20130430

Os números non cadran. As verbas, tampouco. A sanidade fala polos números.

Un novo caso, entre os que poden servir de ilustración estes anos. O hospital da costa, despois de múltiples intervencións políticas promentendo o ouro e o mouro mentras se lle quitaban cousas e poder desviándoos a Lugo, despois da dimisión da cúpula de decisión e a súa substitución, e a defensa da situación pola nova cúpula, en tan breve tempo como un mes e un pouco, os números cantan: a situación está desmellorada, e ata o novo xerente, o segundo na nova cúpula, recoñece que a cousa vai a peor. E coma quen di, remata de pasar a depender direitamente de Lugo, co que a situación actual sería a de benvida ou romance inicial ... o que nos queda.

20130429

Axuda prosubvención

Neste país estamos vendo de todo. A cousa agravouse dende aquela cando os titulaes eran uns poucos miles de millóns de pesetas, cando escribira un artigo na Mariña/El Progreso titulado 'Corruppción ou corrupsoe?' (aínda sen subir á rede, e xa vai varias veces citado do mesmo xeito). Hoxe a cousa elevou a súa magnitude, e se antes eran un par de tipos (alomenos que se soubera), agora o para queda moi escaso. aínda así, o tema da corrupción no parece ser o único que nos debera ocupar, e ata, se fora posible facer un illamento, debera deixar paso en importancia ós diversos xeitos polos que dita corrupción da comezo, pois sen comezo non hai desenvolvemento posterior.
Remato de ver hai un pouco na Comarca unha nova que posiblemente será saudada por moita xente como un xerme dun posible futuro algo máis prometedor para a zona: 'La reserva de la biosfera reclama 1,4 millones de euros en ayudas'. 
Indo á letra pequena, resulta que a cousa non é tanto así, senón máis ben: Tres representantes municipais de concellos integrados na reserva da biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, dous de concellos asturianos e un dun galego, foron a Santiago (suponse que terán quilometraxe e dietas) para pedir unha axuda pecuniaria para poder encargar un estudo para presentar en Madrid con destino Bruxelas e así optar a ser subvencionados no programa europeo Life Plus coa cantidade que resulte, que será a metade da que habería que invertir, sendo a outra metade posta polas administracións españolas, entre as que se debería incluír a Xunta e os propios concellos que parece que non poden facerse cargo do estudo preliminar.
Coido que pode ser un xeito de funcionar, pero que non é o correcto, nin tampouco mantible, aínda que eventualmente se lle poda sacar rendibilidade financieira para a zona.

20130425

Xornadas sobre a violencia de xénero

Ainda que por cousa de lembranza vou postear esta entrada con preto de dous meses de retraso sobre a orixe do título, dátoa coa data en que se xerou.
O motivo de que saia hoxe é a recuperación dun debuxo que fixen daquela no que aparecen introdutora e conferenciante no estrado do cine-teatro. E con elo, a lembranza de que non só cando se fai un acto sonado hai que lembrar certas cousas. A violencia de xénero, un mes despois, matou catro mulleres en catro días seguidos. Non, aínda que sexa 'a destempo' da súa realización unha lembranza non ven mal ...
Por certo, a data do debuxo está mal...

20130424

Ribadeo xa ten Conde

Si, oficialmente, Alfonso Martínez de Irujo xa e Conde de Ribadeo. A lembrar as verbas do alcalde: "Quiero felicitarlo por tal insigne distinción porque ser conde de Ribadeo no es cualquier cosa. Se queda en el ámbito retórico, porque aquí decimos desde hace mucho tiempo que los de Ribadeo no rendimos vasallaje a nadie, no le rendimos pleitesía a nadie", xunto co seu desexo de que sexa promotor de Ribadeo.
Non está mal saber algo do Condado de Ribadeo e do seu conde actual, aínda que só sexa por iso que saiu en máis dun xornal: 'os de Ribadeo pouco saben do que pretende ser conde'.
A lembrar asemade que o privilexio real outorgado sobre determinados traxes usados polo rei deu lugar a unha exposición en Ribadeo e a un libro: 'Los trajes del Rey'. 'De duques e plebeios' foi a entrada que lle adiquei ó anuncio da exposición.
... E disto entérome (a cousa xa foi publicada no BOE o 6 de abril, (aínda que non sei se o novo adxudicatario pagou xa os dereitos correspondentes ou non) despois do 'día da Terra' (antonte) e do 'día do libro (onte). Así pois, hoxe, 'día do conde'? 'día do condado'? 'día da memoria histórica de Ribadeo'?

20130423

A débeda de Ribadeo

Remato de atopar na rede a ligazón a unha web onde se da conta da débeda dos concellos de España. Pódese procurar Ribadeo, e segundo os datos que alí aparecen, ten unha débeda por habitante de 278 €, case a terceira parte da media (744 €). Lugar en débeda/hab. entre os concellos de España? 3107.

A saída do túnel

Así, movida, vendo luz exterior, ó tempo que o fotógrafo, eu, quedaba na obscuridade, quedoume hai algún tempo unha foto. Hai algún tempo, quizáis cando os 'brotes verdes' ou cando tras un ano de novo goberno todos os males do país estarían curados.
Hoxe paréceme unha esperanza que se alonxa, como o grupiño de xente da imaxe, colorido, no exterior, con toques vermellos, animación e tranquilidade.
Pásaseme pola cabeza que a saída dese túnel estaba cara ó sur, como a precariedade laboral ou os recortes de dereitos (e de dereitas tamén).
Mentras, en Ribadeo comeza unha nova obra na Casa dos Perecitos, onte estiveron montando a grúa, e pregúntome polo potencial financieiro de Paisajes de Asturias, SL, radicada en Castropol e que pola zona ten invertido no Pazo das Figueiras (Palacio Trenor), coido que tamén na torre de Donlebún... e en Ribadeo na Casa dos Perecitos, na Torre dos Moreno, ... extendendo a súa actividade a moitos outros lugares, e que está obrando en todas elas. O capital social é maior de 60 000 €, segundo a información dunha terceira web, porque non dou accedido a ningunha web da empresa, capitaneada por un administrador único despois dos seus 13 anos de actividade, Victor M -Victor Madera Núñez, segundo averiguacións posteriores-, como se pode ver na ligazón que poño.
O resumo da súa actividade: "La empresa PAISAJES DE ASTURIAS SL está ubicada en la localidad de CASTROPOL, provincia de Asturias. PAISAJES DE ASTURIAS SL fué constituida el 24/04/2000 con el objetivo "EXPLOTACION CONSTRUCCION, REHABILITACION, PROMOCION Y ADMINISTRACION DE APARTAMENTOS, RESIDENCIAS, HOTELES Y NEGOCIOS DE HOSTELERIA, RESTAURACION Y TURISMO RURAL ASI COMO LA COMPRA, VENTA, COMERCIALIZACION, IMPORTACION Y" y se dedica a la actividad CNAE de "Otros servicio independientes ncop""
Polo que parece, Paisajes de Asturias si está xa na saída do túnel.

20130422

Existe China? (ou a realidade alternativa)

Onte, unha semana despois do atentado de Boston, con tres mortos, un diario nacional adicáballe dúas páxinas enteiras ó seguemento do tema. O mesmo día, no mesmo xornal, aparecía nunha páxina de internacional a metade dunha columna á beira dunha páxina dando conta dun terremoto en china de escala 7 no que terían morto abondo máis de 100 persoas. Hoxe, en edicións dixitais, o terremoto desapareceu da miña vista, de xeito que me pregunto se será real ou unha sinxela metedura de pata dos medios. Procuro por curiosidade ata na sección de novas da wikipedia inglesa (a galega non ten desenvolta esa sección de xeito abondo, cousas de ser pequena), e si atopo o terremoto de Lusan das 8 da mañá (hora local) do 20 de abril de 2013 cunha ampla información que sitúa xa en 186 os mortos consecuencia da traxedia.
Supoño que nalgún momento do día a información pasará polo terremoto, deixando os últimos escándalos nacionais, a acaparación de carbón (e máis cousas relacionadas) ou o afundimento da empresa galega como consecuencia da desparición das finanzas galegas. Pero polo momento, costa chegar á información.
Hai xa anos un periodista que considero, dicíame: 'non é nova que un can morda un pícaro, a nova é que o pícaro morda ó can'. Nesta historia non hai cans nin pícaros á vista, e sí leva matados EEUU máis xente que o resto do mundo norteamericanos, pero a desproporción de máis de 50 veces de mortos, cun terremoto nunha zona próxima ó que deixou deceas de miles de mortos hai uns anos,  coido que sería para adicarlle máis consideración. Quizáis sexa por que o atentado de Boston deuse nos EEUU e o terremoto na China, que soa moito máis lonxe e enigmática, ou quizáis sexa polo hermetismo informativo chino, ou quizáis polo dominio mediático estadounidense ... pero o caso é que fai pensar, a partir de novas externas e sen ter unha apariencia de ser soportadas por grandes interereses no noso país ou estado, no tratamento da información, en onde se poñen os focos informativos e como se trata a información que nos chega...

20130419

Ouro: Argumento de autoridade

   Dende hai unha tempada, as novas, vía relacións cos medios de Asturgold, veñen sinalando que un ecoloxista uniuse á compañía e está dando o seu respaldo ós proxectos, entre eles o da mina de ouro de Tapia, saíndo neste caso nos medios asturianos e galegos cada dous por tres ben publicitado. O último acto, a entrega de diplomas pola finalización dun cursiño previo ós contratos, de seguridade e riscos laborais.
    É Patrick Moore o outrora senlleiro ecoloxista, cofundador de Greenpeace e agora (neste caso) a soldo da empresa Asturgold. Unha persoa que segundo a súa biografía, agora se adica a poñerse a soldo das multinacionais vendendo a súa historia ó mellor postor, a traverso dunha empresa que practica da consultoría á presión política e radicada no mesmo lugar que radica Asturgold: Vancouver e non Oviedo, claro!. Algo que non se di nas notas de prensa que dan as empresas a favor de quenes fala.
    Venden unha figura para contrarestar outra figura: a mala imaxe da contaminación. Non é algo novo. Tampouco o é que que se ofrezca fume máis que argumentos, que se convenza con promesas que leva o vento e se deixe a unha beira do camiño a lóxica das cousas, unha vez máis. E para facelo, grandes apelidos, como o de Calvo-Sotelo, moitos recursos e promesas, cambios para perder o rastro, ... e mesmo variación política forzada no concello para deixar paso libre. O mundo segue a xirar...

20130418

Perdido entre outras novas

Aparece hoxe que Anova pasa a ser un 'partido partido' este fin de semana despois de comezar cun só ordenador, nin sés nin liberados (por certo, este venres ás 8 hai unha 'previa' ribadense no Cantón), como exponente de novedade sociopolítica, pois o traslado de decisións do hospital da Costa ó HULA xa non o é mentras seguen as protestas estériles polo momento, e o culebrón (un deles) da corrupción asociado a Bárcenas (curioso, nos papeles fálase de Bárcenas pero pouco do PP) ten un novo capítulo. Novas que nos apartan doutras realidades, algunhas máis do día a día como a situación dos taekondocas galegos clasificados por méritos para o europeo e o mundial deixados na cuneta a conto da crise que recorta por onde máis debilidade ve ou do enésimo atisbo de promesa de Feijóo a conto dos contratos de PEMEX. Curioso: non o vin hoxe nos xornais, pero si vin unha nota no blog im-pulso que aclara a situación, comparando a nota de prensa ó respecto realizada pola Xunta de Galicia (non ligada, pode verse aquí) e a nota realizada polos mexicanos a traverso da súa Presidencia. Coido que hai diferencia, a parte da extensión (nun factor 10, máis extensa a galega) no que se indica fronte ós acordos. Recolleu a prensa galega a nota mexicana? Coido que só a nota galega. Títulos alternativos: 'co futuro non se xoga?'. 'Como mentir máis durante maís tempo'. ... outras alternativas a disposición.

20130417

Charlando para defendernos

O pasado fin de semana houbo unha charloa sobre as preferentes, organizada polo BNG. A consecuencia dela, o que resulta nos medios é unha confrontación entre a portavoz preferentista e o concelleiro de consumo. Non obstante, a charla ía para dar ós preferentistas unha apertura de miras que facilite a súa actuación de defensa. Mágoa. Mais, a xente que foi, puido aprender algo, aínda que evidentemente non lle solucionaran diretamente o seu problema, cousa que sempre se agradece.
En Ribadeo mañá (xoves 18 ás 20:00 na Casa Sindical) voltará a haber unha charla de defensa do consumidor, esta volta facilitada por ACISA á Plataforma por abusos do mercado eléctrico. Xa se sabe: facturas cobradas de máis, contadores cambiados porque si a conta do consumidor e demáis.
Parece que organizacións políticas e sindicais (Acisa ó fin está integrada nas organizacións-sindicatos patronais) están entrando a chamar a toda a cidadanía con cousas que poden interesar a todos. Benvida sexa a colaboración, tendo en conta que o aspecto social é fundamental, pero non se complementa só con charlas, e as organizacións con estrutura, poder e pasta teñen aínda un longo camiño diante si para fundirse coa cidadanía e os intereses comúns en troques de usar eses tres piares en manexar ós cidadáns para intereses que moitas veces non coinciden máis que cunha cúpula directiva desas organizacións.
Voltando sobre os parágrafos anteriores, e salvando as diferenzas que poda haber por motivos de escala ou orientación nas organizacións políticas e sindicais ribadenses, as asociacións veciñais están tentando unha mobilización previa ós problemas, para que as accións conduzan a que non sucedan ou a que o seu impacto sexa mínimo. A resposta, isa si, é mínima. Polo contrario, cando suceden, son as mesmas organizacións que facilitaron o seu suceso as que tentan dirixir a resposta, ante o xurdimento de organizacións de novo cruño que os abordan de xeito alternativo. Coido que habería que repensar o sistema...

20130416

Non perdendo de vista a defensa do procomún

O 'Procomún', os bens comunais, moitas veces considéranse de propiedade tan difuninada que é equivalente a que non tiveran propietarios, cando os propietarios somos todos, a humanidade. Hai tempo que, para min, tiña o concepto de propiedade difusa ou lixeira, fronte á propiedade concentrada que representa a típica propiedade capitalista, con escritura e/ou título de propiedade a cargo dun individuo ou entidade concreta. Hai tempo que o procomún ven sendo atacado para pasar a ser privatizado, como é reflectido tras ser estudado por diversos autores (ver aquí e apartados seguintes). Ás veces maniféstase sinxelamente por ignorancia cara ó que é de todos parella á ignorancia da propia historia.
Algo así remata de suceder onte, cunha nova no xornal sobre a 'primeira' versión en galego de 'A arte da guerrra'. Calquera pode ir á Galifontes, a versión en galego de Wikisource, e comprobar que A arte da guerra leva alí traducido dende o 2006. Obra libre e tradución libre e aberta á que agora enfrontan unha segundo parece, exquisita tradución en papel que inclúe a versión chinesa. Versión que tamén hai dispoñible de xeito libre en wikisource, aínda que curiosamente, tres anos posterior á galega.
Remata o artigo da Voz de Galicia en papel:  "o xeneral chinés consideraba que a mellor vitoria é a que se consegue sen combater e tamén advertía que a arte da guerra está baseada fundamentalmente no engano".
Coido que sobran palabras, a parte da felicitación á Editorial Teófilo polo que, de claquera xeito, parece ser un novo arrimar o ombro á cultura en galego.

20130413

Descoberto nun dragado o pasado ano un pecio na ría de Ribadeo do Século XVI de 32 m de eslora: Charla

O título é o resume da charla de hoxe no C.N. de Ribadeo a cargo de Miguel San Claudio Santa Cruz, representante da empresa Archeonauta. O pecio non se sabe aínda cal pode ser (hai hipóteses, pero só iso), despois dunha escavación superficial de 20 días ó ser descuberto a partires de atorarse a pipa de succión da draga. O lugar aproximado é o que aparece na imaxe de Google maps de embaixo, máis é algo relativo: quedou cuberto cunha rede metálica para evitar tanto a rapiña como para facilitar a acumulación de area cubrindo o material. O navío tiña dobre parede no casco, un pañol interno, as cadernas e un pañol externo, cuberto de chumbo para a súa protección, cun grosor de perto de 1 m. A súa conservación é boa, tendo en conta que o que se observa é a superficie do fondo da ría actual, sen terse desarmado o casco, que está sen desfacer salvo pequenas partes. Se se ten en conta que algunhas das cousas das que aparecen son da parte superior do barco, é de supoñer que a parte enterrada sexa un documento excepcional. Na superficie obsérvase tanto balas de canón de pedra como cadernas ou unha balaustrada, a máis da estrutura do barco. Foi retirado algún material pequeno do fondo, pero a maioría quedou. Asemade, serrouse algo de madeira para comparar e datar exactamente a máis de saber de onde provén a madeira (todo a partir dos aneis da madeira de fábrica do barco). Na charla foron presentadas moitas fotos e algúns planos e imaxes de sondaxe (ver botija e pipa, na web da empresa). Quedou de manifesto algunha contradición, natural se se ten en conta que é algo totalmente preliminar para presentar uns resultados de importancia. Tamén quedou patente a ausencia do Ministerio de Cultura do proxecto, nado a partires da existencia dun arqueólogo na draga encargada por Portos para dar calado á canle do porto de Mirasol. De feito, o pecio apareceu  case no límite dos traballos, pois na entrada do porto deportivo hai profundidade abonda, non necesitándose dragar.
Na zona sábese ao menos doutro barco abondo máis moderno afondado.
A charla lembroume o Castro das Grobas, cun material que se dixo no seu momento que sería presentado nuns meses, e xa pasaron tantos anos como meses se prevía, sen ulilo polo momento.
Dispoño dunha gravación da charla, pero de mala calidade.

20130412

Sobre as obras na Torre dos Moreno

Xa vira pouco a pouco a evolución das obras na xa maiormente vendida Torre dos Moreno. Onte, acompañando un amigo, tomei algunha foto: coido que para un edificio emblemático de Ribadeo que se vai reparando pouco a pouco, o ter unha constancia gráfica dos seus cambios é importante.
 Da fronte do edificio xa hai fotos anteriores no blog do transcurso das obras na torre, comezando a apuntalar ou completamente apuntalada a fachada principal, por exemplo. Cos detalle de decoración, coido que aínda non puxera ningunha. e coido que é preciso deixar constancia de que exceptuando pola cor, a aparencia das columnas é a mesma que tiñan con anterioridade á reparación.
 O último que se está a facer nesta lenta obra é a conservación (en realidade, reposición) da rotonda traseira, co aspecto que se pode ver nas fotos anterior e posterior deste parágrafo. Por certo, que seguindo cos 'xardíns colgantes de Ribadeo' (ou aquí, uns moito máis novos), pódese observar na foto de embaixo unha boa fronte floral na parte posterior da Torre.
Tamén lembrar que hai pouco deixei unha vella foto do ascensor da torre dos Moreno.

20130411

Ribadenses de antano

Esta mañá escribín 'nada novo baixo a choiva' en Ribadeo. Esta tarde, Celia castro fíxome chegar un artigo novo: Ribadenses de antaño, presentado onte mesmo co conxunto da revista da que forma parte e que xa colguei en Publicado en Ribadeo. Trátase dun artigo feito a partir de pinturas de Dionisio Fierros que pon en lembranza algúns ribadenses, en xeral non famosos, pero non por elo esquecibles unha volta retratados polo pintor, do que se ofrece asemade un apunte biográfico. Pode verse, ampliarse e descargarse:

Nada novo baixo a choiva

A choiva (chuvia da maioría) segue esta mañá, mentras baixo ela váise desenvolvendo o día que comeza sen novidades. Porque xa non é novidade nin o que expresa a sátira de Fontdevilla, ou que se saiba o que xa se intuía sobre as preferentes: que era sabido polas autoridades que non eran legais. En Ribadeo, mentras, téntase loitar contraesa falta de novidade con celebración. O sábado, cea da república no Costa  Verde, o domingo, outras catro rúas adicadas, comezano polo republicano Rafael Fernández Cardoso e rematando polo pedagogo Justo Pico de Coaña. Aquí, un libro de Pico de Coaña en venta, e aquí, a constatación de que non hai libros del na nosa biblioteca. E aquí, unha pequena biografía de Cardoso.

20130410

Unha pequena homenaxe

No blog, deixar un minuto de silencio non ten sentido, e unha páxina en branco pode que non se entenda. Morreu José Luis Sampedro,e súmome ás homenaxes que está recibindo deixando un par de ligazóns a dúas coleccións de citas súas. DEP.
José Luis Sampedro en wikiquotes.
José Luis Sampedro en El Diario.es.

20130409

Un ano máis, a feira da ciencia

Un ano máis, xa estamos na primavera, e con ela, xa ten chegado a época da feira da ciencia de Ribadeo
Dende 1995, ano tras ano vénse celebrando en Ribadeo unha exposición de ciencia feita por e para escolares, aínda que houbo anos que foi unha exposición de ensino e case sempre as visitas superaron as meramente escolares. Solíase facer no IES Porta da Auga, pero este ano os dous IES fusionáronse, polo que faise no IES de Ribadeo, o único que hai, no edificio do antigo Instituto Laboral, que comezou chamándose 'Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel', e finalizou como 'Dionisio Gamallo'.
Coas cousas do traslado, haberá que experimentar este ano non só nos proxectos, senón na propia feira. Polo momento, reducindo a súa extensión e polo tanto, os traballos expostos, así como as visitas.
Os días, mañá mércores e pasado xoves:

En FQ Ribadeo

20130408

Ribadeo nun pequeno lugar de Austria

Dornbirn, en Austria, ten unha extensión como concello algo maior que Ribadeo, e unha poboación cousa de catro veces a de Ribadeo. Non ten mar e si montañas nevadas. Alí se celebrou onte unha do feixe de concentracións de #nonosvamosnosechan, cunha pequena representación, todos os emigrados españois de nova xeración do lugar. 10 persoas novas, entre 25 e 35 anos, todos con longa preparación e con abonda iniciativa para procurar a vida onde podan, cara sorrinte para a foto e a sensación de que ise non é aínda o seu lugar, pero é onde os acollen despois de ser literalmente botados do que seguen a ver como casa. Tamén Ribadeo estaba representado.

20130406

Quizáis, nostalxia. Quizáis, só historia. Unha foto do ascensor da ribadense Torre dos Moreno.

Remato de rescatar do arquivo unha foto do 2005 do ascensor da Torre dos Moreno, onde se ve o estado de conservación xa daquela do interior do edificio, con cascotes mesmo despois de ser reforzado.

Resemanita santa

Vexo as fotos da semana santa infantil de Viveiro e lémbrame o antroido. Si, debe ser curioso ver os cativiños pequenos facendo de maiores, xogando a selo, nunha mistura de disfraz de antroido e arte sacro corrupto, convertido ó paganismo. Será porque non o entendo, pero diría que se a igrexa católica, esa estrutura temporal que se codea cos poderes terrenais, pode sacar algún tipo de rédito, a Igrexa Católica, esa idea relixiosa, sairá sempre perdendo dun remake a destempo en dous sentidos, fóra do tempo de celebración e fóra da idade.
Ó mellor estou equivocado porque o meu punto de vista está abondo alonxado da historia das procesións tal cal.

20130405

Disquisicións de mañá

A estas horas da mañá, o vento zoando anuncia outro día desapacible, concordando non só coa negrura que se observa, e polo tanto, coas nubes que invisibilizan as estrelas, senón tamén co termómetro na zona fría e cos prognósticos feitos estes útlimos días e aventados nos medios. Frío, vento, choiva, acompañarán de novo o decorrer diario de Ribadeo e as súas xentes, na tónica de este aínda inverno meteorolóxico, que xa non astronómico.
Mentras pían algúns paxaros que se atreven contra o vento, parece que diminúe o vendaval, sen lograr que as nubes deixen pasar os primeiros raios.
Imaxinación e literatura poden pintar a negrura diaria da temperie e quitar un pouco da zozobra social que impregna as persoas inmersas na crise que con diversos calificativos sufrimos. Imaxinación e literatura, as mesmas que durante tanto tempo ocultaron a situación de desposesión material, espiritual ou de dereitos, e que o seguen tentando a pesares da proliferación atacante que non deixa centrarse nun caso pois brotan outros como cogomelos en sazón, desviando a mente do importante e da estrutura xeral, case perdida na merda. Mellor unha boa novela e imaxinar a realidade? Os universos paralelos poden ser un bo refuxio temporal se se sabe a que realidade hai que regresar e cla é a que necesitas reformar. Condicións que hai que encher antes de marchar onde hai que regresar.
Deixo aquí, e regreso ...

20130404

De chiquillada, nada

Onte produciuse a imputación da infanta no caso Nóos. Hoxe aparece na prensa como nova de ribadeo a falsificación dun documento oficial dunha rapaza no CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional). Os casos non parecen ter moito en común, pero teñen certos aspectos que serven de comparación.
O primeiro, o impacto mediático. Está claro que a infanta Cristina ten un pulo mediático que non ten a alumna do CIFP. En particular, a alumna posiblemente permanecerá no anonimato alomenos un tempo por decisión da dirección do centro. Esa decisión está ligada a que a falsificación de notas en documento oficial non ten un menoscabo evidente para os dereitos de ninguén, se ben é un delito debido a que aínda que non haxa tal evidencia directa, supón o situarse nunha situación de competencia en menoscabo de todas as persoas que chegaron a esa situación por medio do seu esforzo e non con trampa.
O impacto mediático ten a súa importancia, por suposto, e grazas a el nos atopamos con dúas diferenzas que teñen outro tipo de impacto. A primeira, que inmediatamente a fiscalía di que vai recorrer. A fiscalía é unha figura de defensa xurídica que en España está relacionada co estado, non con particulares. Non obstante, dun xeito ou outro, ten actuado moitas veces en defensa de particulares, e aquí saltou de xeito inmediato. Sempre queda a dúbida de se, se a alumna estivera en situación da infanta, a fiscalía actuaría de igual xeito...
A segunda cousa que chega a nós a traverso do impacto mediático é a reacción dos pais da infanta, isto é, dos reis. A traverso do servizo que xa teñen en xeral para relacionarse, enterámonos de que "La Casa del Rey dice estar sorprendida por la imputación de la infanta". Dos pais da alumna non sabemos nada, pero é posible que, de estar enterados da denuncia, lle digan algo así como 'neniña, fixeches mal, e agora toca purgar'. O que si sabemos é que os pais da infanta sabían de tempo que o marido da infanta estaba metido en certas cousas e a infanta figuraba tgamé nelas, que tentaron evitar o nivel de representación que antes ostentaba a infanta, ... e que hai xa algún documento que os relaciona coas actividades da familia, aínda que polo momento non sexan considerados de tal xénero que faga que o Rei pase a imputado.
E podemos seguir, pero quizáis non sexa tan malo rematar aquí, deixando abertas dúas fiestras. A primeira, cara a pensar, unha vez máis, sobre a igualdade da xustiza, que mesmo ten sido proclamada hai non tanto polo propio Rei. A segunda, sobre o exemplo na educación, algo que nas novas aprece abondo menos importante que o anterior, e máis é a base del. A alumna, ó tenor das novas, ten pouco máís de 18 anos e hai xente que ve o tema da falsificación como unha chiquillada. Máis son as pequenas cousas as que, co tempo e a oportunidade, dan lugar ás grandes. Son os pequenos favoritismos os que permiten as grandes corruptelas. Son as nimiedades da familiaridade, as pequenas axudas familiares ó nivel ó que se poden observar no tema da infanta as que permiten as grandes inxustizas de desigualdade que se ven dende o nivel do pobo.

20130403

O inmediato e o contínuo

De sempre, hai unha loita entre o inmediato e o contínuo. A importanica de ambos balancea ora cara a un tipo, ora cara o outro. Recién rematada a semana santa (ou Semana Santa) quedan as noticias da choiva (como eu mesmo, onte), da ocupación hostaleira satisfactoria, da pegada importante das catedrais, e, como é costume xa, dos últimos escándalos, esta volta co protagonismo de Feijóo e o seu compañeiro narco, entre outros.
Mais, no fondo, o fundamento, aconsella non separar eses feitos doutros que convirten o conxunto nun substrato vital que non hai que perder de vista para actuar, ó xeito da manida pero convinte 'pensa globalmente, actúa localmente', que podería adaptarse para o caso en algo como 'pensa no futuro, actúa no presente'. E, no presente, remato de ler un libro de Vázquez Montalbán, e quedeime pensando en frases de novela de entre máis de dez e menos de vintecinco anos que son indistinguibles da realidade actual ...
"Los dueños de la realidad nos dejan ver las sobras de la realidad, a usted le llegan mediante señales, señales que les sobran. (...) En cuanto te acercas al poder, la cosa se complica (...) Veo que usted no sólo no sabe nada de nada, sino que no sabe que no sabe nada de nada."
"Desde niño sabe que cuando te pegan hay que pegar al otro, algo, por poco que sea, hay que avisarle de que su fuerza podría tener un límite, el límite de tu dignidad. Sólo ante el estado como golpeador, en la tortura a cargo de funcionarios del estado, no hay ndada que hacer. Estás ante el monopolio de la violencia y los matarifes han jurado bandera y te machacan normalmente por Dios y por la Patria."
"A pesar de la reincidencia, el señor juez puso en libertad condicional al (...) al estimar que era imposible 'imponer sanción alguna a una conducta que aún no está tipificada en el código penal'."
"Y no era un deporte exclusivamente madrileño, aunque Madrid se hubiera convertido en una capital de moral posmoderna, es decir, ecléctica y funcional, al servicio del éxito por el camino más corto, como prueba de la filosofía dominante de toda clase de poderes: político, económico, cultural. (...) era toda España la que asumía la moralidad insolidaria o la moral de la ambigüedad con todas sus consecuencias."
A lembrar que os políticos que corresponden ó mando nos períodos a cada unha das citas son variados entre os 'dous grandes' partidos estatais, e que en calquera caso, as citas pertencen a entidades literarias de ficción ... porque é doado pensar que podan ser de ensaios sobre a crise actual. Como para reconciliarse con Vázquez Montalbán.

20130402

O valor dunha gráfica: chove en Ribadeo

Ás veces, din, unha imaxe é moito máis explícita que mil palabras. A gráfica de hoxe podería ser un exemplo.
Coido que é abondo ilustrativa por si soa, pero por se acaso, representa a choiva caída ó longo do ano en cada ano dos que levamos do século. A liña máis grosa representa ó ano pasado, 2012, con un inverno de seca e que só no outono recuperou ritmo e puido situarse como terceiro ano máis seco do século. O que levamos de 2013, a liña que queda discontinuada a 1/4 de camiño, é polo momento, todo o contrario: onde o pasado ano era con diferenza o máis seco do século, iste é con diferenza o máis húmido, de xeito que a choiva caída o 2013 é unhas oito veces a recollida no mesmo periodo de 2012: 76,4 vs. 578,9 L/m², case como todo o ano 2004. Non só iso, senón que tamén se pode observar que no que levamos de ano choveu un 50% máis que no seguinte ano máis chuvioso do século a estas alturas, o 2006, que resulta ser ademáis, o ano completo máis chuvioso de todo o período.
Vaivéns da meteoroloxía ...