20160930

Ruinas non, patrimonio

Esta semana chegaron a min varias novas sobre conservación de patrimonio, en Ribadeo e en Barreiros. Patrimonio que non se circunscribe á natureza, caso das famosas Catedrais que tamén variaron como escenario esta semana (tanto a nivel legal como de rodaxe).
E é que a Deputación Provincial tivo pleno o martes e aprobou, entre outras cousas, para Ribadeo melloras no auditorio municipal (cuberta, humidades e sistema eléctrico) por importe de 60 000 euros. Patrimonio de todos, o auditorio leva moitos anos co problemas de humidades: non fai falta ser visitante asiduo para ter visto cubo de auga no chan ou a persistencia no teito do que aparece no debuxo, tomado dunha entrada do blog de 2008 (hai tamén unha foto na mesma entrada):

Coido que non é sen tempo a reparación...

Esta semana tamén Paisajes de Asturias, empresa que en Ribadeo ten a propiedade da maioría da Torre dos Moreno (o resto pertence a xente emigrada en suramérica e a través do concello a todos nós) e da casa dos Perecitos (na beira esquerda), e nas Figueiras do Pazo de Donlebún e o Pazo Trenor, ambos en restauración, comezou a demoler outra das súas propiedades en Ribadeo, o Cine-Teatro, tras deceas de anos de estar derrado e ter servido entre outras cousas de almacén para os amigos da Semana Santa. A súa demolición non será total: patrimonio considera afachada art decó con valor patrimonial, e quedará como fachada para o centro de actividades que se pensa construír alí. -Na foto do Sigpac, a situación do Cine-Teatro, na praza de Abaixo.
E, en Barreiros, por fin se comeza a por en valor un monumento megalítico, o Xacemento Arqueolóxico de A Roda, en Reinante, que algunha vez teño nomeado no blog como 'henge', logo desmentido:

 A vista do Sigpac, co xacemento na parte inferior esquerda, e na superior dereita a rotonda de desviación ás Catedrais na estrada nacional (preto dela, os Irmandiños, a división entre concellos Ribadeo-Barreiros atravesando a imaxe de arriba abaixo case polo centro baixando á esquerda, a finca 'de arándanos' no centro da imaxe e o soterramento do gas ben marcadiño, como un camiño):



20160929

A catedral da contradición

Onte e hoxe as Catedrais son nova. Onte, polo anuncio no DOG de que a aprobación do plan especial de protección das Catedrais non vai sufrir retrasos por cuestións medioambientais tras facer reformas menores. Hoxe, pola rodaxe de 'A lenda do mar azul' nas Catedrais. A foto corresponde ó acompañamento da nova de hoxe na web do concello. A mesma web na que, se se vai mirar sobre o desbloqueo do plan non se atopan nada nestes momentos, a pesares de ser un plan de protección promovido plo concello, inserta unha foto na que varias persoas están ó tempo sobre un arco debilitado mentras está clara unha cinta provisional -das que se usan en accidentes e accións policiais- para evitar que a xente se achegue ó cantil, onde se ve unha morea de persoas, mentras ó pé das rochas os curiosos toman fotos, máis ben parece que da movida sobre o arco que do propio arco. A mesma web que ten publicado fotos criticando abonda menos xente sobre os cantís.
Resulta que por un lado din que se protexen as Catedrais e por outro se celebra que se rode unha serie que estenderá máis aínda a base de visitas á praia mentres este verán se chegou ó tope oficial abondos días e se sobrepasou a conta de taxis, bus, hoteis... e a vixiancia relativa. Celebrándoo cunha foto que coido vai en contra dos numerosos carteis  que promoven a seguridade da xente que se achega e a protección da mesma beira fronte á súa destrución.
Veremos 'The legend of the blue sea' na tele ou en internet, vai que si, e admiraremos en diferido a marabillosa paisaxe que temos ó pé da casa para que o admiren os turistas. Aproveitaremos o tirón económico, claro. E ó tempor rizaremos o rizo falando de protección. Así, cando por exemplo se caia o último arco, choraremos a perda, tentaremos sacar zume da columna que quedará e esqueceremos que a protección antural dos arcos levaría a unha duración maior, mais a indefensión da cuberta vexetal deixa sen terra protectora as rochas do cume do arco e acelera a súa destrución.
Cando van botar o capítulo da serie? Aficionarémonos a ver 'The legendo of the blue sea' ou 'A lenda do mar azul' a causa dese capítulo? Pasará a ser a protagonista megaestrela tamén aquí? Cantas preguntas por responder!

20160928

Plan Catedrais


Se tes algo de interese no futuro das catedrais (e con el, da zona enteira), tes lectura:
O anterior é unha captura de pantalla coas ligazóns aos datos do plan que aparecen na web da Consellería de Medio Ambiente. Remata de publicarse no DOG o informe ambiental estratéxico. Iso di a web, aplicando unha nova do día 27 no DOG sobre algo que é do 22 de agosto. E o 22 de agosto si se publicou. Curioso que empregue un plano en castelán (o de inicio da entrada) para un informe en galego que sae publicado no DOG, aínda que só sea porque da idea idea de pastiche, séxao ou non, que aínda non tiven tempo abondo de velo.
Mais si que o tiven de ver o final, que deixo pola súa sinxeleza:
O documento acompáñase con varios informes anexos.

20160927

Historia electoral autonómica de Ribadeo

A evolución de voto en Ribadeo ten algunha curiosidades. Non atopei polo momento datos detallados de antes do 1993, mais coido que aínda así, e deixando aparte motivos e circunstancias, centrándonos só nos números.
O primeiro é a variación que case se pode considerar errática do censo, con subidas de preto do 5% dunha a outra elección (2001-2005) ou baixadas noutras (1993/1997 ou 2009/2012/2016)
A segunda, a variación de votos en branco e nulos, cun máximo destacado no 2012 que se apreza mellor no gráfico circular que representa porcentaxes (en azul) e unha caída nestas que nos retroleva ós anos 90.
A abstención mantívose relativamente constante dende os 90 ata o 2009, mais nas dúas últimas eleccións pegou un bote, sendo semellante en ambas.
A táboa presenta os datos de votos a cada partido sobre o total de censo, a diferencia de como soe presentar a prensa, sobre o número de votantes (esta versión póñoa, só %, embaixo de todo)
En canto ós partidos e coalicións, o PP presenta os datos máis estables: entre os 2396 votos de 2012 e os 2794 de 1997, que marcaron tamén os puntos extremos en porcentaxe. No gráfico final vese que despois de 14 anos, volve a superar o 50% dos votos destinados a partidos, aínda que baixe en número total de votos.
En canto ó PSOE, presenta primeiro un medre e logo unha redución, chegando ó punto máis baixo en votos e porcentaxe nestas votacións do 2016.
O BNG tamén marcou o mínimo, mais neste caso a caída é máis suave, case ininterrompida dende o comezo dos datos (1993) e se é máis pronunciada nas últimas eleccións, ó sumar os votos de AGE (2012) e En Marea (2016), observamos case unha horizontal, con pequenos altibaixos, e acadando o punto máis alto nestas eleccións de 2016. En canto a AGE e En Marea, nestas eleccións sobrepasou claramente os votos do BNG (nun trasvase evidente) e algún máis, que diría procedente do PSOE, despois de ter 2204 votos en conxunto no 2012 e no 2208 en 2016.
En canto a outras forzas políticas, despois de medrar fortemente (dentro da marxinalidade) no 2009, matéñense dende entón. Neste grupo quizáis o que máis chame a atención é a práctica desaparición nas urnas de CxG (ver a entrada de resultados da noite electoral)





20160926

Resume de catro anos: Feijoo Arrasa. Manual para o día despois

A parte resumida é dun titular da Voz. A introdución do título púxena eu como interpretación. A un arrase de catro anos correspóndelle outro arrase, de sentido ben diferente, nunhas votacións.
Necesitamos un 'manual para o día despois'. A primeira tentación foi algo como:
1.Emigra.
2.Se non podes, Queda na casa dentro de catro anos.
3.Se non queres, pecha os ollos, vístete de azul e canta: 'Corrupción, corrupción, corrupciooón, Co-rrup-ción!' ó ritmo de 'la roja' co brazo en alto.
Mais sería inxusto. Para todos. O máis doado, quizáis si. E non é un mal consello o de emigrar se podes. De feito, xa o seguiron moitos galegos...
Mais a vida segue. É luns pola mañá e a vida, comezando a semana, non da tregua. Vaite ó máis inmediato, ó teu traballo, ás tuas preocupacións de hoxe, e reflexiona xa, fai músculo para pensar e vai poñendo en práctica o resultado desa reflexión, pouco a pouco mais dende xa, actuando ti en conxunto cos demais.
Non, o obxectivo non é ir contra o PP, senón actuar a favor de todos. E hai moitos xeitos de facelo, comezando por tentar facer o traballo ben, colaborando cos compañeiros e sorrindo a a quen se poña por diante; non cun sorriso bobalicón, senón porque son persoas e están nunha situación parella á túa. Continuando por non esquecer que corrupción rima con revolución, pero tampouco que hai moitos tipos de revolución, que é máis difícil xestionar o día despois que facer unha revolución, ou que a revolución comeza por un mesmo (e ó mellor, aínda non a comezaches).
O manual para o día despois está por escribir, mais algunhas liñas fundamentais son ben sabidas: O desánimo non ten lugar, o mesmo que non o ten a celebración irracional. Non, non todos os políticos son o mesmo aínda que sexan 'os mesmos' os que machacan que si, que son iguais. Tampouco todas as persoas somos iguais, mais a definición de 'persoa mellor' non é tan doada na práctica, aínda que podes estar seguro de que quen está pasivo en todas as situacións non chega a ser 'persoa' para poder ser 'boa persoa'.
En fin, por hoxe teño que deixalo. verémonos. Mais non en catro anos, senón tódolos días...

20160925

A piques de rematar o escrutino

A estas alturas, co 100% do reconto feito en Ribadeo, xa está claro que en Ribadeo 1/3 do electorado votou ó PP, só un pouco por baixo dos que se abstiveron, redondeando, tamén 1/3.
En Marea, con algo máis de 1/10 queda como terceira forza, o PSOE, con case exactamente 1/10, cuarta, e o BNG, con algo menos dese mesmo 1/10, quinta. O resto, ata chegar ó 1/3, sería para outras forzas, principalmente Ciudadanos.
Ó longo destes días irei deixando algunhas gráficas e comparativas, mais agora  Cómpre só dicir algunha cousa sobre o resultado:
- Da xente que participou, a metade votou PP, logo todo o resto son minorías abondo minoritarias...
- O resultado non ten que ver coas municipais, e coido que hai que extraer o diferente carácter de ambas e reflectir se en Ribadeo goberna o BNG ou Fernando Suárez apoiado nunha estrutura que lle brindou no seu día o BNG.
- En Marea (mellor, o conxunto de siglas que aglutina) segue a subir, mais atópase o freo da potencia do BNG/Fernando Suárez  e seguementos que levan consigo.
- PSOE non despega, e, se ben non se desbarata totalmente, queda emparrillado entre o emerxente En Marea e o vello BNG, entrando nunha compensación de cotas no que parece ser un depósito común ós tres grupos, que fóra das municipais (parece que) só compiten entre si.
Por certo... decatácheste que Lugo perdeu un escano dende o 2012?
Para Galicia:http://resultados2016.xunta.gal/11AU/DAU11999CM.htm?lang=gl

Para Lugo: http://resultados2016.xunta.gal/11AU/DAU11279CI.htm?m=1&lang=gl

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016: previo

Despois de cargalas na Galipedia, por orde alfabética paso ó blog as papeletas entre as que se está podendo escoller aínda agora para votar hoxe. os resultados, máis tarde...











20160924

Reflexiona!

O certo é que reflexionar por mandato cando durante catro anos case se diría que tentan impedir que reflexiones... implica como mínimo que seguramente non terás en forma esa facultade, e seguramente tampouco estarás rodeado de condicións idóneas para facelo.
Medita, reflexiona, mais de xeito continuado, non nas ocasións que te indican (indican cando, mais tamén sobre que, como... ) É dicir, Se libre e pensa e actúa como tal. E non é un mandato: é un dereito que podes perder (ao menos na parte de actuación, que para iso hai leis que a controlan) Pensa se queres tomalo como unha obriga e rebelarte precisamente neste caso contra o uso do teu dereito.
 - As verxas están para dividir, mais tamén se poden saltar e facer saltar -

20160923

Equivócome?

Por favor, compara as tres fotos e di se o diario asturiano está empregando unha foto das catedrais, que non son Asturias, sen dicilo que o son e tentando disimulalo para promocionarse. Estou equivocado?

Propaganda / actualización

Despois dunha primeira avaliación de propaganda electoral para as eleccións autonómicas galegas 2016 feita o domingo, faigo unha recensión a mércores pola tarde /actualización venres á mañá.
Nestes momentos, por buzón ou en man, chegaron á nosa casa sobres con papeletas de BNG (3) (dous en man en un por correo, posterior, que motiva esta actualización), En Marea (3), PP (3), PSdeG PSOE (3) e C's (3). Lembro que na provincia, a máis destes cinco grupos, preséntanse outros 7 que podemos chamar 'minoritarios', aínda que está claro que só un grupo -como moito- pode chegar a ser maioritario.
Os sobres tamén poden servir de propaganda: En Marea (3), PP (3), PSdeG PSOE (3) e C's (3) enviaron as súas papeletas en sobres que contan como propaganda, pois están serigrafiados. Mesmo C's tamén os serigrafiou pola parte interna. O BNG foi máis directo, pois foron entregados en man, de aí a diferenza de número: no caso das entregas por correo, empregan o listado de electores, mentras que nas entregas en man, non.
O BNG emprega unha publicación de formato novidoso que nas páxinas impares ten viñetas de Kiko da Silva, mentras no resto vai presentando programa e candidatos.
As características da propaganda (por exemplo, pesaxe dos diferentes papeis) tamén varía de xeito aprezable, mesmo entre diferente publicacións dunha mesma candidatura.
Co anterior, a propaganda de man en papel de cada grupo, unha volta excluídos os sobres e papeletas de candidatura, queda (en cm2 nas contas, ó final en m2) no caso de Ribadeo representada pola seguinte escala:

E as ideas? E as promesas? Dadas as campañas electorais anteriores e o seu resultado e posta en práctica de programas, xulgar as promesas duns e outros do mesmo xeito coido que non sería xusto, e xulgalas en función de honorabilidade e cumprimentos pasados deixaría moitas lagoas e dúbidas...

Apuntando cousas para os políticos

Onte mesmo un amigo comentábame da actualidade da mobilidade en Pontevedra (cidade gobernada polo BNG, ó igual que Ribadeo -en 'cor do equipo de goberno'-) e hoxe, pola web, recibo unha ligazón que afonda no mesmo.
Curiosamente, como é típico destas iniciativas, nótase que pola razón que sexa, no mapa da 'Rede de cidades pola bicicleta' que reproduzo arriba falta precisamente Pontevedra, que non estará sinalada vai saber por que motivo.
Mais polo que traio isto aquí hoxe é por outra razón ben diferente: a desconexión do discurso político  de promesas e intencións non xa só da realidade produto de incumprimentos anteriores, senón da desconexión interna a diferentes niveis: o discurso estratifica as promesas de xieto que a nivel municipal pouco ten que ver co prometido a nivel provincial, autonómico on estatal.
Pode dicirse que ata certo punto é lóxico, pois son niveis de representación diferente. E si, sono, mais sendo promesas emanadas dunha mesma estrutura representativa, deberan gardar unha coherencia e relación máis aló de aferrarse ós cargos do partido máis visibles nun nivel para que fagan propaganda noutro.
Ben, volvendo á web ligada, ofrece por exemplo o estudo 'barómetro da bicicleta', feito pola asociación, e no que entre outras cousas mainfesta o aumento de uso que está a ter a bicicleta nesta década. Pola web tamén chego a un libro que relaciona ordenanzas municipais e desenvolvemento en bici; quizáis sería unha boa lectura para os responsables correspondentes en Ribadeo.
A web ofrece ademáis de diversas ligazóns interesantes un 'bicirexistro', para ter localizada e poder recuperar con máis facilidade a túa bicicleta en caso de  roubo.

20160922

Bicicletas en Ribadeo

'As bicicletas son para o verán' é o título dunha película que trata de aproveitar algo que se considerou por moita xente moitas veces de xeito subconsciente. Parece que como no inverno fai frio e chove máis, 'no é tempo de bicicletas'.
En Ribadeo, no verán, certo, hai máis bicicletas, en particular, de xente moi nova, e porque ademais do tempo, hai máis poboación.
 Chegado o comezo do curso, co asentamento da poboación local e desaparición de visitantes, tamén o número de bicicletas que se ven se asenta pouco a pouco nuns mínimos. Mais eses mínimos medran cada ano.
Por outra banda, en Ribadeo, dende o mes de marzo lévase celebrando os primeiros venres de mes unha concentración ciclista - #ribadeoenbici -para reivindicar a atención ós ciclistas. Como algo festivo, pero tamén reivindicativo. Ben diferente da 'festa da bicicleta' que tivo lugar o pasado domingo como parte dun circuíto festeiro impulsado dende hai varios anos pola Voz de Galicia e respaldado polo goberno municipal. Neste caso, o importante parecía ser a foto cun sorriso nos beizos, mais ese apoio despois de, como dixen, varios anos, non se ten traducido en algo tanxible de apoio á circulación das bicicletas, seguridade ciclista ou impulso do uso da bicicleta. Mentres, un primeiro grupo de bicicletas para alugar pensado para ós turistas pasou a mellor vida despois de pouco uso, e un novo remprazo cedidas en convenio con Decathlon (publicitadas como tal no seu día) parece que está tendo mellor acollida e coidado (se ben o verán xa pasou e o seu paso polas rúas caeudrásticamente)
Hai anos, en reunións mantidas despois de avisar a quen poidera interesarlle, o concello tentaba construír un plan de mobilidade dentro dun paquete de accións impulsado polo daquela técnico de medio ambiente. O seu cese rematou asemade co conxunto do plan, e ideas como unha rede urbana de sendas ciclistas que comunicara diversas zonas do centro do pobo con áreas como a zona escolar, sinxelamente esquecidas.
Así, neste caso, nin coa cidadanía nin sen ela. Hai máis bicilcetas, máis tráfico, máis poboación que hai anos, mais non está contemplado nas accións -non son capaz de saber se nas mentes- do concello unha protección e impulso das actividades con bicicleta, por máis que o tráfico a motor e catro rodas, cos seus inconvintes, molestias e contaminación estea a ser combatido nas vilas en todo o mundo.


As antigas bicicletas de préstamo, na oficina de turismo no 2008, e unha no auditorio, no interior, aparcada ese mesmo ano


20160921

A la hora europea

 Qué difícil es poner los relojes en hora. Desde que se empezó a asegurar que « Por nuestro faro » era una pandilla de extranjeros virtuales hasta que quedó claro que éramos centenares de ribadenses reales pasó bastante tiempo y muchos artículos. Del mismo modo, desde que se dijo que la construcción del hotel era inminente (hace año y medio) hasta que, a día de hoy constatamos que el hotel sigue sin existir, se vehiculó la idea disuasoria de que todo el pescado estaba vendido. Las bocas se cerraban y los ojos miraban al suelo.
 Nada más lejos de la realidad, pero la tribuna de « Por nuestro faro » no tiene el mismo tirón que algunos mensajes bien apadrinados. Sin embargo, cada vez quedan menos dudas sobre las incongruencias del proceso desde su misma concepción, incluyendo el inexistente concurso público, la ocultación de información, la falta de informes, el despropósito aberrante de una concesión que -aún perteneciendo la isla Pancha a la Red Natura 2000- ni siquiera ha contemplado una evaluación del impacto medioambiental,... ¿Quién puede dudar aún de la veracidad de estos datos ? quizás alguno que entre salto y salto en el tiempo se quedó con un ampliamente cacareado acto reglado en 2016, desconociendo precedentes no menos legales con un desenlace opuesto.
 Pero es que, la verdad, la que al final cuenta, es la que hace que no seamos los únicos en decirlo, y que esta verdad haya llegado al Parlamento Español y a la Unión Europea demuestra que esta verdad no se proclama dando golpes en un mostrador en Ribadeo de Tapeo, que hay verdades y verdades.
 La verdad es que hay papeles oficiales que llevan adelante un hotel privado, que hay una licencia concedida, la verdad es que en Europa y en Madrid se están estudiando todas las irregularidades aprobadas y certificadas, y que esto supone un nuevo comienzo a un nivel superior.
 La verdad es que, después de año y medio, si algo es seguro es que la historia no necesita amanuenses. La historia se escribe sola. Y el punto y final no existe con la verdad por delante. Y, por eso, seguimos.
 Covadonga Suárez, miembro del grupo « Por nuestro faro »
Comosición: a illa Pancha no openstreetmap e reloxo de Sol de precisión (Höffman Albin, licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported )

20160918

Ás urnas en sete días

Unha semana xusta separa a actualidade do paso pola caixa. As caixas transparentes para os sobres cerrados, pero non para o seu interior. As caixas nas que depoistamos a esperanza dun futuro mellor, mais tamén as caixas do enfrontamento e da discordia. Caixas ás que temos un dereito que non sempre usamos.
E mentras, preparación. Nesta campaña, polo momento, ten chegado menos propaganda á casa que noutras. No noso caso concreto, 1,27 m2 impresos nunha revista e 0,16 m2  nun cuadríptico, un total de 1,43 m2, do PP, e 0,90 m2 do BNG. En Marea, PSOE, C's... non meteron no buzón aínda ningún impreso. Papel (e cartos) aforrados en relación a outras edicións.
Claro que hoxe, o de 'chegar propaganda á casa' ten máis vertentes que o papel. As casas están inundadas de televisión, e en anuncio directo ou en tertulia aparente, hai moita moita propaganda. Ou nas redes sociais. De tal xeito que actos como os mítines están a caer en desuso, aínda que sirvan para saír nos xornais (que efecto senón procuraba o mítin de onte do PP en Ribadeo que o saír en papel ou noutro formato nun par de medios subvencionados?) e están sendo substituídos en parte por contactos entre os candidatos e o aparello dos partidos con algúns 'vectores sociais', como o que mantivo o venres o BNG con diversos grupos como a plataforma pro residencia en Ribadeo. Certamente, os mítins son arengas, e nun tempo de contacto contínuo e bidireccional como o noso, poderán ter difusión e resultar chamativos, pero non deixan de ter algo de anacrónico, sen participación efectiva (=con efecto) da xente. Os contactos son abono menos vistosos, mais poden resultar máis produtivos para o futuro, aínda que veñen adolecendo do mesmo mal que os mítines: non deixan de ser algo puntual, sen aspiración de continuidade e participación máis que a traverso da promesa de transmisión do voto delegado.

Por certo, un espazo para saber que papeletas nos imos atopar (se nos achegamos ás urnas) o próximo domingo 25:
Na lista anterior, as ligazóns están referidas á Galipedia, e deixei sen ligazón a partir dun certo nivel de esperanza de voto, a risco de equivocarme e que algún dos 'de abaixo' saque mellores resultados que outros 'de arriba'
Sei que de aquí ó día 25 este artigo debera actualizarse, e moi posiblemente así o faga. Mais por hoxe, antes de comezar a semana que remata coa visita (voluntaria) ás urnas, así queda.

20160915

A illa dos irredutibles

Segundo contrato, as obras de adecuación da illa Pancha para Hotel terían que ter rematado hai máis de nove meses.
Dende aquela, teñen pasado moitas cousas, e hoxe mesmo debe estar posto o cartel de permiso de obra  sobre a porta da ponte que leva á illa. Mais as obras non comezaron para ter rematado nove meses despois. Si teñen ocorrido o que os que formamos o grupo de defensa da illa consideramos un conxunto de irregularidades. Medidas que, illada unha a unha, serían medidas 'de gracia', e así, en conxunto, non pasan do que se chaman gracias, con outras connotacións abondo diferentes, burlonas como adxetivo suave.
Por iso, en defensa do que consideramos mellor, seguimos, e seguimos a obter pequenos resultados que levan ó futuro. Un futuro que aínda non está escrito por moito que haxa papeis que xa, en boa lid, serían papeis mollados. É por iso que a nova de onte, de que un grupo parlamentario inste ó goberno a que retire a concesión da illa Pancha, recibímola como un chanzo máis no camiño para conservar unha illa Pancha para a comunidade. Algo que inclúe accións de todo tipo, políticas, mais tamén xurídicas ou de concienciación da cidadanía, pois sabemos que o futuro non se gana só a golpe de sinaturas de papeis. E moito menos pola repercusión mediática que poda ter unha nova como a de onte. Seguimos.

20160912

ESCUDOS DO PAZO DO XULGADO. Francisco José Campos Dorado

Estes tres escudos están situados na Praza da Constitución de 1812, hoxe Praza de Abaixo, sobre a fachada do antigo Pazo do ex-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, case facendo esquina coa rúa Amando Pérez.

 O escudo central é o escudo tal do Xulgado, que como xa dixemos do escudo de armas do Concello de Ribadeo, ten forma elíptica ou ovalada, como o das dignidades eclesiásticas, aínda que a partir do século XVIII algúns países suramericanos adoptaron para o seu escudo nacional esta forma ¿por qué?. Esta forma ovalada e bastante utilizada en medallas e condecoracións persoais de carácter militar e civil.
 O escudo está timbrado cunha “coroa mural de vila” ou coroa de torres, á vista cinco, propia desde a antigüidade da deusa Cibeles. Carece de adorno exterior ao campo e está gravado en pedra de cantería de grao medio, mantendo moi bo grado de conservación. Cibeles é a deusa da Madre Terra que personifica a terra fértil, deusa das cavernas, montañas, murallas e fortalezas da natureza, de aí que se represente cunha coroa en forma de muralla, e a súa imaxe porta unhas chaves que dan acceso as riquezas da terra. Cibeles asóciase coa fertilidade, coa curación de enfermidades e coa protección do seu pobo durante a guerra.
O escudo está cuartelado en catro, cuxo primeiro e cuarto cuartel son castelos e segundo e terceiro son leóns rampantes, figuras que representan os reinos de Castela-León. No escusón sobre o todo do abismo, ou peza que ocupa o centro ou corazón do campo, está o Escudo de Ribadeo: en campo de azur unha chave de ouro posta en barra, coas gardas cara abaixo e a destra, surmontada por unha estrela de prata de cinco puntas a sinistra en xefe, e en punta augas de azur e prata.
 Nos escudos elípticos da fachada do Xulgado, un a cada lado do principal, hai unhas “estrañas estrelas” (fotos dereita) que son, di Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, páxina 7: “porque el escultor incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró en lugar de aquella (estrela), un hermoso rodete de espuela, que también podía ser un símbolo...” Efectivamente, a estrela de cinco puntas en xefe que significa o Norte, a Estrela Polar, do escudo de Ribadeo, foi substituída por un rodete de espola, que xeralmente póñano nos seus brasóns os cabaleiros, ou incluso espolas enteiras (como as armas dos Puga) cando gañaban un combate e recollían do campo de batalla, como trofeo, as espolas dos seus inimigos da cabalería mortos, e que servían como “recordo escrito”, igual que ocorría con bandeiras, pendóns, etc, para quedar lembranza da fazaña.
 Non solo hai este erro na composición dos escudos laterais, senón que, para que os escudos luciran “máis estéticos e simétricos”, un fixérono de dereitas e outro de esquerdas. Ou sexa, fixeron do escudo de armas de Ribadeo o que lles veu en gana, así, unha chave está en banda cara a sinistra (primeiro da dereita), e outra está en barra e mira a destra (último da dereita). Como din agora os rapaces, na linguaxe da rúa ¡están petaos! pero nada que ver coa normativa heráldica que lles corresponde.
Xa vimos anteriormente que hai versións do escudo de Ribadeo para tódolos gustos, pero a que máis se cinguía a forma heráldica normalizada, das armas de Ribadeo, era ó que estaba pintado nas carrozas dos Reis Magos: un escudo español, cuadrilongo redondeado en punta, timbrado coa coroa condal: un círculo de ouro, fornecido de pedrería, sobre o que descansan dezaoito perlas grosas, visibles nove, e en campo de azur unha chave de ouro posta en barra, superada por unha estrela de prata de cinco puntas no centro en xefe, en punta augas de azur e prata en tres reas niveladas.
 Pero ás carrozas dos Reis Magos de Ribadeo, tamén chegou a globalización, e nestes últimos anos se lles desvirtuou o escudo ó timbralo coa coroa real, debido a ridícula moda do “café para todos”. Menos mal que os camelos seguen bebendo auga e non alcohol ou gasolina. ¿Por qué será que o natural nunca cambia? Di Xesús Taboada na súa Etnografía Galega (Galaxia, 1972), recordando a Sahagún: “para coñecer a alma dun pobo é preciso pescudar as súas crenzas, relixión e linguaxe”, e eu engadiría: “e a súa Historia real”.
 Recordemos, entón, algo da historia do antigo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo. O último Xuíz foi D. Antonio Gutiérrez Población, a quen se lle impuxo a Cruz de Segunda Clase de San Raimundo de Peñafort o 2-Xuño-1963, por man do Xuíz Comarcal de Ribadeo, D. José Manuel Muiña Fernández, en nome do Ministro de Xustiza. No homenaxe pronunciou un moi afectuoso discurso o secretario do noso Xulgado D. Emilio Calvo Juárez (La Comarca 9-Xuño-1963).
O Xulgado pasou a ser de Paz en 1965, pois queda vacante o Partido Xudicial de Ribadeo “por falta de xuíces ou aspirantes a servilo” (B.O.E. 26-Novembro-1965), e quedaron Ribadeo e Viveiro, incorporados o Xulgado de Mondoñedo. Unha vez restaurado o Xulgado de Viveiro, e continuar exercitando a súa función o de Mondoñedo, hoxe ámbolos dous contan con dous xulgados cada un, e a Ribadeo polo “arte de Birlibirloque” non se lle devolveu o seu. A expresión infantil non se cingue a Dereito pero expresa perfectamente o arte de facer desaparecer as cousas sen saber moi ben o como e o por qué, aínda que xa había antecedentes polémicos en 1872 (El Eco de Galicia, 17-Agosto-1872, ano I, Nº8) de que “o escribano de Mondoñedo” xa quería deixar sen Xulgado a Ribadeo.
 Hoxe Ribadeo desapareceu da escena xudicial, incluso cando a día de hoxe o Poder Xudicial, está pedindo que se abran máis xulgados en Galicia, posto que non hai dabondo, pero simplemente pola desidia, esquecemento, e desinterese administrativo de tódolos rexedores dos partidos políticos do noso pobo, que non loitaron nin loitan nada, pero nada en absoluto, pola volta do noso Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, estamos sen el, e desto podemos dar fe os membros da antiga directiva de “O Tesón” que xa o 31-Decembro-2010 reunimos 1376 firmas dos veciños, e se mandaron o Sr. Ministro de Xustiza, D. Francisco Caamaño, xunto coa firma dos representantes dos partidos políticos daquela Corporación Municipal: BNG, PP, PSOE e UPRI. Na directiva de “O Tesón” esperamos todo o ano 2011 pola contestación deste Ministro, e nunca nos contestou. Foi ano de eleccións.
 Logo, dende “O Tesón”, continuamos coa loita de conseguir o Xulgado para Ribadeo, e fomos ao propio Ministerio de Xustiza de Madrid, onde expuxemos por escrito do 24-Febreiro-2012, a nosa reiterada petición. Contestounos rápido e moi amablemente o 6-Marzo-2012 a Sra.Dª Cristina Coto del Valle, Directora do Gabinete do Ministro Sr. Ruiz Gallardón, que trasladou a cuestión presentada a Secretaría do Estado.
A Sra. Dª Isabel Tarazona Lafarga, Subdirectora Xeral de Organización e Coordinación Territorial da Administración de Xustiza, a quen lle agradecemos profundamente a súa pronta contestación, por carta de 23-Marzo-2012, dicindo que: “o Goberno tiña como obxectivo prioritario acometer a reforma xeral da demarcación e da planta xudicial... pois a actual estrutura organizativa e territorial non é a máis adecuada a realidade actual, tratando agora de dotala de outra máis flexible, inspirada en criterios de racionalidade e eficiencia”.
 Contestamos en 11 de Abril de 2012, aportando documentación antiga para acreditar o dereito histórico de Ribadeo, que desde 1832-34 xa estaba implantado como Partido Xudicial no Reino de España. Axuntouse documentación de Expurgos Ordinarios e Extraordinarios que se levaron a cabo nos Xulgados de Primeira Instancia Municipais e Comarcais desde 29-Maio-1911 ata 1932, polo que só restaban cartafoles desde 1933 ata 1965 do Xulgado de Ribadeo, no Arquivo do Xulgado de Mondoñedo, en perfecto orden cronolóxico. (Nota: os Expurgos consistiron en levar todo canto legajo de papel había nos arquivos dos xulgados, entre certas datas, para reciclar o papel para publicacións do Ministerio de Xustiza. O 2-Xullo-1963 cargábanse en Lugo 3808 kg destes papeis. Non é de estrañar, por tanto, que en Galiza, ou en Ribadeo, esteamos tan escasos de documentación histórica. Fana desaparecer). Nós desde “O Tesón”, para acreditar a antigüidade do noso Xulgado, mandamos fotocopia do Folio 59 do Libro I, da Lista de Barcos e Embarcacións da Axudantía ou Capitanía Marítima de Ribadeo, correspondente a Fragata Casas, onde consta que en 1861 e 1869, se fixeron dilixencias e tramitacións xurídicas para o armador deste barco, desde o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo.
 Dª Isabel Tarazona Lafarga, contestounos o acuse de recibo a 8-Maio-2012, e dicíanos o respecto que “1) A implantación do Xulgado implicaría a creación, mediante lei, dun novo Partido Xudicial. 2) O Goberno pretende unha reforma xeral da organización da xustiza a fin de que sexa máis racional e eficiente. Para levar a cabo dita reforma o Consello de Ministros nomeou unha Comisión Institucional constituída por membros destacados dos distintos colectivos que colaboran coa administración de xustiza. 3) O tema proposto ha de ser estudado e valorado de acordo os criterios da mencionada Comisión”.
  Desde “O Tesón” contestamos o 23-Maio-2012 a Dª Isabel Tarazona dándolle as máis expresivas grazas polas súas dilixencias, e demos copia do tramitado a tódolos partidos políticos da Corporación Municipal e quedamos a espera da resolución da antedita Comisión. Para rematar, non debemos esquecer que o Partido Xudicial e moi importante para Ribadeo pois determina a sede e a demarcación dos xulgados, así como tamén, antigamente foron, os que determinaban aos Deputados Provinciais e moitas outras entidades e asociacións, distritos electorais ou demarcacións de contribucións e servizos. A día de hoxe a Asociación de Veciños “O Tesón” está desaparecida, e polo que parece para este asunto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, a Corporación Municipal tamén está desaparecida. Como se sole dicir: “¡veciños, éche o que hai!”, pero se non se pelexa polos dereitos que temos, ninguén nos los vai traer a casa.

20160911

Domingo nas catedrais, fotos e máis

Pasou o #5000 (recén), pasaron as festas (case) e a vida continúa. Algo que pode verse nas catedrais como en outros moitos lugares menos representativos. Pode verse hoxe mesmo na web feita para iso que as catedrais necesitan permiso hoxe, domingo 11 de setembro, para ir a darse unha volta por alí. Hoxe era baixamar pouco antes das seis e media da mañá, mais, como se pode ver nas fotos, aínda pasadas ás 9 podíase acceder ós arcos. Sen restricións: alí non había máis que o encargado dos baños, e non as houbo polo menos ata as 10 e media, con marea que xa non permitía acceder a pé ó baixo dos arcos. Non sei os pases máis que habería que contabilizar: a iso das 9 da mañá podía haber na praia unhas 20 persoas, e houbo xente dende o amencer. Por sorte, ninguén tiña pinta de vándalo, e os descoidos non pasaban de mollar os pés cunha vaga imprevista. Iso si, a auga segúa fluíndo preto das escaleiras, e noutro entrante, un poste da barandilla pendía do cantil.
 Co Sol de fronte

 A praia, aparentemente baleira
O can sobre a area, co dono detrás.
Refrexos.

O mar brumoso.
Bañados polo sol entre as sombras.
Tamaño natural, coa bruma ó fono.
Porta ao norte (Illa de Xan Galo).