20170925

O pleno de xoves, para a posteridade

O pleno do xoves pódese ver agora en vídeo, xentileza do PSOE ribadense, e póñoo a continuación despois da entrada anterior, coa parte do pleno correspondente á pregunta sobre a illa Pancha:
É de esperar que a calidade vaia mellorando... e a respostas, tamén.
Como contraste e comparación, deixo abaixo a nota de prensa do concello, posterior ó pleno, pensando no que di, no que non di, e en como o di:
"
APROBÁRONSE UNHA MOCIÓN DO PSOE E OUTRA DO BNG

Pleno, onte

22/09/2017
O alcalde, Fernando Suárez, amósase sorprendido e indignado polo abandono por parte dos concelleiros do Partido Popular do pleno celebrado onte, cando membros da plataforma sanitaria acudiron á sesión portando unha pancarta en defensa da área sanitaria da Mariña. O rexedor considera que é un asunto que preocupa moito á veciñanza de Ribadeo e que había que debater. Suárez Barcia subliña que o PP onde é oposición, como en Asturias, critica a fusión encuberta das áreas sanitarias e onde é goberno, como en Galicia, di todo o contrario e nega que isto sexa así.
O alcalde ribadense cualificou a sesión de "interesante" en referencia a "este pleno ordinario que tivo lugar onte á noite en Ribadeo, onde moitos dos asuntos eran técnicos e económicos sobre todo para dar conta da marcha da economía municipal que, sen ser a mellor do mundo, imos tirando con moita dignidade con remanentes de tesourería positivos e con períodos medios de pago máis que decentes".
Fernando Suárez dixo que "había outros puntos na orde do día dun pleno que non son tan técnicos, son de debate sobre cuestións que lle afectan tamén aos nosos veciños e ás nosas veciñas e aínda que non teñan que ver directamente co Concello de Ribadeo si que a Corporación, como órgano colexiado e político, quere poñer o seu grao de area para dar a súa opinión sobre algo se lle gusta ou non. Estoume referindo á proposta que trouxemos sobre o mantemento da área sanitaria da Mariña".
O rexedor ribadense subliñou que "é algo que está no debate público, e que moitísima xente e moitísimos profesionais da sanidade pública do Hospital da Costa nos manifestan a diario, e estamos vendo que hai unha clara intención do goberno galego a través da aprobación desta nova lei de saúde pública de que desapareza a área sanitaria da Mariña e de que o Hospital da Costa sexa un mero apéndice e un mero ambulatorio do HULA de Lugo".
Para Suárez Barcia "a nosa sorpresa foi cando o grupo municipal do Partido Popular abandonou o pleno porque varios integrantes da Plataforma da Sanidade Pública da Mariña entraron no salón de plenos cunha pancarta que poñía Non á supresión da área sanitaria da Mariña. Entraron con educación, sen abrir a boca e en absoluto increparon a ninguén, simplemente despregaron unha pancarta. Eu levo varios anos xa no Concello de Ribadeo e vivín cando había plenos con duascentas persoas, cando había tensión nos plenos, incluso vivín no mandato anterior cando esta mesma Plataforma Sanitaria entrou cunha pancarta e non pasou nada. Quizais eran outras as persoas que estaban na Corporación anteriormente".
O alcalde ribadense explicou que "o que me indigna a min, e entendo que ao resto de grupos da Corporación que alí quedaron, é o marcharse para faltar a un debate. Noutros mandatos anteriores había valentía de todos os grupos para manter as posicións propias aínda que foran contrarias ao sentir xeral do pleno ou ao do público asistente, pero o que vimos onte non ten parangón. Os membros do grupo municipal do PP non son capaces de romper a disciplina de partido, nin de defender algo que é obvio nun tema que tanto afecta á xente da Mariña e particularmente a nós, á xente de Ribadeo".
Fernando Suárez insistiu en que "o que estamos dicindo, e o que di a Plataforma da Sanidade Pública da Mariña e os profesionais de Burela con respecto a esta modificación da lei é que antes os recursos estaban en función das necesidades da poboación e que agora con este proxecto de lei que está en trámite, estarán en función dos recursos económicos existentes que o goberno de turno, é dicir o goberno do PP da Xunta de Galicia, queira incorporar, e iso é algo que é fundamental. Polo tanto non querer debater, non querer asumir ou non querer dar a cara nestes debates deixa moito que desexar destes representantes do pobo. A min tamén me molesta cando me critican, ou cando poida haber xente no público que non estea de acordo co que nosoutros opinamos, pero non por iso nos marchamos. Iso é algo que para ser concelleiro había que telo claro desde o momento en que un se quere presentar a unhas eleccións".
O alcalde ribadense engadiu que "o resto de grupos da Corporación estivemos de acordo, o Bloque, o PSOE e Ciudadanos, en que queremos poñer o noso grao de area e opinión pública en que non queremos a supresión da área sanitaria da Mariña, e non o dicimos nós porque non sexamos parte do goberno galego. Facíame moita graza escoitar onte mesmo á presidenta do PP asturiano como se laiaba de que o Principado de Asturias, que non está gobernado polo PP, estea facendo unha fusión encuberta de áreas sanitarias, o mesmiño que aquí. Alí o PP está na oposición e por iso se laia tanto, pero aquí en Galicia como o PP goberna na Xunta todos os seus lacaios no resto de Concellos en vez de romper unha lanza en favor do sentido común prefiren marchar do pleno e non debater convenientemente as diferentes opinións políticas".
Mocións
Fernando Suárez tamén se referiu a outros asuntos tratados no pleno de onte que "o resto de grupos que quedamos alí acordamos aprobar por unanimidade unha moción do PSOE para instar á Xunta de Galicia ao incremento económico dos plans de mellora de camiños municipais, e unha moción do BNG sobre o Pazo de Meirás e a Fundación Francisco Franco no senso de facer unha condena pública das actuacións e das actitudes da Fundación Franco e da súa familia ao respecto da situación de vergoña e espolio na que manteñen o Pazo de Meirás. No apartado de rogos e preguntas houbo varios feitos pola oposición nas que algunhas teñen razón e intentaremos corrixir e outras coas que non estamos de acordo explicamos cal é a nosa motivación". 

 "
 Por último, aínda agora non podo acompañar a entrada coa convocatoria porque non está dispoñible na rede.

Ningún comentario: