Amosando publicacións coa etiqueta Catedrais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Catedrais. Amosar todas as publicacións

20201201

Praia de 'As Catedrais'

No primeiro termo, o arco afectado polo derrubamento.

   Antes deste, levo feito 73 artigos no blog nos que por algures sae a relucir a praia das catedrais. Hoxe volve ser noticia a conta do desprendemento dunha fronte duns 20 m2 que afecta a parte dun arco, o que ten levantado po con titulares afirmando que un arco se veu abaixo, ou lembrando que Vidal Romaní predí a desaparición das Catedrais en 200 anos.

   Coido que é por esas afirmacións titulares polas que hai que comezar. O que se veu abaixo non foi un arco, senón parte da fronte dun arco. Dos máis famosos, eu diría que precisamente o arco que máis durará.

   En canto a afirmación atribuída en titular a Vidal Romaní, tamén estou de acordo, pero coido que lle falta o contexto. Pois si, en 200 anos, todos calvos, pero antes, tamén: que o conxunto poda tardar tanto tempo en desaparecer na súa totalidade non implica que abondo antes desaparezan as figuras principais, as máis atractivas na actualidade, e sen prexuízo para que se podan formar outras novas que tamén chamen á atención. Pero isto último está por ver, mentres o primeiro é ineludible, e a fisionomía das Catedrais vai cambiar non en 200 anos, senón que o fará xa de xeito apreciable para mediados de século. Aí está o máis saínte dos tres arcos, o máis feble, e o máis exposto tamén. Non sería en absoluto extraordinario que no que me resta de vida tivera desaparecido.

   E agora si, vaiamos ás 'verbas políticas', que rematan tendo máis importancia que as técnicas. Por esa banda, hai moita xente que non comprendemos o fraccionamento administrativo actual, de xeito que as administracións poden botarse pedras unhas ás outras ó tempo que teñen a necesidade de colaborar. Cousas do sistema. Dun sistema que propiciou un 'ambicioso plan' para as Catedrais que xa teño comentado abondo.

   O caso é que as liñas de actuación pasan pola prohibición de achegarse ós cantís e a responsabilidade persoal. A explicación do primeiro ven dada porque se te achegas por abaixo (o que en xeral non está prohibido) é cando tes posibilidades de que che caia unha pedra, claro. E se te achegas por arriba, a máis de que te poidas caer, estarás destruíndo a herba protectora da capa de terra que, á súa vez, protexe a rocha da erosión pola súa parte superior, e, por filtración, no seu interior. Que en troques de prohibición sexa mellor poñer un valado (por pór un exemplo) pode ser discutible en base a criterios de eficacia, impacto na paisaxe ou no medio ambiente, etc. Discusión que sería bo facela cunha base de participantes o máis ampla posible e que nunca chegará ó acordo unánime.

   En canto á responsabilidade persoal, coido que é algo do que trata de fuxir unha sociedade infantilizada, e tamén algo que os políticos usan como patente de exención de responsabilidade propia. A procura dun termo medio, que faga uso da responsabilidade persoal no binomio dereitos / deberes das persoas xunto coa responsabilidade atribuíble ás decisións dos políticos, non é doada. Pasa pola información e a participación, pero o mesmo que ambas cousas non garanten a eficacia do método, tampouco están sendo usadas nun sistema no que a verba 'democracia' separa a soberanía dos representados para outorgarlle o seu uso a uns representantes mediatizados por outros poderes a máis de polos seus propios intereses.

20200811

O MIRADOR DE COMADO. SANTIAGO DE REINANTE. Barreiros.(LUGO). Emilio Piñeiroa Lozano

O MIRADOR DE COMADO. SANTIAGO DE REINANTE. Barreiros.(LUGO) 

   COMO CHEGAR: Na estrada N-634, en S. Miguel de Reinante (c. km 565,8), cóllese a estrada de Remourelle; no km 3,4, desviación á esquerda por unha pista forestal sen asfaltar (2,2 km). Ruta sinalizada. 

   Atópase no monte Comado, a unha altitude de 471 m, excelente mirador da rasa Cantábrica, onde se pode observar dende Tapia de Casariego (Asturias) ata o cabo de Burela; en días claros vénse os Farallóns de S. Cibrao.
   Aos seus pés o Xacemento Arqueolóxico de A Roda, xacemento circular (crómlech) coñecido como o “Stonehenge galego“, do Bronce Medio (2000 a.C.) e a famosa praia de Augasantas, coñecida como “a praia das Catedrais

 

   A 650 m temos Penalonga, punto máis elevado do Concello de Barreiros con 516 m de altura. Podemos ver dende aquí parte dos concellos de Trabada, Mondoñedo, Valadouro (Serra do Xistral...), a Frouseira... e a escasa distancia o Mondigo (569 m) no concello de Ribadeo.

   Durante anos Comado foi unha zona de referencia do parapente de Galicia, chegando a celebrarse probas das primeiras ligas de parapente galegas, recentemente recuperadas. Comado figura entre as mellores zonas para voar de Galicia. Xullo Villarino, presidente do Club Parapente de Ferrol, afirma que "A Mariña é unha das das mellores zonas de Galicia para voar, ten despegues moi bos, de auténtico privilexo, sobre todo Comado en Barreiros". Na actualidade (outubre 2017) a zona de Comado ten o mellor récord global de “Máxima Altura” (media 1119 m)


   Dende 2013 celébrase no mes de outubro a subida ao Monte Comado. Un sábado dispútase a media km vertical con saída da Praia de Arealonga e o trail infantil na cima do monte. E o domingo, dous trails, un de 26 km e outro de 13 km.

 

 O ALTO DE COMADO

Ó par da brisa temprana
entre salgueiros subía
paxariños, verde prado,
paso tras paso chegaba
aló o Alto de Comado.
Nunca ollos humanos viron
o que dalí se divisa,
A Mariña case enteira
nubes de color de rosa
músicas e máis cantares
nunca sentidos na vida.
Decateime que había un banco,
¡¡ senteime !!
máis sen apartar a vista,
desta estampa mariñana
digna de calquer artista.
As casiñas fomegando
os xardíns todos floridos
e polo medio do mar
os barquiños navegando.
Xa empeza a caer a noite
o ceo cheo de estrelas
eu alí agardando a lúa
para escribir os poemas.

MARICARMEN SANTAMARINA

20200608

Bótalle unha ollada ó plan especial de protección das Catedrais

Anos. Anos leva de recorrido ata hoxe o Plan especial de protección das Catedrais. Máis de media década. Aquí, no blog, hai diversas entradas, comentarios, alegacións, etc, deixados ó longo do tempo. Mañá, martes, ás 19:30, será a aprobación definitiva (coa maioría do BNG no concello, unha vez presentada a pleno, está asegurada a súa aprobación). O plan podes velo aquí: é a túa última oportunidade antes de que sexa aprobado. A última oportunidade de exercer un mínimo dereito como cidadán, o de estar enterado da normativa que se pretende para un espazo hoxe por hoxe fundamental para Ribadeo. É dicir, en parte, trátase do teu futuro, e de deixalo correr ou tentar coller as rendas.
Na mesma nota de prensa de notificación aparece que mañá haberá non un, senón dous plenos extraordinarios, tratando a demais do plan das catedrais as consecuencias económicas da COVID-19 ou o novo convenio con ACISA (2020-2023). O acceso ó Salón de Plenos requerirá as medidas de protección oportunas ás xuntanzas en recintos cerrados. Máis aló das mesmas, será público, segundo remato de confirmar por teléfono.
Documentos (tamén presentados ó final da entrada):
A nota de prensa da alcaldía.
O Decreto do pleno de aprobación do plan das Catedrais.
O Decreto do segundo pleno especial a celebrar



-A nota de prensa:
"Plan Especial das Catedrais
05/06/2020

O Concello de Ribadeo acollerá a celebración de dous plenos extraordinarios o vindeiro martes, 9 de xuño. Na primeira das sesións, prevista para as 19:30 horas, someterase a aprobación definitiva o Plan Especial de Protección das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "se trata dun instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos e para que os centos de miles de visitantes que están vindo, sigan vindo e vaian valorando, se cabe, moito máis a marabilla que temos en Ribadeo". A pleno irá tamén o convenio de colaboración con Acisa para o período 2020/2022 por importe de 55.000 euros, así como unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo para igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia de maiores.

O rexedor ribadense dixo que "agora que estamos indo paseniñamente cara a unha normalización, para a semana que ven imos facer dous plenos, un deles a petición do PP para falar das consecuencias económicas do Covid e outro pleno, tamén extraordinario, onde se van tratar numerosos aspectos de transcendencia para Ribadeo, tanto no presente máis inmediato como no futuro próximo. Estamos poñendo bases sólidas para seguir traballando para ben dos nosos veciños e veciñas. Levaremos puntos sobre asuntos da economía municipal, de axustes que temos que facer para cumprir coas leis do Estado, que resultan paradóxicas para os Concellos. Neste caso por gastar o ano pasado máis recursos nosos do que a lei nos permitía, agora teremos que neste 2020 gastar menos. Esperemos que tanto a Federación de Concellos do Estado como a Federación de Concellos de Galicia convenzan ao goberno do Estado para que elimine estes corsés, absurdos neste momento, que están creados no ano 2012 pero que a día de hoxe resultan totalmente inadmisibles para os Concellos porque a responsabilidade dun Concello é que poida destinar os seus recursos a onde o Concello estime e logo sexa a cidadanía quen valide se as inversións estiveron ben ou estiveron mal".

O alcalde explicou que "neste pleno tamén daremos conta de todos os decretos que fomos creando nesta crise do Covid e onde se estableceron todas as medidas de suspensión no pagamento de determinadas taxas e tributos como poden ser a da auga, do lixo ou do saneamento para todas aquelas iniciativas económicas que por decreto tiveron que cesar a súa actividade, así como outras taxas como a do mercado, a zona ORA, as ocupacións de vía pública, etc…, e os cambios nas normativas para facilitar medidas para a hostalería e para os servizos".

Suárez Barcia contou que "a maiores disto levaremos unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo de Ribadeo no sentido de igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia. Con isto o que pretendemos é ir pouco a pouco igualando os dous sistemas e queremos tamén que quede aberta a posibilidade de que poida acceder xente que non sexa de Ribadeo, aínda que os de Ribadeo evidentemente han seguir tendo prioridade. Como sempre dixemos e diremos, queremos manter estes dous centros para que o número de prazas dispoñibles sexa acorde coa nosa poboación. Tamén traeremos ao pleno unha nova proposta de convenio con ACISA, por tres anos de duración, por importe total de 55.000 euros de fondos municipais significando ademais que para este ano 2020 será a maior anualidade cun total de 24.000 euros destinada á mellora do comercio e adaptación ás necesidades desta nova situación que todos empezamos a vivir, e na que a dixitalización terá un papel moi importante".

O rexedor ribadense indicou que "virá ao pleno tamén a aprobación definitiva dun instrumento moi importante para o futuro e para o turismo, para a sustentabilidade ambiental e para o futuro do equilibrio entre estes dous vectores. Despois de varios anos de traballo puidemos superar con éxito multitude de informes sectoriais de moitísimas administracións, da provincial, da galega, da estatal, en definitiva un total de 19 informes que todos eles acabaron sendo favorables, algúns desde o principio e algúns outros coas lóxicas correccións que tivemos que facerlle ao documento. Polo tanto aprobaremos o Plan Especial de Protección das Catedrais de maneira definitiva. Este é un instrumento crucial que o puidemos realizar por ser dos poucos Concellos que temos un Plan Xeral de Ordenación Municipal moderno e vixente. Este Plan Especial das Catedrais é un instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos, para darlle sentido a unha liña ferroviaria que pasa por alí desde hai setenta anos pero que non para, e para que os centos de milleiros de visitantes que estaban vindo, pero que despois desta pandemia que nos trae de cabeza han volver seguro, sigan vindo e vaian valorando se cabe moito máis a marabilla que temos aquí en Ribadeo".

Fernando Suárez engadiu que "logo desta aprobación, para a semana que ven, tocará ir visitar os despachos de moitas administracións, da Deputación, da Xunta, do Estado e se cabe, como non, tamén da Unión Europea para que nos axuden a converter o plan en realidade. É dicir, a construción dun novo aparcadoiro público, a construción dun novo centro de interpretación e de recepción de visitantes, a construción dun novo apeadeiro de Feve, a creación de rutas seguras a modo de miradoiro desde os cantís, etc... Todo isto con sumo respecto para o medio ambiente, para o mantemento de usos tradicionais e agrarios de toda esa zona e para a integración do turismo en Ribadeo, e tamén por extensión na Mariña e no país. Queremos en definitiva que a xente non chegue, mire e marche como fai ata agora, senón que se lle poida sacar moito máis partido para o noso territorio e para a nosa economía, e sempre coa sustentabilidade medioambiental garantida"."

20190416

As Catedrais, de xeito periódico: esquizofrenia catedralicia

   Co valor ambiental e económico, e o movemento ligado ó ciclo anual, xa temos de novo nos medios a ración asegurada de Catedrais. A máis, nesta primavera, hai novidades. Despois da morte dunha visitante por impacto ó desprenderse unha rocha do teito dunha cova, a prohibición de recorrer o alto do cantil, o alucinante dos carteis cravados nas rochas que teñen que protexer, o horario limitado dos vixiantes que permite facer visitas fóra do mesmo, os anuncios nas redes lembrando que hai xeito de evitar a limitación de número de visitantes, a marea que non coincide cando quixera a xente que ven (ou sinxelamente, que non lles cadra que exista), a pretensión de C's de lembrar a España que Lugo ten mar (debe ser que aínda non visitaron as catedrais...) etc, hai que cobrar alento para procurar algún sentido a todo o conxunto.
   Resulta que o plan de especial protección das catedrais está en marcha, despois de liortas varias que aínda saen a relocer coleando de tanto en tanto. E que especifica diversas cousas, esteñamos ou non de acordo, e estase máis ou menos a aplicar (por fases, iso si...) Pero, no medio, a vida continúa, o que ocorre e o que se fai ten consecuencias, e pode crear monstruíños, como aquel clásico goyesco do soño da razón.
   Sobre a morte da visitante, o xulgado zanxou o tema a nivel legal polo momento, pero esas cousas poden volver xurdir en calquera momento, sexa pola apelación do fallo ou pola procura dunha oportunidade política lembrado cousas pasadas. Ou acaso non saía onte mesmo un partido político, a conta da pesca, para lembrarlle 'a toda España' que Lugo ten mar? Apunto o de 'a conto da pesca' porque podería parecer unha base válida, sobre outro tema, pero se mal non lembro, as cotas de pesca seguen un principio de reparto basado en autonomías, e a estrada, citada a raíz da pesca, soporta toda a actividade económica, sendo a pesca, con toda a súa importancia, unha máis das actividades soportadas pola estrada...
   En canto á limitación de prazas de acceso diario, se a xente se informa un mínimo sobre a praia a visitar, chega á limitación. E a pouco máis que indague, chega a como saltarse dita limitación. Sexa de xeito legalizado, por estancia en hotel ou transporte de aluguer ou billete, sexa por horario, de xeito alegal (que non ilegal). Por exemplo, hoxe mesmo 16/04/2019, antes de que o persoal estivera por alí, debeuse poder entrar na praia en marea baixa. De xeito máis oportuno que con pase e a media tarde, sen ese pequeno detalle da marea adversa, e sen a compensación de camiñar polo cantil, a esas horas tamén vixiado. Claro que hai unha semana, nin vixiantes por baixo nin por arriba, para saltar entre as rochas ou por riba dos arcos...
   Polo que parece, o principal inconvinte para visitar as Catedrais estes días non vai ser outro que unha causa natural: a marea. Na España interior iso da marea pode non comprenderse moi ben, a pesar de estudarse na ESO, porque a xente maior non ten por que ter feito a ESO, e quen a fixo puido non ter o rendemento adecuado. E á xente do Mediterráneo, afeita a mareas duns poucos centímetros, tampouco deixa de sorprendelles. Vamos, como case todo nas Catedrais, comezando polos carteis de benvida en plan provisional coa ristra de normas e consellos. Ía poñer cutre en troques de provisional, mais sempre queda a esperanza de que rematarán facéndoo mellor, con máis tempo que supoño que non terían dende a aprobación do plan hai xa anos, en plural. E ós estranxeiros? Pode darse tamén o caso, claro, pero diría que os estranxeiros que se achegan ó monumento natural teñen as cousas máis claras porque prepararon máis a visita.
   Volvendo ó comezo, as Catedrais volverán ser noticia co comezo do verán, por calquera incidente ou trifulca política en calquera momento, pola realización dalgunha película ou serie alí (sen carteis visibles, claro... ou non) máis ben en tempo de poucos turistas, pola reportaxe dalgunha revista ou televisión ou clasificación nalgún lugar competitivo... ou polo impacto económico que está a mover normativa e noticias. Ás veces, será cun comentario acaído, informado, lóxico, e outras, podendo ser tamén informado, serao ó tempo por algo non tan lóxico, nun tempo en que conectar lóxica e noticia non ten por que ser moeda de cambio.

20190411

A praia das Catedrais, atacada por quen tiña que protexela

Case mellor que un  novo escrito, unifico forzas e reproduzo a nota de prensa da Sociedade Galega de Historia Natural que se pode ver na súa web:

Segundo as novas e fotografías publicadas nos medios de comunicación, a Xunta de Galicia está a colocar sinais de perigo de desprendimentos directamente sobre as rochas nos cantís e covas da Praia das Catedrais, espazo declarado Monumento Natural e Zona de Especial Conservación.
A colocación de calquera tipo de cartel ou sinal directamente sobre o elemento que se trata de protexer – sexa éste unha rocha nunha zona de valor xeolóxico ou paisaxístico, un petróglifo, unha mámoa ou unha árbore senlleira – constitúe unha degradación e atentado do elemento do patrimonio natural ou cultural, así como un pésimo exemplo para a cidadanía por parte, precisamente, dun organismo oficial encargado da súa protección.
A acción de taladrar as rochas dos cantís para colocar os carteis constitúe “un deterioro das formacións xeolóxicas”. Polo tanto é unha actividade prohibida polo Artigo 8.2.a. do Plan de conservación do M.N. Praia das Catedrais (Decreto 80/2015):
“A destrución e deterioro das formacións xeolóxicas presentes no espazo, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais”.
Polo devandito, SGHN ven de solicitar á DX do Patrimonio Natural que se proceda de inmediato á retirada dos carteis instalados directamente sobre as rochas e cantís e á súa substitución por outros que respecten a normativa vixente no espazo natural

20190222

O tirón de Ribadeo

Onte pasoume una amigo unha imaxe: as Catedrais como reclamo turístico. Ben, si, ten aparecido moitas veces. Si, mesmo como se usa neste caso.
E, como se usa neste caso? Pois como reclamo para Asturias... Se ata ten aparecido en La Nueva España en ese sentido!
Conste que penso que a imaxe das Catedrais non ten por que ser usada só como reclamo de Ribadeo, ou de Galicia, senón que a pode usar calquera. Pero sen mentir, ben. É dicir, non poden usar a foto das Catedrais como imaxe reclamo para anunciar unha viaxe a Asturias. Si se pode para dicir que bonito planeta temos e como nolo estamos a cargar.
E, mentres, que fai o goberno municipal? Pois ó mellor non se enterou, mais noutros casos semellantes, que eu saiba, nada (ao menos, non coñezo que o teña feito, non lle ten dado difusión, e ó non facelo nestes casos e si noutras cousas...) E iso que é un dos bens de Ribadeo con máis valor simbólico, como marca. O meu amigo, en cambio, xa fixo unha reclamación privada para que non usaran mal a imaxe...
Por certo, estiven pensando en poñer a imaxe do cartel co enderezo e todo, pero coido que sería facerlles propaganda aínda por riba: xa sabedes, iso que se está a usar tanto en política: que se fale de min, aínda que sexa mal... Mellor unha foto dun lugar bonito que é de todos e polo tanto, ninguén debe usar mal.

20181211

Ponteando a vixiancia das Catedrais

Ponte da Inmaculada Constitución. Invasión de xente. Nas Catedrais, tamén. Despois de discusións sobre a vixiancia e seguridade entre as autoridades, páxinas web de visitas, contrato de seguridade privada...
Multa? E quen vai poñela?
Non se pode andar por riba da illa? De veras? Que fai logo o camiño que xa se ten formado?

Coido que as fotos amosan unha realidade na que a seguridade privada non está activa en días de abonda afluencia de xente, o mesmo que a páxina web de visitas, mentres non hai disputas entre autoridades e segue no limbo a participación cidadá.
Coido que non se trata de prohibir porque van caer pedras (ou persoas), que seguridade total non hai nunca (non te pode dar un infarto agora mesmo, ou?) pois o coidado da natureza e o sentidiño non son cubertos enchendo papel (e a base de prohibir infantilízase a sociedade), pero menos aínda se  o cubrir o papel non vai acompañado de medidas para o cumprimento do que pon.

20181014

Melloras nas catedrais

Chéganme a través de Suso Fernández as fotos que acompaño. Tamén video, pero coido máis interesante o coller a esencia que o distraerse con imaxes cambiantes.
 As melloras que se observan son evidentes: total liberdade de andanzas, total inconsciencia, sen necesidade de pases nin peticións, seguridade máxima, natureza solitaria, coidado do entorno...

 Corresponden as fotos a esta ponte que aínda non acabou, e coido que cuestionan calquera mellora do "plan" que tanta tinta levou nos medios e tan pouca posibilidade de participación real deixou.


 Ó mellor resulta que o desgraciado accidente do pasado ano animou a que o turismo de aventura se apoderase deste entorno. que conste que penso que, se foran unha ou tres persoas as que accederan con coñecemento, sería unha gozada aganchar polas penas e desfrutar da natureza. Mais a cantidade cambia a calidade, e sobre todo, os efectos, e a bo seguro boa parte das persoas que se ven no alto subiron  por un sentimento parello a que 'as catedrais non teñen outra cousa que ofrecer'.
 De pouco importa a posible perigosidade asociada máis que ó propio terreo á inconsciencia e á falta de coñecemento: Mira, subiu alguen! que haberá alí arriba? Vou!
 Privatización do espazo,normas con miras economicistas, pensando só no presente, falta de participación, mando e ordenación dende o poder e en conflito con outros poderes, liortas Xunta - Concello, falta de información e máis aínda de educación e civismo, únense para que se acumulen pedras con lembranzas que queren competir coa natureza, que se desfaga a paisaxe ou se esquilmen mexillóns ou percebes, para que non se considere e se despreze un espazo común, natural, belo a máis fonte de estímulo económico de toda a zona.
Melloras nas catedrais? Coido que pasan por mellorar as institucións que se encargan, a xente que as xestion e os políticos que deciden, e a información e educación da xente en xeral, pois todos somos visitantes potenciais das catedrais, e a este paso, non fará falta que se caia un arco para deixar de consideralas unha marabilla e pasar a velas como un territorio conquistado máis.
Moito se leva dito sobre as catedrais. Que os feitos non correspondan en calidade e cantidade está relacionado coas cousas arriba expostas. Cousas como participación, educación, responsabilidade de visitantes e responsables (que si, que responsable está relacionado con responsabilidade)... cousas lóxicas pero que parecen arrumbadas en favor das fotos nas inauguracións, a diversión automática ou o 'que o fagan eles, que para iso están roubando /lles pagamos.

20180518

Sentidiño nas catedrais


Co funcionamento actual da protección social cando non ataca ós intereses do poder nin necesita inversión, entraba dentro da lóxica que chegara o que está a pasar: as Catedrais, cerradas.  Si, non están cerradas de todos, senón o cantil e algunha cova. Pero non o están por protección da natureza nin dos humanos (aínda que poda parecelo), senón para evitar problemas á administración. Por outra banda, a asociación de comerciantes aínda pedía esta mesma semana máis pases, esta vez para restaurantes, e agora advirte sobre os efectos para o verán. Tampouco neste caso a protección da natureza nin dos humanos parece ser o obxectivo, senón a economía dos establecementos ribadenses. O concello amosa preocupación nun tema, o das Catedrais, no que pedía protagonismo hai non moito tempo. No pobo, cada quen, dun xeito máis calado un máis vocingleiro, da a súa receita. E, mentres, os papeis dos estudos feitos tarde, coa interpretación político-económica que conviu e aínda sen aplicar en parte, parecen ser ignorados ante a premura dun feito que é tratado implícitamente neles, pero só dese xeito, implícito.
Houbo algún debate serio sobre as catedrais? Si, presentouse o estudo do plan especial, pero o mero feito de non terse presentado alegacións coido que xa indica algo. E, mentres, xa temos o problema aquí.
Nun aparte, dicir que persoalmente coido que o permitir o paso de miles de persoas é unha desprotección, e o cerrar as covas unha sobreprotección. No primeiro caso, desprotección da natureza. No segundo, sobreprotección da administración. As Catedrais non son a Gran Vía madrileña, coido que está claro. E permitir o paso dunha morea de xente non protexe o cantil, así como o peche dalgunha cova do cantil non protexe á xente que se mete noutra cova. Pero, a medida xa está tomada (de xeito provisorio, aínda antes de que sexa permitido) e o debate segue sen darse.

20180516

A nova directiva de ACISA

A nova directiva de ACISA comeza a moverse. Onte mantiveron unha xuntanza cos representantes do PP no concello e na zona, para facer peticións. Coido que a orde de xuntanzas dunha entidade marca en certo xeito o que son as sús preferencias, a folla de ruta para chegar ós seus obxectivos.
Neste caso, ademais, a nova chega acompañada das súas peticións, bolsas de papel para os comercios e restaurantes (para as sobras) e pases para as Catedrais para estes. Cando se fai un contrato, búscanse contrapartidas, mais neste caso, a prensa fala só de peticións, as expostas, sen contrapartida máis que o anuncio de Ribadeo. Nembargantes, coido que máis aló da subvención 'encuberta' que poden representar as bolsas, os pases para as Catedrais representan, de non cambiar o método actual, un maior descontrol das entradas por inflación da oferta, co que iso leva consigo.
A nova directiva, elixida in extremis, está formada por:

Francisco Miguel Iriarte Quintana (Gráficas Ribadeo, destacada por ACISA no 2013) Presidente -foino asemade en dúas ocasións anteriores-
Juan Antonio Fernández Andina (R23) Vicepresidente -continúa-
María Antonia López Lens (Xeito Decoración), Secretaria
Manuela Torviso Pérez (Mercería Torviso), Tesoureira -foino os dez últimos anos-
Vogais:
Diego Valcarce Behague (Folder)
Eladio Valerio Fernández (Sweet Monkey)
José Antonio Lombardero Bellón (Bar Queimada)
Rocío Pertejo Vispo (O Indiano)
Ramón Loredo Fernández (Hotel Mediante)
Leopoldo Trenor López (La Floristería)
Carmen Cruzado Iglesias (Faro Norte Comunicación)
Roberto Rivas Tomé (Restaurante Marinero) -foi presidente no seu momento-
David Martínez Martínez (Hola Ola) -Presidente os dous últimos anos-
Sen esquecer ó xerente, cargo administrativo, Jesús Pérez.
Non repiten da anterior directiva Emma Álvarez, Manuel Vázquez (El Farero) e Rocío Martínez.
Presidencias anteriores, dende 2008:
Presidente en 2008: Gervasio Cao.
A directiva do 2010 estaba presidida  tamén por Francisco Iriarte.
Presidente en 2014: Roberto Ramos Piñeiro.
Presidente en 2016: David Martínez.
As fotos da xuntanza co PP:

20180420

A nova da semana? As Catedrais, claro!


Cando se move algo nas catedrais, as miradas apuntan cara ó areal dos arcos. E é que aínda que a participación non sexa fomentada (pedida si, pero non articulada), a conversión dos arcos en icono de Ribadeo  leva consigo esa desviación de miradas cando o icono se ve afectado.
Hai tempo que se sabe e se ten publicado (a última de xeito oficial, no PEC) sobre os efectos negativos que o paso de milleiros de persoas ten sobre a capa límite na beira superior das catedrais. Tivo que ser un desprendemento mortal no interior dunha cova o que 'animara' a decretar a prohibición de paso pola zona. Agora, non sei se farán unha pasarela elevada para permitir vexetación en baixo dela ou non, pero a aceleración de efectos erosivos debido á desaparición da capa de manto vexetal na beira do cantil terá efectos ata que a zona se veña abaixo... Ou sexa, un efecto non só actual, senón tamén 'en diferido'.
A nota de prensa do concello:
BARCIA AGARDA MAIS INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN NO AREAL
Novas medidas nas Catedrais
18/04/2018
O Concello mantén un diálogo fluído e aberto coa Xunta de Galicia para que a praia de As Catedrais siga a ser visitable, pero sobre todo para que siga a ser un lugar seguro. Ao alcalde ribadense, Fernando Suárez, parécenlle ben as últimas medidas informativas, recomendatorias e prohibitivas que está a implantar a Xunta no areal.
O alcalde ribadense declarou que "estamos a manter un diálogo fluído, sincero e aberto para que o areal siga a ser visitable pero, por riba disto, siga sendo seguro".
Suárez Barcia lembrou que "este entorno está cualificado como monumento natural, e espazo protexido da Rede Natura 2000, polo que a conservación, a xestión e a planificación son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Máis con todo, como sempre dixemos, queremos colaborar e estamos a facelo para promover unha xestión racional deste espazo, tanto do monumento natural en si como do ámbito adxacente da súa contorna".
O rexedor sinalou que "neste senso estas medidas informativas, recomendatorias e nalgúns casos prohibitivas parécennos ben porque son adoptadas precisamente para iso, para que siga a ser visitable pero que sexa o máis seguro posible dentro do que é un espazo natural tan singular como este".
Fernando Suárez confía "en seguir traballando con esta disposición como o estamos a facer entre a Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente e máis o Concello, e confiamos tamén que en vindeiras datas poidamos seguir avanzando na implementación de medidas e na aprobación de instrumentos de ordenación para lograr que As Catedrais sigan a ser un lugar que nos enorgulleza a todos e a todas".

20180404

Mirando para outro lugar

Mentras se van vendo as manobras diversas sobre as Catedrais -onte, xuntanza en Santiago, e nota de prensa segundo o concello-, abonda unha mirada ó noso arredor para ver que a vida segue e que as Catedrais son importantes, pero non o único que manter en Ribadeo. Antonte tomaba estas dúas fotos, que dan unha ide doa estado dunha casa (rúa Bós Aires) que conforma a base dunha vista á ría abondo concorrida (baixada ó Auditorio Hernán Naval).






20180402

Revisitando As Catedrais na documentación xa aprobada

    Un artigo en Facendo Camiño (o blog de Iván Rodríguez Lombardero) lévame a lembrar algo semellante, moito menos elaborado e moito menos extenso, sobre As Catedrais, que fixera no blog hai xa tempo.
    Non me refiro ó parágrafo "O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitats naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello" publicado en decembro en 'Perigos nas Catedrais', nin á testemuña de 'Unha volta polas catedrais', nin tampouco á evidencia de que os números previstos pola Xunto son papel mollado ('Tódolos días, agás un') ou que o descontrol é algo evidente ('Habitudes', 'Domingo nas Catedrais'), senón máis ben ás cousas sobre o deterioro  debido ás cantidades de xente (Tres fotos das Catedrais), Mirando os números das Catedrais ou 'Os turistas poden, os de Ribadeo non', precedidos de advertencias sobre os tres niveis de impacto contemplados para o cálculo de visitantes.
    Agora, Facendo camiño fai unha lectura detida sobre os cálculos que levaron ó número máxico e incumprido de visitantes, e recomendo a súa lectura. Non, non explica que se caigan pedras, proceso natural incrementado despois dunha época de chuvia nunha zona agredida de diversos xeitos, pero si da unha boa idea da liviandade do tratamento xeral que se ten dado ás Catedrais.
    Por certo, hai outro artigo do blog, 'Cando as as barbas do teu viciño...' que tampouco viría mal repasar, despois de constatar que trans un primeiro momento vanse superpoñendo capas de discusión que sepultan a morte debaixo dunha 'causa inicial'.
    Noutra orde de cousas, despois dun primeiro momento de mangaconombro, hoxe a conselleira xa dixo pola radio que non era responsabilidade súa... e que era un proceso natural en todo o Cantábrico. coido que en ambas cousas se equivocaba: nunha, por incumbencia contractual, se non legal directamente, e noutra, porque se As Catedrais fora igual que todo o Cantábrico, non habería unha soa praia das Catedrais, senón múltiples...
--
    O artigo de Facendo Camiño:

Revisión crítica do estudo da capacidade de acollida do MN As Catedrais.

O estudo da capacidade de acollida do Monumento Natural de As Catedrais, contido no Anexo III do Decreto polo que se amproba o seu Plan de Conservación, é a base que sustenta a limitación do acceso á praia en 4.812 persoas/día. O estudo, criticado xa polo xeógrafo Vidal Romaní en datas precedentes, contén un bo número de incongruencias que deben levar a desbotar a súa validez a eses efectos. Preténdese neste artigo analizalo co detemento preciso.
O estudo baséase na proposta de Cifuentes (1992) para espazos protexidos de Latinoamérica, modificada por Gómez-Limón García, J. y García Ventura, D. (2014) para adaptala ás singularidades de diferentes parques nacionais do territorio español. Trata de establecer un límite ó número de persoas que pode visitar un espazo sen prexudicar de xeito significativo o mesmo e mantendo unha experiencia turística de calidade.
O método diferencia a capacidade de acollida física (CAF) que ven a indicar a xente que colle no espazo da capacidade de acollida ecolóxica (CAE) que serve para limitar esa cantidade en función do impacto no ecosistema.
Capacidade de Acollida Física
A CAF calcúlase multiplicando as personas que collen na superficie do Monumento polas quendas que poden entrar nel nun día. Calcúlase a xente que colle medindo a superficie media do areal (estímase unha superficie media en marea baixa de 50.000 m2) e nas zonas visitables da zona superior (sendeiros internos do Monumento Natural (2.000 m2), restaurante (2.200 m2), aparcadoiro (1.750 m2) e merendeiro (1.700 m2). A superficie total visitable suma 57.600 m2.
Obsérvase que o estudo suma a superficie fóra da praia á do areal, cando a limitación de acceso está a aplicarse só para o areal.
Para definir o espazo que precisa cada persoa téñense en conta 3 posibilidades: un criterio de uso intensivo (5 m2/visitante), medio (10 m2/visitante) ou baixo (25 m2/visitante). Un espazo protexido de pequena dimensión e un enorme atractivo natural debera optarse polo estándar máis baixo (aínda que ter unha persoa a 5 metros de distancia todo o tempo tampouco semella ser un uso baixo).
O estudo opta, sen máis xustificación, por un criterio de uso medio. Obtemos dese xeito un dato de partida de 5.000 persoas na praia e 700 fóra dela, un total de 5.700 persoas simultáneamente no Monumento Natural.
A continuación o estudo calcula cantas quendas de visita collen no monumento, para o que divide as horas nas que a praia é visitable (estima 4 horas diarias) polo tempo necesario para visitala (estima 1,5 horas). Para a zona superior establécese unha dispoñibilidade de 12 horas e tamén 1,5 horas por visita a esta zona). O resultado son 2,66 quendas de visita á praia e 8 quendas de visita á zona superior.
Multiplicando a xente que colle simultáneamente polo número de quendas o autor obtén unha CAF de 19.420 visitantes diarios (13.300 na praia e 6.120 fóra dela).
De terse empregado o criterio de ocupación baixa, o resultado sería de 7.768 persoas, delas 5.320 na praia.
Capacidade de acollida ecolóxica (CAE)
A CAE tenta de determinar o número máximo de persoas por encima do cal comezan a aparecer impactos críticos e/o irreversibles ca dinámica natural dos ecosistemas non pode restaurar, tendo en conta aspectos como a resiliencia dos sistemas afectados ou limiar de cambio aceptable (LCA).
A calquera persoa mínimamente formada no eido ambiental non se lle escapará a complexidade da valoración apriorística da resposta dun ecosistema á acción humana: calquera modelo que pretenda facelo suporá unha enorme simplificación. Neste caso a capacidade de acollida ecolóxica estímase multiplicando a capacidade física antes calculada por coeficientes redutores en forma de porcentaxes -os factores de correción- que consideran, din as autoras, variables físicas, ambientais, biolóxicas e de manexo.
Os factores empregados para identificar aqueles impactos críticos que poidan supoñer restriccións totais ou parciais do uso público, así como plantexar medidas correctoras naqueles casos nos que os impactos sexan moderados e/ou reversibles, son os seguintes:
  • a) Factor de erosividade (FCero)
Estima a proporción da superficie do monumento natural que presenta riscos de erosión en función da pendente e do comportamento das visitantes. Considera que pendentes por baixo do 10% presentan risco 0, entre 10 e 20 risco 1 e superior a 20 risco 1,5, polo que multiplica eses valores pola proporción de superficie neses intervalos de pendente obtendo un coeficiente de 0,66. Este valor mutiplícase pola CAF reducindo o seu valor a un 66% do orixinal.
O cálculo do factor non está descrito nin xustificado axeitadamente no documento. Fálase de diferentes tipos de substrato que non son tidos en conta. Desbótase a erosión nas zonas de baixa pendente cando é precisamente nestas zonas sobre os cantís onde máis erosión aparece. Dáse o máximo valor ás fortes pendentes cando son rochosas e nelas non hai circulación de visitantes. En definitiva, substitúen a erosividade pola pendente do terreo.
  • b) Factor de marea (Fcmar) (só de aplicación na zona do areal)
A influencia da marea considérase como limitante do espazo na praia, considerándose no cálculo só as épocas de elevada demanda (Semana Santa e verán). Enténdese que hai 8 horas non aproveitables cada día das -segundo Meteogalicia- 14,03 horas de luz medias, obténdose unha proporción de tempo aproveitable do 0,43.
Lonxe de ser un factor ecolóxico, trátase dun axuste da superficie antes calculada para a marea baixa, reducindo a extensión media durante o horario de visitas a unha cifra inferior á metade do máximo.
  • c) Factor de precipitación (FCpre)
A precipitación considérase un factor nos casos en que a choiva é superior a 4mm diarios. A proporción de días sen eses niveis de precipitación na estación da escola Pedro Murias nos días de Semana Santa e verán, é de 0,87.
Non é tampouco un criterio ecolóxico senón un condicionante turístico.
  • d) Factor de superficie disponible (Fcsup) (só para a parte superior do Monumento)
Estímase para axustar a superficie efectiva á visitable, mediante un cociente entre a extensión das zonas de acceso público e a superficie total do Monumento fóra do areal. Ten un valor de 0,79.
Coeficiente redundante, dado que a superficie empregada nos cálculos excluía xa a zona non visitable.
  • e) Factor de vegetación (FCvex)
As autoras recoñecen a degradación actual da vexetación, pero entenden que unha vez implementado o Plan de Conservación os efectos non serán significativos sobre a vexetación protexida, e consideran que tampouco o serán sobre a que non o está. Non se calcula coeficiente reductor debido á vulnerabilidade da vexetación ó pisoteo, o que supón na práctica un coeficiente de 1 (ausencia de vulnerabilidade).
Sorprende que no mesmo apartado se comece admitindo un impacto actual importante e se remate coa insignificacia do mesmo. Enténdese polas autoras que grazas a unhas pasarelas que non existen non haberá pisoteo e tampouco impacto.
  • f) Factor de fauna (FCfau)
Análogamente ó caso da vexetación, enténdese que non é significativo o impacto sobre a fauna, polo que se aplica un coeficiente de 1.
Sorprende o desprezo das responsables do estudo pola análise da degradación da vexetación e da fauna nun espazo protexido tamén polos seus valores ecolóxicos e non só xeolóxicos, e sometido á maior presencia de visitantes de toda Galicia.
  • g) Factor de impactos derivados del comportamiento de las personas visitantes (FCvis)
Remata a lista de coeficientes empregados cun factor que valora a proporción de "días de non aplicación de limitacións pola escasa afluencia" (todo ano excepto Semana Santa máis 3 meses no verán) fronte ó total de días, obténdose unha proporción de 0,72.
Trátase dun coeficiente que propón unha redución da cantidade diaria de visitantes proporcional ós días sen limitación no ano. É dicir, que se a limitación de acceso fóse aplicada todos os días o coeficiente sería 0 e non podería pasar ninguén ó Monumento Natural.
Finalmente, a CAE estímase multiplicando ós valores iniciais de Capacidade de Acollida Física por estes coeficientes, excluíndo -de acordo co texto- para a zona do areal os de "erosión" e "superficie" e para a zona superior o "coeficiente de marea".
Dese xeito, para a zona do areal obtéñense, para o criterio de ocupación medio finalmente adoptado:
CAE areal = 13.300 visitantes/día x (0,43 x 0,87 x 0,72) = 13.300 x 0,21 = 2.792 visitantes/día
CAE zona superior = 6.120 visitantes/día x (0,66 x 0,43 x 0,87 x 0,72) = 6.120 x 0,33 = 2.020 visitantes/día
A suma desas cantidades é a que da o total de 4.812 persoas diarias que está a aplicarse na actualidade.
Conclusións
  • Sorprende saber que o modelo empregado pola Consellería establece un máximo de 2.792 visitantes diarias para a praia, admitíndose as restantes 2.020 visitantes no resto do espazo protexido. Porén, na actualidade a suma total está a empregarse como límite para o acceso ó areal, non estando implementada 3 anos despois limitación alguna ó respecto da zona superior.
  • Sorprende tamén que eses valores sexan produto dun erro, xa que a multiplicación dos tres coeficientes de aplicación á praia dá 0,27 e non 0,21. O 0,21 xorde de multiplicar ese 0,27 polo coeficiente de superficie 0,79, é dicir, débese a ter aplicado ó areal un coeficiente que o propio texto di que é de aplicación só na zona superior. De aplicarse o valor correcto de 0,27, a capacidade de carga resultante para a praia sería de 3.591 persoas diarias.
  • Finalmente, de aplicarse un criterio que priorice a conservación como é "de lei" nun espazo protexido habería que optar polo criterio de ocupación baixo, é dicir, polo CAF de 5.320 para a praia e 2.448 para o resto do Monumento Natural. Nese caso os valores obtidos para a Capacidade de Acollida Ecolóxica serían: CAE praia = 5.320 x 0,27 = 1436 visitantes/día, e CAE zona superior = 2448 x 0,33 = 800 visitantes/día*
  • En todo caso, a realidade é que os coeficientes de erosión, de superficie e de comportamento dos visitantes empregados, como pode deducirse deste somero análise, carecen de calquera rigor, servindo únicamente para reducir o valor físico inicialmente calculado a unha cifra que se considerou aceptable. Deben ser substituídos por unha análise rigorosa da capacidade de acollida e resiliencia dos ecosistemas presentes no Monumento Natural.
* De aquí xorde probablemente a cifra que propón Vidal Romaní para o acceso ós cantís.
NOTA FINAL: En definitiva, estes números non teñen en conta consideración ecolóxica algunha e non se poden considerar máis ca un axuste arbitrario dunha CAF arbitraria, e en nengún caso unha avaliación da Capacidade de Acollida Ecolóxica, xa que a ese respecto nin se analiza a degradación dos ecosistemas, nin a resiliencia das formacións, nin se aplicaron estudos sobre impactos do recreo na vexetación ou na fauna realizados noutras contornas similares a este espazo.

20180401

Unha pedra e una crise

Non, non esquezo á morta. Pero aínda non hai moito que en relación ó novo plan para as catedrais lamentaba que só cando xa tiña sido aprobado de xeito inmediato ó non presentarse alegacións, houbera alguén que, de como loita da chamada política, criticaba algunha cousa (no blog foron analizadas con tempo abondo en tres veces as primeiras páxinas, pero non tiven tempo a máis)
Agora falarase durante un tempo da probe muller á que se expresan condolencias por onde queira que se mire, e os culpables son os demais (Sexa a titular, a Xunta, Costas como administración estatal ou co concello por estar onde está). Porque iso é importante: son os demais os que teñen que solucionalo. Non os nosos votos, as nosas protestas (iso de protestar para mellorar antes de vese pero que moi mal, aínda que sexa para defender o de todos) ou en xeral a nosa contribución.
Aspecto da entrada ás Catedrais o 20180331 á tarde.
Como a memoria é maleable, en troques de lembrar se fixemos ou non algo polas Catedrais antes de agora (si, por esa 'marabilla da natureza e galiña dos ovos de ouro') podemos revisar que estamos a facer por cousas actuais, sexa o cambio climático ou a reconversión da illa Pancha. Coido que será máis fiable que que lembranzas pasadas nas que nos mesmos, como está demostrado, nos contamos e nos creemos batalliñas nas que somos 'a caraba'.
Deixar para outro momento o impacto que vai ter en Ribadeo o feito que xa tivo o seu principal impacto coa morte dunha persoa, tampouco creo que sexa moi boa idea: a xestión da crise vai determinar a saída dela. E como se ve na foto, a xestión non da moi boa impresión: unhas cintas doadas de sortear e ningún aviso nun momento no que había uns 50 coches nos aparcamentos, máis a apertura dun telediario coa nova dunha 'morte nas Catedrais' non parece ser a mellor maneira de tratar o tema. Nin tentar tutelar á xente como críos pequenos, sen responsabilidade, prohibindo a entrada nas covas, pasando do 'nada' de aviso nin preparación ó 'todo' prohibido.
--
Nota de prensa do concello
De cando caeu un arco nas illas.

20180116

Dous casos


Quédome a pensar sobre dous casos diferentes de convocatorias feitas en Ribadeo: a de subvencións do ARI (convocatoria de Ribadeo e Rinlo) e a de alegacións ó Plan Especial das catedrais.
O motivo é sinxelo: A do ARI remata a fin de mes e mereceu unha lembranza, a dúas semanas do final, para que se aproveitara. O prazo total durará algo máis de 30 días (comezou a finais de decembro), abondo curto para presentar documentos elaborados que hai que encargar, para beneficio, principalmente, propio.
A do PEC, se non fixen mal as contas, remata hoxe, e non foi avisada no seu remate. Os documentos a presentar teñen que basarse nun documento previo de máis de 300 páxinas, o propio Plan, e o prazo foi de dous meses. Neste caso, o documento pódese encargar, pero a base está no que poda facer a propia persoa alegante, para beneficio prinicipalmente, xeral.
No caso ARI, a nota do concello di claramente que non se presentou polo momento ningunha proposta. No caso Catedrais non se ten idea de como vai a cousa.

20180111

Alguén se lembra das Catedrais?

Das Catedrais? Refírome non para empregalas como arma arroxadiza nin como galiña dos ovos de ouro, senón para reflexionar sobre o seu futuro, por exemplo estimando o plan especial, vendo os seus entresixos... En principio, o tempo de alegacións remata a próxima semana, e polo que parece, o coñecemento do plan é máis ben escaso ou nulo, preferindo na práctica o seu uso sen máis (e polo tanto, potencial abuso), sen pulsar as consecuencias, que o estudo do uso adecuado.
Non de outro xeito se pode interpretar que mentras que non xurdiron novas sobre alegacións ou simples comentarios, aínda onte na prensa un grupo político inclúa as catedrais no resume anual só como sona para Ribadeo, 'coma sempre'.
E é que, se Ribadeo e o mundo cambia, as Catedrais tamén. E boa parte do seu cambio, para ben ou para mal, responde á nosa actuación.
Certo que o plan é farragoso para ler, con múltiples leis e normas de referencia, ás que ás veces alude con citas e outras de xeito xenérico, incluíndo partes onde a xente non iniciada está, sinxelamente, perdida (ver ilustración abaixo sobre as cores de uso)
Táboa na p.49 do documento, sen compañía visual das cores ás que se refire
Aínda así, só a modo de curiosidade nunha ollada rápida, o plan redactado presenta sorpresas que incitan á súa letura. Por exemplo, un resume do orzamento do concello do ano 2015 como non pareceu ata o momento en ningún documento que eu vira (p.57-58) e que copio abaixo:

Ou os prazos previstos dentro das propostas do propio plan, xunto cos seus custes anuais:

Que o desfrutes!
--
O anterior.
E o anterior máis.

20171218

Perigos nas Catedrais


Despois de da Mancomunidade ás Catedrais, aínda quedan preto de 300 páxinas máis a comentar do Plan Especial de As catedrais.
O ultimo que ocmentei foi que recoñecía o risco da elevación do mar polo cambio climático, pero máis aínda o risco para a conservación derivado da aglomeración de xente (p.14, punto 4.6). Na mesma páxina prodúcese unha especie de esquizofrenia de concellos. Un par de lexislaturas despois e recoñecer que é necesario reducir o número de concellos en España, parece que séguese a loitar sen cuartel entre concellos veciños como indica que falando de transportes, se enumere para o tren non só o apeadoiro de Esteiro, senón tamén o dos Castros, pero non o de Reinante, no concello veciño. Faise nun marco no que se indica o baixo uso do transporte público (incluído autobús subvencionado que ademáis facilita a entrada polo seu mero uso, aínda que iso non se cite no documento), e no que se di que hai un aumento de transportes alternativos, referíndose ó uso testemuñal da bicicleta ou mesmo o bipedismo da xente do Camiño de Santiago. Enumera tamén na mesma páxina que na actualidade son 330 prazas de aparcamento de turismo e 14 de autobús as que hai en aparcamentos decentes, e esta vez si, incluído Reinante.
Na páxina seguinte, outra pequena sorpresa, pois entendo que non contempla na actualidade máis que un acceso, quedando o acceso oeste (o principal) como único, a máis de 'en marea baixa', o acceso directo dende Esteiro. E, como calquera sabe, moita area ten que haber e boa marea para poder facer ese paso sen mollarse.
Nesa mesma páxina, a 15, no punto 4.8, cartelería, fala doutra cousa que debera estar subsanada: a disposición de carteis informativos sobre o propio cantil.
E, un pouco máis abaixo, (4.10.2), descobre que a licenza de hostalería foi dada polo concello de xeito posterior ó establecemento da Rede Natura 2000 (aínda que tiña un permiso previo da Xunta) e que nos terreos de uso do local faise emprego de varias especies de plantas invasoras. Recoñecemento que parece que non implica en absoluto ningunha actuación de oficio.
Por último para esa mesma páxina, tamén fala das leis 42/2007 e a súa reforma pola 33/2015, que, referíndose ós monumentos naturais (como o caso das Catedrais) fala das actividades incompatibles, sempre e cando non quede recollida a actividade correspondente nas normas de declaración ou xestión, o que non é o caso. O mesmo que no parágrafo anterior, parece non ter consecuencias de oficio.
O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitas naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello.
É evidente que as suaves indicacións á acción que deixa caer o plan pola mera constatación de datos necesitan resposta, pero de non ter un poder 'absoluto' (refírome a casos somo o cambio exprés da constitución), as cousas do pazo van despazo...
Na páxina 17, punto 5.1.3 fala de transformar visitantes en turistas. Que quede claro que o documento non é precisamente ambientalista, senón pragmático. No mesmo sentido cabe interpretar que non se contemple un novo apeadoiro, senón o traslado do de esteiro, coido que en contradición con novas de prensa nas que se lle pide a Adif  (RENFE-FEVe infraestruturas) precisamente iso, unha estación nas catedrais. Ou cando fala da captación de financiamento, insinuando a 'colaboración' público-privada, moi en consoancia cos tempos actuais. Outra cousa diferente no mesmo punto é que xa se esqueza da poboación cando fala dun 'marco de colaboración' administración-axentes implicados uníndoo á sostibilidade do éxito turístico das catedrais (lembremos o xa comentado da p.9).
Páxina inicial do punto 5.1.3
O dito, continuará.
--
Contiuou aquí.

20171211

Da Mancomunidade ás Catedrais

Na resaca da ponte da Inmaculada Constitución pasada por auga, despois dun mercado de Nadal que supoño que este ano non se cualificará de exitos pola temperie, aínda coas luces de Nadal xa avisando que está aí a nova festa consumista, a vida segue. E así, a Mancomunidade de Concellos da Mariña terá outra xuntanza, esta vez en Ribadeo, hoxe, ás oito e media, hora dos plenos, na que é previsible que se traten diversos problemas comúns, como os relacionados co tren ou co enfrontamento coa velutina, nos que imos perdendo, e Ribadeo é dos principais afectados. E así, segue o transcurso do tempo co Plan Especial das Catedrais xa perdido no limbo, unha vez presentado no auditorio e correndo os dous meses -ata o 16 de xaneiro- o prazo para a presentación de alegación (por certo, o mínimo período legal).
O certo é que as máis de 300 páxinas do plan asustan, e hai que lelas pouco a pouco. Os pasados días foron para min unha oportunidade para comezar e ver que na páxina 11 trata a ondada cun sentido neto de transporte litoral cara ó leste (cando hai variacións  que o mandan tamén temporalmente cara ó oeste), que recoñece como riscos a elevación do nivel do mar e tamén, no parágrafo seguinte, o risco de agomeración de xente, como se ambos foran equiparables e equitratables (punto 4.6, p. 14). Ou que na p. 9 fala de deseñar unha estratexia de participación pública na procura da complicidade da cidadanía... para sacar adiante o plan especial que xa se ten nas mans. ou, na mesma páxina, fala de 'Resolver a equidistribución de cargas e beneficios' e de 'recuperación das plusvalías xeradas para o municipio', que no conxunto parece pódense traducir a linguaxe común como concentración dos beneficios e desfacerse das cargas: aí está o sacar os vendedores ambulantes do lugar e o unilo coa vila, onde si hai comercio fixo e con influencia na espera de clientes. Seguirá.
--
Seguiu aquí.

20171124

As catedrais e a illa Pancha, entre outras cousas

Foi a presentación do plan especial das catedrais. Cargo algunha foto de Suso Fernández, a intervención de Evaristo Lombardero e un artículo posterior do mesmo (en dous formatos), a intervención de José A. Salvatierra, un comentario de Covadonga Suárez ...
A pregunta de Evaristo:
A pregunta de José A. Salvatierra:
Un comentario: "formulou unha pregunta para coñecer o porqué da diferencia de criterio en canto á protección da illa Pancha, entre os xestos de fastidio do alcalde, que tivo que ouvir o que este grupo pensa en público e en directo. A resposta, evasiva, porque non recoñece a súa competencia nin a súaresponsabilidade nas decisións tomadas ó respecto, propón, como solución ó que non lle guste, recorrer a alegacións ou a contenciosos administrativos."
O artigo:
 PLAN DE PROTECCION DAS CATEDRAIS
Dende o 16.XI.17 está colgado na páxina web do concello o documento “Plan Especial de Protección das Catedrais”. O documento ten 305 páxinas e ábrese un período de exposición pública de dous meses. O día 21 fíxose una presentación no auditorio polo Sr. Alcalde e os técnicos redactores. Imos espoñer moi brevemente as primeiras impresións.
1.- O documento e ás propostas (agás na número 6) teñen nunha relación tanxencial ca protección do medio ambiente. Non se concretan os elementos a protexer nen os indicadores obxectivos do deterioro. Consecuentemente non se fai unha mínima estimación da evolución anterior e futura destes indicadores. Nesto concorda cos documentos da Xunta de Galicia.
2.- O chamado “Plan de Protección” non pasa de ser unha ordenación urbanística, con fins puramente turísticos e publicitarios, cousa que tampouco se disimula. O turismo masivo non se cuestiona, nen tan sequera existe unha compoñente educativa. En realidade implícitamente dase por bo e semella que se estimula.
3.- A participación veciñal é nula, como se pode desprender de varios feitos:
a) Non houbo nengunha presentación ou debate previo dos obxectivos nen dos contidos do plan. Téñase en conta que van tres anos dende a adxudicación do proxecto aos grupos redactores.
b) O tempo transcurrido entre a publicación do documento e a presentación no auditorio foi de cinco días. Folga suliñar que se trata dun documento complexo de 305 páxinas.
c) A participación veciñal no futuro non forma parte do proxecto, nen se insinúa en nengunha intervención do Sr. Alcalde.
d) Anque éste é un tema colateral, na presentación non se puido explicar a coherencia entre o plan e os condicionantes económicos. Por non informar, non se puido nen concretar o custe estimado das expropiacions.
e) Respecto ao periodo de alegacións apelamos a experiencias anteriores. O Sr. Alcalde nunca resposta a nada. Nen no PXOM, nen no PEPRICH, nen infinidade de preguntas por escrito de diferentes grupos, nen mesmo nos plenos municipais. No mellor dos casos pódense atopar evasivas, desculpas ou saídas pola tanxente.
Esto é o que hai.
Evaristo Lombardero Rico