20120930

Poder absoluto

Dise que a realidade supera á ficción. Ténse demostrado en moitas ocasións ser así (noutras, a ficción vai moi por diante).
Onte pola noite cheguei a ver unha película de acción que xa tivera visto en parte. Enganchoume unha frase, repetida despois de xeito parello por varios protagonistas: "él púxome onde estou". A primeira vez que a escoitei onte, dicíaa na ficción o 'presidente dos EEUU' dun 'magnate'. Logo era repetida por algún asesor, polo propio magnate ... naturalmente, sempre en privado, nunca en público, onde a cuestión era a 'amizade', os 'valores representados', etc.
Estou a falar dunha película do 1996 que leva o título da entrada, e na que se represetna con toda naturalidade a corrupción nas altas esferas da nación (daquela máis que hoxe) máis poderosa do mundo.
Se iso é atribuído á nación máis poderosa e non se lle da importancia, asúmese como algo normal na ficción, e non se alude a esa ficción para tentar que non siga adiante, coido que é una sinal de que neste caso, a realidade non vai por tras, senón á para ou por diante da ficción. No estado máis poderoso do mundo. Nun estado abondo menos poderoso e a punto da quebra en boa parte por tapar furados de xente con poder económico, non da que pensar que a ficción quedou atrás xa hai algún tempo?

20120927

Xuntanza política

Onte estaba convocada e tivo lugar unha xuntanza no local do restaurante Costa Verde para presentar a AGE, Alternativa galega de esquerdas. 35 persoas pasaron por alí, de diversas formacións políticas algúns, os organizadores, e xente non afiliada a ningunha a maioría, a maioría mesma, como corresponde á realidade social.
Dous candidatos mariñanos, entre eles Iván Rodriguez Lombardero, en posto nº 14, que en ningún momento fixeron campaña electoral, senón sinxelamente informativa, acompañados por xente dos aprtidos constituíntes e sen mediar oita diferenza, por unha gama heteroxénea de xente que en xeral se podría definir cabreada e con ganas de participación e fartazgo do sistema político, de esquerdas nun sentido amplo e cun certo sentemento ecoloxista ou nacionalista.
As expectativas son modestas, aínda que quizáis caiba dicir realistas, pero o ánimo de consenso para construír unha unha realidade diferente e o pulo observado poden suplir faltas como a de cartos, visibilidade actual ou unha organización que está a comezar ó pé das eleccións.

20120926

Repensando en grande e en pequeno

Onte, 25 S, puiden ver vía web algo do sucedido en Madrid. E despois picar en varios debates televisivos. Certamente, non coincidían a rúa e o mundo das cadeas de televisión.
O mesmo día, parecía haber tamén unha inconsistencia interna en Ángela Merkel, á que os xornais un día presentan dándolle palmadiñas a Rajoy polo 'bo comportamento' manifestado e outros, poñendo de exemplo negativo actual a España.
Claro que estas cousas xa cansan. De feito, últimamente estanse a divulgar nimiedades, pois tampouco casa ben o animar á austeridade da vicepresidenta gubernativa con que ese ánimo o faga difundindo imaxes con máis dunha botella de auga na mesa cun custe por unidade de preto de 5€, ou, obviando o feito da viaxe á final futbolera en avión, as novas se fagan eco de que a cea de volta de D. Mariano valeu 1 000 € ... Mentras, e aínda que se sabe, obvianse en boa parte outros comentarios, como que este ano o goberno vaia pagar máis en intereses que en soldos ou que toda a baixada de soldos ós funcionarios é menor que o aumento dos intereses da débeda sufridos ó longo do ano, e por suposto moito menor que o rescate bancario. Óbviase tamén o que pasou (e segue a pasar) de préstamo de cartos ós bancos en cantidades astronómicas ó 1% para que os presten ós gobernos ó 5, 6, 7%, mentras que se pon o acento no alcalde de Marinaleda por roubar varios carros de comida para distribuír (2 000 €? quizáis ...)
Voltemos a Madrid. Resulta que onte había 50 deputados en total seguindo as sesións. Menor porcentaxe aínda de deputados que de xente que votou a Rajoy (xa se sabe, aínda que se intente transmitir o contrario, que o 50% de votos quedou lonxe, moi lonxe). Os policías eran abondos máis. E a masa de xente víase coas mans levantadas, a pesar dalgunha agresión da policía. Si, seguro que houbo algún alborotador. Pero antes dos balbordos xa había xente citada por inducir á masa a eles (cousa que evidentemente non se produxo de xeito masivo), irrumpindo tamén a policía en reunións ou transportes para pedir e tomar nota do dni, mandando neste segundo caso poñer as mans na cabeceira do asento de diante, como se fai cando se reistra a algún sospeitoso ...
Esto, en troques de estado de dereito parece estado do revés de paso que se segue a perseguir a Robin Hood ou Guillermo Tell e se apoia a ... vaites! agora non me lembro dos nomes: a literatura xa adiantou que os mediáticos serían os pequenos perseguidos como ladróns e non os beneficiarios dos grandes roubos.

20120923

Adicado ós visitantes (e a quenes están lonxe)

Cando ven a xente, non pode observar as cousas vacías, como é natural ... lembreime dese feito hoxe dando unha volta preto de Ribadeo.
Un par de fotos das que tomei déixoas aquí manifestando como estaba Penarronda vacía, preto das 12 (en realidade, había alguén paseando pola area, pero cadrou no anaco que non se ve ...) e a ría tamén vacía de embarcacións e chea de crestas nun día de vento como o de hoxe.


Rematou o verán: verdade climatolóxica

Recoñecemento de erro. Deixo a entrada de abaixo tal como foi posta en principio, mais hoxe, día 2 de outubro, remato de descubrir un erro que me levou a que os datos e as gráficas de choiva (non as de temperaturas) esteñan mal. A entrada está refeita en http://fqribadeo.blogspot.com.es/2012/10/sobre-o-clima-en-ribadeo.html.
-- -- 
Ligo unha entrada de Física e Química en Ribadeo: http://fqribadeo.blogspot.com.es/2012/09/rematou-o-veran-verdade-climatoloxica.html

20120921

Curioso

Falei xa aquí varias veces do novo IES de Ribadeo. Pouco a pouco vai comezando o curso, os adultos aínda non tiveron a presentación, e os problemas diversos de todo comezo, agravados polo atropelamento administrativo, maniféstanse nas cousas máis nimias.
Neste punto, parece que a precupación de certa xente pública é a de poñer o nome ó centro. Máis ben, como din, 'repoñer'.
Para centrar a cuestión, ata agora o nome dos IES era proposto nos consellos Escolares e votado neles. E aínda non hai nin Consello Escolar, pero reclámase á Consellería que lle poña nome (aquí, unha versión suave, suxerindo) nunha especie de exaltación patriótica e histórica (ver o artigo de Pablo Vivín na Comarca). Cabe lembrar que o nome proposto, Dionisio Gamallo Fierros, foi un nome que ostentou o IES nº 1 de Ribadeo só neste século, despois de nacer como 'Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel' e caer oportunamente en desuso o nome a finais do pasado século tras perto de media centea de anos e antes da lei de memoria histórica, de xeito que cando poucos anos máis tarde foi nomeado como Dionisio Gamallo aínda tiña a inscrición do seu nome oficial 'anterior' nunca (que eu saiba) oficialmente retirado.
Con dous antigos claustros en unión, amén doutros problemas e cuestións legais, como acabo de expor, coido que o nome polo menos debera esperar. E logo, xa se decidirá, se se lle da outro nome, a quen ou a que se asigna. Seguro que hai varias propostas.
Unha nota: aínda segue existindo un IES co nome de Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel en Madrid.

20120920

Hoxe toca apagón

Hoxe está previsto en toda a zona un apagón para que a Alcoa lle desconten a factura da luz.
A convocatoria e os medios, así como o documento votado no concello de Ribadeo non o expresan así, pero así é. Se non houbera unha morea de postos de traballo ameazados, plantexaríase o apagón? E a cuestión é a ameaza, presión feita pola empresa a unha comarca rehén.
A estrutura de prezos eléctrica sufrímola todos, despois dunha liberalización que deixou ás grandes compañías como amas do cotarro e ós consumidores como paganos. Aí están as queixas varias e numerosas mesmo por temas kafkianos e non só por adianto de cobro por estimación de tarifa unha vez, senón por cobro de consumo estimado de xeito continuado ó longo dun ano, por poñer un exemplo.
Agora, outra grande compañía rebélase e bota a guerrear ás súas huestes. Igual que a grande maioría das guerras da historia, os de arriba póñense á fronte (metafóricamente tamén na grande maioría das guerras dende que se pode atacar a distancia e controlar dende lonxe ós soldadiños) dun exército que gane ou perda será quen sofra as baixas.
Por certo, que os grandes consumidores xa teñen un prezo especial. Prezo que subvencionamos os pequenos. E mentras non cambie a estrutura do tinglado eléctrico, así seguirá sendo. O que se pide así é pois que contribúa todo o mundo a outra subvención, neste caso a Alcoa.
Seguramente darei un paseo a esa hora.
Un aumento, despois de ler un post de im-pulso: unha recomendación á súa lectura.

20120918

Tentando asentarse

Unha mañá normaliña do cambio de verán a outono, co bo tempo e uns rumores inusitados por inaudibles só hai uns días, conforman unha mañá post-pleno.É un cónclave pequeno e pouco influínte, pero participa da mecánica xeral da estrutura política que criticaba hai pouco por exemplo, o artigo Una teoría de la clase política española, longo e con cousas coas que non estou de acordo, pero que é un apartado máis para reflexionar, como por exemplo, agora que o alcalde prometeu o PXOM (por outra banda, unha vez máis), "al contrario de lo que sucede en EE UU, las decisiones sobre qué se construye y dónde se construye en España se toman en el ámbito político. Aquí no se puede hablar de pecados por omisión, de olvido del principio de que los gestores públicos deben gestionar como diligentes padres de familia. No. En España la clase política ha inflado la burbuja inmobiliaria por acción directa, no por omisión ni por olvido. Los planes urbanísticos se fraguan en complejas y opacas negociaciones de las que, además de nuevas construcciones, surgen la financiación de los partidos políticos y numerosas fortunas personales, tanto entre los recalificados como entre los recalificadores." Remarcaría no anterior o de 'complexas e opacas negociacións'.
No, Ribadeo non é España ou Galicia, aínda que forme parte parte delas e polo tanto o sexa como inclusión. Ten as súas particularidades e por exemplo onte votouse no pleno a petición de conservación de liñas de tren. Propostas alternativas a parte da petición de que non nos quiten o que temos? Coido que non. Tamén, votouse o apoio á ameaza de Alcoa de pregar se non se lle baixa a luz. Coido que neste caso a cousa é máis complicada, e debera pasar por un cambio xeral na tarifa eléctrica para evitar un novo subsidio público (é dicir, de todos) a unha empresa privada, cando por exemplo, hai só un par de días que os propietarios de autopistas, ante as perdas actuais despois de ganancias pasadas, propoñen que todo o mundo pague unha cota. É dicir, un imposto que iría a parar direitamente ós seus petos, usásese as autopistas ou non. O que, sendo unha empresa privada e procurando lucro, ... pero como xa hai sectores que chupan do bote, un máis ...
Ribadeo, 'sitio distinto'?

20120917

O ceo de Ribadeo: de Ribadeo, ó ceo ...

Unha tarde espléndida, con nubes sobor de Ribadeo, onte á tardiña, con fotos collidas entre a r/San Miguel e o cargadoiro. Unha mostra:










20120916

Comeza o movemento (electoral)

Venres recibín unha chamada de metroscopia. Unha enquisa que dixeron de cinco minutos e convertiuse e 'de dez' polo cronómetro do aparello. O motivo, en torno á política, estaba en clave das eleccións galegas. Ata aí, todo máis ou menos 'tipico'.
O que xa non me pareceu tan típico foron as preguntas, que deixaban reducido o espectro político a dous partidos e medio, pois despois de comezar coa dicotomía PP/PSOE de xeito exclusivo, facía partícipe ó BNG, e punto. Asemade, se se indicaba por exemplo que os criterios de definición propia do PSOE estaban á dereita, a entrevistadora facíao notar: 'pero esa puntuación es de derechas' ... coa resposta 'si, ya lo sé' e un momento de silencio ó outro extremo da liña. Ou como ter que deletrear as siglas dalgunha formación como posible destinataria dos votos.
Certamente, resultoume untra entrevista moi didáctica. Coido que aprendín eu máis da entrevista que o que van sacar dos datos das miñas respostas ...
Ah! E en cousa dunha hora, acto político do BNG en plena rúa peonil para explicar a candidatura. Nos carteis non aparece que vaia a falar o alcalde, senón só un concelleiro, representante organizativo do BNG ribadense, e unha candidata.

20120914

Principais estatisticas de Ribadeo a día de hoxe, no IGE

Collidas provisionalmente do IGE, a día de hoxe, e presentadas tal cal:
Coido que están claros diversos datos, como a porcentaxe do sector servizos ou o que significa o saldo vexetativo ... aínda que algún día voltarei pola interpretación.

Sucesos en negativo

Sucesos negativos sempre hai onde escoller. Abonda con botar un ollo á economía española, por exemplo non único e manido. Collo tres fotos post festas para tres sucesos de diversa índole en negativo en Ribadeo.
O primeiro, do que xa din nova sen foto o día 8, é o estado no que quedou o pao do Juanín despois dun atentado nouturno. Onte un xornal publicaba unha foto semellante. O comentario na rede onde souben o tema foi algo así como que resistira o curso co paso de xente diario cara ós institutos, pero non os vándalos nouturnos ...
A vandalización non é única. O caso do Juanín é episódico, pero hai outros que se arrastran no tempo e por acumulación xa é máis cousa de mantemento que de vandalismo. Abaixo, unha foto da cetárea de Rinlo na punta corveira. No fondo, entre outras cousas, restos da festa do percebe. A estrutura de acubillo das piscinas que se ve, por certo, resiste moi ben o paso do tempo, en contra do que lle sucede á edicifación de entrada ó recinto da cetárea.

O local de Onda Cero, cerrado. É compartido con La Voz e vino así o outro día. Indagando, dixéronme que Onda Cero cerrara a comezos de mes, cousa que aínda teño que contrastar. Considero que o peche significaría unha cobertura menor e menos variada das novas da zona de Ribadeo e a perda dun periodista independente con información e axudante da creación dunha opinión madura. Esperemos que sexa só algo temporal.

Pódese seguir ...

20120913

Pescadores

A foto é de onte noite, a eso das dez e pouco. Normalmente, se a noite o permete, hai pescadores no peirao. Onte facía boa noite, e o número de pescadores así o testemuña: nunca antes vira tantos coches no espolón do peirao (claro que antes de ensanchalo tampouco caberían). Unha curiosidade normal: todos están pescando cara á auga máis aberta e movida, ningún cara á rada.

20120912

Absolto

Só unhas verbas para dicir que Balbino Pérez Vacas sae absolto do xuízo que lle prantexei por prevaricación. Outro político máis absolto (resolución non firme aínda) de cargos, con feitos ilícitos probados, como recoñece a sentenza, que aínda non tiven tempo de ler repousadamente. Sinxelamente, a xuíz déixao libre de cargo, non considerando determinados puntos aportados pola acusación e si outros aportados pola defensa, e tendo en conta a lei vixente. Con tempo, supoño que continaurei o comentario.

20120909

a procesión da patroa

Un par de fotos da procesión de onte...
dobrando Reinante
Polas catro calles

Concerto da patroa 2012

No parque (zona Pza. España), no chan, ... ó mediodía da patroa, despois da procesión.
A banda municipal de Ribadeo, antes de comezar

Torre del Oro

Canción del Olvido

Pearl Harbor

Concerto d'amore(máis ou menos desta foi cando soaron diversos ruídos procedentes da casa do concello, onde estaba a , casar Laura e Modesto, con artigo da noiva adicado a louvar ós pais no exemplar da comarca da semana ...)

Braveheart

Rapsodia galega

A banda, ó rematar

Pódese ver tamén como complemento (ou suplemento), a partires do minuto 11, o vídeo cargado por Juan Pérez (a primeira parte, procesión)

Nove de setembro, carreira de Santa Cruz

Como xa ven sendo tradicional, celebrouse este ano polas patronais a carreira de Santa Cruz 2012, organizada polo Clube de atletismo Ribadeo.
A continuación, 4 vídeos, un dos momentos previos e a saída. Un segundo, do comezo da segunda volta de tódolos corredores que remataron. E dous para o final, cunha parte inicial dende a chegada do primeiro e outra final ata preto da chegada dos últimos, separadas por cousa de un minuto sen gravación. Os resultados detallados e máis información, na páxina do clube.





Fotos en http://www.facebook.com/media/set/?set=a.10151225177976217.509829.229982326216&type=1
Anteriores:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/08/anuncio-da-carreira-de-santa-cruz-2009.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/09/sbado-carreira-de-sta-cruz.html http://ribadeando.blogspot.com/2009/09/atletismo-e-billarda.html

20120908

Día grande

Oito de setembro. Dia grande das festas. As festas foron 'as festas do oito'.
Este ano tiveron un prolegómeno do que non vexo que polo momento se faga eco o xornal: a rotura do pao que soporta a vela do Juanín, na rotonda do instituto (agora si, xa Instituto de Ribadeo a secas). Onte saltou na rede, en Facebook. Pasara pola rotonda xa dúas veces e non me fixara: o tráfico necesita atención. Pero o cuidado das cousas de todos, tamén. Abondou unha noite de troula para que non se notara que estivo exposto ó paso dos estudantes moitos días sen que sofrira, mentras se facía un oco no espazo mental ribadense.
E tamén na rede, o primeiro que vexo esta mañá, unha queixa polo ruído de onte á noite. 'Teño que traballar', di. Un consello: comeza a protestar con xeito. Entre o 93 e o 2012 van 19 anos. Os que levo acompañado do ruído de noite. Pero isa é outra historia.
O día comezou de noite: os fogos do sete. Os que non ía haber. Hóuboos. Tamén a nota/bulo de que variaban de hora para a unha. Foron ás doce.
Hoxe, virxe procesionaria con música de banda. Despois, a banda en concerto. Onte, a parte da orquesta no campo da festa, música no Cantón. Non estiven no feiral: alguén cree que podían competir coa xente do Cantón, se exceptuamos en decibelios?
Día grande de calor pegaxoso. Veremos como transcorre o mes, pero iso, máis adiante. Hoxe, día grande.

20120907

A voltas coas festas: "Festas da patroa 2012. A festa vai por dentro"

Por iso de que andan a pedir algunha colaboración sobre as festas, aí vai a que escribín eu para 'La Voz':

Festas da patroa 2012. A festa vai por dentro
Mirando a previsión antes dunha festa, pensamos no que faremos, como desfrutaremos ... e ilusionámonos ou desilusionámonos de antemán. Visto así, coido que é mellor cavilalo en pasado: que se lembrará das festas de 2012?
Como se dicía das feiras, cada un falará das festas segundo lle vaia nelas. E, moito tempo adiante, terán relevancia só os carteis e folletos de man, os xornais desta época e o que se conserve audiovisual ou escrito noutros medios. Un pouco antes, é posible que teñan relevancia algunhas testemuñas orais, máis que nada, porque serán a 'fonte de información de primeira man'.
Pero, aínda antes, coa lembranza máis recente -poñamos nun lustro ou aínda nunha década- o que se recollerá en xeral será o que queda na propia memoria, o vivido por cada un de nós nas festas, sen remitírmonos a outras fontes de información. É dicir, o que nos importou a nós mesmos.
Entón, dende antes do día da patroa, hoxe, día 4 de setembro, a cousa non está moi clara: faltan os días de festa grande para xulgar. Aínda así, as festas parece que tiveron puntos que se lembrarán: a polémica sobre quen ía facer o pregón ou a espada de Damocles pendendo sobre a propia realización das actividades festeiras, primeiro sobre o conxunto, logo sobre partes, fará que poidan ser lembradas como 'o ano da polémica das festas'. Mais, dun xeito ou outro, a polémica xorde de xeito natural ó xulgar as actividades nas que participa moita xente, o que fai que o tempo relativice a cuestión.
Así, a pesar do anterior, cadaquén terá a súa vivencia, a propia, a que lle servirá de referencia, a que lle fará sentir 'eu vivín esas festas', a que fará que estes días lle sexan propios. Pode que sexa sinxelamente pola visita dun amigo nun momento inesperado, ou por ser as últimas antes da partida a traballar ou estudar lonxe, ou por ser o momento no que cristalizou o amor, ou ...
Os motivos, cadaquén terá o seu, dispoñendo dunha morea de posibilidades. Pode que os máis próximos conecten con eses motivos que temos cada un ou que o quede reservado para nós. En calquera caso, o que non dubido é que a impronta destas festas quedará. En Ribadeo, si, pero en particular en cada un de nós, facéndonos lembrar as festas do 2012 como aquelas nas que ... máis aló do que poda saír nos papeis, e tendo como límite só a nosa capacidade de desfrutar, de sentir a vida, de sentir a festa. 'Que a festa te acompañe' ...

20120906

Cambio climático aplicado a Ribadeo: temperaturas do verán

Onte falei sobre o cambio climático aplicado a Ribadeo, a conta das medusas. E prometín datos. Noutro día con boa temperatura para setembro, aquí vai unha tanda de datos da Pedro Murias elaborados; son correspondentes ós meses de xullo e agosto do que levamos de século (2001-2012).
Na primeira gráfica está todo confuso: corresponde ás temperaturas medias diarias, nas que este ano está representado por unha liña azul, nin a máis obscura (2001) nin a máis clara (2006). O que si se pode observar é que as liñas (as temperaturas) están un pouco máis altas en xeral en agosto que en xullo, como se comproba coa táboa final

A smedias de xullo dan un valor para o deste ano máis ben baixo dentro do que levamos de século: 18,2ºC de media. Iso si, na media van incluídas tamén as horas nouturnas ...

Agosto foi diferente: foi o segundo con máis temperatura media do que levamos de século, 19,9ºC

A media xeral xullo/agosto deixa este ano 2012 en cuarto lugar, despois de 2006, o máis caluroso, 2003 e 2010.

Por último, a táboa (ampliar premendo sobre ela para poder vela correctamente) testemuña o dito antes: en xeral, agosto é máis cálido que xullo, e coa excepción de 2002, que marcou un profundo mínimo xeral e en cada mes, o cambio climático non deixa ver aínda a súa evolución en Ribadeo.


Sería interesante tomar outros datos como comparativa. Ireino facendo con tempo, aínda que para un dos datos máis interesantes, o da temperatura da auga, o primeiro será recollelos dun xeito sistemático durante longo tempo e ver o xeito de representalos claramente (os primeiros datos, indicativos, xa están tomados por David Casariego)

Cambio climático, aplicado a Ribadeo: praga de medusas

Unha nova nos xornais de hoxe xa non é tan nova, pois non é a primeira volta que ocorre: praga de medusas nas praias da zona, con varias notas do concello
Ás veces,facémonos á idea de que vivimos nun mundo illado, ou todo o máis con counsas que contan ocorrendo nun perímetro limitado. Non obstante, é doado ter que ollar un pouco máis aló e ver que esa non é a realidade, aínda que usemos ese esquema de illamento de xeito válido para moitas cousas: a crise na que levamos cinco anos inmersos non se pode explicar dende o núcleo urbano Ribadense, aínda que teñamos as construccións de Barreiros aí á beira, por exemplo.
De igual xeito, o tema das medusas non se pode incluír nunha casualidade ou nalgo específico de Ribadeo, senón que hai que contemplar o cambio climático a nivel planetario para facer aínda que só sexa unha primeira aproximación ó tema. E iso que o pasado verán en Ribadeo non bateu marcas en canto a temperatura media en Ribadeo (aínda que foi dos quentes, como amosarei noutra entrada)
O caso é que estas circunstancias externas van ir cambiándonos a vida, como calquera circunstancia cambiante que fai que nos teñamos que amoldar dun xeito ou outro para sobrevivir ...
Anteriores sobre medusas na nosa costa: 2008-1 2008-2 e aquí (cara ó final) dábase nota dunha charla para creación dun grupo de vixiancia de medusas na costa.

De agora mesmo: 3 de setembro (II)

Só unha actualización tardía para completar o xa posto no seu momento A dirección do novo Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, creado no DOG de 16 de xullo de 2012 queda:
Director: Alfonso Piñeiro Funcasta (que foi director do IES Porta da Auga)
Subdirectora: Sonia Bergantiños Grandío (que foi secretaria do IES Dionisio Gamallo Fierros)
Xefe de Estudos Diurno: Ramón Vázquez Lorenzo (que foi XE do IES Porta da Auga)
Xefe de Estudos Adultos:  Xesús Fernández Acevedo (que foi XE do IES Gamallo Fierros)
Secretaria: Montserrat Villar Riveira (que foi secretaria do IES Porta da Auga)

20120905

Visibilidade (II)

"Aprendimos que los trapos sucios es mejor no airearlos, los hay que lavar en casa."
As anteriores son verbas que hoxe aparecen no xornal, ditas polo antigo presidente da Comisión de festas e actual portavoz, e que coido cadran co título do post de onte: visibilidade. De calquera xeito, e na liña de anteriores intervencións, o tema seguen a ser os cartos. Os pagos á sgae, un tema do que non é a primeira vez que se fala no blog (por exemplo, aquí), pero sobre todo ás orquestras.
Coido que a sabedoría popular sobre as festas ténse perdido, e agora hai que recuperala para ben de todos. Non se trata dunha aprendizaxe puntual, senón máis profunda. Nese sentido, lembro os comentarios a 'Comezaron as festas', ou animo á lectura de 'Recuperar las fiestas patronales de Ribadeo', por citar tan só escritos moi próximos no tempo a este mesmo. Quizáis non esteña neles a solución para a actualidade, pero seguro poden contribuír á súa xerminación.

20120904

Visibilidade

'Se as cousas son moi visibles e van mal, amáñanse antes'. Podería ser un axioma, pero noon é necesario: amósase continuamente. De aí que ás veces, cando pola razón que sexa se quere pasar de algo popular, visible, ou se vai a diminuír a súa bondade, se trate de ocultar mediante a linguaxe. A 'pertinaz' crise que nos azota ó 99% da casos de exemplo abondantes.
En Ribadeo levamos un tempo a voltas coa festa. E parece que, despois das últimas novas (na nota do día 1 do concello, na Voz, no Progreso, Crónica 3, ...), ante a inmediatez das festas (pagos e cobros, pero sobre todo, diversión anunciada, que para a xente neste caso conta máis) os puntos máis espiñosos foron lixados. En estos momentos, falar de 'vencedores' ou 'vencidos' está de máis, aínda que as veces os resultados se prantexen así con toda razón. Mais nunha negociación, se é equilibrada, é porque dalgún xeito o resultado mellora o precendente, aínda que todo o mundo cedera algo; así, todos ganan, aínda que perdan algo. E neste caso, podería dicirse que todos ganamos. Suponse.
Anteriores: Problemas ó comezo das festas
Sobre a polémica da pregoeira: Polémica ... e consecuencias .

20120903

De agora mesmo: 3 de setembro

Xa está nomeado o novo director do novo Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, creado no DOG de 16 de xullo de 2012: Alfonso Piñeiro Funcasta, que foi o último director do IES Porta da Auga. O equipo, polo momento, continúa con Ramón Vázquez Lorenzo e Montserrat Villar Riveira, Xefe de Estudos e Secretaria tanto do novo como do vello Porta da Auga. Mentras, non chegou ningunha nova administrativa de asignación para o profesorado.

A honra de Ribadeo

    A honra dun pobo é a dos seus cidadáns.
    Onte domingo tivo lugar o recoñecemento (din concesión, pero coido que é mellor a verba que eu uso) de fillos adoptivos e fillo predilecto respectivamente a José Calavera Ruiz, John Rutherford e Víctor Moro Rodríguez.
    Moito para resumir nun acto diverso que sumou ós discursos dos homenaxeados a súa presentación por Eduardo Gutiérrez, Manuel Valín e Fernando Suárez, respectivamente, máis a intervención da Coral. En orde, as diversas intervencións están máis abaixo en audio.
    De calquera xeito, elixindo algo puntual de cada homenaxeado, quedaríame co destaque de Calavera a outra persoa, Ernesto Cruzado, que viu así como se facía en certo xeito partícipe da homenaxe. De John, que debuxou o Ribadeo doutro tempo, a impresión e transpiración dunha terra coa que se mimetizou. E de Víctor Moro, o non pasar por alto que a mesma corporación que o nomeou, en boa parte pola defensa do nome da ría, non fixo nin está a facer os deberes correspondentes nese e noutros temas.
VÍctor Moro, de volta da recollida do título e insignia

John Rutherford, durante o acto

José calavera, ó finalizar o acto

Título de V. Moro

V. Moro, lendo o discurso















20120901

Comezaron as festas

Onte pola noite comezaron as festas. Non sen polémica(s) previa(s), e xa postos, previsiblemente quede algunha cousa para polemizar. O primeiro foi a rexeitamento do alcalde á impartición pegoeira por unha política do PP relacionada cun caso de corrupción, o que orixinou un baile na comisión de festas: alomenos nominalmente, o presidente deixou de selo para se un sinxelo comisionado máis. O certo é que non atopei referencia a quen o substituíra, pero así apareceu nos medios que vin, e é de supoñer que alguén outro da comisión pasaría a ser presidente. Por certo, o pregón, ó final, estivo a cargo de Julio Carballal, exdirector de Radio de la Costa-Cadena Cope.
Esta semana saltou a segunda polémica, que por un tempo de onte pola mañá deixou a Ribadeo sen festas: o horario de verbena. O ano pasado houbo protestas polo ruído a altas horas, e este ano o alcalde dixo que non a unha parte do horario, amezanado a comisión de non haber festas porque non lles resultaba rendible ós instalados no feiral. Hai que lembrar que o ano pasado a comisión dixo que quedaran 6 000 € favorables nas contas ó final. Este ano a cousa rematou con algún cambio, segundo a nota que apareceu na rede un par de horas despois de que a comisión 'rompera a baralla' co alcalde, que corto e pego:
Tras la decisión tomada por el alcalde de ribadeo de recortar el horario inicialmente pactado, es decir, el mismo de todos los años anteriores y viendo el trastorno económico que esto nos supone, la comisión en pleno nos vemos obligados a tomar las siguientes decisiones para poder continuar con las fiestas:
1.- La discoteca Movil MM traslada su actuación del miércoles 5 al domingo 9. EL Domingo 9 se suspende la contratación de ninguna orquesta quedando solo la discoteca móvil MM. 
2.- Se suspenden todos los fuegos artificiales durante las fiestas, incluida la Traca del 7. 
3.- Nos vemos incapacitados, muy a nuestro pesar, a pagar unos gaiteiros que acompañen a los cocos el día 9, por lo que a falta de que algún grupo se preste altruistamente a acompañarlos no podemos garantizar que salgan. 
Es muy doloroso para nosotros tener que tomar estas decisiones, pero nos vemos en la obligación de tener que hacerlo para poder garantizar el pago de todo lo que tenemos contratado a día de hoy. 
La comisión os desea felices fiestas y espera que esto no influya en el ánimo de la gente y venga a ribadeo a disfrutar de unas grandes fiestas.
Corto e pego asemade a nota do alcalde, anterior á da comisión:
O GOBERNO TENTA CONCILIAR INTERESES CONTRAPOSTOS
Festas patronais 2012
31/08/2012
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pide comprensión aos veciños polas molestias que poidan ocasionarlles as festas patronais e demándalle sentidiño á comisión de festas, á que lle lembra que hai moita xente que traballa e que precisa descansar. Suárez Barcia fai unha chamada ao respecto mutuo entre unha parte e a outra.
O rexedor sinalou que "ao igual que non hai moito tempo moita xente cuestionaba que as festas da patrona de Ribadeo non tiñan a calidade doutras moitas que se puideran celebrar en calquera parroquia de calquera pequeno Concello dos arredores, debo dicir que tanto o ano pasado coma éste a calidade e a cantidade dos eventos dos festexos fai que Ribadeo volte estar no mapa das festas patronais que un concello poida merecer. Isto é importante e hai que valorarllo á comisión de festas porque moitas veces de maneira abnegada, con moitas incomprensións, ten que traballar, recadar diñeiro, etc".
Suárez Barcia explicou que "digo esto de primeiras porque parece ser que a comisión de festas está molesta porque desde o Concello de Ribadeo lles poñemos algún límite aos horarios máximos das actuacións. Debo dicir que o goberno municipal de Ribadeo e o alcalde o somos para ben e para mal alcalde e goberno para todos, para os que nos votaron, para os que non nos votaron, para os que toman as copas nas festas, para os que sirven as copas nas festas e para os que nas festas durmen porque teñen que traballar ao día seguinte". O alcalde asegurou que "por todos istes motivos o noso labor é máis complicado porque temos que conciliar intereses contrapostos, hai determinadas liñas que non podemos cruzar e non cruzaremos nunca, nunca cederemos a ningunha chantaxe, aínda que penso que non chegaremos a esa circunstancia".
O goberno municipal pídelle á cidadanía de Ribadeo "que sexa comprensiva sobre todo os días grandes, o venres e o sábado, onde todo se pode alongar un pouco máis do debido. Pídolles comprensión aos veciños para que fagan o esforzo de aturar ruidos e música máis aló dos límites que poden ser normais. Pero tamén lle pido á comisión de festas que nos días de semana, que son de festa, pero tamén sabemos que hai moita xente que ten que madrugar, que ten durmir e descansar, porque non é igual ter un ou dous días de festa que ter seis ou sete… hai moita xente que se sinte moi incómoda con esta situación porque non poden pegar ollo durante toda a noite e pídolles que, con sentidiño, nos días de semana sexan consecuentes e razoables e que vaian cortando a música de xeito razoable para que a xente poida durmir unha parte importante da noite".
Suárez Barcia indica que "o que se fale de nós por aí adiante repercute no comercio, repercute na propia imaxe de Ribadeo e nós nin estamos nunha parte nin na outra, as festas son de todos, todos temos que saber respectar, porque tamén eses días hai excesos, pero a outra parte debe saber comprender que hai moita xente que precisa descansar".
No pobo, tras saír nos medios a nova do enfrontamento, había comentarios diversos, entre eles, 'xa verás como cando teñan que afrontar o pago das orquestras contratadas sen tocar, cambian de opinión'. E parece que algo así pasou, aínda que as festas deste ano non sexan tanto negocio como as do ano pasado.
E o comezo das festas? ... pois cunha semana de antelación ó día da patroa, tomadas como unha continuación do verán.
Mentras, hoxe volve saír o sol para comezar un mes despois dun agosto excepcional ...

¿Como pode esixirselle ó pobo que respecte unhas institucións que deixaron de respectalo?

'O pobo' neste caso non é Ribadeo, que tamén ... e algo máis do tema aquí ou aquí.