Amosando publicacións coa etiqueta deporte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta deporte. Amosar todas as publicacións

20230221

Puñalada trapeira ao deporte. Pablo Mosquera Mata

Puñalada trapeira ao deporte

Futbolista, entre outros deportes. Xerente do "Glorioso" Deportivo Alavés que xogou a final de Dortmund. Responsable foral do deporte no primeiro Goberno constitucionalista do País Vasco -1999 a 2002- Recoñecido afeccionado do Real Madrid dende pequeno. E sobre todo adicado ao deporte como actividade económica, recreativa, saudable e social. Hoxe, con noxo! O fútbol conseguiu demostrar que se asemella a aquelas historias do padriño entre Sicilia e Chicago nos "ledos" anos vinte.

Que lles imos dicir a eses nenos que xogan ao fútbol no deporte escolar? Mala é a actitude violenta de moitos pais transformados en hooligans que insultan desde a bancada ou queren que os seus fillos gañen civil ou criminalmente. O malo é que de alevíns, se destacan sinalando formas, convértense inmediatamente en clientes dos representantes que son a versión moderna do comercio de escravos que pode converterse nunha complicada e suculenta operación de enxeñería comercial. O malo é que o fútbol é capaz de estragar ese espírito olímpico que desenvolveu Pierre de Coubertin -xuño de 1894- e que se apropia da inmensa cantidade de recursos para o deporte que establece cada vez máis dous espazos moi afastados: o deporte minoritario e o deporte de masas. O malo é que o deporte forma parte dunha fórmula perversa para desviar a atención da sociedade ou para alienala segundo ditados deseñados por minorías que son auténticos poderes fácticos.

Non tivemos abondo con esas cantidades vertixinosas que move o fútbol en fichaxes, publicidade, material e instalacións? Agora resulta que á vergoñenta presenza da dopaxe hai que engadir a compra ou a chantaxe nas relacións entre xuíces deportivos e directivos. Refírome aos dous últimos escenarios. Ese punto do ICEBERG coherente coa celebración do mundial de fútbol en Qatar que lle custou prestixio á Eurocámara E por suposto as relacións entre un tal Negreira e o Barça, que moito me temo que serán o primeiro capítulo dunha serie, novela con máis protagonistas. De súpeto, o que era presidente da Sociedade Deportiva compostelá -onde xoguei nos meus tempos composteláns- recoñeceu que era habitual regalar reloxos de ouro aos árbitros de primeira división que chegaban a Santa Isabel.

Tiven a feliz idea cos meus colaboradores da Consellería de Deportes da Xunta de Álava de desenvolver o programa "Vitoria, a cidade do deporte". Foi a fórmula dunha actividade tan limpa e alegre -cheguei a ter doce deportistas olímpicos- para cambiar a imaxe do terrorismo na capital de Euskadi. Costoume unha moción de censura na que os partidos nacionalistas me acusaban de “españolizar Álava” ao celebrar máis de trinta campionatos de España, entre eles dúas Copas do Rei de baloncesto.

Non só o fútbol español está mal. É todo o deporte que dalgunha maneira permitimos ir detrás do fútbol. E non podo esquecer como o deporte forma parte da educación física e mental da nosa mocidade, que comeza na escola, continúa nos vestiarios de equipos modestos e chega a eventos deportivos que moven o espectáculo por terra, mar e aire. Espero e desexo unha limpeza a fondo para un exemplo integral e eliminación desta subcultura da corrupción cada vez máis estendida en tantos ámbitos da vida comunitaria.

Pablo Mosquera

20220504

Preparando a 8ª Media maratón Ribadeo-As catedrais

    Onte foi a presentación da nova edición (8ª, 2022) da media maratón. Reproduzo a nota de prensa do concello.

Foto Media Maraton

ORGANIZACIÓN E COLABORADORES DESTACAN A SÚA IMPORTANCIA

VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais

03/05/2022

A VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais celebrarase o 17 de setembro. No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá, participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, o delegado do Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e o técnico municipal de Deportes, Iván Rodríguez.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "aquilo que hai oito anos iniciamos como un experimento foise consolidando ata ser hoxe en día unha cita ineludible das medias maratóns, que discorre por un lugar do máis fermoso tanto de Galicia como de todo o Cantábrico e de todo o Estado. Centos de persoas son os que cada ano se anotan nesta media maratón entre Ribadeo e As Catedrais. Confiamos que centos de persoas o volvan facer para esta nova edición, na que contamos con moitos colaboradores que co seu apoio fan que sexa unha das carreiras con máis boas críticas, en canto a organización, a intendencia e a que os obstáculos difíciles destes 22 quilómetros se fan moito máis levadíos co apoio de toda esta xente, entre eles o xornal El Progreso, a asociación de comerciantes e o resto de xente que nos bota unha man".

O concelleiro de Deportes tivo palabras de agradecemento para os colaboradores: "agradecer a Acisa, ao Progreso e a todos os colaboradores, pero sobre todo ao voluntariado porque é importante no percorrido e sen os voluntarios non poderíamos facer este evento, para a que necesitamos moita xente e moito apoio. As inscricións vanse abrir a partir deste mércores, día 4, desde as cinco da tarde. Para os 100 primeiros serán 5 euros, despois dos cen primeiros a partir do 17 de maio serán 6 euros, do 18 de maio ao 25 de xullo serán 7 euros, a partir do 26 de xullo ata o 15 de agosto serán 8 euros, e do 16 de agosto ao 13 de setembro, 9 euros. Cremos que son prezos módicos, atractivos para todo o mundo que queira participar e competir dentro do que poidan. Esperemos que a máscara se quite, que non teñamos que volver a ela e que todo o mundo poida disfrutar desta proba única".

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou: "desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos de poder colaborar un ano máis con esta edición da media maratón. Para nós é moi importante este evento, que atrae a centos de persoas, entre participantes e acompañantes, e que axuda a levar o nome de Ribadeo a moitos lugares de Galicia e de España. Polo tanto poder colaborar con este evento e outros similares para nós é importante, como o é dar a coñecer Ribadeo e que a xente que participe disfrute da hostalería e do comercio. Polo tanto dámoslle as grazas ao Concello de Ribadeo por contar con nós".

O delegado do xornal El Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, dixo que "As Catedrais vai a máis. Es una de esas pruebas que cuando hablas de ella o preguntas por cualquier sitio dicen que es muy bonita; la gente se acuerda de ella por el recorrido y por el ambiente y en El Progreso estamos encantados de estar siempre ahí. Es una estupenda bandera para A Mariña".

20211231

San Silvestre Ribadeo 2021

     A falta da publicación de resultados da San Silvestre deste ano 2021 (XXXI edición) na páxina correspondente, deixo dous vídeos, un ó paso dos 450 m (cruce Avda. Asturias, por onde trascorreu a carreira, coa r. San Francisco) e outro ó paso dos 4 km (r. Calvo Sotelo). O ambiente da carreira, que tivo 368 participantes na súa versión de maiores (nados no 2009 e anos anteriores) e 518 en total, e rulou polo mesmo recorrido doutros anos, parece que non se resentiu gande cousa pola Covid (que levou a que o pasado ano non se celebrara).

    Os vídeos abranquen todos os participantes entre o cabeza de carreira e o coche escoba.



 

20210924

Sobre a media maratón Ribadeo-As Catedrais (II)

    Quixen separar esta parte da entrada da anterior, pois son moi diferentes unha da outra. Nesta van os dous vídeos que tomei, o primeiro da saída, pero sen os primeiros nin os últimos, en grupos que van sendo chamados para saír cada 20 s. Algún pequeno desaxuste, pero dun xeito mecánico. A segunda, o paso polo concello, no km 1,9 dende a saída, os mesmo grupos de xente, agora moito máis dispersos e misturados. Os vídeos oficiais da chegada de cada atleta poden verse na páxina de resultados, https://ccnorte.com/resultados/vii-media-maraton-ribadeo-as-catedrais/medio-maraton/1



   A primeira parte, con comparativa de resultados e algún comentario, 'Sobre a media maratón Ribadeo-As catedrais'

Sobre a media maratón Ribadeo-As Catedrais

   Éxito. Despois da pandemia, a media maratón Ribadeo-As Catedrais volveu xurdir con forza no mesmo lugar no que estaba antes. O número de inscricións fixo que Ribadeo se volvera encher de xente e que a carreira fose un espectáculo. A saída en grupos de máis ou menos 20 cada 20 segundos tamén fixo a súa parte, alongando o paso de corredoras e corredores polas rúas (a súa chegada ás Catedrais xa sempre foi dispersa).

   Os tempos realizados non teñen moita diferenza cos de anos anteriores, a pesar do vento durante a edición deste ano.

   En canto ó tempo do vencedor, en relación coas catro edicións anteriores marcou un novo fito, 1 h 11 min 42 s, rebaixando Carlos Villamor a súa marca do 2018, 1:13:23.

   En canto ó tempo medio dos corredores, este ano foi algo superior ás anteriores catro edicións, 1 h 52 min 4 s, se ben como se pode ver na gráfica abaixo, as diferencias marcadas con outros anos son menores que no caso dos campeóns (como é lóxico, por ser unha media). Como curiosidade, adxunto tamén a mediana, o tempo feito polo corredor ou corredora que chegou no posto medio (se é impar o número total; se é par, está entre os tempos dos dous do medio). Este ano, 1 h 51 min 47 s. Que a mediana sexa menor que a media só indica que os corredores máis rápidos teñen menos tempo entre eles que os máis lentos.

   O número de participantres que chegaron a meta é semellante ó da anterior edición::

   O anterior é un número que debe complementarse co de inscritos. Mágoa que só quede rexistro das últimas edicións sobre non presentados, abandonos e descualificados (1 nesta VII edición de 2021). A cousa quedaría así, tendo en conta que en 2018 (V edición) non hai máis datos que os de chegada a meta:

   O anterior indicaría un lixeiro descenso anual do interese pola participación na carreira. Aínda así, resulta curioso ver como o número de non presentados en saída foi diminuíndo no tempo (franxa vermella), o contrario que o número de abandonos, se ben isto, por ser poucos, non ten moita significación estatística.

   A meteoroloxía tamén debera ter algo que ver cos resultados e número de presentados... aínda que a comparación das condicións das 18:00 da tarde dos días da media maratón, hora á que se estaba a correr en todos eles (aínda tendo en conta que algunhas edicións comezaron ás 17:00, como este ano 2021, VII edición, e outras ás 17:30) non leve consecuencias interpretables de xeito doado. Os datos dezminutais desa hora e días eran abondo semellantes, sendo o máis destacado quizais o xa citdo, o vento desta última edición:

2016 (IV Ed, 20260910):

2017 (V Ed, 20170916):
2018 (VI Ed, 20180915):
2019 (VI Ed, 20190914):
2021 (VII Ed, 20210918):

   Pode que chame máis a atención a gráfica seguinte, se ben é posta cáseque só a modo de curiosidade, os tempos de tódolos participantes nas diversas medias maratóns en relación coa orde de chegada:

   Nela, poden albíscanse dúas cousas. Unha, a diferenza entre as dúas primeiras edicións reseñadas, que ata preto do posto 500 ían igualadas en tempos, pero, por ter máis participantes, a curva de 2016 alóngase máis, subindo en tempos (correspondendo co tempo medio maior), e indicando unha maior cantidade de xente cunha preparción máis popular. A outra, as curvas correspondentes ás dúas últimas edicións, onde se ve que os tempos ían lixeiramente mellor na edición de 2019 dende o comezo da chegada do segundo terzo dos participantes, aínda que se igualen ó final.
   Participarás o próximo ano? Para animarte, a segunda parte do artigo, 'Sobre a media maratón Ribadeo-As catedrais', e a páxina oficial da media maratón.

20210516

I Half Triatlón: desenvolvemento

 Onte, baixo a chuvia, os deportistas deron o mellor de si. E Ribadeo recibiu a xente que inundou as súas rúas. Quedan en baixo algunha foto (miña) e ligado algún vídeo (de Fernando Suárez) como testemuña.

   As fotos de diversos momentos da carreira a pé, última parte do tríatlon:








Os vídeos, de antes do comezo nos bloques, do comezo da primeira parte, a natación, do entronque coa segunda, o ciclismo, e coa terceira, a carreira a pé. -Nota: como é posible que non se visualicen no navegador, deixo asemade en baixo de cada un a ligazón para abrilos noutra fiestra-

https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795000448859/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795000808868/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795005568987/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795005768992/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795007129026/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795210454109/

20210514

Half triatlón e cia.

   I Half Triatlón. Non comprendo o seu nome, co primeiro signo en números romanos (logo, latín),a primeira parte do nome en inglés, e a segunda, en castelán (non en galego). A nota de prensa de hoxe non o aclara. Os voluntarios son 'máis de cen' (pedían 150), e os participantes aproximaranse ós 500. O desenvolvemento, a mañá do sábado, e os puntos para ver a competición estenderanse ó longo de 100 km, polo que, se queres vela, tes espazo! (ver o recorrido en baixo)

O tríatlon (non está mal escrito, é outra lingua, a galega) ten efectos secundarios. Non só para os atletas e o público, de xeito directo, senón tamén para a hostalería de Ribadeo, e ata para os veciños da zona da Pega.

Imos primeiro polas notas de prensa do concello. Ista primeira é de hoxe mesmo:

A SAÍDA SERÁ DESDE A PRAIA DOS BLOQUES

I Half Triatlón Ribadeo

14/05/2021

O Concello ultima os preparativos para o I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará na localidade mañá, sábado. Preto de 500 participantes federados se darán cita nesta proba, que contará coa colaboración de máis dun cento de voluntarios “para axudar e sinalizar durante o percorrido”, segundo explica o edil de Deportes, Jorge Díaz Freije.

E subliña que "toda a proba está verificada co protocolo covid19. Agardamos que supoña un apoio importante esta fin de semana para os hoteis e restaurantes de Ribadeo".

O alcalde, Fernando Suárez, agradeceu "o apoio necesario e impagable dos Concellos de Barreiros e Trabada. Con todo, e aínda que é importante para o deporte, para Ribadeo e para a economía local, seguro que algunha molestia se pode ocasionar durante o sábado á mañá. Desde a organización, os colaboradores e mais o Concello de Ribadeo queremos pedir desculpas por anticipado ao tempo que solicitamos comprensión pola importancia do evento".

O Half Triatlón Ribadeo realizarase en dúas modalidades: Short e Half. Os participantes na Short nadarán 1000 metros, percorrerán 42 quilómetros en bicicleta e farán 10 quilómetros de carreira a pé. E na Half serán 2000 metros a nado, 81 quilómetros en bicicleta e 19,2 quilómetros de atletismo.

A saída da Short está prevista para as nove da mañá e a da Half para as 9:30 horas.

 A nota anterior é complementaria da nota de prensa de antonte. A notar que os cortes (poño ligazóns na nota para que se saiba a situación das estradas referidas) vai sar en máis lugares que os referidos, pois se non, volverían a Ribadeo polo mesmo lugar que van, e non é así:


DESDE AS 8:45 ÁS 14:30 HORAS

Cortes de tráfico

12/05/2021

O I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará este sábado 15 de maio, reunirá a 470 participantes. A proba ocasionará cortes de tráfico nas estradas LU-P-5207, LU 133 e LU-P-6103 polo que desde o Concello piden desculpas polas molestias que se poidan ocasionar. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, sinala que haberá desvíos sinalizados.

O edil anunciou que "hai 470 participantes, para as dúas modalidades desta proba. Nunha das especialidades hai 330 e na outra hai 140, que é a máis longa".

Jorge Díaz subliñou que "vai haber varios cortes de estradas, sobre todo na LU-P-5207, que vai desde o colexio público ata o cruce de Vilela, onde hai un cruce coa LU-133, que é a que vai de Reme a Vilamar e chegará tamén o corte á LU-P-6103, que é onde está Vilamartín Grande e que limita con Trabada. Toda esa franxa estaría cortada ao tráfico, salvo excepción ou emerxencia, de nove menos cuarto da mañá e dúas e media da tarde".

O concelleiro de Deportes dixo que "queremos informar a toda a xente que normalmente faga uso desas vías, a esas horas, que van estar cortadas. Teñen outras alternativas tanto os que veñen a Ribadeo desa zona como os que viven neses lugares. Pedimos desculpas porque esta proba é moi importante, pero todo ten as súas trabas de organización".

Díaz Freije engadiu: "volver dar as grazas aos máis de cen voluntarios que fan posible esta proba, homes e mulleres que colaboran para levar a cabo esta importante competición de ámbito nacional, a través da Federación. Volvemos recalcar a boa colaboración cos dous concellos afectados, ademais de Ribadeo, como son Trabada e Barreiros, que colaboran incluso co seu voluntariado no seu ámbito. É de agradecer porque é necesario todo o apoio. Reiteramos que se manteñan todas as precaucións sanitarias".

O edil ribadense espera que "isto sexa un empuxe para o sector turístico, que algo lle poida aportar e que con esta iniciativa empecemos a fortalecer esta rede na que nos servimos todos. Esperamos que vaia ben todo na proba e que para o ano que ven se poida volver facer".

 A do día 6, polo contrario das anteriores, parece dar unha indicación do nome: a proba é nacional, logo ten certa lóxica que se se identifica nación = España, apareza o castelán no nome.

HABERÁ CORTES DE TRÁFICO E DESVÍOS ALTERNATIVOS

I Half Triatlón Ribadeo

06/05/2021

O Concello ultima os preparativos do I Half Triatlón Ribadeo que se celebrará o vindeiro 15 de maio. O edil de Deportes, Jorge Díaz, salienta a importancia desta proba nacional e o impacto económico que pode ter dado o alto nivel de participación.

O concelleiro ribadense lembrou que "o vindeiro 15 de maio se fará, por primeira vez, un triatlón de carácter nacional, a través tanto da Federación Galega como da Federación Nacional. O Concello colabora intensamente coa organización. É un percorrido moi transversal no senso de que toca o ámbito tanto urbano como practicamente todas as parroquias polas que pasa ou ten influencia, incluso ten bastante influencia noutros concellos como Barreiros e Trabada".

O edil de Deportes explicou que "a proba sae dos Bloques, ese entorno tan característico da ría de Ribadeo, aí faise a proba de natación e despois o percorrido en bicicleta pasa por Vilamartín Grande, sube toda a estrada que vai a Santa Cruz, dá a volta e regresa á praia dos Bloques. A continuación sairán cara ao faro, percorrendo unha distancia de 10 ou 15 quilómetros, dependendo das dúas modalidades que se corren dentro da mesma proba e rematará na praza onde está o Concello".

Jorge Díaz sinalou que "é transversal tamén tanto nas administracións como nestes tres concellos que toca, onde temos que dar as grazas aos máis de cen voluntarios que están apoiando a proba, ás distintas institucións e aos distintos Concellos. Queremos agradecer tanto a Barreiros como a Trabada toda a súa colaboración, desde o primeiro momento con voluntarios, ás dúas alcaldesas neste caso. Esperamos que vaia todo ben". 

Para Díaz Freije "loxicamente unha proba tan longa algún trastorno trae entón, desde ás nove menos cuarto da mañá ata as dúas e media da tarde, vai estar cortada a circulación nesa estrada. Queremos advertir que hai alternativas en calquera punto para que a xente se desprace sen ningún tipo de inconveniente. Estes días vaise poñer a sinalización e se hai algunha dúbida que chamen ao Concello para tratar de arranxalo o antes posible".

O concelleiro de Deportes subliñou que "é unha proba importante en todos os sentidos, tamén para o sector hostaleiro que nestas datas que estamos a sufrir os inconvenientes da pandemia tamén se viu afectado. É un pequeno impulso para empezar esta nova etapa que esperemos que vaia todo ben".

 A nota máis vella pedía voluntarios (150):

É PRECISO ANOTARSE NA ÁREA DE DEPORTES DO CONCELLO

Voluntariado para o Half Triatlón Ribadeo

20/04/2021

A organización do I Half Triatlón Ribadeo precida da colaboración de 150 voluntarios para o desenvolvemento da proba o vindeiro 15 de maio.

Desde a Área de Deportes do Concello solicitan "a colaboración de todas as entidades deportivas, clubs e asociacións ou voluntariado en xeral...posto que serán necesarios 150 voluntarios para os diversos cruces de carreira, e ao ser tan longa tentaremos incluso facer varias quendas para que non teñan que estar os voluntarios tanto tempo".

E engaden que "precisamos que os voluntarios estean ás nove da mañá no punto do percorrido que se lles indicará previamente. Algúns poderán estar un pouco máis tarde. E rematarían entre as dúas do mediodía e as cinco da tarde".

As persoas que estean dispostas a colaborar como voluntarios poden anotarse na Área de Deportes do Concello indicando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, dirección de correo electrónico, dirección, número de teléfono móbil, talla de camiseta, club ou asociación á que pertencen, carné de conducir (os que o teñan) e dispoñibilidade de conducir. Desde a Concellaría de Deportes explican que “todos eses datos poden remitilos por correo electrónico a Área de Deportes do Concello. A inscrición tamén se pode facer chamando por teléfono á Casa da Xuventude ao 982 129 889".

A Área de Deportes mantivo un encontro cos presidentes das asociacións de veciños das parroquias polas que discorrerá esta proba. Con eles estiveron o concelleiro e o técnico de Deportes, Jorge Díaz e Iván López. 

O Concello ribadense colabora na organización do I Half Triatlón Ribadeo que se vai celebrar o 15 de maio. A proba é puntuable para o Ranking Nacional de Triatlón de Media e Larga Distancia e contará coa participación de máis de 500 atletas. 

   Por último, a explicación do que poñía ó comezo sobre a Pega. Resulta que hai un movemento veciñal reclamando amaños nas vías desa zona, rtendo recibido promesas, pero non feitos. Amañaron o camiño do cemiterio, pero non o resto. Pois onte mesmo estaban botando un pouco de alquitrán e grixo, insuficiente, pero un amaño, ó fin, e ante a pregunta dun veciño, a resposta foi clara: o tríatlon. Deixo algunha das fotos que me pasaron, onde non se observa o nome da rúa, pois por alí son algo escasos:





20210202

Rumore... os ósos panchos.

   Hai xa abondos anos que a cantante Raffaela Carrà lanzaba a súa 'rumore'. Para quen non o vivira e non saiba da que vai, abaixo deixo un vídeo. Lembreime dela ó ler hoxe a prensa, coas novas de Ribadeo. Ó fin, a canción trata dos rumores, se ben doutro sentido que os que afectan a Ribadeo, e o impacto na seguridade persoal.

   O caso é que se presentan dúas noticias, e nunha, a noticia é o rumor, e noutra, o rumor é a noticia. 

   A segunda: atopáronse ósos humanos nunha bolsa e preguntouse a posibilidade de custodia polo concello de Ribadeo. A polémica ven do tejemaneje concello - Guarcia Civil en troques de aclarar o fondo, a procedencia dos ósos humanos, se é que a houbo, e todo apunta a que si. Quen queira pode ir á páxina web do concello para ver máis sobre o tema. Eu coido que non paga a pena tratalo nese sentido. E no da procura da procedencia, non transluce que se estea a facer gran cousa.

   A primeira, surf a carón da illa Pancha, dun xeito organizado. Parece que a noticia céntrase na realización en si, botando balóns fóra quen di que non tivo nada que ver, ACISA (cunha extensa nota en castelán que non aparece na súa páxina) e o concello (cunha nota curta en redacción e substancia). Polo contrario, o portavoz organizador séntese mal polas críticas e -segundo a prensa- anuncia que non haberá máis Challenge illa Pancha. Mais, se conseguiu cartos para celebralo un ano coma este, a credibilidade de tal afirmación non é moi alta. Mentres, pásase de puntiñas sobre a infracción das normas sobre movementos, as de reunións, o uso do espazo, apertura da illa, etc.

   Manobras de distracción? Non, pois xa están asimiladas nas nosas cabeciñas certos xeitos de facer as cousas.



20201224

Unha curiosidade: unha 'irredutible aldea gala' en Galicia

   Sabíalo? Eu sabía hai tempo do tema, pero non de que fora tan chamativo. Por medio de Daniel Díaz Grandío remato de enterarme abondo máis dun xeito gráfico.

   A cousa é que o Club Liceo, de A Coruña, Hóckey a patíns, este ano, unha vez máis, segue en primeira división. E, unha vez máis, de 16 clubes, 15 son cataláns. E, de novo o primeiro clasificado na liga é o Liceo... de novo por que o seu historial parece que o fai o clube con relativamente máis galardóns de calqueira dos deportes federados: "historicamente é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 40 títulos (18 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais). "

   A 'estrutura' da liga fai que recorra tantos km como os seis clubes seguintes xuntos, entre outras cousas. O mapa de Daniel reflicte este feito: cada círculo ten un tamaño proporcional á distancia recorrida.

Por se alguén quere saber máis...

20200906

1995: 'Actividade escasa' no clube de Xadrez

   O 6 de setembro de hai 25 anos o El Progreso traía a seguinte noticia na súa p. 46 (aínda non había 'A Mariña'):

   Daquela o xadrez aínda contaba en Ribadeo, aínda que xa non estaba nos mellores días. Agora, a documentación que se apunta dos anos vinte do século XX, perdeuse fallando o obxectivo que se apunta no xornal, e aínda que o clube non se deu de baixa, hai abondos anos que non ten actividade algunha.

   Renacerá?

20200424

Soños en liberdade

Soños en liberdade
   Saio á fiestra só para toparme co muro de en fronte a modo de bofetada que me fai torcer a cabeza ao longo da rúa, ca ansia innata de mirar ó lonxe, de deixar a vista -e o espírito- en liberdade.
   A vista... A cuña de ceo con punta roma limitada pola mancha verde afastada cara á esquerda parece cravarse entre os fogares dos meus veciños. É un atractivo poderoso que impulsa o xiro, e pista de despegue para as lembranzas.
   Si, como nos contos: foi unha vez... Pero personalizado: foi aquela vez... Como cando me espertei pronto no verán, ao amencer, e ao abrir a fiestra naquela habitación temporal, inusual e acolledora, a brisa de mañá pedíame moverme cara ó alto. Minutos foron a preparación suave da camiñada cara ó monte San Fernando. O camiño? Coñecido algún anaco, foise empalmando desde a casa con paso vigoroso mentres o día facíase pleno. Un par de erros desviáronme á ida cando xa perdera de vista o meu fogar temporal. Desviacións de rumbo sen importancia para chegar, importantes para saber, coñecer, ver máis, e sobre todo, mellor. E gozar. Para sentir.
   A vista desde o cume, non por lixeiramente lembrada deixou de serme gozada. A Ría, o mar, a unha beira. O resto da visión baixo o ceo cambiante, montes e vales en todos os tons de verdes e algunha que outra pincelada cromática que alimentaron a miña imaxinación de volta. E tamén hoxe.

20191004

As obras do campo de fútbol


Obras no campo de fútbol, onte.
As obras do campo de fútbol xa van mediadas. Non sei se quedan lonxe os días da petición e a polémica (parece un deporte local) tras os sucesivos encharcamentos do Pepe Barrera. Quedan abaixo unha entrada e dúas notas de prensa con boa cara no camiño até hoxe, a pesares das discusións no último pleno pola rebaixa da axuda da Xunta de 46 000 a 41 000 €.
21/1: pleno con inclusión dunha partida para o Pepe Barrera
17/7: obras no campo de fútbol
27/8: obras no Pepe Barrera

20190320

60 000 espectadores

Faye White. Collido de Wufong en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Faye_White.jpg, lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual xenérico 2.5

E iso? Pode que haxa que especificar máis...
Como xa teño mencionado algunha vez, quen impón a noticia a tratar está adiantándose mesmo ás posibles manipulacións da noticia, está mesmo 'impoñendo o futuro'. De aí que no blog, dende hai moito tempo, non me deixe levar moitas veces polas novas do momento, de Ribadeo ou xerais, senón que siga outros criterios, collendo novas que teño aparcadas para o seu tratamento en momentos a contracorrente. Momentos como este no que a liña principal de novas machaca sobre as eleccións a celebrar aínda dentro de tempo abondo, trufadas polo proceso á cúpula política de Cataluña e, no tocante a Ribadeo, algunha puntual directamente relacionada. Non, esta é unha nova de hoxe, senón de hai uns días pero imbricada nun sistema moito máis profundo en extensión espacial e duración temporal: a igualdade da muller.
O caso é que o outro día apareceu nun xornal (que non soe verse por Ribadeo) unha nova que, resumindo, viña a dicir que 60 000 espectadores dun partido de fútbol feminino entre dous equipos punteiros, de Madrid e Barcelona, eran non só unha marca para o deporte feminino senón que en certo xeito implicaban a equiparación de sexos no deporte. Máis abaixo, fóra dos títulos, quedaban claras varias cousas, como que parte das entradas foran de agasallo e que o resto tiveran un custe para os espectadores de 5 ou 10 euros. Coido que esas cantidades non son equiparables cos correspondentes importes para o fútbol masculino.
Un detalle importante é que non comentaban nada sobre os emolumentos das xogadoras: coido que aí tampouco hai equiparación polo momento. E máis cousas que non se din é que o fútbol segue a ser en boa parte un ideal quizais a non seguir para os equipos femininos, segundo o que se procure. Porque, que ten que ver a 'alta competición futbolística' co deporte? Si, algo si... pero eu meteríao máis no apartado empresa ou cartos que no de deporte. E, se a idea que se persegue para o fútbol feminino é a mesma de negocio e 'panem et circenses' que dirían os romanos, non sei se lles valerá a pena (salvo quizáis ás multimillonarias agraciadas)
Por certo, hoxe foi galaradoada por primeira vez unha muller co premio Abel, o Nobel das matemáticas...

20180108

Xeo en Ribadeo: pista, ano II

Remata de pechar a segunda tempada da pista de xeo en Ribadeo . O parque deixará xa de estar ocupado despois de ver a montaxe no seu centro dende hai un mes.
Agora, din, é cousa de botar contas. O ano pasado tivo un déficit de 12 000 €, asumidos polo concello. Este ano, segundo o xornal, os números de custe voltaron aproximadamente a reproducirse: 35 000 € aportados polo concello, máis 4 000 de ACISA para a carpa (os 35 000 € do concello non están incluídos na subvención a ACISA). O ano pasado a perda para concello foi de máis de 12 000 € (é dicir, custe efectivo para o concello). Os visitantes do pasado ano estaban cifrados en 7000, algo que se repite este ano. Este ano veremos as contas e a valoración, cousas que o pasado ano foron respectivamente negativas e positiva, segundo o concello.
Imaxe da pasada edición coa nota de prensa do concello
As contas da pista de xeo do ano ano pasado, máis ou menos, están aquí.
Montando a pista de xeo nesta edición.
--
Sobre a pista de xeo: http://ribadeando.blogspot.com.es/search?q=pista+de+xeo&max-results=20&by-date=true

20180102

Catro vídeos da San Silvestre 2017

A carreira de fin de ano 2017 foi moi concorrida, e, coa temperie axudando, as marcas realizadas tampouco foron malas.
Deixo en baixo catro momentos da carreira. Completa a saída e o paso pola intersección Avda. Asturias-S. Roque, un pouco ó comezo da Avda. de Rosalía e o groso (falta algo ó comezo e ó final) na volta á peonil dende Calvo Sotelo.








20171228

Participas na San Silvestre ribadense?

A dous días da carreira, coa inscrición pechada xa, sábese que nesta edición máis de 700 persoas tomarán a saída. Estás entre elas?

20171108

Estatísticas do Ribadeo F. C. na liga 2017/18

A pasada liga, á vista de que na web do Ribadeo FC non había diagramas con puntuacion ou goles, fixen algún post sobre o comportamento do equipo, avisando de que como non son afeccionado, sería algo esporádico mentres os datos non estiveran na súa web. A cousa segue igual, mais a reivindicación do ferrocarril da pasada xornada lembroumo, e como unha pequena colaboración, deixo algún diagrama para ver a evolución do equipo esta liga (a día de hoxe, 4º).
O primeiro gráfico, os goles marcados ó longo do que vai de liga 2017/2018 (en azul) e encaixados (en vermello), e a diferencia entre ambos (en amarelo) polo momento, negativa.
 O segundo, outra representación do mesmo:
 O terceiro, a evolución de partidos ganados (liñas azuis), empatados (amarelas, polo momento, 2) e perdidos (vermellas)

 E por último, a puntuación semana a semana:

20171104

Ribadeo, en tren ao fútbol

Case se me escapa a iniciativa do Ribadeo F.C., e non porque vaia en tren. Coido que é un bó xeito de apoiar a continuidade da agonizante liña do tren Ferrol-Xixón. Se és afeizoado ó fútbol, seguro que valoras de xeito positivo o que se pretende. Deixo a imaxe, tomada do Facebook do equipo ribadense:

20170919

Deporte e transporte parécense

Aparcadoiro de bicicletas do modelo posto de xeito recente en Ribadeo (pza. 8 de Marzo)

Este fin de semana houbo en Ribadeo dúas actividades deportivas multitudinarias.
A primeira delas (segunda no tempo), a festa da bicicleta, reuniu a varios centos de persoas que un ano máis se deron un paseo festivo o domingo pola mañá por Ribadeo, recorrendo o pobo, foi auspiciada de xeito privado e non foi reivindicativa como outras, máis minoritarias, que reclamaron o pasado ano outra consideración para os ciclistas, incluídos carril bici e aparcamentos.
Bici no auditorio (2008)

A consideración depende de cada un, e vaise logrando moi pouco a pouco, como puiden comprobar onte mesmo na rotonda na que a N-642 desemboca na N-640. O carril bici en Ribadeo segue a estar ausente e non se lle espera. Aparcamentos de deseño foron postos hai non tanto en varias zonas, ó pouco de instalar os carteis de vila amiga das bicicletas.
E mais a bicicleta parece ser o vehículo do futuro, e non só pola dificultade na procura de petróleo, senón porque a dificultade cada vez maior de dispoñer de transporte público na zona rural ten menos espazo na prensa e patrocinios que a bicicleta. Do transporte público só se fala para información xeral e pola xente que se vai quedar sen emprego. É lamentalbe a perda de emprego, pero tamén un indicativo de que a mala comunicación no rural non parece ser moi importante como servizo se non se pode exprimir moito beneficio.
A segunda cita deportiva, o sábado á tarde, foi a IV edición da Media Maratón Ribadeo - As Catedrais. Mais numerosa, con máis de 700 deportistas correndo, pasou a maior parte do tempo polo camiño do Cantábrico. Tamén promocional e festiva, desta volta, reivindicativa das catedrais ribadenses, o seu recorrido corre á beira dun trasporte colectivo en patente abandono e derribo. Tanto que din que o tren é unha ruína cando nin se fai por cobrar, nin se poñen maquinistas e moitas veces hai que levar á xente en autobús ou taxi contratado, e mesmo é un perigo polo descuido da vía e o esu entorno. Unha carreira que remata nun lugar para o que se pediu un apeadeiro ou estación para facilitar o acceso, pero o que leva funcionando xa varios anos é un aumento de aparcamento de tempada. Un lugar para o que se pediu transporte público, pero que incrementou as prazas de aparcamento para transporte individual.
Si, que ambas verbas rematen en 'porte' non parece asegurar que haxa unha conexión no seu uso máis aló da existencia dun movemento.