20170920

Pleno con dous días de antelación

Hoxe decateime de algo moi raro nesta administración local: apareceu unha nota de prensa onte con información do pleno de mañá. Que a nota sexa en plan triunfalista por ter acumulado cartos en relación a anos pasados e marcando unha liña ascendente non desmerece que sexa información sobre un pleno dada cunha antelación decoñecida.
Pode que a antelación teña que ver o anuncio dun grupo político, o PSOE, de gravar os plenos para logo colgalos en internet a disposición dos veciños, o que certamente ten visos de mellorar en moito o que teño feito longo tempo de presentar aquí unha crónica a modo de acta do día seguinte, e para o que fixen unha etiqueta (aínda que preste acubillo a outros comentarios sobre os plenos, coma este): plenos. Non sei o que durará, pois o lóxico sería que o goberno municipal, que coido xa grava dende hai tempo o son dos plenos para facilitar as actas, puxera a disposición dos veciños dito son, en troque de retrasar o colgado de actas de xeito que na actualidade a última acta que se pode ver na páxina web do concello é de setembro de 2015. E agora, coa competencia do PSOE, puxera o vídeo despois de emitilo en directo. Veremos.

E, logo, de que vai o pleno do xoves, de mañá?
Ben, a convocatoria non está colgada, logo temos que recorrer á nota de propaganda:
Novas
TAMÉN SE VERÁN NESTA SESIÓN OS FESTIVOS LOCAIS DE 2018
Pleno ordinario, este xoves
19/09/2017
O Concello conta cun remanente positivo de 1 500 000 euros e un resultado orzamentario positivo en 930 000 euros. Estas son as cifras da conta xeral de 2016, que se someterá a aprobación no pleno ordinario que terá lugar este xoves, 21 de setembro. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o período medio de pago a provedores está en 9 días, unha vez que as facturas son aprobadas.
O rexedor contou que "para este pleno ordinario, que se vai celebrar aquí en Ribadeo o vindeiro xoves, 21 de setembro, ás 20:30 horas hai unha serie de asuntos, pero eu quixera destacar os de índole económica, entre os que figura a aprobación da conta xeral de 2016. Trátase dun documento técnico que hai que remitir, como nos últimos anos, ao Tribunal de Contas e nas cales inclúe a liquidación do ano pasado".
Para Fernando Suárez "debemos dicir con orgullo de que se continúa na liña de estes últimos anos. Volvemos ter un remanente positivo, é dicir unha acumulación de liquidez importante, incluso superior á do ano pasado, xa que chega ao millón cincocentos mil euros, mentres que no 2016 era de 1 300 000 euros. O resultado orzamentario sigue sendo positivo en 930 000 euros. É dicir, que en todo o exercicio anterior tivemos máis ingresos que gastos, de aí que tivéramos un balance positivo ao final do ano".
O alcalde ribadense dixo que "todo isto é positivo porque temos un plan económico financieiro de estabilidade, que aínda sigue vixente, pero neste ano cumprimos todos os seus obxectivos e estamos encarando sen dúbida o último ano de vixencia deste plan. E neste ano contamos cumprir para quede sen efecto este plan, que non deixa de ser un corsé".
Suárez Barcia subliñou que "aproveitamos o remanente que estou a comentar para amortizar moitísimo a débeda bancaria, practicamente en dous anos (neste e no anterior) amortizamos 1 200 000 euros, moito deste diñeiro de maneira anticipada e non só coas cotas que tiñamos asignadas de xeito periódico. Polo tanto este préstamo do plan de pagamento a provedores, que tivemos que solicitar hai un tempo, contamos liquidalo no ano que ven".
O rexedor engadiu que "ao mesmo tempo destas cifras macroeconómicas as máis microeconómicas, as que os provedores moitas veces miran con lupa, que é o período medio da pagamento que temos, e que para este segundo trimestre se sitúa nuns nove días. Hai que ter en conta que os Concellos temos 30 días para aprobar as facturas que nos entran, pero a media, unha vez superado este trámite de aprobación da factura, está en nove días, que é algo realmente moi positivo e que, como digo moitas veces, hai dez anos cando a honra de ter a alcaldía por primeira vez estas cifras mareaban porque estaban os prazos de pago practicamente a un ano vista. Nada que ver con aquel momento, si temos moitos retos por diante, si necesitamos ter o músculo que se precisa para todos os proxectos que temos en marcha. E estamos convencidos de que os iremos levando adiante, tal e como fomos levando adiante todo o que nos propuxemos".
Ao pleno deste xoves tamén irán os festivos locais de 2018: "volvemos propoñer, e ademais foi un acordo unánime na comisión informativa previa, o día de San Roque (xoves 16 de agosto) e o día da patroa (sábado 8 de setembro)".
E o resto de temas a tratar? Como non se publicou a convocatoria na web, haberá que esperar (ou bucear entre os papeis diversos á entrada do concello, onde debera estar como podemos colixir unha vez vista a nota de prensa).
Unha aclaración sobre os pagos: 30 días de aprobación de factura máis 9 días son 39 días entre presentación de factura e pago, por termo medio, o que non está nada mal, pero o remarcar '9 días' préstase a confusión.
Por último, dicir que ler unha nota de prensa e comparala co presentado polos xornais é un exercicio saudable que aconsello.
Nota: Para adecuar á normativa de presentación de cifras, quiteille os . cada agrupamento de números (1 300 000 e non 1.300.000) como veño facendo, e algunha pequena corrección máis.

Ningún comentario: