20150427

Eva e Fran, ideas e acción

Pensa como un home de pensamento. Actúa como un home de acción. Na época na que me dixeron o anterior, o de home si tiña unha connotación de masculino, non tanto de humanidade. Pero a idea, pensa como unha persoa de pensamento, actúa como unha persoa de acción, é correcta como mandato, independentemente do sexo.
Así o deberon de entender Eva e Fran, ambos, ribadenses de adopción, pensamento e acción. Coido que queda claro cando decidiron instalarse Amodiño, mesmo aprendendo galego Fran Uroz, que non é da zona, ou ofrecéndose e participando Eva Roca en ReC. Unha 'tenda bar alternativa' quizais non sexa o xeito máis preciso de describir o seu negocio, que coido que tampouco é só negocio. Así o amosan os actos que alí se desenvolven, pasando a ser un lugar de amigos e/ou un centro cultural, dependendo do momento. Integrados no pobo, e con ideas novas a aplicar, ideas estendidas no mundo, pero non por iso menos novas ou minoritarias por estas terras e neste momento.
Pon a prensa que fixeron un 'mercadiño'. Non foi un mercadiño, non se vendían as cousas, agasallábanse. Cousas que non se ían usar, e a outra xente podían facerlle ben, tentaron de que fixeran a súa labor: facer ben.
A nova é así, pero máis aló da nova, do episódico, hai algo máis, unha teoría e unha práctica de vida.
Construíndo. O edicifio no que está o Amodiño, recollido por Google Street View en abril de 2010. Á dereita, a Praza de abaixo, co edificio do Cine Colón ben visible, e aparecendo na beira a Torre dos Moreno. Á esquerda, a r/Amando Pérez

Ningún comentario: