20200601

Alcoa sálvase soa


   ‘Alcoa sálvase soa. O que hai que salvar é o tecido industrial da Mariña. Postos de traballo mellor remunerados que os da hostalería.
   O anterior é o comezo do comentario dun amigo. Pola miña parte, considereino unha continuación de “Alcoa na Mariña: tan lonxe, tan preto”, un tema que daría para un libro enteiro. Pero sigo citando:
   ‘Tamén os riscos son maiores. Tamén hai que salvar a produción propia e non depender do aluminio de Arabia Saudí, tamén de Alcoa, que xa se está a vender aquí. Tamén do aluminio chinés, aínda que iste non compite en calidade. Alcoa tiña un compromiso de manter empregos uns anos, que xa expirou. Alcoa tiña a promesa dunha enerxía barata, que xa expirou tamén. E se ben é certo que a electricidade, en España, prodúcese por moito menos do que custa, tampouco é cousa de que se lle regale a Alcoa e se nos cobre a nós a diferencia. Non se trata de salvar a Alcoa, trátase de salvar a fábrica, as tres fábricas, e poñerse a fabricar aluminio. Unha empresa estatal non ten por que dar beneficio, tan só ten que ser sostible. O obxectivo dunha empresa estatal é crear emprego de calidade e ser sostible no tempo. E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.
   O obxectivo desta entrada é mirar a cita que remato de poñer cos meus ollos. Comezo.
   Si, Alcoa é unha empresa privada e estranxeira, móvese polo interese e non ten por que coincidir co interese da Mariña. É mais, o raro sería que coincidise. Outra cousa é o tecido industrial que a rodea. Totalmente dependente, pois non se crearon empresas que aporten valor engadido ó produto, nin se diversificaron para non depender do mantemento desa fábrica. É pouco pero é o que hai, e o que se podería salvar. Postos de traballo máis cualificados e remunerados que os da hostalería. E sen discontinuidade ó longo do ano.
   Nestes momentos, os riscos para a industria alumineira son maiores que na hostalería, parece. Coa incertidume introducida pola pandemia xa non estou tan seguro, aínda que no que respecta a este verán semella evidente aínda coas limitacións previsibles.
   É Alcoa a que se está a facer competencia a si mesma. Vexamos. Se dúas fábricas producen o mesmo produto, hai sobreprodución e unha está situada nunha zona de alto consumo e medrando mentres a outra nunha zona no que o consumo e menor e mesmo diminúe, non leva esta última as de perder? Pois iso está pasando co consumo en Europa fronte ó consumo de Asia, máis aló dos custes laborais ou enerxéticos.
   E Alcoa, a empresa, non a fábrica, tiña compromiso de manter postos de traballo. Para iso se lle deron unha morea de cartos. Tiña, non ten. Ao menos, iso é o que pensa que pode facer a empresa. Alcoa tiña e ten enerxía barata. Outra cousa é que queira aínda mellores condicións de prezo e servizo. A pesares de que no balance das empresas eléctricas sexamos nós o contrapeso desa rebaixa. Unha situación inxusta de por si que se pode pretender non só continuar senón agravar, pero que non é de recibo máis que para os que nos chegan ás casas.
   O que se perdeu cando se privatizou a fábrica de San Cibrao foi algo máis que a nuda propiedade. Foi a capacidade de decisión e foron os obxectivos. Certo, unha empresa estatal antepón -debera antepor- a súa función social ós beneficios. Pero o mesmo que vender significa desfacerse dun problema de xestión, comprar -neste caso, nacionalizar- significa o contrario. Nunha situación de falta de inversión, na que na empresa sigue no mercado e é de supoñer que non quererá competencia, e na que a empresa sigue a dispoñer de control das redes de subministro e de venda. E na que as empresas multinacionais teñen en boa parte, escapado ó control dos estados e mesmo fan depender de tribunais privados as súas relacións con estes. Seguramente se poda facer, pero máis aló de cargar tamén cunha balsa de lodos que está asfixiando a produción de alúmina, que continuará polo momento, non é cousa que se prepare dun día para outro.
   E así estamos, coa sostibilidade -xa non só ambiental, senón sinxelamente empresarial, e non só dunha empresa, senón de todo un ecosistema empresarial- comprometida. Coa sostibilidade económica dunha comarca enteira baixo tensión... en un mundo enteiro baixo tensións. 'E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.'
--
Nota posterior. Engadido a ter en conta: https://sghn.org/balsa-de-lodos-vermellos-de-alcoa-en-san-cibrao-unha-herdanza-envelenada

Ningún comentario: