20160731

Un resume do festival de bandas

Onte foi o festival de bandas 2016 (XXII edición). Un resume? máis de dous minutos de aplausos despois da actuación da banda de Ribadeo non serviron para prolongar a actuación.
 Polo demais, comentarios, que ó final non foi no parque senón no auditorio, como se pode ver na foto...


20160729

Sobre a residencia de maiores. A actualidade dos fondos aportados

 Deixo en baixo unha nota de prensa do concello, sobre a residencia. Foi colgada hoxe mesmo, sobre unha actuación de hoxe, e ven a dicir que todo está ben, que a Deputación vai aportar o medio millón de euros que levan no aire dende que a Xunta dixo que non os daba, e polos que se chegou a temer debido o xaleo na Deputación Provincial no último ano. Supón un respiro para o concello, unha tranquilidade para Ribadeo e tamén unha oportunidade de difusión e aproveitamento como propaganda política, algo que se ve na repetición de cifras na nota de prensa:

"AS OBRAS MARCHAN A BO RITMO 
Residencia de maiores 
29/07/2016 
A Deputación de Lugo aportará os 500 000 euros que a Xunta nunca puxo para rematar a residencia de maiores de Ribadeo. A esta cantidade hai que engadir outra partida de 300 000 euros de fondos propios do Concello, segundo anunciaba esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, que acompañou ao presidente da institución provincial na visita cursada a esta instalación esta mañá. Alí estiveron tamén a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, concelleiros do PSOE e de Ciudadanos e representantes veciñais, todos eles membros da comisión pro residencia de maiores. 
 O rexedor agradeceu a presenza en Ribadeo de Darío Campos: "moitas grazas por estar aquí hoxe e por substituír unha vez máis a quen debera estar aquí. Oxalá hoxe, a parte de Concello de Deputación, estivera a Xunta, pero outra vez máis e xa non sei cantas van volvémola a notar en falla por non cumprir as súas palabras, por non crer desde o principio na residencia de maiores de Ribadeo, porque sempre foi a rebufo de todo, porque finalmente chegou a prometer cousas que nin cumpriu, de feito chegou a prometer unha exigua cantidade de 500 000 euros para quen ten a competencia en Servizos Sociais, que é a Xunta de Galicia, e que despois puxo todo tipo de artimañas e trucos para non chegar a dar ningún céntimo". Suárez Barcia subliñou que "finalmente o Concello tivo que volver a solicitar auxilio da Deputación Provincial para que ao 1 829 000 euros que deu ao principio se sumasen estes 500 000 euros máis que a Xunta se comprometera, pero que non aportou. E polo tanto vai ser a Deputación, a que con diñeiro público de todos e todas as veciñas, se volve acordar de Ribadeo para implementar, para que poidamos rematar a residencia, dotala, equipala e que poida estar en perfecto estado de revista para a súa xestión posterior". 
O alcalde engadiu que "o Concello ten que poñer aínda un diñeiro máis, non chega con ese 1 829 000 euros e eses outros 500 000, aproximadamente calculamos poñer 300 000 euros de fondos propios municipais. Eu creo que deben ser poucos casos, son inéditos, nos que quen ten as competencias non pon un peso e os que non as temos directamente poñemos o cen por cen da inversión. Isto é o mundo ao revés, é un mundo de tolos que non se entende e eu desde logo penso que á Xunta en todo isto debería caerlle a cara de vergoña. Están a tempo de rectificar, porque rectificar é de sabios, pero eu non sei si serán sabios para rectificar nesta situación. Darío agradézoche que veñas aquí como representante da Deputación e que nos botedes unha man, como sempre fixestes ao longo destes últimos anos". 
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, asegurou que "nós recollemos unha proposta hai 4 ou 5 meses, cando nos foron ver os membros da Plataforma pola Residencia de Ribadeo, que tiñan a inquietude polo remate desta instalación. A Xunta tiña un convenio ou algo similar para aportar 500 000 euros e non os achegou, porque saca unha desculpa cada vez que ten aparecer ese financiamento. E nós collemos o compromiso, desde a Deputación, de aportar eses 500 000 euros que a Xunta non achega para rematar a residencia de Ribadeo. Creo que é unha infraestrutura moi necesaria nunha cidade coma Ribadeo, que xa empeza a ser unha pequena cidade e eu creo que ten unha poboación suficiente para ter unha residencia deste calado". 
Campos non entende "por que a Xunta non inviste na provincia de Lugo. Eu creo que desde os anos 70 non fai ningunha praza de residencia pública na provincia. E agora que a Deputación se puxo a facer a súa rede de residencias nós apostamos tamén pola de Ribadeo, que aínda que non a fixo a Deputación nin Suplusa si que a fai o Concello con achega económica da Deputación, que leva investidos durante estes anos 1 800 000 euros; correspondíanlle a esta anualidade 200 000 e súmanse eses 500 000 que a Xunta non aporta e que desde a Deputación vamos achegar para rematar a residencia de Ribadeo". 
E non nome dos veciños e veciñas de Ribadeo, representados na comisión pro residencia de maiores, tomou a palabra José Mª Rodríguez, que agradeceu ao presidente da Deputación o apoio da institución para que esta instalación sexa unha realidade: "o agradecemento de todo o concello á Deputación, sobre todo, porque foi con ela, e sen ela non faríamos nada, como se puido levar a cabo este proxecto tan vital e necesario para o Ribadeo de agora xa. Que conste na túa persoa o meu agradecemento ao ente provincial". 
Cociña, comedor, salóns de estar ou habitacións foron algunhas das dependencias da nova residencia que visitou a comitiva que esta mañá acompañou ao presidente da Deputación, Darío Campos, no seu percorrido pola nova residencia de maiores de Ribadeo."

20160728

'Festivos locais en 2017'... e máis

Curiosidades de Ribadeo. Nun pleno fálase do regulamento de participación cidadá e a nota de prensa do concello sobre o mesmo titúlase 'Festivos locais en 2017'.
Claro que a nota de aviso do pleno á cidadanía titulábase 'Hoxe, pleno ordinario':
"
A PARTIR DAS 20:30 HORAS
Hoxe, pleno ordinario
26/07/2016 
Esta tarde haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo. Na orde do día figuran asuntos como o expediente para a fixación de dous días festivos locais para 2017 e o expediente de renuncia ao cargo de concelleiro de Roberto Ramos Piñeiro do PSdeG-PSOE.
Tamén se debatirán dúas mocións presentadas polo PSOE relativa ao regulamento de participación veciñal e sobre o plan de reordenación de tráfico."
Por se non fora abondo ilustrativo, aparece a convocatoria, un documento que foi cargado en "Mar 26 Xul 2016 19:21:13 CEST"; é dicir, unha hora antes de comezo do pleno:
Unha hora para avisar ós veciños de que vai haber un pleno, despois de ter trasladado os plenos dun día fixo da semana a días aleatorios.
En canto ós temas, Cousas como a variación das bases de execución do orzamento para este ano quedan escamoteadas no título.
Non parece que con estes antecedentes, fora moita xente nin na corporación sexan moi proclives a un regulamento de participación cidadá decente.
A estas alturas, o máis parecido que podo ter a unha asistencia ó pleno é a nota de prensa da alcaldía (a de título 'Festivos locais en 2017'), esta si emitida con abonda celeridade e profusión de datos e explicacións favorables ás posturas mantidas pola alcaldía:
"HABERÁ UNHA PARTE DOS ORZAMENTOS QUE SERÁN PARTICIPATIVOS
 Festivos locais en 2017
 27/07/2016 
O vindeiro ano serán festivos locais os días 16 de agosto e 8 de setembro. Así se acordou no pleno ordinario celebrado onte no Concello, no que tamén se aprobou por unanimidade que Ribadeo se integre na asociación Terras de Miranda. A renuncia do concelleiro socialista Roberto Ramos ou os prazos de pago aos provedores foron outros dos asuntos abordados nesa sesión plenaria, segundo informou hoxe o alcalde, Fernando Suárez Barcia. 
 O alcalde manifestou que "no tocante ao cumprimento dos prazos de pago aos provedores segundo as leis actuais, situámonos moi por dentro dos límites máximos, estamos aproximadamente en quince días de período medio de pago desde que se aproban as facturas. Polo tanto estamos nesa boa liña que levamos xa moito tempo e contamos seguir así no futuro". 
 Fernando Suárez contou que ademais "o pleno do Concello fixou por unanimidade que os dous festivos locais para o ano 2017 sexan o 8 de setembro, o día da patroa, e o 16 de agosto, día de San Roque. Son habitualmente os dous días que establecemos como festivos locais, que temos capacidade desde o Concello para decidir cales van ser". 
 O rexedor ribadense relatou que "houbo tamén unanimemente unha modificación das bases do presuposto municipal en vigor do 2016, para prever unha pequena axuda para a celebración do campionato galego de traíñas que quere ter en Ribadeo a base da final. Contamos que se xunte moita xente de todo o país, vai haber unha proba na ría de Ribadeo e desde o Concello queríamos tamén promover este tipo de deportes, que son tradicionais e que queremos apoialos de maneira importante". 
Suárez Barcia dixo que "tamén neste pleno ordinario deuse conta do escrito de renuncia ao cargo de concelleiro do PSOE de Roberto Ramos Piñeiro, algo que agora xa tramitamos diante da xunta electoral para que se axilicen os trámites para que a nova persoa que o vai substituír tome posesión en canto teñamos a credencial, supoñemos que será no vindeiro pleno". 
 O alcalde seguiu a explicar que "na orde do día que metemos de xeito extraordinario que Ribadeo se poida integrar na asociación Terras de Miranda na que están concellos da Mariña e da Mariña interior. Esta asociación pretende xestionar recursos europeos, fondos públicos da administración pública e privada, na maioría fondos europeos, para diferentes actividades de procedementos produtivos e non produtivos, públicos ou privados. Tamén contou con unanimidade este punto". 
Mocións 
Por outra banda, "no apartado de mocións tratáronse dúas do PSOE, unha delas relativa ao regulamento de participación veciñal que, se ben no espírito estamos absolutamente a favor e na práctica estamos aplicando case a totalidade do que alí se pedía, aínda que polos motivos que lles fomos dando e que contaron tamén coa anuencia de parte da oposición, a día de hoxe non ten sentido esa regulación tan concreta que eles propoñían. Dado que están entrando en vigor a lei 39/2015 e 40/2015 de procedemento administrativo de réxime xurídico das administracións públicas agora en outubro, e que son moito máis ambiciosas que o que o propio PSOE propoñía", indicou Fernando Suárez. 
O rexedor asegurou que "en canto a transparencia, temos un portal onde se colgan todos os acordos, calquera interesado pode acceder a calquera documento que estime conveniente, o dereito de audiencia sempre se deu, é algo legal non é algo que teña que estar en ningunha ordenanza porque xa lle corresponde a calquera cidadán, o dereito de participación, o dereito de petición, calquera persoa que queira reunirse co alcalde o con algún concelleiro do ramo que sexa non ten ningún problema, e desde logo todo o mundo pode participar nos asuntos que lles afecten. Todo o mundo que queira pode facer uso das instalacións municipais para diferentes cuestións que non teñan ánimo lucrativo e sempre que sexan por unha causa pública e motivada, non hai ningún problema. Queremos incluso ir moito máis aló, estamos coa administración electrónica, desenvolvendo máis procedementos para que desde a casa todo o mundo poida pedir o certificado de empadroamento que desexe, pero estamos traballando para que poidan pedir tamén as licencias de obra e que poida haber unha pasarela de pagos electrónica. A finais deste 2016 cando preparemos os presupostos do ano que ven queremos que unha parte deles tamén sexan orzamentos participativos para que a través dunha aplicación todo o mundo poida propoñer a onde prefiren que destinemos parte das inversións para o ano que ven. Polo tanto a moción non prosperou por todo isto que argumento". 
O alcalde ribadense explicou que "no que ten que ver coa outra moción na que propoñían o plan de reordenación do tráfico, é unha moción un tanto ambigua, falaban de poñer semáforos, pero sen indicar onde. En Ribadeo houbo semáforos nos anos sesenta, setenta e oitenta, logo durante moitos anos estiveron apagados e a día de hoxe tal e como foi cambiando o sistema de tráfico de Ribadeo suporían máis atrancos que solucións volver instalar semáforos. No que ten que ver cun plan de tráfico global é difícil elaboralo agora sen que se desenvolva o plan xeral de ordenación municipal, que conta con novas rúas e avenidas pero que están sen construír. Moitos deles están pendentes de iniciativas privadas, de desenvolvemento de polígonos urbanísticos derivados do plan xeral, cando iso sexa así tal vez Ribadeo deberá repensar o sistema de circulación”. E anunciou que “de momento podemos ir facendo pouco a pouco cambios, xa anticipamos que dentro de pouco teremos que facer algún na rúa Alfredo Deaño por mor das obras arredor da residencia que estamos construíndo con beirarrúas máis anchas e que seguramente impedirán o dobre sentido en Alfredo Deaño. Insisto son cuestións pormenorizadas por sectores concretos que temos que ir avanzando tamén co concurso de todos, pero agora non é o momento de facer un plan de tráfico global". 
Excrementos dos cans 
Na sesión plenaria houbo tamén rogos e preguntas: "houbo unha serie de críticas razoadas e razoables sobre as cagadas dos cans, confesando ás veces a nosa imposibilidade dado que o problema non son os cans senón que son os donos dos cans que algúns deles non teñen unha conciencia cívica e ningunha educación e permiten que os cans fagan as súas necesidades na rúa e non se preocupen de recollelas". 
O rexedor ribadense subliñou que "a Policía Local está con iso e eu falei con eles esta mesma mañá para pedirlles que redobren o esforzo, aínda que admito que é complicado que a Policía poida nun momento concreto localizar ao can e ao dono. Tampouco temos unha plantilla de cen policías apostados en cada esquina de cada rúa para ver cando iso se produce". 
E pediulle á veciñanza: "eu o que quero é de boa fe pedirlle sentidiño e responsabilidade aos propietarios dos cans que non teñen a culpa porque non teñen conciencia cívica, aínda que algúns deles ás veces son máis educados que os propios donos, para evitar que se produzan estas circunstancias. Hai avenidas e rúas como Rosalía de Castro, Rafael Fernández Cardoso ou Irmáns Moreno Ulloa que están cheas de cagadas de cans habitualmente. Por moito que a brigada de limpeza pase tampouco non pode estar pasando cada media hora porque iso non pasa en ningún lugar do mundo civilizado"."
Ou sexa, destaca que parte dos orzamentos destinaranse ó que quera a participación cidadá, pero de novo a participación queda fóra. E non o digo tanto pola negativa ó proxecto do PSOE (que, que saiba, non contempla toda a historia anterior de loita por un documento de participación cidadá decente en Ribadeo) como polo aprazamento dun debate sobre o tema coa menor excusa (neste caso, variacións legais xa sucedidas o ano pasado, 'máis ambiciosas que a proposta'). Ou sexa, como a lexislación actual é máis avanzada que a proposta, non se trata a proposta e xa se verá cando se trata o desenvolvemento desa lexislación. E, como di o alcalde que a meirande parte das cousas xa se aplica (coido que falta algo de concreción...), pois, para que máis?
Iso si, os excrementos dos cans lévanse 1/4 do espazo da nota (claro, están sen solucionar por anos e anos).
Coido que se podían comentar abondas cousas máis sobre o pleno a traverso da mesma nota de prensa do concello. Vou contentarme cunha precisión máis. Fala o alcalde de transparencia e presume, para elo, de páxina web: "en canto a transparencia, temos un portal onde se colgan todos os acordos, calquera interesado pode acceder a calquera documento que estime conveniente, o dereito de audiencia sempre se deu, é algo legal non é algo que teña que estar en ningunha ordenanza". Resulta curioso que hoxe, 28 de xullo, non haxa colgado nas actas ningún documento correspondente a este ano. Ou que siga faltando o de xaneiro de 2015. Ou a de novembro. Ou que os documentos, a máis dalgunha normativa municipal, se reduzan a actas de plenos. Por certo, sen índice de ningún tipo! (proba a ler un pleno enteiro...)

Para a intervención de SEO-Birdlife

Un documento que a pouca xente interesará. Ou non. O escrito enviado polo grupo 'Por nuestro faro' a SEO-Birdlife expoñéndolle a situación actual da illa Pancha.

20160727

O Viejo Pancho, na Galipedia. Unha ollada á nosa historia

Remato de facer a adaptación da entrada sobre José Alonso de Trelles na Galipedia. Fixo que se lle farán moitos cambios e engadidos aínda, mais entendo que queda como artigo a destacar, seguinda a liña da dostaque que xa ten a entrada correspondente na wikipedida en castelán.
Fixera tempo hai un primeiro esbozo, mais atendendo á indicación dun compañeiro, na actualidade a súa meirande parte é tradución do texto correspondente na wikipedia en castelán. O feito é que o traballo levoume á consideración algo diferente da que tiña de Trelles, persoa da que por estes lares soe destacarse a súa importancia na poesía gauchesca, mais que tivo outros ámbitos de actuación destacada, como se manifesta por exemplo na publicación 'El Tala cómico', revista que pretendía facer crítica social e despertar conciencias nunha sociedade adormecida.
Autocaricatura de José Alonso y Trelles, feita en decembro de 1984. Saíu no nº de 9 de decembro de 'El Tala Cómico'. A imaxe, collida da wikipedia, está no dominio público segundo as leis do Uruguai.

ESCUDO DA CAPELA DE SAN ROQUE. Francisco José Campos Dorado

Está situado no lateral esquerdo da hermida de San Roque, mesmo o dobrar a esquina da fachada detrás dos Cocos situados á beira da praciña. É un escudo de armas español con punta, timbrado cun casco mirando a destra de fidalgo antigo, terzado e ensinando cinco griletas ou rexiñas surmontadas por un burlete. A ambos lados do casco hai dúas flores de seis follas ou estrelas dun brasón de pai e nai, tamén chamados fidalgos de tres liñas paternas e maternas e adornado cun penacho de tres plumas. No sostén da punta, ten unha preciosa flor de dezaoito follas de onde parten dúas grilandas con motivos florais que adornan o exterior do campo en lugar de lambrequines.
Non ten data visible, e na bordura lese a lenda: “EN LAS ARMAS Y EL VENZER LLAMAS ES DE SOSTENER”. É un escudo cortado cuxa partición alta está a súa vez partida en dous. Son armas que tamén ostentan na familia dos Lamas de Quintalonga (Santalla de Vilaosende) emparentados na zona asturiana onde pronuncian a L como LL pois, aínda hoxe, por exemplo din: llousa, en vez de lousa. No pazo de Quintalonga, o escudo tamén é cortado e partido na parte alta en dous, onde primeiro cuartel presenta a “M” de armas dos Montenegro; no 2º cuartel a “M” coroada e rodeada de sete peixes dos Baamonde, e na partición baixa ou “campaña” presenta tódalas armas reunidas do escudo da capela de S. Roque.
O escudo da capela de S. Roque no primeiro cuartel (destro alto) presenta un crecente case contornado (coas puntas case mirando a sinistra) e cinco estrelas de seis puntas. A representación da Lúa con ollos, nariz e boca, con expresión seria, é bastante rara no gravado heráldico, pois así só se sole representar o Sol. A Lúa é unha figura natural cuxo símbolo era moi estimado por parte da nobreza hebrea que a traían representada nos seus zapatos como os patricios romanos e como, aínda hoxe, a traen algúns turcos (Código Heráldico Histórico de Modesto Costa y Turell, ano 1858, pax.101)
Dada a rareza da forma e posición do crecente, tamén pode deberse a que forma parte da brisura (distintivo no franco-cuartel ou cuartel primeiro) de crecente sobrecargado dunha estrela (neste caso do adorno exterior) que corresponde ó segundo fillo dunha familia, cuxo primoxénito tiña como brisura unha estrela igual que seu pai.
Este primeiro cuartel representa as armas dos Luaces da Casa de Camarasa, (en azur, cinco estrelas de ouro surmontadas de un crecente ranversado de plata). Neste caso, está máis labrado ó gusto do artista canteiro que non os canons da heráldica, pois o crecente ranversado (coas puntas mirando francamente cara abaixo) está entremedias de dúas e de tres estrelas, e non o lado das cinco estrelas (Luaces, Brasóns de Galicia, Vol.I, J.S.Crespo del Pozo). Por outra banda tamén poden ser armas reunidas dos Salvatierra: sobre campo de ouro un crecente ranversado de gules surmontando cinco estrelas de ouro. Parecen ser liñaxes de D. Juan Otero de Luaces, con fidalguía na Chancillería de Valladolid en 1594, entroncadas coas dos Ribadeneira, dos Arias, dos Bermudez de Castro, coas de Gayoso e Guzmán, cos Sotomayor e cos Mariño de Lobeira, entre outras. O segundo cuartel, presenta tres lises, son armas dos Ares ou dos Donís. Nós pensamos que son armas dos Donís, pois existe a Casa de Donís en San Miguel de Reinante, emparentados cos Menéndez Navia e cos Lamas de moi antigo. A familia do actual propietario D. José María Paz López, comprou a propiedade fai máis de 80 anos a D. José Navarro Reverter marido de Dª María Lamas Sanjurjo descendente de D. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil, fundador do patronazgo da capela de San Roque, como vemos no Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza.
O terceiro cuartel presenta cinco lapas de lume vivo, unha das figuras heráldicas naturais coa que se representa un dos tres elementos armeiros: lume, auga e terra. Son armas propias dos Lamas ou Llamas
Dentro da capela, sobre o retablo, hai outros dous escudos policromados pertencentes o patronazgo da capela. O esquerdo (mirando de fronte) é do fundador D.Balthasar Menéndez Navia e Villaamil, casado con Dª Antonia de Estrada e Manrriquez. Este escudo é igual que ó do Patín, que ó da casa dos “Cuatro Hermanos” do parque de Ribadeo e ó da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante (descritos nun artigo anterior). O escudo dereito do retablo pertence ó patronazgo do canónico D. Salvador Menéndez Navia e Villamil que era tesoureiro da catedral de Mondoñedo, vinculado ó do fundador D. Pedro Núñez Llamas e a súa muller Dª Theresa Rodríguez de Cora. D.Salvador reedifica a capela polo ano 1719 e deixa o patronazgo en herdanza os seus sobriños D. José Antonio de Lamas y Menéndez e a D. José Antonio Ventura Menéndez (Ribadeo Antiguo, Francisco Lanza, pax.259). As armas deste escudo dereito policromado pertencen: 1º cuartel, axedrezado dos Ulloa; 2º cuartel, cabeza de lobo dos Lobeira; 3º cuartel, a aguia coroada dos Pardo de Cela e no 4º cuartel o castelo sobre ondas dos Villaamil. O escudo está moi ben conservado e o casco está a cuberto e abeirado por unha pedra de cantería na que está labrada unha folla de castaño. É un pracer poder ver que moitos devotos da capela de San Roque estean contribuíndo á restauración e arranxe do seu contorno co cal manterase en pé no tempo, e non desaparecerá con toda a súa historia local gravada como pasou coa Colexiata de Sta. María do Campo, coa Fortaleza dos Condes de Ribadeo, coa igrexa de Santiago de Vigo, coa capela da Misericordia ou co que está a pasar coa Virxe do Camiño que desde que se foron os freires da Consolata... ou coa capela da Trinidad que desde que se foi dalí o Colexio das Monxas da Caridade...¡en fin! todas estas igrexas e capelas zumegaban e zumegan Historia por cada poro e por cada pedra e non se deben deixar perder. Ribadeo ten Patrimonio Histórico Turístico dabondo, repartido por todo o Concello, como para chamar a atención durante varios días tanto a turistas nacionais como a estranxeiros en visitas guiadas, e si ademais se fixera, al menos, un Museo Científico Histórico Arqueolóxico Etnográfico teríamos lugares de interese e atractivos todo o ano, e non soamente polo Camiño de Santiago, “As Catedrais” e o Ribadeo Indiano... que tamén.

20160726

RESPOSTA DO CONCELLO AO VALEDOR DO POBO. COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”

Onte, o grupo 'Por nuestro faro' liberou outra nota de prensa comentando unha primeira resposta do Valedor do Pobo ó escrito enviado hai mes e medio. Non deixa de ser curioso que o proxecto se vendera por unha inversión moitas veces maior da que figura no proxecto aprobado. Aprobación que  se produce cando, que se saiba, a concesión xa estaría caducada por non ter comezado as obras nin en prazo nin despois doutros seis meses que parece que foron concedidos, aspecto este que non aparece considerado polo concello.
"O Valedor do Pobo Galego ven de remitirnos a resposta do Concello á denuncia que presentamos o 9 de xunio. Como ven sucedendo dende o comezo a resposta do Concello é unha nota fuxidía e burocrática que non contesta a nada do que se lle preguntou, nen xustifica en absoluto o interese do alcalde por apoiar este proxecto. Por suliñar algún aspecto concreto, non informa da data de entrada do expediente no concello, nen da exposición pública, dando a entender que non se realizou este paso preceptivo. Respecto dos informes tamén se confirma a nosa denuncia da falla dun informe da Rede Natura 2000 e particularmente debe destacarse que non existe nengún que xustifique a separación en dous expedientes, un para a cafetería e outro para a reforma do faro. Mesmo resulta rechamante que non exista nengunha avaliación conxunta dos impactos acumulativos previsibeis de ámbolosdous proxectos no proceso das obras e posteriormente cando comezase a actividade, o que levaría razonablemente á denegación da autorización.
Outra contradición evidente é que durante ano e medio estívose difundindo un presuposto de 150 000 euros para as obras pero agora no proxecto so constan un investimento de 20 000.
En resumen confírmase que estamos diante dun expediente coxo dende calquer ponto de vista e un concello xordomudo e incapaz de mover unha palla na defensa do noso patrimonio cultural, paisaxístico e medioambiental.
Acompaño unha imaxe posteada onte por un membro do grupo cun comentario sinxelo: "Aplicable a todo tipo de causas, incluida la nuestra."

20160725

25X

Hoxe é 25 de xullo. Día de Santiago, Patrón de España, din. Ou Día da Patria Galega, tamén. Día de celebración (non na China, non, aquí, e mesmo hoxe soou a serea de Gondán nas Figueiras ás 8 da mañá para dar sinal de comezo do traballo)
A alguén que hai pouco me lembrou o de 'Patrón de España' contesteille que iso sería antes, que agora España ten moitos patróns, que se quería que lle mentara a xente dende Amancio Ortega a Mariano Rajoy que son co-patróns.
En canto ó Día da Patria Galega, hai tempo que me deixo levar polas contradicións: a patria é todo/todos ou todo/todos é patria? Para comezar a entendelo (a entenderme) 'Todo pola patria' estaría relacionado co que remato de dicir. Enténdese 'dar todo pola patria', coido, o que nos levaría ben a dalo por nada (sen esperar nada a cambio, a cambio de nada) ou ben á 'compra' dun obxecto que sería 'a patria'. Nunha versión máis lixeira do que puxen ó comezo do parágrafo, a patria é de todos ou todos somos da patria? Parece evidente que todos non somos da patria, sexa o que sexa (hai xente que se sitúa ela mesma fóra) e tamén que 'iso' que se considera patria non é de todos.
Estou a lembrar unha pequena discusión mantida hai pouco nunha rede social. Seguía unha liña parella ó que estou a escribir, máis non lembro agora os matices. De calquera xeito, na época das interaccións múltiples, contraccións lingüísticas ou dos memes, teño claro que 25X é algo máis e tamén algo menos que o día do Patrón de España ou da Patria Galega, algo máis e algo menos que unha idea sinxela.
Por certo, unha curiosidade: No dicionario da RAG (polo menos, na versión en liña), non aparece a plabra 'patria', dirixindo a 'patrio', que na súa primeira acepción define como "Relativo ou pertencente á patria." Coido que encaixa abondo ben co que remato de dicir...

20160724

Eduardo Gutiérrez

Entérome hoxe polo xornal que onte foi o acto de nomeamento de Eduardo Gutiérrez como cronista oficial. Remato de facer a actualización correspondente na súa entrada da Galipedia. Quixera ter estado presente, mais non me enterei, polo que non podo dar outras referencias da harla da súa recepción ou de calquera outro punto do desenvolvemento do acto.
Para paliar (un pouco) esa falta, deixo unha serie de ligazóns a entradas anteriores do blog:
Proposta de cronista oficial
Elección de cronista oficial
Algúns dos artigos do blog que o mencionan

Ligazón á nova na páxina do concello e reprodución da mesma:
"

Cronista oficial de Ribadeo


23/07/2016
A Casa do Concello acolleu este mediodía o acto de entrega do título de cronista oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez Fernández, acordo adoptado o pasado 30 de maio en pleno por unanimidade de todos os membros da Corporación Municipal. Acto solemne, no que non faltou o son da gaita, así se desenvolveu a sesión plenaria extraordinaria na que interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez.
O rexedor destacou "a paixón polo traballo, a honestidade e a honradez na xestión da cousa pública e o orgullo de sentírmonos galegos e ribadenses", despois de lembrar como coñeceu a Eduardo Gutiérrez Fernández e de aludir "á súa capacidade oratoria oculta, ás veces algo mordaz, pero atinada; con aquela determinación por conseguir o mellor para o seu pobo".
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, fixo no seu discurso unha semblanza de Eduardo Gutiérrez, que remataba así: "….Para alén de súa traxectoria política, podemos definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: "A lingua é o noso escudo" (1978), "Introdución ao «Sempre en Galiza»” (1986), e "Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza "Falan os de Ribadeo", publicada por Edicións do Castro en 1974. En Ribadeo somos coñecedores do seu "Do vello Ribadeo" editado pola A.C. Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a transición política. A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el algunhas noticias do "Círculo de Recreo" de Ribadeo e a "Filantrópica-Dramática". En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo".

Eduardo Gutiérrez Fernández tomou a palabra para agradecerlle "ao Sr.Alcalde e á Corporación pola distinción que me fan. Un agradecemento no que debo subliñar o traballo do relator do expediente, o concelleiro de Cultura, Sr.Graña". Na súa intervención sinalou: "sei que asumo unha importante responsabilidade, por tratarse do primeiro cronista oficial de Ribadeo. De todos os que saiban e queiran, requirirei a súa axuda e a todos ofrezo a miña, se de algo lles pode servir …" . E rematou: "pensei demoradamente na frase final deste parlamento, pero logo decidín optar por unha cita dunha das nosas grandes figuras. Señoras e señores, compañeiros e amigos: que a fogueira do espírito siga quentando as nosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".
Á conclusión da sesión plenaria extraordinaria a Corporación Municipal pousou para a foto a carón do cronista oficial de Ribadeo. 
"

20160723

#cortesdeluzRibadeo v. verán 2016

O inverno pasado iniciei #cortesdeluzRibadeo en Facebook, Twitter, Cabozo... Comecei con algo como isto: "Por favor, cando haxa algún corte de luz en Ribadeo, poñede o hashtag #cortesdeluzRibadeo ó comezo e logo os datos de día, hora, duración aproximada, zona afectada, para ir creando unha base de datos á que recorrer para protestar, que haberá que facelo, seguro.
Dende hai moitos anos, en Ribadeo arrastramos a lacra dos cortes de luz. De día ou de noite, máis ou menos longos, calquera corte de luz interrompe os negocios, o traballo, o ocio, fastidia máis ou menos, pero sempre algo, os aparellos eléctricos... mentres a compañía eléctrica fai oídos xordos a reclamacións e protestas da xente, nosas.
Téñense alzado contra destes cortes voces individuais ou asociadas a través de ACISA, O Tesón, o concello... sen solu
ción nin resposta. Todo o máis, algún comentario feito ós medios de que está todo ben, baixo os parámetros normais... sen que se poda rebater ou encarar doutro xeito porque non fixemos recollida de datos a nivel da poboación enteira, e sabemos que o sufrimos, pero non o alcance que tivo, nin estamos coordinados para demostrar nada.
Pero o mesmo que cada vez os cortes son máis fastidiados porque hai máis aparellos máis sensibles que dependen da electricidade nas nosas vidas, tamén temos máis posibilidades de facer escoitar as nosas voces a través da tecnoloxía, por internet. Xa está a funcionar o haghstag #cortesdeluzRibadeo en twitter, en facebook e noutras redes sociais para que todo o mundo poida usalo e dar conta dos fallos de luz, para ter datos para as reclamacións e facerlle ver á compañía eléctrica que hai un pobo detrás recollendo datos e protestando de xeito continuado ata lograr o obxectivo de ser tratado como xente do século XXI, non como xente do século XIX.
"
Se se procura por #cortesdeluzRibadeo en facebook (https://www.facebook.com/hashtag/cortesdeluzribadeo) ou en twitter (https://twitter.com/search?q=%23cortesdeluzribadeo) polo momento atoparase pouca cousa, só exemplo do que pode ser coa colaboración de todos; algo que de calquera xeito irá aumentando co uso.
Repito o método:
Cando haxa algún corte de luz en Ribadeo, poñede en facebook, twitter, latri.ca, cabozo.com ou calquera outra rede social que frecuentedes o hashtag #cortesdeluzRibadeo ó comezo e logo os datos de día, hora, duración aproximada e zona afectada, para ir creando unha base de datos á que recorrer para reclamar e protestar, que haberá que facelo, seguro.

 Un exemplo, para reportar un corte de luz de varios segundos que ao menos se sentiu na zona da Alza o 3 de decembro de 2013 ás 20:15 da tarde:
#cortesdeluzRibadeo 20131203 20:15 aprox. zona: Alza. duración: varios segundos
Entre todos podemos ir deixando constancia dos cortes. E tomando conciencia do que afectan a todos, non só a un comercio ou a quen estaba a subir nun ascensor. E facemos presión só con reportar que houbo o corte. Os datos estarán aí, a disposición de todos. E da compañía eléctrica, que verá a todo o pobo fronte a ela cada vez que ocorra un corte, sen esperar xa a unha protesta escrita que chegue días despois.


De pronto, teño as seguintes referencias de cortes na zona (van sen a citar os nomes das persoas que reportaron, poque non llo dixen aínda a todos):

20160825 5:17 madrugada. Rodríguez Murias Corte de 1 minuto.
20160824 9:15 corte de luz 1 minuto aprox. cuatro calles-Reinante
20160821 10:57 zona cuatro calles e Reinante, microcorte
20160817 12:36 zona 4 calles, 1 minuto
20160814 8:30, cousa de 1 s, zona catro calles
20160724 11:56 microcorte na zona catro calles
20160727 arredor das 7:00 microcorte
20160724 11:56 microcorte na zona catro calles, Reinante, Rosalía... aparellos desconfigurados, etc. varias referencias
20160722 arredor das 17h, 3x microapagóns zona S.Roque
20160722 sobre as 7 da mañá microcorte na zona Rosalía de Castro
20160721 sobre as 11 da mañá zona punto limpo microcorte.
*diario (comezos de veran 2016) sobre as 7:10-7:15 Avda. Calvo Sotelo microcortes.
20160117 11:26 zona catro calles microcorte que se deixou sentir en aparellos electrónicos
20160101 12:46 1 min. Vidal (Trabada); 12:50 3 min Vida (Trabada) con abondo mal tempo
20151230 13:30 Lugar:Vidal (Trabada) Duración:3 min; despois, 15:00-17:30, 7 cortes 1 min/cada; causa probable: incendio provocado por mal estado mantemento liña alta tensión, con copas de árbores demasiado próximas.
20151207 00.25 duración: segundos. Varios cortes. Zona: Alza
20151204 9:04 Lugar:Avda. Galicia Duración:instante
20141123 sobre as 10 da mañá, de curta duración
20141112 16:04 un novo microcorte de luz
20131204 20:51 zona: Vilavella duración: segundos.
20131203 20:15 aprox. zona: Alza duración: varios segundos

20160722

Ábrense os sentidos

Un sol entrenubrado chega ó interior, misturado coa música do instrumentista da esquina, o son das gaivotas e o repaso das novas da mañá: mentras en España seguen a retirarse miles de millóns da 'hucha das pensións' despois de rebaixar os impostos ás empresas, darlle cartos ós bancos, roubar a mansalva, aumentar o número de parados e baixar soldos (e contribucións), en Alemaña os pensionistas están de noraboa: anúnciase a maior suba de pensións en 23 anos.
Xa saiu o Sol, segue a melodía e o murmurio da xente na rúa xa medrou. Verán. Ábrense os sentidos, non logran acubillar os sentementos maduros, deixa o corpo esvarar as ideas ó encherse de sensacións. Queda para mañá o futuro. Da sociedade. Noso. E o enfrontarse a el. Tamén o preparalo, para a parte que esteamos a tempo...

20160721

Correntes mariñas vagueando


Arredor de 1 minuto e 20 segundos despois de comezar o vídeo é cando se ve máis claro o movemento do mar na costa de Ribadeo. Neste vídeo de 11 meses condensados en 2 minutos, 2,75 días pasan en 1 s, vese claro que as correntes de superficie (representadas por liñas brancas de lonxitude proporcional á velocidade) fronte a Ribadeo son predominantes de leste a oeste, mais hai días nos que flúen de oeste a leste, cambiando de pronto a razíz dos ventos. Algo que non é moi común en relación ó resto de correntes que se observan. Unha curiosidade para pensar cando vaiamos á praia.


20160720

Defensa, non polémica

A illa Pancha estaba adormilada esta mañá entre un mar en calma e un fondo que, entre mar e nubes, aparecía roxizo como iluminado polo faro. Calma, paz, tranquilidade no medio da natureza e en illamento, algo que se transmitía ás poucas persoas que por alí había a esas horas.
Onte polo solpor a luz era diferente mais a sensación era semellante aínda que había máis xente. Mesmo alguén en postura de meditación cara ó sol que se poñía.
Non é esa imaxe, que calquera pode captar, a que se transmite na prensa de onte, na que catro persoas, cunha frase cada unha, dúas a favor da illa Pancha e dúas a favor de que se utilice (unha delas como hotel) para que non se deteriore máis, daban pe a un titular que insinúa que a maioría silenciosa de Ribadeo está a favor da construción dun hotel.
Menos mal que se trata de construír un futuro común, e non de destruír o de todos, algo que da ánimo para traballar a favor da comunidade. Hoxe, na xuntanza prevista (O Cantón bar, 20:30), é previsible que se acorden novas accións para continuar a defensa dunha parte do noso patrimonio común, na liña das que se veñen realizando.
Como dicía o comezo da nota de prensa de hai un par de días, "Todas las irregularidades constatadas en el proceso de adjudicación, la ocultación de información por parte del Concello de Ribadeo y la otorgación de la licencia fuera de plazo y sin cuestionar la validez de los informes, nos empuja a seguir luchando por clarificar toda esta situación, que nos parece inadmisible."
Amenceu cuberto, máis vai despexando.

20160719

NON ESTAMOS ENTRE BALOCOS. Francisco José Campos Dorado

A ría de Ribadeo, recoñecida como tal, nunha das capas de Open Street Map ( Open Data Commons Open Database License (ODbL) da Fundación OpenStreetMap (OSMF) )

Fai só uns días vimos nas redes sociais, a noticia publicada o 27/05/2016 referida á resolución: “A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Galicia admitiu algunhas alegacións que presentou o Concello de Ribadeo solicitando a inclusión de determinados espazos no Catálogo de Paisaxes de Galicia que se está elaborando. Así, entran o miradoiro de Santa Cruz, O Cargadoiro, as antigas cetarias de Rinlo e o paseo de As Aceas, que figurarán como Lugares de Especial Interese Paisaxístico (LEIP). E engade que os Castros e Illa Pancha xa figuran directa ou indirectamente. Ademais, a Xunta xustifica a inclusión do topónimo Ría del Eo, que cuestionou o Concello nas súas alegacións: «O nome Ría do Eo non fai referencia á ría senón a un lugar xeolóxico de interese que o Instituto Geológico y Minero de España (IGME) nomeou así. Cambiouse o formato da lenda para evitar confusións...”
E preguntámonos nós: ¿Cómo é posible que uns individuos do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España que se dedican a clasificar balocos, cañós, croios e pedruscos varios, teñan competencia para cambiar ó libre albedrío o nome da toponimia local onde fan os estudos xeolóxicos? ¿Fan o mesmo nas covas de Altamira, na Ría de Bilbao, no cabo Peñas ou no Sistema Ibérico? ¿E quenes son os individuos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia para permitir tamaña falcatruada, en contra do establecido na resolución do Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico de 19/Decembro/2007, onde di: “con total contundencia se recoñece o nome de Ría de Ribadeo, pois toda a cartografía hidrográfica así a denomina”? ¿Algún destes individuos asumíu o cargo por coñecementos e cultura na materia que exhiben ou simplemente chegaron onde están polo enchufe de Birlibirloque ou daquel outro?
¿Con que “rostro” se pode dicir: “O nome da Ría do Eo non fai referencia a ría... cambiándose para evitar confusións”? ¿Alguén coñece algún caso de semellante cinismo patolóxico? ¿Como se vai a denominar o nome da Ría de Ribadeo nos catálogos de Geo-Turismo que patrocinan estes Institutos? A problemática do ninguneo do nome de Ribadeo ven de vello, pois sempre desde o outro lado da Ría de Ribadeo, estiveron como raposos esperando a meter a patiña para roubarnos unha por unha tódalas galiñas. Primeiro ningunearon o nome das Terras de Ribadeo entre o Eo e o Navia, logo as Terras de Ribadeo e de Miranda polas terras do Eo, os Oscos e de Burón, torpísima denominación para algo tan inútil como a “Reserva da Biosfera” cuxo territorio predominante é espazo da Ría de Ribadeo; reescribiron coa denominación que lle dan ós “balocos”, os boletíns informativos de FEVE na liña Ferrol-Xixón ou do Transcantábrico; tódalas publicacións de Caza e Pesca, todas as revistas de Turismo... lista interminable de publicacións!. Debido a estas malas prácticas de acoso e derribo do nome de Ribadeo, ata nun programa como “Saber y Ganar” da TV2, a praia das Catedrais está en Lugo (14/xullo/2016), para non contar coa cantidade de necedades diarias coas que acostuman a regalarnos as web e periódicos de Asturias: A praia das Catedrais está ó lado de Castropol ou ó lado do concello de Castropol (Asturias), etc.
Seguramente todos estes individuos son universitarios, pero polo que se ve a única cultura que “pescaron” foron as tarascadas do tuno da pandereta, aquel que o facía para divertirnos, e que istes tomaron o de tarasquear como modelo para a súa vida profesional, e isto non é caso para dar a risa. Desde aquí rógolle ó Alcalde do Concello de Ribadeo, que esixa a dimisión de todos estes delincuentes que cobran sueldo do erario público, no que estou contribuíndo a pagarlles, pois esta xente incumpre no seu cargo a normativa vixente, por non falar da patrimonial histórica, da que teríamos que remontarnos a varios séculos da denominación: Ría de Ribadeo. Por outra banda todos estes “señores” son un mal exemplo para as novas e futuras xeracións, pois son tropa que converte as institucións públicas en covachas de zascandiles, o cal é intolerable. Por sempre, Ría de Ribadeo, topónimo marítimo que nada ten que ver cos termos empregados para os balocos e cañós
--
Anotación posterior: comentario de J.Mª Rodríguez Díaz que integro no post.
Moi bo o artigo de Campos. Aínda que é petar en ferro frío. É unha mágoa que o topónimo "Ría de Ribadeo" non apareza na diplomática da Alta Idade Media, pro iso é por unha razón moi sinxela. A palabra "ría" é de creación moi tardía, non aparece ata o século XV. Antes era chamada "Augas de Vigo, (pola localidade que había na súa ribeira, A Vilavella, chamada daquela Vigo."...ab aqua Vigo, usque ad aquam Masma...", como así aparece citada nun documento do Tumbo do mosteiro de Lourenzá.
Por outra banda, é lóxico que se chamara Ria de Ribadeo, pois todo ó que había desde o Navia ata Ribadeo eran chamado Terras de Ribadeo. Por exemplo, Castropol pertencía as Terras de Ribadeo. E isa é a razón pola que a autora dun libro que trata desa comarca asturiana, chámalle torticeiramente a Castropol, Ribadeo.

Mirando os números das Catedrais

Segundo parece, as Catedrais segue funcionando como atractor. Onte 18, a Voz de Galicia apuntaba que máis de 32 000 persoas tiñan pasado xa pola area da zona ribadense no que transcorrera de mes, 17 días, o que fai perto de 1900 persoas diarias. Se ben dita cifra non é nin a metade da cota diaria (4812 px), para media non está nada mal.
Como o que se procura é o rendemento económico (polo momento, a natureza considérase ó servizo da economía entendida como cartos) na mesma nova apuntaba a que case mil persoas, un 3% dos visitantes, se aloxaban en hoteis de Ribadeo. Estatísticas: os hoteis de Ribadeo poden emitir pases que se están a contabilizar a máis da cota. Iso faría 59 pernoctas diarias en Ribadeo debido ás Catedrais. Unha fracción substancial, mais non demasiado grande, das pernoctas na hostalería ribadense. Claro que os que obtiveron o pase pola web e logo pernoctaron non estarían incluídos.
Algo parello, se ben en menor escala, pasa co autobús (200 pases) e co tren (150). En concreto, o número de pases de autobús máis ben se asemella ós viaxeiros dun día que de máis de medio mes.
De calquera xeito, as cifras indican que un total duns 1350 visitantes de 32 000 usaron pases sen teclear na web, máis dun 4% que estarían fóra das limitacións impostas ó uso do monumento, e polo tanto, en certo xeito, de control (non estatístico)
O uso de guías de divulgación para grupos de ata 25 persoas contabilizou 1600, é dicir, o 5% dos visitantes, se ben non se pode falar neste caso de porcentaxe mínima ou máxima que representa a xente que viaxa en grupo, pois pode apuntarse un grupo de xente que viaxe de xeito separado e non apuntarse un grupo de xente que viaxe de xeito conxunto.
Canto representa para a economía ribadense (para a entrada de cartos en Ribadeo) as catedrais? Coido que a pesar do plan, un estudo tal está sen facer en serio. E dubido moito que nun primeiro intento cando se faga se consideren tamén cousas como impactos ambientais. Mentras, os números servirán só para presumir de cantidades.
Posta de Sol contemplada preto de As catedrais

20160718

ESCUDO NA RÚA ANTONIO OTERO. Francisco José Campos Dorado

escudo en Antonio Otero

Escudo de armas español con data do ano de 1675. Está a medio andar a calle Antonio Otero, fronte a Travesía Fernando III O Santo que une coa praza dos Catro Caños, situado na fachada dunha magnífica casa onde aínda se conservan uns poucos metros de soportal con arcos, vestixio do Ribadeo do século XVII. O escudo está á altura do segundo piso, ó lado esquerdo dun precioso balcón con varanda de fundición e adornado cun lintel e xambas con cadrados en baixo relevo nos que se representan flores de catro e seis follas. Na Casa dos Miranda da rúa Amando Pérez, fronte a fonte dos Catro Caños, atópanse dous escudos de forma de casulla, cuarteados en cruz. No escudo dereito segundo se mira á fachada, no cuartel terceiro (esquerdo baixo) atopamos representadas as mesmas armas inversadas, esto é, con certa simetría respecto dun eixe, neste caso do eixe vertical central (véxase foto 2).
detalle escudo casa dos Miranda

O escudo está timbrado cun casco de fidalgo ollando a destra, adornado cun penacho de catro plumas e lambrequines sinxelos caendo polos laterais do campo con bordura diminuída ou filiera. Baixo o casco e sobre a bordura, asoma o puño con garda dunha espada e dúas veneras ós extremos (no caso do de Miranda, o puño, espada e veneras están dentro do campo). É curioso observar á destra do puño da espada, que a gola do propio casco, remata nun pé estreito que produce unha parehidolia ou figura ilusoria que se forma, e que, neste caso, da a sensación óptica de que un animal cuadrúpede mete a cabeza baixo o casco, mesmo semella que ten dúas patas traseiras e rabo.
O campo está partido en dous pola folla da espada, cuxo puño está fora da bordura e no xefe (parte alta do campo) vese a cruz cristián que é típica da lenda dos Villaamil: “Villaamil avante con esta cruz delante”, pero neste caso o estar no xefe, tamén recorda as armas dos Burdaya, familia que provén de Galicia no confín entre León e Asturias. Por outra banda, a espada en pao (vertical) con dúas veneras a cada extremo do puño representa armas de Pousadouro ou Pousadeiro. Na partición destra do escudo, vense catro faixas en relevo sobre unha aguia mirando a destra. En realidade son tres faixas mal representadas, pois as faixas corresponden os ocos entre as catro en relevo, sobre unha aguia. Esta anomalía, no gravado que fixo o artista, queda corroborada no cuartel 3º do escudo da casa dos Miranda. Tamén pode verse esta mesma partición de tres faixas sobre unha aguia, na igrexa de Vilaselán, no escudo policromado que culmina a capela da Virxe das Dores do patronazgo da familia de Rodríguez Arango e Mon, señores de Guimarán.
Xa vimos no escudo da rúa Bispo Veres, no cuarto cuartel, en campo de ouro tres faixas de azur, das posibles armas dos Messía de la Cerda, pero en aquel, as faixas son máis estreitas ou como se di en heráldica, faixas disminuídas, polo que non deben ter relación ámbalas dúas liñaxes.
Aquí as tres faixas poden corresponder as armas dos Álvarez, de Barreira, Barrera ou “de la Barrera”, as dos Parraqués do señorío de Parga ou tamén as dos Venegas. A aguia, parece ser brasón dos Aguiar ou dos Pardo, que máis das veces leva coroa, e sen coroa tamén pode corresponder as armas dos Busto, pois teñen aguias inversadas como se ven máis claramente no 3º cuartel de Miranda, unha mirando a sinistra e a outra a destra.
A xenealoxía das tres faixas, pode ser de antecesores de D. Carlos Álvarez de Mon, que vivía en Ribadeo en 1794. A aguia dos Busto de Ribadeo, teñen executoria de fidalguía con data de 30 Decembro de 1512 na Chancillería de Valladolid, antepasados de D. Francisco Antonio Bustos y Flórez que, a súa vez, saca executoria de nobreza en 1785.
Na partición sinistra, unha aguia con pescozo delgado como de ganso mirando a destra (é un aguia como a do 3º cuartel dos Miranda, coa advertencia de que aquí a aguia mira a sinistra, de aquí a sospeita de que sexan as inversadas da familia Busto). A aguia está sobre ondas moi pretas (ondas de azur en campo de ouro), poden ser armas dun matrimonio entre un Busto, un Aguiar ou un Pardo con unha Marín ou de Mariño, ou ben, cunha Tavora.
Os tres matrimonios teñen posibilidade de ser, pois Aguiar, Busto, Pardo e Mariño, son familias que existen na veciñanza de Ribadeo, aínda que Mariño máis ben, se soe representar coas ondas do mar e unha serea, emparentados coas armas dos Mosquera, dos Deza e dos Sotomayor. Por outra banda, tamén poden ser Aguiar e Tavora, pois os Tavarés de Tavora, oriúndos de Portugal, figuran relacionados cos Oya, Sarmiento, Sotomayor e Montenegro, familias todas elas moi apousentadas na veciñanza de Ribadeo.
Por outra banda, ó estar as figuras alternadas e repetidas, caso das aguias neste caso, e con similitude coas bandas e olas, podemos pensar en que son armas primixenias dun cabaleiro que foi as cruzadas entre o século XI e XIII, o que era “unha peregrinación militar da cruz en viaxe a Xerusalén”. Estes cabaleiros por combater e librar o sepulcro de Cristo de mans dos infieis, tiñan privilexios papais como a indulxencia plenaria, que significaba a reconciliación inmediata do pecador, confesando para obter absolución pero con dispensa da carga de penitencia, e tamén o Privilexio da Cruz de 28-Novembro-1095 co que se aseguraban os seus bens baixo a protección do bispo, disposición que pasou o Dereito Feudal, obrigando o señor a protexer os bens dos cruzados, e a estes coa obriga de acudir en axuda do señor si este a requiría. Estes cruzados levaban unha cruz de tea cosida na súa vestimenta (cruce signati) que logo dispuxeron nos seus escudos de armas, con particións en catro cuarteis alternados con armas da súa liñaxe ou rexión, como ocorre co león castelo, castelo león de armas de España (1-2-2-1). As liñaxes do escudo son moi antigas pois pertencen os brasóns chamados “armas parlantes”, isto é, designan o nome da familia que non se sabe moi ben, se foron as armas as que deron o nome a familia, ou foi a familia a que deu o nome as armas, unha aguia (Aguiar), ondas mariñas (Mariñas, Mariño), faixas ou “barras” de Barreira. Ocorre o mesmo cun león (León), cun castelo (Castela) ou cunha granada (Granada). ¡Ai Ribadeo, cantas cousas tes escondidas e no esquecemento!
--
Máis entradas de Pancho Campos.

Nota de prensa de 'Por nuestro faro'

Sobre unha foto de Suso Fernández

Nota de prensa enviada o domingo ós medios polo grupo 'Por nuestro faro', despois dunha semana de constatar de novo un gran apoio por parte da cidadanía:
"Todas las irregularidades constatadas en el proceso de adjudicación, la ocultación de información por parte del Concello de Ribadeo y la otorgación de la licencia fuera de plazo y sin cuestionar la validez de los informes, nos empuja a seguir luchando por clarificar toda esta situación, que nos parece inadmisible.
Esta semana hemos entrado en contacto con el Valedor do Pobo al que habíamos remitido nuestras quejas (ocultación de información, informes inexistentes, parcialidad en el proceso, entre otras cuestiones) para saber en qué punto se encontraban los trámites, y nos han comunicado que han solicitado el informe al Concello de Ribadeo, el día 17 de junio, dándole un plazo de 15 días para contestar, pero que, a día de hoy, casi un mes después, no han obtenido respuesta.
Resulta increíble este mutismo, alarmante, en cualquier sociedad democrática que se precie y da una imagen pésima del Concello de Ribadeo.
Por otro lado, la persona con la que hablamos por teléfono nos recordó, como dice el alcalde de Ribadeo, que las licencias son actos reglados por lo que si los informes son favorables tiene que concederse la licencia, sin embargo, nos dijo también que los informes pueden ser discutibles y el Concello no está obligado a aceptarlos por decreto (como los informes de la Red Natura o de viabilidad económica). Ahora toca esperar, como siempre, la respuesta o no respuesta del Concello de Ribadeo.
Nosotros, en el colectivo "Por nuestro faro", pensamos que existe una parcialidad evidente al asociarse falta de rigor, mutismo y secretismo.
Nos reuniremos el miércoles 20 de julio para tratar estas cuestiones y ver cuáles pueden ser los caminos posibles y vías para defender lo que pertenece a todos, puesto que las instituciones competentes no lo hacen.
Al mismo tiempo, y por otro lado, creemos que resulta una tomadura de pelo para todos los ribadenses, y sobre todo para los defensores del hotel, que el argumento número uno utilizado para la reconversión del faro, y que era el acceso a la isla, desaparezca sin más y que el acceso pase a ser exclusivo de los ocupantes foráneos del futuro hotel. Nosotros siempre hemos defendido el acceso a la isla, desde lo público, de forma reglamentada, respetuosa y democrática, y creemos que lo que se ha hecho ha sido una manipulación de la opinión pública para que prosperase la idea del hotel.
"

20160717

Fala, pobo, fala

Recollo o estribillo da canción das primeiras votacións cando viu a democracia para lembrar que a democracia non é só 'falar' cada certo tempo nas urnas, senón tamén actuar. Na defensa de dereitos, actitudes... da propia democracia e da sociedade e cada un dos seus membros.
Anda estes días sobre a mesa o tema do tren de mercadorías diario dende a planta de alúmina-alumino de S. Cibrao a Amorebieta. Dinse cousas como que significa 150 camións diarios que pasarían a inundar as estrada mariñáns (en realidade, na lenta estrada dende S. Cibrao a Barreiros, logo, autovía), xógase co futuro de Alcoa (planta que parece en proceso de venda e da que se esquece unha e outra vez a balsa de lodos que xa está repleta e ameazante), fabúlase con 150 empregos máis de camioneiro e esquécense outras cousas. Unha, que RENFE-FeVE ten suprimido esta tempada servizos de viaxeiros dun xeito incomprensible alegando 'falta de maquinstas', indo as dúas cousas en conxunto cara a un pior servizo público e desafección respecto del, e á desaparición do mesmo. Outro, que medioambientalmente (non polas molestias na estrada de 1 camión cada 10 minutos que virían resultando eses 150 camións diarios, case 1/3 do que representa o fluxo de camións para Mirasol cando carga un barco de pasta) e en canto a recursos o tren é abondo máis efectivo que a estrada. Outro máis, que a visión xeral é necesaria para descontar chantaxes de empresas, xa sexa ENCe (o ramal de FeVE para a pasta de papel prácticamente abandoado máis que para facer presión), RENFE-FeVE ou Alcoa, incluíndo nela a mobilización social non só para protestar a favor ou en contra, (que é o que procuran moitas veces, carne de canón que loite polos seus intereses) senón para o mesmo estudo, concienciación e visión de futuro do conxunto social.
Nesas andamos, mais a falta de costumbre (que pasou coa protesta hai xeración e media contra a central nuclear?) de facer as cousas dun xeito colaborativo despois de moitos anos de querer apartar á xente das decisións que afectan a todos para que non molestemos da os seus froitos. E así hai que esperar a que se de a licenza de obra para o faro para que as redes sociais se manifesten de xeito case unánime a favor dunha illa Pancha de todos e para todos. Que ocorrerá neste caso?


20160715

Actualización sobre a illa Pancha

As cousas están transcorrendo rápido estes días. Queda aquí só un recorte a modo de comunicación de hoxe, aínda que non sexa nada novo.
"O substancial de este asunto é que o alcalde ven actuando de maneira partidista dende que este expediente entrou no concello, primeiro non anunciando o proxecto aos veciños, segundo disimulando o máis posible a exposición pública se a houbo, terceiro apoiando abertamente o proxecto cando declarou (diario El Pais do 26/4/15) que era "un premio para Ribadeo", cuarto negando que o concello dera un informe favorable antes da aprobación polo Consello de Ministros, quinto negando a consulta do expediente aos colectivos solicitantes, sexto facilitando a tramitación duns informes dudosísimos e con estraños cambios do prantexamento inicial e últimamente non respostando ao valedor do pobo galego. O alcalde de Ribadeo afirma que non pode facer nada pero cando se coñeceu o proxecto de instalar un galpón no porto de Figueirúa, en febreiro de 2008, convocou un pleno no mes de maio e propuxo a rexeita daquel proxecto ainda antes de que houbese nengún documento ou proxecto técnico oficial. Nas hemerotecas están estas frases: ..."nos somos representantes de todo o Concello e temos que conxugar moitos máis intereses que só os do porto de Mirasol... miramos polo turismo, polos aspectos medioambientais, pola conservación do casco vello... E parécenos que algo así, tal como está plantexado é unha temeridade..." Esto era no 2008, no 2016 parece ser que xa non hai que preocuparse polo turismo e mesmo non importa destragar a Illa Pancha, non hai que preocuparse polos aspectos medioambientais e sobre todo non hai que informar aos veciños, non vaia ser que teñan unha opinión discrepante. O colectivo Por Nuestro Faro está recibindo infinidade de apoios nestes dias e recollendo numerosos mensaxes que nos animan a seguir adiante."
Non se trata dun debate técnico sobre a legalidade da concesión de licencias: iso non é o que importa. Aínda así sobre a licenza hai a posibilidade do recurso por interese xeral e o contencioso.
E unha cousa máis: os viciños non van ter acceso...
O Faro da Illa Pancha, sobre un negativo dun cadro das figuras de faros emitidas por El Progreso hai uns anos. Parece que os faros estiveran a desaparecer...

Se non sufriran ataques, non estaría a publicar isto

Hai 32 fotos. Vai a metade, 16, agrupadas por soporte (4 soportes). Se as imaxes non foran maltratadas, case seguro que non lles daría difusión.
















Sorpresa! (ou non?) ... Na illa Pancha

Sorpresa? Quizáis non tanta. Pode tentar converterse en calquera momento en presión cara ó concello para que permita a cafetería, ou ser desmentida como un erro de comprensión nun xesto bondadoso para ganxear amizades.
En calquera caso, o anuncio do titular, que a illa Pancha será de acceso vip, coido debera significar máis dun xarro de auga fría  para facer espertar á poboación dun soño sobre varias cousas.
Unha, que a xestión pública e privada poden ser semellantes tamén en ningunear á xente.
Outra, que se o ben é común, só unha xestión común pode asegurar unha preservación dos dereitos de todos.
E máis secundarias: unha administración sobre a que non se actúa pode interpretar as normas e cambiar a interpretación segundo como lle veña ben a quen a manexa (de xeito interno ou externo)
O medio ambiente mercantilizado ou visto como mercantilizable non é considerado medio ambiente, senón recurso, e tratado como tal.
Se non participas activamente defendendo o que é de todos, deixará de ser tamén teu aínda que non tiveras conciencia antes de que si, tamén era teu.
Poderiamos continuar con cousas que xa están ditas no blog en entradas anteriores e outras que quedan por dicir, mais para sacar algunha lección disto, xa vai escrito de máis.
--
Nota case cinco anos despois:
A illa Pancha segue cerrada, pero a cafetería xa está cos permisos do concello. Queda abrila...

20160714

Publicado en Ribadeo: dous artigos de José Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández

Seguindo a liña de publicar escritos de autores relacionados con Ribadeo, hoxe ligo dous artigos de J.R. Sabugo, secretario do concello durante tantos anos, sobre a 'cuestión catalana':
https://issuu.com/agremon/docs/sabugo._catalu__a_no_es_una_naci__n
https://issuu.com/agremon/docs/sabugo._la_suspensi__n_de_una_auton
a notar que faigo a publicación con gusto, mais non teño por que estar de acordo cos seus presupostos.

Illa Pancha, fase II

Atardecer de onte sobre a Illa Pancha, por José Lombardero Bellón

Onte espertábase o día en Ribadeo con ceos despexados que se cubriron ó pouco. A nova do día, un titular de 'La Voz de Galicia' que daba conta de que o día anterior, martes, tivera lugar unha Xunta de Goberno municipal na que se daba licenza para as obras de habilitación do vello faro da illa Pancha como hotel, mentras se rexeita a construción da cafetería na illa.
Aforrando pasos, cara a última hora da tarde o grupo 'Por Nuestro Faro' emitiu un comunicado. Antes, o concello tamén emitira unha nota de prensa. Embaixo deixo ambas con algún comentario.
Comunicado de 'Por nuestro faro':
¿ADEUS, ILLA PANCHA ADEUS?
O Concello de Ribadeo ven de acordar a concesión da licencia municipal para poñer en marcha un hotel de duas suits na Illa Pancha e aplazar a instalación dunha cafetería baixo cuberta de plástico. Ou sexa a decisión política de Suarez e o BNG de dar todo tipo de facilidades a este proxecto vai adiante con tódalas consecuencias. Estas serán que a destrucción da Illa Pancha, tal como a coñecemos ate agora está garantida. Anque polo dagora non se autorice a cafetería, o simple comezo das obras, as medidas de seguridade, a presencia de automoveis, furgonetas, materiais de construcción, persoal, cartelería, etc. xa determina un cambio irreversible na imaxen e na situación actual da illa e o do faro.
A disculpa do alcalde cando declara que a licencia para este proxecto debe ser concedida preceptivamente contrasta co sua decisión política de rexeitar o galpón que a empresa Galigraín proxectaba no porto de Figueirúa en febreiro de 2008. Daquela Suarez levou ao pleno e conqueriu a rexeita por unanimidade, mesmo sen que se chegase a presentar o proxecto técnico. Esta foi unha decisión política pura e dura, daquela Suarez tiña catro concellais, agora ten once, a lexislación é a mesma pero os intereses políticos son outros. A Illa Pancha vai quedar convertida nunha estrafalaria reliquia do pasado polas comenencias da carreira política dunha persoa e @s suas compañeir@s de viaxe. Porque non nos engañemos, se ben a promoción inicial foi do Ministerio de Fomento, coa colaboura da Xunta de Galicia, a tramitación posterior do expediente deixa tantas portas abertas e ten tantas carencias que o Concello de Ribadeo tiña infinidade de oportunidades de conxelalo ou mesmo suspendelo. Dende a falla de informe da Rede Natura 2000, de memoria económica e de sustentabilidade, ate as contradiccións cas recomendacións da Reserva da Biosfera, pasando polo dubidoso proceso de convocatoria e exposición pública, o alcalde estaba perfectamente autorizado para darlle marcha atrás se non tivese decidido lévalo adiante dende o primeiro día. O mesmo os incumplimentos de prazos e os aprazamentos sucesivos. O expediente debeu de entrar no concello de ribadeo nos primeiros meses de 2014. A data exacta non a sabemos pola obstrucción informativa de Suarez. Dende esa data ate a publicación por El País dun informe sobre a reconversión dos faros, o 22 de Abril de 2015, o alcalde non deu nengún tipo de información e a exposición pública se a houbo levouse co máximo sixilo. As suas declaración a El País non deixan lugar a dúbidas: O proxecto era “un premio para Ribadeo” polo ben que se levaba a política urbanística. Repárese no contido da frase.
Ata aquí chegamos. O colectivo “Por Nuestro Faro” carece de recursos para enfrontar unha demanda xudicial pero non imos quedar calados. Consideramos dende o comezo que a Illa Pancha non se debe privatizar nen coverter o faro nun hotel porque forman parte dun patrimonio sociocultural irrenunciable, eso por enriba de outras consideracións legalistas, ambientais ou economicistas e imos seguir nesa teima. A ILLA PANCHA E DOS RIBADENSES E DE ADEUS A ILLA PANCHA NADA.

Colectivo “POR NUESTRO FARO”
E a nota de prensa da alcaldía:
"OS CONCELLOS SOMÉTENSE A ACTOS REGRADOS", DI SUÁREZ BARCIA
Faro da Illa Pancha
13/07/2016 


O alcalde, Fernando Suárez, asegura que "o Concello fai o que debe, da as licencias que se teñen que dar e denega as que non se poden outorgar". Na xunta de goberno celebrada nas últimas horas o Concello concedía a licenza para a conversión en hotel do Faro da Illa Pancha e denegaba a licenza para a apertura dunha cafetería nese lugar, xa que conta con informes desfavorables de Patrimonio, do Plan de Ordenación do Litoral e de Costas.
O rexedor contou que "nesta última xunta de goberno se deu licenza municipal para a conversión do Faro da Illa Pancha nun hotel e rexeitouse ao mesmo tempo para facer un anexo dun bar cafetería".
Suárez Barcia foi contundente: "teño que dicir, debemos dicir desde o goberno municipal, que o Concello fai o que debe, fai o que ten que facer, que é dar as licencias que se teñen que dar e denegar as que non se poden outorgar. Digo isto porque se os informes previos que teñen que ser preceptivos e vinculantes, é dicir, obrigatorios e que ademais hai que facerlles caso… se estes son positivos si que hai que dar a licenza de obra, e se os informes preceptivos e vinculantes non son favorables o Concello non pode dar a licenza de obra".
O alcalde ribadense explicou que "se pediron os informes preceptivos e vinculantes á Autoridade Portuaria, ao POL, a Patrimonio, a Costas do Estado, a Urbanismo, que depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, todo isto é o que se chaman actos regrados. Témonos que someter os Concellos a unhas regras, non temos liberdade para facer o que nos pete. O alcalde e a xunta de goberno non teñen a liberdade caprichosa de dicir isto gústanos e si lle damos para adiante e isto non nos gusta e non lle damos. Non podemos facer o que queiramos, senón o que debamos e o que teñamos que facer tanto eu como todos os meus compañeiros e compañeiras da xunta de goberno". E engadiu: "e o que debemos facer é iso, dar unha licenza para a conversión dun faro en hotel porque é correcta e non dar a outra para facer un bar cafetería porque é incorrecta e non se axusta ás normas e conta con informes desfavorables de Patrimonio, do Plan de Ordenación do Litoral e de Costas".

Coido que hai que comentar ao menos algunhas cousas.
Primeiro, aclarar que a licenza ten que ser comunicada oficialmente para a súa aplicación.
A nota do concello saiu antes de que fora emitido o comunicado do grupo. Logo considerou que a decisión 'había que explicala' para que a xente 'comprendera'. Hai un dito que se ben é certo que non sempre se axusta ós feitos, soe dar bos resultados na súa aplicación: 'excusa non pedida manifesta acusación'. Tanto é así que parece pervivir dende tempos de uso do latín: 'excusatio non petita, acusatio manifesta'.
A nota do grupo cónstame que foi realizada sen coñecer a nota do concello, tendo coñocemento só da nova titulada 'El pintoresco faro de la Illa Pancha de Ribadeo será reconvertido en un hotel' da Voz de onte mércores. Puxen os dous documentos en orden temporal diferente para que tivera algún sentido.
Entendo que máis aló da vulneración das leis de protección Natura 2000 e outras, do tratamento opaco e asimétrico da información, aínda están presentes outras cuestións, como os prazos; que a concesión é nula, pois neses momentos (13 de xullo) xa tiñan rematado varios prazos que implican a caducidade do contrato, co que a licenza estaría dada en base a unha concesión inexistente.
Dende onte, a enaxenación dun ben común e a loita porque non sexa así deu un xiro. Mais non rematou. Coido que a etiqueta 'illa Pancha' ten aínda un longo recorrido no blog.
--
Última hora:
Apenas pasou unha hora dende a publicación e xa hai novidades: o concello non deu resposta polo momento á petición de información cursada polo Valedor do Pobo o día 17 de xuño. Coido que cando menos, iso non se corresponde coa explicación de neutralidade e sinxela administración de papeleo dada na nota de prensa. "14/7, 9 e pouco da mañá:da oficina do Valedor do Pobo comunícannos en conversa telefónica que remitiron petición de informe ao concello o dia 17/6/16, dándolle un prazo de 15 dias para respostar. a día de hoxe, case un mes despois, non hai resposta. Aclara que esperan outros 15 días (ou sexa en total un mes) antes de reiterar o requerimento e que nos notificarán a resposta, se se produce ou a non, no prazo de 30 dias. Lembrou que (mesmo discurso do alcalde) as licencias son actos regrados, polo que o concello ten que conceder a licencia se os informes son favorables. Mais ó ser preguntado por se os informes non poden ser discutibles, ou os ten que aceptar o concello preceptivamente, deunos a razón de que os informes poden ser discutibles. Así ós informes da rede natura e de viabilidade económica. Foi ó facer estas precisións cando o interlocutor comezou a cortar dicindo que agora había que agardar a resposta ou non resposta do concello. Velaí a transparencia."