20170901

ESCUDO ECLESIÁSTICO DA CAPELA DE SAN ROQUE DE RIBADEO. Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas eclesiástico, esta pintado sobre as táboas frontais do altar maior da Capela de San Roque. É un escudo ovalado perfilado de ouro, con soportes de ouro a modo de rolos de pergamiño, en ámbolos dous cantóns do xefe. Está partido nun segundo óvalo concéntrico ao primeiro, perfilado de gris azulado, que presenta: 1ª partición) en campo de azur un crecente de ouro contornado e adestrado (unha lúa de ouro en cuarto minguante segundo se mira, e á dereita) con cara humana. Na 2ª partición) en campo de azur, tres estrelas en pau (dous luceiros ou estrelas de oito puntas, un enriba e outro en baixo, dunha estrela central de seis puntas).
Está timbrado por unha cruz trevolada (cuxas puntas terminan como follas de trevo), característica que na Heráldica Eclesiástica se dá no brasón dos bispos. O brasón está adornado en ámbolos dous flancos por unha grilanda de flores vermellas, e o conxunto, timbrado por un capelo violeta, do que penduran dous cordóns negros que forman unha lasca (nó mariñeiro) e cinco borlas douradas. A cor e o número de borlas non se corresponden con ningunha dignidade eclesiástica, posiblemente debido a unha mala interpretación ou ao descoñecemento da norma heráldica, por parte do artista pintor, e que non foi corrixido polo mentor que fixo o encargo, pois ditos adornos corrixidos no número e colocación das borlas (debuxo infra), así como, coa súa correspondente cor, tanto poden ser dos bispos, abades e prelados con xurisdición (capelo, cordóns e borlas verdes), como de superiores relixiosos (capelo negro, cordóns e borlas negras. Seguramente dito mentor fora o canónico D. Salvador MENENDEZ NAVIA E VILLAMIL que reedifica a capela polo ano 1719 e deixa o patronazgo en herdanza aos seus sobriños D. José Antonio de LAMAS Y MENÉNDEZ e a D. José Antonio VENTURA MENÉNDEZ (Ribadeo Antiguo, Francisco Lanza, páx. 259). D. Salvador era tesoureiro da catedral de Mondoñedo, e estaba vinculado ó fundador D. Pedro NÚÑEZ LAMAS e a súa muller Dª Theresa RODRIGUEZ DE CORA

Na parte inferior do escudo brasonado, pendura unha cadea de ouro cunha medalla, que a xulgar pola forma estilizada da figura pintada, parece un santiño cun caxato que semella a imaxe de S. Roque.
O brasón parece con certeza dos LUACES, entroncados coa familia dos LAMAS, como xa vimos un semellante (foto infra), no “Escudo da Capela de San Roque” (tamén en La Comarca del Eo, 30-Xullo-2016). Este brasón, por unha banda o describe frei José Santiago Crespo del Pozo (Blasones y Linajes de Galicia, Volumen III, páx.242), como da Casa de CAMARASA (sección Santiago, cartafol 1º, nº 45) có crecente adestrado e de ouro, segundo testemuña de D. Juan de Arginagorta, escribán dunha información de fidalguía correspondente ó señor D. Juan OTERO de LUACES, dada na Real Chancillería de Valladolid o 4-Abril-1594.

Por outro lado, o brasón completo, tamén aparece nos LUACES BERMÚDEZ, segundo se pode ver no 4º cuartel do escudo alto do arcosolio do sepulcro do Capitán D. Gonzalo de NEIRA Y LUACES BERMUDEZ DE CASTRO na igrexa de Santa María do Camiño de Santiago de Compostela (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia, Tomo LVI, páx. 298) (Nota: un arcosolio, é un arco, de cantería ou pedra, que cubre un sepulcro colocado nun nicho ou nun oco chamado “lóculos”, practicado nun muro). Para ser exactamente igual a este último brasón, sería en campo de gules, e fáltanlle dúas estrelas: unha surmontando en xefe ó crecente contornado, e outra baixa, en punta. As outras tres estrelas en pau, están representadas tal e como están as de S. Roque de Ribadeo, e o brasón está completando todo o campo, e non nun escudo partido, como o que está representado aquí.
Todas estas diferencias que detallamos, son minuciosidades descritivas, pero que vemos en multitude de ocasións, en tódolos brasóns que se repiten, pois non solen estar feitos polas mans dun mesmo artista, e se nos referimos ás estrelas, estas poden ser en un número maior ou menor, algunhas veces dependendo das brisuras (Nota: a brisura é un elemento distintivo que se coloca no franco cuartel ou cuartel superior destro, para diferenciar as ramas de cada familia. Teñen regras complicadas de entender recompiladas na Xurisprudencia Heráldica, aprobada polo rei Carlos II nun privilexio do 18-Xullo-1669. Por exemplo: se o primoxénito non ten brisura, o cuarto fillo engade unha estrela; si o primoxénito ten brisura dun crecente, o fillo terceiro pon unha estrela sobrecargada ó crecente; etc.)
Unha vez especificado todo isto que vamos coñecendo, precisamos afianzar as teorías que nos xorden nos relatos, como describíamos no artigo, “Escudo da Capela de San Roque”, referido o escudo exterior da capela, no que o brasón dos LUACES debía de ser da Casa de Camarasa, por ter o crecente lixeiramente ranversado sobre cinco estrelas (foto supra). Hoxe sabendo algo máis das relacións familiares dos Escudos de Armas de Ribadeo, vamos a seguir outra pauta xenealóxica que describe D. José Crespo del Pozo (ibidem, páx. 242-243).
Os LUACES da Casa de Mondoñedo, son descendentes D. Juan GARCÍA DE LUACES a quen Sancho IV “O Bravo” (rei 1284-1295) lle deu privilexio de fidalguía o 22-Maio-1293, por méritos na toma de Tarifa. Seu descendente D. Juan de LUACES, da Casa de LABRADA, casou con Dª María YAÑEZ e teñen por fillo a D. Diego de Luaces que casou con Dª María MAYOR ALONSO, veciños de Labrada da Casa de OTERO. Seu fillo, que sigue a liñaxe, D. GARCIA DE LUACES, foi rexedor de Mondoñedo no século XVI, e casou con Dª Aldara GOMEZ DE AGUIAR, tendo por fillo a D. Luís de LUACES E LABRADA, señor de Abadín e Lagoa dos Montes de Meda, rexedor de Mondoñedo no ano 1558. Casou con Dª Leonor de ESTÚA E MIRANDA, e en 1581 crearon un vínculo moi importante na Casa de Mondoñedo e na torre e coto de Abadín. Teñen por fillo a D. Álvaro de LUACES ESTUA E LABRADA, que casou con Dª Catarina NIÑO DE CASTRO, e tiveron varios fillos, sendo o Capitán D. Diego de LUACES ESTÚA E LABRADA quen sigue a liñaxe, casando con Dª Beatriz DE BARRIENTOS Y CUETO (de Salamanca). Teñen por fillo a D. Jacinto de LUACES ESTUA E LABRADA que casou con Dª Madalena DE CANCIO e tiveron por fillo, entre outros, a D. Luís DE LUACES E SOMOZA, que casa en primeiras nupcias con Dª Mariana de MONTENEGRO, filla de D. Antonio MONTENEGRO RIBADENEIRA, veciño de Villalba; e en segundas nupcias con Dª María LUACES NAVARRO Y GANTE, filla de D. Antonio RAMOS e de Dª Isabel NAVARRO GANTE, neta de D. Bartolomé LUACES e de Dª Teresa RAMOS DE VILLAR, de San Mamed de Fojos de Santiago de Compostela. D. Luis pelexou nas guerras de Portugal e fixo un primeiro testamento o 19-Novembro-1665 e un segundo en o 17-Novembro de 1718. Tivo por fillo con Dª María, a D. Francisco Antonio DE LUACES SOMOZA, que foi rexedor do partido xudicial de Mondoñedo, e casou con Dª Josefa RON DE PRESNO, filla de D. Gaspar de PRESNO, e de Dª Florencia PARDO BAAMONDE, veciños de Ribadeo (ver artigo “Escudo da Capela da Virxe de Lourdes”, tamén en La Comarca del Eo, 6-Maio-2017). D. Francisco e Dª Josefa eran veciños de Mondoñedo en 1773, e tiveron por fillo, entre outros a D. Luis José de LUACES E SOMOZA, que foi alcalde Mondoñedo e casou en primeiras nupcias con Dª María Agustina BERMUDEZ E PARDIÑAS, e tivo por filla a Dª María Josefa BERMUDEZ E LUACES, que casou con D. Juan Jacinto VARELA E GAYOSO. De segundas nupcias casou con Dª Micaela de CANCIO, coa que tivo varios fillos, e dos que sigue a liñaxe D. Manuel de LUACES que casou con Dª Rafalea de PRESNO PARGA FUENTES Y DONLEBÚN. Teñen un fillo, herdeiro único, D. José María del Carmen LUACES Y PRESNO, aveciñado en Mondoñedo, cabaleiro da Orde de Carlos III, entre outras moitas distincións, dono das Casas de LUACES de Mondoñedo, da Torre de Abadín e Lagoa, e de tódolos bens anexos. De súa nai, Dª Rafaela, herda as casas solares de Ribadeo, que correspondían o vínculo dos PRESNO, e outra casa chamada da “Aduana” fundada por D. Pedro GONZALEZ VILLAGORMAZ. Esta casa chamada da “Aduana”, posiblemente sexa a antiga casa do noso recordado veciño Manolín de Peruxo (ver “Casa Brasonada da Rúa da Atalaia”, tamén en La Comarca del Eo, 14-Xaneiro-2017) da que eu pensaba que era de VALLEDOR, pola similitude dos brasóns da súa pedra armeira, pero nunha nota en facebook de Alberto Paraje, fillo do noso entrañable veciño Juan Carlos Paraje Manso, decátame de que esa casa da Rúa da Atalaia era de: “D. Pedro González de VILLAGORMAZ, por un documento que el coñece do ano 1631, e onde o dito edificio se coñece como “Casa Nueva”, a cal en 1632 foi herdada por D. Juan de VILLAGORMAZ Y OSSORIO, casado con Dª Elvira de OMAÑA Y MIRANDA. Falecido D. Juan, en 1690, herdou a casa seu fillo menor de idade, D. Juan Manuel VILLAGORMAZ Y OMAÑA, baixo a curadoría de súa nai Dª Elvira, viúva (Nota: un “curador/a” é unha persoa nomeada para coidar dos bens e negocios dun menor ou daquela que non está en estado de administralos por sí). En 1731 herdou a casa Dª Juana de OMAÑA, casada con D. Miguel MONTENEGRO, veciños de Lugo. En 1768 herda a casa o fillo dos anteriores, D. Joseph MONTENEGRO, tamén veciño de Lugo. En 1782, o propietario da casa pasa a ser D. Manuel de LUACES Y SOMOZA, veciño de Mondoñedo, casado con Dª Rafaela de PRESNO FUERTES PARGA Y DONLEBÚN, propietarios da casa aínda en 1833”.
Como podemos comprobar, chegamos polas dúas vías xenealóxicas ao mesmo matrimonio de D. Manuel e Dª Rafaela.
Por outro lado, atópase un xuro na Chancillería de Valladolid a favor de D. Pedro González de Villagormaz, de 187 000 maravedís, da primeira metade do século XVII, que contén información que acredita ser herdeira única Dª Josefa DE INCLÁN SIERRA Y OSORIO (Código de referencia: ES.47161.AGS/2.13.2.3//CME,781,20). ¿Sería DªJosefa de INCLÁN SIERRA Y OSORIO, a nai de D. Juan de VILlAGORMAZ Y OSORIO? Posiblemente.
A Casa dos PRESNO, dinos Juan Carlos Paraje Manso na serie “Retablo Dieciochesco”, no artigo “Casas Conocidas” (La Comarca del Eo, 21-Marzo-1982), que era a actual Casa da Biblioteca, da cal, en 1787, era seu dono D. Jacinto Pablo VALLEDOR E PRESNO DE MONTEALEGRE, veciño de Castropol, cuxo Escudo de Armas describimos no artigo, “Escudo de armas da Rúa da Atalaia” (tamén en La Comarca del Eo 4-Febreiro-2017). En 1805, da Casa dos PRESNO, era propietaria Dª Josefa SANJURJO Y AGUIAR cuxo fillo, D. Ramón PARDO Y MONTENEGRO de Mondoñedo, alúgalla ó banqueiro D. Antonio de Casas, cuxa banca é de infausto recordo para moitos dos veciños da comarca de Ribadeo, pois moitos deles quedáronse sen tódolos aforros da súa vida.
Pouco a pouco vamos descubrindo, polos brasóns heráldicos, as xenealoxías das familias máis relevantes de Ribadeo nos séculos XVI e XVII en diante, case cincocentos anos de historia escrita nas pedras armeiras que por sorte chegaron ata nós. ¿Cantas quedaron enterradas no máis absoluto esquecemento?. Por desgracia, non o sabemos. Quizais un día por outros aconteceres e documentos, hoxe inéditos, tamén o saibamos. Oxalá!

Ningún comentario: