20140729

Vaites, se hai pleno!

Collo e miro na páxina do concello.
Atopo 29/07/14-Festa do percebe de Rinlo; 28/07/14-Media maratón en Ribadeo, 28/07/14-Adeus ás actividades de verán para @s nen@s; 25/07/14-Aceite usado; 23/07/14-Visitas teatralizadas, e máis cousas anteriores.
Nos xornais tampouco atopo nada a primeira vista. E, nembargantes, agora debe estar habendo un pleno (se non rematou xa), cunha orde do día que non teño nin sei como conseguir agora, e da que ó mellor me entero en parte a partir de mañá pla prensa que reproducirá básicamente a nota de prensa do concello e as declaracións dalgún membro da oposición en relación a algún punto controvertido, en xeral centrándose na controversia e non no significado conxunto para poder entendela, xa que non participar. Por que me atopo así? Pois por unha entrada dun concelleiro en facebook dende o pleno onde di que o punto máis importante é o orzamento.
Participación da xente? Que?
O orzamento (e o máis que se trate) polo que parece non vai moito connosco, como se fora un 'rozamento' e punto. Si, iso, unha 'fricción' co pobo rematará sendo que haxa unha casta de decisores e un resto de apartados.
Ben, xa veremos de que se tratou e como foi a cousa cando os 'decisores' se dignen a comunicar o que lles pareza ben. Mentras, nós ó noso... que era 'o noso'?

Facendo patria with a smile

Ás veces dame que somos tan 'galegocentristas' que non nos decatamos. Dígoo poucos días despois do da patria galega, e referíndome non só a xente dunha orientación política, senón tamén á xente que a combate. Onte mesmo, nos comentarios dunha partida de internet en liña cun xaponés (encontro de equipos entre Galicia e Xapón), tivemos o seguinte intercambio: 
-Siento preguntar, pero que es "Galicia"? ¿Es un idioma o una religión? Nunca he oído hablar de ello.
-Galicia fue un reino antiguo (Portugal nació como una división de Galicia) y una región actual en el noroeste de España, con un idioma: Lengua Gallega, "padre" de la actual la Lengua Portuguesa. Si quieres saber más, pregúntame! :)
-Que interesante. Mencionaste el padre de la lengua portuguesa de hoy, por lo que es algo así como el mandarín chino y tradicional, donde se trata de dos lenguas en una sola?
-, de hecho, es el mismo idioma, con algunas pequeñas diferencias
Aí estamos, polo momento. Pode ser difícil explicar a Galicia no exterior cando se ten como referencia á China...

20140728

"O de sempre"

Despois do accidente na A8 á altura de Mondoñedo, chegan as reflexións, que voltan a non deixar ben parados nin a técnicos nin a políticos. Nin tampouco ó protocolo de xestión e mantemento: segundo parece, media hora antes do accidente unha parella andaluza chamaba ó 112 para avisar e recomendar o peche do tramo. Din dende o 112 que se seguiu o protocolo. é dicir, o equivalente nos procesos normais ó movemento de papeleo, e listo. Listo e preparado para a desgraza.
Noutros casos o movemento de papeis como finalidade non produce perda de vidas humanas, pero non por iso deixa de ser o mesmo sistema e ter efectos nocivos aínda que afectando os resultados a outros campos, non á morte inmediata.
Esa falta de 'eficacia' implica unha corrupción do propio sistema que invalida as actuacións. Un sistema que vemos que ten fallos como os da A8 e outros menos chamativos, pero moito máis repetitivos, como os que se poden observar a nivel local, mesmo en Ribadeo: abonda ver a última nota de prensa de O Tesón.

20140719

O galego morreu. Descanse en paz?

Resoa a chuvia alén das fiestras, apagados polo momento esta mañá de sábado os ecos do festival de jazz ou do Carme, ou doutras actividades que se prodigan máis ben cara á tardiña neste Ribadeo de verán. Momento propio para pequenas reflexións que poden enquistarse. E lembro unha verbas ditas por Raquel Arias con satisfacción, a modo de 'estamos nelo e estamos a facelo ben', no acto inaugural da feira do libro de Ribadeo: o libro en galego foi o 40% do publicado en Galicia o ano pasado.
Que significa? Pois dada a preeminencia de editoriais catalanas e madrileñas dentro do estado español, cunha cota entre ambas comunidades ben superior ó 50%, que os libros mercados en Galicia en lingua galega non chegan nin á cuarta parte do total. Súmalle que só hai unha publicación periódica xeralista en galego e podes deducir de xeito doado que o galego é xa moi minoritario na escrita en Galicia. Na lingua oral da unha idea do estado o que boa parte da xente galega galegofalante se dirixa ós descoñecidos en castelán.
É dicir, que sen un apoio activo a pendente baixista só pode aumentar. E se son os mesmos representantes que poderían artellar ese apoio quenes se manifestan satisfeitos por unha cota do 40% de edición, alea jacta est.
Apúntaste ó apoio activo de boa parte de ti?

20140718

Feira do libro en Ribadeo. 1ª edición 2ª época

A feira do libro foi inaugurada onte. Diante dun mural feito hai corenta anos e disposto para reivindicar a primeira época das feiras do libro de Ribadeo, daquela 'Feira do libro galego', foi inaugurada asistindo o Presidente da Federación de librerías de Galicia, a Concelleira de Cultura, Mari Luz Álvarez Lastra, o Vicepresidente da Deputación Provincial, Antón Veiga, a Delegada da Xunta, Raquel Arias, e a pregoeira e Presidente da asociación Paco Lanza, Dores Fernández Abel (a partir do minuto 16 do audio). O pregón, entre lembranza e reivindicación. As verbas precedentes, en sentido político e contradicíndose uns e outros ó ser de diferente signo: nada novo.
Boa tarde para algo que comezou pola mañá. Non demasiada xente na feira, pero si continuada. Música e presentacións constitúen o básico do cartel





20140716

Feira do libro de Ribadeo + Caderno de Viaxe A Mariña de Lugo

Aproveito para introducir a Feira do libro de Ribadeo, despois de 20 anos...
FEIRA DO LIBRO DE RIBADEO
No parque San  Francisco os días 17, 18, 19 e 20 co seguinte horario: de 12 a 14.00 h e de 18.00 a 22.00 h.
Inaugúrase o xoves ás 20.30 h. 

FEIRA DO LIBRO DE RIBADEO
DO 17 AO 20 DE XULLO

HORARIO
Mañás: 12.00 a 14.00 horas.
Tardes: 18.00 a 22.00 horas.
Día 17. Xoves
12.00 Apertura da feira.
13.00-14.00 Actividades de animación á lectura na sala de libro infantil
19.00 Actividade infantil. Representación da obra “Contos para un caldiñodo Grupo de teatro Baobab.
20.00 Inauguración da Feira do Libro
Actuación do grupo de clarinetes da Escola Municipal de Música de Ribadeo.
Intervencións Institucionais.
Pregón inaugural a cargo da presidenta da Asociación Cultural Francisco Lanza, Dores Fernández Abel.
Nova actuación do Grupo de Clarinetes da Escola Municipal de Música.

Día 18. Venres.
13.00 Exhibición de danza a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música de Ribadeo.
18.00 Actividades de animación á lectura na sala de libro infantil

19.00 El deporte y la Educación Física son los mejores recursos naturales para el desarrollo integral de la persona. Porque solo la persona que tiene vida propia no necesita quitársela a nadie para disfrutar la suya. Charla coloquio dirigida por Juan Carlos Ferro.
20.00 Presentación do libro Sol de Medianoche, da escritora Luz Pozo Garza.

Día 19. Sábado.
13.00 h Presentación de Caderno de viaxe. A Mariña, con Luz Pozo e Eduardo Baamonde.
18.30 Presentación do álbum ilustrado 3, 2, 1… de Pepablo Patiño e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
19.30 Presentación do libro disco Brinca vai! de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
20.00 O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.
20.30 Presentación do cómic “Nordés”, a cargo de Kike Díaz

Día 20. Domingo
12.00 Actividade matinal. Pasarrúas de Os Bolechas
13.00 O escritor e director xeral do grupo El Progreso, Xosé de Cora, presenta a súa novela histórica La navaja inglesa, publicada pola editorial Tropo. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares dos seus libros.
19.30 Presentación do libro Salseiros, do escritor e actor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
20.30 Presentación do relato O monxe voador, de Farruco Graña, pertencente á obra colectiva Follas de Carballo, A.C. Lumieira.
21.00 O Grupo de Teatro da Asociación Cultural Francisco Lanza, representará a obra “O cego”, de Daniel Cortezón.

Na caseta da organización estará exposto material da A.C. Francisco Lanza.

PARTICIPANTES

  • Libraría Gráficas Santiago. Ribadeo.
  • Libraría Pedreira. Santiago.
  • Gran Enciclopedia Galega.
  • Libraría Cartabón. Vigo.
  • Libraría Aenea. Santiago.
  • Libraría Vivín. Ribadeo.
  • Libraría Totem. Lugo.
  • Libraría Lector Nóbel . Burela.
  • A Serpe Edicións Bibliofilia
  • Libraía Pícarosmundi. Ribadeo.
  • Deputación Provincial de Lugo.
--
--
Xunto cunha nota de prensa da presentación do 'Caderno de Viaxe':



NOTA DE PRENSA

O sábado 19 de xullo de 2014 verá a luz un CADERNO DE VIAXE co que a Asociación Cultural Casa das Letras trata de contribuir á posta en valor dunha comarca que, polas súas características culturais, históricas e naturais, a converten nunha das máis emblemáticas de Galicia, o A MARIÑA DE LUGO.

A presentación deste novo caderno de viaxe terá lugar a partires das 13:00 h na Carpa Institucional da FEIRA DO LIBRO de Ribadeo. Contaremos neste acto cos autores do texto e ilustracións, a concelleira de cultura do Concello de Ribadeo e o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

A través de 60 acuarelas do pintor e ilustrador galego Eduardo Baamonde e un texto introductorio da poetisa e académica Luz Pozo Garza, pretendemos achegar aos mariñáns e visitantes o patrimonio (arte, historia, etnografía, naturaza,….) más salientable do norte da provincia de Lugo , A MARIÑA, ao tempo que lle damos ao lector a posibilidade de plasmar no propio caderno as impresións e sugerencias que lle provocan os lugares escollidos polo ilustrador.

Foi fundamental para poder levar adiante este proxecto a colaboración do pintor e ilustrador galego EDUARDO BAAMONDE (eduardobaamonde.blogspot.com), presente noutros proxectos que tiñeron que ver coa comarca de A Mariña: Aventura na Mariña, A Ruta Pardo de Cela, Caderno de Viaxe: Ribadeo e Caderno de Viaxe: Camiño Norte.

Quixéramos agradecer a inestimable colaboración da MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA MARIÑA LUCENSE neste proxecto editorial.

Este CADERNO DE VIAXE é a continuación dun proxecto máis amplo, iniciado co adicado a Ribadeo, que terá continuidade ao longo dos vindeiros meses, e que permitirá acometer unha serie de publicacións encamiñadas á promoción dos elementos patrimoniais máis salientables de Ribadeo, A Mariña, Lugo e Galicia.

Pensamos neste proxecto co convencimento de que, con iniciativas como esta, axudamos a valorizar lugares e elementos patrimoniais que tiveron e teñen un importante protagonismo na Historia de Galicia.



ASOCIACIÓN CULTURAL CASA DAS LETRAS
RIBADEO (LUGO)

20140715

Nota de prensa de O Tesón. De Ribadeo


De Ribadeo
Festa dos indianos. Éxito total, como se esperaba. Comezo oficioso da época forte do verán ribadense, onde o tempo cambia de sentido.
Quizais pois iso, porque o tempo cambia de sentido, é polo que 'o concello' aínda non nos contestou algunha pregunta que lle temos enviado hai... pois dende o 4 de xuño, sobre unha 'estrutura para terraza que se asenta en vigas metidas no chan, a modo de baseamento dun edificio' en terreo público, aumentando espazo e fixando unha concesión anterior removible de xeito doado. O obxectivo do escrito era 'coñecer o criterio que usou o concello para permitir a destrución do xardín para meter no mesmo as vigas onde asenta da estrutura de madeira (...) así como para permitir unha ampliación do terreo adicado á terraza'. Xa dicimos, polo momento non hai resposta, a pesar de que con anterioridade foi dado a coñecer o feito nos medios e a raíz diso un partido político preguntou sobre o tema en pleno.
Claro que a resposta ó mellor se da no seguinte pleno; ó fin, en xullo débese celebrar un pleno ordinario. O malo é que, como non se ten idea de cando se pode celebrar un pleno, pois tampouco sería doado coñecer a resposta. Unha pregunta para quen poda ler isto: cando foi a última vez que te enteraches a tempo de que había un pleno e os temas que se ían tratar? (non valen os monotemáticos anunciados a bombo e platillo para tentar de que haxa xente que poda difundir as bondades do tratado e aprobado sen oposición).
Ó mellor resulta que nese pleno é cando se aproba por sorpresa un regulamento de participación cidadá usable para que a xente podamos participar, e entón a petición de información xa será moito máis directa, e a resposta moito máis clara, ou mesmo non fará falta nin pedir información debido á transparencia que se practicará. Soa ben, e soñar non costa, pero, mentres, estamos a esperar. A esperar información sobre cousas como son diversos temas en relación a Viaqua/Aquagest.
Un verquido? Si, saíu no xornal, pero a cousa non debe ir co concello, senón coa empresa, con quen realiza o verquido, quizais coa entidade autonómica que parece que revisou algo días despois... pero non co concello, que ó fin, non ten nada que ver con Viaqua nin co subministro de auga, non?
Será por iso que cando no xornal saíu tamén a información do bo trato que algún 'técnico do concello' lle concedía a Aquagest (dende aquela cambiou o nome a Viaqua) e o xusto trato recíproco con que a empresa tratou ós técnicos, o alcalde escudouse nun 'typical political Spanish' do estilo 'non me consta', e solucionado, mesmo aínda que aparecera nos datos xornalísticos que el fora invitado e rexeitara a deferencia. Por certo, daquela o trato co concello non ía de auga, senón de converter en rúa o que antes era unha estrada.
Tampouco hai máis que falar se auga sabe a raios ou deixa a pel suave na ducha, se a empresa di que os parámetros están ben, aínda que alegue que a auga viña turbia. E que hai sobre os mesmos servizos ó cidadán que presta Viaqua? Ó que parece, cada vez se poden solucionar menos cousas en Ribadeo, perigando a mesma oficina e os técnicos que están en Ribadeo o 100% do tempo. Ou sexa, o que estamos a ver nas novas en relación a outras grandes empresas: servizo privatizado sen control público. E o poder cidadán? Que é iso?
Quedan cousas no tinteiro. Aí está para amosalo o xúbilo de comezar as obras da residencia xunto coa sorpresa de botar cascotes do derrubo (e a terra da excavación) en Santa Cruz. Pero mentras, neste acordeón de tempo que é o verán indiano, imos por outras cousas.
AVV O Tesón

Sobre o pasado e o futuro. Pesca e Ribadeo

Unha das novas de hoxe é sobre a confraría ribadense. O xornalista pinta un futuro que non está claro. a confraría é a máis pequena da Mariña, aínda despois de xuntarse Rinlo e Ribadeo. Ten "unha mariscadora de a pé, once percebeiras, sete tripulantes de barcos e seis donos de lanchas artesanais". Vintecinco asociados con dez representantes que votaron a dúas cnadidaturas diferentes, tendo que resolver o empate polo regulamento, segundo a idade. Naturalmente, as entradas que manexa tamén son pequenas e minguantes: 2001- 88 tm subastados- 407 000 €; 2013- 11 tm- 108 000 €, segundo os datos do xornal. Se nos imos a datos históricos de hai corenta anos, veremos que non deixou de baixar.
A pesca está de capa caída en toda Galicia, pero en Ribadeo, máis. O futuro non pasa por aí, polo que parece, e non se lle axuda tampouco a pasar. Ribadeo non ten o problema de porto que ten Foz, pero o porto pesqueiro foi desprazado polo deportivo e las lanchas de Ribadeo son historia, sen renovación. O tratamento da pesca hai moito tempo que deixou paso á sinxela subasta, e agora, dende hai uns anos, só se subasta marisco en Ribadeo. Visos de futuro non se ven. Aquí non é un 'túnel', e un afondemento. Coido que a imaxe serve para reflectir a diferenza: do túnel pódese saír seguindo a luz do final. Do afondemento só se pode saír abandoando o barco...
E, no futuro, que relación terán Ribadeo e o mar dende os tempos mitificados do comercio co Báltico e lanchas que regresaban cheas de pesca, despois de pasar pola actual inanidade pesqueira e negros nubarróns sobre o porto comercial?  Só a traverso dun porto deportivo, colonia de Lugo e alén?

20140714

Para unha historia da construción da residencia

Seguindo con fotos do que está a pasar nas obras, e aprezando o problema da auga nos baixos da residencia (a ter en conta que estamos no verán), deixo fotos tomadas venres (a primeira) e onte domingo (o resto). Asemade, aprézase o montor de terra e escombreira aínda sen distribuír, a máis do que ten causado un pequeno problema en Santa Cruz, ó ser botado sen separar escombro (cemento, tuberías...) e terra:





20140712

Ribadeo indiano

Como estaba previsto, un éxito de público e ambiente, coa porcentaxe adecuada de xente caracterizada e 'público'. Fotos? A moreas! Mira por exemplo este album no facebook.
Dos que colaboraron con Galicia, por que non saber algo máis? Ou, dos indianos que quedaron aló, por que non saborear algo do Uruguai?
Anterior do Ribadeo indiano:
O Éxito está asegurado

20140711

Catedrais, Xunta, intereses, nova...

Onte o xornal despachábase coa nova de que a Xunta ía dispoñer este verán un plan de protección. Indo ó subtítulo, e logo ó corpo da nova, a cousa non é tan así. Resulta que a praia resulta superpoboada en numerosas ocasións no verán. Por exemplo, o día que se recolle nesta foto de hai xa cinco anos (e, dende aquela, non baixou o número de visitantes):
Voltando á nova comentada, emprega o futuro, 'adoptará' para dicir que fará a xunta este verán: adoptar medidas paliativas que serán substituídas por outras definitivas o próximo verano, tras ser encargada a súa redacción a unha empresa privada. Se nos fiamos da nova, será un 'plan de protección' ou un 'plan integral de conservación' (que de ambos xeitos se refire a el) baseado en 'regular usos' e 'determinar aforo'. Por contra, as medidas que se anuncian como provisionais e avisables esta mesma fin de semana baséanse en 'sinalización', 'delimitación de sendas peonís' e 'vixiar mellor os accesos'. Por certo, a Conselleira virá a facer o aviso das medidas 'in situ' (=de turista?)
A empresa privada chámame a atención. É necesaria? Vánselle poñer criterios ou vai coller os criterios propios dunha empresa privada? Canto se lle vai pagar?
Claro que tamén chama a atención que esperaran (a Xunta) anos para poñerse ó tema, onde 'poñerse ó tema' é decidir facer o encargo a unha empresa privada para que se poña ó tema.
Máis... estamos no verán, queda para darlle voltas descansando un pouquiño. Por exemplo, ordeando na cabeza cales poderán ser os obxectivos do plan ou os criterios.

20140710

O blog, mañá

Coido que afecta dun xeito limitado ó blog, pero non por iso menos decisivo, para o blog en articular e para internet como a coñecemos ata o momento se queremos aproveitala para algo máis que para chatear:
Aquí podes atopar máis info: http://canonsoraya.blogspot.com.es/

O éxito está asegurado

E case tamén se pode asegurar que non será a única promoción 'de época' na que se embarcará Ribadeo. A xente ten ganas de 'panem et circenses' que dicían os romanos, e máis se as dúas cousas están relacionadas, como ocorre nas festas que se celebran ad hoc para obter caixa (non para facer unha homenaxe ao noso pasado indiano, senón máis ben aproveitando o pasado indiano visible nalgúns edificios)
Falaba a semana pasada con alguén de que de época, desa época, eran tamén os retornados indianos pobres, como o pai de Migueliño (mellor, aquí, p.79) ou os que foron e non deron volto. Pero ese aspecto é máis triste, e os cartos flúen mellor con máis alegría, como queda tamén amosado comparando calquera intervención humanitaria en África con calquera outra celebración festeira, estilo mundial de fútbol.
O verán de Ribadeo comeza así.

20140702

A residencia? Preparándose para facer

Polo momento, un oco para o basamento e un desnivel do edificio:
 Unha vista do terreo, coa valla de separación co IES á esquerda, e o pavillón e o campo do C.P: Gregorio Sanz ó fondo.
 Comezando a abrir o oco na terra.
Vista xeral dende o xardín do IES. Ó fondo, o edificio das antigas casas de profesores que segue en pé.
Nota: as fotos son de 30 de xuño.

20140701

Abanca

A marchas forzadas Caixa Galicia convertiuse en Abanca. A marchas forzadas uníronse as caixas; apretando o paso, foron convertidas en banco. A bote pronto, o pouco que se lle podería chamar control galego pasou a mans venezolanas, e agora os restos do nome remataron por sucumbir. No medio tamén quedou parte do persoal, oficinas e a obra social. Quizáis haxa quen diga que se fixo pouco a pouco. Coido que na historia da antiga Caixa de Aforros de Lugo, e logo da Coruña e Lugo, e logo, de Galicia, isto foi un sospiro, non máis. E ver a xente traballando en domingo para cambiar os rótulos xa non só produce esa sensación de celeridade, senón tamén algunha pregunta como se non poderían aforrar os cartos extra que evidentemente poñen sobre a mesa para tanta celeridade, conservando algo do nome. Que o control 'galego' podía ser moi discutible dende hai tempo (sexa pola intervención foránea, sexa porque o control estivo asociado a grupos políticos...) non quita para que agora sexa evidente que non existe. a nova 'a banca/Abanca/apanda/a banda' non ten aquela aureola de Galicia que tiña a antiga caixa, con ou sen razón.