Amosando publicacións coa etiqueta ferrocarril. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ferrocarril. Amosar todas as publicacións

20220222

Maragatos en Ribadeo?

Maragatos en Ribadeo?

Maragato, pato,
unha zoca i un zapato.
Maragato, pato,
fillo dunha cincha,
cando o galo canta,
o maragato rincha.
(Ditos recollidos de 'Falan os de Ribadeo')

    Si, maragatos en Ribadeo. Din as indicacións de sistemas modernos que Ribadeo atópase a unhas 44 horas, 200 km, andando, da capital de concello maragato máis próximo, Brazuelo. Non é moito se consideramos que os maragatos tiñan fama de comerciantes que levaban produtos dun a outro lugar, e que ruta máis ou menos inversa facían de xeito anual aqueles que nomeaba Rosalía e que 'cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros'. A lomos de animais ou en carros dos que os maragatos eran os arrieiros, veñen a significar seis ou sete longas xornadas de viaxe, se nos fiamos do que parece era normal na época, uns 30 km diarios no transporte de sal e outras moitas mercadorías. E se a maragatería era un centro de dispersión comercial guiada polas súas xentes, Ribadeo era o porto do Cantábrico por excelencia xa no século XVIII, onde as facilidades do transporte por terra tardaron en chegar, aínda coa ilusión do ferrocarril entre Ribadeo e o Bierzo truncada a partir da Pontenova dende hai máis dun século. Existen en Ribadeo as rúas de Vilaoudriz, moderna, pero adicada á outra punta do vello ferrocarril mineiro, unha realidade que dinamizou a cunca baixa do Eo, e de Vilafranca, antiga, pero adicada a unha ilusión: o entronque co ferrocarril á meseta, que nunca chegou e que sería o recambio dos arrieiros maragatos. Os maragatos forxaron a súa lenda neses tempos nos que se comezou a poder viaxar entre a meseta e Galicia con lentitude, pero cunha certa seguridade, e aqueles outros nos que a rapidez mecánica arrombou o poder animal no transporte nesas rutas. E tamén pola súa labor nos comezos desa nova época.

    Cando penso en 'maragatos', ás veces vén á miña cabeza a verba 'inmigrantes'. Cousas da historia, viñeron doutra terra, no seu momento, pero a integración, que en xeral comezou antes de establecerse aquí coas sucesivas viaxes realizadas, continuou, e xeracións despois, fai que hoxe, na zona de Ribadeo, non teña ningún sentido xuntar ambos conceptos, a pesar de seguir usando a cualificación toponímica de 'maragato' como recoñecemento dalgún ancestro nado aproximadamente na Maragatería.

    Os primeiros maragatos que se me veñen á cabeza son a familia Nistal, chegados da zona de San Justo de la Vega. Está ligada coa Empresa Ribadeo de autobuses, no que parece unha continuación lóxica do traballo familiar, e un Nistal é referido por Chemi Lombardero entre os maiores contribuíntes para elección de compromisarios do Senado xa no 1907, indicando en ambos casos unha saudable economía. Mais o mesmo apelido, a poucos quilómetros, en San Miguel de Reinante, atópase ligado a unha taberna e ultramarinos, do mesmo xeito que en Ribadeo tampouco se quedou estático en torno ó transporte, senón que diversifican a súa actividade no mundo do comercio ou a hostalería. Nada moi diferente do que pasou noutros lugares con outros maragatos. Iso si, se a xente que en España leva o apelido Nistal achégase en España as 3000 persoas segundo o INE, e unha cuarta parte está na provincia de León, á que pertence a comarca da Maragatería; en Lugo non chegan ós 50, o 1,5 %, pero de eles, case a metade está relacionada con Ribadeo.

    En 1930 constituíase a empresa Ribadeo de autobuses. Os donos? Tres familias de orixe maragato, os Freire e dúas ramas dos Nistal. Non hai xente de certa idade que non teña coñecido e viaxado coa coñecida en Ribadeo como 'A Empresa' ou coas siglas 'ERSA'. Empresa que aglutinou os transportes previos dos que dispoñían os seus donos e acadou gran pulo no transporte galego. Estableceu entre outras unha liña entre A Coruña e Xixón, colaborando con Automóbiles de Luarca, a actual ALSA, encargándose unha da parte galega e outra da parte asturiana, con trasbordo en Ribadeo. A empresa, segundo Martín Fernández Vizoso, era a principal fonte de emprego en Ribadeo a mediados do século pasado, mais a súa decadencia levouna a ser mercada por Industrial Auto, S.A. (IASA) e desapareceu como nome comercial a finais do século pasado.

    Os maragatos aparecen aquí e aló na zona de Ribadeo. Ás diversas ramas da familia Nistal engádense outros apelidos. Pódese descubrir, por exemplo, na colección de fotos 'Ribadeo na Memoria' a foto coa que ilustro este texto, anónima e de data indeterminada, que amosa a familia diante da Casa Maragato, na parroquia de Covelas, acompañada dunha lenda lembrando a orixe e o carácter comercial dos maragatos. Ou nas citas relacionadas con Jesusa Puentes, dos Maragatos de San Miguel, e dona de Don Ramoncito, parella ineludible da vida daquel entorno a mediados do século XX. Ou Alfredo do Maragato, con casa grande en Abelleira, San Pedro de Benquerencia, a comezos do século pasado.

    En Ribadeo hai un vello caserón almeado, o chamado 'cuartel vello', casa-torre con máis de tres séculos feita polos Sierra Pambley, descendentes fidalgos con orixe na beira da Maragatería, e que foron mecenas nesta terra adicando anos despois a casa a escola, a Obra Pía Sierra Pambley (1713), segundo relata Francisco Lanza no seu 'Ribadeo Antiguo'. Ós seus pés, como nos fai chegar Pancho Campos nun dos seus escritos, unha horta de hoxe con columnas de antano conta a súa historia como corte que servía para os bois dos maragatos chegados a Ribadeo. Os maragatos hai moito tempo que chegaron a Ribadeo.

-

En Maragatos de Lugo.org

Posterior alusión e audio no El Progreso (min. 15:50)

 

20200719

Por que se chama ‘La Comarca del Eo’?

Esquema collido de https://gl.wikipedia.org/wiki/Li%C3%B1a_Ribadeo_-_Vilaoudriz, licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0

   O outro día, ó ensinarlle a alguén un artigo do último número de ‘La Comarca del Eo’, atopeime cunha pregunta súa, formulada máis ou menos: “E por que se chama ‘La Comarca del Eo’? Non se debería chamar mellor ‘A Mariña’”? Din unha resposta rápida, referíndome non á causa última de quen tivo a idea, que non sei, senón ó cambio das condicións no entorno entre a época na que naceu a Comarca e hoxe, o que explicaría a elección do nome. E logo, quedei pensando e decidín escribir este artigo.
   La Comarca del Eo, semanario ribadense, leva editados 5235 números, que a un por semana, cun par de excepcións, da máis de 100 anos, retrotraendo o primeiro número a 1919. Naquel momento, cando pouco se titulaba en galego, a elección do castelán era o predeterminado. E xusto despois da I Guerra Mundial (ou Gran Guerra Europea, se se ten outra mira) as comunicacións para transporte tiñan unha aparencia abondo diferente, estando marcadas na zona polo ferrocarril da empresa mineira que explotaba o ferro en Vilaoudriz. O ferrocarril a Vilaoudriz, ferramenta para o transporte mineiro e aproveitado para transporte de persoas, estaba en pleno apoxeo, vertebrando unha comarca que abranguía entre Ribadeo e a Pontenova, e a ambas beiras da ría de Ribadeo e do río Eo, das Figueiras ou Castropol a San Tirso ou máis aló da actual Pontenova. Mentres, os transportes por estrada facían ver moi lonxe lugares como Viveiro. É dicir, nunha época na que as viaxes eran máis longas en tempo, máis curtas en distancia e ben diferentes en condicións, estaba vertebrada unha comarca da costa ó interior por ese ferrocarril que se quixo prolongar, de xeito infrutuoso, ata Ponferrada. Por contra, tiña abondo menos sentido falar da existencia dunha vertebración de territorios costeiros, por moito que se tivera comunicación en base ó mar.
   O ferrocarril marcou o desenvolvemento de toda a zona ó tempo que intensificou as relacións entre as persoas, cando o transporte dependía dos carros máis ca dos camións e os coches eran un luxo que rara vez se vía pasar mentres a xente se desprazaba en transporte comunitario. Ese ferrocarril foi desatendido no seu mantemento, ata a desaparición final do servizo a raíz dun derrube nun túnel en Ove, a pouca distancia da vila de Ribadeo. Túnel cortado, á entrada do que se pode acceder aínda hoxe, chegando dende o pobo por rúas e estradas chas, vías de comunicación feitas aproveitando o antigo trazado da vía. Neses tempos, os 60 do pasado século, o tren, desatendido, lento e con servizo deficiente, non era competitivo para a empresa privada. A perda que supuxo chega ata o de hoxe, cando se quere recuperar o seu trazado para facer unha vía verde de máis de trinta quilómetros, ampliando o xa recuperado. Caeu o tren e hoxe, como amosa o exemplo que da título ó artigo, a ‘Comarca del Eo’ vese como un nome estraño, ó que hai que procurarlle o significado.
   Unha historia para lembrar hoxe, cando esa outra comarca que outro tren axuda a vertebrar, a Mariña e o ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón (esta vez, de mans dunha compañía que se supón de servizo público), están en perigo.

20200630

“300 € por 8,70. Historia dunha viaxe en FEVE”, continuación


No outono, antes da chegada do coronavirus, publiquei unha entrada na que narraba as peripecias dunha viaxe que ía ser en tren cun custe para min de 8,70 €, e que rematou sendo en taxis (así, en plural), cun retardo considerable na chegada e por un importe -a cargo de RENFE- moi superior. Foi a causa dun feito puntual, o que non desculpa que feitos puntuais dese tipo se teñan sucedido de xeito alarmante, cunha solución tan descoordenada como a referida. O que pretendía era poñer de manifesto a desorganización organizada dun tren que presta un servizo esencial á Mariña luguesa, ligándoa a Ferrolterra e a Asturias e vertebrándoa internamente. Desorganización que redundaba a máis de nun mal servizo, nun machaque continuo da infraestrutura e clientela serviciada tendente á desaparición do propio servizo.

Dende aquela, o coronavirus e Alcoa incidiron no tema dun xeito brutal. A empresa, ó anunciar a redución na planta de aluminio, a máis do mal causado de xeito directo, no que se refire a este tema, levaría consigo a desaparición do transporte de aluminio por vía férrea, incidindo nas contas da liña e na posible presión para o mantemento da liña.

En canto ó coronavirus, o illamento e as diferentes fases de volta á normalidade propiciaron un descenso do número de viaxeiros. Mais o caso é que, con esa desculpa, o número de conexións foi reducido, quedando a día de hoxe nunha conexión de ida e outra de volta. Un feito que, hai que recalcalo cando xa estamos no que se pretente normalidade condicionada, non corresponde coa actual situación de fase tras a desescalada. É evidente que se hai unha conexión de ida e outra de volta, salvo quizais para o extremo da liña preto do punto de saída, o tren non pode ser unha solución de desprazamento, tendo que complementar o seu uso con outros medios, para a ida ou para a volta. E iso, nun horario moi reducido, o que ven a engadirse ós males estruturais da FEVE Ferrol - Oviedo/Xixón, de situación das estacións, reviravoltas polas rías, tempo de viaxe, falta de mantemento da vía, ... Males todos eles que non suprimen a necesidade dun xeito de comunicación que non dubido en cualificar de esencial como parte de calquera transporte público na zona á que serve, a máis de -demostrado está- representar un método abondo máis sostible que o predominante por estrada.

20191118

Este billete vale máis de 300 €. Historia dunha viaxe en FeVE

Xoves 14 de novembro de 2019. Mal tempo, unha viaxe de Ribadeo a Viveiro e unha decisión: vou en tren.
Na estación, pido billete e comunícanme que o conseguirei no tren. Quedo pensando por que se desaproveita a oficina da estación e o persoal destinado alí, pero tamén que non entendo do tema e pode haber motivos que se me escapan.
Paso ó andén e atópome cunha parella nova con cans e un trebello de rodas que queren meter no tren. Non cabe por unha porta normal, ten que pasar por unha dos extremos. Pero chegan condutor e revisora e din que non poden abrila, que está atascada. A parella déixalles unha ferramenta para tentar abrir. Despois dun intre, a porta segue negándose. Resultado: a parella non sube. O xefe de estación dá a saída e, ó pouco a revisora pasa e lévome un billete de ida e volta Ribadeo/Viveiro por 8,70 €.
A viaxe a Viveiro, co mar encrespado á vista boa parte do recorrido e o ceo cambiante de pingues e escuros a luminosos craros da outra beira dos vidros, precioso, tranquilo, cómodo, agradable.
Á volta, volvo ó apeadoiro con tempo e póñome a esperar entre trombas de auga nas tebras da fría noite debilmente iluminada polas farolas próximas. Pasan as 21:07 previstas e, uns cinco minutos despois, comezo ler os poucos carteis que hai no apeadoiro. Un informa dun número de teléfono para chamar se o tren tarda máis de 10 minutos en pasar despois da hora prevista. Chamo e chamo sen conseguir que me collan. E fíxome noutro teléfono noutro cartel que podería servir. Aí si me collen, e despois de falar cun contestador automático e elixir varias opcións, un interlocutor humano dime que non, que alí non é o que estou a procurar, pero que me pasa con outro número. Aínda estaría esperando a resposta dese outro número, se non fose porque despois dun tempo a comunicación cortouse, sen máis. Volvo chamar ó primeiro número, e, desta, á segunda vez, collen. Explico que estou esperando o tren (daquela xa o rettraso se achegaba á media hora) e sen deixarme rematar cando lle digo onde me atopo, dinme que por esa liña non está a circular ningún tren. Antes de que saíra do meu asombro, engade que me vai vir buscar un taxi e colga. Eficiente.
O taxi non tardou. Saúdo, subo e pregúntolle á taxista se lle entrego a ela o billete. Dime que a ela non, que en todo caso, cando cheguemos a Burela, a quen esté alí. Entre Viveiro e Burela da tempo a desenvolver unha conversa, e entérome de que a rapaza nova que vai diante ven dende o Vicedo con destino Xove, de que ó tren no que eu fixera o recorrido ata Viveiro caeulle un tronco derriba no seu camiño cara a Ferrol, e de que a situación non estaba solucionada, polo que non circulaban trens e facíase o servizo en taxi. Polo que parece, situacións semellantes son frecuentes, cousa de unha cada dúa semanas. O caso é que tamén me di a taxista que o taxi no que vai a revisora tería recibido ordes de ir para Burela, sen especificar, polo que pasou de largo os apeadoiros do camiño e logo houbo a necesidade de axustor outro, no que ía eu, para recoller a xente deixada da man de FeVE.
Polo camiño, mentres -agora si- imos recorrendo os apeadoiros, vexo que o taxímetro xa pasa de 60 € e comezo a pensar de que ademáis de chegar tarde nesta noite de cans, da incertidume do teléfono e o pequeno sobrecusto das chamadas, a FeVE váille saír o meu billete e o da xente que está nunha situación parella a min por un ollo da cara.
Chegamos a Burela, e vexo que se baixa unha rapaza que coñezo do taxi que está esperando: tiña falado coa súa casa e van ir buscala dende Ribadeo, porque non sabían canto tardaría o noso taxi. Como xa están en camiño, e nós 'temos présa' segundo a revisora que estaba esperando, para cumprir o horario, ela queda no andén da estación de Burela e seguimos viaxe, o taxista, a revisora e dous pasaxeiros camiño de Ribadeo. Pregúntame  revisora se teño billete, e ó dicirlle que merquei un de ida e volta e facer movementos para sacalo da carteira dime que vale, que entón non fai falta que llo amose.
Seguimos pasando revisión ós apeadoiros, ata pasar a ría de Foz, pero logo tiramos pola autovía. E, de novo, conversa. Falamos, pregunto e a revisora di que espera que a situación mellore: cara ó 2025 está prevista a entrega de novos trens, logo non é previsible que se cerre a liña... mentres, polo camiño, o segundo taxi xa marcaba máis de 280 €. E lémbrome dos 75 €/día para taxi que no seu momento entereime estaban programados para o 2017.

20171220

Setenta e cinco euros diarios para taxi

Ferrol-Ribadeo. No mapa (este caso, Open Street Map) é difícil mesmo atopar a liña férrea...

Non, non é moito. Mais é a cantidade que Renfe/Feve adica durante un ano (que xa comezou) a levar á xente en taxi no tramo galego da liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón. Algo que se presta a varias reflexións e matizacións.
A primeira, que que Renfe/Feve faiga un contrato anual para transporte alternativo de viaxeiros por estrada implica a previsión de que os problemas da liña non se van acabar, tratando un problema non como algo a resolver, senón como algo a sacar fóra da vista co menor custe.
Outra, que os máis de 27 000 € son unha minucia que se convirte en noticia pola necesidade da liña. Unha minucia prevista pola compañía, pois no prego de convocatoria de cara ó contrato figuraba pouco máis que o resultado final de 27 225 €.
Outra máis sería o cálculo da cantidade do contrato que realizou a compañía ferroviaria co Radio Taxi de Ferrol. Faría bo negocio? Segundo a prensa, a cantidade é para transporte só no tramo galego, e os taxis son ferroláns, o que fai pensar no tempo de solución de cada problema particular a medida que nos afastemos de Ferrol (se ben o tráfico principal, con diferenza, está na veciñanza de Ferrol).
Pero, ós usuarios, coido que non lles debe importar os cartos do recurso paliativo, senón a solución do problema, e nese sentido, de cara ós usuarios o negocio non é bó. Aínda que se arruínen levando á xente en taxi. Máis aínda, cando pode ser outra gota máis que leve á ruína do ferrocarril da costa.
A liña, segundo Renfe/Feve

20171218

Perigos nas Catedrais


Despois de da Mancomunidade ás Catedrais, aínda quedan preto de 300 páxinas máis a comentar do Plan Especial de As catedrais.
O ultimo que ocmentei foi que recoñecía o risco da elevación do mar polo cambio climático, pero máis aínda o risco para a conservación derivado da aglomeración de xente (p.14, punto 4.6). Na mesma páxina prodúcese unha especie de esquizofrenia de concellos. Un par de lexislaturas despois e recoñecer que é necesario reducir o número de concellos en España, parece que séguese a loitar sen cuartel entre concellos veciños como indica que falando de transportes, se enumere para o tren non só o apeadoiro de Esteiro, senón tamén o dos Castros, pero non o de Reinante, no concello veciño. Faise nun marco no que se indica o baixo uso do transporte público (incluído autobús subvencionado que ademáis facilita a entrada polo seu mero uso, aínda que iso non se cite no documento), e no que se di que hai un aumento de transportes alternativos, referíndose ó uso testemuñal da bicicleta ou mesmo o bipedismo da xente do Camiño de Santiago. Enumera tamén na mesma páxina que na actualidade son 330 prazas de aparcamento de turismo e 14 de autobús as que hai en aparcamentos decentes, e esta vez si, incluído Reinante.
Na páxina seguinte, outra pequena sorpresa, pois entendo que non contempla na actualidade máis que un acceso, quedando o acceso oeste (o principal) como único, a máis de 'en marea baixa', o acceso directo dende Esteiro. E, como calquera sabe, moita area ten que haber e boa marea para poder facer ese paso sen mollarse.
Nesa mesma páxina, a 15, no punto 4.8, cartelería, fala doutra cousa que debera estar subsanada: a disposición de carteis informativos sobre o propio cantil.
E, un pouco máis abaixo, (4.10.2), descobre que a licenza de hostalería foi dada polo concello de xeito posterior ó establecemento da Rede Natura 2000 (aínda que tiña un permiso previo da Xunta) e que nos terreos de uso do local faise emprego de varias especies de plantas invasoras. Recoñecemento que parece que non implica en absoluto ningunha actuación de oficio.
Por último para esa mesma páxina, tamén fala das leis 42/2007 e a súa reforma pola 33/2015, que, referíndose ós monumentos naturais (como o caso das Catedrais) fala das actividades incompatibles, sempre e cando non quede recollida a actividade correspondente nas normas de declaración ou xestión, o que non é o caso. O mesmo que no parágrafo anterior, parece non ter consecuencias de oficio.
O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitas naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello.
É evidente que as suaves indicacións á acción que deixa caer o plan pola mera constatación de datos necesitan resposta, pero de non ter un poder 'absoluto' (refírome a casos somo o cambio exprés da constitución), as cousas do pazo van despazo...
Na páxina 17, punto 5.1.3 fala de transformar visitantes en turistas. Que quede claro que o documento non é precisamente ambientalista, senón pragmático. No mesmo sentido cabe interpretar que non se contemple un novo apeadoiro, senón o traslado do de esteiro, coido que en contradición con novas de prensa nas que se lle pide a Adif  (RENFE-FEVe infraestruturas) precisamente iso, unha estación nas catedrais. Ou cando fala da captación de financiamento, insinuando a 'colaboración' público-privada, moi en consoancia cos tempos actuais. Outra cousa diferente no mesmo punto é que xa se esqueza da poboación cando fala dun 'marco de colaboración' administración-axentes implicados uníndoo á sostibilidade do éxito turístico das catedrais (lembremos o xa comentado da p.9).
Páxina inicial do punto 5.1.3
O dito, continuará.
--
Contiuou aquí.

20171213

Funcionando como concello

Luns pasado tivo lugar unha xuntanza da mancomunidade da Mariña. E a próxima semana, haberá outra.
A unión de concellos mariñás é fundamental. A 'antiga provincia de Mondoñedo', como non se cansan de repetir persoas como Pablo Mosquera, chama por unha consideración conxunta tanto polas súas peculiaridades como pola desatención dende a lonxana e diferente capital provincial acutal. Entre outras cousas, a máis do evidente Cantábrico que baña a costa, o dinamismo económico, ou, ligado con el, pero non só, o mantemento da poboación costeira fronte a baixada demográfica provincial de Lugo, establecen á Mariña como un 'lugar diferente'. E moito máis aló dun provincialismo que hoxe xa sería diferente do da antiga provincia, a zona marítima da Mariña é case unha pequena cidade continuada. Cidade que aínda hai que vertebrar a pesar dos seus evidentes lazos, sen esquecer o que sería 'o extrarradio' da mesma, a zona non tan poboada máis o interior. E vertebrar loitando non só pola supervivencia independente do hospital para non ter que rematar indo a Lugo para calquera cousa, senón tamén nas comunicacións, mellorando as que xa hai, potenciando a rede de transporte público, tanto na súa versión infraestruturas como organizativa, de horarios, frecuencias de transporte, etc. É dicir, facendo algo que parece que comezaron a facer os alcaldes o pasado luns en Ribadeo e para o que tanta falta fai unha coordinación para reverquer algúns futuros evitables como o desmantelamento da liña de tren da costa.
E tomar decisións comúns cando toque enfrontarse a problemas comúns debera ser un costume, tanto no caso do transporte ou o hospital como no da velutina, onde quizáis poñerse de acordo sexa máis doado por ser un fenómeno externo contra o que loitar máis que algo a organizar. E contactar con quen pode saber algo e está interesado xunto con quen pode aportar intraestrutura ou cartos, como no caso das velutinas AGA (aínda que parece que máis ben foi AGA a que contactou coa mancomunidade como principal zona afectada en Galicia) por unha beira e a Deputación Provincial por outra. E é que accións como a instalación de 5000 trampas e o mantemento en bo estado operativo das mesmas durante máis de catro meses require colaboración.
Colaboración, algo que por certo parece non afectar á cidadanía máis que cando se trata de poñer o ombro. E é que tamén neste nivel, a cidadanía vese a distancia, e de resultas das votacións cuatrienais. Algo que 'tamén' habería que mellorar.
Vespa velutina. Imaxe de Wikipedia. Didier Descouens. CC by-sa 3.0


20171208

Aireando unha noticia: Ence, FeVE e a alternativa a Mirasol

Chegoume hai tres días, e esperei a vela nos xornais que por Ribadeo teñen máis tirada, ou na radio... pero xa pasaron uns cantos días, e nada.
A fonte é praza, (con fonte primaria o BOE)e o título é descritivo: "O Tribunal de Cuentas desmonta a operación coa que Ence logrou que a Xunta lle baixe impostos en Ribadeo". Aparte dalgún pequeno detalle, como que non son impostos senón taxas, unha historia que comezou con querer construír unha macronave en Mirasol, pero da que deseguida tomou o mando directo ENCE, ata chegar a actualidade, sen variación máis que no custo que para ENCE ten o embarcar en Ribadeo.
Con esta resolución, vese o chanchullo. A ENCE impórtalle un rábano a liña, o que quere é rebaixar custes, algo que logrou a costa de Ribadeo (ata o 60%). E FeVE... ben, o de FeVE é desidia, como se pode ver noutras partes do documento adxunto. Algo que por certo, coido debera ser obxecto de estudo nos concellos que están a sufrir o golpe de FeVE no seu transporte, como o concello de Ribadeo.
Como datos, a máis da rebaixa do 60% dos custes de ENCE en Ribadeo por vía de decreto, non de aumento de eficiencia, a distancia entre ENCE e Mirasol son 35 km, e entre ENCE e Musel por tren, supera os 100. O Ramal a ENCE (2,5 km)  estaba previsto en 9 millóns de Euros, dos que 3,5 pagaría o Principado (39%), 3,5 FeVE e 2, ENCE (22%). Lévase gastado na obra uns 6 M€. FEVE non fixo ningunha reclamación formal de débeda. A rebaixa de custes de Portos a ENCE supuxo previamente cambiar a lei de taxas de Portos de Galicia, cunha excepción que dende 2010 que se fixo, só se empregou con ENCE. A modificación de taxas non impediría a marcha de ENCE de Ribadeo (era un convenio a prazo fixo, temporal ata a o funcionamento da 'operación Xixón'). A rebaixa en Ribadeo supón entre 300 000 e 500 000 €/ano para Portos.
Denunciarase a ENCE por danos e perxuízos? E a FeVE por non xestionar? E a portos e á Xunta por favorecer o desgoberno?
Tamén podes consltar en praza, as noticias con título:
A Xunta pactou con ENCE un convenio á medida para perdoarlle impostos (feb.2016) 
Feijóo atribúe á “sociedade de Ribadeo” o convenio á medida de ENCE (feb.2016)

20171106

Diferencias e normalidades

Onte foi domingo. Un día que marca a diferencia co resto da semana. E onte quedou patente.
Levantou o día con chuvia e foi difícil saír á rúa de xeito calmado sen levar paraugas ou sen mollarse. Tanto así que a algún foráneo escoitóuselle algo como 'es que os olvidábais de que estamos en Galicia?' ante as queixas do resto do grupo polo 'mal tempo'. A auga chegou con falta, e aínda máis que é necesaria, marcando unha diferencia.
Tamén marcou diferencia a viaxe de ata preto de trinta persoas en tren ata Viveiro. Ir ó fútbol reivindicando. E ganando o partido, pero sufrindo retraso considerable á volta. E, se se botan contas e se restan os xogadores e as persoas asociadas ó efecto propagandístico, quizáis se teña máis claro o por que non lle importa á antiga FEVE, hoxe coa marca Renfe Feve, o ter o tren desastrado, nunha especie de peixe que se morde a cola ou efecto automantido que hai que requerter. Por certo, a prensa non trae se houbo ou non revisor para comprobar os billetes nos vagóns onte.
Onte tamén houbo unha ópera en Burela, unha comida para lembrar unha discoteca en Viveiro, onde tamén se correu reivindicando a continuidade da área sanitaria. En Ribadeo, o mercado rematou un pouco antes, como cando chove, porque chovía, mais o día tristón deixou algún raio de luz solto poñendo a nota sobre un día no que en Ribadeo tamén houbo actividade, como (case) tódolos domingos.
Arco da vella onte sobre Ribadeo. Foto G. Gómez.

20171104

Ribadeo, en tren ao fútbol

Case se me escapa a iniciativa do Ribadeo F.C., e non porque vaia en tren. Coido que é un bó xeito de apoiar a continuidade da agonizante liña do tren Ferrol-Xixón. Se és afeizoado ó fútbol, seguro que valoras de xeito positivo o que se pretende. Deixo a imaxe, tomada do Facebook do equipo ribadense:

20171022

Historias do tren

    O tren ten xa unha historia na comarca. Seis décadas para o tren mineiro, e xa 45 anos para a liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón. Mais, a este paso, parece que vai ser o 'fin da historia'. E é que é notorio o desentendementa da liña pola empresa, o que fai que se estea tentando de estruturar unha resposta por parte da sociedade. Os alcaldes sábeno e pouco a pouco van eles tamén, ó seu nivel, estruturando a nivel político unha plataforma de resistencia.
    Claro que, no caso dos alcaldes (tamén, aínda que doutro xeito, no caso da sociedade en xeral) a cousa vai tarde e de xeito incompleto. Tarde porque hai tempo que sucede o abandono da liña, da vía e dos servizos, a falta de material ou o traslado de maquinsitas, de tal xeito que o declive é evidente. E incompleto porque as primeiras xuntanzas foron dos concellos afectados por cercanías de Ferrol, non contando a Mariña, e só de xeito máis recente se foron incorporando os mariñáns. E, aínda así, atopámonos con que os participantes na última xuntanza (20 de outubro) eran alcaldes afectados, si, pero faltaban outros alcaldes afectados: os ligados co PP.  E eran só da zona galega, mentres que se non se considera a liña na súa totalidade, o desaproveitamento de parte dela fará pouco a pouco caer ó resto.
A liña é sabido que naceu con taras ó ser concebida dun xeito estratéxico militar, non social e económico (ao menos, non de xeito único) polo que se levaron as estacións en xeral lonxe das poboacións, e, co apoio ó tráfico por estrada, deseguida pasou a un segundo plano. Mais tamén é sabido que as infraestruturas de transporte comunitario non só son o pasado e exponente dun presente puxante, senón tamén que son o futuro. E O tren é unha estrutura dese tipo que non se levanta nun momento e cuxa perda pode ser lembrada como tal durante moito tempo. Aí está aínda na mente de todos o ferrocarril mineiro, desaparecido hai case 55 anos despois dun languidecer que deixou a zona, de novo, nun atraso da que o tiña sacado coa súa chegada.
    Estéñase ou non de acordo con certos prantexamentos, como o apeadeiro nas Catedrais (do que teño escoitado voces a favor e en contra, estas non tanto polo apeadeiro, senón relacionadas co plan de conservación do monumento natural) o certo é que parece lóxico que un apeadeiro alí levaría á liña abondo máis tráfico que o de Esteiro (500 persoas ó ano). E a recentemente denunciada falta de revisores para os billetes, que permite que viaxar 'sexa gratis', pero tamén que ditos viaxeiros non conten para os estudos ata o momento, ou a contratación de persoal externo para facer precisamente esos estudos, de forma parcial, cando podían saír directamente das contas de venda de billetes,  non son máis que xalóns dun abandono que pagaremos todos, non só polo seu uso ou non, senón pola desmontaxe dunha estrutura que pode ser fundamental, se se aproveita, para a comarca.
A vía, salvando a desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo

20170919

Deporte e transporte parécense

Aparcadoiro de bicicletas do modelo posto de xeito recente en Ribadeo (pza. 8 de Marzo)

Este fin de semana houbo en Ribadeo dúas actividades deportivas multitudinarias.
A primeira delas (segunda no tempo), a festa da bicicleta, reuniu a varios centos de persoas que un ano máis se deron un paseo festivo o domingo pola mañá por Ribadeo, recorrendo o pobo, foi auspiciada de xeito privado e non foi reivindicativa como outras, máis minoritarias, que reclamaron o pasado ano outra consideración para os ciclistas, incluídos carril bici e aparcamentos.
Bici no auditorio (2008)

A consideración depende de cada un, e vaise logrando moi pouco a pouco, como puiden comprobar onte mesmo na rotonda na que a N-642 desemboca na N-640. O carril bici en Ribadeo segue a estar ausente e non se lle espera. Aparcamentos de deseño foron postos hai non tanto en varias zonas, ó pouco de instalar os carteis de vila amiga das bicicletas.
E mais a bicicleta parece ser o vehículo do futuro, e non só pola dificultade na procura de petróleo, senón porque a dificultade cada vez maior de dispoñer de transporte público na zona rural ten menos espazo na prensa e patrocinios que a bicicleta. Do transporte público só se fala para información xeral e pola xente que se vai quedar sen emprego. É lamentalbe a perda de emprego, pero tamén un indicativo de que a mala comunicación no rural non parece ser moi importante como servizo se non se pode exprimir moito beneficio.
A segunda cita deportiva, o sábado á tarde, foi a IV edición da Media Maratón Ribadeo - As Catedrais. Mais numerosa, con máis de 700 deportistas correndo, pasou a maior parte do tempo polo camiño do Cantábrico. Tamén promocional e festiva, desta volta, reivindicativa das catedrais ribadenses, o seu recorrido corre á beira dun trasporte colectivo en patente abandono e derribo. Tanto que din que o tren é unha ruína cando nin se fai por cobrar, nin se poñen maquinistas e moitas veces hai que levar á xente en autobús ou taxi contratado, e mesmo é un perigo polo descuido da vía e o esu entorno. Unha carreira que remata nun lugar para o que se pediu un apeadeiro ou estación para facilitar o acceso, pero o que leva funcionando xa varios anos é un aumento de aparcamento de tempada. Un lugar para o que se pediu transporte público, pero que incrementou as prazas de aparcamento para transporte individual.
Si, que ambas verbas rematen en 'porte' non parece asegurar que haxa unha conexión no seu uso máis aló da existencia dun movemento.

20170522

Complementado a nova desta mañá sobre a marcha reivindicativa do ferrocarril mineiro

Complementado a nova desta mañá sobre a marcha reivindicativa do ferrocarril mineiro, deixo dous apuntes dun blog que aínda segue a funcionar, mesmo cando está destinado a desaparecer en non moito tempo:

http://prensa-ribadeo.blogspot.com.es/2008/09/20080816-sobre-rota-do-tren-mineiro.html

20080816 sobre a rota do tren mineiro

COSTAS DESTINA 150.000 EUROS Á REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A RECUPERACIÓN DA RUTA DO TREN MINEIRO ENTRE RIBADEO E TRABADA. O ALCALDE AMOSÁSE SATISFEITO POR ESTE ANUNCIO.
Ribadeo, 16 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, informou onte no pleno aos membros da Corporación Municipal, do compromiso de Costas para proceder á recuperación da ruta do tren mineiro entre Ribadeo e Trabada "xa que xa ten aprobado un orzamento de preto de 150.000 para a redacción do proxecto. Trátase dunha ruta magnífica e será unha das mellores sendas verdes de todo o estado".
O rexedor lembra que esa ruta "estivo en funcionamento desde o ano 1905 ata o 1964 e desde entón, sobre todo nos tramos de Ribadeo… hai algúns que son públicos e outros non. A intención do Ministerio de Medio Ambiente é facer ese proxecto expropiando os terreos que faga falla para darlle continuidade e poder empatar estes tramos que faltan entre Ribadeo e Trabada cos que xa están feitos en San Tirso de Abres e A Pontenova". Fernando Suárez engade que "falamos dunha realidade en non moito tempo. Desde o punto de vista turístico será posible que alguén que queira ir camiñando ou en bicicleta entre Ribadeo e A Pontenova o poida facer a través dunha paisaxe maravillosa ás beiras da ría de Ribadeo e despois subindo ás beiras do río Eo. É algo que nos colma de satisfacción e que amosa a sensibilidade dos responsables de Costas con esta ruta que une dúas comunidades: Galicia e Asturias".
Galescola
No pleno de onte, aprobóuse cos votos a favor do BNG, PSOE e UPRI e os votos en contra do PP, a ratificación definitiva do acordó de cesión dunha parcela municipal á Xunta para a construcción dunha galescola para nenos de 0 a 3 anos. Fernando Suárez explica que "pasou o período de exposición pública e non houbo alegacións e agora só resta que se adxudique o proxecto e as obras agardamos que se inicien en breve, si é posible a principios de 2009, para que Ribadeo non só poida manter a escola infantil que xa está a funcionar desde hai tempo, senón que contará con outra que cubrirá a demanda de prazas existente na actualidade".
http://prensa-ribadeo.blogspot.com.es/2008/10/20081023-estradas-n640-e-n642.html

20081023 Estradas N640 e N642

FOMENTO ESTÁ A REDACTAR OS PROXECTOS PARA MELLORAR O FIRME NAS ESTRADAS N-640 E N-642 ENTRE PORTO E A PONTENOVA E ENTRE PORTO E RIBADEO. ASÍ LLO CONFIRMARON NAS ÚLTIMAS HORAS AO ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ.
Ribadeo, 23 de outubro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, recibiu nas últimas horas un escrito da Demarcación de Estradas do Estado en Lugo, no que lle aseguran que "a Unidade de Estradas está a redactar dous proxectos de mellora do firme: un afecta á N-640 no tramo entre Porto e A Pontenova e o outro á N-642 no treito entre Porto e Ribadeo".
O rexedor asegura que "como alcalde de Ribadeo sempre estiven preocupado pola situación destes viais que debo decir que non é nova. A situación degradada destes tramos de estrada está así desde hai tempo, non é algo que se degradara nos últimos tres ou catro meses, senón que ven desde moito atrás". Fernando Suárez explica que "xa tiñamos iniciado conversas no seu momento coa Demarcación de Estradas en Lugo que pertence ao Ministerio de Fomento e ao non daren resultado contactei persoalmente co xefe da Unidade, Narciso González Florido e lle pedin que o que a min me decía verbalmente o enviase por escrito para que conste a intención do Ministerio do Fomento que di que agora están redactando uns proxectos de mellora do firme que vai de Ribadeo a Porto e de Porto á Pontenova. Polo menos esa é a zona que lle decíamos que ten un estado moi lamentable e que cando chove ou cando fai mal tempo se intensifican os accidentes de tráfico".
O alcalde confía en que "agora estes proxectos se liciten enseguida e se proceda a executalos canto antes. Él tamén é receptivo a esta mensaxe que lle mandamos desde Ribadeo e que ademáis por outra banda tanta polémica estivo a dar nos últimos meses a nivel político, pero confiamos en que Fomento se poña as pilas, acabe de redactar estes proxectos que nos argumentan que están facendo e que os liciten dunha vez".

Ampliando a vía verde do ferrocarril mineiro

Alcaldes en acto protocolario

Onte un grupo numeroso de xente reuniuse para recorrer a ruta do ferrocarril. Que cambiou en relación a outras veces? A convocatoria, feita polo grupo Albións de A Pontenova, foi a correspondente á décima edición das andainas anuais que organiza o grupo. Ben organizada, como soen, era a primeira vez que a marcha comezaba fóra do concello de A Pontenova. Pero ese era un detalle circunstancial...
Placa altimétrica no concello de Ribadeo

A primeira diferencia era cuantitativa. Non dispoño de cifras exactas, pero polos autobuses na saída, puxémonos a camiñar non menos de 250 persoas, o que marca un fito para a vía verde do ferrocarril.
taxea orixinal

A segunda, reivindicativa. O grupo organizador quixo facer da décima edición da andainas un chamamento a retomar un proxecto do que hai dez anos, en 2007, asegurouse que estaba non só aprobado, senón dotado para ser levado a cabo. Un proxecto que, como o ferrocarril mineiro inicial, estaba chamado a influír sobre o desenvolvemento de toda a zona, e que, dez anos despois, só ten desenvolto o que tiña daquela: o tramo Santiso de Abres - A Pontenova, e este último como estrada asfaltada, se ben de último nivel. Por iso se comezou a camiñar en Ría de Abres, abrindo un tramo de máis de 4 km que estaba a camiño, pero en mal estado para ser recorrido, sen sinalizar, etc. Para empalmar co tramo recuperado, houbo que facer case 2,5 km por estrada... Así chegouse ós 18 km de ruta, dende os 11 que constitúen a vía verde actual.
Unha vista en Saldoiriña

A terceira, que nun acto protocolario, logrouse xuntar ós catro alcaldes e alcaldesas galegos e asturiana (A Pontenova, Santiso, Trabada e Ribadeo, os catro concello polo que transcorría o trazado), de tres partidos políticos diferentes, como apoio á petición. Coincidindo ademáis que o alcalde de A Pontenova é na actualidade presidente de Deputación Provincial. Protoclario, pero a súa presenza ó fin da unha imaxe política para o relanzamento dunha ilusión. E protocolario, porque o único concello que moveu ficha, non para apoiar o acto, senón para apoiar a vía, foi o de Trabada, limpando, ampliando, aplanando o novo tramo de camiño usado. Tramo que, por certo, ten cousa de 1 km paralelo pero non coincidente co trazado orixinal, por cousa de propiedade de terras.
Irá a iniciativa adiante? Recomeza con bó pé, pero tras ver o que pasou arredor de 2007, todo o mundo é consciente  de que o camiño non vai ser doado. E de que vai facer falta algo máis que sacarse unha foto.
Placa altimétrica no concello de A Pontenova

20161212

O fume do tren veu para quedarse en Ribadeo

Onte pechou a exposición de A Chocolateira, despois de proxectar por segunda vez o documental 'A chocolateira', esta vez no cine-teatro. A película documental é a cuarta vez que se proxecta en Ribadeo e segue causando impacto tanto pola lembranza e pola xente que sae como polo asombro que causa o impacto que tivo na comarca un proxecto con base extractiva e industrial que vertebrou toda a zona e deu posibilidades de comunicación a unha poboación que antes estaba maioritariamente illada, a mercede de camiños de vacas.
Deixo o vídeo xusto embaixo.
Mais unha cousa é o rememorar a chocolateira (nome que fai lembrar as últimas tempadas, con máquinas e vías que só eran unha sombra da perfección e mantemento que tiveron nos seus bos momentos), e outra, o taller-escola que serviu para este impulso que se manifestou sobre todo na semana pasada pero que aínda non rematou.
Más aló das 3000 persoas que pasaron pola exposición, da centea ben longa que fixeron a ruta da vía verde, das que viron a película, das que participaron na longavía tecida nas 'vías solidarias', enchendo Ribadeo non só dun camiño de lá, senón dunha participación colectiva a favor da sociedade contra o cancro, etc, hai unha escea que pon en valor todo o traballo realizado, o recoñecemento revelado e a ilusión compartida polo grupo. Trátase do momento no que Ángel Prieto Souto chama ó alcalde de Ribadeo, na súa intervención na inauguración, para un compromiso de recuperación. Pódese ver no vídeo seguinte, cara ó final:
E é que a exposición, coa recolección de obras xa expostas en diferentes lugares, pero nonca xuntas, maquetas, traballos académicos e de divulgación, e obras artísticas, mesmo realizadas para esta exposición, foi froito dun traballo de moitas horas do grupo de 'A Chocolateira', que só foi posible grazas a unha unión favorecida pola realización dunha formación que se colleu con ilusión. Ilusión dun grupo que permitiu non só o desenvolvemento de moitas horas de traballo, senón unión e compenetración en equipo, e recoñecemento. Recoñecemento pola súa parte que non só foi do valor e historia do ferrocarril mineiro Ribadeo-Vilaoudriz, senón e sobre todo, recoñecemento do valor das persoas participantes.
E esta historia parece que voltou para quedarse. Arredor da festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros que foron a cabeza de ponde do ferrocarril, está previsto que o próximo ano se potencie outra marcha para recorrer a vía verde, e, en Ribadeo, antes, un paseo de recoñecemento das rúas e zonas que foron orixinariamente vias de ferrocarril.
Certo que que o primeiro túnel, o do Costal, estea cun derrumbe, non axuda, senón dificulta a recuperación, limitando o acceso á ponte de Rego da Viña, a que se ve nas fotos como estrutura máis maxestuosa do recorrido, e acceso á súa vez ó segundo túnel, o chamado tamén de Rego da Viña, que xa sae á beira da ría e que ten a súa continuidade nunha zona que só habería que desbrozar.
Por suposto, para completar o recorrido hai dificultades diversas, dende zonas que están ocupadas pola estrada a outras que son plantación de eucaliptus particulares. Pero moita parte sería recuperable dun xeito doado. E nesas estamos: na súa recuperación.
Mentres, seguiremos tecendo vías solidarias.

20161206

Un paseo lembrando o ferrocarril mineiro

Mentras se van desenvolvendo outros actos de #AChocolateira, o domingo foi a andanza pola vía verde do ferrocarril mineiro, o tramo recuperado para o desfrute entre Santiso de Abres e A Pontenova.
É unha ruta que teño feito moitas veces, a pé e en bicicleta, mais esta vez tivo aspectos diferenciais.

Comezando a ruta, por A World to Travel
Chega o autobús á saída había máis xente que chegou por outros medios que a que ía no autobús. De feito, o espazo esgotouse varios días antes, aínda que non abondos como para calcular que se enchería relativamente outro autobús. Alí estaba a alcaldesa de Santiso, Goretti Quintana (PP) repartindo ela soa, folletos turísticos da ruta e do concello. Durante perto dunha hora, co seu chaleco reflectante... non é a imaxe típica dun alcalde do PP, ao menos para algunha xente. No autobús, varias concelleiras do equipo de goberno de Ribadeo (BNG), e ó chegar, Darío Campos (alcalde de A Pontenova) e Mayra García (Trabada), ambos do PSOE.
Houbo quen chegou tarde á saída, mais ninguén se quedou rezagado, mesmo familias con nenos en carriño. quizais algo de influenza tívoa o chocolate de Moreno á chegada, cociñado por voluntarios, igual que o resto da organización, sumándose á xente de A Chocolateira familiares e amigos, xente do club Albións ou protección civil de A Pontenova para que todo funcionase. E funcionou. A foto de A World to Travel que trataba de aglutinar a tódolos participantes, pero que non chegou a facelo porque unha carpa ocupaba a meirande parte da praza dos fornos a máis da xente que xa marchara amosa preto de 100 participantes duns 130-140 estimados (a que se amosa está alixeirada de peso para a súa carga máis rápida).
No medio, a charla podía descobrir ós viandantes que Santiso estivo a piques de ter unha fábrica de óptica e por que non a tivo, ou abandoar uns metros o camiño para observar unha escala de salmóns, a mais, por suposto, de observar a variedade de vexetación, descobrer os nichos dos túneles e o seu uso, distinguir entre as centrais do río, as diferenzas entre os tramos afectados por unha presa e os que non... ou moitas outras cousas, do ferrocarril e da súa proximidade.

20161204

Comezou o chu-chu da chocolateira

Nun acto de asistencia multitudinaria para o local onde se atopa a exposición da chocolateira, a antiga oficina de turismo do parque, comezou a apertura dunha mostra que a bo seguro levará a moitos visitantes á mesma. Deixo algunhas imaxes de aspectos da exposición e as verbas de Ángel Prieto Souto, que acompañaron a inauguración aportándolle un plus de coñecemento e reflexión. Non pretendo con estas imaxes máis que facer un resume, do que escapan moitos puntos de cartelería, arte (pintura e escultura), textos, gráficas, fotos, ganchillo (hai abondo máis de medio quilómetro de cadros de 25x25 cm2 feitos en lá, simbolizando unha vía e que serán unidos para confeccionar mantas que agasallar a organizacións solidarias), actividades externas como o completar entradas sobre o tema na galipedia, outras actividades realizadas polo grupo (a ruta do ferrocarril, realizada o domingo por abondo máis de cen participantes e que foi todo un éxito de organización, rematando mesmo cun chocolate na praza dos fornos de A Pontenova e un agasallo para os máis pequenos) e sobre todo, a ilusión e traballo palpables no momento da exposición polo equipo e colaboradores.
Momento da actuación

Momento da presentación

Cadro representando o cargadoiro

Cadro alegórico á liña de ferrocarril

Cadros representando infrastruturas da liña.

Material gráfico e textos son incluídos na exposición
Recorrido por puntos da exposición:






 




 Algunhas imaxes danidea dos debuxos feitos polos pequenos de primaria, de diversos cursos, no que s epode chamar 'A Chocolateira dos pequenos':













 As membros de A Chocolateira:

--
Nota posterior: a máis da inauguración do sábado, entre domingo e luns tiñan pasado pola exposición máis de seiscentas persoas.
Actualización: o xoves pola tarde pasaron máis de 350 persoas pola exposición, co que nese momento ían unhas 2000 persoas visitantes.


20161203

Ribadeo activo: Comeza a maratón da semana ponte Inmaculada Constitución

Comeza a maratón da semana ponte Inmaculada Constitución. Festival de Jazz/Blues en marcha. Como tódolos primeiros sábados de mes, marcha da A.C. Paco Lanza, esta vez pola outra beira da ría. Comezo onte do mercadillo contra o cancro, un ano máis. Xa en posición de saída o totalmente consolidado mercado de Nadal no parque para a segunda parte da semana, hoxe estréase a exposición e primeira actividade de A Chocolateira:
Sábado 3/12 19:00, Inauguración da exposición na antiga oficina de Turismo do Parque. Estará aberta toda a semana.
Domingo 4/12 10:00, saída de Santiso de Abres da marcha para descobrir o camiño recuperado, vía verde do ferrocarril entre Santiso e A Pontenova, e logo, chocolatada.
Martes 6/12 ás 19:00, película sobre o tren mineiro (na 'Casa do Mar')
Sábado 10/12 ás 12:00, no quiosco da música, tecendo vías solidarias: decoración do templete e máis.
Domingo 11/12 ás 20:00, acto de clausura