20240101

Entrevista co alcalde sobre o novo centro de saúde de Ribadeo: comunicado de Modepen e lembranza miña


    Deixo primeiro o comunicado de MODEPEN sobre o tema e logo algunha nota escrita por min antes de que se fixera público o comunicado:

--

Comunicado de Modepen

Entrevista co alcalde sobre o novo centro de saúde

Ribadeo, 26 de decembro de 2023.

Tal como temos anunciado, o pasado 21 de decembro tivemos unha entrevista co Sr. Alcalde. Polo concello estaban o Sr. Alcalde, o técnico municipal e outra persoa do grupo de goberno. Por MODEPEN seis representantes do grupo de pensionistas da Mariña. Pola nosa banda expuxemos o que xa temos publicado aqui e comentado nas nosas xuntanzas públicas que se celebran todos os sábados primeiros de mes no Cantón dos Moreno (a próxima será o 6 de xaneiro ás doce do mediodía).

En resume, a nosa idea é que a ubicación que se proxecta enfronte da estación de servizo está moi lonxe do centro do casco urbano e traguerá moitos inconvintes para a gran maioria dos usuarios se se chega a realizar nese ponto.

Lembramos que hoxendía mais do setenta por cento da poboación do concello de Ribadeo reside no casco urbano e esa tendência é acelerada nos últimos dez anos, de xeito que cando se chegue a realizar o proxecto a porcentaxe será mais de un 80 % con toda probabilidade. Asemade insistimos en que en Ribadeo hai hoxe mais de 3000 persoas maiores de 65 anos e esa tendencia tamén é crecente (datos do censo de 2022). Mesmo entendemos que en Ribadeo existen moitos espazos e solares onde pode construirse un novo centro anque non sexa idéntico ao que proxecta a Xunta de Galicia. Tamén prantexamos a posibilidade de reformar o centro actual, como temos comentado anteriormente. Pola banda do concello insistiron nos argumentos que xa están publicados sen que chegásemos a un acordo. Ao final quedouse en que virá un técnico da Xunta para seguir debatendo a cuestión.

Suliñar que mais alá do desacordo foi unha xuntanza cordial con exposición aberta de opinións póla duas bandas.

Cando téñamos a data da próxima xuntanza daremos conta dela publicamente. Namentras invitamos a todos os ribandenses, pensionistas ou non a asistir á convocatória pública do próximo dia seis de xaneiro onde se tratará o tema mais extensamente e poderán opinar as persoas que o desexen, sexan ou non membros de MODEPEN , sempre a micrófono aberto sen prexuicios ideolóxicos ou políticos.

MODEPEN A MARIÑA

--
Xoves 21 de decembro, Casa do Concello, Ribadeo     

    Comeza cedo o día. Un grupo de maiores pediu hai tempo unha cita co alcalde, e despois de repetila oralmente no medio dunha concentración co alcalde en pasando por alí, aos poucos días recibiu a convocatoria para o xoves 21 de decembro (o día que deixa paso á noite máis longa do ano) ás oito e media da mañá. Para Ribadeo, unha hora rara, visto o horario comercial e mesmo do concello. De feito, foi un funcionario municipal de paso quen nos facilitou a entrada logo de consultar, pois xusto á hora prevista non sabíamos ben que facer fronte á porta pechada.     

    A xuntanza comezou co alcalde, o arquitecto municipal e a concelleira delegada de atención cidadá, Montse Seijo, e seis maiores, entre os que se atopaban Evaristo Lombardero, Suso Fernández, Pepe Salvatierra ou eu mesmo. O obxectivo era expoñer o noso punto de vista sobre o lugar do novo previsto centro de maiores, aportando datos e criterios. Éramos conscientes (e seguimos a selo despois da xuntanza) de que se ben os prazos non apremian na teoría, o manexo de tempos esixen unha actuación que non se dilate no tempo: se antes da aprobación dos orzamentos sempre poderían dicirnos que aínda non hai nada aprobado, agora, cos orzamentos aprobados, sempre poden dicirnos que os cartos xa están dispostos, aínda que saibamos que se poden empregar aquí ou alí sen cambiar nin unha coma no xa aprobado.     

    De igual xeito que pasa coas consideracións anteriores, pode pasar con outras que afectan a usos típicos na política e administración. Por exemplo, dicir que un lugar é idóneo porque o din os técnicos ou porque foi elixido ‘de xeito unánime’; mesmo que se cambiou de opinión porque o mando correspondente foi convencido aínda que antes pensara o contrario. Todo normal, si, aínda que outras veces os políticos usen os argumentos de que os técnicos dan opinión, pero os políticos teñen que decidir por outros criterios, non só técnicos, ou que a unanimidade nun conxunto non é garantía de nada, ou que os cambios de opinión sempre son sospeitosos de que detrás deles haxa ‘algo’, sexa o que sexa.

    A cousa rematou asegurando unha nova xuntanza co técnico e decisor político do tema en Santiago, se ben sen data determinada. Motivo polo que apuntei en parágrafos anteriores a importancia do desenvolvemento temporal. É algo por outra banda natural, pois loxicamente aínda estaba sen facer a xestión pertinente por parte do alcalde.    

    Como dous días despois vexo que non hai referencia algunha á xuntanza, decidín deixar constancia dela, aínda que sexa de xeito sumario para evitar nesgos na medida do posible.    

Ningún comentario: