20170919

Deporte e transporte parécense

Aparcadoiro de bicicletas do modelo posto de xeito recente en Ribadeo (pza. 8 de Marzo)

Este fin de semana houbo en Ribadeo dúas actividades deportivas multitudinarias.
A primeira delas (segunda no tempo), a festa da bicicleta, reuniu a varios centos de persoas que un ano máis se deron un paseo festivo o domingo pola mañá por Ribadeo, recorrendo o pobo, foi auspiciada de xeito privado e non foi reivindicativa como outras, máis minoritarias, que reclamaron o pasado ano outra consideración para os ciclistas, incluídos carril bici e aparcamentos.
Bici no auditorio (2008)

A consideración depende de cada un, e vaise logrando moi pouco a pouco, como puiden comprobar onte mesmo na rotonda na que a N-642 desemboca na N-640. O carril bici en Ribadeo segue a estar ausente e non se lle espera. Aparcamentos de deseño foron postos hai non tanto en varias zonas, ó pouco de instalar os carteis de vila amiga das bicicletas.
E mais a bicicleta parece ser o vehículo do futuro, e non só pola dificultade na procura de petróleo, senón porque a dificultade cada vez maior de dispoñer de transporte público na zona rural ten menos espazo na prensa e patrocinios que a bicicleta. Do transporte público só se fala para información xeral e pola xente que se vai quedar sen emprego. É lamentalbe a perda de emprego, pero tamén un indicativo de que a mala comunicación no rural non parece ser moi importante como servizo se non se pode exprimir moito beneficio.
A segunda cita deportiva, o sábado á tarde, foi a IV edición da Media Maratón Ribadeo - As Catedrais. Mais numerosa, con máis de 700 deportistas correndo, pasou a maior parte do tempo polo camiño do Cantábrico. Tamén promocional e festiva, desta volta, reivindicativa das catedrais ribadenses, o seu recorrido corre á beira dun trasporte colectivo en patente abandono e derribo. Tanto que din que o tren é unha ruína cando nin se fai por cobrar, nin se poñen maquinistas e moitas veces hai que levar á xente en autobús ou taxi contratado, e mesmo é un perigo polo descuido da vía e o esu entorno. Unha carreira que remata nun lugar para o que se pediu un apeadeiro ou estación para facilitar o acceso, pero o que leva funcionando xa varios anos é un aumento de aparcamento de tempada. Un lugar para o que se pediu transporte público, pero que incrementou as prazas de aparcamento para transporte individual.
Si, que ambas verbas rematen en 'porte' non parece asegurar que haxa unha conexión no seu uso máis aló da existencia dun movemento.

Ningún comentario: