforma de Futuro presentouse, ó meu ver, como unha formación nova con xeitos tradicionais, incluído a acaparación de tempo de emisión. No único que estimo marcou diferenzas co partido tradicional foi cando falou de que se propuxeran recoller 500 sinaturas como condición para presentarse, tentando igualarse á recollida de sinaturas por parte das agrupacións de electores. E, en relación a iso, a parte dalgún detalle máis como que nada se sabía antes do tema, cabe sinalar que é abondo diferente recoller sinaturas que recoller avais con copia do DNI, formatear o conxunto e someterse á certificación.
VIA, os veciños independentes de Alfoz, si era unha agrupación de electores. Pero como Alfoz, ó contrario de Ribadeo, baixou algúns habitantes e por iso queda por baixo dos 2000, chegou con 25 avais (de feito, sobraron avais), menos de vinte veces menos que Ribadeo en Común, o que á forza marca diferenzas.
E Ribadeo en Común, ReC.
O cartel en chave cos 17 candidatos en orde, contiguas a primeira e a última da lista indicando igualdade (non aparecen no cartel os suplentes)
Por ReC estiveron na radio Maví e Mario, os dous primeiros candidatos da lista de Ribadeo en Común. Coido que a novidade de ReC quedou patente en cousas como que o presentador seguir falando de 'partidos' ata o final, en troques de contemplar as agrupacións de electores cunha expresión máis amplia, ou que unha pregunta fora sobre o 'e ti máis' cando se fixo fincapé nun método propositivo e non de confrontación, ou que se falara de líderes ou da 'persoa' que se moveu para sacar adiante a constitución do grupo, ou que se falara de como se ía conectar coa cidadanía cando o que se trata é de que a cidadanía conecte de xeito directo coa política...
As fotos amosan tres momentos do longo programa (máis de hora e media, aínda que moito menos de media hora falando os representantes de ReC) que coido poden se ilustrativos: en dous deles, o presentador mira para a súa esquerda: están falando representantes de Foz.
Na última foto, a traverso da fiestra do estudo de gravación, pretendo ter un efecto semellante ó da transmisión: tomar conciencia da distancia para enxuiciar. E, nese sentido, enxuiciando, coido que para ser a primeira vez que se presenta para ReC unha situación así, en directo, o resultado foi positivo. Hoxe, venres 1º de maio, un día simbólico, é a presentación da candidatura de ReC, a última candidatura que se presenta das que competirán o 24 de maio en Ribadeo.
Mentras falan os demais, escoitar, tomar nota, pensar

Cando un fala, o outro, atento

Tamén houbo momentos distendidos
Candidaturas Ribadeo 2015:
PP
BNG
PSOE
Ribadeo en Común (ReC)
Ciudadanos
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións


20150418

Candidatura completa de Ribadeo en Común (ReC), ordeada e con algún comentario

Adxúntase a nota de prensa que remata de liberar Ribadeo en Común:
A plataforma veciñal "Ribadeo en Común" quere facer público o resultado das eleccións primarias  que ven de celebrar na última semana e, polo tanto, a lista de candidatas e candidatos aprobados pola asemblea e ordenados seguindo un criterio de paridade  con lista cremalleira.

Así mesmo, aproveitamos para agradecer unha vez mais á veciñanza a súa participación nas primeiras eleccións primarias que se levan adiante en Ribadeo.

Un total de 182 persoas tiveron dereito a voto. O criterio para a elaboración do censo de electores  era ter asinado o manifesto da plataforma  ou entregado o tríptico pre-aval antes do 1 de abril (data da apertura do prazo para presentarse como candidata), e os niveis de participación e representatividade obtidos foron valorados pola asemblea positivamente, tendo en conta as dificultades que levou consigo compartir as tarefas deste proceso coa recollida de sinaturas para avalar a agrupación.

Unha comisión electoral e unha comisión de garantías, alleos á candidatura, velaron polo cumprimento do regulamento e o desenvolvemento do proceso.
Candidatura veciñal de ReC ás Municipais 2015:
1. María Victoria López Louro.
2. Mario Penelo Riva.
3. María Novo Fernández.
4. Iván Rodríguez Lombardero.
5. Lidia Ares Taboada.
6. Evaristo Lombardero Rico.
7. María del Rocío Botana García.
8. Julio César González García.
9. Eva Paula Roca Posada.
10. Carlos Daniel Scavuzzo Mejías.
11. MªaríaJosé García Burgo.
12. Víctor Villar Caamaño.
13. María José López Martínez.
14. David Regueiro Rama.
15.María Ángeles Domínguez Barroso.
16. Héctor Peña Díaz
17. María Mar Orosa Pérez.
Suplentes.
1.Emilio García García
2.Elvira Rosa Posada García
3.María del Carmen Manzanal Gómez

Pronto recibiredes novas informacións da nosa alternativa. moitas gracias pola difusión.
Maví Louro, no centro, con Mario Penelo. Na outra beira do Marqués, Julio César González
Lista cremalleira con maioría de mulleres, conta co aval do pobo para a presentación ás municipais, dando indicación da súa representatividade. A lembrar que, con que Ribadeo tivera só 17 habitantes menos, o número de avais a presentar tería sido máis de 100, non máis de 500.
Máis de ReC.
Outras candidaturas:
PP
BNG
PSOE
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións

20150417

Historia dunha tarde

Dende un punto de vista estritamente persoal coido que debe ser contado.
1.Historia lonxana
Polo que me teñen dito (sen corroborar pola miña conta), no pasado téñense presentado  dúas veces agrupacións de electores nas municipais ribadenses. A primeria sería no ano 1979, encabezada por Antonio Martínez, que obtivo catro concellais. A segunda, no ano 1991, encabezada por Ramón Acuña, actual presidente do Club Náutico e daquela expulsado do PSOE, obtendo 345 votos sen acadar representación. En ningunha das dúas tería habido primarias. Ademais, as condicións do concello de aquela non esixirían 500 avais.
2.Historia próxima
O artellamento de ReC, en calquera caso, sería moi diferente das anteriores ocasións nas que se presentaron agrupacións de electores, tendo unha orixe asemblearia, tendo escollido nesa asemblea o formato de agrupación e recibindo en febreiro a nova de que Ribadeo pasou de 10 000 habitantes e polo tanto necesitaríase de 500 avais (e non 100 para os concellos de menos de 10 000 habitantes), a recoller entre 1 e 20 de abril, incluídas nese tempo as tarefas administrativas da propia presentación, a máis da verificación e por suposto, a montaxe de follas previa á verificación (adxuntar copia de DNI a datos persoais e sinatura).
Este proceso, debido ás necesidades organizativas da plataforma, sobremontouse ás primarias para elección de candidatos.
3.Onte pola tarde
Cheguei tarde a enterarme, pero a primeira hora da tarde, saltaba a nova de sms en sms, whatsapp en whatsapp, correo en correo, redes sociais...O secretario vido de Lugo estaba botando embaixo unha grande cantidade de avais e a posibilidade de presentarse ás eleccións estaba no aleiro. Os fitos da historia pode seguirse, por exemplo, no Facebook. É máis difícil de seguir a realidade do movemento.
Ribadeo en Común ampliou o prazo de votación en primarias. Corto e pego de Fb: "Superada a recollida de avais, onte centramos a vista da Asemblea nas nosas primarias. O informe da comisión de garantías sobre o proceso estimou que ReC, centrada na recollida de avais, adicou un esforzo insuficiente á promoción da participación do censo na selección das persoas candidatas.
En consecuencia a Asemblea estimou conveniente abrir de novo o proceso desde hoxe até o venres á mañá, e garantir a través das redes sociais e vía e-mail e mesmo teléfono, que todo o censo ten acceso a esta información.
Polo tanto, se ata o momento non tes votado, ou coñeces a alguén que aínda o poda facer, informámoste que a urna estará aberta en Clip Graf (fronte á igrexa de Sta. María do Campo) mércores 15 de 19:00 a 21:00, xoves 16 de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 e venres 17 de 12:00 a 14:00."
Nótese que comeza con 'Superada a recollida de avais', pois as primeiras novas, de mércores, así o indicaban, o que motivou a nova de prensa que se reproduciu no blog. Ben, polo que parece non estaba superada, pero ReC tentou ampliar a democracia que practica.
O caso é que á primeira hora da tarde de onte, xoves, no mesmo lugar, aparecía outra nota: "AVISO URXENTE: Contradicindo as novas recibidas oralmente onte mércores, hoxe desde o Concello estanse a rexeitar un enorme número de avais coa xustificación dun defecto de forma, consistente -ao parecer- en que "algunhas firmas non se parecen". Esta explicación está a servir para rexeitar case dous de cada cinco avais. 
Precisamos apoio urxente dos ribadenses para emendar o que sexa emendable no prazo máis curto posible, ou no seu defecto para recoller novos avais hoxe mesmo. Os que poidades, achegarvos a Clip Graf a botar unha man. Algúns de nós estamos no Concello para vixiar a limpeza do proceso e un trato xusto a esta iniciativa democrática."
E a cidadanía púxose en marcha. Cando me enterei, no concello había varias persoas, pero tamén en Clip Graf, a máis doutras pola rúa estaban activadas. E notouse, vaia que si.
Non era para menos, pois resulta que o secretario mañá estaría en Lugo, non en Ribadeo, co seu traballo alí, e cotexar as sinaturas é un proceso lento se se trata de tal número. É dicir, había que solucionalo pola tarde.
Ó final, como aparece noutra mensaxe de Facebook, superouse a proba. Quizais non só polo aporte de novos avais, senón sinxelamente pola comprobación de que detrás da iniciativa está a xente, moita xente. 563 avais en 134 follas (cada folla ten 5 avais, o que daría un total de 670, pero unhas poucas non estaban cheas), o que representa entre 80 e 100 rexeitamentos, algúns deles subsanables. É dicir, case un 13% máis de avais dos esixidos, despois os rexeitamentos: sinaturas que corresponden a xente que cada vez asina de xeito diferente, dni borrosos na copia, etc.
A nota final no Fb corrobora os feitos: "Amig@s!
Finalmente todo quedou nun -grande- susto. Aos 110 pliegos entregados no seu momento, conseguimos engadir outros 25 en menos de dúas horas, para ir substituíndo os erros de forma, ao tempo que se corrixían os erros subsanables. Finalmente temos 563 avais autenticados e "RIBADEO EN COMÚN" segue rumbo.
Non queremos entrar en valoracións precipitadas do sucedido hoxe. ReC está aquí para propoñer, e non para crear polémicas estériles baseadas en xuízos de intencións. Pregámosvos que apoiedes esta liña de actuación tamén vosoutr@s: precisaremos en adiante a enerxía, traballo e compromiso de tod@s para comezar a construción do futuro do noso concello.
Saímos fortalecid@s! Moitas gracias a tod@s pola vosa mobilización."
Un susto que se traduciu nunha aprendizaxe múltiple, dende xeito de facer as cousas ata a forma de mobilización, ó tempo que nunha mostra de apoio á iniciativa que vale máis que moita propaganda.
4.De cara ó futuro
É evidente que nunha iniciativa así, día a día hai que superar retos. Tamén é evidente que agora mesmo, ReC non ten só ante si o desafío de presentar unha candidatura ás eleccións, senón tamén de levar á xente ó concello. á xente que apoia, a toda a xente. Nesas está a cousa.

20150416

Nota de prensa: MAIS DE 500 RIBADENSES AVALAN A "RIBADEO EN COMÚN"

MAIS DE 500 RIBADENSES AVALAN A "RIBADEO EN COMÚN"

Hoxe mércores 15 de abril, cinco días antes de esgotar o prazo para a presentación de avais ante a xunta electoral de zona, a plataforma veciñal Ribadeo en Común recibiu notificación, por parte da secretaría municipal, que o requisito de verificación das 500 sinaturas estaba cuberto.
Queremos agradecer a toda a veciñanza que independentemente das súas opcións políticas amosou o seu talante democrático avalando a nosa alternativa, a oportunidade que nos está a ofrecer para presentar nas eleccións municipais deste ano unha candidatura formada por veciñas e veciños do común, lonxe das tutelas de partidos políticos.

A iniciativa impulsada desde a plataforma "ReC" está inmersa nun proceso de ruptura democratica que xa está a coller forza tamén no resto do estado, e que ten como obxetivo primeiro recuperar as institucións públicas para á propia veciñanza mediante un modelo participativo e unha xestión transparente.

Así mesmo, gustaríanos recordar que ainda temos aberto o proceso de eleccións primarias onde, todas aquelas persoas que estando empadroadas en Ribadeo , teñan asinado o manifesto da plataforma ou cuberto o tríptico pre-aval antes do 1 de abril (data de apertura do prazo para inscribirse como candidata), poden exercer o seu dereito a escoller entre as veciñas e veciños que irán na lista de Rec.

As mesas electorais estarán abertas en Clip Graf (rúa San Francisco nº 8) de 12:00 a 14:00 e de 19:00a 21:00 mañá xoves, e de 12:00 a 14:00 o venres.

20150414

Testemuña ReC

Copio do facebook:
Hoxe Ribadeo en Común deu un grande paso cara ao obxectivo de presentarse como Agrupación de Electores nas eleccións municipais de maio, ao entregar no rexistro até 580 avais de persoas empadroadas en Ribadeo.
Este logro reflicte o interese de boa parte da veciñanza en que apareza unha nova forza -aberta e horizontal- na política local, pero tamén a calidade democrática doutras persoas que, sendo favorables a outras opcións, apoiaron o dereito a existir e participar no xogo democrático de Ribadeo en Común. Moitas grazas a todas elas.
Na foto, Maví Lopez Louro e Manolo Teijeira fan entrega dos avais de ReC a Raimundo Ibáñez, á entrada do Concello.

Será unha casualidade que hoxe sexa 14 de abril?

20150403

Avalando

Avalar é radicalmente diferente de abalar. No primeiro caso trátase de dar respaldo a algo. No segundo, de abanearse; pode ser con algo ou un mesmo, iso é o de menos. No primeiro, é unha postura consciente. No segundo, pode ser consciente ou sinxelamente, pasotismo..

Onte comezáronse a recoller os cincocentos avais necesarios para que Ribadeo en Común poda presentarse ás eleccións como agrupación de electores. Non é un partido, nin unha coalición: son, somos, electores agrupados. E por iso, porque é un pequeno saírse das normas partidistas, é todo moito máis difícil: porque o fan máis difícil, non porque teña que ser así. Un lema podería ser: "se queres saírte do camiño marcado, avala o camiñado". Porque seguramente ti non marcaches o camiño e ves que pódense facer moitos outros. E porque Ribadeo en Común leva camiñado xa abonda para chegar ata aquí. No seu blog ou no seu Facebook, lendo o seu manifesto ou o que se leva feito dun programa que se aposta porque sexa dinámico, cambiante día a día coas aportacións de todas as persoas que queiran contribuír durante a campaña e despois dela, poderás atopar algunhas cousas que te darán idea do moito que xa leva camiñado esta xente que pretende agruparse se llo permiten.
Onte estiveron recollendo avais na catro calles. Hoxe, tamén o estarán

20150309

ReC en marcha: Ribadeo en Común

A nova forza política da cidadanía de Ribadeo está en marcha. Ribadeo en Común, ReC, celebrou o día oito de marzo para presentarse en sociedade no medio de propostas cidadáns e música.
O cartel xa indicaba algo da principal proposta cidadá feita: unha vila dos nenos, que os inclúa como cidadáns. Con referencia non só a escoitar ós menores, como parece indicar o recadro da viñeta de Frato, senón a tratalos como partícipes nun proxecto de sociedade.

Nas fotos, dous momentos da distendida presentación e asunción de propostas cidadáns, acto ó que acudiron preto de corenta persoas.
O tríptico, ampliable premendo co rato, presenta unha síntese do que se pretende como proxecto en Ribadeo en Común:
A xornada estivo marcada ademáis, por outra característica nun día como o oito de marzo: a igualdade de xénero. Non só en canto a número senón tamén en canto a intervencións.
Xa tivemos algunha nova solta de ReC no pasado. Agora comezaranse a agolpar, pois a formación ten previsto diversas accións de difusión, confección de listas abertas, construción continuada do programa (que xa hai, pero que seguirá co cartel 'en construción' de xeito permanente)...
A próxima asemblea da que se pretendo como agrupación de electores, aberta como todas, terá lugar o martes 17 no Cantón.

20150306

Nota de prensa: Ribadeo en Común, ventos de cambio

Sopran ventos de cambio no panorama político, e moitas xentes de Ribadeo queren participar deles. “Ribadeo en Común” é unha oportunidade para a implicación da cidadanía nos asuntos públicos e a mudanza nos xeitos de exercer o goberno local.
O noso programa de goberno colaborativo promoverá usos, dereitos e valores que, sendo apoiados maioritariamente pola sociedade, non atopan espazo nas axendas políticas actuais. A diferencia entre o que queremos e o que fan os nosos representantes é o resultado de tantos anos de deixar o común en mans alleas sen recibir -nin pedir- contas. Hora é de xuntarse e comezar a sermos suxeitos activos na xestión do noso.
Que vai no programa? Nada está pechado, porque as medidas elixirémolas nunha votación aberta no mes de abril, pero sen dúbida incluirá unha mudanza na transparencia e a participación: gravación e emisión dos plenos, orzamentos municipais participativos, creación dunha radio xestionada coa veciñanza, comisións de traballo sectoriais... e tamén outros aspectos como a recuperación da xestión da auga (tan mala e tan cara), unha aposta clara polas nosas renovables -biomasa e vento-, edificios máis eficientes, novas ideas para a xestión do lixo, e un programa de reactivación da economía rural que vai ser clave na nosa sustentabilidade futura. Unha vila para a infancia e as familias, unha xestión cultural máis participativa... son moitas as propostas que encontraredes no noso programa, moi traballado pero aínda aberto a melloras que seguro poderedes proporcionar.
Tamén preguntan moitas persoas “quen vai na lista?”; pero é que esta lista non a faremos desde ReC: calquera persoa que estea de acordo co noso manifesto poderá presentarse a finais de marzo ás primarias abertas, e nelas poderán votar todas as persoas con dereito a voto en Ribadeo.
Para informar deste proxecto, dende a semana pasada estamos a repartir un tríptico no que expoñemos de xeito moi resumido os nosos obxectivos. Explicamos tamén que a lei obriga a presentar coa nosa candidatura o permiso outorgado -asinado e con fotocopia do DNI- por 500 veciños con dereito a voto en dúas semanas, a partir do día 1 de Abril. Para conseguir reunilas precisamos xa hoxe da axuda de todos os interesados en que este proxecto común saia adiante.
Moitas esperanzas, moito traballo, moito fica aínda por facer. Fixemos un bo equipo, pero faltas ti. O vindeiro domingo 8 de marzo ás 12 da mañá estaremos presentando Ribadeo en Común na tenda bar Amodiño, na praza de abaixo. Achégate a coñecernos e debuxa ti mesmo o teu futuro.

20150204

Nota de prensa: Presentación de Ribadeo en común

Nota de Prensa: Presentación de Ribadeo en Común

O vindeiro xoves 5 de febreiro a plataforma cidadá Ribadeo en Común presentará ante os medios locais o seu proxecto para que haxa unha candidatura veciñal nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio. A presentación terá lugar ás 10:30 da mañá no antigo Lavadoiro da rúa dos fornos de Ribadeo. Nela se fará unha relación dos principios reitores do proxecto, así como do estado actual do proceso, e unha previsión dos traballos pendentes e dos prazos nos que se irán concretando cada un deles.

Ribadeo en Común inscríbese na dinámica dos movementos sociais xurdidos despois do 15M, cunha proposta baseada nuns xeitos e ideas que contan co apoio da maioría social do país: a transparencia, a participación e a loita contra a corrupción como xeitos de funcionar, e un ideario a prol da solidariedade, a igualdade, a defensa do patrimonio natural e cultural e dos servizos públicos. Calquera persoa pode integrarse na Plataforma asinando o seu manifesto, ou colaborar desde fóra achegando ideas ou propostas ao enderezo ribadeoencomun@gmail.com.

Ribadeo en Común é unha proposta diferente ás demais:
  • Porque se trata dun movemento veciñal sen hipotecas partidarias que procura que @s veciñ@s de Ribadeo vaian onde decidan ir, sen presións desde outras instancias.
  • Porque fai unha aposta radical pola transformación dos xeitos do Concello cara á transparencia e a participación da cidadanía na toma de decisións e no control da xestión municipal.
  • Porque o seu programa, no canto de ser unha listaxe de propostas e ideas sen fío, quer ser un proxecto coherente para a transformación de Ribadeo cara a un futuro economicamente próspero, socialmente xusto e ambientalmente sustentable.
  • Porque ese programa, que vai ser a folla de ruta do goberno local, estará feito de xeito aberto, participativo e transparente desde o principio ao final: a xeración das ideas, o seu debate aberto, a súa aprobación e a súa priorización. Un proceso de colaboración coa veciñanza que se manterá a todo o longo da lexislatura.

Chegamos para promover a colaboración e o entendemento entre todos a prol do común. Fartos de pelexas entre institucións e partidos políticos, queremos falar de ideas e propostas novidosas para mellorar o que temos. Con prantexamentos positivos e dende intencións propositivas traballaremos para mudar a escena política na parte que nos corresponde, o eido local.

No mes de febreiro comezaremos as presentacións do esquema previo do programa no que viñemos traballando ao longo destes meses. Chamaremos á colaboración das asociacións e de todas aquelas persoas que desexen participar no deseño final do programa de Ribadeo en Común. Queremos traballar sobre a experiencia das xentes que sofren os problemas e aproveitar o saber dos técnicos que se adican a amañalos. Solucións realistas, desde abaixo, dirixidas a mellorar a vida de tod@s, e especialmente daqueles que máis o precisan.

Queremos, en fin, artellar un espazo cidadán no que os veciños e veciñas de Ribadeo decidan de xeito directo o que queren que se faga cada ano cos 9 millóns de euros do orzamento municipal, en cada rúa da nosa vila, e en cada unha das parroquias do noso concello. Por un Ribadeo novo, de tod@s, entre tod@s e para tod@s.

Rematamos cunha petición: a Asemblea de Ribadeo en Común optou na súa última xuntanza pola fórmula legal da Agrupación de Electores para presentarse ás eleccións. Se para crear un partido de ámbito local abonda coa firma de tres persoas, para presentar unha candidatura co formato de Agrupación de Electores -o xeito máis achegado ao noso espírito de traballo horizontal, aberto e independente- precísase do aval de 500 veciños con dereito a voto en Ribadeo. Dar o aval non é comprometer o voto nin apoiar as nosas propostas: o aval ven sendo un permiso para presentarse ás eleccións. Calquera persoa que vexa xusto que unha candidatura veciñal non partidaria poida presentarse ás municipais pode avalar a Ribadeo en Común, e votar despois por calquera outra opción, ou non votar.

Reunir 500 avais é un obxectivo moi difícil de acadar en tempo e forma (as sinaturas deben recollerse entre o 1 e o 15 de abril e vir acompañadas cunha fotocopia do DNI), polo que precisaremos da axuda de toda a xente disposta a botar unha man. Se queres axudar podes contactar coa Plataforma no seu enderezo ribadeoencomun@gmail.com, no facebook de Ribadeo en Común, ou achegar os teus datos de contacto a calquera dos membros da Plataforma ou aos establecementos colaboradores* para organizar con tempo os grupos de recollida.
Unha xuntanza dunha comisión de ReC
(*)
Serigrafía CLIP GRAF OXALÁ RIBADEO na rúa San Francisco 8
Amodiño Tenda- Bar

20141201

Unha nova xa vella sobre Ribadeo en Común, e outra máis

Téñenseme pasado un par de  notas de prensa de política local que axuto agora embaixo. Ambas afectan á plataforma ReC de xeito diferente. Na primeira, a plataforma da nova dos seus cargos para un período de tres meses, un paso máis dentro da súa rápida marcha na que está a traballar arreo para autoconstruírse como unha alternativa ó concello coa que haberá que contar no futuro. A segunda, do Círculo Podemos de Ribadeo, especificando a súa diferenza coa plataforma veciñal a traverso dun mecahisno sinxelo: polo momento non hai apoio de Podemos a ReC sinxelamente porque aínda nin foi pedido, e polo tanto, menos aínda, estudado. Outra cousa é que poda haber unha simpatía mutua, resultado de métodos e ideas que poden resultar confluíndo en moitas cousas.

Nota de prensa (ReC):
Nomeamento de responsables da Plataforma Ribadeo en Común
Ribadeo, 22 de novembro de 2014
Trala redacción e publicación do seu Manifesto, e o deseño da súa estrutura organizativa, na asemblea da Plataforma Cidadá Ribadeo en Común do pasado martes 18 de novembro tivo lugar a elección dos cargos da organización. 
A elección realizouse por voto secreto entre todos os asinantes do manifesto, sen que ninguén se propuxese a priori para ningún dos postos. O resultado foi o seguinte: 
Coordinador: Mario Penelo 
Secretario: Victor Villar 
Tesoureiro: Evaristo Lombardero
Portavocías: Maica López e Iván Rodríguez 
Comisión de garantías: Emilio García, Carmen Manzanal, Antonio Gregorio, Mavi Louro, Jon Urbieta. 
Os cargos teñen unha duración dun trimestre, repetíndose o proceso ao cabo dese período. 
Na mesma xuntanza se puxeron en marcha os grupos de traballo que se encargarán de deseñar a estratexia de comunicación, de artellar e promover o proceso participativo coa veciñanza e de debuxar o borrador de proposta programática que será presentado aos veciños para a súa modificación e enriquecemento.

NOTA DE PRENSA 20141121(Círculo Podemos Ribadeo)
O Círculo PODEMOS de Ribadeo, emite o presente comunicado para aclarar algúns comentarios e/ou rumores que poden confundir á opinión pública do concello de Ribadeo.
Ata a data de hoxe, o círculo PODEMOS de Ribadeo non apoia ningunha candidatura municipal nin lista electoral ó concello de Ribadeo, pois aínda ningunha plataforma cidadá nin de outro tipo se puxo en contacto co círculo PODEMOS de Ribadeo para explicar o seu programa nin solicitar o seu apoio.
Se nun futuro algunha candidatura ou plataforma así o fai, o círculo PODEMOS de Ribadeo estudará a proposta e tomará unha resolución ó respecto, comprometéndose a facer pública a súa decisión no menor tempo posible.
En Ribadeo, a 21 de Novembro de 2014
Prégase ós medios de comunicación que se queiran facer eco desta nota de prensa, a súa difusión literal, para evitar calquera tipo de dúbida ó respecto. Moitas grazas

Unha nota máis: o Manifesto de Ribadeo en Común é o primeiro comunicado do grupo, aínda que con anterioridade, escribiuse unha nota de chamada que está aquí, na que se expoñen algunhas cousas de xeito preliminar, xa superado polo proceso posterior.

20141004

Ribadeo en Común: manifesto

Ribadeo en Común
MANIFESTO
   Un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo plantexámonos -como fan tamén noutros lugares de Galicia e de España- a necesidade de que a cidadanía participe e controle de xeito real a xestión dos asuntos públicos.
   A nosa iniciativa non vai dirixida contra ninguén, non responde ao interese de ningún partido ou grupo político político concreto, nin é excluínte. Está aberta a todas as persoas que comparten as nosas preocupacións pola situación actual.
   Vivimos unha crise non só económica senón de todo o sistema, causada pola cobiza e desexo de poder de institucións financeiras e multinacionais, que está a servir como desculpa para a aplicación de políticas de recortes de dereitos e liberdades, e para a privatización de bens públicos (pensións, saúde, servizos sociais, educación). Mentres tanto, a corrupción empreña o funcionamento das institucións políticas.
   Os beneficios da especulación rematan en mans privadas, mentres que a débeda -dunha crise provocada- acaba socializada. Os gobernos, controlados polas entidades financeiras, promoven leis en favor delasmentres que unha parte cada vez maior da poboación é vítima do desemprego, da pobreza e da exclusión social.
   Ante esta situación, pretendemos que a veciñanza deixe de ser un suxeito pasivo que se limite a entregar cada catro anos un cheque en branco a un partido político -controlado por un grupo de profesionais da política-. Son necesarias novas formas democráticas, transparentes e participativas, dirixidas realmente á procura do ben común.
   Por iso, o noso primeiro e principal obxectivo é impulsar o proceso de construción colectiva dunha nova estrutura de goberno local na que calquera asociación, veciño e veciña (organizad@s en grupos de traballo sectoriais ou territoriais) poda participar na toma de decisións e ser informado cumpridamente da xestión que está a ser executada.
   Con este fin estamos a constituír unha Plataforma Cídadá que integre e mobilice a aqueles que consideren que os intereses das persoas deben estar por diante dos intereses de grupos económicos ou partidarios, e queiran construír de xeito cooperativo un modelo coherente e sostible para o noso concello.
   Esta plataforma pretende concretarse nunha Candidatura Cidadá cara a participar nas eleccións municipais de 2015, que promova:
   1. A total e efectiva transparencia informativa na xestión do goberno local.
   2. A participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas.
   3. A erradicación de calquera sinal de clientelismo ou nepotismo da Casa do Concello.
   Chamamos a participar nela a quen compartan, ademais, estes principios básicos comúns:
   • Loitar por unha sociedade máis xusta e solidaria, dando prioridade ao     ben común sobre o interese privado ou partidario.
   • Traballar pola efectiva igualdade de dereitos para tod@s e a    eliminación de privilexios para algúns.
   • Defender as liberdades individuais e colectivas.
   • Defender o carácter universal, gratuíto e de calidade dos servizos      públicos.
   • Salvagardar o noso patrimonio natural e cultural.
Asinantes do Manifesto:
Jesús Javier Chao Lolo
Manuel Ramón Díaz Teijeira
Emilio García Garcia
Julio César González García
Antonio Gregorio Montes
Francisca López de Prado Nistal
Carmen Manzanal Gómez
María Novo Fernández
Eduardo Piñeiro Rouco
David Regueiro Rama
Jon Urbieta Igual
Antonio Villarino Rego
CONTACTO:
Podes informarte ou sumarte á nosa iniciativa escribindo ao enderezo ribadeoencomun@gmail.com ou achegándote á Praza de España no25 (El Bosque Animado, Cantón dos Moreno).