20151230

ALEGACION A UN VERQUIDO NA BOCA DA RIA, artigo de Evaristo Lombardero Rico

Lugar aproximado do verquido da draga, 1,2 km ó N da Punta da Cruz

A primeiros do mes de decembro demos conta do Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto de Dragado na canle de As Figueiras, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Asturias o 2.12.15. O proxecto consiste no dragado de 55 000 metros cúbicos por ano na canle de As Figueiras ata completar 220 000 metros cúbicos entre 2016 e 2019. 
O motivo da alegación radica no posible impacto do verquido destes materiais a 1200 metros da Punta da Cruz en dirección norte, tal como se prevee no proxecto. Maiormente tendo en conta que nesa zona é onde se veñen verquendo os materiais dragados nos últimos anos. 
Habida conta que a navegabilidade nas canles e na boca da Ría de Ribadeo sofreu un deterioro considerable nos últimos 30 anos, semella razoable sospeitar que un verquido dese volumen tan preto da Punta da Cruz poida ter un impacto significativo negativo sobre o calado nesa zona. 
O Estudo de Impacto Ambiental que comentamos analiza outros posibeis impactos polo miudo pero non lle dedica atención ao estudo batimétrico da zona do verquido antes, durante e despois da intervención. 
Pola nosa banda propoñemos que se estude concretamente este tema: o impacto do verquido sobre o calado e que se avalie a posibilidade de levar o verquido duas ou tres millas mais ao norte onde os calados actuais cáseque duplican os da zona devandita. 
Compre suliñar que esta é a primeira vez que se fai un estudo de impacto ambiental para un proxecto de dragado e verquido e que nos anos anteriores temos denunciado estes verquidos repetidamente sen recibir resposta alguna das autoridades medioambientais galegas nen asturianas. Recentemente remitimos unha alegación ao Principado de Asturias polo proxecto de construir unha nova escollera no Porto Deportivo de As Figueiras, que sen dúbida vai provocar un incremento da sedimentación na canle que se proxecta dragar, pero non recibimos nen acuse de recibo. 
Folga lembrar que os concellos, clubes deportivos e similares pasan amplamente. 
Ribadeo 29 de decembro de 2015

20151229

Dous documentos sumando máis de 200 anos de antigüidade


Ordenanza de policía rural e urbana para la villa de Rivadeo (1863)
Tarxetas postais de Ribadeo e a Ría (do primeiro tercio do século pasado)
... dous documentos, hoxe na Biblioteca Nacional de España, que colgo despois de que mos fixeran chegar mans que queren ben a Ribadeo.

Ribadeo con nomes e apelidos

Hai uns días atopeime na páxina sobre nomes do Instituto Galego de Estatística, e de alí pasei a unha sección sobre os nomes e apelidos da poboación. Curiosidade, divertimento e tamén aprendizaxe: iso supuxo. Deixo aquí un resume relacionado cos nomes e apelidos de Ribadeo.
Ribadeo en Galicia
Nomes de homes e mulleres en Ribadeo (os 25 máis numerosos, número e tanto por mil):
Pode verse, na táboa e nas gráficas a continuación, que hai aparentemente máis variedade nos nomes de homes, pero non é tal se nos fixamos en que boa parte dos nomes de mulleres teñen o 'María' diante... [Lembrar que as figuras poden ampliarse premendo sobre elas co rato...]
As seguintes táboas son por comarcas: a Comarca da Mariña Oriental. Como foi cambiando o nome a medida que pasaba o tempo? É curioso como cambian de década en década (a década de 2010 remata cos datos de 2013, os últimos que conseguín, e nomes con máis de 5 nados, polo que só ten uns poucos nomes)
Nótase que a partir da década dos 60 comeza a variación de nomes, quizais pola influencia televisiva...
Nas mulleres nótase unha variación maior e que comeza antes no tempo. Pero, sobre todo, o abandono do predominio absoluto mariano despois dos 80.
Os apelidos levan consigo outras características. A táboa da unha primeira información:
Está tabulada a porcentaxe deprimeiros apelidos correspondentes a un dado, o mesmo para os segundos e o correspondente a un ou a outro (por eso non é a suma, senón algo menos: Sánchez Sánchez contará como 1º, como 2º, e só unha vez para ambos)
O fondo tamén está sobre 200, o mesmo que no caso dos nomes, para que resulte máis doado a comparación de cantidades.
O IGE tamén ofrece a oportunidade de comaprar xeográficamente as porcentaxes correspondentes aos apelidos nos diferentes lugares de galicia. Aí van os gráficos correspondentes aos catro primeiros postos, onde se intúe claramente unha correspondencia-relación da zona coa montaña de Lugo e Ourense.
Anterior sobre o tema.

20151228

Concerto Aquí como en Viena 2015 (1ª parte)


 O concerto 'Aquí como en Viena' da Banda Municipal de Ribadeo sucedeu nun cine-teatro ateigado de xente, non só nas cedeiras ou de pé á beira delas, senón mesmo na distribuidor de entrada do local. sinxelamente, non se cabía.
Cadeiras baleiras
Cartel
Esperando ao director

20151227

O hotel na Illa Pancha, a día de hoxe

Faro de illa Pancha en cerámica de Sargadelos

Dous resúmenes de dúas actividades mantidas estes días sobre o hotel na illa Pancha:

Resume xuntanza Alcalde – grupo polo noso faro (20151215)

   Resume curto: Xuntanza con alcalde, secretario, Rodil e arquitecto: "Todo o que vds. ven aquí non vale para nada", dixo o arquitecto ante a documentación presentada no concello por Eirobra. É dicir, polo momento, a cousa está parada, aínda que pode seguir en calquera momento.

A xuntanza comezou á 19:30, como estaba previsto e estendeuse algo máis de media hora (a xente do equipo de goberno tivo que espera un ratiño para entrar, non moito, cousa de 15-20 min.)
Comenzaron a falar eles, expoñendo a 'historia' dos papeis no concello, primeiro o secretario e logo o arquitecto. Afirman que non enviaron ningún informe, que cando Eirobra presentou o papeleo para os permisos de construción detectaron erros, e máis aínda despois, co que lle foi requerida documentación a Eirobra, descartando a actual. O requerimento foi cursado o 21 de setembro, co que caducaría o prazo de presentación da nova documentación o 21 de decembro (aínda que eles mesmo falaron de que nestes casos eran flexibles).
Polo que din, o que atopan non é tanto que falten papeis das administracións (sentido no que ía a nota do alcalde de hai dous meses), senón que a cafetería e o hotel están presentados como cousas diferentes en diferentes documentos, e a documentación está referida ó plan anterior, do 1977, non o PXOM de 2014. Sería algo que non debera presentar dificultade grave para Eirobra, pero que implica recomezar o proceso en canto chegue a documentación. En caso de que non a presente a tempo, terá que pagar de novo as taxas se quere recomezar o tema.
Propuxemos que nos deran documentación e coñecer a postura do alcalde. O alcalde non se decantou, pero mañá (mércores 16) teremos a documentación (xa veremos que nos acaban dando, pero por pouco que nos dean e atrasada que estea, vai supoñer un paso grande) que iremos a buscar ó concello [A documentación foi recollida].

Deixamos clara a nosa postura da illa Pancha como un ben público que debe seguir como comunitario, e aproveitado, pero non como lugar de lucro dunha empresa, mentres o alcalde e os técnicos insistían en que eles eran asépticos. Coido que tamén lles quedaron claras cousas como que seguiremos, que cada vez nos será máis doado estar controlando o que se vaia facendo, que temos clara a diferencia entre aplicación das leis (que fan os técnicos) e o presionar sobre a mesma normativa a aplicar (que fan os políticos, aínda que non se decanten oficialmente). Quedou tamén claro, debido á insistencia do alcalde no voto, que o haber eleccións o domingo tivo algo que ver para que se fixera a xuntanza, e máis aínda tivo que ver o que se fixera presión pouco a pouco, pero cada vez máis, por parte do grupo, saíndo á luz a nosa postura, por moito que fora terxiversada.
En conxunto, saímos con boa impresión da xuntanza, aínda que sabemos que se pode torcer en calquera momento. Agora o tempo corre ó noso favor.


Resume xuntanza do grupo de 20151226

A xuntanza, coma sempre no altillo do Cantón Bar, comezou tamén coma sempre ás 20:30, e estendeuse algo máis dunha hora. Fíxose un repaso xeral da situación, tendo en conta tanto a documentación nas nosas mans (non moita, pero abonda para traballar máis despois da xuntanza co alcalde), a xuntanza mantida por un de nós con xente de Portos, a xuntanza co alcalde e as impresións dos presentes en relación ós últimos acontecementos. 

De cara ó período ata o sábado 9 de xaneiro, que é a próxima vez que se verá o grupo, fíxose unha escolla de accións para desenvolver entre as propostas feitas, quedando en: 
-Mover o muro do grupo de Facebook, que na última tempada non se moveu pensando en que hai xente que informa dos nosos pasos fóra do grupo. Chegamos á conclusión de que a maioría das cousas é bo que se difundan. -Facer un escrito para a Dirección Xeral de Medio Ambiente e para Calidade Ambiental para procurar datos sobre o informe que cremos que é preceptivo para facer calquera cousa na illa e que non temos constancia de que se emitira. 
-Xuntar documentación para recorrer ó Valedor do Pobo. 
-Pedir por escrito ó concello as páxinas 9 e 10 que non nos foron subministradas das condicións do contrato, así como pedirlle por escrito que diga que non hai informe do concello, para contrastar co Ministerio de Fomento, que na súa nota de prensa afirma que si o hai. 
-Facer un modelo de escrito para pedir sinaturas, para presentalo na próxima xuntanza e poñer en marcha a recollida. 
-Redactar unha nota de prensa na que se indique a situación actual, se remarque que o noso fin é que a illa se respecte, que está nun espazo protexido, puntos que vemos que consideramos son ilegales, etc 
-Entrar en contacto con Greenpeace. 

A máis, claro está, de enterarnos se foi presentada no Concello a documentación requerida para continuar co procedemento de concesión de licenza ou mirar a nova lei de Costas...

Ao que parece, a cousa seguirá (hai moito que facer), pero o resultado xa non está tan claro como o estaba hai uns meses.

20151225

Unha visita ó Salón de Plenos do concello de Ribadeo

A cámara lenta, aquí deixo o que recollín o outro día mentras esperaba. Ten mala calidade, pero supoño que dará pé a que alguén o recolla mellor ca min. Polo momento, para un día de Nadal, coido que vai ben o coñecelo, aínda que só sexa no seu aspecto 'turístico', aínda que me gustaría pensar que tamén para irse afacendo á participación política de todo ribadense que se precie de selo.
Por certo, o espazo dos representantes está ampliado respecto ó mandato pasado, e de seguir así, tamén en relación o futuro.

20151224

A botadura do DR. Fridtjof Nansen, nova de onte na ría


Traduzo da nota de prensa de Gondán na versión da súa páxina web, con data de onte:
"Hoxe, nos asteleiros Gonda de As figueiras, con marea alta, no novo buque de investigación oceanográfica e de pesca  do instituto de investigación marina de Bergen -baixo un programa liderado por NORAD, FAO e o ministerio noruegués de asuntos extranxeiros- foi botado con éxito. O contrato deste buque oceanográfico foi asinado en marzo do ano pasado. Este sofisticado buqe foi adxudicado a Asteleiros Gondán a traverso dunha licitación internacional, na que competían oito asteleiros noruegueses e españois.
Deseñado pola compañía Skipsteknisk, ten 74,5 metros de eslora e 17,4 de manga, pode operar en zonas tropicais e subtropicais en países en desenvolvemento.
No buque foi usada tecnoloxía de vangarda para desenvolver actividades enfocadas ós estudios do ecosistema mariño, poñendo énfase na avaliación de bancos de peixes. De xeito adicional, o buque será usado para recoller datos para estudio e comprensión dos efectos do cambio climático, mapeado da biodiversidade mariña, medida de CO2 e a acidificación resultante dos aceanos, medida de osíxeno e desosixenación dos oceanos e estudos de contaminación. O buque estase a equipar de acordo coa mellor normativa para buques de investrigación de ruído reducido, de acordo cos estrictos requerimentos de ICES 209."
foto da nota de prensa de Asteleiros Gondán

20151223

O nacemento da asociación belenista. Belén do Nadal 2015 en Ribadeo

Unha visita ao nacemento da asociación belenista no 'espazo Pulpeiro Doval' da antiga Casa Maseda.
Este ano poden visitarse ademais na Orde Terceira e no local de exposicións na r/Ramón González 37, nos locais do antigo supermercado S. José.
Sobre Beléns:
En Vilalba (2015)
Beléns de Ribadeo (Asoc. belenista, Orde terceira, etc)
Nadal 2013 (actuación)
Nadal 2012
Nadal 2011
Nadal 2010
Nadal 2008

Adornos de Nadal en Ribadeo. 2015-2016

A árbore da Praza de San Roque é única. De día ten outro aspecto...
Os adornos de rúa máis próxima a el tamén son árbores.
 E a seguinte, a R. Rosalía.
Na Avda. de Galicia son campanas.
A solitaria estrela de Viejo Pancho...
... contrastaba coas moitas e faroleiras estrelas de neve noutros lugares.
E o papaíño Noel dalgunhas rúas peonís:
E hai máis adornos...
A 'música' non a reproduzo: de 11 a 2  e de 5 a 9 máis ou menos a non ser que tapes nos oídos, e aínda que non esteas na rúa, do 18 de Nadal ata reis, case vinte días (este ano, que xa leva máis dunha ducía de anos, e houboos con máis intensidade e horario), da para repetir moitas veces o pouco máis de media ducía de cancións ás que din villancicos (non é a primeira, segunda... queixa que escoito sobre o tema)
--
Nota posterior: Recollo manifestacións do presidente de ACISA sobre o tema da música. Di que se fixo unha enquisa e saiu que se puxera, que hai cen cancións e que se retiraron tres altavoces porque dicían que molestaban.

20151222

En todas as xornadas postelectorais dende o 93 o IBEX reaccionou con caídas :)

Copio un subtítulo de Eldiario.es mentras están facendo un sorteo máis de lotería de Nadal. Parece un aviso para que despois de cada votación os votantes sexamos conscientes de quen manda. Nuns casos, para reafirmar o seu poder; noutros, para avisar de desviacións.
Imos tomarnos os seus avisos con humor, algo necesario para a felicidade pedida e desexada no Nadal:

Que ti e os teus sexades felices

Apunto que o bombo da lotería parece algo difuminado, porque se se pode acompañar un consello ó desexo, que sexa este:

non deixes a túa felicidade á sorte

... se segues pensando no IBEX, tenta desengancharte, tes un problema coa vida.
--
No 2014

20151221

Tentando completar a información

Despois de entradas como a de resume de datos ou a da análise das eleccións xerais 2015 en Ribadeo, as 11 papeletas (10 para Congreso, 1 para Senado) da circunscrición electoral de Lugo:














20-D, o día despois, en Ribadeo

A estas horas xa hai no mercado interpretacións para todos os gustos en relación coas eleccións de onte. Insístese no carácter de ingobernabilidade ou do ascenso da 'ultraesquerda' (non é broma, senón algo escoitado nun medio 'medio' que eu diría, en troques, de ultradereita), ou, botando contas, de que se IU fora coaligado completamente a Podemos e as mareas diversas, terían 15 deputados máis en conxunto. En xeral non falan dos poderes fácticos que levan actuando dende antes das eleccións e que a ben seguro continúan despois delas. E tamén deixan nun segundo lugar a maioría absoluta que dificultará o pase polo Senado de segundo que novas leis.
De xeito incomprensible para moita xente, a pesares de corrupción e retroceso socioeconómico, o PP segue a ser a primeira forza, pero nin PP-C's, nin PSOE-Podemos e Cia logra a maioría sen coaligarse cunha restra de formacións máis pequenas e separatistas-nacionalistas. Pode ser un bo momento para a Política, se aparece en España. E unha oportunidade de experimentar e aprender a dialogar e formar consensos para a pléiade de forzas de esquerda que en plan reinos de taifas perderon a maioría de deputados tendo a maioría de votos.
Como se pode ver no resume que xa puxen onte, houbo menos abstención, o que eu traduciría en máis ilusión, nun 'si podemos' no que invertiu Podemos e que repercutiu en C's, pero diría que tamén noutras forzas para contrarestar ese impulso novedoso.
O futuro? Como dixen, a estas horas non só os comentaristas se puxeron á tarefa, senón os chamados poderes fácticos...
En Galicia chama a atención, en relación ó resto do estado, a desproporción de C's en relación ás tres forzas maioritarias, en Galicia e no estado. O implante clientelar e secular do PP ten abondo que ver niso, aínda que o feito de que ós dirixentes do partido revelación non pareza que lles guste moito o noroeste peninsular, a tenor das súas declaracións, ten algo que ver no tema.
Tamén ten chamado a atención a desaparición do BNG. Nós, a marca coa que se presentaba en coaligamento, non obtén representación. Era algo que dicían todas as enquisas, pero non deixa de ser sorprendente. Din que a soberbia da xente bloqueira tivo algo que ver, e que o purismo e separatismo (non político, senón da sociedade), a captura de Galicia para preservala, ten formado un crisol que non chegou a formar figura por falta de masa crítica. Non remato de comprendelo de todo, pero mentras que o anaco escindido de Anova procuraba influenciar a sociedade permeando os novos movementos, o BNG tomou máis ben o camiño contrario, de atacalos por vir ocupar un espazo que entendían que era deles. Os 'novos movementos' pasaron do tema, centráronse no seu, e o resultado está á vista. Que poidera ter algo de razón o BNG en que 'ese espazo' xa o defendían eles quedou sen significado pola forma, non valendo para o caso un teórico achegamento de nome ó pobo. Lembremos o de 'BNG-Asembleas abertas' das municipais ou o que resultou confuso 'Nós' destas eleccións, no que non se identificaba o BNG nin a idea de fondo.
En Ribadeo, podemos observar que aínda que a participación é alta porcentualmente, continúa baixando pouco a pouco en relación a outras votacións estatais anteriores. [Por certo, a diminución do número de electores leva a preguntarse sobre o aumento do censo e o mantemento dos 17 concelleiros].
Na táboa resume agrupei partidos e/ou coalicións que non sempre corresponden de xeito exacto para facer algo máis intelixibles os datos. Ademais, puxen dous 0 a dúas formacións que non se presentaron nos comicios anteriores na circunscrición de Lugo para que apareceran de xeito nídio na gráfica correspondente.
Dito o anterior, o batacazo do BNG en Ribadeo é só explicable pola aparición doutra forza compatible co nacionalismo galego, encadrada en Marea, o que causou unha desafección a unha forza que se vota por consoancia de ideas, pero coa que non necesariamente se relaciona a nivel local co nivel estatal (algo parello pasa co PP). A caída de PSOE e PP é case a mesma en % dende as pasadas eleccións, pero o PSOE xa tiña acumulado un 30% anterior... En resultado, en Marea suma case exactamente os votos que perde PSOE, BNG e os que se traspasan pola integración nela de EU. Como colofón, Ciudadanos non recolle todos os votos que perde o PP. Ribadeo non deixa de ter características propias, pero intégrase no movemento xeral que se está a producir no estado, e en particular, en Galicia.


Quedan moitas cousas por analizar: a participación dos emigrantes (a saber cando haberá dispoñibles datos) e a influencia da súa imposibilidade de aprticipar, o Senado coa maioría do PP... ou con outras miras, o cambio que dubido que haxa de lei electoral...
*:
A análise doutro ribadense.
Para a historia, na Galipedia.
Se queres mergullarte en máis datos.

Eleccións xerais 2015: de pronto, un resumo para o Congreso

A nivel Galicia, por provincias e xeral (ampliable premendo co rato):
E en Ribadeo: