20150422

Persoa, propostas ou xeito de actuar?

Xa estamos. De volta a ir vendo que decisión tomamos. Que orientación no espectro ideolóxico? Partido ou agrupación de electores? Cara bonita, simpática ou sen foto? E máis eleccións... Como vemos, non todas as características deberan estar á mesma altura. Iso inclúe que algunha xente poñerá a unhas diante, como criterio preferente, e outra xente, outras...
Nas municipais, dise que é importante que "o candidato" (a persoa que vai primeira na lista, como se o resto non foran asemade candidatos porque se supoña que o primeiro da lista poda ser alcalde e os os outros non) á alcaldía sexa coñecido, e aí van grande parte dos esforzos das organizacións políticas: a dar coñecer, a facer omnipresente á persoa. Así, moitas veces, véndense persoas, caras, simpatías ou antipatías máis que o futuro da vila, como se ambos estiveran relacionados. Exemplos? En Ribadeo non deberamos necesitalos por ser patentes a diario.
Pero, pode unha persoa considerarse acreditada sen un programa?
Podes probar a debuxar a túa cara, a doutra persoa ou mesmo deixalo así, porque a cara de todos é a cara de ninguén.
Hoxe por hoxe, a pregunta anterior coido que non ten o mesmo sentido que puido ter noutro tempo. O descrédito da veracidade das institucións políticas leva a que se fale de programas sen confiar na súa aplicación. Alguén leva a conta das promesas incumpridas polo partido político que nos goberna a nivel estatal? E, nembargantes, un proxecto fai falta. Claro que o proxecto pode materializarse (ou visualizarse) de diferentes xeitos, como rematado en troques de 'sempre en construción', aberto ou 'pechado', ideal ou posibilista... por non falar de 'pensando en cumprilo' ou 'só porque hai que presentar algo para non ser menos que os demais'.
Dado que a cara, aínda con todo o que leva consigo, e aínda que esteamos no tempo da imaxe, non deixa de ser iso, 'unha cara', e o programa non deixa de ser 'unha promesa' tantas veces incumprida, a máis de quedar estática, ancorada no pasado, cada vez é máis patente no desenvolvemento político a importancia do xeito de actuación. O ascenso dos novos partidos políticos tenta apoiarse niso: nunha actuación diferente, permeable co cidadán, as súas ideas e actuacións, de xeito que se dilúa o individuo no colectivo, todos os individuos no colectivo, e viceversa. é difícil de facer, en primeiro lugar, porque non hai a mentalidade histórica para facelo nin de xeito aproximado, imperfecto. Pero os grupos políticos teñen a necesidade de amosar a intención de facelo. De aí que sexan comúns entre os partidos (máis aínda tratándose de eleccións municipais) as 'consultas' ós cidadáns, cando iso xa quedou atrás non só na historia, senón tamén de xeito diferente e moitas veces de xeito perceptible por parte dos equipos e candidatos que 'consultan'. De aí a importancia e insistencia de grupos de facerse agrupacións cidadáns, de procurar un apoio previo en xeito de aval, de insistir en que o programa non é algo cerrado, senón cambiante, recollendo o que poda vir no futuro cos cambios que se podan dar, funcionando xa antes das eleccións como se espera funcionar despois, con esa permeabilidade de ideas e identificación coa xente.Algo que non é doado de manter, pero que é necesario se se quere que o nome 'do candidato' e a foto asociada correspondan a algo máis que a un individuo, a unha persoa: que correspondan a toda a sociedade. Difícil? Si, pero é necesario achegarse o mais posible se queremos que a democracia sexa iso: o mandato da xente facendo uso da súa soberanía, máis aló do día das eleccións.
Así pois, é a túa foto a que sae na propaganda electoral?

Ningún comentario: