20201201

Praia de 'As Catedrais'

No primeiro termo, o arco afectado polo derrubamento.

   Antes deste, levo feito 73 artigos no blog nos que por algures sae a relucir a praia das catedrais. Hoxe volve ser noticia a conta do desprendemento dunha fronte duns 20 m2 que afecta a parte dun arco, o que ten levantado po con titulares afirmando que un arco se veu abaixo, ou lembrando que Vidal Romaní predí a desaparición das Catedrais en 200 anos.

   Coido que é por esas afirmacións titulares polas que hai que comezar. O que se veu abaixo non foi un arco, senón parte da fronte dun arco. Dos máis famosos, eu diría que precisamente o arco que máis durará.

   En canto a afirmación atribuída en titular a Vidal Romaní, tamén estou de acordo, pero coido que lle falta o contexto. Pois si, en 200 anos, todos calvos, pero antes, tamén: que o conxunto poda tardar tanto tempo en desaparecer na súa totalidade non implica que abondo antes desaparezan as figuras principais, as máis atractivas na actualidade, e sen prexuízo para que se podan formar outras novas que tamén chamen á atención. Pero isto último está por ver, mentres o primeiro é ineludible, e a fisionomía das Catedrais vai cambiar non en 200 anos, senón que o fará xa de xeito apreciable para mediados de século. Aí está o máis saínte dos tres arcos, o máis feble, e o máis exposto tamén. Non sería en absoluto extraordinario que no que me resta de vida tivera desaparecido.

   E agora si, vaiamos ás 'verbas políticas', que rematan tendo máis importancia que as técnicas. Por esa banda, hai moita xente que non comprendemos o fraccionamento administrativo actual, de xeito que as administracións poden botarse pedras unhas ás outras ó tempo que teñen a necesidade de colaborar. Cousas do sistema. Dun sistema que propiciou un 'ambicioso plan' para as Catedrais que xa teño comentado abondo.

   O caso é que as liñas de actuación pasan pola prohibición de achegarse ós cantís e a responsabilidade persoal. A explicación do primeiro ven dada porque se te achegas por abaixo (o que en xeral non está prohibido) é cando tes posibilidades de que che caia unha pedra, claro. E se te achegas por arriba, a máis de que te poidas caer, estarás destruíndo a herba protectora da capa de terra que, á súa vez, protexe a rocha da erosión pola súa parte superior, e, por filtración, no seu interior. Que en troques de prohibición sexa mellor poñer un valado (por pór un exemplo) pode ser discutible en base a criterios de eficacia, impacto na paisaxe ou no medio ambiente, etc. Discusión que sería bo facela cunha base de participantes o máis ampla posible e que nunca chegará ó acordo unánime.

   En canto á responsabilidade persoal, coido que é algo do que trata de fuxir unha sociedade infantilizada, e tamén algo que os políticos usan como patente de exención de responsabilidade propia. A procura dun termo medio, que faga uso da responsabilidade persoal no binomio dereitos / deberes das persoas xunto coa responsabilidade atribuíble ás decisións dos políticos, non é doada. Pasa pola información e a participación, pero o mesmo que ambas cousas non garanten a eficacia do método, tampouco están sendo usadas nun sistema no que a verba 'democracia' separa a soberanía dos representados para outorgarlle o seu uso a uns representantes mediatizados por outros poderes a máis de polos seus propios intereses.

Ningún comentario: