|
Balsa de lodos da factoría de Alcoa-S. Cibrán
|
Guerra sanitaria para o tabaco e paz dos cemiterios coa contaminación.
A exposición excesiva ao fluoruro pode provocar unha enfermidade ósea coñecida como fluorosis esquelética. Esta afección pode provocar dor e dano nos ósos e as articulacións durante moitos anos. Os ósos poden endurecerse e volverse menos elásticos, o que aumenta o risco de sufrir fracturas.
A exposición prolongada a certos niveis de cadmio no aire, os alimentos ou a auga produce acumulación de cadmio nos riles e posiblemente enfermidade renal. Outros efectos da exposición prolongada consisten en dano do pulmón e fraxilidade dos ósos.
A inxestión de hidróxido de sodio sólido ou líquido -sosa caústica- pode producir vómitos, dor do peito e do abdome e dificultade para tragar. A lesión corrosiva da boca, garganta, esófago e estómago ocorre moi rapidamente e pode causar perforación, hemorraxia e redución do diámetro do tracto gastrointestinal.
Respirar niveis altos de cromo pode producir irritación do revestimento interno do nariz, úlceras nasais, secreción nasal e problemas respiratorios talles como asma, tose, falta de alento ou xadeos.
Epidemiólogos e xeólogos españois atoparon asociacións entre o número de mortes por tumores de esófago e zonas onde abunda o chumbo, cancros de pulmón e terreos con máis cobre, tumor cerebral con arsénico, e de vexiga con cadmio. Estes vínculos estatísticos non indican unha relación causa-efecto, pero segundo os investigadores, deberíase analizar a influencia da composición dos solos na distribución xeográfica dos tumores.
De forma xeral, os científicos comprobaron como naquelas áreas tradicionalmente máis industriais, e por tanto con solos máis contaminados por chumbo, cadmio, cobre e outros metais pesados, hai, en xeral, maiores cifras de mortalidade en tumores como os de pulmón, vejiga, esófago ou estómago.
Medrar xunto a unha fábrica incrementa as posibilidades de padecer cancro de pulmón nun 50%, mentres que as opcións se duplican no caso das células pequenas dese órgano. Así o testemuña o estudo Capua, o de maior tamaño realizado sobre este tema en España. Os datos públicos dispoñibles apoian estas conclusións. As análises e entrevistas a máis de 1700 pacientes voluntarios do estudo Capua conclúen que "non inflúe a susceptibilidad xenética, senón a contaminación ambiental ou os factores de risco do individuo". Ou o mesmo lugar de traballo, xa que onde falta un servizo de prevención anual os riscos multiplícanse “por tres ou por catro”. Un cambio nos hábitos de vida e a redución da contaminación atmosférica rebaixaría o número de casos desta enfermidade.
"É como a peaxe que pagan para vivir", reflexiona o portavoz da Coordinadora Ecoloxista de Asturias sobre o alto prezo de convivir con industrias contaminantes. O silencio dos traballadores e veciños ten un beneficio: manter ás industrias. Así o entende tamén o doutor Laureano López. "Hai medo a dar argumentos para a deslocalización. É un xogo difícil atopar o equilibro entre investir en procesos menos contaminantes e manter esas industrias”, expón.
O Instituto de Saúde Carlos III elaborou unha serie de informes sobre o perigo de vivir xunto a focos contaminantes. As análises estadísticas suxiren que residir xunto a incineradoras e vertedoiros de materiais tóxicos podería incrementar a mortalidade de cancro de estómago nun 18% e nun 71% o de pleura, a membrana que cobre os pulmóns.
Recollido de diversas publicacións, o que antecede, constato que na nosa Comarca, afectada polas verteduras da multinacional aluminera ALCOA, xéranse verquidos por terra, mar e aire, que conteñen metais pesados, e por tanto con risco obxectivo para a saúde dos habitantes do territorio da Costa Cantábrica Galaica.
Como vello profesor de SAÚDE PUBLICA e habitante da costa ao norte do norte estou no meu dereito de preguntar á colega Ministra de Sanidade se a cruzada contra o tabaco ten relación cos seus efectos nocivos cuantificables en diversas enfermidades crónicas que inciden nos datos epidemiolóxicos de MORBILIDAD E MORTALIDADE que se recollen estatisticamente e obran para a posta en escena dos denominados PLANS DE SAÚDE. Seguro que estou de acordo coa Anestesista Hospitalaria, agora coxunturalmente dedicada a tarefas de alta xestión sanitaria, e activista para defender os dereitos da cidadanía a unha correcta e integral asistencia sanitaria.
Pero hai un paso máis. Sendo as verteduras continentes de sustancias moi perigosas para a saúde, e sendo o medio ambiente parte do patrimonio ecolóxico que constitúe un parámetro da terceira xeración dos Dereitos Humanos -Dereitos do Cidadán- cal é a razón pola que non se pon os mesmos métodos de prevención, educación para a saúde, vixilancia continuada, informes públicos estadísticos e peche dos focos contaminantes?
Comprendo a existencia da colisión entre dereitos fundamentais -intimidade e seguridade- pero angustiame ese comentario habitual nas parroquias desta antiga Provincia de Mondoñedo. "Prefiro morrer de cancro que morrer de fame". "Temos que evitar noticias que alteren o proceso de venda ou mantemento dos postos de traballo de ALCOA, AÍNDA QUE TEÑAMOS QUE MIRAR PARA OUTRA PARTE con relación ás verteduras de LODOS VERMELLOS". Colisión entre dúas perversas realidades.
E vén ao caso por dous feitos a investigar. Incrementaron, sen permisos, a altura do muro de contención na balsa dos lodos vermellos? Hai saída nocturna de camións trasladando lodos vermellos a vertedoiro situado en territorio do Concello de Ortigueira? Teñen datos as Confrarías de Pescadores na Mariña sobre desaparición de fauna e flora mariña nas proximidades da saída ó mar das verteduras procedentes do proceso Bauxita-Alúmina-Aluminio?
Pablo Mosquera Mata