20150417

Historia dunha tarde

Dende un punto de vista estritamente persoal coido que debe ser contado.
1.Historia lonxana
Polo que me teñen dito (sen corroborar pola miña conta), no pasado téñense presentado  dúas veces agrupacións de electores nas municipais ribadenses. A primeria sería no ano 1979, encabezada por Antonio Martínez, que obtivo catro concellais. A segunda, no ano 1991, encabezada por Ramón Acuña, actual presidente do Club Náutico e daquela expulsado do PSOE, obtendo 345 votos sen acadar representación. En ningunha das dúas tería habido primarias. Ademais, as condicións do concello de aquela non esixirían 500 avais.
2.Historia próxima
O artellamento de ReC, en calquera caso, sería moi diferente das anteriores ocasións nas que se presentaron agrupacións de electores, tendo unha orixe asemblearia, tendo escollido nesa asemblea o formato de agrupación e recibindo en febreiro a nova de que Ribadeo pasou de 10 000 habitantes e polo tanto necesitaríase de 500 avais (e non 100 para os concellos de menos de 10 000 habitantes), a recoller entre 1 e 20 de abril, incluídas nese tempo as tarefas administrativas da propia presentación, a máis da verificación e por suposto, a montaxe de follas previa á verificación (adxuntar copia de DNI a datos persoais e sinatura).
Este proceso, debido ás necesidades organizativas da plataforma, sobremontouse ás primarias para elección de candidatos.
3.Onte pola tarde
Cheguei tarde a enterarme, pero a primeira hora da tarde, saltaba a nova de sms en sms, whatsapp en whatsapp, correo en correo, redes sociais...O secretario vido de Lugo estaba botando embaixo unha grande cantidade de avais e a posibilidade de presentarse ás eleccións estaba no aleiro. Os fitos da historia pode seguirse, por exemplo, no Facebook. É máis difícil de seguir a realidade do movemento.
Ribadeo en Común ampliou o prazo de votación en primarias. Corto e pego de Fb: "Superada a recollida de avais, onte centramos a vista da Asemblea nas nosas primarias. O informe da comisión de garantías sobre o proceso estimou que ReC, centrada na recollida de avais, adicou un esforzo insuficiente á promoción da participación do censo na selección das persoas candidatas.
En consecuencia a Asemblea estimou conveniente abrir de novo o proceso desde hoxe até o venres á mañá, e garantir a través das redes sociais e vía e-mail e mesmo teléfono, que todo o censo ten acceso a esta información.
Polo tanto, se ata o momento non tes votado, ou coñeces a alguén que aínda o poda facer, informámoste que a urna estará aberta en Clip Graf (fronte á igrexa de Sta. María do Campo) mércores 15 de 19:00 a 21:00, xoves 16 de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 e venres 17 de 12:00 a 14:00."
Nótese que comeza con 'Superada a recollida de avais', pois as primeiras novas, de mércores, así o indicaban, o que motivou a nova de prensa que se reproduciu no blog. Ben, polo que parece non estaba superada, pero ReC tentou ampliar a democracia que practica.
O caso é que á primeira hora da tarde de onte, xoves, no mesmo lugar, aparecía outra nota: "AVISO URXENTE: Contradicindo as novas recibidas oralmente onte mércores, hoxe desde o Concello estanse a rexeitar un enorme número de avais coa xustificación dun defecto de forma, consistente -ao parecer- en que "algunhas firmas non se parecen". Esta explicación está a servir para rexeitar case dous de cada cinco avais. 
Precisamos apoio urxente dos ribadenses para emendar o que sexa emendable no prazo máis curto posible, ou no seu defecto para recoller novos avais hoxe mesmo. Os que poidades, achegarvos a Clip Graf a botar unha man. Algúns de nós estamos no Concello para vixiar a limpeza do proceso e un trato xusto a esta iniciativa democrática."
E a cidadanía púxose en marcha. Cando me enterei, no concello había varias persoas, pero tamén en Clip Graf, a máis doutras pola rúa estaban activadas. E notouse, vaia que si.
Non era para menos, pois resulta que o secretario mañá estaría en Lugo, non en Ribadeo, co seu traballo alí, e cotexar as sinaturas é un proceso lento se se trata de tal número. É dicir, había que solucionalo pola tarde.
Ó final, como aparece noutra mensaxe de Facebook, superouse a proba. Quizais non só polo aporte de novos avais, senón sinxelamente pola comprobación de que detrás da iniciativa está a xente, moita xente. 563 avais en 134 follas (cada folla ten 5 avais, o que daría un total de 670, pero unhas poucas non estaban cheas), o que representa entre 80 e 100 rexeitamentos, algúns deles subsanables. É dicir, case un 13% máis de avais dos esixidos, despois os rexeitamentos: sinaturas que corresponden a xente que cada vez asina de xeito diferente, dni borrosos na copia, etc.
A nota final no Fb corrobora os feitos: "Amig@s!
Finalmente todo quedou nun -grande- susto. Aos 110 pliegos entregados no seu momento, conseguimos engadir outros 25 en menos de dúas horas, para ir substituíndo os erros de forma, ao tempo que se corrixían os erros subsanables. Finalmente temos 563 avais autenticados e "RIBADEO EN COMÚN" segue rumbo.
Non queremos entrar en valoracións precipitadas do sucedido hoxe. ReC está aquí para propoñer, e non para crear polémicas estériles baseadas en xuízos de intencións. Pregámosvos que apoiedes esta liña de actuación tamén vosoutr@s: precisaremos en adiante a enerxía, traballo e compromiso de tod@s para comezar a construción do futuro do noso concello.
Saímos fortalecid@s! Moitas gracias a tod@s pola vosa mobilización."
Un susto que se traduciu nunha aprendizaxe múltiple, dende xeito de facer as cousas ata a forma de mobilización, ó tempo que nunha mostra de apoio á iniciativa que vale máis que moita propaganda.
4.De cara ó futuro
É evidente que nunha iniciativa así, día a día hai que superar retos. Tamén é evidente que agora mesmo, ReC non ten só ante si o desafío de presentar unha candidatura ás eleccións, senón tamén de levar á xente ó concello. á xente que apoia, a toda a xente. Nesas está a cousa.

Ningún comentario: