20200630

“300 € por 8,70. Historia dunha viaxe en FEVE”, continuación


No outono, antes da chegada do coronavirus, publiquei unha entrada na que narraba as peripecias dunha viaxe que ía ser en tren cun custe para min de 8,70 €, e que rematou sendo en taxis (así, en plural), cun retardo considerable na chegada e por un importe -a cargo de RENFE- moi superior. Foi a causa dun feito puntual, o que non desculpa que feitos puntuais dese tipo se teñan sucedido de xeito alarmante, cunha solución tan descoordenada como a referida. O que pretendía era poñer de manifesto a desorganización organizada dun tren que presta un servizo esencial á Mariña luguesa, ligándoa a Ferrolterra e a Asturias e vertebrándoa internamente. Desorganización que redundaba a máis de nun mal servizo, nun machaque continuo da infraestrutura e clientela serviciada tendente á desaparición do propio servizo.

Dende aquela, o coronavirus e Alcoa incidiron no tema dun xeito brutal. A empresa, ó anunciar a redución na planta de aluminio, a máis do mal causado de xeito directo, no que se refire a este tema, levaría consigo a desaparición do transporte de aluminio por vía férrea, incidindo nas contas da liña e na posible presión para o mantemento da liña.

En canto ó coronavirus, o illamento e as diferentes fases de volta á normalidade propiciaron un descenso do número de viaxeiros. Mais o caso é que, con esa desculpa, o número de conexións foi reducido, quedando a día de hoxe nunha conexión de ida e outra de volta. Un feito que, hai que recalcalo cando xa estamos no que se pretente normalidade condicionada, non corresponde coa actual situación de fase tras a desescalada. É evidente que se hai unha conexión de ida e outra de volta, salvo quizais para o extremo da liña preto do punto de saída, o tren non pode ser unha solución de desprazamento, tendo que complementar o seu uso con outros medios, para a ida ou para a volta. E iso, nun horario moi reducido, o que ven a engadirse ós males estruturais da FEVE Ferrol - Oviedo/Xixón, de situación das estacións, reviravoltas polas rías, tempo de viaxe, falta de mantemento da vía, ... Males todos eles que non suprimen a necesidade dun xeito de comunicación que non dubido en cualificar de esencial como parte de calquera transporte público na zona á que serve, a máis de -demostrado está- representar un método abondo máis sostible que o predominante por estrada.

20200629

AS MÁMOAS DAS PALLAREGAS. TRABADA . Emilio Piñeiroa Lozano

   A Prehistoria abrangue un longo período de tempo que se inicia coa orixe da especie humana, hai máis de dous millóns de anos, e se estende ata aparición da escritura (300 a. C.).
   Durante miles de anos, o seres humano foi cambiando o seu aspecto físico e aprendeu a fabricar instrumentos, dominar o lume, comunicarse, domesticar animais, etc.
   Destas actividades non existen documentos escritos, unicamente nos chegaron testemuños arqueolóxicos: pedras talladas, fósiles, instrumentos, pinturas, gravados,etc.
   Ao principio, no periodo Paleolítico, a humanidade vivía da caza e da recolección, e era nómade.
   Posteriormente, no Neolítico, aprendeu a domesticar animais e a cultivar a terra, e volveuse sedentario. Xurdiron os primeiros poboados e actividades como o tecido a a cerámica.
   Realizamos unha aproximación á Prehistoria do Concello de Trabada, apoiándonos nas escasas referencias bibliográficas e no informe do Departamento Territorial de Cultura e Turismo de Lugo.
   Debemos advertir que os datos no futuro poden variar somentes como resultado de novos estudos e intervencións arqueolóxicas.
   O obxectivo é conquerir o respeto do noso Patrimonio Cultural e a súa conservación, potenciando o seu coñecemento e o seu disfrute.

O Neolítico: Megalitismo

   Adoitase definir O Neolítico como o periodo no que eclosiona un xeito diferente de produción: o paso da economía baseada na caza, na pesca e na recolleita, ata o sistema no que predomina a agricultura e gandería. As comunidades galaicas coidaban animais coma o porco, a cabra, a ovella e cultivaban cereiais coma o trigo e o centeo. O home era sedentario. É a Idade da Pedra Pulida, comeza no ano 5 000 a .C. e remata tres mil anos despois.

   O Megalitismo caracterízase polas estruturas ou megalitos (mega=grande; lithos=pedra) construídos con grandes pedras, polo que se considera un fenómeno cultural, do que a súa caracteristica máis salientable consiste na construción de monumentos xeralmente funerarios a base de pedras colosais.
   Na área galega o megalitismo está representado por menhires; en Galicia chamámoslles “pedras fitas”, e antas cubertas por túmulos que reciben distintos nomes segundo a zona mámoas, medorras, medoñas, modias, medas, etc.
As pedras fitas relaciónanse co culto ás encrucilladas e ós camiños, así os cruceiros serían os continuadores dese culto.
Gargantáns. Moraña (Pontevedra)
Dombate. Cabana de Bergantiños (A Coruña)

   As mámoas teñen forma circular ou ovalada. Segundo a estrutura arquitectónica das antas podemos distinguir tres grupos: cámaras simples, as chantas (esteios) delimitan un espazo funerario de forma poligonal cuberto por unha laxe horizontal; cámaras con corredor, cámara poligonal aberta da que arrinca un corredor e cámaras rectangulares, de planta rectangular.

   Partes que compoñen o monumento megalítico: mámoa, túmulo de terra con forma de casquete esférico que engloba e protexe o resto do conxunto; no centro atópase a anta, cámara megalítica, espazo onde se depositan os cadáveres; un corredor feito de laxes de menor tamaño, comunica a anta co exterior do monumento.
   Enterramento megalítico. Fonte: Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

   A cronoloxía varía segundo os diferentes investigadores, é un periodo de tempo moi amplo, dende 5 000 anos a.C. ata 2 000 a.C.
   O número de mámoas en Galicia pode ser superior a 5 000. Murguía dicía “ non hai campo ermo en Galiza no que os ollos afeitos non atopen a grande ou pequena mámoa”, se ben moitas perdéronse no decorrer dos anos.
   Actualmente hai catro conxuntos BIC (Ben de Interese Cultural): dolmen de Dombate( Cabana de Bergantiños), a necrópole de Santa Mariña (O Incio, Samos e Sarria), dolmen de Axeitos (Ribeira) e a Casa da Moura de Cabaleiros (Tordoia). A estos unirAnse outros 48 xacementos, entre eles a anta de Santo Tomé. O Valadouro

O Megalitismo no Concello de Trabada

   Segundo o inventario de 1987-88 do Departamento Territorial de Cultura e Turismo. Lugo.

CÓDIGO               NOME PARROQUIA

GA27061001         Mámoa do Marco de Pena Verde San Estevo de Fórnea
GA27061006,7-10 Mámoas das Pallaregas (5) San Mateo de Vidal

   Este mesmo organismo o 29/06/2009 dí: as mámoas das Pallaregas foron inventariadas en 1998, pero é moi probable que non existan, xa que na mesma ficha dánse como pouco probables. Así mesmo, a poucos metros das anteriores, no Monte da Forca había unha mámoa, tiña cámara funeraria ou anta, pero foi totalmente destruída. (1987-88). Un posterior informe deste Departamento sobre As Pallaregas di que pode haber 5 mámoas.

   Plan Xeral de Ordenación Municipal de Trabada 2009. Aprobación Inicial. Elementos que constitúen o Catálogo de bens Arqueolóxicos son:
   En Vilarbetote (Sante): 4 mámoas de O Monte, a morfoloxía orixinal atópase modificada debido ó aplanamento da masa tumular polos traballos agrícolas.
   En Vilapena, 5 mámoas no monte de Liñeiras, así como 3 máis situadas no Chao de Liñeiras, 1 no Chao do Couso e outra nas Campelas, sendo o estado de conservación malo, provocado polos efectos da repoboación forestal.
   No lugar de Cabana, parroquia de Trabada, mámoa de Pico Grande. Masa tumular alterada e situada nunha zona de repoboación forestal.
   En Vidal, no lugar das Pallaregas, 5 mámoas, 3 delas en mal estado debido a que a masa tumular foi rebaixada en altura polas labores forestais. Situadas nunha zona de repoboación forestal.. Dúas destas mámoas atópase en estado regular, ás que lle adicaremos un estudo.

   A investigación baseouse nos traballos de campo ante a ausencia de referencias bibliográficas. Como resultado foi o descubrimento de dúas mámoas nas Pallaregas.

MÁMOAS DAS PALLAREGAS

Situación: Parroquia de Vidal (Trabada)
Parte alta da parroquia de Vidal, na estrada que une Fórnea con Valboa, preto da capela de San Fernando.
Monte de eucaliptos.

MÁMOA 1

X 649071 Coordenadas Latitude: 43º 28´ 30 ´´ N
UTM Xeográficas: Lonxitude: 7º 9´ 26 ´´ W
Y 4815386

Fuso: 29 Altitude(GPS): 347 metros.


Atopamos restos de mámoa, túmulo de terra con forma de casquete circular (16m. de diámetro, aproximadamente). No centro atópase restos da anta, cámara megalítica, espazo onde se depositaban os mortos.
Parte da masa tumular foi destruida por un gran corte lonxitudinal que chega ata o centro da mámoa.
MÁMOA (TÚMULO)

MÁMOA 2
X 648860 Coordenadas Latitude: 43º 28´ 36´9 ´´ N
UTM Xeográficas: Lonxitude: 7º 9´ 34´6 ´´ W
Y 4815508

Fuso: 29 Altitude(GPS): 347 metros.

A mámoa na que está inserida esta anta mide uns 20 metros de diámetro e pódese considerar como o megalito, arquitectonicamente mellor conservado por non dicir o único da Mariña Oriental; na Mariña Central atópase a mámoa de Santo Tomé no Valadouro;

Corresponde ao tipo de anta coa cámara poligonal formada por pedras de mediano tamaño (esteios) lixeiramente inclinados cara ao interior; a pedra cobertora (tapa) atópase fóra dos seu sitio; non hai vestixios do corredor. Arredor da cámara hai estradas pedras miúdas que, probablemente, forman parte da estrutura tumular.

20200623

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE TRIANA.Pancho Campos Dorado

Escudo. Foto con remarque de liñas e orixinal.
   Este escudo de armas atópase no Pazo de Triana de San Miguel de Reinante, actual casa de don José Antonio Dopico Remior quen fixo unha encomiable rehabilitación de dito pazo.
   É un escudo español con barba ou punta a semellanza dos mostrados no Nobiliario Vero de 1492, de Ferrán Mexía (capítulo XXIX). Está timbrado cun casco de cabaleiro fidalgo mirando a destra adornado cun penacho de tres plumas e viseira baixada con reixa, na que se perciben cinco ou sete grilletas (barras verticais que conforman a reixa), polo que pode ser o casco dun fidalgo con título de barón. Está rodeado dun adorno exterior sinxelo a modo de volutas dun pergamiño que se envolven nos soportes laterais e no sostén da punta. Carece de bordura en xefe (en parte alta) e na bordura, dos flancos e punta, pode lerse a lenda: “ARMAS DE LOS MOREDAS, RIBADENEIRAS, AGVIARES ANO DE 1669”.
   Está cuarteado cunha cruz abismada das Armas dos RIBADENEIRA: “en campo de ouro unha cruz cargada de catro veneras de prata”.
   Primeiro cuartel: unha torre donxonada cuberta (que ten sobre unha torre outra torre con tímpano e cuberta en punta). Son as Armas dos MOREDA. Si tivesen esmaltes serían: “en campo de azur un castelo de prata”. (Nota: estas mesmas armas outras veces aparecen con dous noves romanos [IX] un a cada lado do castelo). Esta torre donxonada e cuberta é a mesma figura que aparece no primeiro cuartel do Escudo de Armas da Capela da Virxe de Lourdes da Igrexa Parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo xunto coas armas de consanguinidade dos ACEBEDO, cuxo relato fixen no capítulo vinte cinco do libro “Escudos de Armas do Concello de Ribadeo” que proximamente espero volver a presentar, e que non houbo lugar até o de agora a causa da pandemia. Perdón polo inciso.
   Segundo cuartel: unha árbore arrincada ou desenraizada. A torre donxonada dos MOREDA e a árbore surmontada de estrelas e un crecente ranversado, aparecen no primeiro cuartel do escudo de Armas da Capela da Virxe de Lourdes da Igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, cuxo brasón pertence as antigas e primitivas Armas dos ACEBEDO (tamén en La Comarca del Eo 6-Maio-2017).
Esta árbore, sen can, aseméllase á dos ACEVEDO do 2º cuartel da casa de D. CARLOS MIGUEL ACEVEDO PARDO Y TABOADA, coñecida como a casa da Aduana Vella sita no Porto de Porcillán de Ribadeo, quen é un dos fillos e herdeiros de Dª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA, petrucia da “Casa Torre de Pumarín” tamén de San Miguel de Reinante) (Nota: hai a dobre grafía con “V” e con “B” dos ACEVEDO e ACEBEDO, que nós anotamos tal e como aparecen nos brasóns).
   Terceiro cuartel: unha aguia mirando a sinistra co voo baixado ou de ás caídas. Son as Armas dos AGUIAR.
   Cuarto cuartel: “tres cunchas de vieira (veneras) ben ordenadas” (dúas en xefe ou parte alta, e unha en punta, ou parte baixa). Poden ser armas dos BELLOCH, de orixe xudío, cuxo 1º cabaleiro, do século X, chamábase Guiberto ou Wiberto: “en campo de goles tres veneras de ouro, ben ordenadas” // tamén puideran ser: “en campo de azur tres veneras de ouro”, neste caso, mal ordenadas ou colocadas a inversa: unha en xefe e dúas en punta, correspondentes ao 2º cuartel do escudo cortado de Mondoñedo, cuxa posible relación sería que nalgún tempo houbera un matrimonio AGUIAR de MONDOÑEDO, desta extensa consanguinidade dos MOREDA e RIBADENEIRA, ou un vínculo de maiorazgo, patronato ou de aforamento de territorio co bispado de Mondoñedo.
   Primeiro e segundo cuartel, poden ser de D. RODRIGO DE MOREDA. (Ámbolos dous semellantes os da páx. 97 da Heráldica do Municipio de Mondoñedo, autora: Olalla Rúa Veloso, 2005 // tamén como o escudo da Casa de la Rocha de San Cosme de Barreiros)

   XENEALOXÍA

   A máis antiga e documentada comeza con: D. RUY FERNÁNDEZ DE MOREDA casado con Dª MARÍA FERNÁNDEZ foron pais de D. JUAN DE MOREDA veciño de San Miguel de Reinante (Barreiros) que gañou Executoria de Fidalguía na Real Chancelaría de Valladolid o 10-Maio-1488, confirmada o 5-Marzo-1495, ambas presentadas nun preito por D. RODRIGO DE MOREDA no ano 1568 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Tomo III, 2ª Edición do Mosteiro de Poio, páx.326).
1.- Executoria de fidalguía a favor de Juan de Moreda, veciño da freguesía de San Cosme de Barreiros (Lugo) Ano 1488. (Cód. Ref: ES.47186.ARCHV/6.5//PERGAMINOS,CAJA,72,7)
   Tamén como nota curiosa aparece nesta mesma dirección:
Os veciños de Santiago de Foz con García de Moreda e máis veciños de San Cosme de Barreiros. Auto ordinario sobre pesca de sardiña. Ano 1588.
   Por outra banda, tamén sabemos polos libros da Igrexa de San Miguel de Reinante (Arquivo Diocesano de Mondoñedo):
1. Pedro Moreda Rivadeneira y Aguiar. Fundou a capelanía de San Pedro na igrexa de San Miguel de Reinante e era párroco de dita igrexa xa no 1655. Do ano 1688 ao 1713 aproximadamente deixa a capelanía a cargo de Miguel de Moreda Rivadeneria y Aguiar.
2. Francisco Moreda Rivadeneira y Aguiar está casado con Catalina Blanco (t.p.f.)
1. Gregorio Moreda Rivadeneira y Aguiar. Nace en 1688, e son seus padriños de bautismo o cura D. Luis Pardo Taboada e D.ª Isabel Villarmea.
   Na lenda do escudo vemos que a data é do ano 1669 cuxa contemporaneidade cadra con toda esta familia que imos atopando e que falta por determinar e concretar a súa ascendencia e descendencia.

20200622

Ocasións perdidas

   22 de febreiro de 2003. En Ribadeo convocábase á xente interesada para a asistencia a unha xuntanza aberta, de carácter internacional, para introdución ó teletraballo. Era unha das accións realizadas dentro do proxecto TES (Teleworking Education System), no que participaba un centro educativo ribadense, o IES Porta da Auga. Na xuntanza analizaríanse en particular dous aspectos claves: as avantaxes e inconvenientes do teletraballo (é dicir, o que representaba de disrupción respecto ó xeito tradicional) e a formación para poder levalo a cabo (é dicir, a preparación conveniente).
   Dous anos despois, en maio de 2005, tivo lugar outra xuntanza aberta para outro proxecto europeo, HeLPS (High e-Learning Professional Skills), sobre o entorno convinte para eLearning, ensino a distancia por medios electrónicos. Ámbolos dous proxectos tiveron eloxios por parte das comisións de avaliación correspondentes da UE. Ámbolos dous tiveron unha repercusión (practicamente) nula na práctica diaria e a concepción do traballo e o ensino a distancia na nosa zona.
   No 2006 aínda aparecen de xeito derivado un par de entradas nun blog de ensino sobre o tema, a conto da presentación dunha ponencia nun congreso.
   Estamos a falar de hai abondos anos. Certo que se ten progresado moito no teletraballo e ensino por medios electrónicos, pero non é menos certo que foi unha ocasión dilapidada pola nosa sociedade, ribadense, mariñá, galega, para emprender un camiño cara a un futuro que para ben ou para mal xa nos alcanzou meses atrás.
   É doado dicir as cousas mirando para o pasado, e máis quizais cando pode expresar unha certa implicación por ter estado metido no allo. Mais, (e máis aínda en período preelectoral, en realidade, re-preelectoral) cabe lembrar a falta de visión institucional e social non só dun partido, senón máis ou menos do espectro partidario en conxunto, e da sociedade daquel entón, para aproveitar uns momentos que parece poderían ter facilitado unha transformación suave, programada e ben feita. Un cambio que agora se ve como necesario e urxente. Ademais de terse perdido o seu aproveito dende aquela.
   É o único caso? Nin moito menos. Non é a primeira vez que saco o tema do 'Plan E', maquinado contra a crise do ladrillo. As axudas daquel plan, onde foron parar? Pois a máis cemento. Non se aproveitaron para unha reconversión, abrir vieiros en campos novos ou preparar á xente, senón en facer máis do mesmo que levara á catástrofe. Por que? Quizais por ser o que sabía facer a xente, o que estaban a facer as empresas... alto! Non lembra todo isto unha crise actual que está a pasar a nosa bisbarra?

20200620

OS MUIÑOS DE VENTO DE RIBADEO. Emilio Piñeiroa

   O estudo do patrimonio cultural do Concello de Ribadeo ofrécenos diversas posibilidades, ao tratarse dunha vila medieval cargada de historia; podíamos estudar o Ribadeo antigo (muralla, rúas…) así como igrexas, capelas, fontes, cabozos, o Camiño Norte de Santiago, muíños de auga... Imos estudar un tipo de construción descoñecida para moitos dos veciños de Ribadeo: os muíños de vento.
   Sempre que se fala destas construcións relacionámolas con D. Quixote e coa Mancha. Temos constancia da existencia de dous muíños deste tipo, un en Vilaselán (hoxe desaparecido) e outro en Palmeira, na parroquia de Ove, que conserva a estrutura de pedra.

   Quero dar as grazas a Mercedes, José e Felipe de Casa do Treixo de Palmeira e a Marcelino do Cargadoiro pola súa colaboración e boa disposición para facer posible este traballo; sen a súa información non poderiamos levalo a cabo.

   Un muíño (do latín molinum) é un artificio para moer algo; o máis habitual son os cereais, especialmente o trigo e o millo, para obter fariña.
Xeralmente constaba dunha pedra circular fixa sobre a que se move outra troncocónica que ao xirar segue a forma da anterior. Tamén pode ter forma de disco e entón chámase moa. Para mover a pedra utilizábase a enerxía eólica (muíño de vento), a hidráulica (muíño de auga) e animais (muíño de sangue).
   Os muíños de vento máis famosos, grazas a don Quixote, son os da Mancha, pero habiaos por todas partes e moi especialmente no centro e sur de España. Tamén son famosos os dos Países Baixos.


OS MUÍÑOS DE VENTO DE GALICIA

   Galicia ofrece grandes posibilidades para este tipo de muíños, en xeral, por toda a costa polo efecto do mar, por ser zona de ventos continuos e fortes.
    O seu número non é moi elevado, se o comparamos cos muíños de auga. Existe documentación dende o século XVI. A maioría foron creados no século XVIII para aproveitar o abundante millo que chegaba de América. Coa enerxía eléctrica foron desaparecendo progresivamente, quedando para uso doméstico. A maior parte están en ruínas ou xa non existen: Aguiño, Illa de Arousa, A Coruña, Muros, Laxe, Camariñas, Ortigueira… só por citar algúns dos lugares onde houbo ou hai este tipo de muíños. En Catoira, atópase un dos muíños de vento más antigos de Galicia que segue funcionando.
   Dentro da clasificación podemos citar dous tipos:
* Muíños fixos de torre: os abanos van fixos e saen da parede. Estes muíños teñen un dobre sistema de abanos para poder aproveitar o vento de direccións opostas.
* Muíños cun teito cónico móvil que xira para orientar as aspas ou velas: son pequenas construcións de pedra de cuberta cónica, a unha ou dúas augas, con abanos ou con velas para recoller o vento; os abanos son tablas unidas entre si que forman unhas pezas rectangulares, que se colocan nunha estrutura de madeira que forma a viga horizontal que atravesa a parede ou teito e os vareiros.
   A cuberta é xiratoria, por ela sae o eixe que sostén o sistema motor. Para que xire a cuberta o sistema é o seguinte: no remate superior do muro da torre van unhas pezas de cantería cunha pequena canle que percorre toda a circunferencia; a cuberta que é cónica, leva na base unhas rodas que circulan por esa canle, faise xirar por medio dun paso longo exterior e así se acada a orientación desexada, amárrase a unhas estacas espetadas no chan.
   Ó xirar as aspas, a viga ou eixe horizontal xira tamén e pon en movemento a roda vertical, provista duns dentes que se insiren noutra roda máis pequena, o piñón, que finalmente move a moa.
   Mentres que o muíño está traballando, hai que botar auga no grilo e ra, para que non se quente en exceso.
   Para frear e parar o muíño hai unha viga que se fai baixar sobre a viga horizontal.
   O muíño é unha construción relevante no mundo rural, xeralmente pertence a un único propietario.
   O oficio de muiñeiro desenrolábanno homes e mulleres, anque polo xeral era o home quen o dirixía e a muller axudáballe.
   A xente da parroquia, e incluso doutras parroquias, vai a miúdo cos seus sacos de gran e o muiñeiro cóbralles de dúas maneiras: en diñeiro ou co sistema de maquía, o máis empregado, e que consiste en tomar unha porción do gran que se moe; esta porción tómase por ferrado.
   O muíño sempre foi un lugar de relacións entre veciños, cando acudían a el para moer, xuntábanse e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Actualmente estos costumes desapareceron.
   No muíño xurdiron cancións, refráns, contos…

A muiñeira

Ó muíño de meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.

Meu meniño, durme, durme,
que teño que ir ó muíño,
teño que ir pola fariña,
para fague-lo panciño.

Fun esta noite ao muíño,
non moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo,
iso foi o que ganei.

OS MUIÑOS DE VENTO DE RIBADEO


   No concello de Ribadeo sabemos que na primeira metade do século XX había dous: un na parroquia de Vilaselán, que hoxe non existe e un segundo na parroquia de Ove no lugar de Palmeira.

O muíño de vento de Vilaselán.

   Situado no Cargadoiro, nun lugar elevado cara á ría, chamado tamén “molino de Puerto Estrrecho“.
   Segundo o historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios, o arquivo do Reino de Galicia atesoura un documento datado en o 4 de xullo de 1810, nesta documentación o muíño de Vilaselán pertencía a don Francisco María Amor, veciño e comerciante de Ribadeo, que llo mandara edificar a Lois López, natural de Vilamor (Mondoñedo). Tendo en conta a documentación, o muíño comezara a funcionar no ano 1807. A súa función era moer gran para, coa fariña resultante, abastecer tanto á poboación civil como aos militares,
   Nos “Planos del Puerto de Cedeira y de las rías de Vivero y Ribadeo” realizado polo Teniente de Navío D. Pedro Riudavest en 1868, e a rectificación polo mesmo en 1882, aparece en Ribadeo a referencia, “Molino de viento”, podéndose tratar deste muíño.
   Non quedan restos deste muíño. Foi demolido por atoparse en estado ruinoso en 1955, segundo afirma Marcelino Díaz Irimia, actual dono da casa que ocupa o seu lugar (parte desta e do muro que pecha a finca fíxose coa pedra do muíño ). O seu avó, Marcelino Irimia González, empregado municipal, que viñera en 1927 de Vilarpescozo (Meira) comprárallo ao pintor José Cuervo Cortés. Despois herdouno a súa filla Eugenia Irimia Fernández.
   Dito muíño tiña uns seis metros de diámetro por sete de alto e o groso da parede setenta centímetros.


O muíño de vento de Palmeira (Ove):

   Emprazamento: nun outeiro nun lugar moi venteado e apartado pero non lonxe das casas.
   Propiedade: pertence a D. Felipe Pulpeiro, da casa do Treixo.
   Cronoloxía: construído polo pai do anterior, tamén de nome Felipe Pulpeiro, en 1888. Para erguer o muíño viñeron os canteiros de Ferreira.
   Tipoloxía: muíño fixo de torre con cuberta xiratoria.
   Descrición:
   Elementos construtivos: non ten plataforma propiamente pero si unha elevación de 2 m de ancho. A torre é cilíndrica, de fábrica de cachote tomado con barro e sen perpiaños nos vans; polo exterior presenta uns orificios para os paxaros. Ten unha porta ao noroeste cunha fiestra por cima; catro fiestras situadas dúas na planta baixa e dúas na alta, simétricas, nas caras N e S respectivamente; presentan marcos de madeira nos linteis. No remate superior dos muros, canterías para xirar a cuberta.
   No interior hai restos de viga de madeira; tiña unha escaleira para subir á planta alta, que sería de madeira e da que non quedan restos.
   As dimensións principias son: diámetro interior 5,05 m; grosor muros 0,85 m; altura aproximada 6,50 m; a planta alta estaba situada a 2,50 m; a porta ten un ancho considerabel de 1,10 m e unha altura de 2,10 m.
   A cuberta tiña un armazón de madeira, de forma cónica e levaba cinc.


   Elementos mecánicos: O sistema xiratorio da cuberta consistía nunha canaleta de ferro colocada nas canterías superiores dos muros, sobre da que circulaban 20 rodiñas de ferro. Para orientar esta, facíano coas vacas que turraban dun pau longo (rabo) que baixaba dende o extremo da mesma; unha vez disposto na colocación axeitada, amarrábase este pau a unha das estacas que había arredor da torre; desta maneira o muíño traballaba a vento fixo.
   Tiña catro velas de lona con corda de cánabo e argolas para amarralas.
   Era de dúas moas, capas e pés; unha para o trigo, francesa, e outra para o millo.
   A roda dos engranaxes era de ferro pero os dentes estaban feitos con cerna de carballo.
   Estado actual: consérvanse os muros da torre en moi bo estado. Da cuberta non quedan restos así como dos elementos mecánicos. Deixou de traballar algo antes do ano 1920, e cando o desmontaron, aproveitouse a moa francesa para o muíño de Meredo.

   O propietario conserva algunha peza solta dos elementos mecánicos.

1-Instrumentos para picar a moa.
2.Rodiña de ferro do sistema xiratorio da cuberta.



EMILIO PIÑEIROA LOZANO





20200619

Desfrutemos sen aglomeracións. Pablo Mosquera

As pandemías son cíclicas. Dende tempos inmemoriais nas facultades de Medicina ensínase o sistema sanitario para controlalas. Dende o axente causal, ata as súas consecuencias socio-sanitarias, pasando polos mecanismos que evitan o contaxio, os rebrotes e as novas ondadas.
O medo é persoal pero transferible. Especialmente cando se basea no principio de incerteza. Tal, está no centro do triángulo que o compoñen: Ausencia de tratamento causal -vacinas ou seros autoinmunes-. Desconfianza polo espazo que deberían ocupar os expertos e ocupan os políticos como arma arroxadiza. O destino que sinala unha segunda onda cun virus máis patóxeno. -ver os "brotes" en Irán, China, Alemaña, América e ... a gran incógnita: África.
Pero deberiamos reflexionar. Hai moitos galegos que viven en Madrid e Barcelona. Agardan o verán para volver ás súas orixes. Precisamente por ese xeito de ser que nos fixo emigrar das nosas parroquias ás grandes cidades, sen nunca deixar de sentirnos galegos, sen deixar de sentirnos fóra dos nosos fogares, polo tanto contando os meses e os días que quedan para volver ao noso lar. .
En marzo de 1934 podía lerse nunha prestixiosa publicación dos galegos en Madrid. "Xa vedes que mantemos vivos os sentimentos de gratitude que a nosa querida terra soubo inculcar en nós e que mantemos os nosos esforzos fieis a eles".
Lembremos que foron aqueles galegos ausentes os que tiveron a visión crítica necesaria para, ó volver, poñer a semente doutra actitude. "Portugal e Galicia, dentro da zona atlántica, ven morrer o sol. Galicia resignouse a vivir pola noite baixo o romanticismo da lúa. Portugal non se contentou con ver o sol caer nas augas mariñas e emprendeu así unha viaxe soñadora onde verqueu a súa acción e foi tras do sol ".
Para os galegos, volver á terra é tanto como respirar. Pero Galicia carece dos coñecementos e actitudes que os seus fillos acuñaron lonxe e que invisten cando volven, dando lugar a impulsos que moven conciencias sociais latentes.
O noso verán 2020 debe ser hospitalario. Agarimoso cos que pasan o ano pendentes da súa comarca, concello, parroquia, amigos e familiares. Ser galego non é só identidade, é unha forma de estar no mundo. Unha válvula de escape que algúns empregamos, pechando os ollos e voando en momentos terribles como ese país vasco no que os nenos ao escoitar un boom, non pensaban nun foguete de feira, xa se acostumaran ao estourido das bombas. E pregúntome. Como o tería levado se unha pandemia me impedise volver á miña Mariña por razóns de epidemia e medos de veciñais? E digo isto a sabendas. Nunha reunión veciñal dixéronme que me deberían sinalar para que me abstivese de volver, non fora causa para un ataque de ETA que cobrara algunha vida no edificio onde a maioría non eran, nin son galegos.
Debemos, máis que nunca, acoller aos que volven este verán. Necesítano e demandan a nosa cultura, lingua e formas de vivir. Debemos compatibilizala coa Pandemia. A estilo Mariñán, sen aglomeracións, con eses espazos xenerosos que se atopan entre praias, soutos, fragas e portos. Aínda que temos que renunciar a festas con grandes orquestras que, ao contrario que Variedades ou Píndaros, son máis un espectáculo de luz e son para multitudes, que música.

20200618

Capela de S. Isidro en Marelle (Covelas). E. Piñeiroa




En Slideshare:

Marcha cívica en Ribadeo

Hoxe, 18 de xuño, tivo lugar a marcha cívica en Ribadeo, convocada a prol dos Serviciós de atención e na que se gardou un minuto de silencio polos mortos nas residencias a mans do COVID-19.
Foron lidos un comunicado de MODEPEN, a cargo da organización do acto, e o manifesto das traballadoras de residencias (TREGA) para as marchas cívicas deste xuño, Ambos quedan a continuación, despois das fotos de Suso Fernández reflectindo o que é unha aproximación á normalidade nas manifestacións:





20200617

Licenza en pleno confinamento. Nota de prensa Colectivo POR NUESTRO FARO


   No dia de hoxe, 16 de Xuño enterámonos pola prensa de que o Concello de Ribadeo ven de outorgar a licencia de obras para a construcción de unha cafetería na Illa Pancha. Tamén nos enteramos pola prensa de que este novo expediente vense tramitando dende maio de 2019. A primeira noticia deste asunto tivémola, tamén polos medios de comunicación, o día 22 de xaneiro de 2020. Ao día seguinte presentamos un escrito no rexistro do concello solicitando consultar o devandito expediente, por considerarnos parte interesada. Con data de 11.2.2020 recibimos un escrito do concello notificándonos que tíñamos que acreditar a representatividade do noso colectivo, cousa que cumplimentamos en tempo e forma o día 27 do mesmo mes. Como é sabido a actividade das administracións suspéndeuse o dia 14 de Marzo polo estado de alarma e xa non volvemos a recibir nengunha resposta escrita á nosa solicitude. Polo medio tivemos entrevistas personais con funcionarios, sempre amabeis e cordiais, pero sen negunha resposta oficial.

   Debemos suliñar aquí o extrano destes novos trámites sobre a representatividade do colectivo POR NUESTRO FARO, sendo que o propio concello nos remitiu o día 18.12.2019 unha proposta para personarnos “ como parte interesada” nun contencioso iniciado anteriormente pola empresa concesionaria contra o concello de Ribadeo. Ou sexa en decembro o concello de Ribadeo recoñecía a nosa representatividade, nada menos que a efectos de intervir nun contencioso, pero en xaneiro xa cambiaran as tornas, Estes son os feitos para o coñecemento de quen esteña interesado.

   Pola nosa banda so imos lembrar que o anterior proxecto de cafetería foi rexeitado pola D. Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia pero, dende o noso ponto vista o mais rechamante deste longo proceso é que o informe do Defensor del Pueblo de xaneiro de 2016, ratificado tres veces mais nos meses posteriores, denunciaba a falla de Informe de Impacto Medioambiental preceptivo para este tipo de actividades nunha zona protexida pola Rede Natura 2000. Lembraremos tamén que o propio Ministerio de Fomento recoñeceu que faltaba ese informe e comprometeuse a realizalo, sin embargo nunca se chegou a cumplir ese compromiso, nen esixilo o concello de Ribadeo.

   Pola outra banda está pendente de resolución o proxecto de legalización da fosa séptica construida en maio de 2017 que verquería cara ao canle entre a illa e a costa. Asemade descoñecemos como se vai resolver o problema dos verquidos da cafetería que, presuntamente irían cara á vertente norte da illa. Semella, xa que logo, que nengún trámite pendente impide levar adiante a escalada de privatización da illa Pancha.

   Polo momento estamos estudando os pasos a seguir nos próximos días. Folga suliñar que segueremos defendendo o que consideramos un dereito básico dos veciños e veciñas de Ribadeo: que a Illa Pancha e o edificio do faro sexan un espazo e unha dotación de uso público e que se revise o cumplimento de toda a normativa vixente nos trámites administrativos e legais que levaron á situación actual.

   En todo caso confirmamos o que vimos decindo dende o comezo. Aquí hai unha ocultación sistemática de información, que os seus motivos terá e que se confirma no caso actual: un ano ocultando o novo proxecto de cafetería á opinión pública e cinco meses negando ao noso grupo o acceso a un expediente de interés público para rematar aprobandoo ao abeiro do coronavirus. E como sempre nen miga de información na páxina web do concello.

   Colectivo POR NUESTRO FARO

20200616

Apertura, cartos, servicio público. O comercio en Ribadeo.

   Dende xente que preparou para abrir a xente que declara que non abre ata que cheguen os asturianos, porque non compensa. Pasando polos que necesitan adecuar o negocio e tempo para facelo... múltiples casuísticas que non dependen só do tipo de negocio, senón da orientación, pero tamén da mentalidade do empresario e consideración ós veciños. Xente que servía cafés de xeito gratuíto, como un servizo (non podía cobralos, facer negocio, por non poder abrir comercialmente, pero tamén podía ter pasado) e xente que prioriza o beneficio a curto prazo (negocio, ó fin)
   Si, estamos falando de xente-negocio...
   Sobre o tema pódese apuntar moito. Así, noutros lugares... Que pasou? Que segue a pasar? As fronteiras son permeables... pero tamén hai un comercio provincial, a máis do interrprovincial, que considerar. E máis nestes tempos de cerres á circulación 'con xeometría variable'.
   Ou sobre as axudas e demáis do que se está a falar como apoio, substitución ou sinxelo 'lucro cesante': todo empresario parace ter dereito a axuda. E parece evidente que se se axuda ás empresas os cartos teñen que saír de algures. Quizáis de ti? Ou ti tamén esperas axuda, o mesmo que cando houbo o rescate dos bancos?
   Algo para pensar, a imbricación do 'negocio' no pobo, como servicio á xente. E é que o 'o beneficio primeiro' non vai coa xente, que -oh, paradoxo!- é a que dá o beneficio, senón parece que contra a xente.
   Ribadeo depende doutra xente e iso vai na espera dunha máis rápida recuperación. De aí que se pida a apertura de límites con máis intensidade que noutros lugares. Todo fai patria, chica e grande. Non?
   ... Para cavilar máis.

20200615

Educación post primeira onda do COVID

   Din que se aprende moito por imitación. Que a educación é a clave do futuro. Que a loita contra o COVID-19 pasa tamén pola nosa propia educación. Que a educación formal nesta España nosa está de capa caída por culpa do(s) goberno(s) que priorizan en contra do ensino (e da educación, nin se sabe)... Mellor voltar á primeira frase: van embaixo, para analizar esa posibilidade de imitación, varias novas que se poden atopar nos xornais estes días, aínda que unhas de xeito máis doado que outras...
   1.Nun caso moi ilustrativo sobre o valor da educación, con poucas horas de diferenza, miro dúas novas relacionadas. Na primeira, dous grandes clubes -é dicir, de fútbol- fan unha petición de 200 millóns de euros para pagar ó seu persoal estelar. Obtén unha ampla difusión. A segunda ten menor difusión. Trátase dun dos deportistas motivo de que os clubes pidan cartos públicos, cun coche novo. Cunha particularidade, o Bugatti sobrepasa ben os dous millóns de euros. Poden botarse contas de canto tempo necesita quen está lendo para obter eses cartos (non digo para aforralos). A dicir que o caso non é único esta primavera.
   2.Outro par de novas relacionadas entre si: un presidente autonómico pide, encarando o fin do estado de alarma, adicar a outras cousas os cartos propostos polo estado para a adecuación da educación á situación actual co COVID-19. Antes de 24 horas, nesa mesma autonomía explícase que se rebaixan as condicións de separación de alumnado nas aulas para o próximo curso debido ó seu custe.
   3.O satélite SEOSAT-Ingenio está listo para enviar á base de lanzamento. Esta é quizáis a máis difícil de atopar das novas citadas, pois ó fin, trátase dunha aplicación tecnolóxica con fins científicos, e leva só oito anos de atraso sobre os tempos previstos. Pode que por iso ó proxecto -español- non tiveran tempo de poñerlle un nome completo en castelán e quedara co de “Scientific Earth Observation Satellite”, SEOSAT.
   Poderíamos seguir con moitos, moitos máis exemplos grandes e pequenos, difundidos ou máis calados, que animan a cultivar a educación persoal e social neste lugar que se chama España. Mais polo momento, podemos sacar algunhas leccións:
   *Os cartos son máis importantes para os ricos (e os ricos para os cartos) que para a educación (e a educación para os cartos).
   *Non importa ter cartos para educación: ó fin, poden cambiarse os criterios e xa non son necesarios.
   *Non fai falta ter en conta, en moita consideración, a propia lingua, pois quen está a querela cambiar por outra parece que tampouco considera moito a súa propia.
   Unha nota final: pensa se te gusta imitar a proposta que te fan con esas novas.

20200612

Unha festa, unha música

Unha festa, unha música é un artigo feito para o libro das festas patronais de Ribadeo 2001. Aí vai:






Manifestación o 18 de xuño en Ribadeo, ás 12 horas diante do concello

Recorto dunha foto de Suso Fernández o cartel que serviu o pasado 11 de xuño en Lugo para encabezar unha manifestación polos servizos públicos, residencias e sanidade incluídas, pero abranguendo toda a gama de servizos. Uns servizos que necesitan o apoio de todos para ter dotación abonda e ser subministrados en condicións. Para todos.
O próximo xoves 18 de xuño terá lugar en Ribadeo unha concentración ás 12 diante do concello co mesmo fin: reclamar servizos públicos dignos.
Nota:
Por certo, nesa e nas outras fotos que difundiu Suso, vese que se cumpren folgadamente os criterios de separación e enmascaramento, por se houbera dúbidas

O proxecto Rebinxe

Non é a primeira vez que o proxecto Rebinxe ten espazo nun blog de Ribadeo. Nin moito menos, a primeira vez que se lle da difusión fóra de Mondoñedo ó proxecto liderado por Óscar Chao. Mais o caso é que, con varios anos ás costas, o proxecto non recúa en actividade, nin co coronavirus polo medio. A última nova é a súa aparición en El Salto, cun título chamativo como "Proxecto Rebinxe: ciencia cidadá para mellorar a situación da fauna galega".
Coido que se poden dicir moitas cousas -máis a estas alturas que cando o coñecín por primeira vez hai varios anos- sobre o proxecto Rebinxe, a máis da súa compoñente didáctica, pero, dao que a ligazón do artigo no El Salto é unha entrevista, coido é mellor lela alí mesmo. Bo proveito!
Antonio Sandoval (á nosa esquerda) con Óscar Chao (der.) na presentación dun libro en Ribadeo. Óscar ten colaborado coa AVV O Tesón ou con Por Nuestro Faro, entre outras actividades desenvolvidas en Ribadeo.

20200610

Nestes tempos despois da primeira fase do coronavirus

Nestes tempos despois da primeira fase do coronavirus parece que estamos a restablecer a que se da por chamar ‘nova normalidade’. Para comezar, se é ‘nova’ xa non se trata de ‘restablecer’, e polo momento ao menos, non será tampouco ‘normalidade’. Quizais máis adiante.
Por outra banda, algo complexo, pois para comezar, non se sabe se nese ‘máis adiante’ antes citado (fin do verán, outono...) volveremos ter outra ‘anormalidade’ relacionada co coronavirus ou non. Tampouco se sabe ata que punto cousas que xa cambiaron forman parte da normalidade, é dicir, non voltarán cambiar para facerse normais no sentido das vellas normas, senón que son agora e serán xa norma de cara ó futuro. E iso, a nivel xeral. Porque está claro que o illamento non telemático polo coronavirus fixo achegar máis o distante, mentres nos afastou do próximo que non podemos conectar a berros dende a casa. E non nos enganemos, os paseos de moita xente o primeiro día de desconfinamento, apoiados pola boa temperie, significaron ansia de liberdade e gusto vital, non achegamento á natureza ou ós veciños.
Así, as cousas locais ou comarcais parecen máis dispersas na morea das estatais ou mundiais. Algo como se agora poidéramos ver máis afastados da realidade cotiá e por iso non nos fixásemos nos detalles. Pode que por iso aínda causaran máis impacto cousas como a diminución de traballo en Alcoa San Cibrao, que quen máis, quen menos, vía vir. Mais, a carón do interese que move un feito como o da antiga INESPAL (ven ben lembrar o nome por máis dunha razón, aínda que agora mesmo estea descontextualizado), non deixa de tomarse como algo puntual, mentres os asuntos comunitarios seguen abandonados en mans dos chamados ‘políticos’. Seguimos -e quizais máis que antes- desconectados dos centros municipais ou centrados en criticar o goberno máis que en tentar gobernar na medida das nosas posibilidades, que non se reducen a un voto cada catro anos. Seguimos mirando ó pasado e non ó futuro -pode que por medos de diversos tipos- con dúas premisas fundamentais relacionadas: nós non temos culpa do pasado, (porque) o futuro é cousa da planificación dos políticos, que para iso son os nosos servintes. Si? E nós? Diría que seguimos a velas vir... se non fose porque afeitos a mirar para outro lado, distraídos, o equivalente de mirar para todos os lados ou mellor, para ningures, nin se ven vir.
Durante o máxima restrición de movementos había unha tendencia a pensar que disto sairíamos mellores: máis preparados para o que viñera, máis conscientes das nosas debilidades e da débeda co noso entorno, tanto material como natural como persoal, e polo tanto, máis proactivos, reforzados na nosa sociedade, máis vivos, cunha vida máis plena. Mais somos seres de costumes, e non se cambian tan pronto, mesmo aínda cando se note unha certa persistencia dos paseos-exercicio polo campo como excepción ou esperanza.
Mentres, xa está aquí o verán, coas súas esperanzas e temores asociados, que para algo somos un pouco contraditorios, para ben e para mal. Que aproveite (o quete máis probabilidades de suceder se o preparaches).

20200608

Bótalle unha ollada ó plan especial de protección das Catedrais

Anos. Anos leva de recorrido ata hoxe o Plan especial de protección das Catedrais. Máis de media década. Aquí, no blog, hai diversas entradas, comentarios, alegacións, etc, deixados ó longo do tempo. Mañá, martes, ás 19:30, será a aprobación definitiva (coa maioría do BNG no concello, unha vez presentada a pleno, está asegurada a súa aprobación). O plan podes velo aquí: é a túa última oportunidade antes de que sexa aprobado. A última oportunidade de exercer un mínimo dereito como cidadán, o de estar enterado da normativa que se pretende para un espazo hoxe por hoxe fundamental para Ribadeo. É dicir, en parte, trátase do teu futuro, e de deixalo correr ou tentar coller as rendas.
Na mesma nota de prensa de notificación aparece que mañá haberá non un, senón dous plenos extraordinarios, tratando a demais do plan das catedrais as consecuencias económicas da COVID-19 ou o novo convenio con ACISA (2020-2023). O acceso ó Salón de Plenos requerirá as medidas de protección oportunas ás xuntanzas en recintos cerrados. Máis aló das mesmas, será público, segundo remato de confirmar por teléfono.
Documentos (tamén presentados ó final da entrada):
A nota de prensa da alcaldía.
O Decreto do pleno de aprobación do plan das Catedrais.
O Decreto do segundo pleno especial a celebrar



-A nota de prensa:
"Plan Especial das Catedrais
05/06/2020

O Concello de Ribadeo acollerá a celebración de dous plenos extraordinarios o vindeiro martes, 9 de xuño. Na primeira das sesións, prevista para as 19:30 horas, someterase a aprobación definitiva o Plan Especial de Protección das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "se trata dun instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos e para que os centos de miles de visitantes que están vindo, sigan vindo e vaian valorando, se cabe, moito máis a marabilla que temos en Ribadeo". A pleno irá tamén o convenio de colaboración con Acisa para o período 2020/2022 por importe de 55.000 euros, así como unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo para igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia de maiores.

O rexedor ribadense dixo que "agora que estamos indo paseniñamente cara a unha normalización, para a semana que ven imos facer dous plenos, un deles a petición do PP para falar das consecuencias económicas do Covid e outro pleno, tamén extraordinario, onde se van tratar numerosos aspectos de transcendencia para Ribadeo, tanto no presente máis inmediato como no futuro próximo. Estamos poñendo bases sólidas para seguir traballando para ben dos nosos veciños e veciñas. Levaremos puntos sobre asuntos da economía municipal, de axustes que temos que facer para cumprir coas leis do Estado, que resultan paradóxicas para os Concellos. Neste caso por gastar o ano pasado máis recursos nosos do que a lei nos permitía, agora teremos que neste 2020 gastar menos. Esperemos que tanto a Federación de Concellos do Estado como a Federación de Concellos de Galicia convenzan ao goberno do Estado para que elimine estes corsés, absurdos neste momento, que están creados no ano 2012 pero que a día de hoxe resultan totalmente inadmisibles para os Concellos porque a responsabilidade dun Concello é que poida destinar os seus recursos a onde o Concello estime e logo sexa a cidadanía quen valide se as inversións estiveron ben ou estiveron mal".

O alcalde explicou que "neste pleno tamén daremos conta de todos os decretos que fomos creando nesta crise do Covid e onde se estableceron todas as medidas de suspensión no pagamento de determinadas taxas e tributos como poden ser a da auga, do lixo ou do saneamento para todas aquelas iniciativas económicas que por decreto tiveron que cesar a súa actividade, así como outras taxas como a do mercado, a zona ORA, as ocupacións de vía pública, etc…, e os cambios nas normativas para facilitar medidas para a hostalería e para os servizos".

Suárez Barcia contou que "a maiores disto levaremos unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo de Ribadeo no sentido de igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia. Con isto o que pretendemos é ir pouco a pouco igualando os dous sistemas e queremos tamén que quede aberta a posibilidade de que poida acceder xente que non sexa de Ribadeo, aínda que os de Ribadeo evidentemente han seguir tendo prioridade. Como sempre dixemos e diremos, queremos manter estes dous centros para que o número de prazas dispoñibles sexa acorde coa nosa poboación. Tamén traeremos ao pleno unha nova proposta de convenio con ACISA, por tres anos de duración, por importe total de 55.000 euros de fondos municipais significando ademais que para este ano 2020 será a maior anualidade cun total de 24.000 euros destinada á mellora do comercio e adaptación ás necesidades desta nova situación que todos empezamos a vivir, e na que a dixitalización terá un papel moi importante".

O rexedor ribadense indicou que "virá ao pleno tamén a aprobación definitiva dun instrumento moi importante para o futuro e para o turismo, para a sustentabilidade ambiental e para o futuro do equilibrio entre estes dous vectores. Despois de varios anos de traballo puidemos superar con éxito multitude de informes sectoriais de moitísimas administracións, da provincial, da galega, da estatal, en definitiva un total de 19 informes que todos eles acabaron sendo favorables, algúns desde o principio e algúns outros coas lóxicas correccións que tivemos que facerlle ao documento. Polo tanto aprobaremos o Plan Especial de Protección das Catedrais de maneira definitiva. Este é un instrumento crucial que o puidemos realizar por ser dos poucos Concellos que temos un Plan Xeral de Ordenación Municipal moderno e vixente. Este Plan Especial das Catedrais é un instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos, para darlle sentido a unha liña ferroviaria que pasa por alí desde hai setenta anos pero que non para, e para que os centos de milleiros de visitantes que estaban vindo, pero que despois desta pandemia que nos trae de cabeza han volver seguro, sigan vindo e vaian valorando se cabe moito máis a marabilla que temos aquí en Ribadeo".

Fernando Suárez engadiu que "logo desta aprobación, para a semana que ven, tocará ir visitar os despachos de moitas administracións, da Deputación, da Xunta, do Estado e se cabe, como non, tamén da Unión Europea para que nos axuden a converter o plan en realidade. É dicir, a construción dun novo aparcadoiro público, a construción dun novo centro de interpretación e de recepción de visitantes, a construción dun novo apeadeiro de Feve, a creación de rutas seguras a modo de miradoiro desde os cantís, etc... Todo isto con sumo respecto para o medio ambiente, para o mantemento de usos tradicionais e agrarios de toda esa zona e para a integración do turismo en Ribadeo, e tamén por extensión na Mariña e no país. Queremos en definitiva que a xente non chegue, mire e marche como fai ata agora, senón que se lle poida sacar moito máis partido para o noso territorio e para a nosa economía, e sempre coa sustentabilidade medioambiental garantida"."

20200606

IGREXA de S. Xoán de Ove. RIBADEO. Emilio Piñeiroa

Situación: en Ove, a 1 km de Ribadeo, ao pé do Camiño Norte de Santiago, preto de varios cabozos e casas típicas da zona.

Estrutura
A igrexa está formada por: pórtico, nave, prebisterio e dúas sacristías.

Pórtico
O pórtico con porta alintelada e no fascial hai unha Cruz de Malta e sobre esta a espadana de dous corpos e tres vans, rematada cunha cruz latina e un catavento e pináculos de pedra de granito. Ascéndese por unha escaleira exterior. Sobre o prebisterio no muro da Epístola hai outra espadana de menor tamaño, cun só van.

Nave
A parte central é de lousa e de cemento nos laterais. A bóveda é de madeira con tirantes de ferro. Un arco ( arco triunfal ) de medio punto separa a nave do prebisterio que se atopa máis elevado.

Prebisterio
A bóveda do prebisterio é de crucería con dúas seteiras

Imaxinería.

Retablo maior:

Está formado por:
* Un corpo: con tres rúas, separadas por catro columnas, o chapitel con follas de acanto e volutas. Na fornela central imaxe de S. Xoán Bautista (patrón) de gran valor (para moitos a xoia da igrexa) pertence aos templarios; enriba Cruz de Malta. Á dereita S. Andrés e á esquerda S. Antón. Sobre a fornela central hai unha inscrición que dí:” Privilexio concedido por S.S. Pío VI en su breve particular, de diez de febrero de 1786”.
* O ático formado por dúas columnas semellantes ás do corpo, no centro a Asunción, e rematado cun frontón partido cun triángulo, símbolo da Trindade, rodeada de catro anxos.
* A ambolosdous lados Cruz Parroquial de prata e pendón, coa Cruz de Malta.

Outros retablos:
Virxe do Rosario
Virxes de Fátima, Pilar e Milagrosa

 S. Xosé
Sagrada Familia, Cristo Xacente, Sagrado Corazón e Santiago Peregrino
Virxe Dolorosa e Crucifixo
















Outras imaxes:
S.Xoán Bautista

Virxe do Carme

Inmaculada

Virxe de Luján

















Participación na Romaxe das Cruces
O luns de Pentecoste celébrase na ponte de Arante a Romaxe das Cruces, onde se reúnen os pendóns e as cruces das parroquias de Vidal, Sante e Valboa, de Trabada e Ove, Covelas, Cedofeita e Arante, de Ribadeo. Os veciños destas sete parroquias capitaneados por Melchor Díaz de la Rocha, fidalgo e alcalde de Sante, venceron ás tropas de Napoleón na Guerra da Independencia en 1809. No ritual, o pendón e cruz de Ove, ten o privilexio de ser a primeira parroquia en cruzar o río e recibir aos de Arante e Vidal, que veñen en procesión dende os Bestilleiros, onde foron bendicidos os campos, así como entrar na capela xunta á de Arante para iniciar a procesión.


Ove e os hospitalarios.
A orde militar de S. Xoán de Xerusalén, de Rodas ou de Malta estivo presente en Galicia durante sete séculos (1140-1809). O priorato de Ove pertencía á Encomenda de Portomarín.
Os cabaleiros hospitalarios, nados en Terra Santa, coa dobre dimensión defensiva dos Santos Lugares e hospitalaria-asistencial dos peregrinos, xogaron un papel moi importante nas peregrinacións xacobeas. As súas encomendas ubicábanse de xeito estratéxico, dando cobertura a tódolos camiños que dende o exterior de Galicia dirixíanse ata Compostela, foron a mellor garantía material e espiritual dos peregrinos a Santiago.

Na actualidade, na igrexa de Ove atopamos catro cruces de Malta: na fachada, retablo maior, Cruz procesional e Pendón
Fachada












Detalle do Retablo Maior
 No centro da Cruz Procesional

 Coroando o pendón

















Texto e fotos: Emilio Piñeiroa Lozano