20201231

Nota de prensa con ledicia: vacina

   Hoxe mesmo, esta mañá, teño publicado o artigo "As notas de prensa do concello: 2020 e anteriores". Con ledicia entérome dunha nova nota de prensa hoxe, que en nada varía ó publicado no artigo pero que cáusame ledicia ó tempo que vai na liña da esperanza: hoxe foi comezada a vacinación en Ribadeo, no centro de persoas maiores José Mª Rodríguez Díaz.

   Deixo a nota do concello coa noticia a continuación:

Foto vacina

BARCIA AGARDA QUE 2021 SEXA MELLOR QUE O ANO QUE REMATA

Vacina na residencia

31/12/2020

A vacina foi subministrada hoxe no centro de atención a persoas maiores de Ribadeo, xa que cumpría os criterios sanitarios de aplicación. O alcalde, Fernando Suárez, agradece o traballo do persoal das dúas residencias, así como o dos profesionais da sanidade e dos servizos sociais.

O rexedor dixo: "pois con moito sentimento agridoce despedimos este ano, que como din os vellos, vaia o demo con el!. No Hospital-Asilo entrou o bicho hai uns días e aínda con todo o esforzo que todas as partes están facendo, todos temos o corazón encollido agardando que todo remate o mellor posible".

Suárez Barcia sinalou que "por outra banda, hoxe na outra residencia que temos, estivéronse poñendo as vacinas, xa que se cumprían os criterios sanitarios de aplicación".

O alcalde engadiu: "remato estas verbas, lembrándome de todos e cada un dos usuarios e usuarias de ambas as dúas residencias, das súas direccións, do seu persoal, así como de todos os profesionais da sanidade e dos servizos sociais (do Concello, da Deputación, da Xunta e do Estado) polo voso labor. Graciñas de corazón polo voso traballo. Moito ánimo para todas e todos neste momento tan incerto. Sen dúbida que o ano que vén ten que ser mellor".

Ningún comentario: