Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións

20250613

Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

 Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

    Un ano máis, a Feira da ciencia inundou non só o edificio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo senón tamén os espíritos de expositores e asistentes a este evento anual. A trixésima edición tivo sorpresas. E este ano, non só o foron as diversas experiencias amosadas, montaxes feitos polo alumnado ou explicacións de asombran en boca da xente nova que nos ensina cousas que sabe. Tamén tivo lugar o encontro dos centros educativos de Ribadeo. Un encontro que xa propiciara a Feira en algunha edición anterior, pero ó que este ano, co apoio da dirección xeral de educación, se lle puxo o nome de ‘I encontro’, na procura dunha continuidade que se ve como favorecedora para os centros educativos, pero tamén para Ribadeo no seu conxunto.

    O encontro propiciou así que os máis pequenos tamén estivesen representados, con informacións como a do CanSat, participando nun innovador concurso a nivel europeo que fai ós máis pequenos partícipes da aventura espacial en Europa, e non só como espectadores, senón como actores. Unha experiencia na que descoñecía tivera participación un centro ribadense, que a ten xa por segundo ano. Non é nin moito menos a única sorpresa que ofreceron os dous centros educativos dos pequeniños ribadenses. O CIFP Porta da Auga amosou a súa oferta educativa, con diversas montaxes, técnicas e demostracións que podo testemuñar chamaron a atención.

    E, da man de Susi Besteiro, o IES desenvolveu a feira en si, con cantidade de montaxes, maquetas, estudos, etc, que non se deben resumir só nos títulos e que abranguería abondo máis que estas liñas o adicarlle algún pequeno comentario a cada un. Aínda así, vaian tres títulos collidos ó chou:

– Otolitos de peixe. Ben, se non sabes o que é un otolito, sempre queda a Galipedia ou a intelixencia artificial, pero garántoche que a explicación non será o mesmo que en vivo e en directo na feira…

– Pedras no ril. Se por desgraza as tes, xa saberás algo delas, pero a completa descrición do que e do como dos tratamentos, xunto coa ponderación para a elección dun deles, podes tela estando san nesta XXX Feira da Ciencia.

– Soláforo. Non sabes o que é? Pois un semáforo autónomo funcionando a partir de luz solar e con vantaxes sobre os semáforos convencionais. A maqueta estaba clara, en conxunto coa explicación.

    Trinta anos, pandemia por medio, cambio de centro, alumnos que agora xa son profesores ou pais de alumnos que están participando, son algunhas das características desta feira da ciencia. Se miramos ó futuro, pode que o comezo cara á consolidación dun evento a nivel de tódolos centros de Ribadeo, que a nivel de Ribadeo – sociedade lévao sendo xa hai tempo. E, en calquera caso, algo que ten ó alumnado en primeiro termo, porque a feira é sobre todo, para eles e por eles, para o seu proveito e manexando eles mesmos os útiles que os fan avanzar na comprensión do mundo e na súa xestión.

Xardín de pensamentos de Rosalía. Obra do alumnado do CEIP Gregorio Sanz  
--- 
    A lembrar que o blog está en proceso de migración, e o outro enderezo, https://ribadeando.gal ou o equivalente https://blogs.amarinha.gal/ribadeando

20250222

Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos. Foi e é

 Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos. Foi e é

    Onte, venres 21 de febreiro, tivo lugar a segunda sesión da serie ‘Soberanía dixital’ mantida por amarinha.gal. “Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos” tivo lugar na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho, cunha asistencia de público que podería ser maior. Deixo en baixo o vídeo en dúas plataformas, FTV e Youtube, por estar aínda a cabalo entre varias cousas no blog (esta entrada terá espello noutra noutro lugar e case seguro sufrirá varias melloras ó longo do tempo), a presentación que foi a base do encontro, así como o cartel e o fanzine (editado nun só A3 pare dar como resultado páxinas en A5). O material da fundación Wikimedia repartido (bolis con soporte para móbiles, anticaptura de imaxes, pegatinas, soporte de móbiles…) non é repartible dixitalmente, síntoo!

    Espero que vos preste, mentres agardamos pola sesión terceira, o próximo mes, sobre linux. Título, día e lugar concretos, máis adiante!

    Presentación:

     Directamente en Commons

     ou en slideshare:

    Vídeo en Ftv, Fediverse TV:

    En Youtube: https://youtu.be/orlzZ-HTX-o

    O cartel.


     O fanzine:

20250219

Dous artigos sobre o antroido. Eli García-Bouso

    Deixo a continuación dous artigos de Eli García-Bouso publicados en La Comarca del Eo dos días 8 e 15 de febreiro de 2025:

    O A(E)NTROIDO

    POR ELI GARCÍA-BOUSO


    Puidemos ler neste semanario do 25 de xaneiro pasado e no do 1 de febreiro actual sendas informacións, entre outras, nas que se falaba da próxima celebración do Antroido. Perdón: do Entroido. O 25 de febreiro de 2023 publiquei, tamén na Comarca, un escrito-opinión no que defendía o uso da palabra “Antroido” en vez da de “Entroido”, que é a normativa, e que se ven utilizando na nosa vila desde fai varios anos. Os devanditos escritos demostranme que o meu caéu en saco roto, pero lembrando aquel dito de “el que la sigue la consigue”, decidinme a insistir neste asunto e volver a dar a luz o mesmo artigo publicado naquela data de fai case 2 anos e que levaba o mesmo título que o que encabeza estas liñas. Iso si, prego que si alguén ten argumentos que superen ós meus para defender o uso de “Entroido”, por favor, que mo faga saber a través deste mesmo semanario ou, se o prefire, de xeito privado. Heillo de agradecer e, se me convence, estou disposto a rectificar. E non digo esto desde unha posición prepotente, porque me crea poseedor da razón (non son lingüista nin filólogo), senón porque, realmente, quero facer uso do máis razoable e debidamente argumentado, aínda que, ás veces, non coincida co normativo, como pode ocorrer coas excepcións (sexan da materia que sexan).
    Aquel artigo decía o seguinte:
    Nestas datas, sempre lembro ós meus avós (e pais) falando do Antroido. A miña avóa era a encargada de facer os fereixós, recheos ou non, que facían a delicia de cativos e maiores.
Antroido por aquí, Antroido por alá.
    Sen embargo, nos últimos anos, invadiunos (non sei porque) a palabra Entroido (con “E”), substituíndo á de sempre, Antroido (con “A”). Teño entendido, segundo me dixo unha persoa estudada e informada, que a Real Academia Galega só dá por certa ou válida a de “Entroido”. Sendo conscientes de que a nosa Academia acepta como válidas as variantes dalgunhas palabras, dependendo da rexión ou lugar donde se usen, non creo que a RAG se enfadara con nós se utilizamos a nosa variante local, usada desde non sei cantos anos fai. Polo dito, pido ós responsables destas festas en Ribadeo (comisión, Concello, ACISA, ou quen sexa) que volvamos ás orixes, que volvamos ós nosos avós e pais, e que non deixemos perder a maneira na que sempre nos referimos en Ribadeo ó Carnaval, é dicir, ó Antroido. E baso esta petición nos seguintes argumentos:
    1.- Na veciña Asturias, utilizan para o Carnaval a palabra “Antroxu”. Con “A”. Se buscamos en Google esta palabra aparecen, aproximadamente, 227.000 resultados. Se buscamos “Entroxu”, remítenos a Antroxu. É dicir, non aparece ningunha.
    2.- Na Coral Polifónica de Ribadeo, da que formo parte, temos no repertorio unha cantiga de Juan de la Encina (ou Juan del Encina; séculos XV e XVI), dedicada ó carnaval e que na súa letra di: “…Por honra de Sant Antruejo parémonos hoy bien anchos…). Si. Tamén con “A”.
    3.- Eu coidaba que Antruejo era unha palabra do castelán antigo pero, sen uso hoxendía. Estaba errado: segue a existir no vocabulario. Non temos máis que buscar no diccionario da Real Adademia Española para comprobalo. É certo que tamén aparece a acepción “Entruejo” máis, en vez de definila, remítenos á outra, é dicir, a Antruejo.
    4.- Non só segue existindo en castelán, senón que tamén se utiliza en ocasións. No pasado mes de xaneiro pasei uns días coa miña familia en Ciudad Rodrigo (que non coñecíamos) e sorprendeume grandemente ver nos escaparates das tendas carteis que anunciaban a festa do “Toro del Antruejo” de Ciudad Rodrigo. Unha vez máis recurro a Google para buscar “Toro del Antruejo” e aparecen 10.900 resultados. Busco “Toro del Entruejo” e aparecen os do “Antruejo” pero nin un só do Entruejo.
    Cos devanditos argumentos, coido que está claro que prevalece, con diferencia, a vocal “A” sobre a vocal “E”. Entón, pregúntome eu, porque en Ribadeo, que sempre se dixo Antroido, imos deixar perder este uso, que é o natural da nosa vila?
    Quizáis a miña petición ós responsables chegue tarde para este ano, porque posiblemente estean xa impresos os carteis e demáis propaganda do Antroido. Pero pídolles que tomen boa nota para o vindeiro ano e, se aínda quedan cousas por publicar, por favor, utilizade a acepción “Antroido”, que é a nosa.
    Cos meus mellores desexos, VIVA O ANTROIDO!

    Ata aquí o publicado o 25 de febreiro de 2023 e, para rematar este escrito, pregúntome: seguirán os responsabeis desta celebración deixar caer, unha vez máis, en saco roto o uso tradicional da palabra Antroido que, aínda que non é a normativa, si é a normal e a natural en Ribadeo? Se vai ser así, estou convencido que axina deixará de ser a normal na nosa vila, se non deixóu de selo xa. Oxalá me equivoque. 

 --

    AGORA SI: ANTROIDO

    POR ELI GARCÍA-BOUSO


    Retomo o asunto da semana anterior, aínda co risco de caer pesado ós meus posíbeis lectores. E fágoo por imperativo ético, pois esta semana houbo dous feitos que me amosan que o “saco roto” do que falaba, non o estaba tanto como eu podería pensar, ademais de fortalecer a miña argumentación sobre o uso na nosa vila da palabra “Antroido” en vez de “Entroido”.
    Un, foi o correo electrónico que me envióu Antonio Gregorio, licenciado en física e química (sobradamente coñecido en Ribadeo), no que me dicía que concordaba conmigo no expresado no mencionado artigo e me facilitaba un enlace ó seu “Ribadeando”, onde tiña editado o pregón do antroido que el mesmo pronunciou na sala de festas Rosa-Lar, aló no ano 1997 (xa choveu). Neste pregón, utiliza continuamente a forma “antroido”, agás nun parágrafo no que recoñece a irrupción en Ribadeo da forma “entroido” (xa daquela; e eu que pensaba que era de uso relativamente recente...).
    O outro, que foi o que me deu o pulo definitivo para decidirme a volver a escribir sobre este tema, foi a mensaxe por “WhatsApp” (ou, como digo eu, por “guasapo”, galeguizando ou castelanizando o término inglés) que me remitíu Suso Fernández Acevedo, filólogo e profesor de galego no IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo. Dicía Suso: “A Real Academia Galega recolle no dicionario os dialectalismos léxicos maioritarios pero acéptaos todas e non só iso, senón que sempre defende que, en cuestión de léxico, deben defenderse os dialectalismos”.
    Así mesmo, envioume un enlace co xornal “El Español”. O primeiro que me chamou a atención foi un mapa de Galiza, elaborado polo Instituto da Lingua Galega, onde todos os municipios están marcados cunha cor concreta e cada cor corresponde a unha forma diferente de nomear o carnaval na nosa Comunidade. Rapidamente busquei Ribadeo e, como esperaba, a cor coa que aparece marcado o noso concello corresponde á forma “Antroido”. Unha vez máis se reforza a miña postura.
    Deste periódico, no artigo asinado por Thalia García, recollo só uns cantos parágrafos para non facer demasiado extenso este meu artigo. Vexamos:
    …las fórmulas típicas del Entroido y Antroido son, sin lugar a dudas, las más empleadas por los gallegos… según apunta un estudio llevado a cabo por el Instituto da Lingua Galega, de la USC…
    Outro: “…el Instituto da Lingua Galega se valió de una base de datos lexicográfica que abarca más de mil obras datadas desde el año 1812 hasta la actualidad… dicho análisis exhaustivo reveló la presencia de hasta 15 variantes diferentes de la palabra que habían sido recogidas un total de 1.400 veces… Entroido es la forma más utilizada, superando las 800 referencias… En el caso de Antroido, la segunda expresión más empleada en Galicia recibe más de 500 menciones, máxime en las zonas más al norte de las provincias de A Coruña y Lugo”.
    Por último, Suso Fernández, remitiume varios comentarios como filólogo que é, dos que destacarei uns cantos:
    O galego ten moitas palabras que non se recollen no dicionario, pero non por iso son incorrectas.
    No caso das variantes léxicas, adoitan (refírese á RAG) recomendar… Pero son recomendacións, non prescricións”.
    Tratándose de comunicación de ámbito local (por exemplo, os carteis do Antroido ribadense) ningún académico vai condenar o uso da forma tradicional da zona. Todo o contrario: se unha idea hai clara nos lexicógrafos é que a diversidade é riqueza, sempre que non atente contra as características propias do idioma”. Como ocorre neste caso que eu defendo.
    Coido que o que levo exposto ata aquí é motivo suficiente para, unha vez máis, pedirlles, solicitarlles, pregarlles ós responsábeis da organización do Antroido ribadense, e de xeito especial ó Concello de Ribadeo e, de maneira máis especial aínda, se cabe, á Concelleira de Cultura que, por favor, non traizoen ós nosos antepasados co emprego dunha palabra que NON É en absoluto propia da nosa vila, que respecten a que sempre se utilizou, e que fagan todo o posible para que nos carteis, escritos, propaganda, programas, etc., se empregue a nosa palabra natural: ANTROIDO.
    E por se todo o antedito fora pouco, o propio profesor Suso Fernández indícame que acaba de comprobar que no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, no que se recollen 413 rexistros de “antroido”, aparece nos rexistros do 5 ó 11, que Rosalía de Castro usaba a
forma “antroido”.
    O día 22 do presente mes, a Agrupación Cultural Francisco Lanza realiza un acto, no que participa o Concello, como homenaxe a Rosalía. Imos traizoar tamén a Rosalía?

 Eli García Bouso


 

20250215

Irresponsable

Irresponsable

    O tema viume por unha nova sobre o emérito, pero de xeito inmediato vin que pode aplicarse a unha presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, o que me levou a comprender que pode aplicarse tamén a outra xente, sempre que se cumpran unha serie de requisitos.

    Por se hai algunha dúbida, o dicionario da RAE dío ben claro. Collo a definición castelán porque ambos citados, emérito e presidenta, se expresan nesa lingua nas novas que nos chegan, pero podería ser dicionario da RAG. Irresponsable:

    "1.Dicho de una persona: A quien no se puede exigir responsabilidad. 2.Dicho de una persona: Que adopta decisiones importantes sin la debida meditación. Sin.: imprudente, insensato, irreflexivo, inconsciente, loco, desorejado, valeverguista, yoquepierdista."

Ayuso e Juan Carlos I, a partir de imaxes de Commons (por Cristina Cifuentes e Nicholas Gemini). Lic. CC BY SA 4.0

    O dicionario engade que tamén pode ser usado como substantivo. Dato importante, pois todos podemos actuar de xeito irresponsable nalgún momento -de feito, seguro que así é-, como humanos que somos, pero o chamarlle a alguén irresponsable, como nos casos citados dicir que el ou ela é un ou unha irresponsable, implica algo diferente, unha esencia. Poñamos por caso o do emérito: cando dixo aquelo de 'no volverá a suceder' referíase a un feito concreto, arrogándose o segundo significado da definición nun caso no que el tomou parte. Mais antes e despois daquelo seguiu a actuar de xeito irresponsable nesa segunda acepción, sabendo que tiña, -máis ben, que lle darían- certa cobertura (i)legal para ser irresponsable no sentido primeiro da definición: non é só que actuara de xeito irresponsable nalgunha situación, senón que como tal ser que é, sería irresponsable. Iso, en base o art. 56.3 da Constitución de 1978 ("La persona del Rey es inviolable y no está sujeta a responsabilidad", por certo, non dispoñible en galego na web a pesar de ser editados exemplares do texto constitucional en galego) mesmo saltando por riba do art. 64.1 ("Los actos del Rey serán refrendados por el Presidente del Gobierno y, en su caso, por los Ministros competentes.") que lle asigna a responsabilidade a quen refrenda ditos actos. Entraríamos por aí en cousas como se os ministros poden refrendar o levar cartos ó estranxeiro, xa que parece que por ser rei nalgún momento desas saídas hai quen di que estaría exento de culpa. Non parece que os episodios con Corinna poidan ser refrendados por ningún ministro, pero quen sabe se a doazón á súa conta pode meterse nalgún articulado. Digo, polas consecuencias-nulas- habidas. En tempos diríase doutores ten a igrexa, pero agora, nun estado que manifesta constitucionalmente "Ninguna confesión tendrá carácter estatal", aínda que pareza papel mollado, quizais se poda dicir 'xuristas ten o estado'...

    E, da irresponsabilide, a impunidade. Claro, se alguén non ten responsabilidade ou non se lle atribúe, non é punible, castigable, por esa responsabilidade que non ten. É dicir, queda impune por eses feitos sobre os que non ten responsabilidade.

    Collendo o título da obra 'Del Rey abajo, ninguno', poderíamonos preguntar sobre a irresponsabilidade na morte de 7291 persoas nas residencias de maiores madrileñas durante a pandemia, despois de serlles negada a atención debida dende a presidencia madrileña. En verbas de Isabel Ayuso, 'ían morrer igual'. Francamente, aí non sei de onde ven a irresponsabilidade, pois, segundo a constitución -cunha pequena excepción a algún xuíz- 'del Rey abajo, ninguno'. Será que as mortes están xustificadas? Será que a doutrina legal está amañada? Será que o das mortes é un invento progresista? Non sei o que será, pero mortos están, e as directrices foron impartidas, por moito que a irresponsable siga a sentar cátedra tamén en Ribadeo. Misterios.

20250214

Por Nuestro Faro pide axuda ó Defensor del Pueblo

Por Nuestro Faro pide axuda ó Defensor del Pueblo

    En ausencia de resposta do alcalde de Ribadeo, que ten decidido sinxelamente non dar ningunha información nin emprender ningunha acción, a A VV Por Nuestro Faro mandou esta semana un correo á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao (APFSC) para ter algunhas informacións básicas sobre o estado actual e o futuro próximo dun lugar tan emblemático como a illa Pancha. Comezamos lembrando á APFSC que, ó longo de todos estes anos, non paramos de denunciar que o conxunto do proxecto de apartamentos e cafetería que están funcionando na illa Pancha non ten estudio de impacto medioambiental, preceptivo por atoparse en zona protexida pola Rede Natura 2000.

    A irregularidade da situación foi ratificada por todos os informes do Defensor del Pueblo, dende 2017 -oito referidos ó proxecto de apartamentos no edificio do vello faro, e dous ó proxecto de cafetería- ate hoxe, e así llo lembramos á APFSC, ó tempo que lle temos transmitido o contido do último correo do Defensor con data del 13 de xuño de 2024. Dito correo notifica que a irregularidade tamén foi sido admitida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que «manifiesta aceptar la Recomendación formulada, referida al cumplimiento del apartado cuarto del artículo 46 de la Ley 42/2007, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad», e comprométese a adoptar «las medidas precisas para el cumplimiento de la Resolución en las próximas certificaciones que emita sobre los posibles efectos de un proyecto sobre los espacios de la Red Natura 2000 de Galicia.».

    Todo o anterior confirma que apartamentos e cafetería da illa Pancha están nunha situación manifestamente ilegal. Dado que o 30 de xuño finalizará o período de concesión de dez anos concedida á empresa EIROBRA para a explotación da illa Pancha, e que esta pode ser prorrogable por outros cinco anos, temos preguntado á APFSC se, a pesar desta situación irregular, a empresa promotora solicitou prórroga. E, en caso de que así sexa, se teñen esixido ou xa se fixo o estudo de impacto medioambiental preceptivo.

    Ó mesmo tempo, a A VV Por Nuestro Faro escribiu de novo ó Defensor del Pueblo para poñelo ó corrente da situación, xa que, como reza no documento de concesión, esta pode prolongarse de xeito inmediato por outros cinco anos só con que haxa acordo expreso de ambas partes (APFSC e concesionario), o que permitiría seguir cos incumprimentos xa detectados nos expedientes. Na nosa carta pedimos ó Defensor «la apertura de nuevo expediente, la exigencia de estudio de impacto ambiental para cualquier uso más allá del 30 de junio del presente año y actuación en consecuencia».

    Lamentamos que dez anos no teñan sido abondo para que as administracións implicadas fixeran respectar a lei, e que a día de hoxe aínda haxa que chamar a todas as portas -algunhas pechadas e ben trancadas- para protexer o patrimonio dos ribadenses.

    A VV Por Nuestro Faro

E outra curiosidade e algo máis: petición de chiringuito para o interior do parque do Cargadoiro


Publicado en:
«BOE» núm. 36, de 11 de febrero de 2025, páginas 7255 a 7255 (1 pág.)
Sección:
V. Anuncios - B. Otros anuncios oficiales
Departamento:
Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico
Referencia:
BOE-B-2025-4777

Anuncio del Servicio Provincial de Costas en Lugo referente a la Información pública de la solicitud de autorización de servicio de temporada para instalación de establecimiento expendedor de comidas y bebidas en Parque do Cargadoiro, T.M. Ribadeo (Lugo) (referencia: AUT01/25/27/0043).

De conformidad con lo dispuesto en el artículo 74 de la Ley 22/1988, de 28 de julio, de Costas (modificada por la Ley 2/2013, de 29 de mayo, de protección y uso sostenible del litoral y de modificación de la Ley 22/1988, de 28 de julio, de Costas) y en el artículo 152.8.b del Reglamento General de Costas aprobado por R.D. 876/2014, se somete a información pública la solicitud de autorización de ocupación del dominio público marítimo-terrestre de referencia, formulada por D. José Blanco Muñoz.

El proyecto que sirve de base a la solicitud estará a disposición de cualquier persona interesada durante un plazo de VEINTE (20) DÍAS HÁBILES, contados a partir del día siguiente al de publicación de este anuncio en el Boletín Oficial del Estado, y podrá ser examinado en las oficinas de este Servicio Provincial de Costas en Lugo, Ronda da Muralla, 131, 1º, 27004 Lugo, en las oficinas de este Servicio en Foz, edificio CENIMA, Avda. da Ribeira s/n 3º, 27780 Foz y en el Ayuntamiento del término municipal afectado.

También podrá consultarse la documentación en la siguiente dirección web:

https://www.miteco.gob.es/es/costas/participacion-publica/27-aut01-25-27-0043.html

Durante este plazo podrán formularse asimismo las alegaciones que se estimen oportunas.

Lugo, 5 de febrero de 2025.- El Jefe del Servicio Provincial de Costas en Lugo, José Miguel Estevan Dols. 

20250213

Unha curiosidade e algo máis: Información pública do chiringuito da praia das Catedrais

     Remato de recibir unha información (que é pública pero non por iso menos perdida na maraña administrativa nin tampouco menos curiosa) sobre un chiringito da praia das Catedrais. Trátase de petición feita, na actualidade en fase de exposición pública. Son dous documentos. O primeiro, o aviso no BOE (1 páx), e o segundo, o de petición en si (16 páx). Por certo, non é no lugar ó que estabamos afeitos a ver a construción. 

    Non había un plan para as Catedrais?. Pois hai 20 días hábiles para reclamar dende o 8 de febreiro:


20250206

Remata o pleno votando contra a lei? Video (e fin)

Foto de Suso Fernández. 17 de decembro de 2024.

    Como última entrega do pleno do martes 20250204 en Ribadeo sobre o 'tratamento' que se lles está a dar ás árbores, adxunto en formato vídeo os audios tratados por Suso Fernández, distinguindo no nome por orde de intervención e por nome de quen intervén maioritariamente.

    ( e 2ª entrega sobre o trasncurso deste pleno)


 



 




20250205

Remata o pleno votando contra a lei?

Antes de comezar o pleno

Remata o pleno votando contra a lei?

A vida está chea de cousas absurdas

que poden dar a impresión de non ser verídicas.

Sabes por que?

Porque esas cousas absurdas son verdadeiras.

(L. Pirandello, Seis personaxes na procura de autor)

1.-    Lembremos: un pleno extraordinario obrigado pola oposición sobre a corta indiscriminada de árbores dos últimos tempos...

    O de onte -martes 20250204- foi curioso, si. Un pleno que encara o seu remate do seguinte xeito: pasando de votar as propostas ata que dende o público se pregunta por elas. Un pleno no que logo diso o alcalde continúa falando e dicindo que se está a cumplir a legalidade que piden as propostas, que por fin pasa a votación e o grupo maioritario vota en contra da mesma proposta que remata de ser declarada cumplida e legal por parte do alcalde... (a primeira, paralización inmediata das cortas, entendo que seguiu sen ser votada)

    A espera de solucionar problemas técnicos coa reprodución aquí do audio recollido, sigo o resumen do pleno, de xeito rápido: unha vez feita a exposición, longa e detallada, por parte da oposición ó comezo da sesión, o alcalde pasou a lembrar episodios de pasados mandatos ('lexislaturas', segundo el) por un bo tempo, e, do pouco que falou sobre o tema enriba da mesa, a contradicir as súas verbas anteriores -documentadas- e mesmo algunhas das ditas un pouco antes no mesmo pleno para tentar xustificar que todo estaba correcto, axustando que 'eles' (o equipo de goberno, do que só falou el) facían todo ben, e que se algunha vez erraban, non se lles caían os aneis por pedir perdón (ainda sigo esperando que o faiga). Cara ó final, o público interrompeu varias veces ó ver que o alcalde falaba dando voltas sen dicir nada relacionado coa corta indiscriminada de árbores, motivo do pleno.

    Pleno de hora e media, con asistencia de 35 persoas de público (con xente de pé), despois de celebrarse nun sitio non anunciado (estaba anunciado para o salón de plenos e celebrouse no de alcaldes por obras no outro), con accesos non ben sinalados (a escaleira principal resultou estar en obras, e o único cartel indicador que puiden ver estaba ó fondo do corredor, á beira das escaleiras que había que usar).

    Unha nota final: Hai só poucos días que escribín unha petición para que se colgase na web documentación sobre unha modificación do PXOM afectando a unha zona verde de Ribadeo, que debera estar exposta dende case un mes antes. Pouco despois da petición, púxose. A petición incluía un aviso: se non se pon, non corren os prazos e a votación realizada no pleno non serve de nada... Non citaba na petición a falta de transparencia que o desleixe implicaba. É só un de tantos dos episodios ocurridos ultimamente. Deixo en baixo unha copia parcial do documento de petición:

2.-    Como ampliación, unhas horas despois, aumento:

2.1.-A nova, en Crónica 3 (nota de prensa do BNG).

2.2.-Engado a entradilla do comezo.

2.3.-Vexo que vou tardar en solucionar o problema técnico para a publicación do audio, polo que é de esperar que ata os próximos días, en entrada aparte, non o dé feito.

20250204

Última hora sobre as árbores en Ribadeo

     Á espera do comezo esta tarde do pleno sobre a situación das árbores en Ribadeo, unha nova noticia sobre o tema da protección das árbores: a presentación no Parlamento Galego dun requerimento de información sobre o convenio asinado polo Concello de Ribadeo coa Axencia de Turismo de Galicia para a 'mellora' da Praza de Pancho Maseda.


20250202

20 toneladas de cascallos por gazatí

Composición, aproximadamente a escala, do presidente estadounidense e un camión, a partir de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:A_Volvo_FM_truck_carrying_a_container_at_Taichung.jpg, lic. CCBYSA4.0 e imaxe en D.P.
 
20 toneladas de cascallos por gazatí>

    Os gazatís son deixados volver ó norte da franxa de Gaza. Ós seus fogares, din. A unha terra que o mesmo Donald Trump, que apoia a destrución impulsada por Netanyahu, considera un vertedoiro, consciente do que é, e tamén do futuro que albisca, un 'resort' sen palestinos, obrigados a migrar a Exipto ou Xordania.

    A quen vivimos lonxe do xenocidio que alí está a ter lugar, fáisenos difícil imaxinar a destrución, a pesar das fotos que chegan dos periodistas que aínda seguen alí pese a ser unha profesión diana do exército israelí. O caso é que segundo os cálculos que van chegando, a cada palestino habitante de Gaza e a súa franxa (máis de dous millóns de habitantes nunha superficie menos de catro veces a do concello de Ribadeo) correspóndenlle máis de vinte toneladas de cascallos. É dicir, como se cada persoa levara atado ó seu carón un camión remolque cargado de cascallo. Mesmo a figura de Trump parece pequena á beira dun camión semellante... Imaxinas agora a situación?

    Ben, agora, suma. As infraestruturas de auga e saneamento están destruídas, segundo a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA). Iso significa sede, merda, e polo tanto, enfermidades derivadas. Incluídas enfermidades mentais despois de ano e medio de exterminio e moitos anos anteriores de ataque tras ataque.

    Unha nota antes de seguir: si, os palestinos tamén teñen guerrillas organizadas. De feito, din que están 'a resistir' o impulso israelí. Tamén causaron terror. E tamén deben ser xulgados. Se chegan vivos a xuízo, claro. Iso, aínda que lles quitaran as terras e o espírito mentres durante decenios e decenios eran decimados e reducidos a cidadáns de segunda ou terceira os que seguían vivos.

    Tras a nota, podes incluír o frío, ou a fame, por exemplo, entre outras cousas a sumar. Entre outras cousas que botar enriba deles. Entre outras cousas que a guerra, o exterminio, segue a facer notar. Vin hai uns días unha foto cun río de xente indo cara ó norte á beira dunha praia. E pregunteime, por que pola area, na que costa tanto avanzar? Non se podía ver na foto se había camiño, pero imaxinei que costa menos avanzar pola area que entre moreas de cascallos...

    E, para rematar, un pouquiño de luz: Colombia, Bolivia, Honduras, Cuba, Belice, Sudáfrica, Senegal, Namibia, Malasia. Nove nomes de países, de segunda, dirían algúns. De países que rematan de formar un grupo para impulsar os acordos do Tribunal Penal internacional. Non son de segunda. Serán pequenos, pero está á fronte.

20250131

O ataque á sociedade

 

O ataque á sociedade

    Os seres humanos somos sociais. De feito, temos convertido a sociedade nun piar fundamental dos que son baseamento da nosa vida, e somos conscientes de que a desaparición da sociedade causaría que o noso estilo de vida fose de novo semellante ó de calquera outro animal, retrotraéndonos milleiros e milleiros de anos na nosa evolución.

    A sociedade é unha asociación. De feito, son sinónimos. Iso, aínda que ás veces o noso comportamento pareza ter esquecido que a sociedade necesita mantemento por parte dos socios, como calquera asociación por parte dos asociados.

    No parque infantil no centro de Ribadeo había -poderíase dicir que segue a habela- unha casetiña con libros, a modo de biblioteca libre para os pequenos. No seu momento, considereino unha grande idea, e visto o uso que se lle comezou a dar por parte dos usuarios do parque, parece que non fun o único en consideralo así. Mais pouco a pouco, o descoido primeiro, e logo o maltrato desa humilde instalación, deixou a caseta sen porta, sen libros e sen vida. Pola súa construción, podería ter durado sen mantemento abondo tempo máis, pero vese que o pulo na súa construción polas autoridades deseguido se converteu en esquecemento, e aínda que o uso continuou a ser frecuente ata o total deterioro, tamén é evidente que houbo persoas que non consideraron que unha instalación así había que coidala, e que máis ben fixeron o contrario. Non é necesario que sexa moita xente, abonda con moi pouca para botar en baixo servizos dos que nos beneficiamos todos e dos que esquecemos que hai que manter entre todos, non só 'as autoridades' ou 'as institucións'.

    Manter entre todos significa poñer vontade e actuar en consecuencia. Non só en cartos a través dos impostos, que tamén, senón no coidado e defensa do que é de todos. Se se esquece iso, uns polos outros irémonos levando por diante a sociedade, anaco a anaco. E, no camiño, a nós mesmos, ó que somos. Pode que aínda pensemos nese proceso cara ó individualismo como un ‘ser máis nós’, esquecendo tanto aquela frase célebre de que somos o que somos en boa parte grazas ó noso entorno (‘yo soy yo y mi circunstancia’) como as múltiples manifestacións na vida diaria da nosa interdependencia dende o nacemento ate despois da morte.

    As veces, fálase da ‘traxedia dos comúns’ como se o común estivera destinado a ser peor solución que o mercado, diñeiro e finanzas, como se o común estivera destinado ó maltrato. Esquécese nesa situación que o común ten sido tradicionalmente unha fonte de vida e riqueza para a comunidade ó seu arredor. E está demostrado que só cando hai inxerencias externas, cando o común se deixa en mans alleas e pasa a ser controlado dende fóra, por quen ten outros intereses non baseados na comunidade, remata sendo destruído, con prexuízo para todos os implicados. O último exemplo disto? Aí temos as redes sociais privativas. E do outro? O maior pao ás empresas e dominación dos EUA en intelixencia artificial remata de ser dado pola apertura de código dunha IA china, na procura de formar unha comunidade ó seu arredor.

    E mentres, a pequena biblioteca no parque de Ribadeo?

20250129

Loktudi

     Loktudi (en Bretón) ou Loctudy (en Francés) é un concello da Bretaña irmanado con Ribadeo, situado ó sur de Quimper.

      Recollo as verbas de Anxo Martíns, actual presidente da Asociación de Irmandade, a quen agradezo me corrixira diversos aspectos que eu consideraba:

    A razón última da irmandade poderíamos situala nas seculares relacións entre Galiza e Bretaña, desde as históricas (substrato celta común, chegada de Bretóns ao noroeste peninsular fuxindo das invasións anglo-saxonas), similitudes musicais e culturais, interese mutuo polo coñecemento e a relación entre ambos países (Castelao, Cunqueiro, Manuel María…)…

    En base a iso fóronse xestando distintas irmandades entre concellos galegos e bretóns, chegando até máis de vinte, número que no noso país supera o de irmandades con calquera outro país.

    Como promotor deste, e doutros irmandamentos na Mariña de Lugo, figura Philippe Le Goff. Como froito dese traballo unha comisión de ribadenses, encabezada polo alcalde da época, Balbino Pérez Vacas, viaxou a Loktudi en 2005 para sentar as bases da relación. No 2006, un grupo de Loktudi, que nos visitaba por primeira vez, foi acollido por familias ribadenses. Durante esa visita foi asinada a carta de irmandamento entre ambas localidades. A relación quedou en estado de letargo por diversos motivos, sendo un dos principais a inexistencia de asociación de irmandade en Ribadeo (si a había en Loktudi)

    Coa creación da Asociación de Irmandade de Ribadeo en 2016, retómase ese mesmo ano a relación coa visita dun grupo de familias de Ribadeo a Loktudi, que entra nunha dinámica de intercambios anuais. Coincidindo coa visita do noso grupo á Loktudi en 2018, asinouse a carta de reafirmación de irmandade polos representantes das asociacións de Loktudi e de Ribadeo, pola alcaldesa de Loktudi e polo alcalde de Ribadeo na época, Fernando Suárez Barcia.

    Durante os anos 2020, 2021 e 2022 as visitas como grupo de familias quedaron interrompidas como consecuencia da Covid-19. No ano 2023 recuperouse esta actividade coa visita do grupo de Ribadeo a Loktudi, ao ano seguinte a visita correspóndelle ao grupo bretón, e este ano tócalle ao grupo galego viaxar á Bretaña.

    Como actividades ou feitos paralelos que teñen que ver con este irmandamento figuran exposicións como “A Bretaña que hai en nós: as cruces de Pedra na Bretaña de Castelao”, existencia do barco e da rúa Ribadeo en Loktudi, ou do miradoiro Loctudy/Loktudi (posición) en Ribadeo. O Concello de Ribadeo apoiou e apoia todas estas actividades.

    No capítulo de intercambios escolares, as dúas asociacións mostraron interese e mantiveron contactos con ese motivos. Felizmente, en 2023 un grupo de estudantes de francés no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo foi acollido por alumnado do instituto de Pont-l’Abbé/Pont-n’Abad (localidade a carón de Loktudi), para recibir eles ao grupo bretón en 2024.

    Noutra orde de cousas, Ribadeo ten mantido a principios de século  conexións diversas dos centros educativos ribadenses con outros franceses (comezando entre o IES Porta da Auga cun proxecto Comenius, Science Fairs Throughout Europe -SFTE- co Notre Dame de Bourgenay en Les Sables D'olonne (Vendée, a 350 km de Loktudi), e posterior a iso, Ribadeo foi porto da Regata Transgascogne, con saída en Port Bourgenay, perto de Les Sables. Peza común ós intercambios educativos e á irmandade foi Julia Gallego, unha das catro persoas asinantes da carta de irmandade no 2006, representando ao “Comité de Irmanamento Ribadeo-Loctudy”, nun momento en que non había asociación constituída (cousa que si tiñan os bretóns…)

    O caso é que está a seguir a facerse historia, a piques de reeditarse a viaxe anual de galegos a Loktudi, e por iso a asociación sacou o seguinte cartel anunciador:


20250127

Perder o 99 % do que posees


Perder o 99 % do que posees

     Ou moito me equivoco ou ti, que esteas a ler, se perdes o 99 % do que posees, converteríaste nun pobre. O que se chamaba 'un pobre de solemnidade'. Iso pasa porque ti non es multimultimillonario.

    Unha nota aclaratoria no medio deste escrito: cando se fala de multimillonarios, soe pensarse boa parte das veces, mesmo sen aclaralo, que eses 'moitos millóns' son de dólares. Pero ó cambio actual, pouco máis dá considerar euros que dólares, e por iso non ven a conto especificar máis. No sucesivo, toma as cifras como dólares ou euros, como prefiras, dá o mesmo.

    Volvendo ó tema, se ti estiveras entre as dez persoas máis ricas do mundo e perderas o 99 % do que tes, aínda seguirías a ser milmillonario. Máis aínda, se ti foras un dos algo menos de tres milleiros de milmillonarios que no mundo hai, e perderas ese 99 %, aínda seguirías tendo abondo ben máis patrimonio que todo o que eu levo percibido como soldo (agora, pensión) na miña vida. Bota contas no teu caso particular: alguén que, tendo mil millóns perdera o 99 % do que ten quedaría aínda con 10 millóns.

    De aquí en diante, podería tomar varios camiños. Por exemplo, seguir as investigacións que apuntan a que a abondo máis da metade dos multimillonarios actuais parten de herdanzas ou algún tipo de corrupción e/ou conexión co poder político. Si, non só en España. Pero vou continuar por outra beira que me vai permitir rematar dun xeito breve, a partir dunha nova de hoxe hai un par de semanas nun xornal español, a conta do incendio de Los Ángeles. Resulta que unha boa parte dos servizos de extinción de incendios nos EUA son privados. Iso traduciuse en que xente con moitos cartos contratou grupos de bombeiros para salvarse eles e só eles. Nun contexto no que quen máis ten máis contamina e inflúe no cambio climático. E no que mantemento dos equipos públicos de extinción levan anos vendo como se contraen os fondos dos que dispoñen en medio dunha baixada de impostos que na práctica afecta a quen menos ten só para que teña que detraer máis cartos para coidados médicos ou educación. Por certo, que o do incendio é só unha das facetas que expón que non só é que sexan máis ricos, senón que por selo, teñen menos posibilidades de perder a súa riqueza.

    Coido que do anterior chégase rápido á importancia da comunidade e de coidar o común. Mesmo para os ricos e aínda que poidan ter esvaecidas as nocións de 'común' e 'comunidade'

    E sempre nos quedarán cousas como a amizade, que os cartos non poden comprar (os amigos non se poseen). Aínda que vista a corte coa que se arrodeou Trump na súa investidura, comprar non se poderá, pero axudar a que se estableza a amizade, ao menos unha interesada, parece indubidable...

20250126

ANXIÑOS BEBÉS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 


ANXIÑOS BEBÉS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Aínda que a tradución literal de Sonny Angels sería a de “Filliños anxos”, coido que a palabra bebé lles é máis acaída. Están causando furor entre a rapazada e xa comeza a escasear a oferta polo exceso de demanda. Os bazares chineses e as plataformas on line véndenos a prezos reducidos (entre 3 e 4 euros) e a esgalla, sendo bastante parecidos, por certo, aos orixinais, cuxo valor é duns 15 euros como mínimo.

    Trátase de bonequiños espidos con diminutas ás de anxo e toucados de animais, froitas ou verduras a xeito de gorros. Son adhesivos e pódense pegar nos móbiles, nos ordenadores, nas tabletas, nunha estantería, no espello retrovisor do coche ou onde a un lle pete. O factor sorpresa é importante porque non se sabe que modelo vai tocar antes de proceder a abrir a caixa que os contén. De feito, en Tik Tok e en Instagram arrasa o seu desempaquetado para ver, ao final, cal é o tipo de boneco que vén no seu interior. De aí que moitos adolescentes se lancen ansiosos á súa procura como hai uns anos ían cazando desesperados Pokemons polas rúas, como se se tratase do primeiro día das rebaixas ou como se se producira a saída ao mercado do último modelo de teléfono móbil. Mesmo moitos famosos foron seducidos por eles, como é o caso da cantante Rosalía ou de Victoria Beckham, quen os amosan nas súas redes sociais a milleiros de seareiros desexosos de as poder imitar e pregando por que lles toquen en sorte os mesmos bonequiños en cuestión que a elas. Así é como se crea agora tendencia.

    A min unha alumna agasalloume (non sei aínda moi ben o porqué) con un deles. Eu descoñecía a súa existencia e, cando mo entregou, non sabía moi ben que facer con el nin onde colocalo. Tocoume o que leva na cabeza unha berenxena e decidín pegalo a unha maceta como se estivese a axexar entre as follas da planta no medio da selva.

20250125

Soberanía dixital. Retomando as prazas públicas


    Onte tivo lugar a xuntanza convocada por amarinha.gal Soberanía dixital. Retomando as prazas públicas, como estaba previsto. Para as persoas que alí estivemos, unha gozada de tempo aproveitado. José Manuel Ventoso desenvolveu de xeito breve os puntos principais de coñecemento da praza pública mariñá que que amarinha.gal e logo pasouse aunha charla, máis que quenda de preguntas, na que se tratou de clarificar diversos aspectos tanto da nosa praza pública en Mastodon (funcionamento, servidores aloxados en Eomática ou relación, a través dest instancia de Mastodon, con outras prazas dixitais ó largo do mundo) como doutros temas relacionados, comezando por diferenzas con redes sociais como X ou Facebook, como o algoritmo de 'recomendación' ou os anuncios, a comunidade do Fediverso ou a filosofía detrás da nosa actividade.

    Asemade, tamén quedou clara a vontade de amarinha.gal e os seus membros, José Manuel, Lucía Ferro e máis eu) de continuidade destes encontros, e máis aínda despois da resposta para esta primeira charla, acadando un número ideal para crear o ambiente adecuado.

    Deixo en baixo o audio (cuns pequenos recortes pedidos) e varias portadas do fanzine (que se pode obter en pdf en https://blogs.amarinha.gal/) ó que tiveron acceso os asistentes, en foto de José Manuel, así como o código QR da contraportada para o acceso inmediato á praza dixital mariñá.



20250122

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

O noso colectivo ven de presentar no Rexistro do Concello de Ribadeo as sinaturas recollidas da veciñanza contra as cortas indiscriminadas de árbores no Colexio Público e noutros puntos do casco urbano, e solicitando que se repoñan as árbores derrubadas, que non se prodiguen estas cortas no sucesivo e que se informe ao vecindario dos proxectos de obras no Parque Municipal, no Campo de Santa María e fronte das vivendas sociais que foron anunciadas polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación.

En total recolléronse 541 sinaturas, o domingo, día 12 de xaneiro na Praza de España e o mércores, día 15, no mercado, que non chegaron a catro horas.

Destes datos cómpre suliñar o seguinte:

1º Nos últimos anos nunca se recolleron tantas sinaturas por colectivos sociais, que no mellor dos casos nunca chegaron ás 350.

2º Faltan por contabilizar as que se están recollendo por medios telemáticos, que a día de hoxe pasan das 300 e das que daremos conta no seu momento.

3º A estas hai que engadir as presentadas polas veciñas das vivendas sociais, que pasan das 150.

En resume, tendo en conta que esta recollida de sinaturas produciuse no mes de xaneiro, en poucas horas e en condicións climáticas moi adversas, pode entenderse que en Ribadeo existe unha grande sensibilidade social en relación cas cortas indiscriminadas de árbores e un temor xustificado a que estas se extendan nos próximos meses. Maiormente cando o Concello segue sen dar unha información axeitada dos seus proxectos e existen moitas dúbidas e contradiccións nas declaracións do Sr. Alcalde.

Agardamos que se teña en conta esta opinión de un sector significativo de veciñanza e seguiremos na teima de vixiar e denunciar novas cortas en caso de chegarse a producirse e pular por un Ribadeo mais verde, onde as árbores conviden a unha maior proximidade ca natureza, unha mellor convivencia, un medio ambiente máis sano e uns espazos públicos máis atractivos para os visitantes.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

Música para a banda


Música para a banda

      Hai xa máis de trinta anos que tivo lugar o Congreso de Bandas Música Populares de Galiza en Ribadeo. Alí púxose branco sobre negro que as nosas bandas dan pulo á música do noso pobo. Á música nas nosas vilas. Pero tamén, unha formación á nosa xente, e non só musical, senón tamén humana.

      Por suposto, en Ribadeo hai asociacións de moitos tipos. Por suposto, o clube de fútbol -quizais o tipo de asociación máis estendido na xeografía española-, de remo, náutico, e moitos outros clubs e asociacións de actividades diversas. Tamén no eido da música, onde cabe destacar a Coral Polifónica, que leva exercendo de xeito continuado abondo máis tempo que a asociación Amadores da Música, impulsora e o sostén legal, económico e organizativo da banda de música.

      Céntrome na banda porque a coñezo máis, xa que no seu momento participei con ela como músico, a máis de ter apoiado na posta en marcha e funcionamento da asociación. Tamén no congreso citado tiven un relatorio -rematado de artellar de madrugada por falta da recepción de datos doutras bandas ate horas antes-, que se titulaba 'As bandas dos músicos (I)', no que comezaba a analizar a textura desas nosas bandas. Ben, a que podemos chamar 'textura interna', o tecido que constitúen os músicos. Un tecido básico, si, mais que necesita tamén dunha 'textura externa', que lle facilite as cousas á formación no seu funcionamento, que a acompañe e que ó fin, fai á banda realmente nosa, que a estende a toda a sociedade que a rodea, que fai que non sexa só dos músicos. No caso de Ribadeo, habería que citar a máis de Amadores da música no seu conxunto social, a persoas individuais, como Choupín, impulsor desta última etapa da banda que xa leva máis de tres decenios en funcionamento, Evaristo, que contribuíu a que a idea se fixese realidade, ou Hernán, primeiro director e alma mater da formación, pero que a máis, ate o seu falecemento, deu carácter á banda e teceu unha rede de contactos e desenvolvemento da que un cuarto de século despois segue a beneficiarse a formación.

      Agora que se achega o 34 aniversario da presentación da banda ribadense, sexan estas verbas unha homenaxe. A esta banda no caso de Ribadeo, a estas bandas no caso de toda Galicia. Formacións que seguen con maior ou menor acerto, a ser artistas, berce de artistas e propagadoras da arte musical para todos nós. Iso, ó tempo que potencian a música na nosa terra, a música dos nosos músicos e a nós mesmos nesa faceta musical e humana.

      Así banda, e Amadores da Música, son historia musical de Ribadeo, historia de Ribadeo e dos ribadenses. Nosa historia.

20250120

Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo

Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo

    Hai pouco tempo, por casualidade, atopei nun expurgo dunha biblioteca un documento que entendo non debera ser expurgado. De feito, levareino de novo de volta por se houbera algún erro nese feito. Ese documento é un exemplar, incluíndo edición facsimilar, do Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo feita pola Fundación Galiza Sempre. Corresponde á edición de 2008, téndose realizado unha edición numerada de 200 exemplares no ano 2000, como consta en folla previa. Ten un formato de tamaño lixeiramente superior ó que podo escanear con tranquilidade cos meus medios, polo que realicei a labor tentando axustar as beiras para que non quedara impresión fóra, a máis do número da páxina correspondente. Máis ou menos, está feito.

    Cando me decatei do que era, o primeiro que fixen foi poñerme en contacto coa fundación para poder reproducilo. Unha vez obtido, queda dar as grazas polo permiso (unha copia do corpo do correo correspondente déixoa baixo o documento), despois de dalas por ter feito a edición. Xusto Bermendi, na introdución, explica ben o contexto, aforrándome o tentar facelo eu con abondo peor calidade. A máis, a transcrición que se fai ó final evita o inconvinte de ler unha letra manuscita (con letra moi lexible), polo que, aparte destas verbas previas, a miña labor limitouse ó escaneo e a ligar os enderezos que considerei convintes da Galipedia para complementar a labor.

    Sinxelamente, espero que servira para dar visibilidade a un documento pouco coñecido polo público en contraste co fito histórico que representa.

    Sen máis,

     Reprodución do corpo do correo co permiso da fundación:

    "Sen problema, sempre e cando, se cite a edición da publicación. O manuscrito que se recolle na publicación foi adquidido pola FGS hai 25 anos e depositado no Museo do Pobo Galego."

Retomando o espazo comunitario

    O venres 24 terá lugar o primeiro acto do que esperamos sexa unha longa andaina. Trátase de facer actividades periódicas relacionadas coa tecnoloxía, a ciencia e o pensamento, coa mira posta na formación e debate entre a xente, incluídos organizadores. Esta primeira sesión, 'Retomando Prazas Públicas', que terá lugar na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho tratará das alternativas libres ás redes sociais e aplicacións relacionadas coas megacorporacións. Alternativas non invasivas da privacidade, sobre as que o usuario teña algún control. Alternativas que volvan  o espazo dixital á praza pública e ás relacións non mediatizadas.

    Estas actividades serán xestionadas polo colectivo amarinha.gal, constituído en inicio por Lucía Ferro, escritora en varias linguas e autora de performances, José Manuel Ventoso, enxeñeiro desenvolvedor de software en varias compañías multinacionais e de xeito independente, e Antonio Gregorio, físico e profesor xubilado.

    Convidámoste a asistir e aportar a túa visión sobre a comunicación á marxe das grandes empresas, ou para saber máis sobre a nosa proposta. Entre outras cousas, temos preparado un fanzine que repartiremos de balde e podes descargar en https://blogs.amarinha.gal/#xuntanzas.