20201229

Progresión do coronavirus en Ribadeo

   Nunha semana, o alcalde leva difundido tres notas de prensa sobre o coronavirus en Ribadeo. En concreto, sobre o brote que afecta ó hospital asilo (non á nova residencia de maiores). Aínda que sobre a orixe circula un rumor insistente, non está recollido nelas, polo que queda como iso, como rumor.

Coa liña de tendencia engadida.

   Á espera de máis novas (é de supoñer que mañá día 30 apareza outra), deixo as novas que recollo na web do concello por orde cronolóxica, tal cal. É dicir, recollendo única e exclusivamente a versión do concello (mesmo sen corrixir posibles erratas):

1.-

Foto Hospital Asilo

POLO MEMENTO QUEDAN SUSPENDIDAS AS VISITAS AO CENTRO

Hospital Asilo de Ribadeo

23/12/2020

Tres residentes do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, de Ribadeo, deron positivo por covid-19, segundo informou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. A detección produciuse dentro dos cribados periódicos que o Sergas realiza nas distintas residencias e centros de maiores. Estas tres persoas atópanse con sintomatoloxía leve e foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela.

O rexedor contou que "tivemos no día de hoxe coñecemento verbal por parte dos responsables do Hospital da Costa de Burela, que dentro dos cribados periódicos que o Servizo Galego de Saúde está facer nas distintas residencias e centros de maiores, producíronse tres positivos de persoas residentes no Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo".

Suárez Barcia dixo que "estas tres persoas, segundo nos indican os responsables da Consellaría de Sanidade, atópanse cunha sintomatoloxía leve e xa foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Por outra banda, infórmasenos de que a totalidade de traballadoras e traballadores do centro están sendo chamados para facer unha nova proba de diagnóstico para estar completamente seguros da situación á que nos temos que enfrontar".

O alcalde subliñou que "entrementres, por parte da dirección do Hospital Asilo xa se activaron de xeito inmediato os plans de continxencia e protocolos previamente establecidos para este tipo de situacións coa fin de controlar esta situación para que non vaia a máis. O funcionamento desta residencia en toda a xestión desta pandemia estivo sendo impecable tanto pola dirección como pola do persoal traballador, usuarios e familiares destes. Sempre se cumpriron todos os estándares fixados polas autoridades Sanitarias competentes, así como tamén neste Centro se foron implementando desde o inicio da crise sanitaria todas as melloras posibles de limpeza e desinfección". 

Fernando Suárez engadiu que "tamén se foi, e se é moi estrito, cos contactos dos residentes cos familiares ou achegados e todos estes posibles contactos nas visitas se fan cumprindo os mais estritos protocolos. E igualmente, o persoal traballador estivo cumprindo cos protocolos establecidos para a correcta actuación. Con todo, e a partires deste mesmo momento, e en tanto a situación non sexa normalizada, suspéndense as visitas aos usuarios e  usuarias do Hospital Asilo por parte de familiares".

Para o alcalde ribadense "débese ser consciente de que nesta situación de crise sanitaria por mor do Covid19 non existe risco cero, aínda que o centro está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal como de medios".

O rexedor engadiu que "ofrecemos toda a transparencia coa información que poidamos saber por nós mesmos ou pola información que as autoridades sanitarias autonómicas nos vaian dando nas vindeiras horas, ao tempo que queremos pedir cautela en comentarios ou rumoroloxía, a fin de evitar situacións de confusión ou malos entendidos. Todo parece indicar que a esta emerxencia sanitaria que dura mais de nove meses, estase traballando arreo con todos os medios e por todas as administracións e nos vindeiros días, previsiblemente na semana que vén,  as vacinas chegarán, empezando precisamente por estes centros residenciais como é o caso do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo".

2.-

Foto hospital asilo

ESTA MAÑÁ FOI REALIZADO UN NOVO CRIBADO NO CENTRO

Novos positivos no hospital asilo

26/12/2020

Rexistrados tres novos positivos por covid19 no Hospital Asilo de Ribadeo. Trátase de dúas usuarias e unha relixiosa. Todas presentan sintomatoloxía leve, segundo o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que "tivemos coñecemento de que ás tres persoas que deron positivas como contaxiadas de Covid19 temos que engadir tres persoas máis nestas últimas horas. Neste caso, dúas usuarias e unha relixiosa. Unha delas foi traslada onte á residencia médica que a Consellaría de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Outra presentou síntomas hoxe á mañá e foi trasladada ao Hospital da Costa para analizar o seu estado. En canto á relixiosa, está mantendo o confinamento total preceptivo para estes casos". 

Suárez Barcia dixo: "cabe destacar que a totalidade das seis persoas positivas, as tres do primeiro día e estas tres últimas, atópanse polo momento con sintomatoloxías leves".

O alcalde contou que "segundo nos manifestan os responsables do Hospital da Costa de Burela, na mañá de hoxe procedeuse a facer un novo cribado xeral para determinar se pode haber algún contaxio máis ou se pola contra a situación permanece estable. Agardan ter os resultados en breve".

Fernando Suárez indicou que "desde o Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, mantéñense os protocolos e plans de continxencia establecidos para estas situacións e con limpezas e precaucións reforzadas para tentar controlar a situación. Reitérase que nesta crise sanitaria por mor da pandemia que estamos a vivir non existe risco cero, aínda que o centro está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal como de medios".

O rexedor ribadense engadiu que "manteremos informada á cidadanía a medida que vaiamos tendo información, ben sabida por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías e situacións de confusión ou malentendidos".

3.-

Foto alcalde Ribadeo

OS USUARIOS PRESENTAN SINTOMATOLOXÍA LEVE

Situación no Hospital Asilo

28/12/2020

Confirmados 8 novos positivos por covid19 no Hospital Asilo de Ribadeo, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. En total son 14 as persoas afectadas polo gromo detectado a pasada semana, 13 usuarios que foron trasladados á residencia do Cegadi en Santiago e unha relixiosa que segue en estrito confinamento en Ribadeo.

O rexedor contou que "este sábado pasado, despois de detectarse novos casos de positivos en Covid19, as autoridades sanitarias fixeron un novo cribado xeral. Os resultados recibidos indican que hai 8 novos casos de positivos confirmados. Trátase de persoas residentes. En canto aos do persoal traballador, todos eles deron negativo. Polo tanto, e aplicando o criterio dos días anteriores, a totalidade dos residentes diagnosticados como positivos xa foron trasladados á Residencia do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) que a Xunta de Galicia ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela, onde tamén se encontran as persoas que xa deron positivo nos días anteriores, facendo un total de 13 persoas alí desprazadas. A esta cifra débeselle sumar a da relixiosa que se mantén en estrito confinamento".

Suárez Barcia dixo: "segundo nos confirman nas últimas horas os responsables do Cegadi, todas as persoas manteñen uns niveis leves de sintomatoloxía. Esta residencia habilitada posúe as características de residencia de maiores co engadido de que dispón de funcionalidades hospitalarias, que o resto de residencias non teñen. Estas mesmas autoridades, tanto as sanitarias do Hospital da Costa como as de Política Social do Cegadi, indican que esta situación actual deriva dunha previa que vai desencadeando un gromo, por canto unha grande parte dos afectados son compañeiros de cuarto de persoas previamente contaxiadas".

O alcalde seguiu a relatar que "tamén nos indican os responsables sanitarios do Hospital da Costa que de cara a mediados de semana farase un novo cribado xeral para comprobar se o gromo se estabiliza ou se pola contra hai novos contaxiados, sen prexuízo de que se poidan realizar novos test de antíxenos de xeito inmediato se algún outro residente mostra síntomas de contaxio antes dese cribado".

Fernando Suárez fixo unha valoración positiva das medidas adoptadas: "valórase polo tanto como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se valora moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Centro Galego de Desenvolvemento Integral por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro é que os afectados estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo vexa diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de usuarios, que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente suman 24 persoas".

O rexedor engadiu: "como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que en poucos días estaremos no pico de madurez deste gromo que se iniciou a principios da semana pasada. Farémolo a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

Ningún comentario: